DEVOCIÓN POPULAR

 7 DE XANEIRO. O SAN XIÁN DE BARRAÑÁN E A COMUNIDADE DE VECIÑOS DA PARROQUIA

  A haxiografía cristiá recoñece 33 diferentes advocacións de San Xián ou Xulián, nome que ao parecer provén do latín lulianus e que significa “pertencente a Xulio”, máis concretamente a Caio Xulio César (en latín Gaius Julius Caesar), o gran militar e político romano.

Imaxe do San Xián de Barrañán (Fran Naveira)

   En Galicia, onde na época medieval se utilizaron Giao e Guillao, ademais de Xián ou Xulián, tamén aparecen as variantes de Xiao e Xullán, un santo que é patrón de 122 parroquias, 18 na vigairía de A Coruña: Almeiras (Culleredo), Cela (Cambre) e Sergude (Carral) no Arciprestado de Alvedro; Brantuas (Ponteceso), Coiro (A Laracha), Lendo (A Laracha) e Malpica de Bergantiños no Arciprestado de Bergantiños; Mugardos (Mugardos) no Arciprestado de Bezoucos; Mondego (Sada), Osedo (Sada), Serantes (Oleiros) e Soñeiro (Sada) no Arciprestado de Cerveiro; Carantoña (Miño) e Vigo (Paderne) no Arciprestado de Pruzos; Cabanas (Abegondo), Coirós (Coirós) e Mandaio (Cesuras) no Arciprestado de Xanrozo; e Barrañán (Arteixo) no Arciprestado que conforman as parroquias dos municipios de A Coruña e Arteixo.

 

Imaxe do San Xián de Barrañán (Fran Naveira)

   Os santos con nome de Xiao, Xullán, Xián ou Xuliánis coñecidos en toda a xeografía galega son San Xulián de Brioude ou Vienne, San Xulián de Toledo, San Xulián de Anazarbus, tamén chamado Xulián de Cilicia, Xulián de Antioquia ou Xulián de Tarso, Xulián de Antínoe e San Xulián o Hospitalario. Deseguido, uns apuntamentos sobre eles:

   San Xulián de Brioude ou Vienne, aparece habitualmente con traxe de soldado romano, portando unha espada, e ten a súa festividade o 28 de Agosto. Nacido en Vienne (30 quilómetros ao sur de Lyon, Francia) Xulián era un valoroso lexionario da Sexta Legio Gallicorum que estaba baixo o mando de Ferreol e que, despois de bautizarse, deixou a milicia para vivir coma un anacoreta, dedicándose á oración e a penitencia. Perseguírono por ser cristián e morreu decapitado no ano 304, baixo o imperio de Diocleciano, en Brioude (oeste de Lyon). A súa cabeza, lavada no río Allier, leváronlla ao seu antigo tribuno Ferreol quen, despois de confesar que era cristiá, tamén foi asasinado. Os beneditinos encargaríanse de extender a devoción a San Xulián de Brioude ou Vienne por todo o Camiño de Santiago.

   San Xulián de Toledo, aparece vestido con roupas eclesiásticas, cun báculo e cun libro nas mans. Ten a súa festividade o 6 de marzo. Santo nacido en Toledo no ano 644 e finado na mesma cidade no 690, foi un arcebispo, teólogo, poeta e historiador da Hispania visigoda. Probable descendente de unha familia de xudeus, tivo un papel destacado na sociedade e na Igrexa católica, só comparable ao de San Isidoro de Sevilla. É o escritor máis prolífico da escola toledana e un dos máis importantes de temática relixiosa. Tamén realizou estudos teolóxicos cun depurado estilo literario moi superior ao do seu tempo.

  San Xulián de Anazarbus, tamén chamado Xulián de Cilicia, Xulián de Antioquia ou Xulián de Tarso viste de traxe talar, coa cruz e a palma do martirio. Este santo ten a festividade o 16 de marzo na igrexa católica e o 21 de xuño na ortodoxa. Nacido sobre o ano 231, Xulián iniciouse no rito cristián trala morte de seu pai, un senador romano de crenzas pagás. Detido durante as persecucións do emperador Diocleciano e posteriormente torturado polo gobernador Marciano para que renunciara á fe cristiá, foi esclavo dos romanos durante un ano en diferentes cidades de Cilicia, que era como se nomeaba na antigüidade á zona costeira meridional da península de Anatolia. Na rexión do Exeo, na actual Turquía, o santo foi visitado por súa nai, que engañara aos romanos dicindo que quería facelo entrar en razón. Unha vez dentro e durante tres días, a proxenitora diulle ánimos ao seu fillo para que continuara firme na súa fe. Cando o gobernador chama á nai para saber a resposta, esta atacou ferozmente ao politeísmo dos romanos e, por tal motivo, o gobernador ordeou cortarlle os seus pés ao tempo que ataban a Xulián nun saco cheo de area e de serpes velenosas e o tiraban ao mar. As ondas arrastrarían o seu corpo ata Alexandría, en Exipto, onde foi sepultado por un cristián piadoso. Posteriormente os seus restos foron trasladados a Antioquia, en Turquía, erixíndose unha basílica na súa honra.

