xoves, 25 de maio de 2017

A RECOLLIDA DO GOLFE



     A maioría dos nenos galegos que nos criamos no rural, medramos escoitando centos de contos que os maiores contaban a carón do lume da lareira nas longas tardes invernais, contos que na miña casa, canda había xuntanza familiar pola festa do Santiago ou da Santa Eufemia, era ben raro que os avós e os tíos non lle deran protagonismo ao mar.

     Falar do mar na nosa casa, na casa do Touciñeiro, era falar de moito sacrificio e de traballo duro, e a recollida do golfe, que son as algas ou argazo que o mar arrinca e arrastra ata as rochas e os areais, era un deses traballos. Esta actividade, moi enraizada nos veciños da contorna das praias e presente ata hai ben pouco tempo, foi sustento ben importante para a xente que se adicaba á labranza pois, naqueles tempos de escasezas económicas e de recursos que lle tocaron vivir aos nosos avós, o golfe era como un agasallo caído do ceo: grazas a el as terras podíanse aboar de xeito gratuíto...era o esterco do mar!

El Heraldo, 21 de novembro de 1929
      A recollida era unha tarefa traballosa e moitas veces, cando se apañaba nas rochas, abofé que ben perigosa. Emilia Pichel, nai do meu veciño Francisco Sanjurjo, máis coñecido polo alcume de Kiko de Pichel (un pai para min), perdera a vida nun día de novembro de 1929 cando estaba collendo no golfe nas rochas da Ermida do Rañal, a carón donde hoxe está o monumento ao Voyeur, no paseo marítimo. Emilia recollía o esterco mariño para aboar as terras nas que quería plantar, no mes de nadal, as patacas de cedo. Tiña 30 anos e deixaba orfos a dous fillos de curta idade: Ramón e Kiko.

     Meus avós dicían que tras dos temporais, o golfe chegaba en grandes cantidades á ribeira do lugar. Falaban de bardas de golfe e contaban que moitas veces, dependendo das mareas, había que madrugar moito para ser os primeiros en chegar ás praias. Amañaban o carro de bois, as ferramentas para a recollida e os paxes de vime para carrear. Logo, xa nos areais, había que procurar unha situación boa e coa maior comodidade posible para cargar o carro que, unha vez cheo, levábase ás leiras para esparexer todo posteriormente.

     Meus tíos contan, coa retranca que herdaron de seu pai, meu avó Milio, que cando eran mozos teñen ido a paxear no golfe ao dereito de vir de troula...”eran outros tempos que oxalá non volten”, din. Cando falo con eles desta tarefa, bríllanlles os ollos, non sei se polas lembranzas do traballo duro ou pola nostalxia dos tempos mozos. En calquera caso, o certo é que o golfe foi durante séculos unha boa axuda para as familias que vivían a carón do litoral.

     Remato xa, e fagoo co Padre Sarmiento que, no seu Coloquio en milduascentas coplas galegas, escrito en 1745, faille referencia nunha copla ao devandito esterco mariño: 

Vai coller o gasto
cun sacho e cun cesto,
o gasto das bestas,
dos homes e cerdos,
e mais para estrume
o golfe mareiro,
a xeba e argazo
o bocho e verdello.


     
    

xoves, 18 de maio de 2017

PEPE MAÑANA, O ADESTRADOR ARTEIXÁN DO KARBO

     A finais de 1969, ao mesmo tempo que Finita López erguía paixóns polos campos da bisbarra coas súas guedellas louras ao vento, Francisco Cadahía e o arteixán Pepe Mañana, nado en Uxes o 29 de outubro de 1950, fundaban na Coruña o Karbo, un novo equipo de fútbol feminino que pouco a pouco iría collendo o relevo daquelas rapazas pioneiras de Elviña, que xa había algúns anos que se daban cita nas instalacións do Relámpago para dilucidar, en cada Entroido, a primacía balompédica entre as solteiras e casadas do lugar ou contra rivais como o Vilarrodís ou o Crendes.
 
