domingo, 30 de agosto de 2015

O BAR "MOISÉS"

      Corrían os últimos anos da década dos cincuenta, cando Abelardo Rey e Amalia Martínez, abren na Avenida do Balneario un bar ao que deciden bautizar co nome do seu único fillo: Moisés, establecemento no que traballarían catro ou cinco anos. "O fin de semana aínda se gañaba un peso, pero pola semana pouca caixa se facía e dicidimos emigrar a Suiza". Así mo facían saber o pasado xoves, 27 de agosto, o señor Abelardo e a señora Amalia, quenes amablemente me atenderon no seu domicilio do Camiño de Candame e tamén me lembraban que ao pouco de abrir o seu negocio empezarían a parar nel os futbolistas e simpatizantes do Penouqueira. De feito, os xogadores da camiseta vermella vestíanse alí cando disputaban os seus partidos como equipo local no campo do balneario.
Imaxe dos anos 60 de Antonio Naya, "Pesudo", diante do Bar Moisés
     Pouco antes de emigrar a Suiza o matrimonio arréndalle o "Moisés" a Guillermo Arijón (seica era cuñado do "Milmañas") e a súa muller Carmen, quenes estarían ao frente do negocio varias décadas. Cos novos arrendatarios a "familia" do Penouqueira seguiría parando no bar, un local que non tardaría en converterse na sede social oficial do equipo da Baiuca. Os afíns do Atlético Arteixo facíano no "Insua", o popular "Muiñeiro", pois Fernando, fillo dos donos deste bar, fora un dos fundadores do Atlético.

     Son moitas as lembranzas que teñen as e os arteixáns en torno ao "Moisés". Uns ían ao bar, xa con Guillermo e Carmen detrás da barra e cos seus fillos Guillermo, José e Angel parando por alí, a falar de fútbol e pola vinculación do local co Penouqueira; outros ían a ver "Los intocables de Eliot Ness", serie que se empezara a emitir en España en 1964; algúns e algunhas ían pola máquina tocadiscos na que a xuventude daquela hora, según me ten contado a miña veciña Fina Sanjurjo, moitos pesiños ten gastado elixindo unha das cancións que máis soara no verán de 1965: "La Yenka", aquel baile irresistible que se marcaban os nosos pais da man de Johny e
Charlie Kurt, un dúo de cantantes do norte de Europa; e mesmo había quen ía ao "Moisés" polos bocadillos de pan de bola de chourizo, sardiñas... Tamén son lembradas, e moito, as partidas de futbolín.      

     Según me contaron o señor Abelardo e a señora Amalia, ao voltar de Suiza, donde estiveran traballando doce anos, decidiran investir parte dos aforros da emigración nun supermercado que abrirían en 1975 ao carón do bar do que estamos a falar, supermercado ao que tamén bautizarían co mesmo nome que o seu único fillo e que fecharía en 1988, trala xubilación de Abelardo.

Imaxe dos anos 70 na que se ve o Bar e o Super Moisés
     Tras varias décadas traballando no "Moisés", Guillermo e Carmen traspasaríanlle o negocio a un matrimonio do Val do Dubra, a Manuel e María, que serían os últimos propietarios daquel bar
cheo de pegatinas, chaveiros e banderíns de fútbol no que sempre había un futbolín, un bar vinculado tantos anos ao Penouqueira e que sería derrubado para construir o edifico dos de Gestal. Curiosamente, o "Moisés" e o Penouqueira, tantos anos "camiñando" xuntos, desaparecerían practicamente ao mesmo tempo.

xoves, 27 de agosto de 2015

AS PRIMEIRAS TELEVISIÓNS E A TENDA DE RADISGAL

      O 28 de outubro de 1956 Televisión Española (TVE) principiaba as súas emisións regulares, mais terían que pasar moitos anos para que houbera un televisor en todos os fogares xa que, nun primeiro momento, era un producto caro que non estaba ao alcance da inmensa maioría da poboación. Incluso tiña un imposto de luxo (eran 500 pesetas), imposto que estaría en vigor dende ese ano de 1956 ata o 23 de setembro de 1965, data que sería suprimido, pois o réxime franquista deuse conta da importancia propagandística que tiña a "caixa tonta" e deste xeito, cando Manuel Fraga Iribarne era Ministro de Información e Turismo (1962-1969), o réxime tamén fomentaría unha rede de teleclubs.

     O número de receptores medraría de forma espectacular en pouco tempo. En 1958, dous anos despois das primeiras emisións, había 30.000 televisores en todo o Estado español; en 1963, 300.000; en 1965, 1.250.000; e, en 1968, máis de tres millóns.

     Según o escritor carballés Xan Fraga, en Galiza inaugurouse a televisión o día 1 de setembro de 1961, en Santiago de Compostela, cunha emisora Philips que transmitía no canal 4 da banda 1. A primeira emisión de TVE que chegou á cidade da Coruña foi o día 15 dese mesmo mes de setembro e, era un reemisor importado de Alemaña, que recibía o canal 4 de Santiago. O repetidor estaba en Pena Moa.

