sábado, 20 de xuño de 2015

MANUEL GONZÁLEZ BERAO

     A semana pasada tiven a honra de coñecer persoalmente a Manuela González Cadórniga (Manolita para os seus amigos), nai da miña amiga Ana Cillero e filla de Manuel González Berao, un home que se a súa vida cae nas mans dun dos grandes guionistas de Hollywood abofé que optaría a algún Oscar con total seguridade.

     Moitos dos veciños e veciñas de Arteixo que hoxe teñen máis de sesenta primaveras hanse de acordar del  por ser chofer dos trolebuses Coruña-Carballo, mais eso si, hai que falar de "Gonzalo" ou "Zalo", pois eses eran os nomes con que todo o mundo coñecía a Manuel.

     Mais antes de ser conductor dos trolebuses o noso protagonista vivira unha vida intensa, chea de aventuras e grandes emocións e digna, como diciamos anteriormente, do mellor dos guións cinematográficos.

     Manuel González viñera ao mundo no ano 1917 en Santa María de Ferreira de Pantón, parroquia do concello lucense de Pantón, lugar no que pasaría a súa infancia. Con trece ou catorce anos, coincidindo coa proclamación da II República, sería un dos moitos nenos españois que completarían a súa formación na Unión Soviética, onde se faría piloto de aviación.

                                                   O comandante González na U.R.S.S.

     En 1936, aos poucos meses do estoupido da Guerra Civil, o goberno da República atoparíase coa urxente necesidade de aviadores que sustituíran tanto aos militares profesionais da preguerra como aos voluntarios internacionais. Para tal fin, os republicanos crearían un complexo de escolas en Murcia e farían públicas varias convocatorias para que españois de tódalas clases poideran cumprir o soño de voar. A maior parte daqueles concursos serviría para a formación de expedicións de pilotos que viaxarían a Francia e, sobre todo, á U.R.S.S., nun periplo que para moitos dos alumnos-pilotos supuxo a viaxe máis longa que fixeran na súa vida e que os levaría a un país completamente diferente ao seu. Alí, naquelas xornadas de formación aeronáutica na prestixiosa escola de Kirovabad (na actual Azerbayán), estaba o comandante González, o noso protagonista, que non tardaría en partir cara a península para combatir desde o aire na defensa da República.

     Os avións que pilotaban eran coñecidos en España como "moscas" e "chatos". Os primeiros eran os míticos cazas Polikárpov I-16; a maioría deles chegaran desmontados e no exterior das caixas que os contiñan líase Moskva (Moscú), de aí que na península os rebautizaran como "moscas". Os segundos, biplanos, tomaron o seu nome polo seu morro, achatado.

     Aos mandos dun destos avións, sería derrubado Manuel González Berao, que salvaría a súa vida saltando no paracaídas durante a batalla de Guadarrama e feito prisioneiro despois.

     Rematada a Guerra Civil e despois de pasar algún tempo de cárcere en cárcere e, de varios consellos de guerra na que o noso protagonista salvaría a súa vida "polos pelos" (se cadra pola influencia de seu irmán Gumersindo, que era comandante da Garda Civil en Carballo), empezaría a gañarse o pan no mundo do cine en Madrid donde, grazas a súa boa percha, traballaría en películas como "Los majos de Cádiz", "Luis Candelas", "Charlot" ou "La casa de la Troya" ao lado de figuras míticas da época como Mary Delgado, Alfredo Mayo ou Imperio Argentina.

     Mais o cine non era suficiente para sacar adiante á súa familia (Manuel casara con María Cadórniga Álvarez, que era descendente do Conde de Lemos) e así, cando corrían os primeiros anos cincuenta, o matrimonio e a súa pequena filla Manolita chegan a Carballo, donde Gumersindo, o comandante da garde civil, lle buscara traballo a "Gonzalo" como conductor dos Trolebuses Coruña-Carballo, liña que fora inaugurada en febreiro de 1950.

                                Germán (cobrador), "Gonzalo" (chofer) e Marerque (chofer)

                                          "Gonzalo" en Arteixo

     Logo dun tempo vivindo na capital de Bergantiños, a familia González Cadórniga trasladaríase a vivir a Arteixo, concretamente ás casas que a empresa na que traballaba "Zalo" tiña para os seus empregados na marxe esquerda da actual Avenida de Caión, xusto ao pasar o colexio Ponte dos Brozos, moi cerca donde posteriormente construirían unha casa nova, unha edificación que fora unha reproducción exacta da casa que un amigo de "Gonzalo" tiña en Venezuela. Esa casa, que estaba no lugar no que hoxe se ubica o Café Melandrainas, forma parte da memoria colectiva de Arteixo e foi o lugar donde pasarían gran parte da súa vida Manolita e Ana (filla e neta de "Gonzalo") escoitando as historias daquel rapaz que se fixera piloto de aviación na desaparecida Unión Soviética, daquel comandante republicano, daquel actor que traballara con Mary Delgado e Imperio Argentina, daquel chofer dos Coruña-Carballo, daquel aventureiro chamado Manuel González Berao, "Gonzalo" ou "Zalo" para os seus amigos.


     O meu agradecemento a Manuela González Cadórniga e a Ana Cillero Gonzálezpola marabillosa mañán do pasado 11 de xuño que me fixeron pasar escoitando as historias do seu pai e avó!

A casa da familia González Cadórniga en Arteixo, lugar que hoxe ocupa o Café Melandrainas


Ningún comentario:

Publicar un comentario