martes, 28 de xaneiro de 2025

O SAN TIRSO DE OSEIRO E A PROCESIÓN DA ROSCA

   Hoxe, 28 de xaneiro de 2025, na parroquia de Oseiro celebran, como cada ano, a festa do seu patrón San Tirso, santo avogoso, entre outros mesteres, contra as tronadas, e a reuma e os seus perigos, entre eles as dores dos ósos.

   Tirso foi asasinado no ano 251 pola súa fe en Apolonia (actual Turquía) durante a persecución do emperador romano Decio, en latín Gaius Messius Quintus Traianus Decius. Leucio e Calínico foron martirizados con el. A tradición di que Tirso soportou moitas torturas e foi sentenciado a ser serrado pola metade. Mais a serra non penetrou no seu corpo porque se volveu tan pesada que os verdugos non poideron usala. Leucio, despois de reprocharlle ao gobernador Cumbricius, fue colgado e decapitado. Calínico, un sacerdote pagán, converteuse á fe católica despois de ver o martirio de Tirso e tamén foi decapitado.

   As reliquias de Tirso foron levadas a Constantinopla e, andando no tempo, algunhas delas a Francia: Saint Thyrse é o santo titular da catedral de Sisteron nos Alpes da Alta Provenza. No século XII tamén se lle dedicou a igrexa en Châteauponsac. O seu culto fíxose moi popular na península ibérica desde a Idade Media. A igrexa católica celebra a súa onomástica o 14 de decembro e o 28 de xaneiro, aparecendo nos seus atributos cunha serra de man e coa palma do martirio. Na igrexa ortodoxa celébrase o 30 de agosto e o 27 de decembro.

Imaxe do San Tirso de Oseiro

   A de Oseiro é unha celebración que se fai xusto cando o día comeza a medrar, cando empezan a aniñar os primeiros paxaros e florecen as primeiras plantas. Hoxe o tempo non o permitiu, pero habitualmente para tal celebración sacan en procesión, despois da misa e acompañadas por músicos, ao San Tirso e á Virxe da Luz. Diante dos santos van dúas roscas de pan para loar os eidos vizosos de antano que enchían os hórreos da bisbarra e as despensas da cidade da Coruña, eidos sobre os que se asentan, na actualidade, moitas das fábricas do Polígono Industrial de Sabón.

    As dúas roscas, que na realidade son dous ramos popularmente coñecidos como o da nena e do neno, constitúen unha homenaxe verdadeira á natureza e, por iso, hai costume de sacalos tamén o día 2 de febreiro, a festa da Candeloria, o tempo en que casan os paxariños, adianto verdadeiro, no medio do inverno, da degorada primavera.

Procesión da Rosca de Oseiro do 28 de xaneiro de 2019

   É tradición que as roscas volvan saír cos músicos o día 3, a festa do San Brais -San Bras como din en Oseiro- e, o domingo seguinte, repártense en anaquiños entre toda a veciñanza, que ata non hai moito cadaquén gardaba durante todo ano na casa.

San Tirso 28 de xaneiro

e San Brais o 3 de febreiro,

as primeiras festas do ano

na parroquia de Oseiro

   A confección das populares roscas de Oseiro atense a un ritual que obriga a amasar o pan sen sal e sen lévedo o día de fin de ano pola tarde, e tiralo do forno antes de que se poña o sol, momento que se anuncia cunha salva de foguetes. Logo, este “derradeiro pan do ano” gárdase na igrexa de Oseiro, lugar no que está exposto ata o día da procesión. Cada unha das roscas colócase nunha pequena armazón de madeira e adórnase con flores e fitas de cores. Ata hai unhas décadas, rodeábase de froitas e doces propios da parroquia, que logo eran repartidos entre os nenos e nenas. Na actualidade substituíronse as froitas e os doces por caramelos.

   É costume que a procesión vaia arredor da igrexa e, antecedendo ás imaxes dos santos, colócanse as dúas roscas, a do neno e a da nena, que logo serán repartidas o domingo seguinte ao san Brais entre todos os veciños e veciñas.

    O pan sagrado de Oseiro consérvase todo o ano sen coller balor, “e deben -segundo nos conta Francisco Vidal no seu espazo virtual Os Chanzos1- comer del persoas e animais para protexerse contra os males, revestíndose así dun caracter apotropaico, que o converte en amuleto contra todo tipo de maleficio”.

