mércores, 15 de xullo de 2026

AS FESTAS DE LAÑAS DE 1934

   A parroquia de Lañas prepárase para celebrar as súas grandes festas de Santa Mariña, que se levaran a cabo durante tres días (do 17 ao 19 de xullo) cun completo programa no que non faltará a música en directo con boas orquestras, as sesións vermú e as actividades dirixidas aos máis cativos.

  Un ano máis a organización das festas corre a cargo da A.V.R.C.D. Fontesvellas, que volve a apostar por unha programación pensada para xuntar á veciñanza e a visitantes durante un fin de semana no que, con certeza, o campo da festa convertirase no principal punto de encontro da parroquia e mesmo da bisbarra, algo que, a dicir verdade, acontece dende tempos inmemoriais.

  Con motivo destas festas, xa nos coñecedes, nas Crónicas de Arteixo desta semana aproveitamos a ocasión para elaborar un dos nosos pratos favoritos, unha receita cociñada cos ingredientes que máis gustan nesta bitácora: festa, tradición e historia.

  Para buscar o ingrediente principal da receita de hoxe, viaxamos na máquina do tempo ata o ano 1934 para saber como se celebraban as festas de Lañas hai máis de 90 anos. Así o contaba o xornal La Voz de Galicia, na súa edición do 8 de xullo dese ano:

LAÑAS (ARTEIJO)

PREPARANDO LAS FIESTAS

Prometen resultar muy lucidas y atrayentes las fiestas que los días 18, 19 y 20 del actual se celebrarán en este animado y pintoresco pueblecito, dedicadas a su excelsa patrona Santa Marina. 

Igrexa parroquial de Santa Mariña

A juzgar por el entusiasmo y buen deseo que acompaña a los animosos jóvenes Pedro Esmorís, Jesús Barreiro, Ramón Añón y Jesús Vázquez García, que componen este año la Comisión de festejos, no quedaremos defraudados en nuestro optimismo pues nos anuncian que tanto el aspecto religioso como el profano de dichas fiestas, serán cumplidamente atendidas y así, no faltarán solemnes funciones de iglesia, disparo de bombas, dianas y alboradas por una afinada murga, baile popular con premios a la pareja que mejor “ponga” la muiñeira, carreras ciclistas y de sacos, etc.; todo ello supeditado, claro está, al resultado de la suscripción que ya se ha iniciado con tal fin, con buenos auspicios. 

Carreira de sacos (Foto do libro "Paiosaco en imaxes. Dos corenta aos setenta")

Deseamos a la Comisión el mayor éxito en su cometido.1

 O recordo do pobo é o recordo da honra dunha festa. A festa mudou pero mantense viva grazas á xente que cada ano organiza as festas na honra de Santa Mariña.

 O programa das festas deste 2026 pódelo ver aquí: 

  Felices festas, Lañas!

_________________________________

1 Vid. La Voz de Galicia, 8 de xullo de 1934, páx. 8.

martes, 7 de xullo de 2026

CONTOS DE SAN TOMÉ E A LENDA DA LOURA DO COLAR DE MONTEAGUDO

  Monteagudo, terra de rico patrimonio material e inmaterial, celebrou o pasado fin de semana a Romaría da Virxe da Estrela, tradicional festividade relixiosa e popular que conxuga devoción, gastronomía galega e actividades ao aire libre no Monte da Estrela, en Corteo, nas inmediacións dos restos da antiga capela.

Panorámica actual da capela da Estrela

Panorámica do Monte da Estrela coa capela e a carpa na que se celebrou a romaría

  A romaría comezou o venres, 3 de xullo, coincidindo coa onomástica do patrón da parroquia, San Tomé.

  Curiosamente estes días estamos lendo Breviario breve da devoción popular, libro da autoría de Mero Iglesias editado en 2023 e que forma parte da colección Manuais do Museo do Pobo Galego. Pois ben, no apartado sobre San Tomé da devandita publicación, Mero cóntanos que “a un cura pouca xente lle ía á misa e esmolas case ninguén lle daba. Entón el e mais o sancristán decidiron facer un santo e chamarlle Tomé; cando o cura dicía: “Santo Tomé, bota fume”, o sacristán estaba dentro cun tizón soprándolle e o tizón botaba fume polos ollos do santo e a xente daba moita esmola. Pero un domingo, cando estaba na misa, comezou o cura: “Santo Tomé, bota fume”, e o santo non o botou. O cura volveu dicir a invocación e respondeulle o sancristán: “Bótalle o carallo que se apagou o tizón”.

Meu señor santo Tomé,

tedes dous nomes nun só,

sodes castrón por mé

e sodes can polo To.

E si vas á misa

has levar mantelo,

se o levas roto

terás que coselo,

terás que coselo

e a remendalo,

non vaias á misa

co manto rachado!1

Igrexa de San Tomé de Monteagudo

  Disques e seicas (que nos encantan) da veciñanza deron lugar a historias de romanos, meigas e cabaleiros que constitúen tamén a riqueza desta parroquia de Monteagudo.

  Nesta bitácora xa temos falado da lenda da Pedra da Vella, a muller-meiga que quedou convertida en pedra a causa dunha maldición. Pero aínda hai máis lendas que nos quedan por contar. Unha delas, recollida por María Rozamontes no volume II de Arteixo de onte a hoxe, fala dunha fermosa moza que vivía en Monteagudo. “Era unha rapariga loura, de longos cabelos, que nunca saía xogar co resto da mocidade pero ía soa para o monte e pasaba moitas horas na soidade daqueles penedos. Mais, ¡o diaño! Un día volveu á casa cun engaiolante colar pendurado do seu pescozo. Este feito encheu de carraxe á súa nai que lle preguntou quen lle dera aquela xoia. A rapaza contestoulle que lla dera un cabaleiro que pronto a levaría con el. Diante disto, a nai prohibiulle saír uns días, pero a moza tan pronto como puido volveu ás penas de sempre. Desde entón non se soubo máis nada da fermosa loura, o único que se atopou foi o colar pendeurado dunha árbore que representaba a alma daquela rapaza das penas do demo, ¡seica!.”2

Túnel vexetal existente no camiño que une O Igrexario de Monteagudo con Corteo, lugar que, con certeza, frecuentaba a fermosa loura do engaiolante colar que se atopou pendurado dunha árbore, segundo conta a lenda

  Como di a prezada e admirada arqueóloga Puri Soto, desta combinación de traballo, natureza e mitoloxía nace a nosa paisaxe. Disfrutemos dela!

  Monteagudo mola, abofé que si!


__________________

1 Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero (2023): Breviario Breve da Devoción popular, Colección MANUAIS DO MUSEO DO POBO GALEGO 6 (eDICIÓN CO PATROCINIO DA Xunta de Galicia), páx. 125.

2 María Rozamontes Vázquez (2003): Arteixo de onte a hoxe. Volume II. Notas xeográficas, históricas, artísticas, lingüísticas, culturais e industriais sobre o Concello de Arteixo. Departamento de Normalización Lingüística. Concello de Arteixo, pp. 86-87.