      Karbo é a suma sincopada de Carrasco e Borrego, primeiros apelidos de Ramón e María del Carmen, o matrimonio que rexentaba a academia privada na que estudiaba Mañana por aquel entón, unha academia que a día de hoxe segue estando ubicada na popular barriada dos Mallos. Nese centro de ensino, entre urxencias mecanográficas e de inglés comercial, Francisco Cadahía e Pepe Mañana, presidente e adestrador do equipo, formarían un grupo de vinte mulleres, todas solteiras, que compaxinaban o fútbol con estudios ou traballo e que se xuntaban dous días por semana para adestrar no campo da Sagrada Familia baixo as ordes do técnico de Uxes.
 
      O bautismo oficial do clube celebraríase en Almeiras en abril de 1970, cun partido que remataría con triunfo visitante por 0-1. Ninguén podía imaxinar o que o Karbo conseguiría nos seguintes anos, mérito que se acentúa porque ademais, nunha época na que ser muller e xogar ao fútbol non era nada doado xa que non estaba ben visto por todos os ollos, serían quen de romper barreiras que parecían infranqueables naquel mundo de homes. Mais antes disto, antes de que o Karbo se convertera nunha auténtica referencia e nun exemplo a seguir, as súas xogadoras terían que aguantar todo tipo de comentarios machistas, o mesmo que Pepe Mañana, que tamén tivo que soportar as estupideces domingueiras dalgún desaprensivo da lingua. 
 
    O Karbo non tardaría en destacar entre os poucos equipos de fútbol feminino que había no país mais, por aqueles primeiros anos da década dos setenta, os partidos eran máis ben escasos, xogándose moitos deles como un aliciente máis das festas de verán das vilas galegas, como o enfrontamento disputado en 1975 no desaparecido campo dos Cabalos de Arteixo entre o Mayador de Vigo e o once adestrado por Mañana.

Formación do Karbo en 1975 co seu adestrador Pepe Mañana
       Van pasando os anos e o fútbol feminino ten cada vez máis adeptos, mais iso si, ata aquel intre carecía da difusión que si tiña noutros países, ao que lle había que engadir o feito de que, despois de que varios equipos solicitaran en 1977 a inscripción na Federación Española, o ente federativo seguiríalle dando as costas ao balompé das féminas chegando ao punto de prohibirlle aos árbitros colexiados que pitaran os seus partidos.
 
      A pesar dos contínuos paos nas rodas que poñía a Federación presidida por Pablo Porta, que prometera varias veces darlle oficialidade a esta práctica deportiva e buscar solución a este particular nas asambleas federativas, o Karbo seguiría adiante pasando intres de verdadeiro apuro económico por mor da incomprensión e a falta de axudas recibidas por parte das empresas coruñesas e organismos da cidade, que pouco ou nada colaboraron na labor realizada polo conxunto dos Mallos nin tampouco nos desprazamentos do equipo para participar en torneos internacionais como o de Porto, Cascais (Lisboa), Olivet (Orleans) ou París, ou noutros da xeografía española como os celebrados en Mallorca ou en Lugones (Oviedo).

      Pese a efervescencia do fútbol feminino, que durante aqueles anos setenta daría pé á creación de numerosos equipos, o primeiro campionato celebrado en España, a Copa "Reina Sofía", non se celebraría ata 1981 (Este trofeo carecería de oficialidade. Non sería ata dous anos despois cando se regularizaría a cargo da RFEF baixo o nome de Campeonato de España Femenino. A Liga Nacional Femenina sería creada pola Federación Española na tempada 1988/89). Tomarían parte nel dezaseis conxuntos e disputaríase en Tarragona baixo un sistema de liguilla de catro grupos previo ás semifinais. Unha vez máis sen axuda económica de ningún tipo, o Karbo viaxaría a Cataluña costeándose o desprazamento grazas ás aportacións individuais, a taquilla dalgún partido e a venda de rifas do colexio mais, con todo, as coruñesas deixarían a súa impronta no libro do fútbol feminino marabillando aos alí presentes. Tras gañar ao Condal (4-0), Punta del Este (10-1) e empatar (0-0) ante o Cide (partido que non se xogou por mor do mal tempo e como o Karbo xa estaba clasificado para as semifinais os organizadores deixaron como resultado 0-0) o Karbo quedaría campión do grupo IV e enfrontaríase nas semifinais ao Barcelona, conxunto ao que derrotaría por 3-0. Na gran final, disputada o 28 de xuño de 1981 en Tarragona, as pupilas de Pepe Mañana vencerían ao Unión Risco de Las Palmas por 2-1, cunha actuación estelar de Inma Castañón, a mellor xogadora do torneo, e da autora dos dous tantos coruñeses: Lis Franco, filla do arxentino Rafael Franco, subcampión de Liga co Deportivo en 1950 e membro da famosa “Orquesta Canaro”.