   As primeiras roscas das que se ten acordo na parroquia seica as elaborou, antes da Guerra, Manuel Rey Suárez na panadería de Oseiro. Posteriormente, continuaría coa tradición o seu fillo Jesús Rey Riveiro. Co tempo, a encargada da elaboración das populares roscas, sería unha filla de Jesús, Dolores Rey Sande, que as facía coa súa filla María Luísa.

   Dolores, que hai anos que faleceu, é unha das protagonistas do libro “Contos da Coruña” no que esta veciña de Oseiro lle conta ao seu autor, o polifacético Xurxo Souto, o seguinte:

Agora á xente non lle acorda, pero nos tempos de antes cada veciño tiña que poñer un monllo, para a rosca. Un monllo é unha atadura de trigo segado. Despois mallábase na eira do pazo, a carón da igrexa, nunha gran lousa2”.

   Ao pechar a panadería Rey, a panadería de Oseiro na que tantos anos levaban elaborando as roscas a señora Dolores e a súa filla María Luísa, Chacho Rey Sande (irmán de Dolores) sería a persoa encargada de seguir mantendo a tradición, realizando ata a súa xubilación as roscas na súa panadería “La Nueva” de Vilarrodís. Chacho, falecido o 3 de febreiro do 2024, recordábanos con emoción moito antes do seu pasamento os tempos nos que, sendo un neno, lle axudaba a seu avó Manuel Rey Súarez, home sabio de quen xa temos falado nesta bitácora, a facer o ramo de madeira:

Colocábase unha rosca diante e outra detrás e, por iso, parecían que eran dobres. As roscas adornábanse con froitas e, dous días despois do San Brais, cortábanse en tantos anacos como casas había na parroquia e metíanse nun saco. Logo, Ramón de Xelo, que era o sacristán naqueles tempos, era o encargado de repartilos polas casas.

    Cando a sáude lle impediu a Chacho seguir coa tradición, foi o seu fillo Alberto Rey Pérez o que continuou elaborando as roscas, malia que xa hai 15 anos que tivo que abandonar o oficio de panadeiro por motivos de saúde. Con Alberto falamos onte, pouco despois de que colocara no ramo as roscas que cocera a noite pasada. “Este ano -díxonos-, como teño o noso forno en reformas, fíxen as roscas na Panadería Carracedo de Chamín. Con meu pai levaba máis de vinte anos, pero eu só levo cinco facéndoas e espero poder seguir coa tradición moitos máis. Menos este ano, sempre as fixen na Panadería La Nueva de Vilarrodís, que foi onde eu nacín, e para o próximo, se Deus quere, tamén se farán alí en Vilarrodís. Na procesión saen dúas roscas, unha do neno e outra da nena. Polo que me ten contado meu pai, antes lévabanas un neno e unha nena. Nós facemos catro roscas para que cheguen para todos os veciños, cando se corten en cachiños o seguinte fin de semana a San Brais”. Grazas pola túa xenerosidade, Alberto!

Roscas do 2025 (Cortesía de Alberto Rey Pérez)

   Xa hai moitos anos que non hai trigo na parroquia mais, con todo, o feito de que se siga honrando o pan, mantendo viva a tradición dos seus maiores, di moito da xente de Oseiro, lugar onde curiosamente o apelido Pan é un dos máis comúns entre as veciñas e os veciños nados na freguesía antes da segunda metade do século pasado, caso de Carme Pan Pan, nada en Froxel en 1913 e avoa materna de quen escribe.

   Así pois, Oseiro segue honrando a súa rosca. Un rito telúrico, como di o amigo Xurxo Souto nos seus “Contos da Coruña”, que nos toca no urdido máis fondo. Testemuño da cultura do pan que tanta importancia tivo na cidade, a terra dos muíños de vento, da praza da Fariña e da rúa Panadeiras3.


FONTES:


-SOUTO, XURXO. Contos da Coruña. Xerais. Vigo, 2007.

