xoves, 24 de decembro de 2020

O ACCIDENTE DO AUTOBÚS "MARTÍNEZ" EN BARRAÑÁN EN 1962

 O sábado 5 de maio de 1962 é unha data que aínda se mantén moi presente na memoria colectiva da bisbarra. Cando en toda España se celebraba o “Día Internacional sen accidentes”, unha crueldade do destino quixo que Arteixo tivera a súa nota tráxica cun accidente acontecido pouco despois das catro da tarde en Barrañán, ao precipitarse o ómnibus C-6520 propiedade da Empresa Martínez dende a estrada de Caión ata o popular areal arteixán, sinistro no que houbera que lamentar dúas persoas mortas e máis de vinte feridas, algunhas de consideración. 

La Voz de Galicia, 6 de maio de 1962

    Conducido por Alfonso Couceiro Veira, de 31 anos de idade e casado, o autocar realizaba o transporte de viaxeiros entre Caión e A Coruña subindo con certa dificultade a forte pendente que existe á altura da actual canteira, lugar onde o chofer detivo o vehículo para reparar o motor, que levaba varios minutos fallando. Foi aí cando Alfonso, na compaña do propietario do mesmo, Luciano Martínez, e do cobrador, se apeou do coche e, despois de poñer nunha das rodas unha pedra para evitar un posible esvaramento, dispúxose a arranxar a avaría. 

 Cando estaba mirando o motor, o condutor non tardou en comprobar que o autobús comezaba a moverse cara o acantilado e, rapidamente, subiu para intentar detelo cunha marcha, propósito que non sería quen de conseguir xa que “O Martínez” escorría cada vez a máis velocidade pola maltreita estrada cara o terraplén, no que acabou dando varias voltas de campá. Finalmente, despois dun tétrico percorrido de 50 metros, o ómnibus quedaría totalmente desfeito deixando esparcidos por toda a contorna eixes, portas, asentos e as mercadorías que transportaba.

Vistas do lugar do accidente na actualidade

   Os viaxeiros foron quedando tamén moi separados uns de outros sobre o terreo, pois na súa traxectoria descendente o vehículo foi lanzándoos fóra. O cobrador, que voltara ao interior do autocar despois de axudarlle ao condutor na colocación da pedra, lanzouse á estrada e salvouse de auténtico milagre do accidente. Tamén foi providencial, por outra parte, que trece obreiros que construían un muro de contención na nomeada estrada non morreran esmagados polo vehículo xa que este, sen control, pasou moi cerca das obras nas que traballaban, escasamente a tres ou catro metros. O contratista das obras, Francisco Seoane Ferreño, presenciara todo o sucedido e horas despois recordaba os feitos do seguinte xeito:

   ”O chofer, un home moi tranquilo e do que todos non poden dar senón as mellores referencias, portouse coma un heroe. Estaba mirando o motor acompañado do dono do coche e do cobrador. A pedra con que calzaran o ómnibus debía ser un pouco branda, porque cedeu ao peso do coche cargado de viaxeiros e escorregou. Eu dinme conta e corrín cara el coa primeira pedra que puiden coller, e intentei colocala debaixo dunha roda; pero xa non puiden facer outra cousa que separarme. Menos mal que non me alcanzou. Entón o condutor Alfonso, que por certo está malferido, botou a correr cara a cabina do vehículo ao mesmo tempo que se empezaban a oír gritos dos que estaban no interior. O chofer puido meterse dentro do coche, pero este, dada a forte pendente dese tramo de carretera tomou gran velocidade marcha atrás, e eu e os demais obreiros vimos que nada se ía a poder facer. Así foi, e tamén se deron conta disto o propietario e o cobrador, que se levaron as mans á cabeza. Por certo que eu pensara uns intres antes en traer para o lado por onde pasou o ómnibus aos obreiros. Se o chego a facer, a estas horas algúns de nós estaríamos mortos. O vehículo foise cara atrás uns vinte metros, ata que perdeu o equilibrio e vimos como se deslizaba por enriba do muro que se está facendo. Ao tocar nel pareceu poñerse en pé. Vin tamén como tres ou catro homes se lanzaron por si mesmos fóra do coche. A estos non lles pasou nada.