Formación do Karbo nos anos 80 co seu técnico Pepe Mañana
      O segundo entorchado chegaría na tempada 82-83, con triunfo 4-1 sobre o Porvenir. Uns meses antes de cantar o alirón deste torneo, en febreiro de 1983, cinco xogadoras do Karbo: Geli Olmo, Encarna Pérez, Inma Castañón, Lis Franco e Rori Martínez, participaran no primeiro compromiso internacional de España, partido disputado na Guarda contra Portugal que remataría con victoria lusa por 0-1. Na campaña seguiente, novo título, esta vez ante as vascas do Ikastola Amasorrai nunha final de ida e volta: derrota na ida (1-2) en San Sebastián e triunfo na Coruña na volta (4-2) con 6.000 espectadores en Riazor. Nun deporte dominado ata ese intre polos homes, o Karbo estábase a converter nunha verdadeira sensación, máis aínda cando nunha auténtica guerra de sexos, sería quen de derrotar ao equipo de veteranos do Laracha por 4-2 en maio de 1984. Tamén, de cando en vez, en Arteixo fálase do partido que as rapazas de Mañana xogaron en Oseiro, con motivo das festas parroquiais, contra o Celta de Vigo en xullo dese ano 84, choque no que se recaudarían 100.000 pesetas e que gañaría o cadro olívico por 2-3.

      Vendo o rendimento e crecemento das futbolistas do colexio dos Mallos, o R.C. Deportivo, que naqueles intres vagaba con penuria polo pozo da Segunda División, absorbería ao Karbo como sección feminina da entidade sendo aí cando Pepe Mañana deixaría de ser o adestrador do equipo, ocupando o seu lugar Antonio Álvarez, máis coñecido por Quinocho. Xa co novo responsable técnico e coa denominación de Karbo Deportivo, as coruñesas conseguirían outro título máis na campaña 1984-85 tras vencer ao Barça no estadio de Riazor. O partido rematara cun 2-2 no marcador e, trala prórroga, o cadro colexial conseguiría o triunfo na tanda de penaltis. O Karbo Deportivo formara aquel día con Ana; Olga, Geli, Cruz, Pili; Encarna, Maricarmen, Inma, Merchi; Lis e Lucía...futbolistas que na súa gran maioría tamén formarían parte da primeira selección galega que tivo a honra de proclamarse campiona de España no Camp Nou nesa tempada 1984-85.

      Lamentablemente, os problemas económicos farían que aquel equipo que brillara con luz propia durante tantos anos tivera un final inxustamente escuro e deixaría de exisitir en 1988, xusto antes de que empezara a primeira Liga feminina. Houbo xogadoras que tiveron que retirarse, outras ficharon por equipos cataláns ou asturianos e algunhas derivaron no fútbol sala, disciplina na que o Sal Lence abriría outro capítulo glorioso no deporte coruñés con tres Ligas (92- 93, 94-95 e 95-96) e dúas Copas da Raíña (91-92 y 93-94). Mais como si do epílogo dunha película se tratara, ese non sería o final do Karbo xa que case 30 anos despois, en marzo do 2016, presentábase na Coruña “Karbo, escola de fútbol”, un documental dirixido polo amigo Óscar Losada no que se conta a historia do equipo herculino, desde o seu nacemento ata a súa desaparición. Lis Franco, Pili Neira, Inma Castañón, Geli, María del Carmen Borrego e o arteixán Pepe Mañana, que ao abandonar o Karbo cambiaría o fútbol polo badminton, deporte no que sería varias veces campión de España senior, protagonizan una cinta na que, ademais de facer un repaso ao deportivo, tamén analiza o papel da muller e as trabas que se encontraron para facer algo tan sinxelo, e que tanto tempo levaban practicando os homes, como era darlle patadas a un balón. O fútbol feminino voltaba a ser, deste xeito, actualidade na Coruña, aínda que en realidade nunca deixara de selo grazas á actividade do Orzán e do Victoria.

