martes, 28 de maio de 2024

ROSARIO ROMERO, A MESTRA DA ESCOLA DE NENAS DE ARTEIXO DESDE 1925 ATA 1936

 Nacida na parroquia de San Marcos de Corcubión o 6 de setembro de 1891, María del Rosario Manuela Romero Abella era filla do fisterrán Manuel Romero Castro, un dos pioneiros da fotografía na Costa da Morte, e da corcubionesa Dolores Abella Recamán. Os primeiros anos da nosa protagonista transcorren entre os cheiros do polvo de magnesio do estudio fotográfico e os flashes da cámara de seu pai, que en 1902 se asentara a traballar en Corcubión. Nesta vila a familia ía residir ata 1910, que foi o ano no que mudaron de domicilio e marcharon a Cee.

Rosario Romero (www.nomesevoces.net)
 
  Naquela altura Rosario xa tiña moi claro que o seu futuro era a docencia e tres anos máis tarde, en 1913, supera na “Escuela Normal de Maestros de Pontevedra” os exercicios de reválida, que a capacitaban para a carreira de Maxisterio cunha calificación de sobresaliente, obtendo en 1916 o título de “Maestra de Primera Enseñanza Elemental” con idéntica cualificación. Co título na man, e previa oposición, Rosario Romero non tarda en adquirir en propiedade a “Escuela Nacional” de Padreiro (Santa Comba), na que estaría ata 1918, ano no que se traslada por permuta á de Santa Sabina, no mesmo municipio do Xallas. Alí permanece algo máis dun lustro, ata que obtén, polo chamado cuarto turno, a propiedade da “Escuela de Niñas” de Arteixo, localidade na que empezaría a impartir clases en setembro de 1925.

     Poucos meses despois da súa chegada ao concello arteixán Rosario convertese na prometida do sarxento e secretario xudicial Ciriaco Ortega, nova que recollía o número 311 da revista Vida Gallega, correspondente ao 20 de xullo de 1926, dicindo que...Ha sido pedida la mano de la virtuosa y culta maestra nacional de Arteijo señorita María del Rosario Romero Abella, para el bizarro sargento del regimiento de Isabel la Católica y secretario judicial don Ciriaco Ortega González, de distinguida familia burgalesa. Entre los novios se cruzaron regalos. La boda se celebrará el próximo mes de agosto”.

     E, chegado ese mes de agosto, a Revista Alborada informaba do casamento da parella en Corcubión, vila na que os proxenitores de Rosario estableceran de novo o seu domicilio no ano 1921 trala apertura dun estudio fotográfico que seu pai Manuel instalara no campo da Igrexa: En la parroquial de esta villa, se ha celebrado el enlace matrimonial de la encantadora señorita Rosario Romero Abella, distinguida maestra de Arteijo, con el pundonoroso sargento de esa guarnición, don Ciriaco Ortega González, siendo apadrinados por el padre de la novia don Manuel Romero y por su bella hija Ángeles y firmando el acta como testigos de la contrayente don Francisco Esmorís, médico de Finisterre, don Cándido Trasande ilustrado maestro de Arteijo, y don Manuel Recamán y por parte del novio don José Carballo, médico de Arteijo, don Simón Salvadores y don Juan González».

     Ciriaco Ortega e Rosario Romero, que contaban no seu domicilio da Baiuca coa axuda de Dolores Martínez Martínez, muller natural de Santa Comba nacida en 1900 que traballaba no fogar da parella como criada, ían ser pais de tres fillos que nacerían e serían bautizados na parroquia de Santiago de Arteixo: José Luís, nacido no ano 1927; María del Socorro, que viñera ao mundo en 1928, e María del Rosario, nacida o 5 de xuño de 1931 e que tivo de padriños a seus tíos Francisco Mazariegos, empregado do Banco Pastor e Presidente do Sindicato da Banca da Coruña naquel intre, e Mercedes Romero, irmá de Rosario e mestra da escola herculina de Monelos. Curiosamente, unhas semanas antes do bautizo de María del Rosario, o 14 de abril, proclamárase a II República e, tan só tres días despois, Manuel Romero, o pai da nosa protagonista, era nomeado alcalde da vila de Corcubión, cargo que ocuparía desde o 17 de abril de 1931 ata o 5 de xaneiro de 1933. 
 
