O pasado xoves, 1 de maio, despedíamos a Pepe Mañana, arteixán da parroquia de Morás que foi un dos pioneiros do fútbol feminino e alma do gran Karbo. Como non podía ser doutro xeito, as Crónicas de Arteixo desta semana están dedicadas a súa memoria. Vaia dende aquí o noso máis sentido pésame á súa familia e aos seus seres queridos!
![]() |
Pepe Mañana (DXT Campeón) |
A finais de 1969, ao mesmo tempo que Finita López, “a rubia de Vilarrodís” erguía paixóns polos campos da bisbarra coas súas guedellas louras ao vento, Francisco Cadahía e Pepe Mañana, nado en Uxes o 29 de outubro de 1950, fundaban na Coruña o Karbo, un novo equipo de fútbol feminino que pouco a pouco iría collendo a vez daquelas rapazas pioneiras de Elviña, que xa había algúns anos que se daban cita nas instalacións do Relámpago para dilucidar, en cada Entroido, a primacía balompédica entre as solteiras e as casadas do lugar ou contra rivais doutros lares como o Vilarrodís ou o Crendes.
Karbo é a suma sincopada de Carrasco e Borrego, primeiros apelidos de Ramón e María del Carmen, o matrimonio que rexentaba a academia privada na que estudaba Mañana por aquel entón, unha academia que a día de hoxe segue estando situada na popular barriada dos Mallos. Nese centro de ensino, entre urxencias mecanográficas e de inglés comercial, Francisco Cadahía e Pepe Mañana, presidente e adestrador do equipo, ían formar un grupo de vinte mulleres, todas solteiras, que compaxinaban o fútbol cos estudos ou co traballo, e que se xuntaban dous días por semana para adestrarse no campo da Sagrada Familia baixo as ordes do técnico de Uxes, co que tivemos a sorte de falar en numerosas ocasións para a elaboración dun dos capítulos que o propio Pepe protagoniza no libro “100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha”, traballo no que contamos coa colaboración destos dous concellos para a súa edición.
O bautismo oficial do club celébrase en Almeiras en abril de 1970, cun partido que remata con triunfo visitante por 0-1. Non podía imaxinar ninguén o que o Karbo ía conseguir nos seguintes anos, mérito que se acentúa porque ademais, nunha época na que ser muller e xogar ao fútbol non era nada doado xa que non estaba ben visto por todos os ollos, ían ser quen de romper barreiras que parecían infranqueables naquel mundo de homes. Mais antes disto, antes de que o Karbo se convertese nunha auténtica referencia e nun exemplo a seguir, as súas xogadoras tiveron que aguantar todo tipo de comentarios machistas, o mesmo que Pepe Mañana, que tamén tivo que soportar as estupideces domingueiras dalgún desaprehensivo da lingua.
O Karbo non tarda en destacar entre os poucos equipos de fútbol feminino que había no país, mais, por aqueles primeiros anos da década dos setenta, os partidos eran máis ben escasos, xogándose moitos deles como un aliciente máis das festas do verán das vilas galegas, como o enfrontamento disputado en 1975 no Campo dos Cabalos de Arteixo (lugar que hoxe ocupa o Centro de Saúde da capital municipal) entre o Mayador de Vigo e o once adestrado por Mañana.
![]() |
Formación do Karbo dos anos 70 co seu adestrador Pepe Mañana (El Ideal Gallego, xullo de 1975) |
Van pasando os anos e o fútbol feminino ten cada vez máis adeptos, mais iso si, ata aquel momento carecía da difusión que si tiña noutros países, ao que lle había que engadir o feito de que, despois de que varios equipos solicitasen en 1977 a súa inscrición na Federación Española, o ente federativo seguiríalle dando as costas ao balompé das mulleres, chegando ao punto de prohibirlles aos árbitros colexiados que asubiasen os seus partidos.