    Logo empezaron as voltas de campá polo precipicio. Unha porta quedou xa aquí, case ao lado do muro. Parte das ventanillas, tamén. Logo foi desfacéndose rápidamente o coche, mentres eran lanzados fóra os viaxeiros. Houbo mala fortuna. De non ser por esa rocha saíente que se ve aí a uns trinta metros abaixo da estrada, se cadra o accidente non era tan grave. Ao chocar contra ese saínte, a rocha terminou por esnaquizar o vehículo, e semellaba que dentro del se producía unha explosión. Empezaron a saltar violentamente pezas, portas, eixes, chasis, rodas... Fíxese: ata o mar chegaron dúas rodas traseiras, a uns cen metros de onde quedaron as súas compañeras, suxeitas ao eixe e ás béstas. Os viaxeiros quedaron tamén diseminados polo terraplén. Algúns poideron levantarse por si sós. Inmediatamente despois de ver o sucedido, todos os membros do meu equipo se lanzaron a socorrer aos feridos, e ao mesmo tempo mandei recado a dous camións que se dedicaban á carga de area e que estaban a algunha distancia do lugar do suceso, para que subiran rápidamente. Era necesario o traslado dos feridos.”

 

La Voz de Galicia, 6 de maio de 1962

    A maioría das persoas accidentadas eran moi coñecidas en toda a bisbarra. Naquelas tristes horas de ingrato recordo, tamén houbo certa confusión co número de viaxeiros xa que había quen dicía que no vehículo ía toda a tripulación dunha tarrafa. E efectivamente, así era. Todos, menos tres. En Caión subiran ao coche vinteun tripulantes do total de vinticatro que compoñían a dotación da tarrafa “Tercer Exprés”, con base na Coruña, cidade na que tiñan previsto embarcar porque naquela hora, cando había mal tempo, levaban os barcos para o porto herculino e os mariñeiros ían por terra para despois faenar polas rías. Entre eles figuraba José Morgade Felipe, de 27 anos, casado e veciño de Caión falecido en Barrañán a consecuencia das gravísimas feridas. Ía con seus irmáns, dous dos cales poideran abandonar o autobús antes de desfacerse, e viron como este se estrelaba.

La Voz de Galicia, 6 de maio de 1962

    En total, ocupaban o “Martínez” vintenove persoas e, tras os primeiros minutos de confusión, comezaría o auxilio dos feridos, acudindo inmediatamente os obreiros nomeados anteriormente que construían o muro, ademais dos veciños máis próximos. Algún dos alí presentes dicía que... esta é unha carretera con desgracia. Está en moi malas condicións dende hai moitos anos e é moi estreita. Houbo xa varios accidentes. Por certo que hai uns dez ou once anos, pola festa do San Antonio, este mesmo ómnibus que acaba de desfacerse caeu polo terraplén e rodou uns cincuenta metros, pero quedou case intacto. Non houbera nin un só ferido”.

    Máis tarde tamén se presentaron alí as forzas da Garda Civil do posto de Arteixo, vila na que había unha profunda conmoción e a onde serían trasladados, sobre as caixas dos camións que extraían area en Barrañán, os accidentados para ser atendidos inicialmente polo doutor Manuel Rodríguez Díaz.

    O médico don Manolo, que despois de recoñecer aos feridos enviounos á “Clínica del Pilar”, pasando posteriormente algúns ao Hospital Municipal de Labaca e o resto á Residencia “Juan Canalejo”, declaraba ante os medios herculinos o seguinte:

   Atendinos como puiden, porque eran moitos. Por iso envieinos inmediatamente á Coruña, onde dispoñían dos medios necesarios. Por certo que unha das viaxeiras, Josefa Barreiro, que ten unha taberna en Barrañán, salvouse grazas á intervención de unha veciña súa no lugar do accidente. A veciña, que non sei como se chama, fíxolle unha homostasia perfecta. Cun pano apretou fortemente a ferida impedindo que se desangrara. De non ser por ela, cando chegou a Arteixo se cadra xa houbera morto. Débelle a vida. José Morgade Felipe, outro dos viaxeiros, chegou a Arteixo cadáver. Moi grave ía unha muller que descoñezo o seu nome pero paréceme que é a mestra de Xermaña

 

A mestra María Dolores López, de vestido escuro, con catro mozas de Xermaña (cortesía de Moncho Méndez)

    Tal e como intuía don Manolo, tratábase de María Dolores López Rodríguez, máis coñecida por dona Maruja, mestra da escola de Xermaña que era madriña do meu amigo de Caión Manel Raposo. Natural de Dozón, Pontevedra, de 58 anos, dona Maruja pasaba toda a semana en Xermaña, onde tiña vivenda na escola, e trasladábase ao seu domicilio da coruñesa rúa de Santo Tomás para pasar o domingo co seu marido Juan e co seu fillo Amado. Ao ingresar no “Juan Canalejo” presentaba lesións de moita gravidade, a consecuencia das cales deixaría de existir dúas horas despois.

