venres, 31 de xullo de 2020

LORIS BENITO, O PRIMEIRO ARTEIXÁN QUE DISPUTOU A CHAMPIONS LEAGUE E UNHA EUROCOPA

      Aínda que no seu momento Arsenio Iglesias chegara a disputar dous partidos da antiga Copa de Europa co Sevilla, o primeiro deles xogado o 26 de setembro de 1957 en Lisboa contra o Benfica, o 9 de decembro de 2014 é unha data que quedará gravada con letras de ouro nos anais da historia deportiva de Arteixo pois, ese día, Loris Benito Souto convertíase no primeiro futbolista do municipio arteixán que disputou o modelo actual da Champions League. 

Loris Benito co Young Boys de Berna
    Nado o 7 de xaneiro de 1992 en Aarau, a capital do cantón suizo de Argovia, Loris é fillo do asturiano Enrique Javier Benito e de Mari Luz Souto, unha veciña da parroquia de Pastoriza que, ao igual que xa fixeran décadas antes seus pais Jesús e Claudina, emigrou a Suíza a mediados dos anos 80. Malia a que xa leva boa parte da súa vida residindo no país centroeuropeo, Mari Luz non hai día que non lle acorde o seu lugar de nacemento e as amizades da súa infancia. Sempre que o seu traballo llo permite, viaxa á súa querida patria chica co seu fillo Loris, quen espiritualmente estará unido de por vida a terra de súa nai xa que se bautizou no Santuario de Pastoriza en xuño de 1992.

    O noso protagonista empezou a súa carreira deportiva no club da súa cidade natal, o F.C. Aarau, equipo no que tivo de segundo adestrador, cando formaba parte do conxunto sub-13, a Gerardo Seoane, un carballés que xogara no Fabril na época dourada do Deportivo. Casualidade fermosa, abofé!

Loris en Pastoriza, no Nadal de 2011, cos seus avós Jesús e Claudina
     Loris vai pasando por todas as categorías do F.C. Aarau ata que, con 17 anos, durante a tempada 2009/10, debuta co primeiro equipo na Super League de Suíza nun momento no que seu tío Iván era o porteiro do club. Outra casualidade fermosa. O futbolista de Pastoriza xogaría nesa campaña seis partidos máis co histórico Aarau, un equipo que fora campión da liga helvética na tempada 1992/93, que participara durante cinco anos consecutivos, entre 1993 e 1997, nas competicións europeas e que, ao remate desta campaña 09/10, descendía á Segunda División.

     Co Aarou na categoría de prata do fútbol helvético, Loris Benito continúa a súa progresión e xoga 39 partidos en 18 meses antes de fichar no F.C. Zurich no inverno de 2012. Lateral esquerdo rápido, de gran calidade técnica e de enorme talento, as súas boas actuacións no seu novo equipo levaríano a ser internacional coa selección Sub-19 e Sub-21 de Suíza en nove ocasións anotando un gol. O seu bo papel no Zurich non pasou inadvertido para un dos históricos do fútbol europeo, o Benfica portugués, club co que asina en xullo de 2014. 

Loris na súa etapa no Benfica
    En Portugal, unha lesión frea a súa evolución e impídelle ter o protagonismo do que gozara no F.C. Zurich. Só é títular en catro partidos co conxunto lisboeta mais, con todo, obtén os seus primeiros trofeos gañando a Supercopa e o título de liga da tempada 2014/15, campaña na que xoga o seu primeiro partido na Champions League. O debut no máximo torneo continental, o primeiro que disputou un arteixán na Champions, produciuse o 9 de decembro de 2014 no estadio Da Luz de Lisboa, no enfrontamento da sexta xornada da fase de grupos xogado entre o Benfica e o Bayern Leverkusen, choque que rematou 0-0 e que correspondía ao grupo C que os dous contendentes compartían co Mónaco e Zenit de San Petersburgo. Non deixa de ser curioso que Loris debutara na Champions League no mesmo estadio que o fixera Arsenio Iglesias na antiga Copa de Europa medio século antes!

