venres, 22 de decembro de 2017

PEPE VELO, "O SABIO DE LARÍN"

      Esta foi unha semana moi emotiva para dous dos adestradores arteixáns máis coñecidos: Arsenio Iglesias e Pepe Velo. Nun acto inesquecible no que a máis dunha persoa, entre elas a que escribe, lle caeu algunha que outra bágoa polas palabras que alí se escoitaron, especialmente as pronunciadas por Luís Alberto Martínez (presidente da peña deportivista de Oseiro La Cuesta), o técnico da Baiuca recibía este martes 19, unha máis que merecida homenaxe no salón de plenos do Concello sendo nomeado con todo merecemento Fillo Predilecto de Arteixo.

Pepe Velo (elnoticierodearteixo.com)
      Uns días antes, o xoves 14, o Centro Cívico acollía a VI Gala Provincial de Fútbol Base que cada ano organizan Áurea 5 e o Concello arteixán, un evento no que, no apartado de traxectoria deportiva, tamén se lle rendeu tributo a Pepe Velo, sen dúbida algunha unha das persoaxes máis significativas no eido do fútbol aficionado coruñés nas últimas décadas.

      Ben sabemos que Arsenio paseou o nome da súa localidade de nacemento por todo o Estado español baixo o alcume do “Raposo de Arteixo”. Caso semellante tamén foi o da localidade madrileña de La Hortaleza, que empezaría a ser coñecida grazas a Luis Aragonés, o chamado “Sabio de La Hortaleza”... mais un momentiño, aquí tamén temos o noso sabio particular, aquí temos a Pepe Velo, “o Sabio de Larín”.

      Nado nesta parroquia arteixá, concretamente no lugar do Piñeiro, o 20 de xaneiro de 1950, Pepe foi durante toda a súa infancia un neno pegado a un pelota, un neno que xogaba ao fútbol cos seus amigos na hoxe altamente transitada estrada AC-552, á altura do actual Bar Milagre, feito polo que seus pais foran sancionados nunha ocasión cunha multa de 50 pesetas da época pola Guardia Civil de Tráfico...”teríamos 10 ou 12 anos e xogábamos alí na estrada co meu balón...dúas pedras de cada lado facendo de porterías e ala, a darlle duro. Cando pasaba algún coche apartábamos uns intres e despois seguiamos co partido. Un día pararon os gardas de tráfico e marchamos todos escopeteados, pero eu voltei á estrada, ao noso “terreo de xogo”, porque esquecera alí o meu “YES”, o balón co que soñaba ser futbolista”.

Velo, futbolista do Larín
      Uns anos despois daquel incidente, Velo ficha nos xuvenís do Laracha. Dúas tempadas alí, nas que ata chegaría a disputar algún amigable co primeiro equipo, darían paso a súa fichaxe no once da súa parroquia de nacemento, entidade na que xogaría coma dianteiro ata o remate da campaña 1969/70, que foi cando o C.D. Larín deixaría de ser durante un tempo, ao igual que outros equipos da contorna, clube federado por mor da imposibilidade de cumplir, dada a importante cuantía económica das obras que había que afrontar, as novas esixencias que a Federación Galega de Fútbol impuxera naquela hora. Trala desaparición do Larín, Pepe ficha no Atlético Arteixo, que sería a entidade na que o noso protagonista poñería fin á súa traxectoria como futbolista federado para adicarse á Psicoloxía que, xunto á diplomatura en Traballo Social, foran as carreiras que cursara.

      No verán de 1975, ao pouco de rematar os seus estudos, o rapaz de Larín chega a Ourense para traballar no Hospital Psiquiátrico de Toén e dous anos despois, en xaneiro do 77, casa en Pastoriza con Lourdes, unha filla de galegos do concello coruñes de Trazo que nacera no municipio leonés de Fabero, na comarca do Bierzo, por ser este o destino do pai como garda civil.

      Tralo casamento a parella establece o seu domicilio en Ourense, onde Pepe continuaría varios anos máis exercendo no Psiquiátrico de Toén ao mesmo tempo que Lourdes tamén se gañaba a vida na rama sanitaria traballando como enfermeira no Hospital Provincial, onde un día atende a un pacente que respondía ao nome de Antonio Rodriguez. Na conversa pacente-enfermeira Lourdes cóntalle a este señor que o seu home Pepe era natural da parroquia de Larín, feito polo que a Antonio non tardarían en caerlle algunhas bágoas coa emoción do que estaba a escoitar xa que as casualidades da vida levárano a ser mestre da unitaria de nenos de Larín entre 1952 e 1954. Antonio Rodriguez viña sendo o marido da tan querida escritora ourensá Dora Vázquez, que fora mestra da unitaria de nenas de Larín dende 1952 ata 1967.

      En Ourense, onde nacería David, o único fillo do matrimonio, Pepe seguiría ligado ao mundo do fútbol fundando o C.D. Sanatorio Toén, equipo no que actuaba como capitán e que disputaría varios amigables co seu querido C.D. Larín que, tras unha longa paréntese, volvería a ser equipo federado na campaña 1979/80.

      En 1984 Velo e a súa familia abandonan a Cidade das Burgas e empeza a traballar na Delegación Provincial de Sanidade da Coruña, nunha unidade de saúde mental infanto-xuvenil. Son tempos nos que empezaría a compaxinar a súa actividade profesional coa súa paixón polo fútbol e, deste xeito, faise cargo dos equipos infantil e xuvenil do seu C.D. Larín ao mesmo tempo que realiza os cursos de adestrador de nivel 1 e nivel 2. O pouco tempo libre do que dispoñía nesa altura, xa que a parte da súa actividade profesional tamén estaría dando clases durante seis anos (1984-1990) no departamento de Traballo Social da Universidade de Compostela impediríalle obter o nivel 3 de adestrador, título que sacaría posteriormente.