-VIDAL, FRANCISCO. San Tirso e a procesión da Rosca de Oseiro. Os Chanzos (oschanzos.blogspot.com)

__________

2 Vid. Xurxo Souto Eiroa (2001): Contos da Coruña, Edicións xerais de Galicia, Vigo, páx. 198.

3 Vid. Ibídem, páx. 199.

martes, 21 de xaneiro de 2025

HÉCTOR NÚÑEZ BELLO, UN FILLO DE EMIGRANTES DE MEICENTE E PASTORIZA QUE ESTIVO NA ELITE DO FÚTBOL MUNDIAL

   Dous veciños de Meicende, Manolo Míguez e Héctor Núñez, emigraron na década dos anos vinte do século pasado a Uruguai e alí, no novo país de adopción, crearon a súa propia familia. O fascinante do caso é que, co paso do tempo, as casualidades da vida farían que un fillo de Manolo, o Cotorra Míguez, e outro de Héctor, o Pichón Núñez, se ían converter en dous dos mellores futbolistas uruguaios de todos os tempos. Do Cotorra Míguez falaremos no futuro nestas Crónicas de Arteixo; de Núñez facémolo deseguido.

  Nado en Montevideo o 8 de maio de 1936, Héctor Núñez Bello, mais coñecido polo alcume de Pichón Núñez, debuta aos quince anos no fútbol de competición no equipo de quinta división do Liverpool, o mesmo club do que tamén saíra Ramón Villaverde, outro fillo de emigrantes arteixáns que acabaría xogando no F.C. Barcelona. 

     Núñez non ía tardar en despertar o interese do Nacional de Montevideo que, nos primeiros anos 50, acabaríao fichando para as súas divisións xuvenís. Ao tempo que se formaba como futbolista dando mostras da súa enorme calidade xogando de oito, asombraba en cada partido pola súa facilidade para chegar á área contraria e pola comuñón que tiña co gol. 
 
  O enorme talento demostrado nas categorías inferiores levaríao a debutar no primeiro equipo de contado, debut que se produce o 15 de decembro de 1956. O Nacional festexaba a consecución do segundo título consecutivo de campión do torneo ligueiro uruguaio nun partido amigable contra o Independiente arxentino. No encontro, que remataría cun escandaloso 6-1 favorable aos charrúas, o adestrador Ondino Viera, contratado en 1955 pola directiva que presidía o empresario larachés José Añón para recuperar o título que o Nacional non obtiña dende 1952, tamén faría debutar a Julio Acosta, Raúl Núñez e Héctor Rodríguez, compañeiros do Pichón nas categorías inferiores que, xunto a Guillermo Escalada, conformarían unha das dianteiras máis lembradas polos seareiros do equipo tricolor de Montevideo.   
 
   No ano seguinte, en 1957, o Nacional obtén o seu terceiro campionato consecutivo grazas, en gran medida, á aqueles catro rapaces da dianteira que uns meses antes xogaban xuntos no equipo xuvenil. Héctor Núñez sería elexido o mellor xogador uruguaio desa tempada e, ademais, debutaría coa selección charrúa nos partidos contra Paraguai e Colombia da fase clasificatoria para o Mundial de 1958 de Suecia ao que, finalmente, a celeste non acudiría. Precisamente, nese ano de 1958, o Nacional realiza por Europa unha xira de dez partidos, entre eles un xogado o día 15 de xuño na Coruña para disputar o trofeo Teresa Herrera contra o equipo brasileño do Flamengo
 
  Héctor Núñez era a primeira vez que pisaba a terra na que naceran seus pais e, unha vez rematado o encontro no que os uruguaios se impuxeran por 2-1 con goles do propio Héctor e de Escalada, o noso protagonista sería entrevistado polos xornalistas herculinos a quenes lles deixou unha pincelada en galego...”Miña nai é de Pastoriza e meu pai de Meicende”.

Foto de Héctor adicada a Tuja,o seu curmán de Meicende 

    A súa gran actuación naquel Teresa Herrera ía despertar o interese de varios equipos españoles, entre eles o R.C. Deportivo, que por aqueles días competía na 2ª División, o Celta, o Granada e o Valencia, que foi o club co que finalmente asinou, por 14.000 dólares.

   No equipo che, no que debuta o 8 de abril de 1959 fronte ao Everton inglés, o Pichón conquistaría dúas Copas de Feiras en 1962 e 1963 e anotaría un total de 40 goles durante as sete tempadas que xogou alí, a última delas a 1964/65, a mesma na que un curmán seu de Meicende, Manuel Núñez Tuja, fichaba no Celta de Vigo. Na campaña seguinte o Pichón viste a camiseta do Mallorca, onde xoga unha tempada antes de disputar as súas dúas últimas como futbolista profesional nas filas do Levante, que foi o equipo onde colgou definitivamente as botas ao remate da tempada 1967/68. 