Malia os continuos paus nas rodas que poñía a Federación presidida por Pablo Porta, que prometera varias veces darlle oficialidade a esta práctica deportiva buscando as oportunas solucións nas asembleas federativas, o Karbo segue adiante na súa aventura. Pasando momentos de verdadeiro apuro económico por mor da incomprensión e a falta de axudas por parte das empresas coruñesas e, tamén, dos organismos da cidade, que pouco ou nada colaboraron no labor realizado pola entidade dos Mallos, o conxunto de Pepe Mañana participa, naquela altura, en torneos internacionais como os celebrados no Porto, Cascais (Lisboa), Olivet (Orleáns), París ou noutros da xeografía española, como os disputados en Mallorca ou en Lugones (Asturias).
A pesar da efervescencia do fútbol feminino, que durante aqueles anos setenta ía dar pé á creación de numerosos equipos, o primeiro campionato celebrado en España, a “Copa Reina Sofía”, non se celebra ata 19811. Toman parte nel dezaseis conxuntos e dispútase en Tarragona baixo un sistema de liguiña de catro grupos previo ás semifinais. Unha vez máis sen axuda económica de ningún tipo, o Karbo viaxa a Cataluña custeando o desprazamento grazas ás achegas individuais, á recadación dalgún partido e á venda de rifas do colexio. Mais, con todo, as coruñesas ían deixar a súa pegada no libro do fútbol feminino marabillando aos alí presentes. Tras gañarlles ao Condal (4-0) e ao Punta del Este (10-1), e empatar (0-0) ante o Cide2, o Karbo queda campión do Grupo IV e tiña que enfrontarse nas semifinais ao Barcelona, conxunto ao que derrota por 3-0. Na gran final, disputada o 28 de xuño de 1981 en Tarragona, as pupilas de Pepe Mañana vencen ao Unión Risco de Las Palmas por 2-1, con actuación estelar de Inma Castañón, a mellor xogadora do torneo, e da autora dos dous goles coruñeses, Lis Franco, filla do arxentino Rafael Franco, subcampión de Liga co Deportivo en 1950 e membro da famosa “Orquestra Canaro”.
O segundo título chega na tempada 82-83, con triunfo 4-1 sobre o Porvenir. Uns meses antes de cantar o alirón deste torneo, en febreiro de 1983, cinco xogadoras do Karbo (Geli Olmo, Encarna Pérez, Inma Castañón, Lis Franco e Rori Martínez) participaran no primeiro compromiso internacional de España, partido disputado na Guarda contra Portugal que rematara con vitoria lusa por 0-1. Na campaña seguinte, novo título, esta vez ante as vascas do Ikastola Amasorrai nunha final de ida e volta: derrota na ida (1-2) en San Sebastián e triunfo na Coruña na volta (4-2), con 6.000 espectadores en Riazor.
Nun deporte dominado ata ese momento polos homes, o Karbo estábase a converter nunha verdadeira sensación, máis aínda cando nunha auténtica guerra de sexos, foi quen de derrotar ao equipo de veteranos do Laracha por 4-2 en maio de 1984. De cando en vez, tamén se fala en Arteixo do partido que as rapazas de Mañana xogaron en Oseiro, con motivo das festas parroquiais, contra o Celta de Vigo en xullo dese ano 84, choque no que se recadarían 100.000 pesetas e que gañaría o cadro olívico por 2-3.
![]() |
Pepe Mañana coas súas pupilas nos anos 80 (Cortesía de Pepe Mañana) |
Vendo o sensacional rendemento das futbolistas do colexio dos Mallos, o R.C. Deportivo da Coruña, que naquel momento vagaba con penuria polo pozo da Segunda División, absorbe ao Karbo como sección feminina da entidade, sendo aí cando Pepe Mañana deixa de ser o adestrador do equipo, ocupando o seu lugar Antonio Álvarez, máis coñecido polo alcume de Quinocho.