   
Alumnado de Arteixo no Eusebio da Guarda da Coruña con Rosario Romero e María Barbeito (www.nomesevoces.net)
 
 Aqueles eran días felices para Rosario Romero. A chegada da República significara para ela un raio de esperanza para mudar certas cousas, un soplo de aire fresco que lle outorgaba novos folgos para levar a cabo o seu pensamento no mundo da educación. Muller de esquerdas confesa, o seu republicanismo acentuaríase no período no que María Barbeito fora nomeada Inspectora de Zona e visitaba, como tal, o municipio arteixán. Naquela hora, o que desde a Lei Moyano (que fora o fundamento do ordenamento lexislativo no sistema educativo español durante máis de cen años) era coñecida como “Junta Local de Instrucción Pública”, durante esta nova etapa da II República pasaría a denominarse como “Consejo Local”, no que os mestres xogarían un papel determinante. Rosario ocupa, nesa altura, o cargo de Secretaria do devandito “Consejo Local” do concello arteixán, mentres que o Presidente do mesmo era Antonio Platas Reinoso, mestre de Lañas co que Rosario formaría, xunto a José María Vázquez Blanco, mestre de Sorrizo, unha sinfonía perfecta durante aquela fermosa etapa da súa vida na que organizaron eventos como o que publicaba La Voz de Galicia o 16 de xuño de 1932:

Siguen celebrándose con éxito las Misiones culturales organizadas por el Consejo Local de Primera enseñanza de este Ayuntamiento (Arteixo). La del domingo 12 del corriente tuvo lugar en la parroquia de Larín. En ella desarrollaron sendas conferencias ante numerosa concurrencia de ambos sexos los maestros nacionales don Manuel Fernández y González, de Larín; don S. Campo Renedo, de Monteagudo y don Antonio Platas Reinoso, de Lañas, quienes trataron respectivamente de “Cultura y Misiones Pedagógicas”, “Estudio de los vegetales y sus aplicaciones a la Agricultura” y “Concepto de la libertad, derechos y deberes”. Los tres temas gustaron mucho y sus disertantes supieron cautivar al auditorio, uniendo a la sencillez el fervor y la elocuencia. En un intervalo de descanso, el maestro de Lañas leyó también unas poesías escogidas, de Rosalía de Castro, que fueron muy celebradas por la concurrencia. La falta de tiempo impidió que hiciesen uso de la palabra, como era su propósito, don Manuel Freire, maestro nacional de Barrañán y don Ciriaco Ortega, joven y culto sargento retirado esposo de la Secretaria del Consejo señora Romero, ambos axistentes al acto. El público quedó muy satisfecho, deseando que tan gratas visitas se repitan muchas veces”.

     Coa victoria da coalición de esquerdas Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936, Rosario Romero incrementaría en Arteixo a súa actividade política a través do consello escolar, procurando gañar adeptos para a coalición entre os seus compañeiros de profesión. Para tal fin, xunto a Platas Reinosa, traballa arreo na organización de actos como o celebrado na vila do Bolaños o 14 de febreiro do 36: o “Comité Electoral de los Maestros de Izquierdas”.  
 
