sábado, 27 de febreiro de 2016

UXES E A "ESTRELLA GALICIA"

     No ano 2006 a empresa "Hijos de Rivera" e o buque insignia do negocio, a cervexa "Estrella Galicia", celebraban os seus primeiros cen anos rendíndolle tributo á tenacidade e ao enxeño do bisavó, José María Rivera Corral, un home que non tardaría en amosar a súa valía como empresario ao instalar, a principios do pasado século XX, a centralita de telefonía local da Coruña, case ao mesmo tempo que fundaba a fábrica "La Estrella de Galicia", dedicada á fabricación de cervexas e tamén á elaboración do xeo que abastecía á industria do pescado da cidade herculina. O nome escollido rememoraba o que fora o seu negocio en Veracruz (México) "La Estrella de Oro" en Veracruz (México), a onde emigrara uns anos antes.

     Aquel ousado mozo, cheo de soños e ambicións, que apostaba por un producto de consumo moi reducido naqueles tempos, principiaba daquela a andaina do que hoxe é "Hijos de Rivera", a primeira empresa cerveceira galega, cuarta de España, que ten presencia en máis de 40 países de todo o mundo e que no 2014, o seu mellor ano, vendería algo máis de 170 millóns de litros de cervexa cunha facturación de case 280 millóns de euros.

     Coa creación en 1906 de "La Estrella de Galicia", José María Rivera Corral daba boa conta dos aforros que fixera na emigración vendendo unha bebida semellante á orchata. Alí, a Veracruz, chegara sendo case un neno por decisión de seus pais, que o enviaran nun barco para "facer as Américas" logo de vender unhas terras próximas á As Pontes, de onde eran naturais, para pagar a pasaxe do seu fillo. O curioso do conte é que José María non era cerveceiro, aínda que si vira como era o negocio en México, e preocuparíase de que o seu fillo Ramón, a segunda xeración, si o fora. Para tal fin, enviaríao a estudiar primeiro a Francia e logo a Alemaña e, dende entón, a compañía non pararía de mellorar...pero ¿cal é a relación que "Hijos de Rivera" ten con Uxes?

     Pois ben, logo de estudiar ciencias comerciais na universidade de Hamburgo e converterse, na década dos vinte, nun dos primeiros españois en conseguir a diplomatura en Mestre Cerveceiro, Ramón Rivera iniciaría o proceso de mecanización da fábrica, profesionalizando e mecanizando a producción. Para tal fin adquire unha sala de cocementos, tinas de fermentación e tanques metálicos para almacenar a cervexa. Estos cambios permitirían atender satisfactoriamente os aumentos de demanda, xurdida como consecuencia dun proceso ininterrumpido de paulatina aceptación popular que levarían a que o principal producto da empresa, a cervexa, puxera rumbo á excelencia na que está asentada actualmente. É aí, neses anos vinte, cando os Rivera compran en Uxes máis de 1.500 ferrados de terreo, unha extensión denominada "Montanar" que chegaba á Zapateira e na que empezarían a traballar alguns veciños da parroquia.

 Os Rivera en Uxes. La Voz,  20.11.1925
     Trala crise que supuxo a Guerra Civil e a dura etapa dos anos da posguerra española, os Rivera aguzarían o enxeño para conseguir unha das materias primas da cervexa, o lúpulo, e xunto ao director da Granxa Escola da Coruña e un par de agricultores de Betanzos poñerían en funcionamento un programa experimental do cultivo desta planta, que tanto escaseaba dende o remate da I Guerra Mundial.

     A granxa experimental da Coruña sería o lugar onde se empezarían a plantar as primeiras plantas que, parece ser, se trouxeran procedentes de Gran Bretaña, feito que convertía a Galiza en pioneira do seu cultivo e, en pouco tempo, nunha das zonas de maior producción. Nesta época a empresa empezaría unha profunda remodelación basada na automatización da maior parte do proceso de producción, o que supoñía o abandono definitivo dos métodos artesanais na elaboración da súa cervexa. Son tempos nos que a familia Rivera da traballo, nas súas instalacións da Coruña, a varias persoas de Uxes, lugar onde teñen a súa casa de campo e onde, según informa o xornal La Noche nas súas páxinas do 16 de novembro de 1946, Ramón Rivera tamén cultivaría lúpulo nos terreos de "Montanar"..."como resultado del concurso de cultivo y producción de lúpulo organizado por esta Cámara Oficial Agrícola para el corriente año, se distribuyeron entre los agricultores que se dedican al cultivo de dicha planta, los siguientes premios: En la Sección A, correspondiente a plantaciones de primer año, se dió un primer premio de 1.500 pesetas a don Ramón Rivera Illade, de Ujes (Arteijo)...", polo que é de supoñer que os Rivera contratarían man de obra da parroquia para o cultivo e producción da planta nos terreos de Uxes.
Fábrica de Catro Camiños (Foto Estrella Galicia)
      A empresa seguiría coa súa liña ascendente e nos anos sesenta, ao acadar a producción os dez millóns de litros, faise patente a necesidade de construir unha fábrica de maior capacidade.

     Na década dos setenta, na que os Rivera venden os terreos de "Montanar" a unha familia de Lugo, José María e Ramón, netos do fundador, asumen a dirección da empresa e, por necesidades de espacio, deciden abandonar Catro Camiños e trasladar a fábrica ao Polígono da Grela. O 30 de novembro de 1972 realizan o primeiro cocemento nas instalacións actuais nas que, xeración tras xeración, os Rivera seguirían dando traballo a moitos veciños da parroquia, en moitos casos grazas á intervención dos Pelayo, os caseiros da familia en Uxes. A antiga fábrica de Catro Camiños convertiríase nunha cervexería emblemática, que segue funcionando actualmente servindo máis de dous millóns de cañas ao ano.

     Hoxe, se collemos o camiño que nos conduce á capela do Espíritu Santo, é dicir, a rúa Carmen do Casillo, podemos ver a casa que os Rivera seguen conservando en Uxes, xusto ao carón da rúa que a familia ten dedicada no lugar, a rúa Rivera. Pero a vinculación coa parroquia non queda aí, xa que os Rivera tamén teñen un panteón no cemiterio de Morás.










Imaxes da casa da familia Rivera en Uxes

mércores, 24 de febreiro de 2016

"O SALÓN", A TABERNA DE MONTEAGUDO

      Se non sabes onde está, non te preocupes que non ten perda e é ben doado chegar a ela. Non tes máis que ir ata a xoia do románico que é a igrexa de Santo Tomé, que seica é o único que quedou en pé do antigo mosteiro que había alí, no lugar do Igrexario, o mesmo que na alta Idade Media era coñecido co nome de Mosteiro e que está resgardado ao norte polo Monte da Pedra Vella e ao sur polo Picoto da Veiga. Pois alí, agochado detras da igrexa, tes "O Salón", a taberna de Monteagudo.

     Ao entrar vaste atopar cun local ben chulo, cun enorme comedor ao fondo, que nestos días de inverno enchen os comensais que, entre outros platos, van comer o cocido. Se es dos que te quedas na barra, de seguro que ao teu carón haberá algún cliente dos de toda a vida, dos que aínda lembran os tempos de cando se facía baile na taberna.