  Xulián de Antínoe mártir da mesma época que o anterior e esposo de Basilisa, ambos venerados por diferentes confesións cristiás. Habitualmente aparecen representados os dous xuntos, Xulián con palma de martirio ou espada atendendo a un enfermo, aínda que en moitas das nosas igrexas tamén o podemos ver só. No seu espazo virtual Os Chanzos (https://oschanzos.blogspot.com/), o erudito Francisco Vidal di que, na iconografía galega, aparece vestido coma un noivo da época da Ilustración, con casaca vermella, porque foi mártir, coa pombiña que simboliza a fidelidade e a pureza, e co gorro na man, de cabeza descuberta porque era un home humilde e servicial. Este santo ten a súa festividade o 9 de xaneiro; 8 de xaneiro (para os gregos); 7 de xaneiro (segundo calendarios da liturxia medieval hispánica, como por exemplo, o do Antifonario de León); e o 6 de xaneiro (co grupo formado por Celso, Marcionila, Antonio e Anastasio). Forzado a casarse pola súa familia, Xulián, que fixera voto de castidade, púxose dacordo coa súa muller Basilisa, que tamén quería consagrarse a Deus, e preservaron a súa virxinidade durante toda a súa vida. Ademais, Basilisa fundou un convento para mulleres, do cal foi superiora e Xulián reuniu un grupo de monxes e fundou un mosterio. Ambos converteron o seu fogar nun hospital no que segundo conta a lenda chegaron a atender a máis de mil persoas, feito que provocaría que este Xulián se confunda moitas veces con Xulián o Hospitalario. Basilisa morreu pacíficamente, mais Xulián de Antínoe foi decapitado nas persecucións de Diocleciano. Xunto a el, foron martirizados Celso e Marcionila, fillo e nai, o sacerdote Antonio de Antioquia e o converso e neófito Anastasio de Antioquía. Tamén se di que morreron sete irmáns de Marcionila.

   Xulián o Hospitalario, patrón de cazadores e pousadeiros e protector de viaxeiros que habitualmente aparece na iconografía vestido coma cabaleiro, cunha espada e barca ou, tamén, vestido de cazador, con escopeta e falcón. Ten a festividad o 29 de xaneiro e o 12 de febreiro. Existen diversas versións sobre a vida deste santo nas que se entrelazan motivos de distinta procedencia. Unha das is difundidas conta que, estando un día de caza, Xulián da morte a un cervo que, antes de expirar, lle profetiza que matará a seus pais. Para evitar o cumprimento de tan terrible vaticinio, decide fuxir da casa dos seus proxenitores. Pasado un tempo casa cunha nobre viúva, coa que vive feliz ata que un día, ao volver dunha cacería, encontrou a dúas persoas durmindo no seu cuarto e, crendo que se trataba dunha infidelidade da súa muller, mata á parella coa espada. Mais ao saír da casa, encontrou a súa esposa e Xulián descubriu a terrible verdade: matara aos seus propios pais que, despois de varios anos buscándoo, ao fin deran co domicilio do seu fillo e agardaban a súa chegada descansando na cama de tan longa viaxe. O futuro santo abandonou de inmediato a vida que levaba e, na compaña da súa muller, que non quixo deixalo só, marchou a un illado lugar a facer penitencia o resto dos seus días. Polo lugar pasaba un camiño que desembocaba nun perigoso río que os viaxeiros tan que cruzar. Xulián decidiu facerse barqueiro para axudalos e fundou un hospital co fin de atendelos. Certo día, recolleu a un leproso que se revelou como un ser celestial que lle comunicou que Deus o perdoara. Cóntase que morreu martirizado durante a persecución aos cristiáns do emperador romano Diocleciano a comezos do século IV en Antioquía (actual Turquía) ou, máis probablemente, en Antínoe (Exipto).

   Despois destos apuntamentos sobre os cinco santos, regresamos á nosa contorna, onde San Xulián de Antínoe, o marido de Basilisa, e San Xulián o Hospitalario, lendario protector de viaxeiros, vestido de cazador, con escopeta e falcón, adoitan ser os patróns da maioría das igrexas galegas dedicadas a esta advocación. Non obstante, a orixe de algúns destos templos parece estar en San Xulián de Brioude o de Vienne, militar romano, mártir do século IV xunto con San Ferreol, representado como soldado romano con espada, santo que a partir do século VII diu nome a diversas capelas e mosteiros galegos e da cornisa cantábrica.

   Exemplo desta confusión é o acontecido na cidade de Ferrol, onde a nova igrexa de San Xulián, que reemprazou á medieval situada xunto ao peirao da Cruz en Ferrol Vello, derrubada durante as obras do foso do Arsenal, abriuse ao culto a véspera do Corpus Christi do ano 1772. Poucos anos máis tarde o escultor compostelán Juan Antonio Domínguez tallou o retablo do altar maior, que, segundo Montero Aróstegui, incluía unha efixie de San Xulián, vestido de cabaleiro con casaca, calzón curto, zapatos de fibelas e sombreiro de picos. Durante a visita pastoral que realizou no ano 1786, Francisco Cuadrillero, bispo de Mondoñedo, “mandó se vistiese a la romana” a San Xulián, para evitar o que cría unha fea costume de vestir aos santos de forma pouco axeitada. Mediante esta imposición, reforzada pola posterior importación dunhas reliquias do mosteiro de San Xulián de Samos, oficializouse a San Xulián de Antioquía como patrón da igrexa ferrolá, aparecendo no altar maior da Concatedral da cidade departamental xunto a Santa Basilisa, vestidos ambos de traxe talar, coa cruz e a palma do martirio. Deste xeito o bispo actuou en contra do sentir popular, seguramente máis acertado, que consideraba como patrón de Ferrol a San Xulián de Brioude, compañeiro de San Ferreol. Máis tarde, segundo Leandro de Saralegui, o día de San Xulián do ano 1820 o padre Ouviña, franciscano do convento de Ferrol, puxo en dúbida certos detalles históricos da vida de San Xulián, provocando unha forte polémica, orixinando a protesta do municipio e sumindo de novo na confusión aos feligreses. No ano 1878, segundo Nicolás Fort, o predicador padre Maroto, insistiu na polémica ao negar o padroeiro de San Xulián pola carencia de documentación eclesiástica fiable, levando de novo á indignación dos ferroláns. En referencia ao padroeiro da cidade departamental, ese ano 1786 o daquela Alcalde Maior de Ferrol, Eugenio Álvarez Caballero, estableceu que o día 7 de xaneiro, festividade de San Xulián de Antioquía, se celebrase oficialmente como festa patronal de Ferrol.