Velo na súa etapa no Fabril
      Despois da súa extraordinaria labor en San Roque, onde permanecería ata o ano 1990, Pepe ingresaría no Calasanz, un dos equipos punteiros en traballo de canteira na cidade da Coruña. Alí, a súa metodoloxía de traballo empezaría a terse en consideración noutras entidades, entre eles o R.C. Deportivo da Coruña que o acabaría fichando en 1993 para traballar como segundo adestrador no Fabril, o filial do SuperDepor dos Bebeto, Mauro Silva, Fran e compañía. A chegada de Pepe “o Sabio de Larín” ao Fabril coincide cun troco na súa actividade profesional, xa que nese ano 93 empezaría a traballar no Sergas coma xefe de sección de inspección médica, cargo que ocuparía ata a súa xubilación.

Plantilla do Fabril 97-98 con Velo de 2º adestrador
  Velo permanecería seis tempadas como segundo adestrador do Fabril, as dúas primeiras (93-94 e 94-95) en Terceira División formando tándem con José Manuel Corral e as outras catro (95-96, 96-97, 97-98 e 98-99) con Carlos Ballesta en Segunda División B no que tamén estaba Tito Ramallo coma preparador físico. Aquel era o Fabril dos Dani Mallo, Aira, Padín, Viqueira, David, Maikel, Miguel de Vimianzo, o arteixán Adolfo e os laracheses Repi, Javi Fuentes e Carlos “o venezolano”, rapaces que nalgúns casos chegarían a debutar co primeiro equipo e que disputarían dúas promocións de ascenso a Segunda División, a máis lembrada a da campaña 96-97 disputada contra o Barakaldo, o Córdoba e o Elche na que os deportivistas chegaran a derradeira xornada dependendo de si mesmos mais, lamentablemente, acabarían perdendo ese partido en Riazor por 0-1 contra o Cordoba frustándose, dese xeito, o ascenso á categoría de prata do fútbol español.

Pele Velo cos ex deportivistas José Ramón e Fran
      Por aqueles mediados anos 90, “O Sabio de Larín” tamén entraría a formar parte do organigrama da Escola Galega de Adestradores da Federación Galega de Fútbol coma profesor titular de Psicoloxía Deportiva cargo, que, veintedous anos despois, aínda exerce na actualidade.
 
     Rematado o seu periplo como segundo técnico do Fabril, periplo que lle daría a oportunidade de coñecer a moitos futbolistas que acabarían xogando na Primeira División do fútbol estatal, Velo empezaría unha nova andaina ao converterse en adestrador de equipos da contorna como o Paiosaco, o Orzán, o Sporting Universidade da Coruña, o Olímpico de Rutís, o Orillamar ou o Sporting Meicende que, ao remate da tempada 2010-11, foi o clube no que puxo fin á súa traxectoria coma técnico para adicarse, dende entón, ao seu cargo na Escola Galega de Adestradores e ao seu querido C.D.Larín, equipo que preside dende o ano 2014.

venres, 15 de decembro de 2017

A VISITA QUE O PINTOR GERMÁN TAIBO E A SÚA MUSA SIMONE NAFLEUX REALIZARON EN 1918 AO PAZO DE ANZOBRE

     Levaba camiño de ser un pintor excepcional. E foino porque despuntaría cunha precocidade inaudita. Mais a súa morte, acaecida con tan só 30 anos, frustraría unha das carreiras máis prometedoras da plástica galega. Estamos a falar de Germán Taibo González (A Coruña, 1889-París, 1919), un artista que lamentablemente non tería tempo de desenvolver o seu talento mais con todo, nos poucos anos que viviu, tería ocasión de deixar un espléndido legado pictórico, parte do cal podémolo contemplar na actualidade en María Pita, na colección de arte do Concello coruñés, que posúe sete cadros de Taibo, adquiridos un ano despois da súa morte, e no Museo de Belas Artes, que alberga cinco, de distinta procedencia, coleccións nas que son memorables os sensuais espidos femininos, pintados en París e para os que pousou a súa muller, a francesa Simone Nafleux, a súa modelo predilecta.

Autorretrato de Germán Taibo, 1906.
      Taibo pasaría os primeiros anos da súa infancia na Coruña, cidade na que coincidiría con outro neno pintor: Pablo Picasso. Pouco tardaría o noso protagonista en amosar o seu talento para a pintura pois, con dez anos de idade, cando xa deixara a urbe herculina para irse a Arxentina coa súa familia, realizaría un retrato dos seus pais, un carpintero e unha ama de casa que antes de facer a maleta da emigración tiñan o seu domicilio en Santa Catalina.

     Germán encontraría en Bos Aires unha mecenas de orixe francesa que, vendo as habilidades do cativo, decidiría costearlle a súa viaxe e estadía en París e tamén, os seus estudos na considerada como unha das mellores academias do mundo, a Julién, cando o pintor aínda con cumprira os 16 anos. Na capital francesa, onde volvería a coincidir con Picasso, o artista galego percorrería os museos deixándose seducir polo impresionismo que pronto dominaría a súa pintura.

      O seu autorretrato, datado en 1906, e propiedade do Concello da Coruña, mostra xa unhas raras cualidades nun mozo de 17 anos: "Un lenzo revelador dunha destreza no debuxo, dunha sabia entonación das gamas e dunha profundidade psicolóxica que sitúan xa ao adolescente pintor coruñés na vangarda dos artistas galegos", escribiría a crítica.

Autorretrato con bombín
     De acordo co xornalista e crítico de arte herculino Alejandro Barreiro, Taibo permanecería na academia Julién seis ou sete anos. En 1908, logo de casar coa que fora modelo de varios dos seus cadros, Simone Nafleux, realizaría unha viaxe á Coruña, onde entraría en contacto con outros pintores coruñeses mais, con todo, a primeira noticia da produción de Germán Taibo nesa cidade non chegaría ata 1912, cando participou na primeira Exposición de Arte Gallego, con catro obras, entre elas o seu autorretrato de 1906. O pintor non asistiría á exposición ao encontrarse traballando na Costa Azul no cadro que o consagraría cunha medalla de prata no Salón dos Campos Elisios ao ano seguinte na capital francesa, A pastoral, un óleo evocador da Arcadia feliz, que forma parte da compra que fixo o Concello coruñés en 1920 ao pai do artista.