   Mais todo ía cambiar de xeito abrupto en pouco tempo. O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 e a posterior crueldade da represión de Franco poñería fin aos soños da mestra de Arteixo levando, como a tantas outras, a desgracia á súa familia co asasinato de seu cuñado Francisco Mazariegos Martínez, Presidente do Sindicato da Banca e militar retirado, a quen os falanxistas mataron en Punta Herminia o 31 de agosto de 1936. Meses despois, cando a súa viúva Mercedes, a irmá de Rosario que era mestra no barrio de Monelos da Coruña e membro do Sindicato Provincial de Maestros, do cal fora Presidenta, facía os preparativos para fuxir a América con María Luísa e Enrique, os seus fillos de 4 e 3 anos, varios falanxistas detivérona a poucos metros do domicilio de súa sogra, na herculina praza de Santo Domingo, para paseala a continuación nas cercanías da Costa da Sal, lugar no que foi violada e torturada atrozmente cortándolle os peitos antes de que a asasinaran a balazos. Posteriormente atoparían o seu cadáver no pozo da ponte da Castellana de Aranga, sendo inscrita no libro de defuncións de Aranga con data de 19 de novembro de 1936. Mercedes Romero sería identificada e enterrada na fosa común do cemiterio de Vilarraso o 12 de febreiro do ano seguinte.

     
Mercedes Romero (www.nomesevoces.net)

     A represión franquista tamén se ía cebar con Manuel Romero Castro, o pai de Rosario, que foi multado con 2500 pesetas por ser alcalde republicano e tamén coa mestra de Arteixo que, seguramente polo feito de estar casada co sarxento afín ao réxime Ciriaco Ortega, non correría a mesma sorte que súa irmá Mercedes e só sufriría a pena de depuración político-social do “Magisterio Nacional”, que a “castigaría” en agosto do 36 cun traslado forzoso á Escola de As Antes, na parroquia de San Vicente de Arantón (Santa Comba), sendo destituída de emprego e soldo aos 15 días do seu forzoso destino.

     Rosario e o seu marido, que se fixeron cargo durante un tempo dos seus sobriños orfos María Luísa e Enrique, ao rematar a Guerra Civíl trasladaron a súa residencia a Santiago de Compostela, cidade na que Ciriaco Ortega, xa ascendido a Teniente de Infantería, empezara a traballar como Secretario do Xulgado número 2. O home da ex mestra de Arteixo sería premiado de novo polos seus superiores catro anos despois, nova da que daba conta o xornal El Compostelano do 5 de marzo de 1943 informando que...Nuestro buen amigo y convecino el inteligente teniente de infantería don Ciriaco Ortega González, que presta sus servicios como secretario del Juzgado número 2 de esta Plaza, acaba de ser ascendido a capitán, confirmándole en el cargo”. Meses despois de aquel ascenso, o 13 de outubro, o matrimonio volve a sufrir un duro pau ao morrer o seu fillo maior José Luís con tan só 16 anos.

     Tres anos máis tarde, en 1946, Ciriaco é ascendido a Comandante de Infantería. Naquela altura, a ex mestra de Arteixo aínda continuaba suspendida de emprego e soldo, “castigo” que ía durar ata o 15 de setembro de 1948. Cumprida a depuración político-social do franquismo, o último destino de Rosario como mestra foi a Escola de Catoira, lugar onde se xubila o día 6 de novembro de 1961 para dedicarse posteriormente ao disfrute da vida familiar e dos momentos agradables que lle farían pasar, ata os seus últimos días, os seus netos Josechu, o fillo de Rosario, e a máis nova Charín, a filla de Socorro, unha nena que nacera en Compostela en 1969 e que case medio século despois, no 2013, faría correr ríos de tinta por asasinar, xunto ao seu ex marido Alfonso Basterra, a Asunta, á filla adoptiva de ambos. Como podedes imaxinar, estamos a falar de Rosario Porto!
    
     Mais voltemos ao pasado. Sobre o bautizo de Charín, o xornal El Pueblo Gallego recollía na súa sección de sociedade do 26 de xullo dese ano a seguinte información: “En la iglesia parroquial de Santa Susana, recibió las augas bautismales la hija recién nacida del abogado y profesor de la Universidad don Francisco Porto Mella y de doña María del Socorro Ortega Romero, profesora de la Universidad. La nueva cristiana a la que le impuso el nombre de María del Rosario fue apadrinada por don Ciriaco Ortega González, comandante de Infantería y doña María Porto Mella de Iglesias, abuelo y tía de la neófita respectivamente”.

