O vello estadio de Riazor foi o lugar dun enfrontamento, no
ano 1924, entre o R.C. Deportivo e a selección do Uruguai. Os charrúas
fixeran a travesía atlántica para participar no torneo de fútbol das
Olimpiadas de París, mais antes de desprazarse a Francia
xogarían catro partidos de preparación en terras galegas, dous na Coruña e outro par en Vigo.
En Riazor os uruguaios venceron nos dous encontros, que foron duros e
co público apupándoos á mínima oportunidade. Cousas do destino, despois
daqueles amigables, Uruguai convertiríase no gran dominador do fútbol
mundial durante unha década, xa que logo de acadar o ouro en París,
faría o mesmo nas Olimpiadas de 1928 celebradas en Amsterdam, e tamén no
Mundial de 1930, onde os charrúas obterían, xogando como anfitrións, o
campionato do mundo.
Uns días antes da chegada de
Uruguai á Coruña, en abril de 1924, fundábase en Meicende a Sociedade
Recreativa e Instructiva La Esperanza, sociedade aínda hoxe existente,
que xoga os seus partidos baixo o nome de Sporting. Seguramente por mor
da súa proximidade á Coruña, onde a rapazada local fora testemuña da
efervescencia do fútbol herculino ao acudir habitualmente a ver os
partidos que se xogaban nos barrios veciños da Silva, da Moura, do
Ventorrillo ou da Grela, Meicende foi, coa creación da Sociedade La
Esperanza, o primeiro lugar de Arteixo onde se comezou a xogar ao fútbol
dun xeito máis ou menos serio. Entre aquela rapazada, aqueles pioneiros
do balón, estaban entre outros, Héctor Núñez e os irmáns Rogelio,
Arturo e Manuel Míguez Souto, mozos que nos casos de Héctor e Manuel non
tardarían en facer a maleta e emigraren a Montevideo na procura dunha
mellor vida. No novo país de adopción, no que non tardarían en crear a
súa familia, a paixón polo fútbol dos dous emigrantes de Meicende
seguiría intacta e celebrarían, como dous uruguais máis, a vitoria da
celeste no Mundial de 1930. Tanto un coma o outro transmitiríanlle aos
seus descendentes esa paixón polo deporte rei e, co tempo, dous fillos
de Héctor, Raúl e Héctor, chegarían a ser futbolistas profesionais, este
último cunha brillante carreira no Nacional de Montevideo e no Valencia
C.F. O caso de Manuel non sería menos. Curiosamente, un dos seus fillos
tamén chegaría a ser profesional e o mellor do conto é que aínda hoxe é
lembrado coma un dos mellores xogadores uruguaios de todos os tempos.
Estamos a falar de Óscar Omar Míguez Antón.
Nado o
5 de decembro de 1927 en Montevideo, o "Cotorra" Míguez (alcume que lle
quedaría por mor dunha gorra verde que usaba na súa infancia) comezaría
a xogar no Araicuá e despois dun campionato de menores organizado pola
IASA (Institución Atlética Sud Americana) en 1943, entraría a formar
parte das divisións inferiores deste equipo xunto con Alcides Ghiggia e
Antonio Sacco, o seu amigo da alma. A finais de 1947, despois dun
partido soberbio no que Míguez marcara tres goles, comunícanlle que o
Peñarol estaba interesado en facerse cos seus servizos para xogar en
Terceira co segundo equipo. O soño da súa vida estaba a piques de
facerse realidade. O inglés Randolph Galloway, naquela hora adestrador
do primeiro equipo, logo de observar as calidades técnicas do "Cotorra" e
quedar asombrado con elas, non tardaría en dicir:
"Este chico es mucho para Tercera; mándenmelo a mí",
e subiríao inmediatamente ao primeiro equipo. Esa confianza que
Galloway depositara nel traducíase cada partido en goles, feito que
levaría ao "Cotorra" a ser o goleador do campionato daquel ano de 1948, o
do seu debut en Primeira División, anotando 8 tantos ata que houbo unha
folga de xogadores que paralizou a competición. Míguez tamén sería o
máximo goleador do campionato seguinte, o de 1949, no que formara parte
daquel magnífico equipo onde brillaran, xunto a el, Alcides Ghiggia,
Juan Schiaffino, Juan Hohberg e Vidal, futbolistas que pouco tardarían
en darlle unha inmensa alegría a súa nación: o famoso "maracanazo".
