A
finais de 1969, ao mesmo tempo que Finita López erguía paixóns
polos campos da bisbarra coas súas guedellas louras ao vento,
Francisco Cadahía e o arteixán Pepe Mañana, nado en Uxes o 29 de
outubro de 1950, fundaban na Coruña o Karbo, un novo equipo de
fútbol feminino que pouco a pouco iría collendo o relevo daquelas
rapazas pioneiras de Elviña, que xa había algúns anos que se daban
cita nas instalacións do Relámpago para dilucidar, en cada
Entroido, a primacía balompédica entre as solteiras e casadas do
lugar ou contra rivais como o Vilarrodís ou o Crendes.
Karbo
é a suma sincopada de Carrasco e Borrego, primeiros apelidos de
Ramón e María del Carmen, o matrimonio que rexentaba a academia
privada na que estudiaba Mañana por aquel entón, unha academia que
a día de hoxe segue estando ubicada na popular barriada dos Mallos.
Nese centro de ensino, entre urxencias mecanográficas e de inglés
comercial, Francisco Cadahía e Pepe Mañana, presidente e adestrador
do equipo, formarían un grupo de vinte mulleres, todas solteiras,
que compaxinaban o fútbol con estudios ou traballo e que se xuntaban
dous días por semana para adestrar no campo da Sagrada Familia baixo
as ordes do técnico de Uxes.
O
bautismo oficial do clube celebraríase en Almeiras en abril de 1970,
cun partido que remataría con triunfo visitante por 0-1. Ninguén
podía imaxinar o que o Karbo conseguiría nos seguintes anos, mérito
que se acentúa porque ademais, nunha época na que ser muller e
xogar ao fútbol non era nada doado xa que non estaba ben visto por
todos os ollos, serían quen de romper barreiras que parecían
infranqueables naquel mundo de homes. Mais antes disto, antes de que
o Karbo se convertera nunha auténtica referencia e nun exemplo a
seguir, as súas xogadoras terían que aguantar todo tipo de
comentarios machistas, o mesmo que Pepe Mañana, que tamén tivo que
soportar as estupideces domingueiras dalgún desaprensivo da lingua.
O
Karbo non tardaría en destacar entre os poucos equipos de fútbol
feminino que había no país mais, por aqueles primeiros anos da
década dos setenta, os partidos eran máis ben escasos, xogándose
moitos deles como un aliciente máis das festas de verán das vilas
galegas, como o enfrontamento disputado en 1975 no desaparecido campo
dos Cabalos de Arteixo entre o Mayador de Vigo e o once adestrado por
Mañana.
Formación do Karbo en 1975 co seu adestrador Pepe Mañana |
Van
pasando os anos e o fútbol feminino ten cada vez máis adeptos, mais
iso si, ata aquel intre carecía da difusión que si tiña noutros
países, ao que lle había que engadir o feito de que, despois de que
varios equipos solicitaran en 1977 a inscripción na Federación
Española, o ente federativo seguiríalle dando as costas ao balompé
das féminas chegando ao punto de prohibirlle aos árbitros
colexiados que pitaran os seus partidos.
A
pesar dos contínuos paos nas rodas que poñía a Federación
presidida por Pablo Porta, que prometera varias veces darlle
oficialidade a esta práctica deportiva e buscar solución a este
particular nas asambleas federativas, o Karbo seguiría adiante
pasando intres de verdadeiro apuro económico por mor da
incomprensión e a falta de axudas recibidas por parte das empresas
coruñesas e organismos da cidade, que pouco ou nada colaboraron na
labor realizada polo conxunto dos Mallos nin tampouco nos
desprazamentos do equipo para participar en torneos internacionais
como o de Porto, Cascais (Lisboa), Olivet (Orleans) ou París, ou
noutros da xeografía española como os celebrados en Mallorca ou en
Lugones (Oviedo).
Pese
a efervescencia do fútbol feminino, que durante aqueles anos setenta
daría pé á creación de numerosos equipos, o primeiro campionato
celebrado en España, a Copa "Reina Sofía", non se celebraría ata
1981 (Este trofeo carecería de oficialidade. Non sería ata dous
anos despois cando se regularizaría a cargo da RFEF baixo o nome de
Campeonato de España Femenino. A Liga Nacional Femenina sería
creada pola Federación Española na tempada 1988/89). Tomarían parte
nel dezaseis conxuntos e disputaríase en Tarragona baixo un sistema
de liguilla de catro grupos previo ás semifinais. Unha vez máis sen
axuda económica de ningún tipo, o Karbo viaxaría a Cataluña
costeándose o desprazamento grazas ás aportacións individuais, a
taquilla dalgún partido e a venda de rifas do colexio mais, con
todo, as coruñesas deixarían a súa impronta no libro do fútbol
feminino marabillando aos alí presentes. Tras gañar ao Condal
(4-0), Punta del Este (10-1) e empatar (0-0) ante o Cide (partido que
non se xogou por mor do mal tempo e como o Karbo xa estaba
clasificado para as semifinais os organizadores deixaron como
resultado 0-0) o Karbo quedaría campión do grupo IV e enfrontaríase
nas semifinais ao Barcelona, conxunto ao que derrotaría por 3-0. Na
gran final, disputada o 28 de xuño de 1981 en Tarragona, as pupilas
de Pepe Mañana vencerían ao Unión Risco de Las Palmas por 2-1,
cunha actuación estelar de Inma Castañón, a mellor xogadora do
torneo, e da autora dos dous tantos coruñeses: Lis Franco, filla do
arxentino Rafael Franco, subcampión de Liga co Deportivo en 1950 e
membro da famosa “Orquesta Canaro”.