Semanario Riazor, 16 de xuño de 1958. Héctor Núñez di en galego que súa nai era de Pastoriza e seu pai de Meicende

     Retirado coma futbolista, Héctor comeza a súa carreira de adestrador no Calvo Sotelo de Puertollano, club co que asina en outubro de 1970 e ao que dirixe trinta e un partidos en 2ª División. Posteriormente adestra ao Tenerife; Levante; Valladolid; Granada; Rayo Vallecano, onde foi o primeiro adestrador do club en 1ª División, aquel Rayo ao que chamaban mataxigantes polas súas proezas no Estadio de Vallecas; Atlético de Madrid, ao que dirixe de xeito efémero: fichara para substituír a Luis Aragonés en 1978, mais só aguantou cinco partidos, sendo reemprazado polo mesmo Aragonés. A continuación retorna ao Rayo Vallecano, antes de dirixir durante dúas tempadas ao Tecos mexicano, de 1981 a 1983, un campionato azteca onde ve xogar a Hugo Sánchez cos Pumas da UNAM e recomenda a súa fichaxe ao Atlético de Madrid. Na tempada 1983/84 volta ao campionato español para adestradar en 2ª á U.D. Las Palmas. Dende 1985 ata 1987 ocupa, unha vez máis, o banco do Rayo e, en 1989, adestra por primeira vez no seu Uruguai natal, no mesmo club no que anos atrás debutara coma futbolista profesional: o Nacional de Montevideo.

      Tras un par de anos sabáticos, Núñez dirixe en 1992 á selección de Costa Rica e na tempada 1993/94 faise cargo do Valencia. Rematada a súa estadía no banquillo do club no que iniciara a súa carreira futbolística en España, retorna a Uruguai para facerse cargo da selección charrúa dende 1994 ata 1997. 
 
  Ao fronte da celeste, o noso homenaxeado conquista, tras superar a Brasil nos penaltis, a Copa América de 1995, título polo que sería elexido mellor técnico de América da tempada pola prensa especializada do continente. Ao recoller o premio Héctor, lembrando os seus inicios na dirección técnica, considerou ao adestrador catalán Domingo Balmanya coma o seu mestre.
 
      Os últimos desempeños do Pichón Núñez coma técnico terían lugar en Arabia Saudita ao fronte do Al-Nassr e do conxunto uruguaio do Tacuarembó F.C., que foi onde puxo punto final a súa carreira coma adestrador en 2007. 
 
   Héctor Núñez Bello, o fillo daquel matrimonio de Meicende e de Pastoriza que fixeran a maleta da emigración nos anos vinte do século pasado, faleceu en Madrid o 19 de decembro de 2011, aos 75 anos de idade.
 

martes, 14 de xaneiro de 2025

OS TESOUROS DO VAPOR INGLÉS "PRIAM"

  Se imos pasear polo areal de Sabón e botamos unha ollada cara a zona de Caión e de Malpica tamén podemos observar as Sisargas, unhas illas que, nos días soleados e de moita claridade, dá a impresión que mesmo as podemos tocar coa punta dos dedos ao tempo que respiramos a salitre oceánica. Pois ben, se trazamos unha liña recta imaxinaria, é doado comprender como os ventos e as correntes de mar trouxeron ata este punto do litoral de Arteixo boa parte do cargamento do Priam, un barco británico do que falamos deseguido que naufragou precisamente nas illas Sisargas nos primeiros días de 1889, hai agora exactamente 136 anos! 

Foto tomada no areal de Sabón en xaneiro de 2025. Ao fondo vemos algúns edificios de Caión e distínguese Malpica. Á dereita, as illas Sisargas, lugar onde naufragou o vapor Priam en xaneiro de 1889

    As persoas que me coñecedes ben, sabedes perfectamente o tempo que lle dediquei á investigación do naufraxio deste vapor mixto de carga e pasaxe construído en 1870 que se fora a pique nos baixos da Cistela, nas Illas Sisargas, o 11 de xaneiro de 1889 cando facía ruta dende Inglaterra cara a Asia. 