     Eses eran os tempos da señora Socorro, a nai de Isabel Ferreiro (a propietaria do estabelecemento), que nos anos cincuenta ou se cadra nos corenta xa abrira a taberna na que tanto podías comprar unha tableta de chocolate coma un saco de millo ou botarlle unha cunca de viño...si, eran os tempos nos que os homes entraban a tomar a copa e a xogar a partida e as mulleres a comprar e, a ser posible, sen entrar xuntos... os tempos nos que poucas casas da parroquia tiñan teléfono..."Señora Socorro, chámeme a un taxi, que vou para o médico"... e tamén eran os tempos do salón de baile.

     Hoxe "O Salón" é outra taberna ben diferente á dos tempos da señora Socorro, pero aínda non hai moito, antes de ser restaurada, cando pasabas polo corredor, por diante da porta da cociña e un pequeno almacén onde estaba o conxelador dos xeados, había outra porta que daba á parte exterior do local. Alí estaba o servizo e o río de lavar a roupa e, de fronte, a porta dun local grande, húmido, escuro e frío no que se gardaban sacos de abono, penso, caixas de cervexas, gaseosas... pois ben, era alí, nese local, onde se xuntaban as mozas e mozos, no salón, un dos de máis sona de todo Arteixo, e no que se conservaba despois de tanto tempo, sen saber moi ben porqué un letreiro que poñía "PROHIBIDO CEDER LA PAREJA".

   Despois de permancecer pechado durante bastante tempo, "O Salón" abre de novo as súas portas este venres 24 de xaneiro, e alí estarán agardando por vós Isabel, a súa filla Noelia, e Noelia, as tres mulleres que nos últimos anos estiveron ao fronte do "Corazón Blanco" de Barrañán e que, a partir de agora, veredes por Monteagudo.

     Así que xa sabes, vaille botar unha ao Salón!
"O Salón" de Monteagudo actualmente


    













 

sábado, 20 de febreiro de 2016

AS PERCEBEIRAS DE RAÑOBRE

    ¿Quen non se lembra daquelas mulleres cun paxe de peixe ou marisco na cabeza? ¿Ou daqueloutras que camiñaban ao chou ofrecendo, a voces, as capturas mariñas polas portas de establecementos hostaleiros e casas?

     Con aqueles andares prestos, pericia e vigor para manter o equilibrio, durante xeracións as mulleres transportaron sobre a cabeza todo tipo de productos (carbón para os barcos de vapor, sal para as fábricas de salgadura, etc) e a min, de cativo, moito me chamaba a atención ver como á señora Palmira de Bastón era quen de manter o equilibrio cun xerro panzudo de cinco ou dez litros de leite sobre a súa cabeza!

     Tampouco deixaba de sorprenderme ver a diario, cando aínda non existían as lavadoras, a Viruca do Xastre vir do lavadoiro cun enorme barreño cheo de roupa enriba da súa cabeza cun continuo movemento que, máis ben, parecía unha misteriosa danza permanente, os mesmos andares prestos que tamén facía un grupo de mulleres que de cando en vez viñan a mariscar ás pedras do Aguillón. Co paso do tempo souben que eran as percebeiras de Rañobre, mulleres loitadoras que á parte de sacar adiante a familia e a casa enteira, atender as leiras e os animais, aínda tiñan tempo para ir ao mar.

    O mundo do mar case sempre foi un ámbito de homes de mans salgadas, mais un momentiño: o mar tamén ten mulleres. Por suposto que as ten e, no caso de Rañobre, durante un feixe de anos o mar foi cousa daquelas posuidoras da fortaleza dos cons e cantís que os peores golpes de mar non son quen de erosionar.

     Xurxo Souto cóntanos nos seus Contos da Coruña que hai oitenta ou noventa anos: "En Fisterra ninguén quería o percebe; non había xeito de transportalo á cidade e utilizábano como esterco na terra. Na Coruña sempre houbo ricos. Polo tanto, sempre houbo quen mollase as canelas polo percebe".

     As percebeiras de Rañobre eran das que mollaban as canelas a diario para axudar na economía familiar. Eran mulleres coa habelencia e a sabedoría que lles daba a experiencia e a intelixencia natural, mulleres que xa antes da Guerra Civil andaban polas pedras do litoral de Rañobre, hoxe sepultado polo cemento do porto de Punta Langosteira, escudriñando coa rapa os penedos na procura dos percebes para "os señoritos da Coruña". Lola de Balbina, Carme (a Casarea), Amelia de Mercedes, Carme de Xela, Estrella do Pesco, as do Pápalo, a Genia, a Jaxarta, Lolecha...foron das primeiras en andar pola ribeira, unhas percebeiras pioneiras ás que lles tocou vivir unha vida dura, mais que serían quen de encarala con valentía naqueles duros anos da súa infancia e xuventude.

      Beatriz Vilar, neta de Lolecha (falecida recentemente con 93 anos) contoume que a súa avoa, ao igual que a maioría das percebeiras de Rañobre, non sabía nadar e que, entre outros lugares, vendía os percebes no Papagaio da Coruña, unha Lolecha que despois da venda do marisco dábase o premio de comprarse un xeado; iso sí, moi de vez en cando porque naquela hora os cartos facían moita, moita falta!

De esquerda a dereita, cubos e rapas incluídas, Manola do Lomaio, Lolecha, Lola do Lomaio, Fina do Lomaio e Carme do Rei (Imaxe de Fina do Lomaio)

      Esa xeración de pioneiras daríalle paso a mulleres como Blandina de Lola de Balbina, Carme de Francisco do Calaso, Lola de Amparo, as Lixeiras, as Lemaias, as de Laradas, Carme a do Coutelán, María de Pepita...percebeiras que polo que recorda Blandina, a filla de Lola de Balbina nada en Rañobre en 1933, tamén lles tocara vivir unha vida :"de moita exclavitude de nuestro señor". Blandina, con sete ou oito anos, xa ía á marea con súa nai Lola, que aos trinta e poucos anos quedara viúva e con tres fillos: "Ao morrer meu pai Manuel, non quedaba outra, había que gañar o cartiño como fora. Ía ao mar con miña nai e despois acompañábaa á Coruña a vender os percebes. Ás veces, se xuntabamos a marea de dous días, poñiamolos en auga doce para que incharan e tiveran mellor apariencia. Sempre ía con nós Carme (a Casarea), que foi quen me ensinou a vendelos. Saíamos cedo de Rañobre a pé cara o camiño da Rega. Os percebes chorreaban por nós e a chegar a Pastoriza ou a Meicende xa estabamos coa roupa enchoupada. Na Coruña, con vergonza ou sen ela, berrabamos: "quen quere percebes ?, "quen quere percebes?" por Santa Catalina, pola rúa dos Olmos, da Torre, pola Praza de Lugo, pola praza vella (Santo Agostiño), polo Muro...sempre había quen comprara e naqueles tempos vendíamos o quilo atres ou cinco pesetas".