    Despois da experiencia no Benfica, no verán do 2015 Loris Benito regresa a Suíza e ficha no Young Boys de Berna, un dos clubs is grandes do país. O noso protagonista, unha vez máis con moi mala sorte coas lesións, xoga dez partidos do campionato ligueiro na tempada 15/16 e sete na seguinte na que o seu equipo é subcampión en ambas. A campaña 18/19 sería un verdadeiro conto de fadas para o Young Boys xa que despois de 32 anos sen conseguilo, o club, dirixido naquela altura polo técnico austríaco Adi Hütter, gañaba o campionato ligueiro con grande protagonismo do lateral esquerdo de Pastoriza.
     O equipo de Berna volve a gañar a SuperLiga na tempada seguinte, a 18/19, desta volta dirixido polo carballés Gerardo Seoane. Loris Benito, titular induscutible con Seoane, o que fora o seu segundo adestrador no sub-13 do F.C. Aarau, realiza unha campaña extraordinaria xogando 31 partidos do campionato e os seis que o Young Boys disputou na fase de grupos -grupo H- da Champions League contra a Juventus, o Manchester United e o Valencia, uns partidos que foron moi seguidos en Arteixo, especialmente en Pastoriza na casa de súa avoa Claudina. 

Loris Benito coa selección de Suíza
      Ademais, nesa campaña de ensoño, Loris debutaría coa selección de Suíza o 14 de novembro de 2018 nun partido amigable contra Qatar que os helvéticos gañaron por 1-0. Catro días máis tarde o noso protagonista debutaba en partido oficial, na Liga das Nacións, participando no histórico 5-2 de Suíza á Bélxica dos Curtois, Hazard, De Bruyne e compañía. Loris tamén defendería as cores do seu país de nacemento no Suíza-Dinamarca que se disputou o 26 de marzo de 2019, partido da fase de clasificación para a Eurocopa que rematou 3-3.

     Tras catro tempadas inesquecibles, o futbolista suizo-arteixán da o salto a liga francesa e asina contrato por tres anos co Girondins de Bordeaux. Na primeira delas, a 2019/20, é peza básica nos esquemas do adestrador portugués Paulo Sousa, disputando 23 partidos de liga ata a suspensión do campionato por mor COVID-19. Nesa tempada 2019/20, Loris tamén xogou dous partidos da fase de clasificación para a Eurocopa con Suíza, unha Eurocopa na que finalmente o cadro helvético sería quen de clasificarse. Os suizos xogarían os seus tres partidos da primeira fase en Baku, Azerbaiyán, ante Gales (1-1), Italia (0-3) e Turquía (3-1). Precisamente no partido contra o once turco foi onde se produciu o debut de Loris Benito, que saiu ao campo no minuto 85 sustituindo a Steven Zuber.

Loris Benito coa camiseta do Girondins 

sábado, 25 de xullo de 2020

O NAUFRAXIO DA BUCETA "LOLA" EN 1920

      Na mañá do día 2 de xuño de 1920 a buceta "Lola" naufragaba á altura do Rañal e, dos cinco homes que a tripulaban, dous morrían afogados. Arteixo cubríase novamente de loito, un Arteixo que neses días aínda continuaba conmocionado pola tráxica morte, uns meses antes, de Carmen Rita Fernández, muller de Bernardo del Río Busch, "O señorito de Suevos", a mans deste e do seu criado Manuel Folgar, "Graiño". O chamado "crime de Suevos" tivo lugar en Rega, na parroquia de Pastoriza, na noite do 19 de marzo de 1920 e deixou orfos de nai aos dous fillos do matrimonio, unha rapariga de catro anos e un meniño de tres. O asasinato, que aínda se mantén na memoria dos veciños de máis idade da bisbarra, conmocionaría  ao noso municipio e a toda a comarca. Bernardo del Río e Manuel Folgar foron condenados a case quince anos de cadea mais, por indulto, tan só cumprirían a metade. Pouco despois de saír do cárcere, o "señorito" emigraba para a Arxentina e o criado casaba en Suevos.

     Ramón Fernández, máis coñecido polo alcume de "Cuco", José Rizaola "Rizolas", Enrique Prego "Chorín" e os fillos do "Patacón", Manuel e Vicente Pargas, saían dos seus domicilios de San Roque, na parroquia coruñesa de San Pedro de Visma, nas primeiras horas do mércores 2 de xuño de 1920 para dirixirse cara O Portiño, onde tiñan a súa pequena embarcación.

   A "Lola" era unha buceta duns seis metros de popa a proa, propiedade de Ramón Fernández, que a adquirira había xa algúns anos. Este tipo de embarcación, propia das Rías Altas, usábase principalmente para a pesca con liñas e artes menores e, tamén, como auxiliares doutras embarcacións maiores. Nesta época, construíanse moitas bucetas nas carpintarías de ribeira de Betanzos, Pontedeume e Santo Amaro, na cidade herculina.