     ¿Cales foron os primeiros fogares privados en Arteixo que tiveron televisión? ¿Cales foron os primeiros establecementos públicos que incorporaron as 625 liñas? ¿E as primeiras tendas de electrodomésticos? Foron diversas as fontes orais consultadas e poucas concordaron nas súas respostas. Faríano unicamente nas marcas máis difundidas, que eran Philips, Vanguard, Iberia, Telefunken ou General Electric, e tamén no custe: unhas 20.000 pesetas (120 euros), prezo prohibitivo naquela hora, polo que adultos e cativos acudían en masa a ver as emisións aos bares e casas a donde chegaran as primeiras teles, caso da casa da señora Julia da Baiuca, a nai de Fino, Julita, Sarita, Pablo, "Totos", "Tete" e "Pitos", que según a maioría das fontes consultadas foi a primeira particular de Arteixo en ter este novo invento, casa donde, por certo, Julita e "Pitos" ensinarían a ler e a escribir a ducias de nenas (ela) e nenos (él) e donde moitos destes cativos e cativas tiveron a oportunidade de ver, por primeira vez, os festivais de Eurovisión ou as filigranas que facían coa pelota xogadores inesquecibles como Pelé, Alfredo Di Stéfano ou o noso Luis Suárez.

     El Gallo de Oro (o antigo), Muiñeiro, Moisés, Sanchís... irían poñendo (non podo dicir quen foi o primeiro) nos seus establecementos o novo aparato máxico e, ao mesmo tempo, moitos dos seus clientes non eran quen de explicar como se podían meter dentro daquela caixa as persoas que falaban no seu interior, clientes para os que era un verdadeiro acontecemento ver e escoitar por aquela caixa ao seu veciño máis popular: Arsenio Iglesias, "o raposo de Arteixo".

     Cara a finais dos anos sesenta e principios dos setenta había dúas tendas de electrodomésticos en Arteixo donde se podían mercar os televisores: a de Fontes e a de Radisgal, e hoxe toca falar desta última.
xabier maceiras
Publicidade de xullo de 1970
Alí traballaba Luis e Mari Pili. Luis facía un pouco de todo: atendía na tenda, instalaba os electrodomésticos e as antenas de televisión e, ademais, buscaba clientes por todo Arteixo. Eduardo Longueira, o señor Radisgal, que xa daquela era unha persoa maior, tamén tiña tendas na Coruña, onde unha das dependentas era Mari Chelo (irmán de Mari Pili, a que traballaba en Arteixo) e, se non lembro mal, en Ponteceso.

     A sinal da emisión que chegaba a Arteixo, sobre todo ao centro da vila, era moi mala..."as veces víanse aos futbolistas ao revés, coa cabeza na parte inferior da pantalla e os pés na superior", lembraba unha das fontes orais coas que falei. Por tal motivo, Radisgal seica decidiu montar un repetidor nun monte do lugar da Pedreira, no alto da Catuxa, que era propiedade dos do Perinete, familia que a cambio recibiría de agasallo un televisor.
Publicidade de xullo de 1969
     Naqueles anos setenta tamén iría aparecendo pouco a pouco en Arteixo a televisión en cor, outra innovación de moito nabo que andaba polas 100.000 pesetas. Houbo bares e casas particulares
que viron en cor, xa daquela, e cunha enorme expectación, os Mundiais de fútbol de 1974 e 1978, celebrados en Alemaña e Arxentina respectivamente, mundiais que gañarían en ambos casos as nazóns
organizadoras vencendo na final á "laranxa mecánica", a Holanda dos Cruyff, Neeskens, Van Hanegem, Rensembrink, Haan, os irmáns Van de Kerkhoff, Rep e compañia.

      Así pois, o branco e negro empezaba a ser historia...mais na casa dun servidor o cambio ao cor non se produciría ata o ano 1982. Fora para ver o Mundial de España ¿lembrades?...e sí, aquel novo televisor tamén se comprara na tenda de Radisgal.



FONTES:
 "Crónicas de Carballo". Xan Fraga





martes, 25 de agosto de 2015

O SINISTRO EN GALÁN (OSEIRO) DA AVIONETA DO MARQUÉS DE VILLANUEVA

     O mércores 29 de abril de 1964, o mesmo día que falecía en Madrid o escritor coruñés Wenceslao Fernández Flórez, acontecía en Galán, na parroquia de Oseiro, un dos sinistros dos que aínda hoxe, medio século despois da traxedia, se fala de cando en vez.