     As percebeiras de Rañobre da xeración de Blandina casaron e tiveron fillas, mulleres que ata os anos oitenta seguirían mariscando pola zona que hoxe ocupa o cemento do mal chamado Porto Exterior, que foi quen sepultou aquel mundo fecundo de pedras percebeiras nos que cada día traballaban as protagonistas desta historia. Hoxe, se damos un paseo pola praia de Sabón e atravesamos pola ponte de madeira que hai na desembocadura das augas do encoro do Roxedoiro (antes da construcción do Polígono aquí morrían as augas do río Seixedo), imos dar á Constanza, unha zona na cal se formou un areal como consecuencia das mudanzas das correntes que houbo, por causa das obras en punta Langosteira. Uxío Carré recolle en Geografía del Reino de Galicia a orixe deste topónimo e dí: "En las playas inmediatas se dice hay la llamada Pena da Constanza, que debió este nombre a que allí embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas". Pois ben, xusto despois da Constanza, onde empeza o contradique do porto, estaban O Pozo dos Cans (na entrada da Bocatoma), Os Pelouros, As Galiñas, O Cabalo, O Pozote (formaba unha enseada cativa onde abundaban as nécoras e os camaróns), O Pontal da Ribeira, O Plato, A Madoira, A Ponta da Sartaña, Os Pasos de diante da Sartaña, A Sartaña, Os Ceixos, O Cu Cagado (hai fontes que indican que era O Cun), A Ponta da Trabe, O Vapor, As Eixadas, O Ollol (algunhas persoas chamábanlle O Llol), O pé do Muiño e A Besta, que era a zona aproximada por onde se dividían as parroquias de Oseiro e Suevos, O Xancán, os illotes da Travesa e A Percebeira, O Canal do Lobo, Os Cambóns, As Negras, As Lobas, A Furna das Corveiras, A Furna do Ruibo, o Cabo Cociñadoiro (do Cociñadoiro ao Canal do Lobo, o litoral facía unha enseada, que se chamaba A Becha), A Punta de Muros, A Poza, A Altiña, A Punta dos Corvos, A Punta do Asno e por último A Furna do Asno, lugares todos eles que xa son historia e que era donde se gañaban o pan as percebeiras de Rañobre.
Varias percebeiras de Rañobre nos anos 70 en plena faena (Imaxe de Fina do Lomaio)


     
 

mércores, 17 de febreiro de 2016

DORA VÁZQUEZ, A MAESTRA DE LARÍN

     A pegada de Dora Vázquez en Larín, lugar onde exerceu de maestra durante quince anos, segue a estar moi presente en Arteixo xa que o seu grato recordo, tanto entre o seu alumnado como coa veciñanza, aínda é, medio século despois de que abandonara a escola unitaria do Mirón, motivo de conversa na parroquia.
Dora Vázquez

     Nada en Ourense o 21 de agosto de 1913, Dorinda Remedios Vázquez Iglesias fai os seus primeiros estudos na Coruña, cidade na que residie dende os seis ata os trece anos polo destino de seu pai, que era funcionario de Correos. Logo da estadía herculina, a familia volta a Ourense, onde aos dezasete anos Dora ingresa na Escola Normal de Maxisterio, recibindo o Primeiro Premio de Ingreso. Faise maestra nacional no ano 33 e exerce na parroquia de Teimende, Parada do Sil (Ourense) durante dezaoito anos. Posteriormente, en 1952, a súa profesión achegaríaa a Larín, onde tamén imparte clases o seu marido Antonio Rodriguez, el na unitaria de nenos e ela na de nenas.
  
     A escola unitaria de nenas estaba no lugar de Mirón, nun local que era propiedade de Maripepa da Estanqueira, unha muller que, na figura de Marixuana, convertiríase en protagonista da novela "Bergantiñá" da autoría de Dora Vázquez...porque Dora, ademais de maestra, era unha muller cun enorme potencial artístico.

     Dende a súa xuventude, se cadra polo amor á poesía de seu pai, a nosa protagonista sentiría afeccións literarias que a conducirían a publicar con certa frecuencia artigos no xornal compostelano La Noche en 1948 e, co tempo, tamén colaboraría en El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, Vida Gallega, Vagalume, Arquero, Céltica, Faro de Vigo, en revistas profesionais como El Magisterio Español e Escuela Española, en poéticas como Poesía Hispánica, Poesía de Venezuela e outras esporádicas e americanas. Tamén escribiría no Diario El Universal, Páginas e Vida y Letras de Caracas, e nos prelos da emigración en América en prosa e en verso. Ademais, Dora Vázquez colaboraría no Noticiero informativo galego na emisión radiofónica "Sempre en Galiza" e no Boletín da Sociedade da "Irmandade Galega" de Caracas. En Galiza faría o propio en Radio Nacional de España, A Coruña, na "Emisión Bazar", 1956-1957, período no cal levaba xa varios anos dando clases en Larín.
Na escola Unitaria de Larín

     Escritora de poesía, teatro e narrativa fundamentalmente en galego pero con obra tamén en castelán, Dora Vázquez está considerada dentro da primeira xeración de escritores da posguerra e, durante a súa traxectoria, recibiría varios premios en certames de xogos florais, de vilancicos e, sobre todo, de poesía, algúns deles de carácter estatal.  Os nenos e nenas son os principais destinatarios da súa obra, que se compón de arredor dun millar de traballos, artigos e poemas desparramados en diversos medios, unha obra que está moi mediatizada polo feito da súa profesión de maestra co que fai un gran instrumento moralizante e didáctico daquilo que escribe.

     Permanece como maestra en Larín ata 1967, ano no que colle voluntariamente a xubilación  por motivos de saúde e no que volta ao seu Ourense natal onde, xa xubilada, colabora en La Región e no Correo Gallego.

     A Deputación Provincial de Ourense crearía un Premio de Narrativa e Ilustración Infantil e Xuvenil co nome de Pura e Dora Vázquez, en honor ás dúas irmás, co obxectivo de renderlles homenaxe e recoñecer a súa traxectoria no mundo da cultura ourensana. A Concellería da Muller do concello de Arteixo tamén crearía, en 2003, o Certame Xornalístico Dora Vázquez, un premio que nacera como espazo para dar visibilidade ás opinións das mulleres e para promocionar a igualdade pero, despois de once anos de existencia, casualmente cando se cumpría o centenario do nacemento da antiga maestra de Larín, o Certame desaparecía do panorama cultural de Arteixo.
Dora Vázquez, en Arteixo no Certame que levaba o seu nome (La Opinión)

   Catro escritores e unha escritora dan nome ás cinco bibliotecas que temos no concello: Antón Castro á de Meicende; Miguel Sande á de Pastoriza; Francisco Vidal á de Froxel; Henrique Rabuñal á de Arteixo e, Dora Vazquez á de Solimar, unha Dora que falecería no seu Ourense natal o 23 de setembro do 2010.



FONTES:
-AELG (Asociación Escritoras/Escritores en Lingua Galega)
-"El Dora Vázquez escribe su última línea". Antares Pérez. La Opinión A Coruña
-"Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil". Manuel Blanco



domingo, 14 de febreiro de 2016

ARSENIO IGLESIAS "O RAPOSO DE ARTEIXO"

     No momento da retirada, Arsenio non tiña nada claro o que faría coa súa vida a partir de entón. Non é que amasara unha fortuna xogando ao fútbol, pero sí o suficiente para comprar pisos na Coruña aproveitando o boom immobiliario dos anos sesenta e tamén para abrir unha lavandería e unha tintorería. Ao pouco de colgar as botas ofrécenlle adestrar ao Fabril, o filial do Deportivo, pero non acababa de decidirse por mor do fregado da construcción no que andaba metido, vendendo pisos e coidando das cousas da casa. Ao ano seguinte voltan a chamalo para o Fabril e esta vez acepta. Aí empezou todo!