     Xa a bordo da "Lola", o patrón pon rumbo cara ao litoral arteixán, onde fondean á altura do Rañal. Pouco despois de que os mariñeiros comezaran a traballar co mediomundo, unha rede circular que xa hai tempo que deixou de utilizarse, a embarcación foi envolvida por unha rompente que a fixo envorcar, caendo ao mar os cinco tripulantes. 

Pequena embarcación pescando co mediomundo (Ruth Matilda Anderson)

     Na loita por salvar as súas vidas, o patrón Ramón Fernández, Enrique Prego e o rapaz de once anos José Rizaola, medio moribundos, conseguen poñerse a salvo na quilla da embarcación e comezan a berrar pedindo axuda.

   Ás voces de auxilio que daban os tres náufragos acudiría rapidamente a lancha pesqueira "Catro amigos" que,  patroneada por José Méndez Lamas e tripulada por catro homes máis, tamén faenaba pola zona. Méndez, con gran valentía, sería quen de realizar o salvamento dos tres sobreviventes, a quenes posteriormente conduciría ata O Portiño.

    Dos outros dous mariñeiros que ían a bordo da buceta "Lola", Manuel e Vicente Pargas, de 17 e 19 anos respectivamente e coñecidos entre a xente do mar como os fillos do "Patacón", nada se soubo a pesar de que algunhas embarcacións do Portiño navegaron pola zona durante horas. Os seus corpos aparecerían días máis tarde.

sábado, 18 de xullo de 2020

PEDRO MOSQUERA, O HERDEIRO DE ARSENIO IGLESIAS

      Abofé que é ben curioso o paralelismo que gardan as traxectorias deportivas de Arsenio Iglesias e de Pedro Mosquera, dúas das principais figuras deportivas do Arteixo de antano e de hogano. Ben é sabido que o da Baiuca debutou coma futbolista profesional do R.C. Deportivo na tempada 1951/52, nunha época na que un bisavó de Pedro, Francisco Mosquera Calvete, era o alcalde do municipio arteixán. Andando no tempo, despois de defender tamén as camisetas do Sevilla, do Granada e do Oviedo, Iglesias adestraría a media ducia de equipos e ao seu querido Deportivo antes de poñer fin á súa carreira deportiva na campaña 1995/96, que foi cando ocupou o banco do Real Madrid. Quince anos máis tarde o destino encargaríase de que Mosquera, nado na Coruña o 21 de abril de 1988, iniciara a súa carreira profesional á inversa da realizada polo Raposo xa que primeiro debuta cos merengues na máxima categoría do fútbol español e posteriormente formaría parte do plantel do Deportivo, unha fichaxe que daría pé a que Pedro se convertera no herdeiro de Arsenio Iglesias ao ser o segundo arteixán que xogou co cadro herculino na Primeira División. 

Mosquera co Real Madrid
   Cando se lle pregunta que representa Arteixo na súa vida, non dubida en dicir: “Para min é o mellor. Pasei moito tempo nese lugar. Agás cando ía ao cole entre semana, case sempre estaba por alí. Considéroa a miña vila e alí teño os meus amigos”. Fillo da coruñesa María Luisa Parada Suárez e do arteixán Francisco Mosquera González, Pedro medrou xunto a seus irmáns Fernando e María dacabalo entre A Coruña e a casa dos seus avós de Morás, lugar no que escoitarían un feixe de anécdotas sobre a gasolineira que instalara nos anos sesenta en Vilarrodís o seu avó Fernando, e tamén ducias de contos sobre Francisco Mosquera Calvete e Aurelio Gonzalez Canedo, bisavós por parte paterna que foran alcaldes de Arteixo en varias ocasións (1).

     Mosquera era un deses pícaros que vivían para o fútbol… “lembro que nas fins de semana, cando estaba na casa de Morás, despois de xantar, coa comida case na gorxa, xa estaba insistíndolle a meu pai para ir xogar. Tivo moita paciencia comigo”. En Morás o noso protagonista tamén descubriu a afección pola hípica. “Nese deporte aprendín moito. Debes coñecer o cabalo e ter disciplina á hora de coidalo e manexalo. Aos traballadores da instalación hípica de Morás lémbroos con moito agarimo. Ás veces paso por alí a saudalos. Son moi boa xente”. 

   Os irmáns Mosquera Parada tamén pasarían moitos veráns da súa infancia na casa que a familia ten en Valcovo, lugar no que Pedro comezou a sentir verdadeira paixón por outro deporte: o surf. “Dende os catro anos xa facía bodyboard canda a miña cuadrilla, que era duns dez rapaces. Máis adiante paseime ao surf. A verdade é que durante o verán estabamos moitas horas horas metidos na auga”.