Marcelino Rozamontes (cortesía de Paco  López)

    Tamén, no nomeado centro sanitario, prestouse asistencia facultativa ao veciño de Caión Marcelino Rozamontes Arijón, con posible fractura de columna vertebral e feridas na cara e coiro cabeludo. Por desgracia, o diagnóstico inicial dos doutores de urxencias acoubouse confirmando e Marcelino quedou tetrapléxico. Casado con Palmira López Casas, con quen tivo tres fillos, o pobre morrería no hospital cinco meses despois do accidente, o 8 de utubro de 1962, aos 46 anos de idade.

    No “Juan Canalejo” foron asistidos, ademais, o condutor do vehículo Alfonso Couceiro Veira, que presentaba fractura da perna dereita e shock traumático de pronóstico grave; e German Villar Teijeiro, de Caión, con ferida por desgarro en cara externa e posterior da coxa dereita, desgarro muscular, ferida superciliar en coiro cabeludo e outra na man esquerda. Feridos de pronóstico reservado foron asistidos nesa residencia Ramón García, Amalia Seijal Ramos e Amalia Pardo Felipe, e de carácter leve, Ricardo de la Fuente; Antonio Rama Gantes; Ricardo Amado Cotelo; a nena María Pilar García, filla do lesionado Ramón García e Dolores Pereira, que era a muller do cabo da Garda Civil de Caión. As dúas últimas foron trasladadas aos seus respectivos domicilios e os demais quedaron ocupando sendas camas no hospital. Todos eran veciños de Caión e arredores.

    Na “Clínica El Pilar”, que estaba na esquina da Praza de Pontevedra coa rúa Teresa Herrera, foron asistidos de urxencia e posteriormente pasaron ao Hospital Labaca as seguintes persoas: Francisco López Varela, veciño de Sorrizo de 37 anos, casado e mariñeiro; Jesús Añón Varela, de Noicela (Carballo), de 33 anos, casado e mariñeiro; Gerardo Abeleira Recarey, de Caión, de 28 anos, casado e mariñeiro; Ramiro Rodríguez Esmorís, de Rebordelos (Carballo), de 19 anos, solteiro e mariñeiro; Dolores Balbís Mendez, de Arteixo, de 52 anos e casada; Generoso Pardo Martínez, Francisco Castelo e Manuel Blanco Vázquez, de Caión. A todas estas persoas se lle apreciaron lesións de pronóstico reservado.

 

Imaxe dos anos 60 da "Clínica El Pilar", que é o edificio que se ve na parte superior do trolebús

    Con aquel accidente en Barrañán, con dúas persoas falecidas, unha tetrapléxica que morrería meses despois e con ducias de feridos, o arranxo da estrada de Caión, tantas veces demandado, converteuse nun clamor popular. Ao fío do lamentable estado desta vía naquela altura, o xornalista Eugenio Pontón publicaba o seguinte artigo en La Voz de Galicia tres días despois do sinistro: 


LOS TAXISTAS Y LA CARRETERA DE CAYON

Llegar a Cayón no es fácil. Resulta dificilísimo. Tuve ocasión de comprobarlo el sábado pasado, cuando quise tomar un taxi con objeto de hacer información del desgraciado accidente que costó la vida a dos personas y heridas a 19 más. Nos acercamos hasta la parada de Cuatro Caminos, donde había varios taxis.

Hasta Barrañán, por favor.

El primer taxista al que nos dirigimos, que ya había abierto la puerta para que entrásemos en el vehículo, torció el gesto y dijo:

De verdad que lo siento mucho, pero no me obliguen a meter el coche por la carretera de Cayón.

Probamos con otro.

Mire; si es un caso de verdadera necesidad... Pero si no… Insistimos con otro más. La misma respuesta. Y otro, y otro. Hasta que al fin, uno, más decidido, nos dijo:

Haré un sacrificio. Conozco bien la carretera.

Y nos fuimos con él. Muy bien hasta Arteijo. De Arteijo a Barrañán, por la carretera de Cayón, las suspensiones llegaban a los topes, pese a que el taxista, extraordinario conductor, extremaba la prudencia esquivando, frenando, deteniéndose, casi por completo. A veces, para evitar un hueco —no un huequecito, sino auténticos socavones— era preciso arrimarse casi al mismo borde del precipicio, y, mientras, el «alma se encogía con el miedo». No es extraño que por esta carretera, estrechísima y deshecha totalmente, se produzcan accidentes.