     Faise cargo do filial do Deportivo en 1967 e dous anos despois obtería o título nacional de adestrador na mesma promoción que Puskas, Eusebio Ríos, Rodriguez Vaz...Tras catro tempadas "facendo" xogadores para o primeiro equipo, en plena campaña 70-71, co Deportivo en Segunda, Arsenio sustitue a Roque Olsen e debuta no banquillo deportivista o 3 de xaneiro de 1971 en Riazor fronte ao Racing de Ferrol, empatando a dous goles. A pesar da marcha irregular do club herculino, o arteixán non tira a toalla e opta por concentrar permanentemente durante un mes ao equipo no Balneario de Arteixo. O efecto revulsivo dos Baños levaría aos branquiazuis a ir gañando posicións na táboa ata chegar ao 6 de xuño, tamén na Coruña, no que o Deportivo vence ao Rayo Vallecano por 1-0, gol de Beci, que supón o ascenso a Primeira, xunto co Betis e o Burgos. Era o primeiro ascenso propiciado polo saber e coñecer de Arsenio, ao que se lle empeza a chamar "O raposo de Arteixo" e "O Bruxo".

     Dirixe ao equipo deportivista nas dúas tempadas seguintes a 71-72 e a 72-73, as últimas dos coruñeses en Primeira ata que, dezasete anos despois, na 90-91, voltarían de novo á división de honra do fútbol español, tamén da man de Arsenio.

     Pero antes disto, tralo descenso co Deportivo na 72-73, o adestrador arteixán pasaría a dirixir en Segunda, na tempada 73-74, ao Hércules de Alicante, con quen ascende a Primeira (segundo ascenso que conseguía "O Bruxo"). Co cadro alicantino é quinto na Liga, a só dous puntos do subcampeón, e ronda a UEFA na tempada 74-75; sexto na 75-76 e décimo terceiro na 76-77.

     O Real Zaragoza, que descendera a Segunda ao remate da 76-77, reclámao para recuperar a categoría. Arsenio faino campeón destacado e o club maño, no que era o terceiro ascenso do arteixán, retorna a Primeira na 77-78.

     O Burgos, que militaba na máxima categoría, solicita os seus servizos para a campaña 78-79 e Arsenio sería quen de manter ao equipo entre os grandes logo de acadar un digno décimo terceiro posto.

     Pasa media tempada de descanso, a 79-80, pero é solicitado polo Elche para sustituir a Heriberto Herrera. O cadro ilicitano está en Segunda e loita por voltar a Primeira. Arsenio está a piques de conseguilo, quedando a dous puntos, en cuarto lugar, de Osasuna que, xunto co Valladolid e Murcia, logran o ascenso.
Arsenio en xuño de 1982

      O Almería, que cumplía a súa segunda campaña en Primeira, contrátao para a 80-81, campaña que o da  Baiuca non remata xa que hai moitos problemas no club almeriense e apenas chega a cumplir a primeira metade da tempada. A Arsenio sustituiríao Enrique Alés, que non sería quen de evitar o descenso.

     Na 81-82 "o Raposo" mantense inactivo. Voltaría á actividade para principiar a tempada 82-83, de novo ao frente do Deportivo. Cando todo parecía indicar que, nesta primeira campaña, ía rematar no ascenso, o Rayo Vallecano fai de verdugo no mismísimo Riazor, onde gaña por 1-2 o 22 de maio de 1983 na última xornada de Liga. Ao Deportivo chegáballe co empate e o Rayo quedou noveno. Na Coruña aínda non está esquecido aquel mazazo!

     Volve a intentalo, pero sen éxito, nas dúas seguintes tempadas, 83-84 e 84-85. Son varias as tentativas por levalo lonxe da Coruña, pero Arsenio mantense firme entre os seus, instalado nunha vida confortable coa única preocupación da marcha dos seus negocios, e vive dúas campañas de total relax, a 85-86 e a 86-87. O Compostela de Caneda reclámao na tempada 87-88 para que lles bote unha man en Terceira para dirixir a un equipo de escasa afición, menos historia e un estadio destartalado: o vello Santa Isabel. Paralelamente, en Segunda o seu Deportiviño languidecía nos últimos postos da categoría e o socorrido cambio no banquillo, primeiro Eusebio Ríos e despois Rodríguez Vaz, non lograra variar o rumbo. Os directivos recorrerían no último tercio do campeonato, case como un talismán para salvar a categoría, a Arsenio que, con él no banquillo e con Lendoiro recén chegado á presidencia, conseguiría a salvación naquel angustioso derradeiro partido contra o Santander, cun gol de Vicente no tempo de desconto.

     A campaña 88-89, a primeira do tándem Arsenio-Lendoiro, transcurriría placidamente (o equipo acabou na metade da táboa). A gran fazaña chegaría na Copa do Rei, na que o Deportivo caería eliminado en semifinais co Valladolid tras un escandaloso arbitraxe de Soriano Aladrén.

     No ano seguinte, cunha plantilla discreta na que cada vez sobresaían máis os irmáns Fran e José Ramón, Arsenio volve a sacar petróleo e acaba a Liga nun cuarto puesto que lle permitía disputar a promoción de ascenso contra o Tenerife, promoción que os herculinos perderían (0-0 e 0-1) pero, a pesar da decepción, os aficionados empezaban a recobrar a fe de alcanzar o soño de xogar en Primeira.

     Chega a tempada 90-91. A economía do Deportivo recuperárase notablemente e Lendoiro irrumpe con forza no mercado de fichaxes contratando a futbolistas da talla de Peio Uralde ou Villa. "Menos Koeman e algún outro, trouxéronme todo o que pedín", ironizaba Arsenio na pretempada. Durante a campaña, na que houbera luces e sombras (o arteixán chegara a presentar a súa dimisión), o equipo iría de menos a máis e acabaría xogándose o ascenso na derradeira xornada en Riazor o 9 de xuño de 1991 contra o Murcia. Pitido inicial e...cousas do demo: aos tres minutos empeza a arder a grada de preferencia e a xente salta ao campo. O partido suspéndese 45 minutos, feito que axuda a que se dispare a tensión no vestuario branquiazul. Reanúdase o encontro e os locais son un flan. O Murcia domina e dispón de varias ocasións. A historia vai camiño de repetirse pero, tralo descanso, os coruñeses saen con rabia e Stojadinovic marca o 1-0 no minuto 54, repetindo faena no 75 no 2-0. O Deportivo volvía a estar, dezaoito anos despois, en Primeira División. Na rolda de prensa Arsenio comunicaba a súa decisión de non seguir no equipo..."A presión foi tremenda. Foi un ano durísimo. A Coruña quería o equipo en Primeira no mes de setembro. Retírorome".