    O rapaz arteixán comeza a destacar no Santa María do Mar, club no que ingresara con seis anos. Naquela hora compaxinaba o fútbol con outro deporte que lle apaixoa: o hóckey sobre patíns. “O meu irmán xogaba a este deporte no colexio Santa María do Mar. Comecei a practicar a patinaxe cuns patíns vellos, mordidos pola miña cadela e nos que case non se movían as rodas. Dábaseme ben o hóckey. Quedamos terceiros nun campionato de España infantil”. Curiosamente, nesa etapa da súa vida co deporte do stick, Pedro comparte vestiario con Pablo Cancela quen, andando no tempo, chegaría a debutar no Liceo e coa selección española. Pablo é fillo do exporteiro do Dominicos Antonio Cancela e neto por parte materna do exfutbolista uruguaio Dagoberto Moll.

    E así foi a vida de Pedro Mosquera durante a infancia: fútbol, hípica, hóckey, surf...e máis fútbol! Aos nove anos o noso protagonista pasa ao Galicia Gaiteira, un equipo que gozaba dunha estructurais sólida e no que tivo a fortuna de aprender baixo as ordes de Arsenio Iglesias cando o Raposo xa estaba retirado do fútbol de primeiro nivel. “Arsenio é unha icona para o deportivismo. Foi moi amigo de meus avós e compartín moitos momentos con el. De pequeno adestroume nas escolas deportivas do Galicia Gaiteira. Arsenio é un fenómeno”.

Pedro Mosquera e Arsenio Iglesias (Foto cedida por Pedro Mosquera)
    Pedro entra a formar parte pouco despois das categorías inferiores do R.C. Deportivo da Coruña, conxunto co que xoga no coñecido torneo alevín de Brunete e, posteriormente, nun torneo internacional nas Canarias, onde realizou unha actuación moi boa e foi incluído no sete ideal da competición. Os dous torneos puxérono no escaparate, espertando o interese de varios dos grandes equipos europeos, caso do Milan, Arsenal, F.C. Barcelona e Real Madrid, que foi o club no que acabou fichando. “A miña nai dáballe moitísima pena que me marchara a Madrid con tan só 12 anos, ademais eu era o protexido da familia e non quería deixarme ir. Mais meu pai e meus irmáns sí que estaban ilusionados porque lles gustaba moito o fútbol, así que ao final apoiáronme todos para irme a Madrid… iso si, sempre coa condición de que continuara estudando e de que se non aprobaba todo, por moi bien que me fora no fútbol, tiña que volver a Coruña. Sempre me mantiveron cos pés na terra. Nunca me meteron paxariños na cabeza”.

    Tras sobrevivir a todas as cribas do Real Madrid desde que chegara ao infantil con 12 anos anos, o primeiro éxito coa camiseta branca víveo na tempada 2005/06, cando gañou a Copa de Campións de Liga Xuvenil co equipo madridista. Mediapunta de gran técnica, con moi boa perna esquerda e gran disparo, un ano máis tarde Míchel dálle a alternativa co Real Madrid B, naquela hora equipo da Segunda División, nun partido que o filial madridista perde 4-0 en Valladolid. Habitual naquela altura da selección española sub-19, como tamén o fora anteriormente da sub-16 e sub-17, o arteixán xogaría tres partidos máis na división de prata durante aquel curso co filial merengue, que finalmente acabaría descendendo a Segunda B. Mosquera permacería tres campañas máis no Real Madrid B, do que chegaría a ser o capitán.

Debut de Mosquera en Primeira División (marca.com)
   Durante a tempada 2009/10 o técnico do primeiro equipo, Manuel Pellegrini, convócao en varias ocasións, tanto en partidos de Primeira División como da Champions League. Nunha destas convocatorias estivera a piques de debutar en Primeira en Riazor contra o Deportivo. “Lembro que non debutei co Real Madrid xogando en Riazor por pouco. Estaba na banda á espera de poder entrar no campo, mais o árbitro asubiou o remate do encontro. Naquel partido estaban moitos amigos meus e a miña familia nas bancadas”. Tamén, unha convocatoria para a Champions co Madrid impediulle ir coa selección española sub-21. Finalmente, o 25 de marzo de 2010 chegaríalle o seu bautismo oficial co conxunto branco, nun partido de Liga ante o Xetafe no que tivo unha presencia testimonial, reemplazando a Xabi Alonso no último minuto.

