luns, 29 de xuño de 2015

MANUEL MARÍA PUGA PARGA, "PICADILLO"

     Manuel Puga nace en Santiago de Compostela, donde seu pai era Catedrático da Facultade de Dereito, e é bautizado o 23 de abril de 1874 en San Finz de Solovio, mais residiría desde moi novo na Coruña, nunha gran casona da cidade vella que herdara seu pai. Era fillo de Luciano Puga Blanco, que, ademais de profesor universitario, fora alcalde de Compostela, decano do colexio de abogados da Coruña (defendera a Curros Enriquez cando este fora condenado pola publicación de Aires da miña terra), Gobernador do Banco de España en Cuba, Deputado, Senador e Fiscal do Tribunal Supremo, equivalente ao actual Fiscal Xeral do Estado, e neto de Manuel María Puga Feijóo, Coronel do exército isabelino e herdeiro da Condesa de Ximonde.

     O noso protagonista estudia Dereito en Santiago de Compostela, en donde presenta a súa tese de grado Fueros Nobiliarios en 1895. Grazas a Cánovas del Castillo, amigo de seu pai, conseguiría ser nomeado para un posto para o que non era necesario opositar na Dirección Xeral de Penales. Descontento co ambiente político de Madrid e con morriña da súa terra, tralo asasinato de Cánovas en 1897 volta a Galiza, donde casa con María del Carmen Ramón e é nomeado xuíz municipal de Arteixo, incorporándose con forte protagonismo á vida social e cultural da vila do Bolaños, máis aínda cando en 1899, ao falecer seu pai, herda o Pazo de Anzobre, en Armentón.

     Manuel Puga, bo amigo dos escritores Wenceslao Fernández Flórez e Emilia Pardo Bazán, escribiría numerosos libros de gastronomía, como La cocina práctica en 1905, que tivo un gran éxito así como gran cantidade de artigos. Xenio e figura, iríase facendo enormemente popular no seu tempo como persoa e escritor, eso sí, sempre caracterizado polo gran sentido do humor e a defensa da vida popular...e por suposto, reivindicando o bacallao, as sardiñas e o lacón con grelos, frente ás copias da cociña francesa, de moda na época para a alta sociedade. Dicía que unha das mellores experiencias da súa vida fora xantar unha caldeirada nun barco de pesca.

     Entre as súas numerosas receitas destaca a de bacallao, que dedica ao seu bo amigo Wenceslao Fernández poñendo de manifesto o seu sentido do humor: "se coge una hoja de bacalao muy delgada, tan delgada como Wenceslao Fernández Flórez, y se toman unos tomates muy gordos, tan gordos como yo. Se sala a Flórez y se parte en pedazos a mi, y en una tartera, capa de pedazos de Flórez desalados y capa de yo. Fuego lento; refrito por encima de aceite; mucha cebolla y ajos cuando Flórez está cocido. Diez minutos más de fuego y un perejil final reducido a picadillo con alguna sal si la necesite. Y así es la vida. Yo estaré dividido por el eje, pero usted, amigo mío, se queda sin sal que es bastante peor".

     Tamén é curiosa a súa descripción do tempo que necesita un bo lacón con grelos: "A las nueve en punto de la mañana, después de bien lavado, debe ponerse a cocer el lacón en bastante cantidad de agua. A las once se le agregan los grelos y los chorizos. A las doce, las patatas mondadas y enteras, y a la una se colocan los chorizos y el lacón en una fuente, las patatas y los grelos en otra, y todo sobre la mesa, que debe estar previamente rodeada de ciudadanos con apetito y bien provista de botellas de vino del Ribeiro".

     Manuel Puga empezaría a escribir no xornal El Noroeste co pseudónimo de Picadillo, chegando a ser tan popular que en 1913 escribiría un artigo titulado Quiero ser concejal, que o levaría a principiar unha campaña na Coruña para ser elexido concelleiro, facendo o 14 de outubro dese ano un chamamento: Alocución a las vendedoras de la plaza de abastos:

     "Vosotras no votáis, pero tenéis maridos, hijos...a estes pedidles, mandadles...hasta llegar a requerir la zapatilla, que las coacciones en la intimidad no tienen nada que ver con la ley electoral".