Xa co novo responsable técnico e coa denominación de Karbo Deportivo, as coruñesas conseguen outro título máis na campaña 1984-85 tras vencer ao Barça no estadio de Riazor. O partido rematara cun 2-2 no marcador e, tras a prórroga, o cadro colexial obtivo o triunfo na quenda de penaltis. O Karbo Deportivo formou aquel día con: Ana; Olga, Geli, Cruz, Pili; Encarna, Maricarmen, Inma, Merchi; Lis e Lucía. Futbolistas que na súa gran maioría tamén ían formar parte da primeira Selección Galega que tivo a honra de proclamarse campioa de España no Camp Nou nesa tempada 1984-85.
Lamentablemente, os problemas económicos farían que aquel equipo, que brillara con luz propia durante tantos anos, tivese un final inxusto, deixando de existir en 1988, xusto antes de que empezase a primeira Liga feminina. Houbo xogadoras que tiveron que retirarse, outras ficharon por equipos cataláns ou asturianos, e algunhas derivaron no fútbol sala, disciplina na que o Sal Lence abriría outro capítulo glorioso no deporte coruñés con tres Ligas (92-93, 94-95 e 95-96) e dúas Copas da Raíña (91-92 e 93-94).
Mais, coma se do epílogo dunha película se tratase, ese non ía ser o final do Karbo, xa que case 30 anos despois, en marzo do 2016, presentábase na Coruña Karbo, escola de fútbol, un documental dirixido polo amigo Óscar Losada no que se conta a historia do equipo herculino, dende o seu nacemento ata a súa desaparición. Lis Franco, Pili Neira, Inma Castañón, Geli, María del Carmen Borrego e o arteixán Pepe Mañana, que ao abandonar o Karbo cambiou o fútbol polo bádminton, deporte no que sería varias veces campión de España sénior, protagonizan unha cinta na que, ademais de facer un repaso ao deportivo, tamén analiza o papel da muller e as trabas que encontraron para facer algo tan sinxelo, e que tanto tempo levaban practicando os homes, como era darlle patadas a un balón. O fútbol feminino volvía ser, deste xeito, actualidade na Coruña, aínda que en realidade nunca deixara de selo grazas á actividade do Orzán e do Victoria.
Uns meses despois da presentación do documental de Óscar Losada, e tras unha petición popular na que se xuntaron máis de 10.000 sinaturas pedíndoo, o R.C. Deportivo anunciaba que, a partir da tempada 2016/17, ía contar de novo con sección feminina, a mesma que un día absorbera ao Karbo.
Non vai ser doado igualar os logros do equipo que fundaran Francisco Cadahía e o arteixán Pepe Mañana, mais as futbolistas branquiazuis empezarían a xogar nese curso na Segunda División estatal coa ilusión de conseguir tal fin. Durante aquela campaña, o Ponte dos Brozos de Arteixo foi o campo no que as deportivistas disputaron os seus partidos como equipo local. Nas tempadas posteriores faríano en Abegondo, escenario ao que acodía con frecuencia Pepe Mañana, e no cal o Deportivo fraguou o ascenso á División de Honra do fútbol feminino ao remate da tempada 2018/19. En marzo de 2020 ocupaba a cuarta praza da táboa clasificatoria cando a competición tivo que ser supendida a causa do COVID-19.
O Dépor descendería tempo despois, mais nesta tempada 2024/25 volve a disputar a máxima categoría na que loita por non descender. De seguro que vai conseguir o seu obxectivo coa axuda celestial de Pepe Mañana... porque non podemos esquecer que o noso homenaxeado creu antes que ninguén no fútbol feminino e que foi unha das persoas que abriu a porta para que centos de nenas puideran soñar cun balón non pés!
D.E.P., Pepe!
_________
1 Este trofeo careceu de oficialidade. Non sería ata dous anos despois cando se regularizou a cargo da RFEF baixo o nome de “Campeonato de España Femenino”. A Liga Nacional Feminina ía ser creada pola Federación Española na tempada 1988/89.
2 Este partido non se xogou por mor do mal tempo e como o Karbo xa estaba clasificado para as semifinais os organizadores deixaron 0-0 como resultado.