     Así pois, tras deixar ao equipo dos seus amores en Primeira, Arsenio decide retirarse. O adestrador vasco Boronat é o seu sustituto no banquillo, un Boronat ao que a grada nunca chegaría a aceptar e ao que, tras unha irregular marcha naquela Liga 91-92, Lendoiro acabaría cesando. A xente acordábase do de sempre: "Isto é cousa para o vello", dicían, e, a falta de oito xornadas para o remate da tempada volven a chamar a Arsenio para facerse cargo do equipo e salvar a categoría, obxectivo que "o Raposo" cumpliría nunha dramática promoción co Betis (2-1 e 0-0).
En 1995 coa Copa do Rei

     Os seguintes anos serían os máis exitosos da carreira do técnico de Arteixo. Á frente do banquillo deportivista, Arsenio sería un dos artífices do "Superdepor", un equipo humilde que, coa chegada dos Bebeto, Mauro Silva, Aldana e compañía, chegaría a contestar a hexemonía futbolística dos coñecidos como "grandes" do fútbol español. Nestes anos, o Deportivo conseguiría por primeira vez na súa historia a clasificación para competicións europeas na tempada 92-93 (Copa da UEFA), dous subcampionatos de Liga (un deles o da campaña 93-94 coñecido polo penalti errado de Djukic no último minuto do último partido do campeonato ligueiro contra o Valencia que impediría ao Deportivo gañar a súa primeira Liga) e unha Copa do Rei en 1995, o primeiro título oficial que o club conseguiría contra o Valencia  nunha final que por mor dun gran diluvio que houbera en Madrid tivera que xogarse en dous días. Pero a pesar de todos estos éxitos e de que neste último ano o Deportivo se fixese campión de Copa, Arsenio sae do club non sen certa polémica coa directiva presidida por Lendoiro, un Arsenio que en outubro de 1994 inauguraba en Arteixo a avenida que leva o seu nome, ubicada na zona escolar e deportiva do concello. Coa súa habitual retranca facía o seguinte comentario: "¡Concho!, déronme unha calle sen pisos". Máis en serio, o adestrador evocaba os paseos da súa infancia por esa senda hoxe asfaltada e urbana: "De neno, eu ía por aquí bañarme ao Rañal".
La Voz de Galicia, 25.10.1994

      Mediada a tempada 1995-96, e ante a crise interna que estaba a experimentar o Real Madrid, daquela adestrado por Jorge Valdano, a directiva do club branco decide despedir ao técnico arxentino e fichar a Arsenio Iglesias ata final de tempada. O arteixán conseguiría dar algo de estabilidade aos merengues pero non sería quen de clasificar ao equipo para as competicións europeas.

     A última experiencia do da Baiuca ao frente dun banquillo foi no 2005, cando o designaron para dirixir xunto a Fernando Vázquez o retorno da selección galega, combinado ao que adestraron nos catro encontros disputados ata o momento: Galiza-Uruguai: 3-2; Galiza-Ecuador: 1-1; Galiza-Camerún: 1-1 e Galiza-Irán: 3-2.

"Penouqueira de Arteixo,
terra de moito croio
onde lle aprendeu Arsenio
os recortes ao raposo.
Dos terróns de Riazor
a esta firma do destino.
Non hai Depor sen Arsenio
e Arsenio sen Deportivo"

 Os Diplómaticos de Monte Alto


FONTES:
-"Arsenio. El fútbol de El Brujo". Xosé Hermida.
-"Arsenio. El factor humano". Bieito Rubido.
-"Historia do Deportivo".Xesús Flores/Xosé Mejuto

mércores, 10 de febreiro de 2016

ARSENIO IGLESIAS, O FUTBOLISTA DA BAIUCA

     Arsenio Iglesias nace na Baiuca o día de Noiteboa de 1930. Fillo de labregos e o menor de nove irmáns (catro homes e cinco mulleres), dende moi cativo pasaría horas e horas correndo descalzo detrás das pelotas, que naquela hora se facían de trapo. Cunha familia tan numerosa, todas as mans eran necesarias para axudar na casa mais, o noso protagonista, sempre atopaba un oco para ir xogar ao fútbol cos maiores. "A miña infancia foi en tempos difíciles", recordábame non hai moito, falando con morriña daqueles longos días de verán dos primeiros anos cuarenta: "Aproveitabamos para xogar máis. Algunhas veces a pelota era de goma e outras había que facela de trapo. O caso era ter algo máis ou menos redondo ao que poder darlle patadas". "Xuntabámonos os rapaces de Arteixo. Faciamos dous equipos e montabamos a portería con dúas pedras. Xogabamos na estrada. Non había asfalto. Aínda que caeses, non che doía o corpo".

     Aos 13 ou 14 anos, apuntando xa maneiras coa pelota, disputaría algún partido co Penouqueira, entidade que nacera a raíz da desaparición de El Alba, o primeiro equipo que organizara partidos de fútbol na capital do concello, mais dun xeito moi irregular, se cadra un partido cada dous ou tres meses. Nada serio, xa que o equipo arteixán non estaba federado. 

     Aquel cativo pegado a unha pelota, que só vivía para o fútbol, tivo a sorte de que de cando vez o Deportivo ía a adestrar ao Balneario, ao carón da súa casa, e podía ver de cerca aos futbolistas, sobre todo ao seu gran ídolo Juanito Acuña, que en poucos anos acabaríase convertendo en compañeiro de vestuario. No recinto termal, Arsenio tamén viviría, durante a primeira semana de maio de 1945, unha experiencia inesquecible que marcaría por completo a súa infancia: con motivo da inauguración do estadio de Riazor, a selección española estivera concentrada durante varios días nos Baños de Arteixo..."naqueles anos os rapaces tiñamos que axudar a traballar nas agras e nas leiras, mais aínda así eu trataba de buscar un oco para ver os adestramentos no campo do Balneario. Lembro eses días coa ilusión que podía ter un neno de poder ver a tantas celebridades xuntas e tan estimadas, na miña vila natal. Para un rapaz coma min, que só vivía para o fútbol, ter en Arteixo durante unha semana aos mellores xogadores españois fora algo máxico. Recordo con especial cariño a Eizaguirre, o porteiro vasco do Valencia. Daquela sentía unha admiración tremenda polos porteiros. De feito, o meu ídolo por aqueles anos era Juanito Acuña, un home que tiña A Coruña aos seus pés. Ademais estaban César, o dianteiro centro do Barcelona; Gaínza; o mítico Zarra; Pedrito, o defensa do Deportivo...en fin, fora unha gran fortuna poder ver os adestramentos dos mellores xogadores nacionais. Como digo, fora algo máxico”.