      Tras expor a súa obra en 1916 no Palace Hotel de Madrid cun grande éxito da crítica, de xeito especial a de Wenceslao Fernández Flórez, e do público, o pintor herculino conseguiría vender varias obras, o que lle reportaría unha suma de cartos que lle permitiu realizar varias viaxes na procura de atopar escenarios para iniciar unha nova etapa, onde a paisaxe pasaría a ser a protagonista da súa obra.

     Un ano despois presenta de novo algunhas obras na segunda Exposición de Arte Gallego na súa cidade natal, aínda que novamente non asiste á mostra por encontrarse pintando en París algúns dos seus lendarios espidos e o conmovedor cadro Morte de Abel, deixando atrás as súas viaxes pola Costa Azul e a Belle-Île, na Bretaña francesa, e as súas obras de recreacións paisaxísticas.

Nu
     En 1918, na plenitude da súa breve carreira artística, leva a cabo os seus dous mellores espidos. Simone, a súa musa, pousa tombada en ambos os cadros, que fan pensar noutros espidos clásicos: a Olympia, de Manet, e a Odalisca, de Ingres. Os dous cadros están na Coruña, cidade á que Taibo regresará ese mesmo ano fuxindo da gripe que arrasaba Francia tras a I Guerra Mundial, acompañado da súa muller e da súa filla, Raimunda. Na Coruña pintaría cadros como A fonte, un recuncho do xardín da Fábrica de Mistos, e tres paisaxes de profunda fondura galega: Souto de Elviña, Piñeiral de Elviña e Piñeiral.

     É precisamente no verán deste ano cando temos noticias de que Germán, Simone e a súa cativa Raimunda viaxan ata Armentón para pasar unha xornada no pazo de Anzobre convidados, xunto a outros persoeiros da Coruña, por Manuel Puga, o popular Picadillo, que fora alcalde da cidade herculina (cargo que xa ocupara en outubro de 1915) logo de que o coruñés Eduardo Dato se convertera en presidente do goberno estatal. Mais a actuación de Picadillo durante a folga xeral do 13 de agosto de 1917, levaríao a ser destituído na semana seguinte, iso sí, recibindo unha homenaxe de 6.000 obreiros sindicados e un pergameo asinado polas 27 sociedades obreiras coruñesas. 

     As informacións daquela tarde do verán de 1918 que pasaron en Armentón o pintor Germán Taibo e a súa familia ofrécenolas o xornalista galego Manuel Barbeito Herrera quen, no número 113 da revista Vida Gallega, cóntanos nun artigo ao que titula Los eidos de Anzobre. Por el camino abrupto algúns detalles daquela xornada, artigo que Barbeito inicia co percorrido que fan os convidados dende A Coruña ata o pazo de Anzobre:

"El sol implacable del mediodía cae á plomo sobre la carretera, ese camino hosco, polvoriento y sin la sombra de un árbol, que se pierde en las montañas de la costa, hácia Carballo. Los caballos arrastran el coche cansinamente, agobiados por el sopor de la hora, y de cuando en cuando un perro ladrador salta enfurecido junto á las ruedas.


     Germán Taibo, el pintor coruñés educado en los estudios de Roma y París y vuelto á la tierra natal después de largos años de ausencia, mira en silencio á los lados de la carretera, un poco sorprendido de la abrupta rudeza del paisaje tan opuesta á la apacible belleza de esos otros caminos que arrancan de la ciudad y serpean entre las frondas de Oleiros, el Burgo, Cambre, Abegondo ó los fértiles valles de Culleredo y de Barcia. Todo es duro y recio, por esta parte. La clara luz de los días de Julio no hace sino poner de relieve cada detalle del paisaje que tiene toda su fiera expresión entre las brumas invernales, cuando el fragor del oleaje cabalga en las alas del huracán.

     Unicamente, á la manera de un óasis, surge la breve y pintoresca lozanía de Pastoriza, con su santuario secular y su montaña que la imagen de piedra hace litúrgica, y más lejos la iniciación de los campos bergantiñanos, en el fondo de los cuales se abre á veces la oscura cadena de montañas para mostrar la maravilla azul coronada de espuma de la legendaria costa de la muerte.

     Frente á nosotros madame Taibo, recogida y sonriente, acaricia los cabellos de su hijita."  

     No artigo publicado na revista Vida Gallega, Manuel Barbeito Herrera tamén comentaba que ... "Y comiendo así, de esta manera escogida y delicada, parece complementaria la conversación sobre las cosas superiores. La emoción nacida de un cuadro de Taibo, por ejemplo, ganaría en intensidad cerca del pavo dorado que nos sirven, decorado por el rutilar del vino de Málaga que da á las copas apariencias de gemas enormes. Hablamos, pues, de los cuadros del artista, de sus luchas, de sus éxitos, de su labor futura. Pero la más bella obra de Taibo no está en su estudio de París ni figuró en la exposición tan alabada por los inteligentes cortesanos.

     La obra más perfecta, la más bella, está frente á nosotros. Se llama Raymonde, tiene seis años, el cabello rubio y los ojos serenos y dulces del color de los lagos bajo los sauces. La niña es semejante á una muñeca extraordinaria con ademanes de persona mayor de una encantadora precocidad. Se ha puesto una dalia en el hombro y aunque apenas entiende nuestro francés de bachiller aprovechado, sonríe amablemente perdonando la torpeza y agradeciendo el esfuerzo de quien intenta hacerse comprender. Y al fin, toda la admiración de los comensales es para la pequeña gallega nacida en París, á quien los alemanes tuvieron unos días prisionera en las orillas del Marne."

   Lamentablemente, uns días despois daquela xuntanza en Armentón, o 30 de setembro, Manuel María Puga Parga, o popular Picadillo, falecía con só 44 anos a cunsecuencia dunha gripe, unha enfermidade que tamén acabaría coa vida de Germán Taibo. O pintor volvera, a finais daquel ano, a París coa súa familia e falecería o 14 de febreiro de 1919 na súa casa da rúa Moulin Vert, quedando enterrado na capital gala. Acababa de cumprir 30 anos e de pintar o seu último cadro, O leñador e a morte.