     Picadillo conseguiría ser nomeado candidato e saír elexido concelleiro, tomando posesión do cargo o 1 de xaneiro de 1914 dentro da corporación que preside Javier Ozores Pedrosa. Mais este alcalde dimitiría, polo que Manuel Puga sería designado como novo alcalde da cidade herculina en outubro dese mesmo ano, aínda que o sería por pouco tempo, xa que co cambio do goberno foi deposto en só dous meses. Picadillo volvería a ser alcalde da Coruña co ascenso ao fronte do Estado do coruñés Eduardo Dato en xullo de 1917. Mais a súa actuación durante a folga xeral do 13 de agosto dese ano 17, poñéndose do lado dos traballadores, levouno a ser destituído a semana seguinte e a recibir a homenaxe de 6.000 obreiros sindicados e un pergamiño  firmado polas 27 sociedades obreiras coruñesas. O pergamiño dicía: "Los sindicatos obreros de resistencia de La Coruña, rinden testimonio de gratitud y simpatía a don Manuel María Puga y Parga, por su notable actitud desde la Alcaldía hacia los obreros municipales, con motivo de la huelga general declarada en España el 13 de agosto del año actual". La Coruña, 28 de octubre de 1917.

     O seu paso por María Pita quedaría reflexado no seu libro Mi historia política, que Picadillo publicaría, co seu humor tan particular, en 1917 e donde saen "xoias" como esta: "En 1882 era yo un señor que tenía 8 años de edad y unos 75 kilos de peso". Este peso excesivo (dise que chegou aos 275 kilos) facíao aínda máis popular. Según o escritor Luis Antón de Olmet, un día chegou á Coruña un circo en donde se anunciaba, como principal atracción, a un home alemán que dicían que era o máis gordo do mundo, mais a xente que ía velo saía decepcionada dicindo que Picadillo era moito máis gordo e podíano ver tódolos días pola rúa.

     Xa para rematar e coincidindo con este 29 de xuño, día de San Pedro, é unha obriga deixar a seguinte referencia sobre este persoeiro tan ligado ao noso concello. Era o 29 de xuño de 1917. O San Pedro de aquel ano en Armentón fora sonado. Xa moitos meses antes o feito comentábase de viva voz porque o funcionista ía ser Picadillo, o señor Conde, como era coñecido na parroquia. Como era tradición, un ano antes, a súa filla máis vella recollía os ramos do Patrón e do Sacramento para ser custodiados no Pazo de Anzobre durante todo o ano, feitos dos que o propio Puga deixaba constancia no seu libro Mi historia política: 

"Dos meses antes comenzaron los preparativos y crecieron los comentarios. Se contrató la pólvora con el encargo especial de que fuera cosa nunca vista; se hizo el corrspondiente acopio de vino del Rivero; se adquirieron gallinas, pollos y cabritos, y por fin se compró la ternera que había de entregarse al sacrificio. De banda musical, se contrató al glorioso Chinto. (...) Como nota sensacional habré de deciros que el cornetín lo tocaba una señora en estado interesante que de vez en cuando interrumpía la partitura a ella encomendada, para entonar canciones picarescas que eran un éxito definitivo ante la concurrencia (...)

     A las ocho de la mañana del día 29 de Junio tuvo efecto la sensacional entrada de los coruñeses invitados. 2 kilómetros antes apareció en la carretera la mancha negra formada por la masa de gentes que a pie, a caballo, en coches, bicicletas y automóviles, se dirigía hacia el lugar de la fiesta, y a medida que se aproximaban se hacían más perceptibles los aturuxos. El Pazo los contestaba saludándolos con unas bombas formidables, cuyas detonaciones repetían a la vez cien ecos llegados de todos los confines del valle" (...)

     Pouco máis dun ano de aquela gran festa en Anzobre, o 30 de setembro de 1918, Manuel María Puga Parga, coñecido popularmente polo alcume de Picadillo, falecía con só 44 anos a consecuencia dunha gripe. Morría o persoaxe e principiaba a lenda...

  

martes, 23 de xuño de 2015

O SAN XOÁN

San Xoán

Por ser noite de San Xoán,
noite de encantos e bruxas,
por ser noite de San Xoán,
téñoche medo, Maruxa.