     No ano seguinte, en 1946, Arsenio matricúlase na Escola de Mestría na Coruña. Tiña menos tempo para xogar, mais non deixaría o fútbol porque non tiña mellor divertimento que o de lle dar patadas a un balón. É aí, nesa época, cando ficha polo Ciudad Jardín, equipo do fútbol modesto coruñés no que milita un ano e no que o rapaz arteixán comeza a destacar pola súa forma de xogar e pola súa gran forza. Nel fixaríase o abogado carballés Antonio Vázquez Mouzo, un home providencial na súa vida (co tempo padriño da súa boda e de un dos seus fillos), unha especie de "pai espiritual" que o levaría a fichar, con dezasete anos, polo Bergantiños, que daquela xogaba na Serie A Rexional, categoría equivalente a actual Terceira División. Foi en Carballo onde comezaría a xogar algo máis en serio. O equipo era evidentemente amateur pero tiñan un bo réxime de adestramentos. Naqueles tempos Arsenio compaxina os seus estudos co traballo na montaxe da liña dos Trolebuses Coruña-Carballo e tamén faría algunhas gardas na subestación de Lañas, gardas que nalgunhas ocasións, facíallas o seu amigo o Sr. Cristovo para que poidese ir adestrar co Bergantiños.

     Vicente Leirachá, daquela un xoven xornalista deportivo, que andando no tempo acabaría sendo un dos seus mellores amigos, prenderíase das habilidades daquel chaval nun partido amigable disputado en Carballo entre o Bergantiños e o Varela Silvari, un modesto club da Coruña do que Leirachá era directivo. Naquel partido o once bergantiñán gañara 6-2 e Arsenio marcara catro goles. Coa súa rapidez, bo regate e cun gran sentido da verticalidade para encarar a portería, víase que ía chegar lonxe no mundo do fútbol.

     Non só sería Leirachá quen quedara sorprendido do potencial do rapaz de Arteixo, rapaz ao que en pouco tempo lle cambiarían os seus plans de converterse en perito industrial xa que, a súa vida, experimentaría un vertixinoso acelerón que non tardaría en convertelo en futbolista profesional.
Caricatura de Arsenio dos anos 50

     Ao ano seguinte, fíchao o Fabril e ,tras media ducia de partidos, pasou ao Xuvenil, equipo que co tempo chegaría a xogar en Segunda División e que, naquel intre, era o filial do Deportivo.

     Case sen darse conta, Arsenio viuse no primeiro equipo. A principios da tempada 1951-52, cando se preparaba para un desprazamento co filial, recibe un aviso de que o reclamaba Eduardo González "Chacho", o mister do Deportivo, para formar parte da convocatoria do partido que os deportivistas tiñan que xogar en Riazor contra o Atlético Tetuán. Arsenio non participaría naquela ocasión mais, unha semana despois, Chacho faríao debutar no vello campo de Les Corts contra o F.C. Barcelona. O Deportivo perdería aquela tarde 6-1, mais Arsenio, no seu debut, marcaríalle un gol ao lendario Ramallets e, posteriormente, debutaría en Riazor frente ao Español (3-1). O arteixán empezaba a ser alguén no mundo do fútbol e non tardaría en firmar o seu primeiro contrato como profesional: o seu primeiro soldo co equipo deportivista foi de 800 pesetas ao mes, que lle subirían pronto a 1.500 e unha prima de 12.000 por tempada.

     A seguinte campaña, a 52-53, marcaría especialmente a súa traxectoria deportiva. O equipo estaba dirixido por Eduardo Toba, ao que sustituirían primeiro o mexicano Manuel Casal e despois Fernando Fariña sen poder evitar que o club herculino tivera que defender a permanencia na Primeira División nunha liguiña frente ao España Industrial (filial do F.C. Barcelona), Celta, Avilés, Hércules e Atlético Tetuán. Os deportivistas conseguirían o obxectivo de salvar a categoría contando co concurso do mago Helenio Herrera ao frente do equipo deportivista, un técnico arxentino que influiría notablemente na vida deportiva de Arsenio.

     O futbolista de Arteixo continuaría nas filas branquiazuis ata completar cinco tempadas en Primeira, nas que sempre mantería unha gran regularidade, bo facer que o levarían a disputar un partido coa selección "B" española en febreiro de 1955 e tamén a despertar o interés do F.C. Barcelona para facerse cos seus servizos.
El Ideal Gallego, 17.2.1955


     Helenio Herrera, do que Arsenio garda moitos e moi bos recordos, lévao na tempada 57-58 ao Sevilla, que fora subcampeón de Liga na campaña anterior. Acababa de casarse con Carmen, a súa moza de Loureda, tiña vinteseis anos, chegaba a un club que esa mesma tempada ía a disputar a Copa de Europa e, por riba, reclamárao o adestrador de moda ¿Que máis se podía pedir? O Real Madrid tamén intentara a súa fichaxe, mais os hispalenses chegarían finalmente a un acordo co Deportivo incrementando a oferta ata un millón das antigas pesetas e a cesión de dous xogadores, Liz e Arenas. O asfixiante calor sevillano ou a morriña ou ambas cousas á vez impedirían a Arsenio facer un bo papel no club hispalense e a súa estadía alí sería o seu primeiro fracaso. O seu baixo rendimento levaríao a disputar só oito partidos nos que marcaría dous goles.O único positivo da súa curta etapa no equipo sevillista foi o seu bautismo internacional ao disputar tres eliminatorias da Copa de Europa.

     Na 58-59, da man de Alejandro Scopelli, o adestrador arxentino que levara ao Deportivo ao subcampeonato ligueiro da tempada 49-50, Arsenio inicia un periplo de seis tempadas no Granada. Co once granadino, co que chegaría a disputar a final da Copa do Generalísimo de 1959 frente ao F.C. Barcelona (final que perdería o Granada por 4-1 e na que Arsenio sería o autor do gol), o arteixán xogaría ata mediados da tempada 1963-64, que foi cando ficha no Oviedo de Eduardo Toba, o adestrador de Muxía. Alí, no equipo ovetense, Arsenio colgaría as botas aos 34 anos deixando o fútbol activo no último partido da tempada 1964-65 no que os asturianos se xogaban a permanencia en Primeira en San Mamés ante o Athletic Bilbao. Faltando dez minutos para o final, Arsenio anotoba de xeito maxistral o 0-1 e o Oviedo conseguía o seu obxectivo. Curiosamente, Ramalletes e Iribar, dous mitos da portería, foron o primeiro e último porteiros que o noso xogador máis popular bateu como futbolista de alta competición.

Arsenio, na súa etapa no Granada










 FONTES:
-"Arsenio. El fútbol de El Brujo". Xosé Hermida.
-"Arsenio. El factor humano". Bieito Rubido.
-"Historia do Deportivo".Xesús Flores/Xosé Mejuto





domingo, 7 de febreiro de 2016

FINA LÓPEZ, "A LOURA DE VILARRODÍS"