     Eran aproximadamente as seis da tarde cando se estrelaba por mor da néboa, perto do monte que ocupa actualmente a Urbanización de Oseiro, unha avioneta bipraza pertencente ao Aero Club de Santiago de Compostela, falecendo os seus dous ocupantes: Francisco de Asís Dorado Aguilar, de 35 anos, marqués de Villanueva de la Sagra, que era quen pilotaba o aparato, e o seu amigo Antonio Ramós Vázquez, de 38 anos, industrial de Mesón do Bento, ambos moi coñecidos na Coruña, especialmente o primeiro, que era directivo do R.C. Deportivo. Precisamente, Francisco de Asís Dorado, natural de Jerez de la Frontera, e que tiña a representación dunha coñecida firma de viños de dita cidade andaluza, voltara o luns de Pamplona, a donde viaxara co primeiro equipo coruñés en calidade de delegado (naquela hora o Deportivo estaba en 2ª División, mais ao final da tempada acadaría o ascenso á 1ª da man do adestrador Roque Olsen).
                                La Voz de Galicia, 30 de abril de 1964

     Según relatan as crónicas da época, un veciño de Galán, que estaba traballando na horta da casa de seus pais, fora o primeiro en ver o accidente. Tratábase de Luis Mareque Zas, de 29 anos, que reflexando no seu rostro a tremenda impresión do que acaba de presenciar dicía que " a avioneta voaba dirección á Coruña, mais ao chegar ao monte da  Maceira, virou bruscamente e pouco despois esnafrábase neste lugar cun  violento topetazo contra o chan. Non houbo nin lume, nin fume, nin  explosión. Nada máis ver o accidente deixei todo e achegueime a toda  presa ata o lugar donde caeu o aparato e, ao chegar, comprobei que a  avioneta estaba totalmente desfeita. Soamente quedara en pé a cola. A un lado vin a un home. Achegueime a él e comprobei que estaba morto. O  outro atopábase entre os restos da avioneta e tamén estaba morto...o espectáculo era impresionante! Logo baixei á estrada e vin un trolebús. Comuniqueilles a desgraza e voltei ao monte, donde xa había máis veciños e veciñas e, pouco despois, xa chegaría a Garda Civil".

     Outras testemuñas aseguraban que a avioneta, que era unha "Aisa-11 B" de 90 cabalos, fora vista arredor das 17:30 da tarde voando sobre Carballo e seica que os dous ocupantes fixeran sinais coas mans, mais ninguén comprendera, sen dúbida, as intencións. Os que viron o xesto dos tripulantes tomárono, con certeza, como un saúdo, e ninguén fixo caso. Despois da triste desgraza, non había dúbida de que aqueles xestos do marqués de Villanueva e de Antonio Ramos eran, non de saúdo, senón de alarma! Mais a falla de medios de comunicación, toda vez que este tipo de avionetas non levaba telefonía nin radio, impediulles aos seus ocupantes facerse entender e, minutos despois, estrelábanse en Galán.

     As versións das autoridades apuntaban a que a avioneta, que saíra as 15:30 da tarde do aeroporto de Labacolla con dirección, ao parecer, cara o de Alvedro (que fora inaugurado en maio de 1963), era probable que tivera o accidente por mor da espesa néboa daquela tarde: "Se cadra a néboa despistou ao piloto, que aínda que era experto aviador e ostentara o grado de capitán da Arma Aérea, seguro que lle fixo dar voltas sobre o val, na procura dalgunha orientación".


     Non tardaría en chegar a Galán o presidente do Deportivo, Jesús Cebrián, e varios directivos máis, quenes acordarían instalar a capela ardente do marqués de Villanueva no local social deportivista, en donde sería velado esa noite, toda vez que á muller se lle ocultara, nun principio, o acontecido. O corpo de Antonio Ramos Vázquez levaríase ao domicilio familiar do Mesón do Bento.

     A avioneta sinistrada en Oseiro era das chamadas de enlace, que se utilizaban para os voos de adestramento polos socios do Aero Club, neste caso do de Compostela. Facía tempo que Francisco de Asís Dorado convidara ao seu amigo Antonio Ramos, que aceptara ilusionado, para acompañalo nun destos voos. Concretamente, ao parecer, fora a de aquel 29 de abril de 1964 a terceira vez que o marqués insistiu ao seu citado amigo para realizar a excursión aérea. A primeira non poidera levarse a cabo por non estar en condicións a avioneta; a segunda porque Dorado tiña caducado o seu carnet de piloto (posteriormente renovado). E, ao fin, aquel 29 de abril do 64, ás doce da mañá recollía no Mesón do Bento a Ramos, con quen se trasladaría a Compostela elevándose desde o aeroporto de Labacolla, aproximadamente ás 15:30 da tarde.

     Nesta clase de voos de adestramento, cando o punto de saída e o de chegada eran os mesmos, non era preciso comunicar situación nin sequera o mesmo voo ao aeroporto máis próximo (Alvedro neste caso), razón pola cal na Coruña ignorábase a excursión aérea de Dorado.

     Sobre as 17:00, a avioneta dera unha pasada sobre o estadio de Riazor, donde deixara caer un pequeno botellín dos destinados á propaganda do coñac da marca que representaba o finado marqués, que lle prometera ao xefe de material do Deportivo, Antonio Carrera, que lle lanzaría unha botella no primeiro voo que poidera facer por enriba do estadio. E así foi...mais unhas horas despois de recoller aquela botella, Antonio Carrera acudía ao velorio de quen a lanzara polo aire!