  Souben daquel barco por primeira vez grazas a Francisco Sanjurjo, Quico de Pichel, e a Adolfo Vázquez, Adolfo de Tiso, dous veciños da miña aldea do Rañal que me contaron varias historias que nun principio, a dicir verdade, parecíanme inverosímiles. Quico e Adolfo falaban de moitas riquezas espalladas por toda a costa de Arteixo, dende reloxos de ouro e prata ata un baúl cheo de “estampas bonitas” de papel, como seica lles chamaba José Naya, o veciño de Sabón que atopara ese cofre no areal de Alba.

   Parece ser que o devandito baúl estivera certo tempo na corte das vacas, onde Naya utilizaba ese papel para facer pitillos e para prenderlle lume ao pote na lareira. Este home ía descubrir o valor real do que pouco a pouco fora queimando cando un día se desprazou ata A Baiuca coa idea de mercar un sombreiro. Cerca da tenda atopouse cun coñecido. Puxéronse a falar das súas cousas e sacou unha desas “estampas bonitas” que tiña no peto para facer un pitillo.

   -Con esa estampa podes comprar os sombreiros que queiras e aínda che van devolver cartos, díxolle este amigo.

   A José Naya véuselle o mundo enriba ao saber que aquelas “estampas bonitas” de papel coas que facía pitillos e queimaba para facer lume na lareira eran cartos. Eran libras esterlinas!

   Quico e Adolfo, os dous falecidos hai xa varios anos, tamén me falaron de centos e centos de metros de teas que apareceran nos areais de Alba e Sabón, de gran cantidade de louza e tamén dun piano que, despois de que o mar o achegara ata o areal, acabaría soando primeiramente no Balneario de Arteixo, logo no Café Berán da Baiuca, lugar no que se facían representacións teatrais e musicais que se acompañaban con ese instrumento e, con posterioridade, na igrexa parroquial de Santiago de Arteixo.

   Os dous veciños do Rañal sabían, polo que lles contaran os seus devanceiros cando eran nenos, aló polos anos 20 e 30 do século pasado, que todas estas riquezas eran dun buque inglés que naufragara nas Illas Sisargas en 1889: o Priam.

Óleo do S.S. Priam subastado pola Caelt Gallery de Londres no 2013 (www.liveauctionneers.com)

   Todos estes feitos despertarían en min a curiosidade conducíndome de inmediato cara a súa investigación e, na procura de máis informacións, empecei a consultar compulsivamente nos arquivos e nas hemerotecas, onde aparecerían novos datos.

   Ao mesmo tempo que escribía as primeiras páxinas dun libro no que pretendía recompilar todos estos contos, fun descubrindo a nube de misterio que había en torno a este naufraxio e o máis sorprendente: en Malpica, malia a ser un dos sinistros máis importantes acontecidos na vila ao longo da súa historia, a pouca xente lle soaba o nome do Priam. Tan só José Blanco Haz, José da Muxiana, e Ramón Rodríguez Alfeirán, Rojito, foron quen de aportar datos de gran interese, dous homes que coñecimos grazas á colaboración de Adrián Abella, que foi quen nolos presentou. Pola contra, en Arteixo a transmisión oral mantivera vivos moitos dos feitos relacionados co naufraxio, grazas a que persoas como Adolfo Vázquez e Francisco Sanjurjo gardaban nun recuncho da súa memoria os contos que lles escoitaran, cando eran nenos aos seus devanceiros.

   Mentres seguía na procura de novas informacións do acontecido neste sinistro, tiven a inmensa fortuna de coñecer a Fernando Patricio Cortizo, auténtico erudito do mundo do mar que xa tiña publicado traballos impresionantes coma os dous volumes de Historia da costa galega e os seus naufraxios. Co paso do tempo, xuntando esforzos, traballo e ilusións, Fernando e este humilde servidor decidiríamos sacar adiante esta investigación conxuntamente, publicando con Edicións Embora De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, libro no que, moi ao noso pesar, quedou sen resposta a interrogante de saber onde estaba a campá do vapor inglés.

   Uns meses máis tarde, o 11 de xaneiro do 2014, o día exacto no que se cumpría o 125 cabodano do naufraxio, Malpica acollía a primeira presentación do libro nun acto moi emotivo conducido polo poeta Paco Souto, que falecería en marzo do 2017 logo de que ese mar que tanto amaba lle segara a vida!