   Así pois, sabemos que foi no século XVIII cando a nobreza transformou a iconografía do mártir cristiá nunha nova asociada a esta clase dirixente, para o cal despoxaron ao primitivo san Xulián da súa túnica e vestírono coas súas roupaxes. En moitas igrexas mantívose a pomba que o acompañaba, mais a orixinaria espada do santo daría paso a unha arma de fogo como a que hai na capela da Virxe do Faro de Brantuas, en Ponteceso, onde podemos ver a un San Xulián representado nunha figura de pequenas dimensións que vai ataviada con calzóns curtos, camisa e chaleco, e que leva nas súas mans un trabuco. Esta iconografía do santo nobre non deixa de ser, segundo Alejandro Barral, antigo director do Museo Catedralicio de Santiago, «una reconversión de san Julián, obispo de Toledo, cuya imagen primitiva va acompañada de paloma y lanza, siendo éstos los símbolos propios».

   ¿Sería algún destos casos o acontecido co San Xián de Barrañán?

   É doado imaxinar que antes da talla actual existía unha moito máis antiga, un santo que, con certeza, viron os ollos do Cardeal Jerónimo del Hoyo cando, no nome do Arcebispo don Maximiliano de Austria, realizou unha visita pastoral ao arcebispado de Santiago durante máis de tres lustros (1603-1620), que testemuñou nun extensísimo manuscrito conservado no Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela no que, con relación á parroquia de Barrañán, Jerónimo del Hoyo escribiu o seguinte:

SAN GIAO. JULIAN DE BARRAÑAN

Es aneja esta feligresía a la pasada de san Pedro de Sorriço, tiene diez y ocho feligreses. Los frutos todos al retor que valdrán catorce cargas de todo pan. Presentación de San Martín. La fábrica no tiene renta ninguna. Hay dos ermitas una de San Mamed y otra de Santa Cruz.


Casamento de Chelo Rama e o seu noivo Manolo en Barrañán nos anos 60 no que se aprecia o estado da igrexa naquela altura (Oliva Herrera)


Vistas da igrexa de Barrañán nas festas do Sacramento do ano 2019 (Pepe López)

    A talla actual do San Xián de Barrañán viste roupas propias da Ilustración, un movimento cultural e intelectual, primordialmente europeo, que naceu a mediados do século XVIII e durou ata os primeiros anos do século XIX. O noso protagonista aparece representado coa palma do martirio na súa man dereita e cun libro e unha pomba na esquerda. Podemolo ver con vestimenta dourada na parte alta do retablo, xusto enriba dunha talla da Virxe do Rosario, a quen acompaña unha figura de San Xosé e outra de San Antonio, tres santos que case dobran en tamaño a talla de San Xián. O escritor Francisco Vidal, autor xunto a Rosa Benigna Vizcaya do marabilloso libro Dos fastos ós festexos. Dos antigos mitos á relixiosidade galega (Editorial Toxosoutos, 2009), opina que este pequeno santo de Barrañán é a representación de San Xulián de Antínoe:

   “As festas dos santos e as festas parroquiais veñen xeralmente por unha razón de ser que vén de antigo e, neste caso, coincide na celebración do día 7 de xaneiro. A iconografía deste santo representa a mensaxe que se da a principios de ano, das boas intencións, a pureza… que foi polo que el morreu. O San Xián de Barrañán viste de noivo porque o seu martirio vén a raíz de casar e negarse a xacer coa esposa, de aí a pomba que o acompaña, que representa a pureza. O libro que ten debaixo da pomba está cerrado porque durante o martirio explicaba os evanxeos. Na outra man ten a palma do martirio. Todo isto, xunto coa iconografía e a data de celebración, lévame a pensar que se trata de San Xulián de Antínoe”.

 

Retablo da igrexa de Barrañán (Fran Naveira)

   A imaxinaría, os relevos e as pinturas do retablo do altar foron restaurados recentemente polos irmáns Garrido, especialistas ourensáns que, seguindo as directrices de Patrimonio, levaron a cabo un traballo espléndido que serviu para recuperar un montón de pezas moi deterioradas do patrimonio parroquial e poñelas en valor, unha iniciativa nacida no seo da Comunidade de Veciños de San Xiao presidida por Daniel Martínez Suárez. A inauguración oficial da restauración celebrouse o 14 de xullo do 2019 coa visita do Arcebispo de Santiago, Monseñor Julián Barrio Barrio. Nunha conversa mantida en decembro de 2020 con Daniel Martínez, o presidente da Comunidade explicounos os pormenores da iniciativa e a particularidade do colectivo que encabeza:

   “Esta Comunidade naceu en 1997, a raíz de que rompera a campá da igrexa. Nese momento don Cayetano era o cura da parroquia e despois veu para aquí don Pedro, que, aparte de Barrañán, tamén levaba Lañas e Oseiro. Ao principio pensamos en facer unha confraría, pero finalmente decidimos constituirnos como Comunidade de Veciños para afrontar os arranxos da igrexa. Levo de presidente dende aquel ano. Aquí levamos moitos cartos gastados. Había que tomar unha decisión porque a igrexa estaba caendo. Primeiro arranxamos a campá, despois botouse a placa e a continuación, xa coa Comunidade constituída cos seus estatutos, estableceuse unha cota entre a veciñanza para amañar o falso teito. Hai sete anos que acabamos os arranxos e xa, máis recentemente, tamén se afrontou a restauración de todas as tallas dos santos. Facíalle moita falta. Coa restauración, ata descubrimos que San Xulián tiña bigote. Non sei cantas Comunidades de Veciños hai en Galicia que se fixeran cargo dunha igrexa. O que si che podo dicir é que en Arteixo somos o único caso. Aquí encargámonos nós de todo: da luz, das roupas, limpamos, fregamos e os domingos pasamos o cepillo e encedemos as candeas… iso sí, queda todo aquí, poucas grazas! A festa tamén a organizamos nós, a non ser que haxa un funcionista, que xa hai moitos anos que non é o caso!