domingo, 23 de agosto de 2015

A TABERNA DE CHAMÍN

     Empezando a subir a costa de Chamín do medio, a man dereita, na estrada de Caión, asfaltada como a estrada xeral; para máis señas, cerquiña do cruce que vai para Paiosaco. É necesario explicar ben onde se atopa, porque os que non saben que existe pasan de largo sen nin sequera decatarse. Unha chapa de Coca Cola, unha de Fanta e o letreiro de Tabacalera coa súa insignia que indica que é un establecemento autorizado para a venda do tabaco, colgado na fachada da casa. O paso do tempo nótase na extructura exterior, portas e ventás de madeira, paredes de pedra, o tempo deixa o seu sinal por onde vai, pero nesta casa, de xeito moi doado, podemosnos trasladar anos atrás. No interior, aínda de forma máis notable,  decatamosnos de que o único que mudou foi o envoltorio dos productos que alí se venden. Ademais de taberna sigue sendo un establecemento onde nos podemos servir das cousas necesarias para a vida diaria, coma fai tantos anos, igual. O paso do tempo non se nota na altura. As novas xeracións calzan corenta e pico e miden cento e non sei que. Son moi altos. Antes non...antes eran máis ben baixos. Na taberna de Chamín, algúns dos rapaces e rapazas coas que nos podemos cruzar agora na rúa, non esaxero se digo que non lles costaría moito estirar a man e tocar o teito, que é de madeira e nas súas vigas hai cravadas puntas de aceiro que fan á vez de ganchos. Por suposto que pasou o tempo, e que se nota o seu paso tamén por esta taberna, pero se queremos soñar como sería a vida nas tabernas de antes, este sería un lugar ben axeitado para facelo. Quedan poucos lugares nos que as innovacións pasaran de largo como puideron facelo aquí, ata custa crer que fora posible. De feito non foi posible, según nos alonxamos, botamos a vista atrás e vemos o tellado de tella, que seguro foi dunha cor vermella forte, agora indefinido, e tamén do tamaño da chapa da Coca Cola...pero eso si, ao lado da cheminea a taberna ten unha chapa redonda que pon "satélite canal digital".

     (Relato de Ana Castro, emitido en Radio Arteixo o 7 de febreiro de 1998)










O Piñeiro, a taberna de Chamín, nos anos noventa

xoves, 20 de agosto de 2015

PERSOEIROS

ANDRÉS ROJO DEL CAÑIZAL

     Andrés Rojo del Cañizal naceu en 1773 na localidade palentina de Cantoral. Fillo de Toribio Rojo de los Ríos e Gertrudis del Cañizal, varios membros da familia Rojo aparecen en Galiza desde mediados do século XVIII pois, según algunhas fontes, dous irmáns de Toribio, Tomás e José, establecéronse cara o ano 1752 na Coruña, cidade na que se adicarían a diversas actividades mercantís. Outro deles, Manuel, exerceu de párroco de Pastoriza, lugar onde edificou, en 1783, a Casa de Vilariza, que tan ligada está a historia familiar e que é un dos vencellos que este persoeiro ten con Arteixo.

Imaxe antiga da Casa de Vilariza   

     Mentres que os pais de Andrés permanecían en Cantoral a cargo do patrimonio familiar, as expectativas comerciais xeradas pola apertura do porto da Coruña ao tráfico coas colonias americanas, tralos Decretos promulgados por Carlos III en 1764 e 1765, atraían, naquela hora, a un importante número de comerciantes de moi diversa orixe: asturianos como Antonio Raimundo Ibáñez, fundador das fábricas de Sagardelos e dono do Pazo de San Xosé (o que está a carón da refinería de Meicende), cataláns como os Marcó del Pont ou Ferrer y Albá, rioxanos (en particular cameranos, da comarca de Cameros) como Adalid ou Torres, e incluso estranxeiros, como o francés Juan Francisco Barrié.

     Ao lado desta burguesía foránea, instalada nas vilas costeiras, non faltaron nomes galegos, como Juan de Vega, comerciante e industrial lugués que forxou a súa fortuna na emigración cubana. O predominio do sector comercial sobre o industrial é un dos rasgos de identidade desta burguesía e sinala unha das súas debilidades.

     Cara a 1778 atopamos a José Rojo matriculado como comerciante no Real Consulado do Mar da Coruña. No censo de comerciantes coruñeses neste período distínguese unha élite composta polos grandes armadores e exportadores de Indias, entre os cales atopamos a Jerónimo Hinojosa e Pedro de Llano, e un grupo de pequenos e medianos mercaderes, con alto poder económico, onde figurarían Rojo de los Ríos, Barrié ou Adalid.

     Os negocios familiares de Rojo relaciónanse co arrendo de arbitrios e abastos, sobre todo viños, augardentes, granos e carnes. En varias ocasións, ante a escaseza de granos e fariñas, especialmente preocupantes a finais de século (anos 1787 e 1802), José Rojo foi comisionado con Jerónimo Hinojosa, tamén tratante en granos, para atender ao abastecemento da cidade.

     No ano 1789 constitúese a sociedade "José Rojo y Compañía SRC". Ademais das actividades mercantís, enfocadas en gran parte ao mercado colonial, Rojo viuse atraído, como outros moitos burgueses da primeira xeración, por operacións de préstamo e adquisición de terras e rendas forais. Seis anos despois, en 1795, reconstitúese como sociedade comandataria baixo o nome "Rojo y Morillo". Cun fondo de 500.000 reais, tiña como socios a José Rojo e a José Morillo.