       Trala morte do pintor, formaban parte do inventario que Simone Nafleux e o pai de Taibo realizaron na casa parisiense 50 cadros, 30 esbozos, 93 estudos, debuxos e apuntamentos, obras que cruzarían o Atlántico para ser expostas, con todos os honores, na Exposición de Arte Gallego de Buenos Aires, despois da cal uns cadros quedarían en París e a maioría serían traídos á súa terra de nacemento xa que o pai do pintor ofreceulle algunhas obras á cidade da Coruña, que finalmente as adquiriu en 1920 por 40.000 pesetas. Boa parte -unha trintena- mostráronse nunha exposición organizada en 1947 pola Academia de Belas Artes. Foi a última e gran ocasión de reunir o legado do xenio interrompido, legado do que forma parte un dos espidos máis fermosos da pintura galega, o da súa muller Simone Nafleux.

Nu de Simone Nafleux
     Os que tiveron a oportunidade de ver o retrato da francesa, de pel moi pálida e cabeleira loura, deitada con sensualidada sobre unhas telas quedaron tan impactados que incluso lle dedicaron un relato, como foi o caso do escritor Manolo Rivas en As chamadas perdidas. Nesta narración Rivas explica que durante o franquismo o arzobispo de Santiago fora de visita ao concello da Coruña e intentaron ocultar esta obra con unhas flores, que se caeron ao chan tras unha corrente de aire. O arzobispo, tras uns momentos de estupefacción, exclamou: "¿Pero por qué tiñan tapada esta gracia de Deus?".


FONTES:

BARBEITO, MANUEL. Los eidos de Anzobre. Por el camino abrupto. Vida Gallega: Ilustración General (Año X, Volumen VI, número 113), 15 de setembro de 1918.
24 de outubro de 2016. 
RIVAS, MANUEL. As chamadas perdidas. Edicións Xerais, 2002.
VILLAR, MARTA. El ayuntamiento muestra sus pinturas. 9 de decembro de 2008. 

xoves, 7 de decembro de 2017

O AVÓ MILIO, O TÍO MANOLO E AMANCIO ORTEGA

     Hoxe vou a contarvos unha historia que escoitei ducias de veces na miña casa e que ten que ver con meu avó Milio, Milio do Touciñeiro, meu tío Manolo e Amancio Ortega, unha historia que transcorreu a mediados dos anos setenta e que xa vos adianto que tamén terá protagonismo en “12 Leiras”, o documental sobre os 50 anos das expropiacións para a construcción do Polígono Industrial no que estou a traballar con Xosé Antón Bocixa.

Imaxe dos anos 70 do tío Manolo con seus pais, meus avós Milio e Carme
     Lembro que naquela altura, despois do verán de 1975, empezara a ir de novo ao parvulario da Groufa, do que xa vos teño falado algunha vez neste espazo. Todo o mundo coñecía aquel lugar co nome da chilena, xa que esa era a nacionalidade de Paulina, a muller que levaba as rendas da gardería na que ía pasar outro ano máis, o último antes de ser escolarizado no colexio público Carrero Blanco.

      Ir alí, impedíame estar co heroe da miña infancia, o avó Milio. Ir alí significaba que xa non tiña alas para voar. Ir alí facíame pensar no mal que o pasara antes das vacacións de verán e, por riba, Manolito Boquete e Juan Capelán, dous dos cativos do Rañal que foran compañeiros de batallas durante o ano anterior, xa non me ían acompañar neste curso, pois empezaran a E.X.B. no colexio de Arteixo. O único veciño que seguía indo comigo á da chilena era Javi Villaverde, que tiña a mesma idade que min e que Josiño Sanjurjo, os tres nados en 1970, o ano no que Pelé gañara o seu terceiro Mundial con Brasil, mais Jose non viña con nós, ía ao parvulario do señor Barbada.

      Non quedaba outra. Principiaba de novo o meu calvario particular, principiaba o meu viacrucis... mais polo medio, estaba a promesa que lle fixera á tía Pura, para min unha auténtica Mary Poppins á que lle dera a miña palabra de que me portaría ben no parvulario. As promesas había que cumprilas!

      Por aqueles días o avó Milio, que aínda lle faltaban uns meses para a xubilación, pasaba moito tempo na Coruña, no negocio de decoración do seu fillo Manolo, que estaba na rúa Noia, moi preto onde vivía a tía Pura e ao carón dun sombrío taller téxtil, propiedade dun tal Amancio Ortega, o mesmo home que uns meses despois empezaría a levantar o seu imperio nalgunhas leiras da Pedreira de Oseiro que lle foran expropiadas aos avós. 

Publicidade do negocio do Tío Manolo. El Ideal Gallego, 12 de abril de 1979
     Para desprazarse ata a cidade herculina, o avó collía o trolebús da empresa Finisterre na parada da Groufa despois de deixarme a min no parvulario da chilena. Lembro que, naquela altura, na que todo o mundo falaba da morte do home que saía nas moedas coas que mercaba os cromos de fútbol, un tal Franco, cando facíamos a pé o quilómetro e pico que había dende O Rañal ata o parvulario, xa andaban por alí as máquinas excavadoras achanzando os terreos onde se construirían Samlor e Goa, as primeiras fábricas de Ortega no Polígono Industrial de Sabón. Tamén lembro que durante o traxecto, era raro o día que non zoupara con forza o vento na Pedreira. Quen o diría, anos máis tarde, Inditex aproveitaría esa enerxía da natureza para instalar alí o muiño eólico que hoxe podemos ver na Avenida da Moda de Sabón.