     "Hai que estar preparado, que cando menos o esperes bótanche unha maldición, ou críache o aire porqueiro na pel..." xa o dí a cantiga: "noite de encantos e bruxas", pero tamén noite de preparar os remedios para moitos males. Os ingredientes para facer estes remedios non son outros que o lume, a auga e determinadas prantas.

     As cachelas son o distintivo máis común en toda Galicia desta festa do San Xoán. Esta cachela debe ser coronada por un boneco, o cal ten que arder completamente antes de que a xente escomece a saltar por riba das brasas, nove veces e unha sen contar, mentres se dí:

"Eu sáltoche, cachela de San Xoán
pra que non me morda cadela nin can,
nin bicho vivente
que acude polo chan"

     Se queredes que isto funcione é importante que deixedes que o lume se consuma, sen botarlle auga para apagalo.

     Por outro lado está o poder curativo das "herbas de San Xoán", humedecidas polo rexío da noite: fiuncho, romeo, caraveis, trevisco, carqueixa, herba luisa, ruda...todas elas nun caldeiro con auga que se deixa a serenar ata a mañanciña. Se lavades a cara nesta auga de flores habedes de manter alonxados moitos problemas de pel.

     Para rematar, unha advertencia: nesta noite de San Xoán non deixedes o leite para o outro día, porque disque as meigas lavan o cú nel.



(Relato de Víctor Iglesias García)

     

sábado, 20 de xuño de 2015

MANUEL GONZÁLEZ BERAO

     A semana pasada tiven a honra de coñecer persoalmente a Manuela González Cadórniga (Manolita para os seus amigos), nai da miña amiga Ana Cillero e filla de Manuel González Berao, un home que se a súa vida cae nas mans dun dos grandes guionistas de Hollywood abofé que optaría a algún Oscar con total seguridade.

     Moitos dos veciños e veciñas de Arteixo que hoxe teñen máis de sesenta primaveras hanse de acordar del  por ser chofer dos trolebuses Coruña-Carballo, mais eso si, hai que falar de "Gonzalo" ou "Zalo", pois eses eran os nomes con que todo o mundo coñecía a Manuel.

     Mais antes de ser conductor dos trolebuses o noso protagonista vivira unha vida intensa, chea de aventuras e grandes emocións e digna, como diciamos anteriormente, do mellor dos guións cinematográficos.

     Manuel González viñera ao mundo no ano 1917 en Santa María de Ferreira de Pantón, parroquia do concello lucense de Pantón, lugar no que pasaría a súa infancia. Con trece ou catorce anos, coincidindo coa proclamación da II República, sería un dos moitos nenos españois que completarían a súa formación na Unión Soviética, onde se faría piloto de aviación.

                                                   O comandante González na U.R.S.S.

     En 1936, aos poucos meses do estoupido da Guerra Civil, o goberno da República atoparíase coa urxente necesidade de aviadores que sustituíran tanto aos militares profesionais da preguerra como aos voluntarios internacionais. Para tal fin, os republicanos crearían un complexo de escolas en Murcia e farían públicas varias convocatorias para que españois de tódalas clases poideran cumprir o soño de voar. A maior parte daqueles concursos serviría para a formación de expedicións de pilotos que viaxarían a Francia e, sobre todo, á U.R.S.S., nun periplo que para moitos dos alumnos-pilotos supuxo a viaxe máis longa que fixeran na súa vida e que os levaría a un país completamente diferente ao seu. Alí, naquelas xornadas de formación aeronáutica na prestixiosa escola de Kirovabad (na actual Azerbayán), estaba o comandante González, o noso protagonista, que non tardaría en partir cara a península para combatir desde o aire na defensa da República.

     Os avións que pilotaban eran coñecidos en España como "moscas" e "chatos". Os primeiros eran os míticos cazas Polikárpov I-16; a maioría deles chegaran desmontados e no exterior das caixas que os contiñan líase Moskva (Moscú), de aí que na península os rebautizaran como "moscas". Os segundos, biplanos, tomaron o seu nome polo seu morro, achatado.

     Aos mandos dun destos avións, sería derrubado Manuel González Berao, que salvaría a súa vida saltando no paracaídas durante a batalla de Guadarrama e feito prisioneiro despois.

