martes, 11 de agosto de 2015

PEPE TEMPRANO E A MUIÑEIRA DE FREÁN

(Relato escrito por Víctor Iglesias no ano 2009)
   
     Pois a Baiuca ten muiñeira, efectivamente. Pero outras parroquias ou lugares do noso concello están inmortalizadas no apelido dunhas cantas composicións musicais. Lañas e Nostián teñen cadansúa Foliada, e Chamín unha Jota. Miguel de Santiago compuxo "A Feira de Paiosaco", e Xosé Casal a "Muiñeira de Meicende". Cada unha destas pezas e autores terá tras de sí a súa correspondente historia, pero hoxe tócalle o turno a Pepito Temprano, que foi quen de facer a "Muiñeira de Freán".

     A vinculación deste gaiteiro con Arteixo ven polo lado de Uxes, pois foi mestre de gaita en Queiroa durante uns cantos anos. Tamén penso que a partir deste vínculo surxe a Muiñeira de Freán.

      A Pepe Temprano córrelle polas veas a cuestión gaiteril. O seu pai, o seu tío e o seu avó xa foran gaiteiros de certo prestixio por estes arredores. Tocou co cuarteto familiar ("os Tempranos de Eirís") en Eidos e no Ballet Rey de Viana. E aínda ten corda. Échevos un tipo gaiteiro de polaina enteira, que se diría noutros tempos. Non hai máis que ollar para o retrato, para ver certa picaresca no seu ollar. Pepito Temprano exerce hoxendía de fotógrafo, coleccionista de toda clase de instrumentos, pescador e actor. No tan meneado anuncio de Gadis asoman os seus bigotes. É gaiteiro, e non só por tocar con certa destreza a gaita, senón polo xeito de vivir. Así o di el mesmo: "Fumei moito, bebín moitas tazas, comín moito, toquei a gaita todo o que a podía tocar, e andei moito de carallada. Espero que todos os que traballan sexan tan felices como fun eu na miña vida".

     O compositor da "Muiñeira de Freán" foi reclamado haberá uns trinta anos para protagonizar un spot publicitario de Estrella Galicia. A súa única encomenda consistía en saír en escena co seu traxe de gala, a gaita ao lombo e dándolle un grolo a un quinto. Antes da gravación, Pepito falou co resto dos actores:

-Oíchedes, tomádeo con calma, que se non sae á primeira nin á segunda, facémolo máis veces! 

     Meu dito, meu feito! Fixéronse trinta e tres repeticións porque sempre aparecía unha tos, ou unha palabra cambiada, ou un fallo de iluminación. E algún dos que estaba presente neste anuncio díxomo a min:

-Parece mentira, Rilo, pero o único que non fallou foi o gaiteiro. E iso que en cada repetición se largou o seu correspondente quinto! 

     A historia do audiovisual galego engadiu un novo vocablo a partir deste feito. Cando unha gravación sae mal e hai que repetila, en honor a Pepito Temprano, o director soe dicir:

"Bueno rapaces, imos facer outra TOMA".  

Ningún comentario:

Publicar un comentario