      "...Onde van os nenos do Castro? Levounos o vento! Aquela curva era o mellor miradoiro para o camiño fondo da Cavaxe. E algo de vento ía, porque abaneaba a maleza cando se abriu pra o Inesquecíbel. Do túnel vexetal saía a Loura de Vilarrodís, co seu uniforme de capitá.
     Viramos xa algún dos partidos dos martes de Entroido, entre solteiras e casadas, mais todas do lugar. Xogábanse nun campo a carón da Avenida, o do bar Parada, que era onde facía o alto a "Cucaracha" e outros coches de liña. Era un campo tan modesto, tan pedregoso, que todos os equipos xogaban a gañar. O club Relámpago decidiu facer un novo campo, con vestiarios e todo, e cando chegou o Entroido celebrouse cun encontro "internacional". E aí vén a Loura co seu equipo da outra bisbarra, de Arteixo.
     A valmontes, quilómetros correndo, con camiseta e pantalón curto. Todo isto, como dicía o poeta Manuel María, naqueles "tempos incestuosos". E á fronte, como unha modelo do calendario Pirelli, como unha revolución óptica naquela época de loito téxtil, alí estaba a Loura de Vilarrodís. Estivera na emigración e, de volta, abriu un bar chamado Odette. Levaba o pelo ao estilo "garçonne", e no ar lembraba á actriz Brigitte Bardot. Mais non era unha cuestión de comparar. A Loura de Vilarrodís estaba alí. Era verosímil. Tanto que viñera brincando entre os fentos, para pasar do invisíbel ao visíbel no camiño da Cavaxe. Agora, no campo de xogo, sabía darlle ao balón con lume de biqueira. E o que era aínda máis difícil, facerlle fronte con garbo a aquela multitude afervoada, chegada de toda a comarca, e que emitía arias "di bravura" cada vez que as mozas de Elviña, Castro e Vilarrodís tocaban a esfera do mundo".
Fina López, nos anos 60
     Así nos describe o escritor Manuel Rivas, daquela un rapaciño de doce anos, no capítulo XI titulado "O peso do mundo na cabeza" do seu exitoso libro autobiográfico "As voces baixas", aquel episodio da súa infancia no que quedara prendido da beleza de Otilia Josefina López Naya, máis coñecida por "Finita, a rubia de Vilarrodís", unha Finita que naquel partido xogado en Elviña, co que se pretendía reivindicar o Martes de Antroido como día festivo (entón non o era), erguería paixóns polo campo adiante coas súas guedellas loiras ao vento.

     Sen pretendelo, Finita converteuse nunha icona feminina dos anos sesenta. Foi a Sofía Loren de Arteixo ou como ben di Rivas na súa novela, a Brigitte Bardot da comarca, toda unha modelo do calendario Pirelli que, non hai moito, bromeaba co seu fillo Alex, co que tiven a sorte de xogar ao fútbol, e comigo mentres tomábamos un café decíndonos que..."caín en graza no país dos cegos, o torto é o rei".

     Criárase na Coruña, na rúa Federico Tapia, e con 21 anos chega a Vilarrodís, lugar no que abre un local ao que chama Café Bar Odet, mais ninguén o coñecía polo seu nome...para todo o mundo era o bar da rubia..."antes montabas un bar e chamábante de todo menos bonita".
Caixa de mistos do Café Bar Odet
O Vilarrodís feminino
     Finita, que decidira xogar ao fútbol para dar a coñecer o seu establecemento, obxectivo que abofé  conseguiría, segue lembrando hoxe, con máis de setenta primaveras, aquelas aventuras futboleiras e ao mesmo tempo reivindica que "Lola Flores e as súas compañeiras imitáronnos despois en Madrid. Ata gravaron unha película, Las Ibéricas. Pero as pioneiras do fútbol feminino foron as de Elviña, e o primeiro gran campionato disputárono contra nós, as rapazas de Vilarrodís".

     Corenta e cinco anos despois daquel partido xogado en Elviña que conmocionara á Coruña toda (recadáranse 41.000 pesetas das da época), aquel cativo de doce anos que quedara prendido da beleza de Finita, entraba na libraría de Arteixo "A lus do candil" para presentar o seu libro "As voces baixas". Si, falamos de Manolo Rivas que, ao fin, coñecía persoalmente á Loura de Vilarrodís, reencontro emotivo e espectacular argallado por libreiros, fillos de Finita e o que escribe.
Na libraría "A lus do candil", en decembro de 2013, na  presentación da novela de Manolo Rivas "As voces baixas". No centro da imaxe, Fina López acompañada dos seus fillos. 



mércores, 3 de febreiro de 2016

O NAUFRAXIO DO PESQUEIRO FRANCÉS "GENEVIEVE DE GALARD"

      Ás 10:30 da mañá do 11 de xuño de 1969, o lagosteiro francés "Genevieve de Galard" partía da localidade de Audierne, na Bretaña gala, cara o porto de Vigo, cidade onde o seu armador e patrón Yves Peron, tiña previsto mercar aparellos para despois dedicarse á lagosta no litoral galego, práctica que os pesqueiros franceses viñan facendo desde había xa bastante tempo (en Arteixo, sábese que a principios do século XX mercábana en Suevos e depositábana a bordo dos seus pesqueiros, providos de viveiros, para posteriormente vendela no seu país).

     A bordo ían sete mariñeiros: Jean Alain Coquet, de 32 anos; Clet Garval, 49; Julien Danzé, 35; Albert Perhirin, 17; Jacques Cabillic; o maquinista e copropietario do barco Laurent Cajean, de 48 anos e, o citado Yves Peron, que tiña 47. Excepto Julien Danzé, todos estaban solteiros e os sete vivían en Plogolff, na Fisterra gala. Tamén levaban unha mascota, o can "Loron".

      O pesqueiro tiña 36,54 toneladas de rexistro bruto; 15 metros de lonxitude de popa a proa; 5,30 de manga; 3 de puntal e posuía un motor de 150 cv. Laurent Cajean e Yves Peron mercárano había xa catorce anos, en 1955, e decidiran pórlle o nome de “Genevieve de Galard”, na honra da enfermeira das Forzas Aéreas Francesas que, entre marzo e maio de 1954 convertiríase nunha heroína pola súa coraxe e dedicación ás tropas no conflicto bélico que os galos mantiñan na Indochina, o actual Vietnam.

      O percorrido polo Golfo e polo Cantábrico durante os dous primeiros días da viaxe cara a cidade olívica, decorre sen nengunha incidencia, con bo estado do mar e tamén bo tempo. Mais as condicións climatolóxicas cambiarían na madrugada do venres 13.

      Xa en augas galegas e pouco despois de pasar á altura da Torre de Hércules, unha mesta brétema imposibilita a visibilidade ao patrón Yves Peron, dificultándolle seriamente a navegación do seu barco. Non se vía nada, mesmo na cuberta non era doado ver os obxectos máis próximos. Pouco antes das 2:00 da madrugada, o “Genevieve de Galard” navega á altura da Punta Langosteira. De súpeto, uns minutos máis tarde, cando a maioría da tripulación xa durmía, un ruído trepidante desperta aos mariñeiros, que subirían de contado á cuberta. No medio da confusión, os sete bretóns decátanse de que o barco quedara preso entre unhas rochas e que se basculaba de proa, feito que facilitaba a entrada de moita cantidade de auga. Eran as 2:15 horas e embarrancaran no Rañal, na zona das Aguieiras. En consecuencia, Yves Peron organiza rapidamente as tarefas de salvamento, aínda que a néboa dificultaba de xeito considerable as operacións. Peron ordena largar o pequeno bote salvavidas, ao que todos suben, deixando abandonado o “Genevieve”. O único que non procurou o refuxio do bote foi “Loron”, xa que preferiu lanzarse á auga, desaparecendo logo entre a néboa. Todo fora moi rápido e os sete mariñeiros mal tiveron consciencia do que lles acontecera!.