Formación do Karbo nos anos 80 co seu técnico Pepe Mañana |
O
segundo entorchado chegaría na tempada 82-83, con triunfo 4-1 sobre
o Porvenir. Uns meses antes de cantar o alirón deste torneo, en
febreiro de 1983, cinco xogadoras do Karbo: Geli Olmo, Encarna Pérez,
Inma Castañón, Lis Franco e Rori Martínez, participaran no
primeiro compromiso internacional de España, partido disputado na
Guarda contra Portugal que remataría con victoria lusa por 0-1. Na
campaña seguiente, novo título, esta vez ante as vascas do Ikastola
Amasorrai nunha final de ida e volta: derrota na ida (1-2) en San
Sebastián e triunfo na Coruña na volta (4-2) con 6.000 espectadores
en Riazor. Nun deporte dominado ata ese intre polos homes, o Karbo
estábase a converter nunha verdadeira sensación, máis aínda cando
nunha auténtica guerra de sexos, sería quen de derrotar ao equipo
de veteranos do Laracha por 4-2 en maio de 1984. Tamén, de cando en
vez, en Arteixo fálase do partido que as rapazas de Mañana xogaron
en Oseiro, con motivo das festas parroquiais, contra o Celta de Vigo
en xullo dese ano 84, choque no que se recaudarían 100.000 pesetas e
que gañaría o cadro olívico por 2-3.
Vendo
o rendimento e crecemento das futbolistas do colexio dos Mallos, o
R.C. Deportivo, que naqueles intres vagaba con penuria polo pozo da
Segunda División, absorbería ao Karbo como sección feminina da
entidade sendo aí cando Pepe Mañana deixaría de ser o adestrador
do equipo, ocupando o seu lugar Antonio Álvarez, máis coñecido por
Quinocho. Xa co novo responsable técnico e coa denominación de
Karbo Deportivo, as coruñesas conseguirían outro título máis na
campaña 1984-85 tras vencer ao Barça no estadio de Riazor. O
partido rematara cun 2-2 no marcador e, trala prórroga, o cadro
colexial conseguiría o triunfo na tanda de penaltis. O Karbo
Deportivo formara aquel día con Ana; Olga, Geli, Cruz, Pili;
Encarna, Maricarmen, Inma, Merchi; Lis e Lucía...futbolistas que na
súa gran maioría tamén formarían parte da primeira selección
galega que tivo a honra de proclamarse campiona de España no Camp
Nou nesa tempada 1984-85.
Lamentablemente,
os problemas económicos farían que aquel equipo que brillara con
luz propia durante tantos anos tivera un final inxustamente escuro e
deixaría de exisitir en 1988, xusto antes de que empezara a primeira
Liga feminina. Houbo xogadoras que tiveron que retirarse, outras
ficharon por equipos cataláns ou asturianos e algunhas derivaron no
fútbol sala, disciplina na que o Sal Lence abriría outro capítulo
glorioso no deporte coruñés con tres Ligas (92- 93, 94-95 e 95-96)
e dúas Copas da Raíña (91-92 y 93-94). Mais como si do epílogo
dunha película se tratara, ese non sería o final do Karbo xa que
case 30 anos despois, en marzo do 2016, presentábase na Coruña
“Karbo, escola de
fútbol”, un
documental dirixido polo amigo Óscar Losada no que se conta a
historia do equipo herculino, desde o seu nacemento ata a súa
desaparición. Lis Franco, Pili Neira, Inma Castañón, Geli, María
del Carmen Borrego e o arteixán Pepe Mañana, que ao abandonar o
Karbo cambiaría o fútbol polo badminton, deporte no que sería
varias veces campión de España senior, protagonizan una cinta na
que, ademais de facer un repaso ao deportivo, tamén analiza o papel
da muller e as trabas que se encontraron para facer algo tan sinxelo,
e que tanto tempo levaban practicando os homes, como era darlle
patadas a un balón. O fútbol feminino voltaba a ser, deste xeito,
actualidade na Coruña, aínda que en realidade nunca deixara de selo
grazas á actividade do Orzán e do Victoria.
Uns
meses despois da presentación do documental de Óscar Losada, e tras
unha petición popular na que se xuntarían máis de 10.000 sinaturas
pedíndoo, o R.C. Deportivo anunciaba que a partir da tempada 2016/17
contaría de novo con sección feminina, a mesma que un día
absorbera ao Karbo. Non será doado igualar os logros do equipo que
fundaran Francisco Cadahía e o arteixán Pepe Mañana, mais as
futbolistas branquiazuis empezarían a xogar nese curso na Segunda
División estatal coa ilusión de acadar tal fin. O tempo dirá se
serán quen de conseguilo ou non. Mentres tanto, podemos ver os
partidos que as deportivistas disputan como local no Ponte dos Brozos
de Arteixo, partidos aos que acude con frecuencia Pepe Mañana a
lembrar vellos tempos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario