martes, 28 de febreiro de 2017

O ENTROIDO DE MONTEAGUDO

      Lémbrome como se foxe hoxe, eu vivía en Monteagudo, dacabalo entre o lugar da Rocha e o Freixal. Non sei moi ben cantos anos tiña, era polo ano 44 ou 45. Non era nena nin moza, tería doce ou trece anos. Eran as festas que máis me gustaban, cando nos xuntabamos todos. Aquí viña xente de moi lonxe, eran moi coñecidas e moi grandes. Xuntabámonos os de aquí do lugar, os de Santaia, tamén viñan da Laracha, de San Román, había moitos máis mozos, e nós como éramos mociñas e íamos con eles ás veces, eles viñan aquí sempre no entroido. A xente de antes era moito máis divertida que a de agora!

     O entroido empezaba co mes de febreiro, o día dous, o día que casan os paxariños... día das candeas: tíralle o burro polas cadeas; o día tres, día de San Bras: tíralle o burro por detrás. Desde o día dous xa se empezaban a botar as entroidadas. Unha moi utilizada era a de debuxar un burro de papel e pegarllo ao lombo a alguén sen que se decatase.

     Cando se facía a matanza, ao porco arrancábanselle os dentes máis grandes, para gastar entroidadas. Se cadra era a peor entroidada que che podían botar. Se alguén dicía: - "Mira que navalla acabo de atopar", os máis avispados contestaban con un -"Pois gardaa". Outros querían vela, entón enseñabanlles os dentes e daba moita rabia. Se te convidaban a tomar café era fácil que cho servisen con sal. Se che daban filloas, non che podía estrañar se ao mordela saían polo medio fíos. Os fíos eran de cerro de liño. Cando se fiaba xa se reservaba algunha madexa para aproveitar nas entroidadas. Facíase o almohado das filloas e engadíase os fíos. Facíase a filloa e colocábase no plato no medio das outras, levando a entroidada o que daba con estas filloas. O caso era botar algunha, aínda que só fose de palabra: 

- Levaches algunha este ano?
- Non
-Pois aí che vai a primeira.

     O tío Xan tamén levaba ben delas. Era moi bo home e moi inocente. Unha vez viñérono chamar de noite.

- Tío Xan, veña á Veiga, que a tía Carmela está moi maliña.
- Non vaias Xan, que seguro que é unha entroidada.
- Como non vou ir señora Pastora?. É miña irmá.

     Cando o tío Xan chegou á casa da Veiga, entrou no cuarto e achegouse á cama. Cando lle preguntou como se atopaba, o que viu foi un choqueiro de trapo metido na cama e a xente detrás da porta ríndose del.

    Noutra ocasión foron a buscalo para axudar a subir unhas vigas de madeira. Cando estaba aguantando delas tiráronlle un choqueiro dende arriba. O tío Xan, pola súa condición de bo home, levaba moitas entroidadas. Pero tamén era sospeitoso de moitas, aínda que nunca foi descuberto.

     A señora Jesusa, un día cando se ergueu e foi abrir a porta, caeulle enriba un choqueiro todo cheo de bosta. A pobre muller botou un bo berro e maldeciu ao que puxera alí aquelo. Aínda que non sabía ben quen fora, a culpa levouna o tío Xan.

     A semana anterior aos días de entroido facíase a matanza. Eran os días do ano que máis e mellor se comía. Nin nas festas había tanta fartura. Eran tempos nos que se pasaba necesidade. Durante o ano o que se comía as máis das veces era o caldo e a broa, pero estos días dabámosnos boas enchentas. Cacheira, grelos, filloas, buñuelos, chulas, guiso de tripas, rexóns, morcillas...Levábase a proba da matanza, algo que a min gustábame moito porque cando a levabas dábannos de comer ou algúns cartiños. Xa lle chamaban a "semana larpeira".

     Unha semana antes xa se empezaba a oir tocar os cornos. Oíanse ao lonxe. Era o sinal. O domingo empezaba a diversión. Era o día santo e non había que ir traballar as leiras, daquela estabamos todo o día por aí. Os outros días había que levantarse cedo e facer o traballo. Dabámoslle de comer aos animais, íamos coller a herba e alí xa falabamos do que faríamos pola tarde. Traballábase só pola mañán, pola tarde gardábase o día santo. O luns e o martes facíase baile na leira da Veiga e tamén se ten feito nas leiras do Freixal. Era o mes de febreiro, facía frío e escollíanse sitios que fosen abrigados. Eu vestíame de mascarita, poñía un vestido e colgáballe cintas de papel de cores. Non tiñamos cartos para comprar cousas e aproveitábamos o que había pola casa. No baile, que se facía con pandeiretas, tocábanse ghotas e muiñeiras. A mascarita bailaba co mascarito, que ía vestido con un traxe e na cabeza levaba un sombreiro de palla cuberto de cintas de papel. Os choqueiros ían vestidos con farrapos, as mulleres vestíanse de vellos e os homes de mulleres ou de vellas.

     O choqueiro tíñalle que roubar a mascarita ao mascarito. Cando este se daba conta se cadra xa íamos aló embaixo. Viña correndo para recuperarme...mira que corríamos! Cruzábamos a leira, saltábamos o esqueiro...cando nos pillaba voltábamos para o baile, e así todo o tempo. 

     Sempre había algún que se vestía de touro. Na casa do señor Manuel había o esqueleto da cabeza dun touro con cornos. No entroido collían esa cabeza dúas persoas, tapábanse con mantas e simulaban un touro de verdade. Para facer o corpo, un ía de pé e o outro medio encorbado...este moito se cansaba!. De rabo poñían un pao de cebro, con ramas de espiñas na punta, enchendo estas ramas con bosta para que ninguén se metese con eles. Había xente que era moi dada a ir meterse con eles para quitarlles o rabo. 

     Recordando os traballos que se pasaban nas minas, algúns vestíanse de mineiros e de carabineiros. Os mineiros facían buratos na terra simulando lavar o mineral. Neso chegaban os guardias que querían quitarlles os minerais que conseguiran extraer das minas...comenzaba a persecución!

     Xa dixen que eran un dos carnavais máis divertidos, donde se xuntaba máis xente que viñan dende fora da parroquia. Dende a parroquia de Armentón, do lugar da Perillona, viñan nun carro tirados por un cabalo e adornado de mimosas Juliana, Felisa, Generosa de Cotolo e o coxo.

     Cando remataba o baile, aí ás dúas da mañán, marchabamos armando xolda polos camiños e levantando á xente da cama. Conseguiamos que nos abrisen a porta e nos convidasen a algo de comer, café ou caña.

     Esto era o domingo, luns e martes. O mércores día de cinza, non se podía facer diversión, había que pedirlle permiso ao cura. Se estaba contento o día que llo íamos dicir, ou se el se levaba ben coa xente da parroquia, deixábanos. O mércores era o primeiro día de xaxún, non se podía comer carne se non se pagaba a "bula" na igrexa.

     O domingo, día do entroido,  tamén se facía baile e vestiámonos, pero xa non viña moita xente porque había algúns que ían a Chamín ao enterro do entroido. Eu xa non me acordo moito de como era a festa neste último día. Do que si me acordo era do mal que o pasaban os nenos co medo que lle tiñan aos choqueiros.

     A xente de hoxe non é tan divertida como era a de antes!

     Agradecementos á miña avoa Carmucha, que me transporta aos anos cando o entroido era festa.

     
     Monteagudo, febreiro de 1998.
     Ana María Castro Regueira 

Imaxe dos anos 60 de Carmucha, a protagonista deste relato, a súa amiga Xulia, que aparece no medio e, á dereita, súa nai Jesusa

(Traballo gañador do premio de investigación sobre o entroido convocado polo Concello de Arteixo en 1998 e publicado no B.I.M. nº 49 )

domingo, 26 de febreiro de 2017

A POXA DA CARNE DAS ÁNIMAS NAS PARROQUIAS DE CHAMÍN E MORÁS

Imaxe dos anos 70 dunha matanza
     Échevos tradición antiga ista que vos vou contar, e que aínda se celebra o domingo de Entroido nas parroquias de Morás e Chamín.

       Neste día, a xente leva á igrexa cacheiras, bicos, e patas de diante da última matanza, e tamén algunha cunca de barro con graxa derretida.

       Á saída da misa escomeza a poxa propiamente dita; a carne ofrécese aos parroquianos para que poxen por ela, como nunha subasta. O que máis ofrece, leva a peza de carne para a casa, e os cartos quedan a beneficio das ánimas do purgatorio.
 
     En moitos casos, o que trae unha peza é logo o que máis poxa por ela. Isto é por un ofrecemento, e os veciños han de ceder por cortesía a que sexa o propio dono o que leve a peza de volta para a súa casa, despois de poxar para as ánimas.

      Xa non son os tempos nos que os adros de Chamín e Morás estaban ateigados de pezas de carne, e viñan a poxa xentes das parroquias lindantes. Pero esta tradición resístese a desaparecer. Logo, que sexa así por moitos anos.