O "Cotorra" debutou coa selección uruguaia o 30 de abril de 1950,
nun partido amigable de preparación para o Mundial de Brasil disputado
en Río de Janeiro ante Paraguai, partido no que tamén xogara coa celeste
Hugo Villamide, galego de Carballo, e que os charrúas perderon por 3-2.
|
La Voz de Galicia, 11 de xullo de 1950 |
O día 2 de xullo, Uruguai xoga o
primeiro partido do Mundial e gaña por 8-0 a Bolivia con goles de
Ghiggia, Vidal, Pérez, dous de Schiaffino e tres de Míguez, vitoria que
clasificaba á celeste para a serie final, na que se enfrontaría por
sistema de liguiña a Suecia, España e Brasil, os campións dos outros
tres grupos. No primeiro partido desta liguiña final, os charrúas
empatan a dous goles con España e no segundo vencen, despois de chegar
ao descanso con 1-2 no marcador, a Suecia por 3-2, con goles de Ghiggia e
dous de Míguez. E chegamos á tarde do 16 de xullo de 1950 coa
derradeira xornada. Aos brasileiros chégalles cun empate para ser
campións do mundo. Os uruguaios teñen que gañar para selo. Na véspera
daquel partido decisivo, a concentracción da canarinha fora transformada
en sede política e trampolín para a promoción persoal. Os xogadores
andaban de brazo en brazo, sempre cun fotógrafo ao carón, para
mostrarlle ao pobo que o candidato político X era amigo de Ademir, de
Zizinho, de Jair...A vitoria era unha esixencia de honra nacional e
dábana por feita. Na concentración brasileira e nos seus arredores só
había festa, foguetes e barullo, moito barullo. Ninguén durmiu naquela
noite e, segundo a revista Placar Magazine, moito menos os xogadores.
Brasil e Uruguai saen ao campo. Moita xente de Meicende está
pendente do transistor para saber o que fai o rapaz dos "Mighés".
Durante os primeiros 45 minutos os anfitrións puxeran cerco a unha
férrea defensa uruguaia soberbiamente controlada polo grande Obdulio
Varela e cun sobresaínte Máspoli no marco. Catro minutos despois da
reanudación, un fallo na defensa celeste permite a Brasil adiantarse no
marcador por medio de Friaça. Maracaná vénse abaixo e, agora si, os
seareiros da canarinha agardan por un diluvio de goles que nunca
chegaría. E pasou o que ninguén contaba. Uruguai adianta a posición de
Obdulio Varela e entra máis en xogo e, aos 65 minutos, abren un balón á
dereita a Ghiggia. O pequeno extremo centra sobre Schiaffino quen,
desmarcado, bate a Barbosa co seu xute (1-1). O empate seguíalle valendo
a Brasil para ser campión do mundo mais, faltando once minutos para o
remate do partido, Ghiggia recolle un pase retrasado de Pérez e anota o
1-2 definitivo. Os 200.000 seareiros parecían feitos de pedra,
insensibles a reaccionar aos xestos de alegría dos futbolistas
uruguaios. Dez minutos despois toda a nación do Brasil estaba de loito.
O "Cotorra" deixou unha grande impresión no campionato, onde o seu
soberbio fútbol converteuse en lenda pola rapidez mental e un dominio
pouco común da pelota, con goles e remates a porta de chilena ou de
rabona e recibiría varias propostas do fútbol europeo. Mais rexeitaría
as ofertas, xa que sempre priorizou o seu amor polo Peñarol, equipo co
que conseguiu o campeonato uruguaio en 1951, 1953 e 1954. Neste último
ano participa con Uruguai no Mundial de Suiza, onde anota un dos dous
goles que a celeste lle endosou a Checoslovaquia no primeiro partido da
primeira rolda. No segundo enfrontamento desta fase inicial, Uruguai
vence a Escocia por 7-0 con tres goles de Borges, dous de Abbadie e
outros dous do "Cotorra", resultado que lle daba o pase a cuartos de
final, no que vencen a Inglaterra por 4-2. A celeste estaba en
semifinais. A Hungría de Kocsis e Puskas era o rival para pelexar por un
posto na final. O "Cotorra" chegaba a este partido decisivo no seu
mellor momento de forma mais, lamentablemente, os caprichos infantís
dalgúns dirixentes da federación, que non foran quen de manexar con
coherencia un problema leve na concentración da selección, levarían a
Míguez a ser apartado do equipo acusado de indisciplina e non xogaría
ante os húngaros. Uruguai perdería 4-2 no que para moitos foi o mellor
partido da historia dos mundiais. Os húngaros gañaban por 2-0 cando só
faltaba un cuarto de hora para o remate, mais no minuto 75, Hohberg, que
sería adestrador de Uruguai en 1970, anota o 1-2 e a tres minutos do
final do partido repetiría a faena. O once sudamericano aínda tería
ocasión de gañar aquela semifinal xa que, no tempo de desconto, unha
pelota de Schiaffino quedaría no barro, a poucos centímetros da liña de
gol, co porteiro húngaro xa batido. Dous goles na prórroga de Kocsis,
máximo goleador do Mundial con 11 tantos, daríanlle o pase a Hungría á
gran final. O equipo uruguaio despediríase do Mundial de Suiza xogando o
partido polo terceiro e cuarto posto contra Austria, partido que a
celeste perdería por 3-1 con Míguez formando parte do once titular.
|
O "Cotorra" Míguez |
Nas semanas posteriores á cita
mundialista, tanto o F.C. Barcelona, como o Valencia e o Milán tentaron
fichar ao "Cotorra", mais el, logo de que os tres equipos chamaran
varias veces á súa porta, seguiría sendo fiel ás cores do Peñarol.