Francisco Porto e Socorro Ortega (El Correo Gallego)
 
  Charo, a única filla de Francisco Porto, avogado e cónsul honorario de Francia, e de Socorro Ortega, ía perder durante a súa infancia a seus avós maternos Ciriaco e Rosario, que faleceron respectivamente en Santiago o 29 de setembro de 1976 e o 7 de decembro de 1982. Posteriormente, despois de facer o bacharelato no Instituto Rosalía de Castro, no centro da cidade compostelá, licenciase en Dereito en Santiago e ampliaría os seus estudos en universidades británicas e francesas. En 1992 Charo comezaba a súa relación con Alfonso Basterra, que chegara de Bilbao a Compostela a finais dos oitenta, e a quen coñecera dous anos antes a través dunha amiga común. Tras case un lustro de noivos, danse o "si quero" e pouco despois, en 1996, a neta de Ciriaco e de Rosario herda de seu pai a representación de Francia na capital galega, un consulado honorario no que estivera ao fronte Porto Mella durante máis dun cuarto de século.
 
     No 2001 Asunta (o seu nome orixinal era Yong Fang) chegaba ás vidas de Rosario Porto e de Alfonso Basterra. Aquel bebé de poucos meses fora a primeira nena china adoptada en Santiago, un acontecemento que lles dera a notoriedade que sempre lle gustara a Charín ao ir contando a súa experiencia en diversos medios de comunicación, unha muller que dez anos máis tarde, o 13 de decembro do 2011, vía como súa nai María del Socorro Ortega Romero, profesora xubilada de Historia do Arte da Universidade de Santiago nacida en Arteixo en 1928, falecía repentinamente na súa casa de Compostela. Encontraraa o seu marido, o avogado Francisco Porto Mella, que sete meses despois aparecía tamén sen vida no mesmo domicilio, unha dobre perda que causaría unha gran conmoción na familia e no seu contorno.

     Trala morte de seus pais, Charo decide pór fin á súa relación con Basterra, aínda que ambos convivían algunhas temporadas coa nena. E chegamos ao fatídico 21 de setembro de 2013, que foi cando os pais adoptivos de Asunta denunciaron a desaparición da súa filla na tarde-noite dese día. A historia posterior do acontecido é sobradamente coñecida, unha historia que volve a estar de actualidade coa estrea da miniserie de Netflix "El caso Asunta" que protagonizan Candela Peña e Tristán Ulloa. 
 
  As voltas que dá a vida!
 
  Se Rosario Romero levantara a cabeza...

martes, 21 de maio de 2024

A FESTA DOS MAIOS E A SÚA CELEBRACIÓN EN ARTEIXO


A Festa dos maios é a festa da primaveira, ben sexa da súa chegada, ben do seu trunfo. Siñifica o reverdecer das prantas, o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do hourizonte e coller altura e forza (Vicente Risco)

Coa chegada do mes de maio, os maios saen ás rúas dos nosos pobos e cidades. Pero, ¿cal é a orixe destas construcións de madeira totalmente cubertas de follas, flores e outros adornos que conmemoran a chegada do bo tempo? Contámolo nas Crónicas de Arteixo desta semana.

Qué son os maios e as "Festas dos Maios"

As "Festas dos Maios" celebran o final do inverno e a chegada da primavera coincidindo co inicio do quinto mes do calendario. ¿E como o celebramos en Galicia? Pois a base de enxeño, cor, e, como non, cun chisco de retranca.

Os maios son figuras de madeira adornadas con froitos e flores. Nas “Festas dos Maios” estas figuras desfilan polas rúas ao tempo que se recitan coplas, breves composicións xeralmente de carácter satírico e crítico coa actualidade que se entoan acompañadas do ritmo de dous paus (a forma máis tradicional), doutros instrumentos ou do son de elementos típicos galegos, como as cunchas de vieira.