En cuanto a los taxistas, tenían toda la razón de su parte cuando se resistían o se negaban a hacer el viaje. Toda la razón. La posible ganancia —quizá la única de ese día—, podían perderla destrozando el material por un terreno más propicio al «moto-cross» que a nada. Es perfectamente natural que los taxistas teman a esa carretera. Sale más económico ir a Santiago que a Cayón, con haber una gran diferencia de kilómetros, pues si bien es cierto de que el gasto de gasolina es superior yendo a Compostela, no es menos cierto que el gasto es mayor en cuanto hay que comprarle al coche una suspensión nueva, o un palier, o un eje, que todo puede ser. Por eso les decía al principio que no es nada fácil ir a Cayón. Ni nada rápido. Se puede llegar antés a Madrid en avión, que en vehículo a Arteijo. La solución hace muchos años que los cayoneses la esperan; y sólo se habrá conseguido el día que se arregle la carretera y se le reformen las curvas, dándole un mayor ancho.

Eugenio Pontón

 

     Finalmente as autoridades franquistas da época decidiron arranxar por aqueles días a estrada entre Arteixo e Caión, adxudicando as obras en 1.521.000 pesetas con cargo aos Servizos Técnicos da Deputación, cunha aportación do oitenta por cento do Estado e o resto do ente provincial. As obras remataríanse en 1963.

domingo, 20 de decembro de 2020

A PARROQUIA DE OSEIRO NO DICIONARIO XEOGRÁFICO DE SEBASTIÁN MIÑANO (1826-1829)

 O Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal é unha magna obra composta por once volumes que foi publicada por Sebastián Miñano y Bedoya entre 1826 e 1829. Malia que no seu momento tivo certas críticas como a do xeógrafo Fermín Caballero, quen lle reprochou a Miñano que as principais fontes de información seguían sendo, como en tempos de Felipe II, os cregos, a obra ten unha importancia extraordinaria xa que nos ofrece unha completa visión de como era o noso país naquela época. Ante as recriminacións de Caballero, Miñano defendeuse dicindo, en alusión aos curas párrocos, que… “á cada uno de los cuales he escrito separadamente, pidiéndoles nociones ciertas y positivas de sus respectivos pueblos y de los inmediatos”, a quenes agradeceu a súa axuda, o mesmo que ao director da Real Academia da Historia, Martín Fernández de Navarrete, e ao censor Juan Agustín Ceán Bermúdez.


    Estas son as referencias á parroquias de Oseiro:
  

OSEIRO (SAN TIRSO DE),

 

Imaxe do ano 1919 da igrexa de Oseiro
   Coto Redondo de España en Galicia, provincia de la Coruña, jurisdicción de su nombre, arzobispado de Santiago. Juez Ordinario, 149 vecinos, 760 habitantes, 1 parroquia aneja de Pastoriza. Situado a la derecha del camino real que va desde la Coruña a Bergantiños, a distancia de legua y ¼ . Terreno quebrado y montuoso que produce trigo, maiz, centeno, habas, lino, vino y ganados. Industria: comprar víveres para vender en la Coruña, y telares de lino y lana, 6 molinos harina en un riachuelo que pasa por medio del pueblo. Los naturales de esta parroquia y de las de Pastoriza y Suebos son robustos y aficionados al trabajo; pero inclinados a pleitear por cualquiera bagatela. Dista 1 ¼ legua de la capital y 8 ½ de Santiago. Contribuye 1279 reales 16 maravedises.
  
   Ademais, no tomo XI do devandito dicionario tamén aparece a seguinte información sobre Oseiro
 
    No es de la jurisdición de su nombre, sino de la de la Coruña. Pertenece al arziprestazgo de Faro, y su parroquia se compone de las aldeas de Frogel, Galán, Moucho, Oseiro de arriba, Oseiro de abajo, Pedreira, Ponte, Rañobre, Sabón y Villarrodiz.

venres, 11 de decembro de 2020

O RÁPIDO DE ARMENTÓN

    Non sabemos con certeza o ano da súa fundación mais, segundo unha información publicada na prensa coruñesa da época, o que si podemos confirmar é que a empresa de transportes “El Rápido de Armentón” xa facía percorrido entre Anzobre e A Coruña nos primeiros anos 30 cun automóbil propiedade de Eduardo Ferrín López. Nun artigo no que La Voz de Galicia se facía eco das protestas dun grupo de vendedoras de Arteixo pola imposibilidade de utilizar a devandita liña de transporte, na súa edición do 11 de decembro de 1932, o xornal herculino publicaba o seguinte:

Nos visitó anoche una comisión de mujeres de la comarca de Arteijo que acuden a vender al mercado, para manifestarnos la extrañeza que les produjo que les haya impedido la Guardia Civil salir de aquel pueblo para La Coruña en el automóvil “El Rápido”, que arranca diariamente de Armentón. Las infelices tuvieron que venir en varios coches de turismo. Dicen que el retraso que la detención les determinó en su viaje, les produjo perjuicios. Añaden que en las oficinas de Obras públicas les dijeron que en aquella dependencia no partió orden alguna y lo propio les expresaron en el cuartel de la Guardia Civil.” (1)

