martes, 5 de novembro de 2019

A "PARRILLADA CABANAS" DE LARÍN

    Redes sociais, críticas gastronómicas, comentarios en TripAdvisor, apps especializadas… cada vez dispoñemos de máis recursos para acertar nas nosas apostas á hora de comer mais, ao modesto entender de quen escribe, o mellor segue a ser deixarse levar polo boca a boca da xente local ou polos consellos de familiares e amigos que estiveron antes que nós no destino vacacional que temos en mente. No caso de Arteixo, contamos cun bo número de negocios hostaleiros recomendables nos que podedes saborear as mellores exquisiteces culinarias da bisbarra, negocios sobre os que prometo falar máis polo miúdo algún día xa que hoxe o protagonismo é para a Parrillada Cabanas que, con máis de tres décadas de historia, ten máis que merecido o pequeno homenaxe que lle facemos a continuación. 

Anuncio do día da inauguración da parrillada (Cristina Cabanas)
   Situada no lugar do Anide, na parroquia de Larín, ao carón da estrada AC-552 e fronte as instalacións do Centro Hípico Casas Novas, a Parrillada Cabanas abría as súas portas o 12 de setembro de 1987, pouco despois de que os seus propietarios, Ramón Cabanas Grela e Carmen Riveiro Golán, puxeran punto e final á súa estadía en Suíza, a onde emigraran, como tantos outros miles de galegos e galegas, nos primeiros anos da década dos setenta.   

         Ramón, natural do Val de Barcia de Carral, e Carmen, veciña do lugar de Santa Locaia, na parroquia arteixá de Loureda, coñecéranse en Soandres na romaría de Santa Marta e ennoivaron pouco antes de que ela emigrara, en 1971, ao cantón helvétivo de Xenebra para traballar de gobernanta nun hotel. 

Ramón Cabanas e Carmen Riveiro ao pouco de abrir o seu negocio (Cristina Cabanas)
  Dous anos máis tarde, no 73, Ramón e Carmen casan e, logo de darse o “si quero”, fan a maleta da emigración para gañarse a vida en Xenebra, onde ela seguiría facendo uns pesiños como gobernanta de varias casas e hoteis e el traballaría de cociñeiro. Ramón xa tiña alí familia: un irmán e a seu padriño. Precisamente un neto deste, Ricardo Cabanas, andando no tempo convertiríase en futbolista profesional e disputaría con Suíza o Mundial do 2006 celebrado en Alemania. 

    No 74, un ano despois de casar, Ramón e Carmen serían pais do seu primeiro fillo, de Alfredo, un meniño que quedaría a cargo dos seus avós maternos de Santa Locaia mentres que a parella de emigrantes seguía traballando no país helvético.
 
Alfredo e Cristina, os dous fillos de Ramón e Carmen, diante da parrillada (Cristina Cabanas)

    En 1977 nacía en Xenebra Cristina, a segunda filla do matrimonio, que tamén quedaría baixo a custodia de seus avos maternos de Santa Locaia ata 1986, que foi cando Ramón e Carmen viñeron definitivamente de Suíza e investiron os seus aforros comprando no lugar do Anide os terreos nos que non tardarían en edificar o seu novo domicilio, edificio no que o 12 de setembro do ano seguinte abrirían a parrillada da que estamos a falar.  

   Carmen contounos recentemente que… “eliximos Larín porque a min sempre me gustou moito esa zona. Eu non tiña carné de conducir, nin coche. O Anide tiña boa comunicación. Para min era unha situación cómoda. Era unha carretera que tiña bus cada pouco tempo e por iso me gustaba a zona". 

   O don de xentes de Ramón e Carmen, sumado á boa relación calidade-prezo das súas carnes e peixes á grella, farían que desde o día da inauguración o negocio fora vento en popa. O 60 25 03, o número de teléfono da Cabanas, (actualmente é o 981 606687) botaba fume a diarioclientes do Polígono de Sabón, representantes comerciais, turistas, parellas, festas familiares, ceas de amigos... 

-Ramón: quería reservar unha mesa para o sábado...
-Carmen: quería facer a comuñón da nena para tal día…
-Ramón: pensamos en facer a cea de fin de tempada do equipo cando remate a liga...

   Todo ía a pedir de boca, e nunca mellor dito, ata 1998, que foi o ano no que faleceu Ramón. Mais, como di a canción, a vida continúa e a Carmen non lle quedou outra que tirar cara adiante! 

Imaxe actual da Parrillada Cabanas
   Sería aí, nesa altura, cando Cristina, a filla máis nova do matrimonio, iría collendo pouco a pouco as rendas da Parrillada Cabanas, negocio ao que lle foi dando dende aquel entón o seu toque persoal cun aire renovado. E así, Cristina sería quen de converter o negocio no local que é hoxe, nun dos mellores sitios da contorna en relación calidade-prezo, local que é verdadeira referencia na bisbarra e que ofrece un menú do día moi variado, cun churrasco de auténtico vicio e, entre outras especialidades da casa, uns chipiróns e un bacallau que saben a gloria bendita! 

  Iso si, aviso aos comensais: se queredes xantar na Parrillada Cabanas, especialmente o fin de semana, ide con tempo, xa que o local está sempre ateigado de xente… por algo será!