 

Procesión do Santísimo Sacramento do ano 2019 (Pepe López)

   Daniel Martínez tamén nos comentou que… “o 6 de xaneiro celebramos o San Antonio e sacamos o santo en procesión acompañado da Virxe do Rosario; ao día seguinte, o día 7, sacamos en procesión a San Xulián coa Virxe do Rosario; o 2 de febreiro celebramos a Candelaria… en Oseiro teñen a Virxe da Luz e nós temos a Candelaria, que a sacamos en procesión ese día co San Xosé; e o segundo domingo do mes de xullo celebramos o Santísimo Sacramento; o día anterior, sábado, sacamos en procesión a Virxe do Carme co San Antonio.

   Xente festixeira a de Barrañán, abofé!


FONTES:

-Foro de amigos de Ferrol (2019): El confuso patronazgo de San Julián de Ferrol. Diario de Ferrol, 7 de xaneiro de 2019.

-Garrido, Santiago (2006): San Julián de Brantuas escolta a las santas con su escopeta. La Voz de Galicia, 18 de setembro de 2006.

-Prego, Pilar (2007): Un escolta con escopeta para la Virxe do Faro. La Voz de Galicia 7 de setembro de 2007.

-Vizcaya, Rosa Benigna / Vidal, Francisco A. (2009): Dos fastos ós festexos. Dos antigos mitos á relixiosidade galega. Editorial Toxosoutos.

 

28 DE XANEIRO. O SAN TIRSO DE OSEIRO E A PROCESIÓN DA ROSCA

  Hoxe, 28 de xaneiro de 2025, na parroquia de Oseiro celebran, como cada ano, a festa do seu patrón San Tirso, santo avogoso, entre outros mesteres, contra as tronadas, e a reuma e os seus perigos, entre eles as dores dos ósos.

   Tirso foi asasinado no ano 251 pola súa fe en Apolonia (actual Turquía) durante a persecución do emperador romano Decio, en latín Gaius Messius Quintus Traianus Decius. Leucio e Calínico foron martirizados con el. A tradición di que Tirso soportou moitas torturas e foi sentenciado a ser serrado pola metade. Mais a serra non penetrou no seu corpo porque se volveu tan pesada que os verdugos non poideron usala. Leucio, despois de reprocharlle ao gobernador Cumbricius, fue colgado e decapitado. Calínico, un sacerdote pagán, converteuse á fe católica despois de ver o martirio de Tirso e tamén foi decapitado.

   As reliquias de Tirso foron levadas a Constantinopla e, andando no tempo, algunhas delas a Francia: Saint Thyrse é o santo titular da catedral de Sisteron nos Alpes da Alta Provenza. No século XII tamén se lle dedicou a igrexa en Châteauponsac. O seu culto fíxose moi popular na península ibérica desde a Idade Media. A igrexa católica celebra a súa onomástica o 14 de decembro e o 28 de xaneiro, aparecendo nos seus atributos cunha serra de man e coa palma do martirio. Na igrexa ortodoxa celébrase o 30 de agosto e o 27 de decembro.

Imaxe do San Tirso de Oseiro

   A de Oseiro é unha celebración que se fai xusto cando o día comeza a medrar, cando empezan a aniñar os primeiros paxaros e florecen as primeiras plantas. Hoxe o tempo non o permitiu, pero habitualmente para tal celebración sacan en procesión, despois da misa e acompañadas por músicos, ao San Tirso e á Virxe da Luz. Diante dos santos van dúas roscas de pan para loar os eidos vizosos de antano que enchían os hórreos da bisbarra e as despensas da cidade da Coruña, eidos sobre os que se asentan, na actualidade, moitas das fábricas do Polígono Industrial de Sabón.

    As dúas roscas, que na realidade son dous ramos popularmente coñecidos como o da nena e do neno, constitúen unha homenaxe verdadeira á natureza e, por iso, hai costume de sacalos tamén o día 2 de febreiro, a festa da Candeloria, o tempo en que casan os paxariños, adianto verdadeiro, no medio do inverno, da degorada primavera.

 

Procesión da Rosca de Oseiro do 28 de xaneiro de 2019

   É tradición que as roscas volvan saír cos músicos o día 3, a festa do San Brais -San Bras como din en Oseiro- e, o domingo seguinte, repártense en anaquiños entre toda a veciñanza, que ata non hai moito cadaquén gardaba durante todo ano na casa.

San Tirso 28 de xaneiro

e San Brais o 3 de febreiro,

as primeiras festas do ano

na parroquia de Oseiro

   A confección das populares roscas de Oseiro atense a un ritual que obriga a amasar o pan sen sal e sen lévedo o día de fin de ano pola tarde, e tiralo do forno antes de que se poña o sol, momento que se anuncia cunha salva de foguetes. Logo, este “derradeiro pan do ano” gárdase na igrexa de Oseiro, lugar no que está exposto ata o día da procesión. Cada unha das roscas colócase nunha pequena armazón de madeira e adórnase con flores e fitas de cores. Ata hai unhas décadas, rodeábase de froitas e doces propios da parroquia, que logo eran repartidos entre os nenos e nenas. Na actualidade substituíronse as froitas e os doces por caramelos.

   É costume que a procesión vaia arredor da igrexa e, antecedendo ás imaxes dos santos, colócanse as dúas roscas, a do neno e a da nena, que logo serán repartidas o domingo seguinte ao san Brais entre todos os veciños e veciñas.

    O pan sagrado de Oseiro consérvase todo o ano sen coller balor, “e deben -segundo nos conta Francisco Vidal no seu espazo virtual Os Chanzos1- comer del persoas e animais para protexerse contra os males, revestíndose así dun caracter apotropaico, que o converte en amuleto contra todo tipo de maleficio”.