As protestas pola falta de transportes en Arteixo, continuarían nos días posteriores, unhas reclamacións que os medios herculinos recollían deste xeito unha semana máis tarde:

Acompañada del secretario general del Partido Agrario Radical Gallego, señor Rodríguez Guerra y del señor alcalde y secretario del Ayuntamiento de Arteijo. visitó al gobernador civil, una numerosa comisión de vecinos de dicho AYUNTAMIENTO, acompañada de más de 500 campesinos y campesinas de las diferentes parroquias, que presentó una instancia interesando apoyo al vecindario de Arteijo para circulación de coches de servicios libres, para ferias, mercados, fiestas, romerías y alquileres, dado el perjuicio que la paralización de tal servicio produce al comercio de dicho pueblo y a los muchos tratantes que en él existen dedicados al negocio de legumbres, huevos, aves, ganado lanar y cabrio, etcétera; perjuicio que no puede menos de repercutir en los mercados de La Coruña, toda vez que la no aportación de esos productos en la intensidad y forma que venia practicándose, tendrá que encarecer el precio de ellos.

También se instó de la Jefatura de Obras públicas la renovación temporal del permiso que venían disfrutando don Eduardo Ferrín y otros, aquél como propietario del automóvil “El Rápido”—por ser necesario por falta de comunicaciones rápidas, constantes y económicas que permitan a los tratantes la adquisición de productos en los puntos de contratación y simultáneamente hacer el recorrido de viajeros desde el lugar de Anzobre, en la parroquia de Armentón, carretera que está fuera de la línea general de circulación de automóviles de línea. La protesta contra los exclusivistas que no pueden atender a todas las líneas ni servir en sus necesidades a la población rural, es unánime.

También se cursaron telegramas a los ministros de la Gobernación, Obras públicas y Agriculta y Prensa de Madrid, solicitando apoyo en defensa de los intereses comerciales del municipio, que se ven notablemente perjudicados con la paralización del servicio automovilista que tuvo hasta ahora y que le permitía la fácil y rápida adquisición de productos en ferias, así como su traslado a la plaza de La Coruña. Es anhelo también de las fuerzas vivas de Arteijo y de los agricultores en general que desaparezca la condición exclusivista de varias empresas de automóviles, que tan grandes perjuicios ocasiona a los pequeños industriales y agricultores en general.

El señor Rodríguez Guerra expuso los perjuicios gravísimos que a los labradores gallegos en general se les infiere con la paralización de los servicios libres y anunció el decidido propósito de las organizaciones agrarias de hacerse oír para que se les haga justicia.

El gobernador prometió trasmitir la razonada queja, tras de lo cual la caravana automovilista conduciendo a centenares de vecinos de no pocos pueblos limítrofes, retornó a ellos esperando que serán atendidos”. (2)

    Estos dous artigos deixan ás claras a importancia e a innegable transcendencia que “O Rápido de Armentón” tiña para os labregos e labregas do noso municipio que, naqueles tempos, facían uns pesiños na cidade vendendo os produtos que colleitaban nas súas terras. Trala oportuna protesta contra os exclusivistas do transporte e despois de solucionarse o conflicto, “O Rápido” retomaría o seu habitual percorrido entre Anzobre e A Coruña, traxecto que despois da xubilación do señor Eduardo, o fundador da empresa, facía a diario o seu fillo Manuel.

    Nacido en 1866, Eduardo Ferrín López casara con Francisca Cores Amenedo, que era catro anos máis nova que o seu home. O matrimonio tivo catro fillos: Pepe, María, Eduardo e Manuel Ferrín Cores, rapaces que naceron na Baiuca, nas chamadas “casas de Ana”. Andando no tempo o maior, Pepe, construiría unha nova vivenda na zona actualmente ocupada polo edificio de Telefónica, situado entre o restaurante El Gallo de Oro e a Oficina de Turismo. Nesa casa, que era coñecida como a casa “dos de Ana e que foi derrubada por mor das expropiacións para o Polígono Industrial de Sabón nos primeiros anos 70, vivían Pepe, que estaba separado, e Eduardo e María, os dous solteiros. Alí, os tres irmáns rexentaban unha tenda, a tenda “dos de Ana”, un ultramarinos dos de antano no que case sempre despachaba María e ocasionalmente Pepe. Eduardo repartía pola bisbarra os pedidos na camioneta coa que tamén se adicaba ao servizo discrecional de feiras e mercados. Da tenda “dos de Ana”, que estivo aberta durante case catro décadas, prometo falar máis polo miúdo noutra ocasión xa que na crónica de hoxe o protagonismo é para o irmán menor, para Manolo Ferrín Cores, que foi quen continuou coa liña de transporte “El Rápido” fundada por seu pai Eduardo anos atrás.