(Publicado por Víctor Iglesias García no B.I.M. de febreiro de 1994)    

venres, 24 de febreiro de 2017

O ENTROIDO DE CHAMÍN

     Montañeses, mascaritos, choqueiros de varredoiro, touros, burros...todas persoaxes dun conto de entroido que podería empezar así: "Hai moitos anos, as mulleres da parroquia empezaban a preparar o carnaval cun mes de antelación. Pedían polas casas para xuntar os cartos necesarios para montar a diversión. Remexían e cosían cintas con teas, papeis con follas e, das súas mans, saían os persoaxes dun dos entroidos máis importantes do noso concello: o da Lagoa e o de Chamín". 

"O Piñeiro" foi, durante décadas, testemuña do Entroido de Chamín
   Tomaban forma pouco a pouco os traxes das montañesas, con saia longa negra ou marrón e dous panos, un na cabeza e outro, o pano marino ou crespón, por riba dos ombros. As mascaritas e mascaritos daban a nota máis colorida, con traxes que recordan nos homes o estilo militar pero cun sombreiro picudo con cintas e adornos en contraposición ó das mulleres, que é redondo, aínda que igual de adornado. E os choqueiros que non falten. En Chamín chámanlles "do varredorio", con roupas vellas e cun pau rematado nunha corda protexida con pallo ou molidos de trapo para defenderse.  
     Chegado o domingo de entroido, saían todos coma en procesión levando un ramo e dúas cestas adornadas con roscas e figos que os "miróns" roubaban e os choqueiros se encargaban de recuperar.

     Xa no campo da "diversión", as montañesas tocaban as pandeiretas e as parellas de mascaritos bailaban ata que un ousado agarraba e marchaba coa moza, que era reprendida polo mascarito no medio das risas e burlas da concurrencia.

     Mentres, dous homes metidos debaixo dunha tea e simulando un burro, ou un touro con cornos e rabo de toxo, turraban e couceaban a quen se puxera por diante. E así, entre baile, touros, choqueiros, mascaritos e montañeses, ían pasando os días: domingo, luns e martes de entroido. 


(Publicado no B.I.M de febreiro de 1995)     

martes, 21 de febreiro de 2017

A TRADICIÓN DO ENTROIDO EN SOUTO (UXES)

     Unha das máis tradicionais festas de carnavais que se atopaban dentro do concello de Arteixo era a da "lectura do testamento do entroido en Souto" pero, tras case 15 anos de duración, parece rematar a súa andadura nos carnavais do ano 1994.

     Xosé Luis Mañana, o primeiro presidente que tivo a A.C. Queiroa e un dos iniciadores desta  tradición, coméntame que ..."nadie tomou o relevo" e tamén lembra os comenzos, uns primeiros anos da posguerra nos que non podías ir ás festas disfrazado e a chegada da democracia, que trouxo a recuperación da cultura e tamén a liberdade para retomar as tradicións dos carnavais. Foi entón, a comenzos dos anos 80, cando un grupo de xente como Xosé Luis, Manolo de Rodriguez, Manolo de Amado, Nito, Fina de Amador, e máis persoas do pobo pensaron facer unha comparsa. E, no seu lugar de reunión, no baixo da casa de Xosé Luis, fixéronse as primeiras coplas e os primeiros ensaios.

  Pouco despois xurdiu a Asociación Cultural Queiroa na que se atopaban varios dos compoñentes da comparsa, se ben, a asociación fixo algunhas actividades como tal, como foi a organización dunha "caravana de mulleres" seguindo o exemplo daquela famosa película do Oeste ou, tamén, o chamado "tren da alegría". Mentres, a comparsa foise profesionalizando e consolidándose, non só nun sentido cultural senón tamén comercial coa venda das coplas. E pouco a pouco foise desvinculando dalgún xeito da asociación..."a comparsa chegouse a intentar profesionalizala tipo xente de Mera, tipo xente da Coruña...", dime Xosé Luis. Pero pouco a pouco a comparsa foi morrendo. Os principais promotores da mesma, Nito e Ignacio, foron continuando coa tradición pero xa traballando máis nos testamentos do entroido, que tamén comenzaron nos anos 80. Xosé Luis recorda que..."os enterros aquí arrastraban moita xente porque tiñan moita garra". Nito e Ignacio adicábanse á caza e captura das cousas que pasaban durante o ano indo polos arredores, tomando notas das cousas que se dicían nos plenos; todo para preparar a súa sátira: o testamento. Pero este traballo era moi sacrificado e pedía moita constancia.

     A Asociación Cultural Queiroa organizou, xunto coa participación de Nito e Ignacio (que colaboraron no testamento e tiveron unha intervención), o que foi ata o de agora o último testamento do entroido. Foi nos carnavais de 1994. 

(Entrevista feita nos anos 90 a Xosé Luis Mañana por Santiago Sande)