Acto de inauguración da placa en recordo de todos os protagonistas do Priam celebrado no paseo marítimo de Malpica o 11 de xaneiro de 2014. De esquerda a dereita, Fernando Patricio Cortizo, Xabier Maceiras e Paco Souto (La Voz de Galicia)
Placa situada no paseo marítimo de Malpica que honra a todos os protagonistas do naufraxio do Priam

  Cinco anos despois daquela presentación, o que escribe recibía a chamada do amigo Xosé Troiano, historiador e erudito do mundo das campás grazas a quen, ao fin, se completaba o crebacabezas do Priam!

-Xabier, vouche dar unha noticia que che vai facer moita ilusión!

-Sorpréndeme, Xosé!

-Sei onde está a campá do Priam!

-Non o podo crer!

-Está na ermida de Santa Cristiña, na parroquia de Berdoias, en Vimianzo! 

Campá do Priam na ermida de Santa Cristiña, na parroquia de Berdoias, Vimianzo (Cortesía de Xosé Troiano)

   O lugar de Santa Cristiña é un interesante conxunto etnográfico no que, ademais de diferentes construcións como un antigo curro, hórreos ou a fonte milagreira, pódese ver a capela da que nos falou o amigo Xosé Troiano, capela na que se mantén vivo o culto á tradición agraria da zona. Agora só nos falta saber como chegou ata alí a devandita campá!

Ermida de Santa Cristiña situada na parroquia de Berdoias, en Vimianzo

   Grazas á coraxe e á valentía dos mariñeiros de Malpica, que puxeran en risco a súas propias vidas para salvar aos náufragos do vapor inglés, só houbera que lamentar a morte de nove das corenta e sete persoas que viaxaban no Priam, cinco pasaxeiros e corenta e dous tripulantes.

   Dos cinco pasaxeiros perderan a vida catro: o señor e a señora Derbyshire maila súa criada, Elizabeth Smith, os tres de Wigan, e a señorita Helen Clarck, que era de Liverpool. Os cinco tripulantes que morreron na traxedia das Sisargas foron a camareira e única muller da dotación do vapor inglés, Catherine O´Rourke; o tamén camareiro Arthur T. Bishop, con residencia en Londres; o cociñeiro G. Ledburn, de Liverpool, o 2º maquinista David Graham, de Manchester, e o médico australiano Sydney Ernest Holder.

  A prensa de Australia faríase eco de contado da morte do seu compatriota aínda que nun principio, tanto o Adelaide Observer coma o Melbourne Daily Telegraph apuntaban que o vapor sinistrado fora o Ehriam. Parecíalles pouco probable que fora o Priam dado que ese vapor, na súa última viaxe a Asia, voltando cara a Inglaterra, chegara o día 5 de decembro a Xibraltar con serios problemas nas máquinas. Mais os dous xornais, no que si facían fincapé, era de como tristemente se lle cortara a vida no litoral galego, con tan só 26 anos, a Sydney Ernest Holder, o fillo máis novo de James e Marta Holder.

  Sydney nacera en Adelaida o 22 de decembro de 1862, e era o irmán menor de F.W., naquela hora editor e propietario do Burra Record e que andando no tempo acabaría sendo primeiro ministro de Australia do Sur (https://en.wikipedia.org/wiki/Frederick_Holder); C.J., empregado no ferrocarril de Adelaida; e H.R., operador no Departamento de Telégrafos e un famoso cantante afeccionado. Curiosamente, en xaneiro de 2021, recibimos un correo electrónico dende Adelaida, Australia, de Phil Williamson no que entre outras cousas nos contaba que o médico do barco, Sydney Ernest Holder, era familiar seu! Gran sorpresa aquel mail que moito nos emocionou, abofé!

   Por se é do voso interese, as historias do naufraxio do Priam e as repercusións que tivo a carga do buque en Arteixo e noutras zonas da bisbarra, carga que o mar non paraba de vomitar durante as primeiras semanas de 1889, tédelas ao voso dispor no libro De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, traballo que Fernando Patricio Cortizo e un servidor publicamos con Edicións Embora no 2014, xusto no 125 cabodano do naufraxio.