      Uns meses despois da presentación do documental de Óscar Losada, e tras unha petición popular na que se xuntarían máis de 10.000 sinaturas pedíndoo, o R.C. Deportivo anunciaba que a partir da tempada 2016/17 contaría de novo con sección feminina, a mesma que un día absorbera ao Karbo. Non será doado igualar os logros do equipo que fundaran Francisco Cadahía e o arteixán Pepe Mañana, mais as futbolistas branquiazuis empezarían a xogar nese curso na Segunda División estatal coa ilusión de acadar tal fin. O tempo dirá se serán quen de conseguilo ou non. Mentres tanto, podemos ver os partidos que as deportivistas disputan como local no Ponte dos Brozos de Arteixo, partidos aos que acude con frecuencia Pepe Mañana a lembrar vellos tempos.


mércores, 10 de maio de 2017

SUSO BORRAZÁS, DO C.D. LARÍN AO VICENZA ITALIANO

     Cóntanse cos dedos dunha man a xente do mundo do fútbol da nosa bisbarra que, a parte de ser querida polos seareiros e compañeiros do seu equipo, tamén é admirada e respetada pola maioría dos rivais aos que se enfrontou ao longo da súa traxectoria deportiva. Iste é o caso do meu prezado amigo Jesús Borrazás Zas, un xogador ao que tod@s coñecemos polo apelativo de Suso.

    Nado en Berna (Suiza) o 13 de setembro de 1974, o noso protagonista viría aos tres meses para Larín, para a casa da súa avoa materna Carmen, que o iría criando a él e a seus irmáns Fernando e Miguel mentres que os pais seguían na emigración. A idade de catro anos, Susiño empezaría as súas andanzas no chamado deporte rei como porteiro da man de Juan, o seu primeiro adestrador. Aqueles eran tempos nos que o Real Madrid, con tres títulos consecutivos, dominaba o campionato español; o Nottingham Forest rachaba coa hexemonia do Liverpool en Inglaterra; e en Italia o modesto Vicenza estivera a piques de facer o propio coa Juventus, un Vicenza que finalmente quedaría subcampión do Calcio na tempada 1977/78 e o seu dianteiro Paolo Rossi máximo goleador da competición. 

     Van transcorrendo os anos e, xunto a seus irmáns, Suso vai pasando polos infantís e xuvenís do C.D. Larín, donde teñen como adestrador a un veciño da parroquia: Pepe Velo quen, despois da súa boa labor en San Roque, ingresaría no Calasanz, un dos equipos punteiros en traballo de canteira na cidade da Coruña. Tres anos máis tarde, Velo ficharía no Fabril, o filial do Deportivo, donde permanecería seis tempadas como segundo adestrador.

Suso en Vicenza cunha camiseta do seu querido C.D. Larín
      Suso Borrazás non tardaría en ocupar a meta do primeiro equipo, empezando a facer actuacións espectaculares dando a sensación, en moitos partidos, que levaba alas en lugar de brazos, actuacións que alternaba con paradas imposibles que, polo xeito de sacar o esférico da súa portería, ás veces parecía que tiña tentáculos no seu corpo. Metade Dassaev, aquel porteiro soviético de reflexos felinos que xogara no Sevilla nos 90, metade Jean Marie Pfaff, o sensacional arqueiro belga que eliminara a España do Mundial de 1986, Suso defendería a portería do seu querido Club Deportivo Larín durante a frioleira de 26 tempadas, sendo o futbolista que máis tempo estivo en activo na historia do cadro da camiseta branca e azul.