     Rematada a Guerra Civil e despois de pasar algún tempo de cárcere en cárcere e, de varios consellos de guerra na que o noso protagonista salvaría a súa vida "polos pelos" (se cadra pola influencia de seu irmán Gumersindo, que era comandante da Garda Civil en Carballo), empezaría a gañarse o pan no mundo do cine en Madrid donde, grazas a súa boa percha, traballaría en películas como "Los majos de Cádiz", "Luis Candelas", "Charlot" ou "La casa de la Troya" ao lado de figuras míticas da época como Mary Delgado, Alfredo Mayo ou Imperio Argentina.

     Mais o cine non era suficiente para sacar adiante á súa familia (Manuel casara con María Cadórniga Álvarez, que era descendente do Conde de Lemos) e así, cando corrían os primeiros anos cincuenta, o matrimonio e a súa pequena filla Manolita chegan a Carballo, donde Gumersindo, o comandante da garde civil, lle buscara traballo a "Gonzalo" como conductor dos Trolebuses Coruña-Carballo, liña que fora inaugurada en febreiro de 1950.

                                Germán (cobrador), "Gonzalo" (chofer) e Marerque (chofer)

                                          "Gonzalo" en Arteixo

     Logo dun tempo vivindo na capital de Bergantiños, a familia González Cadórniga trasladaríase a vivir a Arteixo, concretamente ás casas que a empresa na que traballaba "Zalo" tiña para os seus empregados na marxe esquerda da actual Avenida de Caión, xusto ao pasar o colexio Ponte dos Brozos, moi cerca donde posteriormente construirían unha casa nova, unha edificación que fora unha reproducción exacta da casa que un amigo de "Gonzalo" tiña en Venezuela. Esa casa, que estaba no lugar no que hoxe se ubica o Café Melandrainas, forma parte da memoria colectiva de Arteixo e foi o lugar donde pasarían gran parte da súa vida Manolita e Ana (filla e neta de "Gonzalo") escoitando as historias daquel rapaz que se fixera piloto de aviación na desaparecida Unión Soviética, daquel comandante republicano, daquel actor que traballara con Mary Delgado e Imperio Argentina, daquel chofer dos Coruña-Carballo, daquel aventureiro chamado Manuel González Berao, "Gonzalo" ou "Zalo" para os seus amigos.


     O meu agradecemento a Manuela González Cadórniga e a Ana Cillero Gonzálezpola marabillosa mañán do pasado 11 de xuño que me fixeron pasar escoitando as historias do seu pai e avó!

A casa da familia González Cadórniga en Arteixo, lugar que hoxe ocupa o Café Melandrainas


martes, 16 de xuño de 2015

A CASA DE MANOLITO DE ALLÁN

     Hoxe pola mañán pasei pola Baiuca e vin que estaban tirando a casa de Manolito de Allán, un dos derradeiros vestixios da zona vella de Arteixo e testemuña da evolución da vila desde hai máis de cen anos...que peniña!...vaise un anaco da nosa historia! Vaisenos a Baiuca de toda a vida! Por riba, outro dos edificios emblemáticos do lugar, o concello antigo, tamén ten os días contados.

     A casa que hoxe derrubaron fora propiedade de Toribio Salvadores Puente, alcalde de Arteixo entre 1911 e 1914. A mediados dos anos cuarenta, Manolito e a súa muller Carmen, que ata daquela vivían en Loureda co seu fillo Tonio (nado en 1942), cómpranlle o edificio aos herdeiros de Toribio, que falecera en 1927, edificio donde abrirían  tenda e que se convertiría na nova residencia do matrimonio. Alí nacería Carmiña, a súa segunda filla. Posteriormente, compraríanlle á familia Canel de la Riega (seica eran médicos) a casa de pedra situada un pouco máis adiante da tenda, lugar que sería o novo domicilio da familia e donde, según me contou o fillo de Manolito, Antonio Pombo, se instalou a primeira centralita de teléfono de Arteixo, que era atendida pola súa nai Carme quen, ao parecer, ás veces quedaba durmida cos auriculares postos.

                                 A casa de Manolito nos anos 90 (Julio Mancebo)

     A zona vella de Arteixo estase a converter, pois, nun lugar que xa só existe na lembranza duns poucos. Se houbo alguén que describiu á perfección esa parte da vila da que estamos a falar, ese foi Julio Mancebo, que no seu blogue "A miña Baiuca" falaba con todo luxo de detalles das lembranzas da súa infancia e de lugares e casas da Baiuca xa desaparecidas, lembranzas que xa só habitan nos recunchos máis profundos da memoria colectiva dos veciños e das veciñas de Arteixo de máis de sesenta abriles.