Historia da "Festa dos Maios"

A orixe desta exaltación da natureza ao comezo da primavera remóntase ás civilizacións prerromanas e a tradicións de orixe celta. Dentro da gran diversidade de opinións existentes, hai quen considera que estas manifestacións teñen a súa orixe en tempos prehistóricos. E tamén hai quen sitúa o seu inicio no mundo greco-romano e nos cultos a deuses/as como Ceres (a deusa romana da agricultura) ou a Maia (deusa da primavera para gregos e romanos). Pola parte celta, as miradas diríxense cara a festividade de Beltane, que marcaba o inicio do verán pastoral cando os rabaños de gando eran levados cara aos pastos de verán e ás terras de pasto das montañas. De aí a adoración dos fenómenos terreais: terra, mar e aire.

O cristianismo ía asimilar multitude de festas pagás profesadas con anterioridade á súa implantación en festas relixiosas: a maioría destas pasaron a ser festas na honra á Virxe María.

Celebracións e tradicións da primavera en Galicia

O que sí parece claro é que a celebración dos maios popularizouse e revitalizouse en Galicia conforme a agricultura gañaba importancia, coa proliferación de múltiples celebracións populares encamiñadas a conseguir boas colleitas e afastar perigos e malas épocas para o campo. Deste xeito, realizábanse e exhibíanse arcos e cruces de flores ou celebrábanse festas agrarias como a de “alumear o pan”, popular nas rías de Arousa, Noia e Muros. Entoábanse, ademais, cánticos reivindicando as boas colleitas arrededor dunha fogueira ou mentres se percorrían campos sementados. Pero, de entre todas as celebracións, a que máis pegada deixou en Galicia son os maios.

As figuras dos maios

Os maios son estruturas de madeira compostas a base de paus, varas e canas que, ademais, contan con complementos e adornos como plantas, musgo ou flores, e mesmo alimentos, como ovos ou froitas. En calquera caso, todos os elementos que se utilicen deben ser naturais.

 

1º Premio da Festa dos Maios de Ourense do ano 1917 (José Pacheco)

Estos son os elementos básicos dos chamados maios figurativos, os máis habituais na actualidade, e entre os que diferenciamos dous tipos de figuras: típicas ou tradicionais (son as máis antigas e xeralmente ten forma de pirámide ou cónicas) e artísticas (cun estilo máis libre e moderno, do que se valen para representar actividades domésticas ou monumentos emblemáticos). Moito menos numerosos, e hoxe prácticamente desaparecidos, tamén temos os maios humanos, con maior presenza na zona norte de Galicia e na provincia de Lugo. Os nenos e as nenas son quenes exercen de figuras portadoras de follas, flores e demais elementos destes maios.

As coplas das "Festas dos Maios"

Non hai maios sen coplas. Poden ser alegres e primaverais, referidas á bonanza e exaltación da estación que chega, ou mordaces e satíricas, dispostas a sacar punta a temas e personaxes de actualidade. En todo caso, as máis imaxinativas e logradas adoitan ter premio, xa que hai moitas localidades que organizan certames e concursos para escoller e premiar ás mellores, nas que se valora, por exemplo, a retranca, a composición, o ritmo ou a interpretación. Algunhas destas coplas repártense en vivo entre os propios asistentes e outras imprímense en formato libreto. Nalgunhas localidades, como Portomarín e Lourenzá, tamén contan con composicións tradicionais específicas para os maios, que se repiten ano tras ano.

Aí vén o maio pola porta de arriba,

aí vén o maio de roubar unha mantilla,

aí ven o maio pola porta de abaixo,

aí vén o maio de roubar un refaixo”.

 

Eu pedinlle o maio a un cabaleiro,

moita bambolla e pouco diñeiro”.