   As primeiras roscas das que se ten acordo na parroquia seica as elaborou, antes da Guerra, Manuel Rey Suárez na panadería de Oseiro. Posteriormente, continuaría coa tradición o seu fillo Jesús Rey Riveiro. Co tempo, a encargada da elaboración das populares roscas, sería unha filla de Jesús, Dolores Rey Sande, que as facía coa súa filla María Luísa.

   Dolores, que hai anos que faleceu, é unha das protagonistas do libro “Contos da Coruña” no que esta veciña de Oseiro lle conta ao seu autor, o polifacético Xurxo Souto, o seguinte:

Agora á xente non lle acorda, pero nos tempos de antes cada veciño tiña que poñer un monllo, para a rosca. Un monllo é unha atadura de trigo segado. Despois mallábase na eira do pazo, a carón da igrexa, nunha gran lousa2”.

   Ao pechar a panadería Rey, a panadería de Oseiro na que tantos anos levaban elaborando as roscas a señora Dolores e a súa filla María Luísa, Chacho Rey Sande (irmán de Dolores) sería a persoa encargada de seguir mantendo a tradición, realizando ata a súa xubilación as roscas na súa panadería “La Nueva” de Vilarrodís. Chacho, falecido o 3 de febreiro do 2024, recordábanos con emoción moito antes do seu pasamento os tempos nos que, sendo un neno, lle axudaba a seu avó Manuel Rey Súarez, home sabio de quen xa temos falado nesta bitácora, a facer o ramo de madeira:

Colocábase unha rosca diante e outra detrás e, por iso, parecían que eran dobres. As roscas adornábanse con froitas e, dous días despois do San Brais, cortábanse en tantos anacos como casas había na parroquia e metíanse nun saco. Logo, Ramón de Xelo, que era o sacristán naqueles tempos, era o encargado de repartilos polas casas.

    Cando a sáude lle impediu a Chacho seguir coa tradición, foi o seu fillo Alberto Rey Pérez o que continuou elaborando as roscas, malia que xa hai 15 anos que tivo que abandonar o oficio de panadeiro por motivos de saúde. Con Alberto falamos onte, pouco despois de que colocara no ramo as roscas que cocera a noite pasada. “Este ano -díxonos-, como teño o noso forno en reformas, fíxen as roscas na Panadería Carracedo de Chamín. Con meu pai levaba máis de vinte anos, pero eu só levo cinco facéndoas e espero poder seguir coa tradición moitos máis. Menos este ano, sempre as fixen na Panadería La Nueva de Vilarrodís, que foi onde eu nacín, e para o próximo, se Deus quere, tamén se farán alí en Vilarrodís. Na procesión saen dúas roscas, unha do neno e outra da nena. Polo que me ten contado meu pai, antes lévabanas un neno e unha nena. Nós facemos catro roscas para que cheguen para todos os veciños, cando se corten en cachiños o seguinte fin de semana a San Brais”. Grazas pola túa xenerosidade, Alberto!

 

Roscas do 2025 (Cortesía de Alberto Rey Pérez)

   Xa hai moitos anos que non hai trigo na parroquia mais, con todo, o feito de que se siga honrando o pan, mantendo viva a tradición dos seus maiores, di moito da xente de Oseiro, lugar onde curiosamente o apelido Pan é un dos máis comúns entre as veciñas e os veciños nados na freguesía antes da segunda metade do século pasado, caso de Carme Pan Pan, nada en Froxel en 1913 e avoa materna de quen escribe.

   Así pois, Oseiro segue honrando a súa rosca. Un rito telúrico, como di o amigo Xurxo Souto nos seus “Contos da Coruña”, que nos toca no urdido máis fondo. Testemuño da cultura do pan que tanta importancia tivo na cidade, a terra dos muíños de vento, da praza da Fariña e da rúa Panadeiras3.


FONTES:


-SOUTO, XURXO. Contos da Coruña. Xerais. Vigo, 2007.

-VIDAL, FRANCISCO. San Tirso e a procesión da Rosca de Oseiro. Os Chanzos (oschanzos.blogspot.com)

__________

2 Vid. Xurxo Souto Eiroa (2001): Contos da Coruña, Edicións xerais de Galicia, Vigo, páx. 198.

3 Vid. Ibídem, páx. 199.

 

 

2 DE FEBREIRO. A CANDELORIA DE BARRAÑÁN

  Hoxe, 2 de febreiro, é o Día das Candeas ou da Candeloria, día agardado no que o refraneiro popular indica que é cando casan os paxariños. Un servidor pode dar fe do amor eterno que se prometeron, no xardín da casa, varias parellas de pequenas aves cos seus encantadores píos. 

Pola Candeloria casan os paxariños e maila galiñola”

Pola Candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola”

   O Día da Candeloria ten orixe nos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza, que como a noite de San Xoán, a Semana Santa, o Nadal e moitos outros, acabou por ser cristianizado. Neste caso tratábase do ritual do lume, coas súas virtudes apotropaicas (de afastamento de desgrazas, protectoras).

   Na antiga Roma celebrábase as Lupercais, a festa do lume e na honra da fertilidade. Nesta festa, realizábase unha procesión con candeas acendidas de noite.

   No ano 492, o Papa Xelasio I crea a festa da Purificación da Virxe que é conmemorada o 2 de febreiro. O nome da Candeloria está orixinado pola procesión realizada dentro da igrexa con candeas benditas, festa que substitúe e cristianiza a festa pagá romana e que posiblemente sexa orixe do actual Día da Candeloria. Este día a relixión católica celebra a Presentación de Xesús no Templo, a Purificación da Virxe despois do parto (de aí que hoxe sexa a onomástica das Puras e Purificacións) e a Virxe da Candelaria, advocación mariana aparecida en Tenerife (Illas Canarias) no século XV. Día das Puras e das Purificacións. E mañán, 3 de febreiro, do San Brais...