     Paralelo ao éxito comercial é o ascenso social da familia. O casamento de José Rojo con Gabriela Francisca Infante de Mella, procedente dunha opulenta familia de Pontedeume, atestíguao, así como a elección de José como mordomo fabriqueiro da parroquia coruñesa de San Nicolás.

     En 1793, José Rojo figura entre algúns dos máis acaudalados homes de negocios da cidade que, nese ano, farían importantes aportacións para sufragar a guerra contra a Convención. E de novo voltaría a colaborar en 1797 con sumas importantes, en forma de préstamos sen interés, con motivo da guerra contra Gran Bretaña.

     Andrés Rojo del Cañizal, xunto coas súas irmáns Andrea e Manuela, seguiría os pasos dos seus tíos ata Galiza, debendo chegar nun momento anterior a novembro de 1804, cando, participando xa no negocio familiar, contrae matrimonio coa súa curmá, Josefa Rojo de Bouza (filla de José Rojo e Gabriela Infante), coa que tería tres fillos: José, María e Josefa. Este casamento consolidaría a súa posición na empresa familiar e, uns meses despois, entra a formar parte como socio na compañía "Rojo e Hijos" (que supoñemos sucede á disolta "Rojo y Morillo"), xunto ao seu tío e sogro José e o fillo deste, Juan de Dios Rojo.

     En 1815 Andrés está domiciliado nunha vivenda (nº 15) do Cantón Grande, no barrio da Pescadería, o corazón mercantil da cidade. O seu ingreso no Real Consulado amosa unha desafogada situación económica, dada a elevada renda esixida para formar parte da institución, segundo establecía o seu regulamento. A aristocracia mercantil da cidade repartíase os cargos de prior (Marcial Francisco del Adalid), cónsul (Hinojosa) e consoliarios, entre eles Pedro de Llano, polo ramo de navieiros, e Andrés Rojo, polo do comercio... burguesía que naquela hora, co inicio da emancipación das colonias, empezaba a sufrir a ruptura definitiva do tráfico comercial, adoptando solucións, fronte a este colapso, tan variadas como a adquisición de propiedades inmobiliarias e foros, contrabando, a práctica do corso (que tivo na Coruña o seu porto principal, con armadores como Salvador Fullós, Pedro de Llano, Marcial del Adalid ou Juan Bautista) ou a trata de negros (Barrié, Adalid, Fullós).

      Trala Guerra da Independencia (1808-1813), o retorno de Fernando VII daría paso, superadas as vacilacións iniciais, a unha persecución aberta contra os liberais (Decreto de Valencia de maio de 1814), favorecida polo respaldo dos deputados servís ("Manifesto dos Persas"), o apoio dun sector do Exército (pronunciamento do xeneral Elio) e a indiferencia dunha gran masa da poboación que, ao grito de "vivan as caenas" celebraba a volta do "Desexado".

     A represión cebaríase cos liberais, especialmente con aqueles comprometidos coas novas institucións saídas das Cortes, que sufrirían detencións, penas de cárcere e fortes multas (na cidade da Coruña foran detidas, entre maio e xuño daquel ano de 1814, 83 persoas, 26 delas pertencentes ao ramo do comercio). Moitos optarían polo exilio, seguindo os pasos dos afrancesados que, obrigados a partir en 1813, convertíronse nos primeiros exiliados políticos.

     O reinado de Fernando VII supuxo o retorno pleno do absolutismo e afogoba, ao mesmo tempo, calquera esperanza de cambio. Tal proceder decepcionou incluso a aqueles que, aínda que exhortaron ao monarca para que anulase a Constitución de Cádiz, eran conscientes da necesidade de reformas e da
convocatoria dunhas Cortes estamentais. A grave situación económica de posguerra esixía, ademais, a posta en marcha de medidas que a camarilla de Fernando VII non soubo nin puido tomar. De aí que pronto prendera o descontento en gran parte do país.

     No exército, que pouco tiña xa que ver coa institución estamental do século anterior, tamén se manifestan, nesta altura, os primeiros sinais en contra do absolutismo, feito polo que non tardaría en xurdir o primeiro dos levantamentos liberais que inauguran o reinado de Fernando VII: o protagonizado o 25 de setembro de 1814 en Navarra polo xeneral Francisco Espoz y Mina, un dos máis renombrados xefes guerrilleiros durante a Guerra da Independencia.