 

Señoras e señores poñan atención,

que imos falar do Sr. Gobernador.

Nin é alto, nin é baixo, nin é malo, nin é bo,

parece un reló parado dentro da Diputación”.

 

A tradición dos maios en localidades de Galicia

Os maios tiveron e teñen toques diferenciados en moitas das nosas localidades. En Santiago de Compostela, eran habituais os que imitaban as vestimentas dos peregrinos. En Marín, como vila mariñeira, triunfan as figuras en forma de barco. Noutras zonas costeiras, como O Barbanza, máis alá dos tradicionais desfiles, é costume colocar ramas de xesta nas portas das casas ou nos vehículos. En Verín xuntan os seus maios tradicionais en lembranza do precursor Enrique Gómez Pato, que nos anos 50 percorría as rúas da vila con improvisadas esculturas de madeira cubertas de flores.

Na actualidade, a "Festa dos Maios" vívese de xeito moi especial nas provincias de Ourense e Pontevedra, onde aos maios e ás súas coplas lles acompañan a música e outras moitas actividades que conforman unha festividade do máis alegre, colorida e participativa. En Pontevedra teñen moita sona a Festa dos Maios de Redondela e de Vilagarcía de Arousa. En Ourense, a Festa dos Maios supón unha das maiores tradicións a celebrar xunto co Entroido. De feito, trátase da única zona da xeografía galega donde esta festividade está declarada pola Xunta de Galicia como Festa de Interese Turístico desde 2001.

 

2º Premio da Festa dos Maios de Ourense do ano 1917 (José Pacheco)

Os Maios en Arteixo

En 1993 foi recuperada polo Concello de Arteixo a Festa das Flores, unha celebración que naceu nun ámbito privado pero que se enmarca, sen dúbida algunha, dentro da tradición mariana e nos ritos máis profanos de exaltación da primavera. Nesa época traballouse para que en Arteixo se confeccionasen alfombras florais, actividade relacionada durante anos coa congregación local “Las Hijas de María” e que aínda se conserva hoxe grazas á Asociación Cultural Mariana (aquí tedes máis información da Festa das Flores e de “Las Hijas de María”: http://cronicasdearteixo.blogspot.com/2024/05/a-festa-das-flores.html).

Aínda que é, coma xa queda dito, un festexo máis arraigado á zona sur de Galicia (Ourense e Pontevedra), en Arteixo existen importantes vestixios coas alfombras e arcos florais impulsados pola Asociación Mariana, que a día de hoxe segue a traballar activamente para manter a súa tradición. Por tal motivo en 2013, a Concellería de Cultura considerou que se podía dar un paso máis na posta en valor das nosas tradicións antergas promovendo, mediante un concurso, a elaboración de Maios para expoñer na rúa na Festa das Flores. Baixo o impulso da concelleira Celina Varela, a finalidade do Departamento de Cultura era difundir así unha costume onde se poñen de manifesto os valores de cooperación, de respecto á natureza e de celebración compartida, ademais de fomentar a creatividade e o goce polo artístico.

Así pois, no ano 2013 o Concello de Arteixo aprobaba o gasto por importe de 3.000 euros para premiar á excelencia e a participación con cargo á ampliación orzamentaria e, ao pouco, convocaba por primeira vez un concurso de Maios como unha actividade máis no mes das Flores. Para incentivar a participación, o Departamento de Cultura encarga, dende aquela primeira edición, un maio de exhibición a Richar del Toro, profesional da arte floral.

Dende os seus inicios, a actividade ía ter unha gran acollida entre as entidades culturais, educativas e veciñais do municipio interesadas en reproducir e conservar unha das tradicións galegas de maior beleza e vistosidade e respectuosas coa natureza. Co novo concurso dos Mallos, as entidades arteixás tiñan a oportunidade de festexar así, dunha forma responsable e lúdica, a chegada da primavera.

Dende a primeira edición, o concurso celebrado en Arteixo consta de dúas modalidades: maio enxebre e maio artístico.