     Nunha época na que compaxina o fútbol cos seus estudos de Dereito na Universidade Complutense, carreira que finalizaría na Universidade Camilo José Cela de Madrid, en xullo de 2010 foi traspasado ao Xetafe, co que asina por catro tempadas reservándose o Real Madrid unha opción de recompra. No club azulón volve a coincidir con Míchel como adestrador. Participa en catorce partidos en Primeira na campaña 10/11 e na seguinte, ante a falla de oportunidades no Xetafe, regresa no mercado invernal en calidade de cedido ao Real Madrid B ata final do curso da man do Alberto Toril, adestrador que sería quen de facer ao seu equipo campión do grupo I da Segunda B. Este título outorgáballes aos brancos o dereito a xogar a fase de ascenso de campións, onde o filial madridista acadaría o ascenso á Segunda División tras derrotar ao Cádiz por un resultado global de 8-1, dous tantos obra de Mosquera.

     As súas boas actuacións no filial válenlle para seguir cedido outra tempada co Madrid B, conxunto co que xoga 38 partidos en Segunda ao longo da campaña 2012/13 e anota tres goles (2). Pedro retorna ao Xetafe na tempada 2013/14, disputando 25 partidos en Primeira cos azulóns nos que realiza unha grande labor no centro do campo coas tarefas organizativas.

    En xullo de 2014, co propósito de cubrir a máis que probable marcha de Javi Mázquez, co tempo futbolista do Granada e do Cosmos de Nova York, o Elxe asina contrato con Mosquera ata o 2017. O arteixán faría alí unha moi boa campaña chegando incluso a ser o capitán do equipo. En Elxe tamén marca o seu primeiro gol en Primeira División, tanto anotado na terceira xornada en Vallecas no triunfo por 2-3 do seu equipo diante do Rayo Vallecano. Mirando ao ceo, Pedro adicoulle ese primeiro gol en Primeira a súa nai María Luisa, falecida o 7 de maio de 2009, unha tráxica data que ao longo da súa carreira levaría marcada con números romanos nas súa botas.

Mosquera co Deportivo (13 fotos/Mero Barral)
    A causa do descenso administrativo do Elxe, o 26 de xullo do 2015 rescinde o seu contrato co equipo valenciano co que aínda lle quedaban dúas tempadas máis. Esta circunstancia fai que o xogador arteixán chegara libre ao Deportivo da Coruña co que asina ata o 2019. A primeira volta da campaña 2015/16 co cadro herculino é inmaculada, se cadra a mellor da súa carreira deportiva. Naquel momento o seu nome soaba para ir convocado coa selección española e incluso rexeita un ofertón do Valencia, que veu a por el disposto a pagar a cláusula de rescisión, cifrada en 4 millóns de euros. Porén, o centrocampista arteixán seguiría na Coruña ao serlle mellorado o contrato. Ademais, ao final daquela campaña, o 20 de mayo de 2016, Pedro xoga coa selección galega en Riazor un partido amigable contra Venezuela que terminou con empate a un gol.

    Mosquera permanecería tres tempadas máis no conxunto deportivista: a 16/17 e a 17/18 en Primeira División, e a 18/19 en Segunda. Posteriormente, tras rescindir contrato co Deportivo, a Sociedade Deportiva Huesca anunciaba en agosto de 2019 a súa incorporación por dúas campañas, un equipo aragonés que viña de descender de Primeira e que, despois dun ano e con grande protagonismo do futbolista de Arteixo, volvía a estar entre os grandes ao remate da que pasará a historia como a tempada do COVID-19.


FONTES:
Losada, Óscar/ Maceiras, Xabier. Pedro Mosquera, Revista O Dez, nº4. Verán 2017.

 
(1).- Francisco seríao nos períodos 1936-1939; 1946-1953 e 1953-1955 e Aurelio en dúas ocasións, a primeira desde o 18 de marzo de 1953 ao 15 de outubro do mesmo ano e a segunda, desde o 20 de outubro de 1955 ata o 12 de decembro de 1956. 
(2).- Contra o Guadalaxara na xornada 6, o seu primeiro gol en Segunda; Vilarreal na xornada 22; e Hércules na 29.

luns, 13 de xullo de 2020

OS TESOUROS DO LUGAR DA ROCHEIRA

   Hai uns días tiven a sorte de acompañar a Marisa e a Jesús Roibal, irmáns do lugar de Mins nados en 1935 e 1940, e a varios membros máis da súa familia (Suso, Pablo, Silvia, Waldo, Yessica e Sofía), nunha excursión realizada polos montes da Rocheira, na parroquia de Loureda, a onde segundo manifestaron non subían dende había máis de corenta anos. 