     A pesar de recibir grandes ofertas de equipos como o Español de División de Honra xuvenil, o Malpica, o Laracha, o Atlético Arteixo ou o Cerceda de Terceira División, ao longo da súa carreira deportiva sempre sería fiel ao club dos seus amores xogando nel dende a campaña 1987/88 ata a 2013/14, que foi cando decidiu retirarse dos terreos de xogo aos 39 anos. Auténtico cabaleiro, persoa correcta, humilde e discreta coma poucas, sempre con boas palabras, exemplo de educación, xenerosidade e comportamento deportivo, evitando calquera conflicto que xurdira ao seu arredor, dada a súa bondade e o seu xeito de enfocar a vida, durante o seu periplo coma xogador, moitos dos que compartiron con él enfrontamentos deportivos acabaron sendo os seus amigos, feito que só está ao alcance das grandes persoas coma Suso que, sen dúbida algunha debe ser un espello para as xeracións futuras.

Suso con Giulio Ebagua, o dianteiro nixeriano do Vicenza
     Unha vez retirado e convertido nun símbolo e nun mito do C.D. Larín e do fútbol modesto en xeral, o que xa era o ídolo deportivo da parroquia continuaría ligado a este deporte desde a parte técnica, algo que xa principiara a facer cando estaba en activo coma xogador xa que fora adestrador dos infantís, cadetes e xuvenís da entidade de San Roque ademais de ser tamén o técnico do Larín B nas tempadas 2010/11 e 2011/12.

     Suso seguiría formándose como adestrador e sacaría o curso de nivel 2 que lle permite adestrar a equipos de Preferente, un nivel que lle daría a oportunidade de traballar en Europa, grazas a un convenio da federación española de fútbol coas federacións inglesa, alemana, francesa, italiana e holandesa, a 45 adestradores españois titulados co nivel 2 no 2017, entre eles dous galegos: a un técnico de Pontevedra que está en Holanda e ao ex porteiro do Larín, que leva en Vicenza (norte de Italia) desde o 10 de abril.

     Fundado en 1902 o Vicenza é aquel equipo do que falábamos ao principio desta crónica, aquel equipo que, comandado polo goleador Paolo Rossi, fora subcampión do campionato italiano na tempada 1977/78. Uns anos despois, en 1982, o lendario Roberto Baggio principiaba a súa carreira no cadro no que actualmente traballa Suso, xogando alí ata 1985, que foi cando fichou na Fiorentina. O Vicenza viviría a súa época dourada nos anos 90, anos nos que conseguiu o seu primeiro e único título oficial: a Copa de Italia de 1997, que gañou vencendo na final ao Nápoles. En 1998 tamén chegaría ás semifinais da desaparecida Recopa, torneo no que tras eliminar sucesivamente ao Legia de Varsovia, Shakhtar Donetsk e ao Roda holandés, caería ante o Chelsea, o futuro campión da competición

     Mais hoxe os tempos son ben distintos. Son tempos de vacas fracas para o Vicenza, que actualmente loita na Segunda División italiana por non descender de categoría. Suso traballa alí como un adestrador máis no ornanigrama que, desde o mes de abril, dirixe Vincenzo Torrente, terceiro técnico do club nesta tempada despois de Franco Leda e de Pierpaolo Bisoli. O de Larín tamén realiza labores específicas como adestrador dos porteiros da primeira plantilla e cos metas das categorías under 14, under 17 e do equipo filial. Agardemos que grazas ao traballo do noso protagonista o Vicenza consiga o obxectivo de salvar a categoría.
Suso, terceiro pola esquerda, co plantel do Vicenza