      A medida que o percorrido ía chegando ao seu fin, xa preto da Groufa, o cheiro a cebolas das empanadas da Panadería Rozas facía a súa aparición día sí e día tamén. O meu olfato non tardaría en habituarse a aquel cheiro diario, o mesmo que ao delicioso aroma das bolas de chicles de múltiples cores coas que o avó Milio me agasallaba ao recollerme na gardería ao mediodía, cando viña de volta da Coruña, cidade na que uns meses antes Amancio Ortega abrira, na rúa Juan Flórez, a súa primeira tenda baixo a denominación de Zara na que, por certo, a decoración da escaiola fora cousa do tío Manolo.

      Amancio iniciara a súa vida laboral na coruñesa Praza de Galicia como repartidor da camisería Gala, da que non tardaría moito en cambiar de aires rumbo a outro próspero negocio da cidade herculina dos anos cincuenta, a Mercería La Maja, onde seus irmáns xa levaban traballando algún tempo. Alí, naquel comercio, xestaríase a idea do que hoxe é Inditex. No novo traballo, Amancio empezaría como mozo dos recados e pronto sería ascendido a vendedor, ascenso que coincide coa entrada na tenda que a mercería tiña na rúa San Andrés, dunha rapaza chamada Rosalía Mera, que máis tarde convertiríase na súa muller. Uns anos de experiencia nesta pequena empresa serían dabondo para saber cal sería o seu futuro e, deste xeito, cando corría o ano 1963, decide abandonar La Maja.

      Tiña grandes ideas na cabeza, mais iso sí, o peto estaba baleiro. Amancio non marcharía só. Rosalía Mera, os seus irmáns Antonio e Pepita, José Caramelo, posteriormente fundador da firma Caramelo, e Primitiva Renedo, a muller de Antonio, tamén abandonan La Maja e embárcanse con él nunha arriscada aventura abrindo, grazas a un pequeno préstamo, un taller que se puxo en marcha na casa de Primitiva, negocio ao que denominan GOA Confecciones e que se pode considerar como o primeiro embrión da que, andando no tempo, se convertiría na primeira multinacional do mundo. A pequena empresa non tardaría en mudarse a un baixo da zona dos Mallos sito na rúa San Rosendo e, posteriormente, a outro do mesmo barrio, na rúa Noia, que viña sendo o taller téxtil que estaba ao carón do negocio de meu tío Manolo no que avó Milio pasaba, naqueles mediados anos setenta, moitas mañáns dando clases gratuitas da súa particular retranca aos empregados e á clientela do local.


     Eche ben curioso o conto! Case que ao mesmo tempo que o avó agardaba pola súa merecida xubilación no negocio do seu fillo escaiolista ao carón do taller de Amancio Ortega no que, por aqueles días, cosían batas de boatiné que vendían a 98 pesetas, o empresario téxtil empezaba unha nova andaina nalgunhas leiras do que hoxe é o Polígono Industrial de Sabón que o levaría a converterse nun dos homes máis poderosos do planeta...leiras nas que, antes das expropiacións, o avó Milio pasara moitas, moitas horas da súa vida co lombo dobrado enriba do legón. 

Casamento de Manela e Kiko
     Naqueles dous negocios, no téxtil o no de decoración, tamén nacería unha bonita historia de amor. Miña curmá Manela, a filla maior do tío Manolo, ía de cando en vez á oficina do taller de seu pai a atender as chamadas de teléfono, a preparar presupostos e facturas e, ata incluso chegaría a vender cadros alí. En GOA, que veñen sendo as iniciais de Amancio Ortega Gaona en sentido inverso, traballaba Kiko Piñeiro, un mozote da Sagrada Familia de boa percha que tivera a fortuna de atopar traballo ao carón do seu barrio. A frecha de Cupido atravesaría os muros dos dous talleres e, catro anos máis tarde, Manela e Kiko dábanse o “sí quero”.

      Meses despois daquel casamento, en abril de 1981, o avó Milio, Milio do Touciñeiro, o heroe da miña infancia, falecía no seu domicilio do Rañal por mor dun tumor cerebral. O tío Manolo, curiosamente nado no mesmo ano que Amancio, en 1936, seguiría traballando como escaiolista ata a súa xubilación. A posterior historia de Ortega sabémola todas e todos!


venres, 1 de decembro de 2017

A LENDA DO GALO DE BARRAÑÁN

A Furna do Galo
     Ao longo de todo o litoral arteixán existen multitude de furnas que, a través dos séculos, os elementos mariños se encargaron de ir esburacando. Entre todas elas, se cadra a máis notable é a que hai en Valcovo, na praia de Area Grande, a coñecida como Furna do Galo ou de San Xián, cavidade que, segundo nos informa o Catastro da Ensenada de 1752, divide as parroquias de San Xián de Barrañán e  de Santiago de Arteixo ...”la motivada feligresía (Santiago de Arteixo) tendrá de distancia, desde Levante a Poniente media legua, de Norte a Sur otra media legua y, de circunferencia dos leguas, que para caminarlas se necesitan cuatro horas. Linda principiando a orillas del mar en una Peña llamada la Furna de San Julián, desde allí subiendo a la cima del Monte de la Cuesta de Angra, donde se halla una cruz en una Peña...”

     Desta furna tamén fala Carré Aldao no tomo V da “Geografía General del Reino de Galicia” publicado en 1928, no que apunta que a cova... Dista unos 500 metros del lugar de Pedreira (Arteixo) y está en el trozo de playa que llaman Balcoba. Tiene la gruta 40 metros de profundidad y es practicable su interior, en el que de unas grietas al fondo surge un chorro de agua potable. Esta gruta tiene -no le podía faltar- su leyenda correspondiente. También se denomina do Galo”.

Praia de Area Grande de Valcovo. Ao fondo da imaxe, a Furna do Galo
     Pois ben, a lenda alusiva á furna de San Xián ou do Galo da que facía mención Carré Aldao na “Geografía del Reino” conta que, neste lugar, un pescador de cana desexoso de saber ata onde chegaba a profundidade da cova, foi provisto dun galo, ao que lle amarrou un fío longo nunha das súas patas. Mais ao pouco de ser lanzado ao interior o animaliño rompería o cordel, feito que frustraría nos seus propósitos ao curioso pescador. Xúlguese da súa sorpresa cando a este lle dixeron, de alí a uns días, que o galo saíra uns dous quilómetros máis aló da entrada da furna, nun lugar da parroquia de Barrañán ao que lle chaman, desde aquel entón, O Galo, despois de atravesar interiormente o monte e o outeiro que existen no devandito lugar.