Dous anos máis tarde, entre o 21 de xaneiro e o 15 de febreiro de
1956, Arxentina, Brasil, Chile, Paraguai, Perú e Uruguai disputan en
Montevideo, por sistema de liguiña, a Copa América. Míguez, con vinte e
oito anos acabados de cumprir, anotou nos tres primeiros partidos de
competición, marcando un dos catro goles da vitoria (4-2) de Uruguai
diante de Paraguai, outro no 2-0 contra Perú e, outro tanto máis, no 2-1
a Chile. Os charrúas, cun empate a cero goles na penúltima xornada con
Brasil, e unha victoria pola mínima (1-0) na última diante de Arxentina,
gañaron aquel campionato no que o "Cotorra", en plan estelar durante os
cinco partidos, sería elexido o mellor xogador do torneo.
Nos últimos anos da década dos cincuenta, 1958 e 1959, conseguiría
dous torneos ligueiros máis co Peñarol. O último deles foi o do seu
adeus definitivo do equipo dos seus amores co que disputaría, entre os
anos 1948 e 1959, 137 partidos e anotara 107 goles. A súa impecable
media anotadora vestindo a camiseta negra e amarela foi de 0,78 goles
por partido. Uns meses antes, o 30 de abril de 1958, xogaría o seu
último encontro coa selección nun amigable en Bos Aires contra Arxentina
que os uruguaios perderían por dous goles a cero. Coa celeste xogou 39
partidos e anotou 28 goles entre 1950 e 1958, deixando para o recordo
xogadas e tantos inesquecibles, como as súas clásicas chilenas e
rabonas. Con eses 28 goles é un dos máximos artilleiros coa selección no
profesionalismo e ademais, a día de hoxe, segue sendo o máximo goleador
de Uruguai na historia dos mundiais con oito tantos (5 en Brasil 1950 e
3 en Suiza 1954).
|
Míguez con Pelé |
En 1960, xa ao final da súa carreira
deportiva, Míguez vaise ao Perú, onde xogaría seis meses no Sporting
Cristal de Lima baixo as ordes do arxentino Carlos Peucelle e o peruano
Víctor Pasache, con quen terminaría terceiro no campionato ligueiro dese
ano 60 anotando 10 goles en 18 partidos. O "Cotorra" axudaría a que o
Sporting Cristal medrara, o que permitiría ao club gañar na tempada
seguinte o seu segundo campionato do Perú. Na súa estadía peruana, unha
noite chegou ao hotel no que se hospedaba un mozo brasileiro e pediu que
lle presentasen ao "Cotorra". Simplemente quería coñecer ao sensacional
futbolista que lle amargara a infancia cando vivía no interior do
estado de Minas Gerais e oía pola radio a debacle dos brasileiros no
Mundial de 1950. Aquel mozo non era outro que Edson Arantes do
Nascimento, coñecido mundialmente por Pelé.
No ano
1961, o noso protagonista volta a Uruguai, onde ficha polo modesto
Rampla Juniors xunto a outra gloria do fútbol, o arxentino Ángel
Labruna. Durante a tempada o club sufriría para manter a categoría e,
finalmente, remataría o campionato nun decepcionante sétimo posto. Óscar
Omar Míguez Antón, o fillo daquel emigrante de Meicende que chegara a
Montevideo nos anos vinte, poñería fin a súa carreira deportiva en 1962
no Colón Fútbol Club, equipo da Segunda División uruguaia. Mais a saga
dos Míguez continúa, xa que Pablo, un dos fillos do "Cotorra" (tívoo con
60 anos), é tamén futbolista profesional. Tras debutar en 2008 co
equipo uruguaio do Danubio e xogar durante dous anos en Arxentina co
Unión Santa Fé, Pablo Míguez defende actualmente as cores do Alianza de
Lima.
O que para moitos foi o mellor 9 de Uruguai
de todos os tempos faleceu, con 78 anos, o 19 de agosto de 2006 por mor
dunha crise cardíaca. Os seus restos descansan no Panteón dos Olímpicos
no cemiterio do Buceo de Montevideo.