      Nun primeiro momento, non souberon que facer. Se remasen corrían o risco de afastarse da costa, agravándose a situación notablemente xa que a densa brétema continuaba impedindo ver absolutamente nada e, por riba, só tiñan un remo. En vista de que o mar estaba tranquilo, deciden agardar á alborada, pensando que aos poucos iría desaparecendo a néboa que os rodeaba naqueles momentos.

      Tras pasar máis de catro horas no bote, por volta da 6:00 viron unhas afastadas luces de terra e comezan a remar cara elas. Estas luces eran as das obras da Central Térmica de Sabón, que Fenosa había pouco tempo que principiara a construír, e serían as que conducirían aos mariñeiros franceses até a praia de Alba, lugar onde quedou varado o bote salvavidas. Así que chegaron ao areal levaríanse unha gran sorpresa. O canciño “Loron”, ao que xa daban por desaparecido, chegara nadando antes que eles, sen dúbida guíado polo instinto, e agardábaos todo alborozado e dando saltos de alegría. Os seus ladridos foron o sinal de benvida. Despois da ledicia de “Loron”, os sete homes deixan o areal de Alba e camiñan cara a aldea do Rañal por diante das instalacións da fábrica de conservas A.& J. Salgueiro, hoxe convertidas en aparcadoiro. Entran no bar da aldea, o “Café Bar Chucho”, unha pequena tasca que rexentaban Jesús Souto e Amelia Naya. Eu cando os vin quedei impresionada...que facían sete homes estranxeiros tan cedo no meu bar? Preguntábame...eles facíanme debuxos, escribíanme, falábanme...mais eu non lles entendía nada, non sabía o que me querían decir”, contábame Amelia en febreiro de 2011.

Os sete mariñeiros franceses e o seu can "Loron" (La Voz de Galicia)


     Ante a imposibilidade de que se entenderan coa propietaria da tasca, os mariñeiros galos deciden dirixirse cara ao mesmo punto de onde saían aquelas luces que os conduciran até o areal de Alba e que pertencían á sinalización das obras da Central Térmica. Aquí terían máis sorte, xa que o persoal das obras de Fenosa atenderíaos con toda amabilidade, servíndolles varios cafés e coñacs para reanimalos. Uns minutos máis tarde, presentábase naquel lugar a Garda Civil de Arteixo e pouco despois, avisados pola benemérita, tamén apareceron o tenente de navío da Comandancia de Marina, Manuel Goyanes, e os axentes do consulado francés María Dolores Udaondo e Manuel Teijo Barinaga. Posteriormente, todas estas persoas, acompañadas polos sete mariñeiros bretóns, encamiñáronse, partindo de Sabón, na procura do “Genevieve de Galard”.

     Actualmente podemos pasear a carón do mar polo paseo marítimo mais, naquela hora, o percorrido polo litoral non era doado. Tras pasar polo Paiolo e A Ermida, chegan até a zona da Bogueira (onde está o telescopio do paseo), lugar dende o cal xa se podía ver a silueta do pesqueiro, que estaba a uns 800 metros da costa, afundido de popa. O mar, logo de retiralo das rochas das Aguieiras, forao levando cara ao oeste, cara a zona da Area da Salsa e Repibelo onde, despois de ver que o seu pesqueiro tiña poucas posibilidades de ser rescatado, todos quedaron moi afectados, especialmente o patrón Yves Peron, que non se acababa de recuperar da forte impresión recibida.

      Pouco despois, e acompañados polas autoridades, voltan de novo á tasca de Amelia Naya que, desta vez sí, despois das explicacións oportunas dos alí presentes entendeu o que lles acontecera aos náufragos franceses. Laurent Cajean e Yves Peron pediríanlle a esta muller e ao seu home, Jesús Souto, que lles deixasen gardar na súa propiedade o bote salvavidas (que foran a buscar á praia de Alba, onde quedara varado) e, que tamén se fixesen cargo durante uns días de “Loron”, peticións que aceptarían os propietarios do “Bar Chucho”. Neste establecemento do Rañal, os sete homes xantarían e tomarían café antes de que o cónsul de Francia na Coruña, Francisco Dotras, se responsabilizase definitivamente da situación e os aloxase nunha pensión da Praza de Lugo mentres agardaban a súa repatriación.

      Na maña do día seguinte, sábado, a compañía aseguradora do “Genevieve de Galard” contacta coa firma Extrasa, dedicada ao salvamento de barcos, co fin de que o persoal desta empresa efectuase un recoñecemento do lugar no que se encontraba o pesqueiro e así estudar as posibilidades de rescate. Nese mesmo día, un equipo de mergulladores trasládase a bordo do remolcador coruñés “María Pita” até as inmediacións do barco que, por causa da maré, fórase desprazando cara a costa de xeito considerable, estando neses instantes moi perto da Area da Salsa. Mais o remolcador, que xa non se podía achegar máis ao pesqueiro sinistrado, tivo que voltar atrás por mor dos disparos de aviso que lanzou a Garda civil de Costas, que mantiña un servizo de vixilancia de terra para evitar roubos. A benemérita non tiña ordes de permitir o achegamento de persoal ningún ao “Genevieve” e dispararon para o ar en sinal de aviso. O persoal do remolcador, que nese momento non tiña outra misión que a de avaliar a situación, non tivera necesidade de se dar a coñecer polo que o “María Pita” regresaría ao porto coruñés.
Varios tripulantes do "Genevieve de Galard" (o do can é Yves Peron) co persoal do consulado (El Ideal Gallego)
      A empresa de salvamento contactaría coas autoridades da Marina coa finalidade de denunciar o acontecido e, unha vez esclarecidos os feitos, o persoal voltaría o domingo (esta vez por terra) até O Rañal e levaríanse unha sorpresa, xa que o mar movera de novo ao pesqueiro, achegándoo até a praia de Repibelo, a carón da Arbosa, quedando embarrancado moi perto da beira. Este feito sería aproveitado polos mariñeiros galos, que accederían ao barco unhas horas máis tarde, aproveitando a marea baixa, para recuperar as pertenzas persoais, telefonía, todo, mesmo o diñeiro co que os armadores ían comprar aparellos en Vigo.

      O costado de estribor do “Genevieve de Galard” quedaría completamente esnaquizado, o que fixo que o seu casco se dese totalmente por perdido, motivo polo que con posterioridade a empresa Extrasa desmantelaría os seus restos previo acordo coa aseguradora do barco.

      Antes de ser repatriados para Francia, Yves Peron pasaría pola tasca do Rañal a buscar o seu canciño “Loron”, que xa levaba uns días na casa de Jesús Souto e Amelia Naya. Segundo contaba Amelia en febreiro de 2011, Peron daríalle ao seu home o bote salvavidas, un bote que acabaría uns meses máis tarde nos Caneiros de Betanzos...”Pepe de Aldao, un cliente noso do bar que casara en Betanzos mais que viña a miúdo por aquí xa que era da Pedreira (aldea desaparecida que estaba pola zona onde hoxe está o muiño de Inditex e a Schweppes), enterouse de que Chucho, o meu home, tiña o bote dos franceses e díxolle que estaba interesado en mercarllo. Eu non sei o trato que tiveron. Do único que me lembro é que un día chegou Pepe e mais o seu sogro nun camión e levaron o bote para Betanzos, seica era para Os Caneiros”.