     Outra lenda, que segundo Carré Aldao se remonta a tempos prehistóricos, fala de que un galo entrou na furna e, monte arriba, non parou de subir ata que saiu á luz nunha fonte que había nun lugar que, desde entón, se denomina O Galo. A fonte, aínda existente mais que xa hai anos que deixou de brotar auga doce, está situada moi preto do castro do Castelo de Lañas, o mesmo no que mora a galiña dos pitos de ouro.

Imaxe actual da fonte do Galo
     Como se ve, as dúas lendas, aínda que de forma diferente, lembran un mesmo asunto, sendo moi significativo o do camiño que desde a cova vai a parar ao monte, pois sabida é a xeral crenza que supoñía a todos os castros unha saída oculta. Así que xa sabedes, se ides a Valcovo, á praia de Area Grande, non deixedes de ver as fantásticas grutas creadas polas rompentes do mar, especialmente a furna da que estamos a falar. Iso si, tedes que ir de marea baixa e, unha vez alí, se pechades os ollos durante uns intres se cadra tedes a fortuna de escoitar o eco do canto do popular galo.


FONTES:

CARRÉ ALDAO, UXÍO. Geografía General del Reino de Galicia. Casa Editoral Alberto Martín. Barcelona, 1928.
CONCELLARÍA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO CONCELLO DE ARTEIXO. Catastro de Ensenada. Interrogatorio. Transcrición. Concello de Arteixo, 2010.
VIDAL BLANCO, FRANCISCO. O galo de Barrañán. oschanzos.blogspot.com


venres, 24 de novembro de 2017

O CASTRO DO CASTELO DE LAÑAS E A LENDA DOS PITOS DE OURO


Vista dende o castro de Lañas
      As lendas forman parte importante da riqueza cultural dos pobos, que teñen nelas un dos tesouros máis valiosos do seu pasado. No caso de Arteixo, a da galiña dos pitos de ouro probablemente sexa a máis coñecida do noso acervo literario popular transmitido oralmente durante séculos. En moitas aldeas onde hai un castro, sá ou croa, pódese oír, con pequenas variantes, esta lenda que é das máis correntes do país, mais nós ímola referir como aparece recollida no libro Lendas Galegas de Tradición Oral, da autoría de X.M. González Reboredo, editado por Galaxia en 1995:

    “Na croa (enténdase castro) de Lañas, hai unha morea de penedos entre os que mora dende hai moitísimos anos, tantos que ninguén recorda de que tempos vén, unha galiña que sae ás veces na madrugada coa súa rolada de pitos. Estes pitos son de ouro; pero endexamais ninguén puido pillar un, nin por máis esculcas que se teñen feito se logrou ver onde aniñaban.
Como pode imaxinarse, esta galiña dos pitos de ouro é un encanto. Poida que sexa a mesma doncela que antes de alborexar o sol nas mañás bretemosas da primavera sae a peitear os seus cabelos loiros cun peite de ouro.

Mais tampouco ninguén puido saber nunca onde se ela agachaba cando alguén tenta de se achegar a ela.

Pero outro encanto máis, se non é diferente forma do mesmo encanto, hai na croa de Lañas. O mouro, o xigante, que é o que garda os tesouros (que poida que sexa tamén o que ten encantada a doncela ou fada e mais a galiña dos pitos de ouro, se é que as dúas non son a mesma cousa).

A muller que me falou disto e me contou como ela vira o encanto díxome que, cando era nena -uns doce anos tería daquela-, andaban ela e mais a irmá máis nova no monte da Agra co gando. Era pola mañá, entre once e doce. Sentara a carón dun piñeiro e, de súpeto, viu aparecer pola banda do monte da croa (o castro de Lañas) un cabalo grande coma un hórreo. O cabalo era castaño claro, case dourado, moi lindo; e montado nel, un home, altísimo e rexo tamén. Ao ver aquilo, gañou medo, ergueuse e fuxiu. A outra nena tamén fuxiu atrás dela.
Castro de Lañas
Chegaron á casa e contoulle á nai como vira aquel home tan grande no seu cabalo.
-Ai, filla, que ese era o encanto. ¿Que fixeches?- demandoulle a nai.
-Gañei medo ao ver aquel cabalo e mais aquel home tan grandes, e fuxín.
-Pois perdiches unha grande riqueza e xa endexamais volverás ter outra ocasión coma ela; mais, por se che cadrar, vouche dicir o que debías ter feito: se tirase o pano da cabeza e collido por un dos bicos o estendese no aire por diante do home, ou por riba do cabalo, e dixese: "Dáme da túa riqueza e eu dareiche da miña pobreza", aquel cabalo viraba de ouro e todo era para ti...

Mais eu non sabía aquilo, e o encanto foise cara ao castro de Elviña. E non o vin máis na miña vida.”

      A lenda da galiña dos pitos de ouro tamén aparece na obra do escritor arteixán Antón Castro (Lañas, 1959), un autor que de cativo pasou moitas horas xogando cos seus amigos a indios e a vaqueiros "con pistolas de pau de loureiro" na croa do castro de Lañas, lugar sobre o que deixa numerosas pinceladas nas viaxes á súa infancia coas que nos deleita nas súas publicacións.  

     Deixando a un lado as lendas e a literatura, hai que decir que o castro de Castelo, tamén denominado do Galo, ao igual que o existente en Castelo na parroquia de Sorrizo (é de notar a coincidencia no nome), conta cunha estratéxica e óptima posición para controlar perfectamente o val de Barrañán desde o seu cume.

O castro de Castelo visto desde Anzobre
   Trátase dun asentamento situado a 215 metros sobre o nivel do mar que foi fortificado a través de dúas estruturas circulares concéntricas e que posúe uns 180 metros de diámetro cunha superfie que abarca aproximadamente 2,5 Ha. O recinto principal, duns 115 metros de diámetro de norte-sur e 90 metros no eixe leste-oeste, está situado estratéxicamente no alto do monte divisando todo o seu entorno. 
    No centro do castro destaca un enorme conglomerado granítico, que foi utilizado para a obtención dos materiais precisos para a construcción das dúas barreiras defensivas coas que conta. É de destacar que no antecastro aínda se conserva unha sepultura dolménica ou «mámoa», doadamente visible a grandes distancias.


 FONTES:

-GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. Lendas Galegas de Tradición Oral.Galaxia, 1995. 
-PARDO, GUILLERMO. La mayoría de los castros del municipio se encuentran destruidos. La Voz de Galicia, 4 de decembro de 1981. 
-TROIANO, XOSÉ. patrimoniogalego.net 

venres, 17 de novembro de 2017

O ARTEIXÁN JUAN SUÁREZ "MANÍN" E O CAPITÁN DO PRESTIGE

      O seu nome é Juan Súarez Pardo mais, en Arteixo, todo o mundo o coñece polo apelativo de Manín. O noso protagonista fora, durante os anos 60 e 70 do pasado século XX, un dos valores da canteira do Penouqueira, o equipo de fútbol no que, como é sabido, tamén iniciara a súa carreira deportiva o seu familiar Arsenio Iglesias Pardo, "o raposo" de Arteixo.

Manín nos anos 80
     Posteriormente, tras sentar cátedra nas súas actuacións cos maiores do once da Baiuca, Manín acabaría fichando nos xuvenís do R.C. Deportivo da Coruña e tería a oportunidade de enfrontarse a futbolistas que, andando no tempo, serían internacionais coa selección española, entre eles o porteiro Luis Arconada e o tamén donostiarra Jesús Satrústegui, xogadores que a principios dos oitenta serían campións de Liga de Primeira División coa Real Sociedade.

    Unha vez retirado dos terreos de xogo, Juan Suárez Manín convertiríase en adestrador e dirixiría a equipos como o Penouqueira; o Lira, clube no que tivo como pupilo ao hoxe popular actor Miguel de Lira; o Atlético Arteixo; o Obrero de Oleiros; o Juvenil de Almeiras e, ao equipo xuvenil do Bergantiños que competía na Liga Galega. Manín, ademais, sería Secretario do Comité de Competición da Asociación de Fútbol Veterano da Coruña que, por aqueles días, presidía o antigo futbolista internacional do R.C. Deportivo e do Valencia Manuel Ríos Quintanilla, máis coñecido polo alcume de Manolete. Mais deixemos o fútbol a un lado e centrémonos na profesión do noso protagonista que, tras completar a súa formación académica, empezaría a traballar no mundo da banca, actividade profesional na que permanecería ata a xubilación da que disfruta na actualidade.

      Mais moito antes de xubilarse, nos primeiros días de febreiro do ano 2003, cando aínda ocupaba o posto de subdirector da sucursal de Barclays Bank da herculina rúa de San Andrés, aconteceríalle a historia que traemos hoxe a esta bitácora e que me contou hai certo tempo na Taberna A Baiuca que rexentaban Bieito Romero e Marisa Diéguez, lugar no que por certo Manín deixaba cada venres latentes as súas dotes de canto e de coñecemento da música popular galega.

Bieito Romero, José Lamas "Guitarras", Juan Suárez "Manín" e Xabier Maceiras na Taberna A Baiuca no 2015
      A historia garda relación coa maior catástrofe medioambiental producida nas augas galegas, da cal se cumplen agora quince anos, cando ás 15:15 horas do 13 de novembro de 2002, un petroleiro monocasco construído no Xapón, con bandeira das Bahamas, de propietario en Liberia, armador grego, rexistrado por unha sociedade clasificadora de Estados Unidos e asegurado en Londres, enviaba un SOS a 50 quilómetros de Fisterra. Como podedes imaxinar aquel petroleiro era o Prestige e despois pasaría o que todas xa sabedes.

      Entre os “hilitos de plastilina” de uns e a incompetencia de outros, o caso é que a única persona que nun principio pagara o pato da catástrofe fora Apostolos Mangouras, o capitán do Prestige que, despois de tres días sen dormir tratando de salvar o barco, ingresaba na cárcere de Teixeiro o 17 de novembro daquel fatídico 2002 acusado dun delito ecolóxico e de desobediencia ás autoridades marítimas españolas, autoridades que quedarían libres de calquera tipo de culpabilidade. Curiosamente, a parte dos “hilitos de plastilina” dos que facía referencia o hoxe presidente do goberno M. Rajoy, os goberantes das administración autonómica e estatal referíanse á traxedia ecolóxica con declaracións como as do seguinte calibre: "O risco de marea negra non creo que o teñamos"; "no tememos ninguna catástrofe ecológica"; “se pensó en bombardearlo con F18"; "se va a solidificar, no va a pasar nada", "las playas seguirán esplendorosas", "lo que se hizo fue admirable"...