    Manolo Ferrín, que nacera na Baiuca en 1911, fixérase cargo da empresa nos primeiros anos 30, época na que estableceu o seu domicilio en Armentón ao casar con Elisa Suárez López, veciña do lugar do Igrexario coa que tivo fillos: Manolo, Enrique e Pepe Ferrín Suárez.

    Manolo saía cedo co seu autobús cada mañán dende aquel Anzobre no que aínda estaba ben presente o recordo de Picadillo, falecido en 1918 con tan só 44 anos. Se non morrera tan novo, de seguro que “El Rápido” sería protagonista dalgunha das súas “Confidencias”, a sección do xornal El Orzán na que o popular persoeiro daba boa conta dos seus avatares cotidiáns con moito humor e moita retranca (anteriormente fixera o propio en El Noroeste). 

 

Imaxe da "Gilda"

    Anzobre, Lañas, Arteixo, Oseiro, Pastoriza, Meicende… “O Rápido” ía parando en cada un destos lugares ata o destino final da cidade da Coruña, a onde chegaba cada mañán cargado de xente e mercadorías ao tope, amontoadas sobre as bacas en equilibrios imposibles, do mesmo xeito que facía o viaxe de volta a primeira hora da tarde. Daqueles tempos, daqueles anos máis duros anos da posguerra, aínda hai quen se acorda da “Gilda”, un Ford americano nomeado así pola longametraxe dirixida en 1946 por Charles Vidor e protagonizada por Rita Hayworth e Glenn Ford.

   Ao longo dos anos corenta Manolo Ferrín Cores faría centos de viaxes na “Gilda” e noutros autobuses antigos carrozados aquí. Un destos coches, o matrícula C-5731, era o que conducía o noso protagonista o luns 21 de agosto de 1950. Nas primeiras horas dese día, pouco antes das 09:00, “O Rápido” circulaba pola chamada “carretera nova” a altura da “curva dos Conexos” cargado, case na súa totalidade, cos habituais vendedores e vendedoras que viaxaban no interior e na baca cos seus recipientes de leite, froitas e resto de produtos que tiñan intención de vender no mercado da Coruña. Aquel instante quedaría gravado de por vida na retina de Manolo Ferrín: uns segundos máis tarde da ruptura da dirección, o ómnibús daba varias voltas de campá caendo polo terraplén abaixo ata chegar ás proximidades do lugar da Furoca, en Pastoriza, desviándose uns 30 metros da estrada. Naquela horrenda confusión, 3 persoas resultaron con feridas graves, 33 con feridas leves e, dadas as circunstancias nas que se producira o accidente, só houbera que lamentar a morte dunha persoa, Manuel Castro Mañana, chófer de 39 anos que ía no “Rápido” coma viaxeiro.

  É moi probable que aquel accidente fora a causa principal polo que Manolo entrara nunha profunda depresión que o mantivo lonxe do volante durante bastante tempo. Esa situación levaría á súa muller Elisa e aos seus fillos maiores Manolo e Enrique, nacidos respectivamente o 15 de marzo de 1935 e o 15 de marzo de 1936, a facerse cargo da empresa naquelas amargas horas para a familia. E así, nun momento no que os rapaces aínda eran menores de idade, Manolo e Enrique convertéronse nos choferes do “Rápido”, algo impensable na actualidade.

 

Imaxe do ano 1951 do "Rápido" en Campolongo, Armentón

     Naquela altura, e malia a competencia dos trolebuses Coruña-Carballo, que empezaron a funcionar en febreiro de 1950, “O Rápido” continuaría facendo a ruta Anzobre-A Coruña do mesmo xeito que o viña facendo dende había xa bastante tempo… bueno, do mesmo xeito non… agora conducían os autobuses dous mozos que apenas lle chegaban aos pedais do autobús. Mais o enxeño podía con todo:

  Que os pés non alcanzaban ao acelerador?

   -Non pasa nada Manolo, poñemos uns tacos de madeira e xa está!

   Que tiñan problemas co cambio?

  -Ti tranquilo Enrique, botámoslle un quilo de azucre ao líquido de embrague e xa verás: problema resolto!

     Uns anos máis tarde, en agosto de 1958, Manolo, o maior dos Ferrín Suárez, que naquela altura tiña 24 anos, tamén sufriría con moita angustia o accidente co equipo de fútbol de Vilarrodís, cando conducía o ómnibus con matrícula de Lugo número 1.720 facendo percorrido cara a Rianxo. No sinistro acontecido en Carral, do que xa demos boa conta nesta bitácora (http://cronicasdearteixo.blogspot.com/2016/06/o-accidente-do-equipo-de-futbol-de.html), houbera dúas víctimas mortais, unha delas falecida o propio día do accidente e a outra nos días posteriores.