     Os plans conspirativos en contra do rei absolutista proseguirían en España nos meses seguintes. Unha trama desarticulada en Madrid en maio de 1814 incrimina a outro dos heroes da Guerra da Independencia: o mariscal Juan Diaz Porlier "O Marquesito" que, condenado a catro anos de cadea, sería enviado a cumprir condena ao castelo de San Antón, na Coruña. Aquí Porlier atopa apoios suficientes para preparar un novo levantamento. "O Marquesito" frecuentara a cidade durante a guerra cando, a bordo da fragata "Aretusa", achegábase ata o peirao herculino coa finalidade de reclutar homes e repoñer material. A Coruña era o único porto libre do norte para o desembarco do material de guerra que suministraban os ingleses e probablemente debeu coñecer nunha daquelas visitas, o xove xeneral, ao comerciante Andrés Rojo del Cañizal.
     Na cárcere Porlier (imaxe da esquerda) lograría contactar con Sinforiano López Alía, o guarnicioneiro preso no Cárcere Real desde 1814 e un dos líderes do levantamento antifrancés de 1808. A través deste último, Porlier mantén comunicación co grupo liberal da cidade e con oficiais dos batallóns acantoados na Coruña. Os plans xa ían avanzados cando en abril de 1815 é detido e executado Sinforiano López. A pesar diso, a conxura seguiu adiante e Porlier non atoparía dificultades para lograr un permiso do Capitán Xeral, Felipe de Saint Marq, para poder trasladarse, por motivos de saúde, ao Balneario de Arteixo, lugar no que xa levaba uns días instalada a súa muller Josefa Queipo de Llano  filla dos Condes de Toreno) e a servidume. Tras novas peticións, o recluso obtén un novo consentimento do Capitán Xeral para instalarse na casa de campo de Andrés Rojo del Cañizal, a Casa de Vilariza, que o comerciante herdara do seu tío Manuel Rojo. O xeneral partiría da Coruña cunha escolta composta por un sarxento, tres cabos e doce soldados para instalarse na vivenda   de Andrés Rojo o 20 de agosto de 1815.

     Nas semanas seguintes, Pastoriza sería o lugar de reunión dos organizadores do levantamento. Entre os concurrentes atopábanse os oficiais Fernando de Miranda, Antonio Peón e José María Peón, o ciruxán que atendía ao matrimonio, José de Lazcano e, por suposto, Andrés Rojo del Cañizal. O interés pola seguridade do grupo levaría a este a despedir a unha criada "al considerarle Rojo muy dada a los chismes y murmullos", segundo revela na Causa Porlier Bernarda Freire, a criada de Redes que serviu a Josefa Queipo.

     Na noite do 18 ao 19 de setembro "O Marquesito" parte de Pastoriza cara A Coruña, cidade na que realiza o Pronunciamento en contra do absolutismo de Fernando VII. Proclama a Constitución e constituída a Xunta do Reino de Galiza, con Porlier como capitán Xeral, as forzas sublevadas diríxense cara a Compostela co obxectivo de sumala ao alzamento. As tropas reunidas polo arzobispo Rafael Múzquiz e o xeneral José Pesci, gobernador militar da cidade da catedral, dirixíronse ata Sigüeiro ao mando do xeneral Imaz, mais antes de que chegara a producirse o enfrontamento, a noite do 21 de setembro Porlier foi traizoado por un grupo de sarxentos do reximento de infantería de Mariña e conducido a Compostela. Fracasada a intentona, "O Marquesito", despois de ser detido, pasaría a noite no cárcere do Tribunal da Inquisición en Santiago, desde onde sería conducido ata A Coruña para ser executado no Campo da Leña o día 3 de outubro de 1815.
Gravado sobre a execución de Porlier na Coruña (Álbum Galicia,1908. Bibl. Barreiro-López Morán)  

     A represión obrigaría a moitos a fuxir. Andrés Rojo del Cañizal, condenado a morte por ser un dos organizadores do Pronunciamento e por entregar ás tropas movilizadas 199.782 reais recadados entre os comerciantes, lograría fuxir a Inglaterra xunto a Pedro de Llano vinte días despois do aforcamento de Porlier.

     Rojo alternaría a súa estadía no exilio entre Londres e París. A elección de Londres fora determinada, fundamentalmente, pola presencia do seu curmán Juan de Dios Rojo, que desde 1813 está ao fronte da filial  inglesa da firma familiar, e o exilio parisino, a donde chega en 1819,  porque alí contaba coa axuda do seu cuñado, o conde de Toreno.

     Andrés voltaría a España no trienio constitucional (1821-1823), donde as xestións levadas a cabo en Madrid para resacirse das perdas ocasionadas pola súa intervención no Pronunciamento de Porlier, darían os seus froitos coa devolución dos bens embargados e o nomeamento de Intendente de Galiza e tamén coma Deputado. As novas responsabilidades trairíano de volta a Coruña. Na cidade herculina coincidiría con Mina, que en febreiro de 1821, tras un breve paso pola Capitanía de Navarra, obtén o traslado a Galiza como Capitán Xeral, elección que non era allea á reputación liberal de que gozaba a cidade. Naquela altura, a casa de Juan de la Vega, na rúa Real, era lugar de reunión dos máis sinalados liberais da cidade e Mina e Rojo eran algúns dos asiduos. Alí foi donde o xeneral coñecerá a Juana de Vega...e Andrés xogararía un papel clave na relación entre Juana e Mina xa que sería o padriño no casamento da parella.