Maio enxebre é aquel maio tradicional e figurativo que representa pirámides, conos ou cruceiros. As súas medidas deben oscilar entre 1,5 e 2 metros de altura para situar sobre unha base de 2x3 que facilita o Concello. Os materiais a empregar teñen que ser tradicionais: madeira, sacos de esparto, musgo, xestas, uces, carqueixas, carrabouxos, flores silvestres…

Maio Artístico é o que recrea escenas cotiás, monumentos, obras de arte ou a representación libre dos maios, podendo utilizar calquiera tipo de material. As súas medidas deben oscilar entre 1,5 e 2 metros de altura para situar sobre unha base de 2x3 que facilita o Concello.

O concurso, que está regulamentado mediante unhas bases de participación e uns criterios obxectivos de valoración para o xurado actuante, así como aprobar o modelo de inscrición, veuse realizando durante sete edicións consecutivas ata o ano 2019 e retomouse no ano 2023 trala pandemia. Dende o seu inicio algunha base reguladora foise mellorando, como por exemplo o importe dos premios (pasouse dos 300 aos 400 euros outorgados aos gañadores de cada categoría), así como o nacemento dun premio especial para os centros educativos. Ademais cada colectivo que participa recibe 100 euros.

A continuación podedes ver unha pequena síntese dos concursos realizados dende a primeira edición.

2013

Participantes: Escola Infantil Municipal de Arteixo, Escola Infantil Barrionovo, Escola Infantil A Lagoa, CEIP San Xosé Obreiro de Meicende, IES de Pastoriza, A.C. Monte da Estrela, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende e Centro Comercial Aberto.

Premio Mellor maio enxebre dotado con 300 euros a: AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio artístico dotado con 300 euros a: Escola Infantil A Lagoa.

 

Maio da AA.VV. San Xosé Obreiro de Meicende (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio da Escola Infantil da Lagoa (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2014

Participantes: Escola Infantil Municipal de Arteixo, Escola Infantil Barrionovo, CEIP Ponte dos Brozos, AA. VV. Pedra da Salsa de Barrañán, Arteixo Centro Comercial Aberto, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende, EI Arteixo-Pastoriza e CEIP San Xosé Obreiro

Premio Mellor maio enxebre dotado con 300 euros a: AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio artístico dotado con 300 euros a: Escola Infantil Municipal de Arteixo.

 

Maio da AA.VV. San Xosé Obreiro de Meicende (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio da Escola Infantil Municipal de Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2015

Participantes: Escola Infantil Municipal de Arteixo, Escola Infantil Barrionovo, Escola Infantil Pastoriza, Asociación O Jrillo Carniceiro, ANPA Novo Arteixo, AA. VV. Pedra da Salsa de Barrañán, CEIP San Xosé Obreiro de Meicende, CEIP Ponte dos Brozos, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio enxebre dotado con 300 euros a: AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio artístico dotado con 300 euros a: AA. VV Pedra da Salsa de Barrañán.

 

Maio da AA.VV. San Xosé Obreiro de Meicende (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio da AA.VV. Pedra da Salsa de Barrañán (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2016

Participantes: Escola Infantil Municipal de Arteixo, ANPA Novo Arteixo, CEIP Arteixo, CEIP Ponte dos Brozos, AA. VV. Pedra da Salsa de Barrañán, Comunidade de Veciños San Xulián de Barrañán, Escola Infantil Pastoriza, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio enxebre dotado con 300 euros a: “O cruceiro”, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio artístico dotado con 300 euros a: “A galiña”, CEIP Arteixo.

 

Maio "O Cruceiro" da AA.VV. San Xosé Obreiro de Meicende (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "A galiña" do CEIP Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2017

Participantes: AA. VV. Manuel Murguía de Oseiro, CEIP Ponte dos Brozos, Escola Infantil Municipal de Arteixo, Comunidade de Veciños San Xulián de Barrañán, ANPA Novo Arteixo, CEIP Arteixo, AA. VV. Pedra da Salsa de Barrañán, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio tradicional dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “Retama en Flor” de AA. VV. Manuel Murguía.