Pedras Anchas en 1975 (Arquivo de Marisa Roibal)
    Comezamos o percorrido polas Pedras Anchas, zona situada a uns 100-125 metros sobre o nivel do mar que presenta uns grandes afloramentos rochosos dignos de ver, algúns con sinais de ser empregados no pasado como canteira.

    No camiño cara o cume deste lugar, Marisa e Jesús lembraron algúns contos da súa infancia e os nomes de algunhas pedras… por alí estaba a Pedra da Misa; esta é a Pedra do Loureiro e aquela a Pedra da Reina. Esa é a Pedra do Rastro; chamabamoslle así porque nos arrastrabamos por ela… daquela non había tobogáns”.

    Unha vez que alcanzamos o bico das Pedras Anchas, Marisa non daba crédito do que os seus ollos contemplaban. Facendo mención dun par de fotos que nos cedeu amablemente, tomadas no mesmo lugar no ano 1975 e nas que apenas se ve vexetación, comentou con certa pena que o lugar xa non se parecía en nada ao da súa infancia e xuventude. Jesús, atónito coma súa irmá en todo momento polo cambio producido na contorna nas últimas catro décadas por mor dos eucaliptos, recordaba que… “antes aquí era todo piñeiros e podíase ver o mar”.

   Cerca da “Pedra do Rastro” os dous irmáns ensináronnos ao resto de excursionistas o chamado “Pé do demo”, unha formación natural na rocha que ten certa similitude no aspecto e nas crenzas populares coa chamada “Pegada dos xentís” existente no castro de Montes Claros, na Laracha. Marisa e Jesús tamén afirmaron que nas Pedras Anchas había o “Pé de Deus” mais, despois de botar unha ollada pola zona durante uns minutos, ningún dos dous foi quen de dar con el.

Pé do Demo
No Pé do Demo
    A memoria destos dous veciños de Mins aínda conserva varias lendas que escoitaban cando eran nenos, lendas que compartiron con nós nun descanso que fixemos nunha sombra de Pedras Anchas para coller alento. Unha delas fala dunha viga de ouro… “na que rozaban os carros de bois pero non houbo ningún enxeñeiro que fora capaz de quitala porque lle tiñan medo ao rozar nela”, lembraba Marisa. Outra das lendas que mencionaron os irmáns Roibal é a da “fonte encantada”, que estaba na parte baixa do Monte da Cancela, próximo a Santa Locaia. “Alí meus pais tiñan uns terreos que lle chamaban A tenza de Fóra na que plantaban pinos e centeo. Verán e inverno había sempre auga… ata que viñeron as plantacións de eucaliptos e acabaron co manancial onde manaba a auga, que disque era por donde saía a galiña dos pitos de ouro”, recordaba Jesús. 

Vistas dende Pedras Anchas
    Quen escribe sabía da existencia da lenda da galiña dos pitos de ouro de Lañas, a mesma que de cando en vez se deixaba ver polo Monte de Angra… ou iso din, claro. Mais nunca tal oíra desta “nova” galiña da parroquia de Loureda. De xeito anecdótico Pablo, sobriño de Marisa e Jesús, comentou que… “cando era moi neno viñen aquí ao monte e vin unha quica. Os vellos tiñan razón cos seus contos, pensaba eu! E oesdurante toda a miña infancia aquela quica para min foi a galiña dos pitos de ouro”.

   Para regresar ao punto de partida da excursión, decidimos baixar polo camiño que vén dende Allán e que empalma cunha pista que conduce a Larín, o que antano era o chamado Camiño da Feira. No percorrido pregunteilles aos Roibal se sabían ou recordaban algo do castro que hai na Rocheira. Jesús, sorprendido que alí houbera tal cousa, non deixou indiferente a ninguén coa súa resposta: “Claro, agora entendo. Eses terreos nos que dis que hai un castro sempre se lle chamaron Os Castrelos… mira ti porque era! Cara o outro lado o monte chámase A Presa.”

   Roberto Castro, libreiro e pintor que tivo a ben agasallarme cunha fabulación da zona de Santa Locaia e da Rocheira, foi a primeira persoa que me falou deste asentamento castrexo. Recoméndovos encarecidamente que pasedes algún día polo seu negocio, a Libraría Sisargas (rúa San Roque 7, A Coruña) porque, nada mais entrar, de seguro que faredes unha alucinante viaxe no tempo coas mil e unha historias que garda na súa memoria!