      Un días despois días de que empezara a chegar o chapapote á costa, o 21 de novembro, nacía o movemento Nunca Máis, unha das maiores mostras de dignidade colectiva como país que se constituira para reclamar responsabilidades medioambientais, xudiciais e políticas polo desastre acontecido nas augas galegas. Mais con todo, a pesar da presión popular, a única cabeza de turco seguiría sendo Mangouras, un capitán que, tras 84 días en prisión, abandonaría o centro penintenciario á unha da tarde do 7 de febreiro de 2003, despois de que na víspera fora depositado, no Xulgado de Instrucción número 1 de Corcubión do que era titular o xuíz Francisco Javier Collazo, un aval por importe de 3 millóns de euros por parte de London Steamship, a compañía aseguradora do armador do petroleiro. Chegados a este punto, xa podedes intuír quen foi a persona encargada de levar a Corcubión o aval dos 3 millóns de euros. Pois si, Juan Suárez Manín, que recentemente volvía a lembrarme os feitos tomando un café en Arteixo:

Imaxe recente de Manín
     "A nosa idea, a miña a máis a do interventor (Manuel Núñez), era levantar acta notarial para darlle ao xuíz de Corcubión a seguridade xurídica necesaria da sinatura de ambos para, posteriormente, enviar o cheque dos 3 millóns de euros por transporte urxente. Mais o xuíz non estaba de acordo con iso e, seguramente por mor da presión popular daqueles intres, dixo que se as dúas persoas que asinaran o aval bancario non se presentaban no xulgado de Corcubión antes das 11:30, Mangouras non quedaría libre. Así que non nos quedara outra. Lembro que tivéramos que pedirlle persoal a outra oficina que Barclays Bank tiña na Coruña, a de Catro Camiños, para que ese día non pechara a nosa e, despois, xa nos desplazamos ao xulgado de Corcubión co cheque dos 3 millóns, o máis grande que asinei na miña vida”.

     Horas despois da liberación do capitán do Prestige, que cumplira na cadea o seu 68 aniversario, o músico e escritor Xurxo Souto, portavoz de Nunca Máis na Coruña, calificaba de "boa noticia, pola súa humanidade", a liberación de Mangouras, "xa que o seu encarcelamento era un agravio comparativo con respecto a outros posibles implicados". "O capitán non é o único culpable da catástrofe, e non foi él quen mandou afastar o barco da costa", dicía Souto na presentación da manifestación convocada naquela hora na cidade herculina baixo o lema “Se non salvamos o mar, só nos queda a maleta".

      A posta en liberdade de Apostolos Mangouras impedíalle a súa saída de España e, por tal motivo, elixiría Barcelona para residir alí durante dous anos coa súa muller, unha cidade onde non era coñecido e pasaba desapercibido tendo, iso si, que ir todos os días a asinar á comisaría. En 2003 o capitán do Prestige foi candidato a 'Marino do Ano', premio outorgado polo Naval Institute de Londres e pola revista marítima Lloyds. Un ano despois, no 2004, trinta capitáns da Mariña Mercante Española facíanlle unha cea homenaxe na cidade condal polo maltrato que consideraban recibira das autoridades españolas. En Barcelona, Mangouras estaría baixo tratamento médico a base de antidepresivos, feito que levaría aos seus avogados a solicitar a súa liberdade, por motivos de saúde, á Audiencia Provincial da Coruña que, finalmente, autorizaría a súa marcha a Grecia.

      Dende entón o capitán do Prestige residiría entre Atenas e a illa de Icaria coa súa familia, tendo que acudir unha vez cada quince días á comisaría a asinar e vivindo da pensión que cada mes lle pagaba Protection and Indemnity, a aseguradora do petroleiro á espera do xuízo.

      En 2009 o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, con sede en Estrasburgo (Francia) resolvía a favor da Xustiza Española pola denuncia contra os 3 millóns de euros impostos como fianza a Mangouras. Co voto a favor de dez maxistrados e o voto en contra de sete, consideraron que a fianza imposta ao capitán non foi excesiva, xa que se tivo en conta a amplitude do prexuízo provocado polo verquido de fuel oleo tanto en danos ecolóxicos como económicos.

      Posteriormente, o xuízo previsto para marzo de 2012 tívose que aprazar ao aceptar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a recusación dos tres xuíces que ían xulgar o caso por parte da Avogacía do Estado, a Fiscalía e a defensa do capitán do Prestige, ao ter participado nalgún momento no procedemento. O xuízo pola traxedia medio ambaiental iniciaríase o 16 de outubro de 2012 na Coruña, nas instalacións de Expo-Coruña cun custo de un millón de euros, xuízo no que estaban acusados dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, danos e desobediencia Apostolos Mangouras, como capitán do Prestige; Nikolaos Argyropoulos, o xefe de máquinas e Ireneo Maloto, primeiro oficial con paradoiro descoñecido e declarado en rebeldía. O daquela director xeral da Mariña Mercante José Luís López-Sors fóra acusado dun delito contra o medio ambiente e danos e,  así mesmo, tamén quedarían imputados como responsables civís directos The London Steam-Ship Owners Mutual Insurance Association Limited, a aseguradora do buque e, o Fondo Internacional de Indemnización de Danos Debidos á Contaminación por Hidrocarburos. Como responsables civís subsidiarios quedarían imputados o Estado Español e as navieiras Mare Shipping Inc e Universe Maritime Ltd.

Apostolos Mangouras no 2003
      No xuízo de 2013 Mangouras sería condenado a nove meses de cárcere por desobediencia grave e ao pagamento dun terzo do custo do xuízo. O Estado Español levou aos tribunais de Nova York nun xuízo civil á Sociedade de Clasificación de buques American Bureau of Shipping (ABS). O caso sería finalmente desestimado polos tribunais dos Estados Unidos.

      Na actualidade, quince anos despois da traxedia, a actividade xudicial en torno ao caso do Prestige aínda segue sen pecharse. Mentres, o capitán Mangouras pasa o seu tempo adicado á pesca na illa de Icaria dende a costa, sen subir a barco algún e, camiño dos 83 anos, está a escribir as súas memorias. Pola súa banda Juan Suárez Manín, o encargado de levar ao xulgado de Corcubión o aval dos 3 millóns de euros para deixar en liberdade a Apostolos Mangouras, disfruta da súa xubilación facendo deporte, xogando algunha que outra partida no bar Insua ou, camiñando polo paseo marítimo de Arteixo na compaña dalgún amigo da súa infancia e xuventude, paseos nos que a miúdo se fai as mesmas preguntas que a inmensa maioría da poboación galega: ¿Temos os medios que hai que ter para evitar outra catástrofe destas características? ¿Que fixeron e onde están os responsables políticos deste desastre e de todas as mentiras que nos contaron naqueles días? ¿Actuou a xustiza con contundencia contra a mentira, a incompetencia e a manipulación?