Premio Mellor maio artístico dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “As catro estacións” de CEIP Ponte dos Brozos.

Premio especial para centros educativos dotados con 300 euros a:

(Nome do maio): “As mellores flores do noso xardín” de Escola Municipal Infantil de Arteixo.
Maio "Retama en flor" da AA.VV. Manuel Murguía (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "As catro estacións" do CEIP Ponte dos Brozos (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "As mellores flores do noso xardín" da Escola Infantil Municicipal de Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2018

Participantes: Escola Infantil Municipal de Arteixo, Escola Infantil Pastoriza, CEIP Ponte dos Brozos, ANPA Novo Arteixo, ANPA O Loureiro, ACR Ría de Sabón, AA. VV. Manuel Murguía de Oseiro, CEIP Arteixo, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio tradicional dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “Primavera” de AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Mellor maio artístico dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “Ao son das ferreñas” de ACR Ría de Sabón.

Premio especial para centros educativos dotados con 300 euros a:

(Nome do maio): “O pozo da auga” de Escola Infantil Municipal de Arteixo.
 
Maio "Primavera" da AA.VV. San Xosé Obreiro de Meicende (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "Ao son das ferreñas" da ACR Ría de Sabón (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "O pozo da auga" da Escola Infantil Municipal de Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2019

Participantes: ANPA Escola de Educación Infantil de Larín, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende, Escola Infantil Municipal de Arteixo, ANPA Novo Arteixo, AA. VV. Manuel Murguía.

Premio Mellor maio tradicional dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “Paipetiques” de AA. VV. Manuel Murguía de Oseiro.

Mellor maio artístico dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “Arquitectura galega” de Escola Infantil Municipal de Arteixo.

Premio especial para centros educativos dotados con 300 euros a:

(Nome do maio): “Maio dos Miudos” de E.I. de Larín.
 
Maio "Paipetiques" da AA.VV. Manuel Murguía de Oseiro (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "Arquitectura galega" da Escola Infantil Municipal de Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

"Maio dos miúdos" da ANPA da Escola de E.I. de Larín (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2020 

Non se celebrou.

2021 

Non se celebrou.

2022 

Non se celebrou.

2023

Participantes: ANPA da Escola de Educación Infantil de Larín, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende, Escola Infantil Municipal de Arteixo, ANPA Novo Arteixo, AA. VV. Pedra da Salsa de Barrañán.

Premio Mellor maio tradicional dotado con 400 euros a:

(Nome do maio) “Larineiro” de ANPA da Escola de Educación Infantil de Larín.

Premio Mellor maio artístico dotado con 400 euros a:

(Nome do maio) “O noso barquiño” de Escola Infantil Municipal de Arteixo.

Premio especial para centros educativos dotados con 400 euros a:

(Nome do maio): “Unicornio” de ANPA Novo Arteixo.
 
Maio "Larineiro" da ANPA da Escola de E.I. de Larín (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "O noso barquiño" da Escola Infantil Municipal de Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "Unicornio" da ANPA Novo Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2024

Os maios participantes na edición deste 2024 serán expostos na Avenida do Balneario o venres 24 de maio, e os traballos gañadores daranse a coñecer ese mesmo día na Praza do Balneario ás 13:00 h. (en caso de choiva, o acto trasladarase para a Capela).

Como anticipo da edición deste ano, aí van unhas imaxes dos agasallos realizados pola artesá de Arteixo Ana Novo que o Departamento de Cultura entregará ao xurado e aos participantes: 

 


Vaia dende aquí o noso agradecemento a todas as entidades culturais, educativas e veciñais do municipio que cada ano manteñen viva esta tradición dende o respecto á natureza fomentando, ademais, a creatividade e o goce polo artístico.