     Ao longo de 1822 a Constitución voltaría a cambalear por mor do incremento da tensión política que se vivía no Estado español. A ameaza das partidas realistas, alentadas pola Rexencia de Urgel, só atoparía resposta efectiva por parte do xeneral Mina en Catalunya. O descrédito do terceiro goberno do Trienio, o Ministerio moderado de Martínez de la Rosa, provocaría a súa sustitución polo rei en xullo dese ano e a elección dun gabinete exaltado. Mentres tanto, Fernando VII mantiña negociacións secretas coas potencias da Cuádruple Alianza, que culminarían en novembro deste mesmo ano cando, reunidas no Congreso de Verona, deciden intervir en España para por fin ao réxime liberal...e o 7 de abril de 1823, o Exército dos Cen Mil Fillos de San Luis cruza o Bidasoa.

     En marzo, e ante a proximidade do exército francés, as Cortes deciden o traslado a Sevilla. O rei, reacio, é obrigado a acompañalas. O avance francés cara a Madrid obriga a un novo traslado a Cádiz en xuño e, ante a negativa do rei, as Cortes aproban a suspensión nas súas funcións alegando "delirio momentáneo".

     A toma de Cádiz polas tropas francesas supón o fin da experiencia liberal e a imprantación do rexime absolutista. Na cidade da Coruña, último reducto dos liberais, a resistencia prolóngase durante unhas semanas máis. A pesar das promesas de perdón do monarca, a maquinaria represiva púxose en marcha de novo. Os liberais que poideron fuxir retomaron o camiño do exilio. Os que quedaron sufriron penas capitais ou foron condenados con longas sentenzas de cárcere, como Andrés Rojo del Cañizal, que estivo na prisión de Cádiz desde outubro de 1823 ata a amnistía de 1832.

     Nese período de condena, en abril de 1829, morría a súa muller Josefa Rojo, mais Andrés, pouco tempo despois da súa saída de prisión, contraería de novo matrimonio ao casar con Antonia Zaín Puget, muller procedente dunha familia da burguesía catalana e de quen se separaría en 1847 sen ter descendencia.

     Cos liberais de novo do poder Andrés Rojo sería novamente recompensado co nomeamento de Intendente. En 1838, aprobada a nova división administrativa, estivo destinado en Lugo e en 1841 en Pontevedra.

     Ao pouco de voltar a Galiza, o noso persoeiro establecería co avogado José Vázquez Bugueiro unha estreita relación política, que acabaría selándose co matrimonio de José coa súa filla Josefa. Outro dos fillos de Andrés Rojo del Cañizal, José, herdeiro das propiedades que o seu pai tiña en Arteixo (Pastoriza, Meicende, O Moucho, Oseiro...), convertiríase en alcalde desta vila entre 1869 e 1871. De profesión militar, José combatira durante a guerra carlista ás ordes do xeneral Espartero e tomaría parte no alzamento progresista de 1854 como membro da Xunta de Salvación de Pontevedra, cidade onde estaba destinado como comandante da praza. Un fillo seu, Andrés Rojo Soto, tamén sería alcalde de Arteixo: entre agosto de 1894 e setembro de 1895.

     Os últimos anos de Andrés Rojo del Cañizal veñen marcados polas disputas familiares orixinadas polo reparto da herdanza. Os seus intentos de seguir mantendo o control sobre o patrimonio familiar, despois da morte da súa muller, da súa filla Josefa (1836) e dos seus cuñados Juan de Dios Rojo e Clemente Otero, sumiría á familia nunha serie de longos e penosos pleitos. Remiso a ceder os bens que por dereito pertencían aos seus fillos e sobriños, Andrés seguiría xestionando o capital a través de varias sociedades até o 28 de decembro de 1858, o día da súa morte.






Andrés Rojo Soto


FONTES:
-"O deputado Andrés Rojo del Cañizal: traxectoria vital e compromiso político (1783-1858)". Revista eumesa de estudios. Manuel Dominguez Ferro.
-"Na busca dun modelo social e político". A gran historia de Galicia.
-"Alcaldes de Arteixo (1836-1998)". Manuel Blanco 

venres, 14 de agosto de 2015

50 ANIVERSARIO DO POLÍGONO DE SABÓN

     Tal día coma hoxe, o 14 de agosto de 1965, o goberno de Franco autorizaba de maneira definitiva á Deputación Provincial da Coruña para adquirir o solo mediante procedemento expropiatorio de urxencia e polo sistema de prezos máximos e mínimos, así como para ordenar, executar e asumir a xestión total do futuro asentamento industrial. Sabón tiña luz verde, mais aínda tardaría uns anos en ser unha realidade.

     Uns meses máis tarde, o 25 de xaneiro de 1966 principiábase a súa execución mediante as operacións expropiatorias de adquisición de solo, procedendo sobre os terreos ao levantamento das primeiras Actas Previas de Ocupación correspondentes as leiras situadas dentro da nova delimitación industrial, operación que duraría varios anos e que cambiaría para sempre a fisionomía de lugares como Rañobre, Roxedoiro, Oseiro, Seixedo, A Groufa, Sabón, A Pedreira, Rañal, Figueiroa, O Potro, Caldas ou a vila de Arteixo, lugares donde se expropiarían máis de 1.500 fincas rústicas e unhas 150 vivendas.