Polo San Brais, hora e media máis”

   Estamos nunha época na que a luz empeza a vencer ao tenebroso inverno, unha época na que xa se percibe a proximidade dos brotes das plantas que non tardarán en xerminar dando paso a un novo ciclo da nai natureza. É a festa da luz, que é como lle din en Oseiro ao que en Barrañán nomean as Candeas ou a Candelaria.

   Daniel Martínez Suárez, presidente da Comunidade de Veciños de San Xiao, e Manuel Rey Vázquez 'Bareta', os dous xubilados e veciños de Barrañán, recordan con nostalxia os tempos nos que a veciñanza ateigaba a igrexa parroquial polas Candeas. “Antigamente cando nós eramos mozos, tal día como hoxe sacábase en procesión o San José e a Virxe da Candeloria. Hoxe só sacamos a Candeloria porque non vén xente dabondo á igrexa. O San José sacámolo coa Virxe do Carme no verán, polo Sacramento. Antes, polas Candeas, viña moita xente de toda a parroquia de Barrañán, de Arméntón, de Monteagudo, de Chamín… e mesmo se facía unha poxa de carne para as ánimas. A xente traía á igrexa cacheiras, bicos, e patas dianteiras da última matanza do porco, e tamén algunha cunca de barro con graxa derretida”.

   Seica a poxa propiamente dita principiaba no adro da igrexa á saída da misa, que era cando se lle ofrecía a carne ás e os parroquianos para que poxaran por ela. O encargado da poxa era Jesús do Quixeiro. Subíase ao valado e dende alí facía as oportunas operacións. Logo, a persoa que máis ofrecía era a que levaba a peza de carne para a súa casa, quedando os cartos a beneficio das ánimas do purgatorio.

   Daniel e 'Bareta' pensan que en Arteixo “a Candeloria soamente se celebra en Barrañán e en Oseiro, alí chámanlle a Virxe da Luz”. Tamén nos contaron que na súa parroquia “pola Candeloria algún ano ata houbo funcionista que organizou bailes no Salón do Xastre”. Os dous veciños lamentan que se perdan as tradicións mais, con todo, a veciñanza fai o posible por mantelas vivas. “Na nosa casa -afirma Daniel- seguímolo celebrando cada ano e sempre temos festixeiros. Ademais, na parroquia xa levamos varios anos organizando a Festa do Cocido das Candeas.”

   Quen escribe estivo hoxe na igrexa de Barrañán, onde o crego don Juan Ramón bendiciu as candeas que a xente mantivo acesas mentres durou a misa na que se sacou en procesión á Virxe da Candeloria, unha pequena talla de madeira de mérito polo seu estilo e a súa antigüidade. Posteriormente, como di a tradición, a xente levou as candeas para os domicilios pois atribúenselles poderes como calmar as treboadas ou alumear o camiño das almas que deixan este mundo. 

 

Procesión da Candeloria de Barrañán (2 de febreiro de 2023)
Procesión da Candeloria de Barrañán (2 de febreiro de 2023)
 

   Rematamos  polos distintos refraneiros populares galegos que recollen refráns sobre a Candeloria e o seu día:

  • Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.

  • Cando a Candeloria chora a mitá do inverno está fóra; se chora ou ri, o inverno está por vir, e se chora ou fai vento, inda o inverno está dentro.

  • O día da Candelaria, si chora ou venta, inverno entra. E si non venta nin chora, inverno fóra.

  • Pola Candelaria, inverno fóra; se chove ou venta, inda entra.

  • Pola Candeloria, metade do inverno fóra; e se chove e fai vento, metade fóra e metade dentro.

  • Pola Candeloria, mitá do inverno vai fóra; se chora ou venta, inda entra.

  • Pola Candeloria pon a pita vella e a nova.

  • Polo santo Antón toda galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.

  • Que a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a metade está por pasar.

  • Se a Candelaria chora, o inverno está fóra; se ri, aínda está por vir.

  • Se a Candeloria chora vai o inverno fóra; se ri, o inverno quer vir; mais cal chorar, cal rir, medio inverno está por vir.

  • Se a Candelaria empola, o inverno vai fóra.

  • Se a Candelaria chora, o inverno xa vai fóra. Se a Candelaria rí, o inverno está por vir; pero que ría e que cante hai inverno para tras e para diante.

  • Se a Candeloria vén mal o inverno está caroal.

     

    Virxe da Candeloria de Barrañán

FONTES:

VIDAL, FRANCISCO A. (2014): A Candeloria, o Imbaloc e Proserpina.https://oschanzos.blogspot.com/search?q=a+candeloria 

WIKIPEDIA: https://gl.wikipedia.org/wiki/D%C3%ADa_da_Candeloria

 

 3 DE FEBREIRO. A CANDELORIA DE BARRAÑÁN E O SAN BRAIS DE OSEIRO E DE CHAMÍN

  Estamos en febreiro, o mes máis curto do ano, chamado así en honor ás februa nas Lupercais, festival da purificación na Antiga Roma. Os sabinos, un dos pobos antigos que habitaron a Italia prerromana, celebraban a festa anual de purificación que chamaban februa (unha especie de correa) nunha data que hoxe se identifica como o 15 de febreiro.

   Tras a fundación de Roma e o posterior xurdimento do imperio romano, a urbe dominante tomou prestado o nome das festas februas para designar o mes en que estas tiñan lugar, que por aquel entón era o último do ano: o primitivo ano dos romanos tiña dez meses (304 días en total) e comezaba con Martius, dedicado ao deus Marte, que pasou a ser marzo. A lenda fixa no 713 a.C. cando o rei Numa Pompilio, sucesor de Rómulo, engadiu os meses de xaneiro e febreiro para completar o ano lunar (355 días).