 

Ómnibus sinistrado en Carral co equipo do Vilarrodís

    Naquela época Manolo casou con Josefina Rozamontes Pan, irmá de Pepe, que en 1962 abriría na Groufa a popular “Panadería Rozas”. Por aqueles días, unha das viaxeiras habituais do “Rápido” era unha das netas de Picadillo, a miña prezada amiga Chau Fernández-Gago Puga (A Coruña, 1948), que tivo a ben recordar algunhas anécdotas da súa infancia e xuventude:

    “Mi madriña, cantas veces viaxei no Rápido! Meus tíos, a tía Maruja e miña nai Jacoba tamén o usaban para desprazarse dende Anzobre ata A Coruña. Non recordo se meu pai o utilizaba, porque morreu cando eu tiña 7 anos. O que si che podo contar é que íamos a todas as partes no Rápido e que, iso si, era de todo menos rápido, porque facía moitas paradas. Tamén recordo que, nunha ocasión, fumos nun dos autobuses para o banquete do casamento duns amigos, todos os convidados. Creo que se celebraba en Caión, e cando chegamos á altura da canteira de Barrañán para coller a carretera que vén de Arteixo, Ferrín díxonos:

   -Ala, baixade que teño que dar a curva!

   Xirou á esquerda, deu a curva e despois dixo:

   - Ala, xa podedes subir!

   Imaxino que o faría porque tería medo de caer ao mar, no que hoxe é a praia nudista de Combuzas!

   Na miña xuventude, os nosos amigos viñan moitas veces no Rápido dende A Coruña. O peor eran os horarios porque ata aquí, ata Anzobre, só viña un autobús pola mañán. O Rápido traíanos pero non nos levaba. Se queríamos regresar a A Coruña, ás veces os Ferríns levábannos ata Campolongo e dende aí, subindo pola costa de Menlle, íamos andando ata Lañas a coller o trolebus que viña de Carballo para ir ata A Coruña. E pola noite, xa non recordo a hora, traíanos outra vez de volta. Era moi divertido nas épocas de Ferrín. Despois, cando O Rápido pasou a outra xente, xa non era o mesmo porque antes todos éramos coñecidos”. 

 

Dous coches da empresa "El Rápido" na Praza de Pontevedra da Coruña en 1960

    Nesa época da que fala Chau, nos anos 60, Enrique Ferrín casou con Maruja Ferrín, unha moza do Alto de Arteixo que recentemente nos recordou, na compaña do seu fillo Kike, algunhas historias do “Rápido” e da súa familia que, segundo nos contaron… “os primeiros Ferríns que se asentaron en Arteixo eran canteiros e viñan da parte de Pontevedra”. Ao pouco de darse o “si quero” Enrique e Maruja farían, ao igual que miles de galegos daquel tempo, a maleta da emigración para traballar en Inglaterra, onde permaneceron ata 1968. De volta en Arteixo, Enrique bota un tempo no “Rápido” antes de entrar a formar parte da plantilla de Transportes Finisterre, empresa na que estivo ata a súa xubilación conducindo un dos autobuses da ruta a Fisterra. Enrique faleceu no ano 2020.

 

Fotografía tomada en Santiago en 1964. De esquerda á dereita, Enrique Ferrín Suárez, seu pai Manuel Ferrín Cores e a súa muller Maruja Ferrín Torres
 

    Pepe, o irmán máis pequeno dos Ferrín, que nacera en Armentón en 1945, seguiría o mesmo camiño que seus irmáns Manolo e Enrique e, do mesmo xeito que eles, tamén empezaría a conducir un dos ómnibus da empresa familiar… iso si, Pepe fíxoo tras obter o correspondente permiso de conducir, que probablemente sacou no Parque de Automóbiles, que foi o lugar onde fixo o servizo militar. Ao marchar Enrique para Inglaterra, Manolo e Pepe eran agora os encargados de levar as rendas do “Rápido”, unha época que o xornalista e escritor Antón Castro (Lañas, 1959) recorda con moito cariño:

    “O Rápido de Armenton abría portas ao mundo exterior nun tempo que case ninguén fora a A Coruña. Cada vez que íamos era unha pequena festa. Unha descuberta. Era o coche de Menlle, Campolongo, onde tiña os garaxes, de Armentón e Anzobre. A min gustábame moito velo e penso que tamén os meus amigos de daquela: eu vivía en Castelo (Lañas), e paraba moito pola Portegaza. Alí adoitaban baixar os veciños de Castelo, que tamén collían os trolebuses Coruña-Carballo, a xente de Barrañan, O Galo e A Seara, sobre todo, e alguén que vivía perto da Portegaza. Coñecíamos aos conductoes, Manolo e Pepe, e viámolos parar diante da casa de Chucho e Lola de Ferreño, onde sempre facían parada. Alí tiña os meus mellores amigos, Miguel e Jorge, e en fronte estaba a casa de Remigio do Peirallo, que era curmán de miña nai. Outro compañeiro fundamental de xogos. Falamos do ano 1964 a 1968. E O Rápido, máis que o trolebús, era un pouco noso. O trolebús era o de Carballo, e quedábanos máis lonxe. O Rápido significaba xente que ía e viña, mercancías, ver mundo... A Portegaza, despois da Casilla, era a parada principal en Lañas, na entrada da fraga de Gelito. Eu vía o Rápido como unha porta a outros mundos, que andaban perto, si, pero daquela os 14 ou 15 quilómetros que había ata A Coruña parecíanos un pouco abismo. Recordo que daquela dicíame que non me importaría ser conductor. Penso que vía un pouco aos conductores como grandes aventureiros. Tamén tiña un conductor de Catuxa, Arteixo, que andivo alí moitos anos”.

 


Imaxes do "Rápido" tomadas en 1966 nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña
 

      Estamos xa nos setenta, época na que trala morte de Franco Daniel o do Monte Pequeno e a súa muller Carmen empezaron a organizar as primeiras excursións a Portugal. Xa podedes imaxinar a que empresa contrataban a maioría das veces, non? Pois claro: o autocar dos Ferríns, unhas viaxes nas que segundo nos contou Daniel… “case sempre conducían Manolo, o propio Ferrín, ou ben Francisco, que foi o chófer que máis veces cruzou a raia con nós”.

   Nesta altura Pepe Ferrín xa casara en Barrañán con Carmen Souto, de quen se separou anos despois. Posteriormente, o menor dos Ferríns refaría a súa vida sentimental casándose en Vimianzo con María Jesús Lema Costa. Trala venda a seu irmán Manolo da súa parte da empresa Hermanos Ferrín S. L., Pepe convertiríase alí, no corazón da Terra de Soneira, nun destacado empresario do sector do transporte publico cunha pequena flota de autocares que fundara con María Jesús baixo a marca Ferrín-Costa. Nestes autocares traballou ata a súa xubilación, sobre todo cos colexios de Baíñas, Vimianzo e Os Muíños. Pepe, que residía no lugar de Caxadas, na parroquia de Cambeda (Vimianzo), falecería ao igual que seu irmán Enrique no ano 2020, aos 75 anos de idade.

 

Imaxe do ano 1966. Sentados, de esquerde a dereita, Manuel Ferrín Cores, Elisa Suárez López e o señor Rozar. De pé, e na mesma orde, a terceira pola esquerda é Maruja Ferrín Torres; o cuarto, Enrique Ferrín Suárez; a sétima, Fina Rozamontes Pan; o oitavo, Manuel Ferrín Suárez; o noveno, Pepe Ferrín Suárez; a décima, Fina Ferrín Rozamontes e, undécimo, Manuel Ferrín Rozamontes

   Entre finais dos 70 e principios dos 80, a liña de transportes do “Rápido de Armentón” pasaría ás mans de Transportes Finisterre. Nesa época Manolo, o maior dos irmáns Ferrín Suárez, trasládase coa súa muller Fina Rozamontes a Ribeira para realizar o transporte de escolares ao colexio de Aguiño, con dous autocares. Posteriormente, o matrimonio adquire a compañía Sarasquete e Hijos S.L. que se adicaba ao transporte regular de viaxeiros entre Aguiño e Ribeira. No ano 1994 Manolo e Fina compran a empresa El Celta e crean Hermanos Ferrín S. L. con distintas liñas, entre elas a Ribeira-Noia Ribeira-Castiñeiras ou Ribeira-Corrubedo, así como outras entre Santiago e Bertamiráns, Muxía, Negreira… actualmente participadas, nalgún caso, maioritariamente por Monbus.

  Josefina Rozamontes, xerente, xunto ao seu marido da empresa de transportes Autobuses Ferrín S. L., falecería no ano 2016 aos 81 anos de idade en Ribeira, vila na que Manolo sigue residindo na actualidade. E dende a distancia, dende a súa querida Barbanza, non hai día que non se acorde do seu Arteixo natal e, de como empezou a súa vida no Rápido… no Rápido de Armentón!

Fin da viaxe!

 

FONTES:


1.- La Voz de Galicia, 11 de decembro de 1932, páx. 5.

2.- La Voz de Galicia, 18 de decembro de 1932, páx. 1.