venres, 5 de maio de 2017

"PEDERNERA", UN FUTBOLISTA DE LAÑAS NO DEPORTIVO

      O R.C. Deportivo da Coruña, pechacancelas do campionato da Primeira División da tempada 1966/67, quedárase sen a súa principal estrela, Carlos Pellicer, para intentar recuperar de novo a máxima categoría do fútbol estatal, un xogador que sería traspasado ao F.C. Barcelona e que posteriormente faría carreira no Valencia e no Levante. Mais con todo, a pesar de que o dianteiro de Monelos xa non formaba parte do plantel herculino, ao remate da campaña seguinte os deportivistas serían quen de cumprir co obxectivo de retornar á división de honra da man do adestrador madrileño Pedro Eguiluz. Neste novo ascenso do Depor, ademais do bo facer de Eguiluz no banquillo, tamén sería determinante a seguridade baixo paos de Benito Juanet e da liña defensiva con Aurre de lateral, a veteranía de Campanal e a entrega e combatividade de Domínguez, a labor de Manolete na media e o traballo na zona ofensiva de Morilla como interior de enlace, a valentía de Chapela II, a clase de José Luis, a habilidade do goleador Beci e o bregar constante de Loureda. O único “pero daquela brillante tempada en Segunda División, protagonizaríao o uruguaio-galego Adolfo Luis Martínez Pereira, que fora unha especie de xoia mantida na reserva durante todo aquel curso 1967/68.
 
La Voz de Galicia 10 de setembro de 1967
      Nado en Montevideo nos primeiros días de agosto de 1943, Martínez empezara a xogar ao fútbol nas categorías inferiores do Peñarol, onde algúns dos seus compañeiros empezaríano a chamar co alcume de “Pedernera” xa que, salvando as diferencias, o xogo de Adolfo Luis lembráballes ao do famoso interior arxentino, gañador de tres Copas América coa albiceleste na década dos corenta e antigo compañeiro de Alfredo Di Stéfano en River Plate e Millonarios de Bogotá
 
      Trala súa etapa no cadro xuvenil dos aurinegros, na tempada 1962/63 o noso protagonista ficha no Club Atlético Defensor, entidade que andando no tempo convertiríase, con 21 títulos oficiais, no terceiro equipo de Uruguai, únicamente superado por Peñarol e Nacional, os dous grandes do fútbol charrúa. Xogando coma interior retrasado por ambos lados, ou ben coma medio, Martínez Pereira defendería a camiseta violeta do Defensor durante cinco anos, catro en Primeira e un en Segunda, xogando ao carón de futbolistas lendarios do club como o dianteiro de orixe vasca Pepe Sasía, que sería o único malva que acudiría coa selección uruguaia á cita mundialista de Inglaterra 1966.

      As excelentes cualidades de Martínez e o seu bo facer no centro do campo do Defensor levarían ao prestixioso empresario larachés José Añón, presidente do Nacional de Montevideo desde 1955 ata 1961, a recomendarlle a súa fichaxe ao seu amigo Antonio González, máximo dirixente naquela altura do R.C. Deportivo da Coruña, equipo ao que Añón seguía con verdadeiro cariño xa que tamén era presidente honorífico dende facía xa varios anos. Sen pensalo dúas veces, Adolfo Luis, que por aqueles días tiña 24 anos, aceptaría de contado a oferta de dúas tempadas que lle ofrecera o cadro coruñés e, ao pouco, facía a maleta para viaxar á terra que vira nacer aos seus proxenitores, que no caso do pai fora a parroquia arteixá de Lañas e no da nai a carballesa de Bértoa. ¿Sería o pai de “Pedernera” o culpable de que o equipo de Lañas se chamara Peñarol?

      Co apadriñamento de José Añón da súa fichaxe, a familia deportivista vía no futbolista de orixe arteixá un dos reforzos máis ilusionantes para recuperar a categoría perdida e acadar o ascenso á Primeira División. Martínez, casado e coa súa muller en avanzado estado de xestación, chega á Coruña sen a súa familia na mañán do sábado 9 de setembro de 1967, xusto cando o Deportivo facía viaxe por carretera a Torrelavega para disputar a primeira xornada do campionato ligueiro de Segunda e, horas despois, preséntase diante dos medios de comunicación da cidade, aos que lles advirte que, para estar en igualdade de condicións cos seus novos compañeiros, necesitaría 15 días de adestramentos para poder competir con eles por un posto no once de Pedro Eguiluz.