Nun dos relatos de "A miña Baiuca", Mancebo escribía en xullo do 2007 da casa de Manolito, relato que despois de que o autor me dera o seu consentimento comparto con vós:

"A casa de Manolito"

     Era unha tenda pintoresca, onde había un pouco de todo, dende puntas a caramelos, dende libretas de plumas a follas de afeitar. Ademais era o único sitio de Arteixo onde che cortaban cristais a medida. Desto encargábase Manolito e anos máis tarde Toniño.

     Manolito madrugaba e traballaba moito e ás veces quedaba durmido na silla. Carmen case sempre andaba protestando, non deixaba que ningún dos da casa parase un momento. Para ela a vida era traballar e traballar. Á Amelia, coma boa tendeira, gostáballe moito a leria, sobre todo os mozos e mozas do seu tempo. Ás veces tiñas que esperar ata que rematara de falar.

     Toniño era do meu tempo e bastante amigo. Xogaba pouco porque sempre tiña labores que facer. Cando non estaban os pais, Amelia era máis tolerante e deixáballe xogar con nós. Tonio fixo a canda min o ingreso no Instituto Masculino da Coruña (daquela só había dous institutos en toda A Coruña). Era un neno forte que nunca tiña frío e de carácter pacífico e bonachón. Prefería perder do seu dereito antes de pelexar con ninguén. Pero ¡ollo!, non por medo, porque era él así.

     Ás dúas e vinte, máis ou menos, chegaba "A Superiora" e paraba alí. Baixaban os que viñan da capital e Pepe, o cobrador, empezaba a preguntar:
- Este paxe ¿de quen é?
- Meu
- Estes xerros. ¡Aí van!

     Era a liturxia de cada mediodía. Arrincaba "A Superiora" e na radio de Manolito soaba a sintonía do parte. Oíase ó locutor:
- Son las dos y media de la tarde. Diario hablado de Radio Nacional.

     Ás noticias prestabámoslles pouca atención, agardabámolo seu remate para escoitar o capítulo do serial "Dos hombres buenos". Poucas veces conseguiamos escoitalo enteiro porque Amelia, Manolo de Pardo, Antonio de Orxeira...falaban das súas cousas e non deixaban oir. Recordo aquela hora coma algo rutinario, igual tódolos días, mentres fóra o sol caía a plomo.

 
Manolito de Allán, Pepe Sacristán (o que fora conserxe do Ponte dos Brozos) e Pepe de Penedo



domingo, 14 de xuño de 2015

PROTECCIÓN CIVIL DE ARTEIXO

     Chega o verán, chega o bo tempo e con él, agardando que o amigo Lourenzo cumpra cada día como é debido, os nosos areias recibirán a milleiros de usuari@s que, como cada ano, terán en cada praia a un grupo de socorristas dispostos a cumprir co seu traballo de vixianza e socorro, traballo que, por certo, inician hoxe 45 persoas e que durará ata mediados do mes de setembro.

     Desde sempre, as nosas praias foron moi perigosas por mor da súa situación e orientación cara o mar. Barrañán, Alba ou Sabón, antano bastante menos frecuentadas que na actualidade, eran lugares donde tódolos anos morrían afogadas varias persoas. Foi aí, a finais dos anos setenta, cando un grupo de veciños de Arteixo (non digo nomes por medo a esquecerme de alguén) chega á conclusión de que era preciso que se vixiara e se tratara de axudar aos e ás bañistas das nosas praias. Abofé que o farían! Sen pensalo moito e, por riba, sen ser un grupo organizado, puxéronse a facer Salvamento e Socorrismo con seus propios medios: cunha zodiac prestada e sen posibilidade de comunicación entre eles. Corría o verán de 1978 e aquel grupo de heroes convertíase no pioneiro, no primeiro no noso Concello, mais probablemente un dos primeiros que principiaron esta tarefa humanitaria en toda Galiza.