    Nas Lupercais, realizábase a festa do lume na honra da fertilidade cunha procesión con candeas acendidas pola noite. Este ritual pagán do lume, coas súa virtudes apotroicas (de afastamento de desgrazas, protectoras) acabou por ser cristianizado. No ano 492, o Papa Xelasio I crea a festa da Purificación da Virxe que é conmemorada o 2 de febreiro como a Candeloria.

   Así pois, o nome da Candeloria está orixinado pola procesión realizada dentro da igrexa con candeas benditas, festa que substitúe e cristianiza a festa pagá romana e que posiblemente sexa orixe do actual Día da Candeloria. Este día a relixión católica celebra a Presentación de Xesús no Templo, a Purificación da Virxe despois do parto (de aí que sexa a onomástica das Puras e Purificacións) e a Virxe da Candelaria, advocación mariana aparecida en Tenerife (Illas Canarias) no século XV.

   Estamos nunha época na que a luz empeza a vencer ao tenebroso inverno, unha época na que xa se percibe a proximidade dos brotes das plantas que non tardarán en xerminar dando paso a un novo ciclo da nai natureza. No Concello de Arteixo a Candeloria celébrase en Oseiro e tamén en Barrañán, unha celebración que nesta última parroquia denominan as Candeas e sobre a cal xa temos falado máis polo miúdo neste espazo.

   E despois da Candeloria, tempo en que casan os paxariños, adianto verdadeiro, no medio do inverno, da degorada primavera, celébrase o San Brais o 3 de febreiro.

 

Procesión do San Brais de Oseiro, 3 de febreiro de 2025

 

Polo San Brais, hora e media máis” 

 

    Polo San Brais, teñen os días dúas horas máis”

     

En chegando ao San Bras

pon pan e viño na alforxa,

que día non faltará”

 

    Polo San Brais hora e media máis

    e se ben contaras dúas encontraras”

     

    Brais de Sebaste, venerado coma san Brais (en castelán Blas), foi un médico e bispo de Sebaste (Sebastensis armenorum), na Armenia (actual Sivas, Turquía), e mártir cristián. Fixo vida eremítica nunha cova no bosque do Monte Erciyes, que converteu na súa sé episcopal.

 

Imaxe do San Brais de Oseiro

   Segundo a tradición, era coñecido polo seu don para sandar de xeito milagreiro, que aplicaba tanto en persoas coma en animais. Conta a historia que unha muller desesperada leva ante Brais, que tiña sona de bo curandeiro, ao seu fillo que estaba afogando ao quedarlle a gorxa obstruída por unha espiña de peixe. O santo prendeu os dous cirios que a nai ofrecera como exvoto na festa da Candeloria do día anterior, e colócaos en forma de aspa para tocar así a gorxa do rapaz que, ao instante, quedou libre da espiña. Esta había ser a orixe do costume de bendicir as gorxas o día da súa festa o 3 de febreiro.

   Achegábanselle tamén os animais doentes para os sandar; porén, non o amolaban mentres estaba a pregar. Cando chegou a Sebaste a persecución de Agrícola, o gobernador de Capadocia, contra os cristiáns (a derradeira persecución romana), os seus cazadores foron na procura de animais para os xogos na area nas fragas de Argeus e viron moitos deles agardando fóra da cova de Brais, a quen detiveron cando rezaba. Agrícola tratou sen éxito facerlle rexeitar da súa fe. Xa na cadea, o santo sandou algúns prisioneiros. Entón o gobernador mandouno matar e botárono nun lago. Porén Brais, de pé sobre a tona da auga (coma o milagre atribuído tamén a Cristo), invitou aos seus perseguidores a camiñar sobre as augas e así demostrar o poder dos seus deuses. Mais todos afogaron. Cando volveu á terra (por orde dun anxo), foi torturado e pendurado dun poste e lacerado con angazos para cardar lá, e finalmente executado, finando o ano 316, na mesma vila de Sebaste, na época do emperador romano Licinio.

    O culto a San Brais íase espallar por todo Oriente, e máis tarde por Occidente. Na Idade Media, chegáronse a contabilizar soamente en Roma 35 igrexas baixo a súa advocación. Venérase na Igrexa Católica o día 3 de febreiro; e nas Igrexas católicas orientais e Igrexas ortodoxas orientais (incluíndo a Igrexa apostólica armenia) o día 11 de febreiro.

  É costume popular invocalo particularmente para arranxar afeccións da gorxa. Simbolízase cunhas candeas cruzadas (a súa festa é xusto o día seguinte da Candeloria); tamén cun cardador de ferro na man (símbolo do instrumento de tortura), cun porco ou cun corno. Na iconografía aparece sempre coa mitra1 e tamén se representa entre María Magdalena e Xoán Nepomuceno.

  O nome Brais é moi común en Galicia, e historicamente a variante Bras era tamén de amplo uso. Considérase padroeiro dos doentes da gorxa (farinxe), e dos otorrinolaringólogos.

San Brais bendito,

cúrame a garganta e o apetito”.


Celebracións en Arteixo

   No noso municipio, cada 3 de febreiro celébrase en Oseiro a festa en honra ao San Brais. Na igrexa parroquial de San Tirso faise unha misa ás 13:00 horas á que acoden devotos dos arredores. Rematado o acto litúrxico, e se a climatoloxía o permite, sácase ao San Brais en procesión arredor do templo acompañado por un grupo de gaitas e os dous ramos dos que falamos a semana pasada nestas Crónicas de Arteixo (podes ver a crónica aquí: http://cronicasdearteixo.blogspot.com/2025/01/o-san-tirso-de-oseiro-e-procesion-da.html). Ao final da misa os devotos compran as típicas rosquillas ao tempo que soa á polvora. E despois toca o xantar, porque ollo, aínda que xa non é como nos tempos de antano, aínda hai festixeiros que veñen comer neste día tan sinalado convidados polos seus familiares de Oseiro.