      O caso é que van pasando as semanas e “Pedernera”segue sen facer o seu debut co primeiro equipo e, para máis INRI, unha microrotura nun tendón producida nos adestramentos aumentaría aínda máis a súa inactividade. Ao fin, no desprazamento que o Deportivo realizou a Santander para o partido da novena xornada do campionato ligueiro, o futbolista de sangue arteixá vai convocado por primeira vez co conxunto deportivista, partido que remataría 0-0 e no que Eguiluz deixaríao no banquillo. Unhas semanas máis tarde, o domingo 10 de decembro de 1967, produciríase o agardado debut de Martínez “Pedernera” coa elástica branquiazul, nun choque que o Deportivo empataría 2-2 en Riazor contra o Badalona formando con Joanet; Sertucha, Dominguez, Campanal II, Aurre; Martínez, Manolete, Suco, Chapela, Beci e Ribada. Segundo as crónicas da época (Hoja oficial de la provincia de Barcelona 11.12.1967)...”en las filas coruñesas no hubo un hombre francamente sobresaliente pero cabe alabar, sin embargo, la excelente clase del medio uruguayo Martínez, apodado Pedernera, que jugaba hoy su primer partido con la camiseta blanquiazul”. Mais con todo, a pesar da súa boa actuación contra o Badalona, o adestrador Pedro Eguiluz non voltaría a contar con él durante o resto da competición ligueira. Martínez, que naquela altura xa estaba acompañado da súa dona e da súa meniña nada en Montevideo estando él na Coruña, soamente xogaría uns minutos da segunda parte do amigable disputado en Riazor ao remate da tempada contra o F.C. Barcelona, enfrontamento que tiña a súa orixe no traspaso de Pellicer ao cadro catalán co que se festexaba o ascenso á Primeira División do Deportivo e do Bosco Coruña, que recibira unha gran ovación como premio polo seu ascenso a máxima categoría do baloncesto estatal.

      Baixo a dirección de Cheche Martín, antigo futbolista do Deportivo que se criara na Arxentina tralo fusilamento en 1936 do seu pai Joaquín, secretario xeral do Concello da Coruña, a mans de fascistas do bando nacional, o R.C. Deportivo da Coruña principiaba nos derradeiros días de xullo de 1968 os adestramentos da pretempada coa ilusión de quitarse o “sambenito” de equipo ascensor. Para manter a categoría os herculinos incorporaran ao seu plantel a Mendieta, xoven porteiro que chegara procedente do Real Madrid; o lateral catalán Madir; o central paraguaio Gaona; a Luis, prometedor valor da canteira galega, igual que o ourensán Cortés, e a Juanito, andaluz de hábil regate que xogara no F.C. Barcelona. 
 
      Co novo adestrador, “Pedernera” tiña a esperanza de non sufrir o calvario da tempada pasada e disfrutar de máis oportunidades para demostrar o porqué da recomendación de José Añón. Mais, a historia levaba trazas de repetirse de novo xa que, despois de disputarse as dúas primeiras xornadas do campionato de Primeira División, Cheche Martín non contaría con él nin contra o Malaga na Rosaleda (3-1) nin contra o Real Madrid en Riazor (2-4). Consciente de que tería poucas opcións de entrar no equipo, o xoves 26 de setembro de 1968 o futbolista con orixes en Lañas e o R.C. Deportivo chegaban a un acordo para rescindir o contrato. Na súa páxina de deportes, La Voz de Galicia informaba que...”esta rescisión se ha llevado a cabo en una total armonía entre ambas partes, siendo por ello de resaltar el que toda la relación que existió entre “Pedernera” y el Deportivo estuvo siempre presidida por una total caballerosidad, por lo que el jugador uruguayo deja en La Coruña y en el club un gratísimo recuerdo”. La Voz tamén apuntaba que...”Pedernera parece estar en negociaciones con el Belenenses de Portugal, por lo que es muy probable llegue a suscribir contrato” (La Voz de Galicia, 27 de setembro de 1968).

      Finalmente a oferta do campionato portugués non se concretaría e Adolfo Luis voltaría coa súa familia a Montevideo, onde seguiría xogando ata mediados dos anos setenta.