     Naquel intre, a construcción do novo asentamento industrial empezaba a significar un gran desenvolvemento económico para Arteixo, planeándose nos seus terreos grandes proxectos empresariais que hoxe son coñecidos como primeiras marcas mundiais. Mais non debemos esquecer nunca o sacrificio daquelas expropiacións. O seu recordo debe manterse vivo a través dos anos, para que se medite do que é e foi o progreso...beneficio de moitos e en ocasións amargura e tristura duns poucos.

     A todas estas familias de expropiados vaille dedicada esta pequena homenaxe fotográfica que inicio hoxe neste blogue (antes de que remate este 2015, agardo poder presentar un libro sobre estes 50 anos de Polígono e tamén un documental que xa empeza a coller forma)...pois todos e cada un deles forman a historia duns lugares fantasma, onde rúas, camiños, leiras e casas xa só habitan nos recunchos máis profundos da memoria colectiva. Nos, os descendentes, non temos ese privilexio e nos seus contos entre liñas tan só podemos imaxinar esos lugares que marcaron as súas vidas a través das fotografías e das historias que herdamos e que nos transmitiron os nosos devanceiros.


A Perdiz (Rañal):






















martes, 11 de agosto de 2015

PEPE TEMPRANO E A MUIÑEIRA DE FREÁN

(Relato escrito por Víctor Iglesias no ano 2009)
   
     Pois a Baiuca ten muiñeira, efectivamente. Pero outras parroquias ou lugares do noso concello están inmortalizadas no apelido dunhas cantas composicións musicais. Lañas e Nostián teñen cadansúa Foliada, e Chamín unha Jota. Miguel de Santiago compuxo "A Feira de Paiosaco", e Xosé Casal a "Muiñeira de Meicende". Cada unha destas pezas e autores terá tras de sí a súa correspondente historia, pero hoxe tócalle o turno a Pepito Temprano, que foi quen de facer a "Muiñeira de Freán".

     A vinculación deste gaiteiro con Arteixo ven polo lado de Uxes, pois foi mestre de gaita en Queiroa durante uns cantos anos. Tamén penso que a partir deste vínculo surxe a Muiñeira de Freán.

      A Pepe Temprano córrelle polas veas a cuestión gaiteril. O seu pai, o seu tío e o seu avó xa foran gaiteiros de certo prestixio por estes arredores. Tocou co cuarteto familiar ("os Tempranos de Eirís") en Eidos e no Ballet Rey de Viana. E aínda ten corda. Échevos un tipo gaiteiro de polaina enteira, que se diría noutros tempos. Non hai máis que ollar para o retrato, para ver certa picaresca no seu ollar. Pepito Temprano exerce hoxendía de fotógrafo, coleccionista de toda clase de instrumentos, pescador e actor. No tan meneado anuncio de Gadis asoman os seus bigotes. É gaiteiro, e non só por tocar con certa destreza a gaita, senón polo xeito de vivir. Así o di el mesmo: "Fumei moito, bebín moitas tazas, comín moito, toquei a gaita todo o que a podía tocar, e andei moito de carallada. Espero que todos os que traballan sexan tan felices como fun eu na miña vida".

     O compositor da "Muiñeira de Freán" foi reclamado haberá uns trinta anos para protagonizar un spot publicitario de Estrella Galicia. A súa única encomenda consistía en saír en escena co seu traxe de gala, a gaita ao lombo e dándolle un grolo a un quinto. Antes da gravación, Pepito falou co resto dos actores:

-Oíchedes, tomádeo con calma, que se non sae á primeira nin á segunda, facémolo máis veces! 

     Meu dito, meu feito! Fixéronse trinta e tres repeticións porque sempre aparecía unha tos, ou unha palabra cambiada, ou un fallo de iluminación. E algún dos que estaba presente neste anuncio díxomo a min:

-Parece mentira, Rilo, pero o único que non fallou foi o gaiteiro. E iso que en cada repetición se largou o seu correspondente quinto! 

     A historia do audiovisual galego engadiu un novo vocablo a partir deste feito. Cando unha gravación sae mal e hai que repetila, en honor a Pepito Temprano, o director soe dicir:

"Bueno rapaces, imos facer outra TOMA".  

UN PASEO POLO ONTE E HOXE DE ARTEIXO

AVENIDA DO BALNEARIO/RÚA MÉDICO AMENEDO CASAVELLA (ARTEIXO)




martes, 4 de agosto de 2015

ESCULTURAS DO MAR

...quen dixo que estaban mortos os dinosaurios?
...quen dixo que os animais fantásticos non existen?  

      A dicir verdade, eu pensaba coma vós, mais os meus fillos Brais e David axudáronme a ver, coa súa imaxinación, un feixe de animais domésticos e salvaxes, dinosaurios, seres mitolóxicos, etc., que están agochados nas rochas do litoral. Seino. O mar foinos esculpindo onda a onda e marea tras marea, mais teño que confesar que non era quen de velos, e iso que nalgúns casos pasei centos de veces ao carón destas esculturas mariñas que irei compartindo con vós pouco a pouco ...así que xa sabedes: ídelle dando á imaxinación!
Na imaxe da esquerda Brais e David din que se ve a cabeza dun crocodilo ¿que vos parece? ¿levan razón?