Procesión do San Brais de Oseiro, 3 de febreiro de 2025

Procesión do San Brais de Oseiro, 3 de febreiro de 2025

   Recordando aqueles tempos do pasado, unha das nosas fontes habituais, José Riveiro Ferrín, nacido nesta freguesía en 1948, contounos que “nas décadas dos 50 e dos 60 facíanse bailes no salón e pista de Casa Figueroa tanto polas festas de San Tirso (28 de xaneiro) como polo San Brais (3 de febreiro), e tamén na fin de semana se non se organizaban en Arteixo. Nestas festas de inverno, á parte das matanzas do porco, tamén se mataban os cordeiros e para tal fin acórdome que viñan recorrendo as casas de Oseiro uns matachíns profesionais. Polas festas, as familias invitaban aos parentes que vivían fóra da parroquia; eran festas moi familiares e mesmo algunha familia pedíalle ao párroco levar ao San Brais dende a súa casa. Facíase unha misa ao lado da casa, ou no baixo, e despois levábase o santo en procesión ata a igrexa”.

 

Procesión do San Brais de Oseiro, 3 de febreiro de 2025. En primeiro plano, portando o pendón, José Riveiro Ferrín

   Chegados a este punto é unha obriga falar do libro Dos fastos ós festexos. Dos antigos mitos á relixiosidade galega, obra da autoría dos amigos Rosa Benigna Vizcaya e Francisco A. Vidal, ambos os dous moi vencellados a Arteixo. De feito, unha das dúas bibliotecas municipais coas que conta a parroquia de Oseiro, neste caso a de Froxel, leva o nome de Francisco A. Vidal. No seu marabilloso libro, os autores dinnos os seguinte sobre este santo:

Paga a pena lembrar que san Brais, o santo do día tres, cando xa ía camiño da prisión, despois de sandar a un rapaciño que se afogaba cunha espiña, obrou o milagre de que un lobo lle devolvese un porquiño a unha muller que tal lle solicitara, nunha época en que aínda tiña forte implantación o culto romano a luperco, o protector contra o lobo, que se celebraba a mediados deste mes. E cando xa o santo estaba na cadea, a muller veulle traer un galano composto pola cachola do porco, as patas, unha bola de pan e unha candea, e o santo, diante dos galanos díxolle que, quen no seu día lle ofrecese tales bens, quedaría libre de mal para o resto do ano. Daí que o pan sexa un elemento que os devotos soen levar a bendicir no seu día, un día grande de culto ó largo do territorio galego, e a quen se invoca contra os males da gorxa, males por outra banda moi comúns nesta época do ano2”.

   Outra das parroquias do noso municipio onde hai devoción por este santo é Chamín, aínda que a dicir verdade xa hai tempo que non se celebra como se facía nos tempos en branco e negro, como así nolo recordaron as irmás Obdulia e Josefa Martínez Gestal: “Antes había misa o propio día de San Blas e despois da misa sacábase ao santo en procesión darredor da igrexa. Nós eramos dez irmáns e o 3 de febreiro celebrabamos na casa o San Blas toda a familia, e así o fixemos ata que morreron os nosos pais”.

Igrexia parroquial de Chamín

   En Chamín tamén falamos con Luciano Palleiro Suárez e con Ramón Nieves Barreiro, os dous veciños do lugar de Santaia. Luciano é fillo de Plácida, que é a señora que nos posibilitou a entrada á igrexa parroquial na mañán do 2 de febreiro. No interior do templo Luciano compartiu con nós algún conto sobre este santo, contos que ten escoitado na casa cando era neno ou mesmo do que foi testemuña. “San Blas creo que foi papa ou bispo. O de aquí de Chamín dicían que era bo para curar os problemas da garganta e, por iso, antes viña moita xente á igrexa para sandar este tipo de doenza. Traían cintas de papel ou de tea e despois de bendicilas colocábanas arredor do pescozo do santo”.

 

Imaxe do San Brais de Chamín

San Blas bendito, cúrame a garganta e o apetito”.

   Pola súa banda, Ramón, mozo na década dos 50, díxonos que “aquí en Chamín antes celebrábanse todas as festas da parroquia o propio día… o san Blas o 3 de febreiro, o san Juan o 24 de xuño e a santa Eulalia o 10 de decembro. Cando don Pedro, que tamén levaba a parroquia de Oseiro, era o cura de Chamín, facíase misa polo san Blas e, ao acabar, sacábase ao santo en procesión darredor da igrexa. Don Pedro era unha persoa moi divertida. Era moi festixeiro e sempre traía a un acordeonista. Ás veces viña un dos da Orquesta Mallo de Feáns. A xente de Chamín estaba moi contenta con don Pedro. As procesións dos santos aínda se seguiron facendo con don Victorino, que tamén era o cura de Armentón e foi o que se ocupou de Chamín cando morreu don Pedro. Con don Victorino tamén se celebraba a Candelaria. Aquí non temos a imaxen desa santa, pero facíase unha misa e encendíase as candeas. Despois de don Vitorino as procesións deixaron de facerse”.

 

Igrexa de Chamín. Arriba, imaxe do San Antonio de Padua e, abaixo, do San Brais.

O día de san Brais a cegoña verás,

si non a ves, inda o inverno vén detrás


______________

1 Gorro alto formado por dúas pezas rematadas en pico na parte superior, utilizado polos bispos, arcebispos e o papa nas cerimonias.

2 Vid. Rosa Benigna Vizcaya/ Francisco A. Vidal (2009): Dos fastos ós festexos. Dos antigos mitos á relixiosidade galega, Editorial Toxosoutos, Noia, pp. 62-63.

 


FONTES:

Rosa Benigna Vizcaya/ Francisco A. Vidal (2009): Dos fastos ós festexos. Dos antigos mitos á relixiosidade galega, Editorial Toxosoutos, Noia.

https://gl.wikipedia.org/wiki/Brais_de_Sebaste

Ningún comentario:

Publicar un comentario