O castro da Rocheira visto no Lidar
    Pouco tempo despois de que Roberto Castro me puxera en coñecemento do asentamento da Rocheira, tiven a sorte de coñecer a Puri Soto e a Ana Corredoira, arqueólogas arteixás ás que actualmente me une unha grande amistade. Cando realizaba un traballo para a universidade, Ana deuse conta de que na Rocheira había un castro sen catalogar. Viuno con Puri Soto a través do sombreado do Lidar, un programa no que se poden consultar diferentes formatos do territorio grazas ao cal distinguiron claramente un parapeto e a croa do recinto anexo, recinto que visitei por primeira vez no verán do 2018 na compaña de Puri Soto mais, por mor da vexetación existente, pouco poidemos apreciar. O castro está, a simple vista, bastante deteriorado cunha multitude de árbores como o eucalipto que non lle fan nada ben a este tipo de xacementos. Pola parte SO transcorre o circuito de mountain bike que baixa dende Santa Locaia e, polo resto do recinto, intuése a caída natural do terreo como a súa defensa.

    Marisa Roibal non quixo perder a oportunidade de coñecer este tesouriño da súa parroquia e, cos seus 85 anos e malia a dificultade dos accesos, foi a primeira persoa que se apuntou para adentrarse no castro da Rocheira, o cal, tralas oportunas informacións de seu irmán Jesús, estimamos que debería denominarse na súa catalogación como Castrelos.

Muro existente no castro da Rocheira
Tramo do circuito de mountain bike que transcorre a carón do castro
   A excursión chegou ao seu fin na Fonte do Val, onde un é consciente do forte desnivel natural que protexe o castro, desnivel que cae cara A Rocheira e cara o regato que leva as súas augas ao lavadoiro e á devandita fonte que aínda mantén a simboloxía franquista.

Fonte do Val
    Non moi lonxe deste lugar, o arqueólogo Luís Monteagudo localizou nos anos 40 do século pasado unha pedra de cuarcita, con aspecto de ser tallada e retocada pola man humana, coa técnica que na literatura especializada se denomina clactoniense, termo acuñado ao ser estudada por vez primeira no xacemento británico de Clacton-on-Sea.

  Monteagudo daría a coñecer o seu descubremento na revista Cuadernos de Estudios Gallegos do ano 1947, onde nos conta que... “Hace tres o cuatro años, con motivo de una buena caminata dominguera que realizamos por Ujes, Loureda, Monte de Santa Leocadia, Boedo y Bregua tuve la fortuna de hallar la piedra objeto del presente estudio (…) Fué hallada la lasca en el lugar de Rocheira (Loureda), en superficie, en el camino de carro (corredoira) que atraviesa el riachuelo de Arteixo y en su margen izquierda, entre la carretera de Arteixo y Celas de Peiro y dicho arroyo. El sitio está enclavado en la base del profundo valle de Loureda, al pie del monte de Santa Leocadia; el camino de referencia está casi todo el año encharcado y abunda en guijarros y gravas de cuarzo y cuarcitas que descienden de las montañas próximas y son transportadas por el río en las violentas y frecuentes avenidas invernales”.

   No seu amplo informe, ao que titula “Probable hacha clactoniense de Arteijo (Coruña)”, o popular arqueólogo describía o Val de Loureda dicindo que… “La zona de Loureda, por algunos sitios, es un típico valle en U, que nos atreveríamos a considerar de origen glaciar si no estuviera tan sólo a 30 m. sobre el nivel del mar aproximadamente y muy próximo a éste. Dada la altura de las montañas que bordean el valle, probablemente es éste de formación miocénica, por ser el Mioceno el período que produjo en Galicia las “montañas jóvenes”. Los plegamientos que ocasionaron el valle no tuvieron, sin embargo, la potencia necesaria para darle suficiente profundidad para que el mar estuviese actualmente introducido por él, aunque un detenido estudio de los estratos geológicos de aquella zona quizá nos probara la existencia de playas altas propias de las épocas interglaciares cuaternarias en que el mar alcanzaba un nivel de 90 m. más altos que en las épocas glaciares. La típica pátina de playa que posee nuestra pieza acaso sea debida a este fenómeno, a pesar de estar el sitio del hallazgo internado a 5,5 km. de la playa de Sabón, la más cercana”.