     En 1986, a raíz da entrada en vigor da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, que establecía no seu artigo 26 C. a obligatoriedade de ter un servicio de protección civil nos concellos de poboación superior a 20.000 habitantes, crearíase o Grupo de Voluntarios de Protección Civil de Arteixo.

     Nos anos noventa, concretamente en 1998, os voluntarios convertiríanse en socorristas profesionais durante os tres meses de verán...eran os tempos doutros socorristas, os de Mitch Buchannon e os de C.J. (Pamela Anderson)...si, si, xa sabedes, os de "Los vigilantes de la playa"...que tempos!

     Bo verán!

                                     Imaxe dos anos 90 de Protección Civil de Arteixo

sábado, 6 de xuño de 2015

A SALA DE FESTAS EVA

     A mediados dos anos sesenta Arteixo apresenta unha "movida decadente". Os vellos e numerosos salóns de baile quédanse anticuados para as novas xeracións, e a fin de semana non ten outro atractivo que as películas de vaqueiros no cine Real. Son os tempos nos que comenza a funcionar o polígono de Sabón, e isto motiva que moita xente do campo se traslade á capital, sobre todo mozos que veñen a traballar de obreiros, e mozas para os talleres textiles.

     As circunstancias sociais piden a berros unha iniciativa como a que tivo o señor Manuel Díaz, coñecido como Manolo de Eva. No ano 1968 inaugura a sala de festas Eva, e con ela, Arteixo convértese na referencia da fin de semana para a xuventude dos arredores durante máis de dez anos.

     Unha das primeiras atraccións desta nova sala fora, no ano 1970, a actuación de Camilo Sexto. O éxito fora rotundo, e as cen mil pesetas do caché ben as mereciu...naqueles tempos a voz deste artista era toda unha garantía (e tamén os seus axustadísimos pantalóns...). Esta atracción daríalle certo pulo á sala de festas, e así foi como despois virían os Diablos, Fórmula V, Pekenikes, Juan Camacho, e o propio Julio Iglesias, que aunque non chegou a actuar, si tiña o contrato firmado.

                                          Grupo de moz@s na Eva nos anos 70

     E no medio de tanta atracción internacional, sorprende o feito de que o maior abarrote fose provocado por un conxunto da terriña. Sobre 1.300 persoas déronse cita na sala para ver a un dos mellores grupos galegos de todos os tempos: Os Tamara do gran Pucho Boedo.

     O negocio ía ben, e así no ano 1975 houbo que ampliar as instalacións. A xente de Arteixo e arredores tiña ben claro que facer na tarde-noite dos domingos.

     A sala de festas Eva non tería competencia de ningún tipo nos seus bos tempos, bos tempos nos que era unha cousa ben común que actuasen os Satélites, os Españoles, os Trovadores ou os Players, que por aí adiante estaban consideradas unhas excepcionais orquestas.

     Pero non todo era música ou baile. Moitísimos matrimonios téñense fraguado nesta sala. Poderíamos dicir sen medo a esaxerar que máis da metade da xente entre 50 e 60 anos natural de Arteixo moceou (con máis ou menos éxito) na sala de festas. E senón o credes, preguntade...

                                                         Mozos do Rañal na Eva

     O cubalibre e o ginkas eran as consumicións máis solicitadas, contando o whisky con moi poucos adeptos. Hoxe en día parece que é ao revés.

     A xente viña á Eva a bailar, a mocear, a beber, e tamén había quen viña a armar bulla. Era o caso de bandas organizadas como os "Diablos Rojos" (que seica eran do lado do Martinete e Elviña), que protagonizaron unha das épocas máis duras da sala.

     Pouco a pouco, aqueles mozos que chegaran a Arteixo para traballar como obreiros da construcción e aquelas mozas empregadas en talleres textiles, foron medrando...e casaron...e agora xa teñen fillos casadoiros. Agora son xente de cincuenta ou máis anos, que lembran con nostalxia a Camilo Sexto ou aos Tamara, ou os primeiros cubalibres, ou os primeiros bicos...

     Aqueles marabillosos anos da sala de festas Eva...aquela música dos Tamara:

"...cando a luíña aparece
e o sol nos mares se esconde
todo é silencio nos campos,
todo na ribeira dorme..."

                                          A sala de festas Eva actualmente


(Relato de Victor Iglesias García e fotografías de Luis Souto Naya)