Pedra de cuarcita localizada por Luís Monteagudo no lugar da Rocheira (Probable hacha clactoniense de Arteijo (Coruña), Cuadernos de Estudios Gallegos, Fascículo VII, páx. 334. Luís Monteagudo, 1947)
   Tras unha exhaustiva descrición da machada en cuestión, Luís Monteagudo remata o seu informe do seguinte xeito:

(…) creemos poder inferir que nuestra lasca pertenece a una época de clima fresco, contemporáneo de alguna glaciación en las altas cordilleras españolas y del centro y N. de Europa, y, dado la magnitud y espesor de la misma, así como su profunda pátina y fuerte retoque en arista muy saliente, nos es posible afinar, siempre dentro de lo hipotético, incluyéndola dentro de los comienzos del Clactoniense I de Breuil, contemporáneo del Abbevilliense y encuadrado en el interglaciar milazziense (Günz-Mindel), en cuyos comienzos, sin embargo, todavía se reflejaría el clima frío y seco propio de la segunda mitad de toda glaciación.

Por falta absoluta de hallazgos de esta industria en Galicia no podemos por ahora establecer relaciones próximas. El Clactoniense aparece en la playa siciliense del Marruecos francés, en los valles del Sena, Támesis, Alto Garona, la Riviéra, valle del Ródano (Curzon) y Prusia.

El tan traido y llevado Asturiense de Camposancos (La Guardia, Tuy), modernamente llamado Camposanquiense o Ancoriense, que según algunos prehistoriadores es atribuíble a períodos contemporáneos y posteriores al Asturiense típico e incluso a la cultura de los castros, se ha demostrado que representa una cultura que se remonta al Acheulense antiguo en sus orígenes (cantos rodados truncados o en forma de raspador o raedera) y a través del Acheulense medio y moderno tiene su apogeo en el período llamado Camposanquiense (el Languedociense de Francia, anterior a la glaciación Würmiense) y alcanza su carácter definitivo en el “optimum” postglaciar (Asturiense típico de la provincia de Oviedo).

Pero desgraciadamente la técnica de la la lasca que estudiamos nada tiene que ver con la de los cantos rodados del Miño y costa septentrional portuguesa, y, por otra parte, es muy probable que nuestra pieza corresponda a un estadio cultural y geológico algo anterior al de los cantos trabajados del Acheulense antiguo. Por ello finalizamos este ligero estudio con un llamamiento a los geólogos y prehistoriadores gallegos a fin de que con sus estudios podamos comenzar a vislumbrar el misterio de las más remotas culturas gallegas, de los únicos tiempos, créase o no, en que el hombre pudo ser feliz por tener a mano todos los medios con que satisfacer sus necesidades y aspiraciones.

Desde luego no debe continuar por más tiempo, siendo, se puede decir, un vacío el Paleolítico de Galicia, precisamente la región de las ancianas y encorvadas montañas, la primera que, allá por la Secundaria emergió solemne de la profundidad del Océano, para, en el transcurso de millones de años, convertirse, por mano de Dios, en su obra maestra de estética geológica”.

    Sen o menor ánimo de poñer en dúbida a correcta clasificación da peza e a súa atribución ao paleolítico inferior, non deixa de ser certo que un gran non fai graneiro e que poucas son as conclusións que deste achado descontextualizado podemos extraer.

   Obviamente, as condicións ambientais de aquela época non eran as mesmas que na actualidade. Durante o paleolítico houbo varios períodos fríos, seguidos doutros (fases interglaciares) caracterizados por un clima temperado. No transcurso dos períodos fríos os glaciares ocupaban unha parte importante do territorio. A totalidade das serras orientais e meridionais (Os Ancares, O Courel, O Eixe, Queixa, Xurés), así como as centrais (Xistral, Faro de Chantada, Faro de Avión), posuían neves perpetuas nas súas partes máis elevadas (por riba dos 700 m) e que, como consecuencia das diferentes fases climáticas que sufriu o paleolítico, producíronse grandes cambios na vexetación, no relevo e na liña costeira, que darían pé a que os grupos humanos se tiveran que adaptar a eses diferentes medios naturais, moi distintos ao presente.

    O home paleolítico caracterízase polo seu nomadismo, debido a que necesitaba dunha certa mobilidade para abastecerse de alimento e materia prima, motivo polo cal os seus campamentos eran provisionais ou estacionais. Por iso, a machada que atopou Luís Monteagudo na Rocheira en 1947, probablemente pertencera a algunha pequena banda recolectora e cazadora que practicaba a depredación dos recursos naturais pola zona que hoxe ocupa o municipio arteixán.


FONTES:

-Bello, José María. La Coruña antes de Roma. Vía Láctea Editorial, 1994.
-Carballo, Arceo, Xulio. Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Trea, 2005.
-Monteagudo, Luís. Probable hacha clactoniense de Arteijo (Coruña). Cuadernos de Estudios Gallegos (Fascículo VII), 1947.
-Naveiro López, Juan L. El golfo ártabro. Asociación de Amigos do Museo Arqueolóxico, 1994.