O protagonismo das Crónicas de Arteixo desta semana é para Ramón Alberto Villaverde Vázquez, un dos mellores futbolistas do F.C. Barcelona dos anos 50-60 e que era fillo de pais arteixáns que emigraran ao Uruguai na década dos 20 do século pasado. O proxenitor era da Pedreira de Oseiro e a nai de Rañobre. Esta é a súa historia.
O noso homenaxeado nace o 16 de marzo de 1930 en Montevideo. De moito cativo xa pateaba o coiro nas rúas da capital charrúa, onde non tarda en amosar que tiña un don especial coa pelota, don que o ía levar a converterse en futbolista profesional e que na súa casa descoñecían. De feito, súa nai Matilde, como recoñecería anos máis tarde nun xornal galego, nunca imaxinara as filigranas que facía o seu fillo para xogar ao fútbol: "Ramón enganábame usando uns zapatos vellos que non sei onde os gardaba, mais sempre chegaba á casa cos de uso diario sen un sinal de darlle patadas a nada" 1.
Villaverde empeza a xogar na tempada 1949-50 no Liverpool de Montevideo, equipo no que demostra decontado unha innata capacidade goleadora que o acabarían levando ao fútbol colombiano, daquela o mellor pagado do continente americano. No país cafeteiro defende as cores do Cúcuta Deportivo durante a tempada 50-51 e posteriormente, de 1952 a 1954, do "Ballet Azul" de Millonarios de Bogotá, once no que forma unha dupla máxica co arxentino Alfredo Di Stéfano. O espectacular xogo que ambos os futbolistas desenvolvían xuntos en terras colombianas ía espertar o interese dos grandes do fútbol español, que acabaron botando as redes sobre eles fichando Di Stéfano ficha no Real Madrid e Villaverde no F.C. Barcelona, equipo ao que chega en xullo de 1954 da man do directivo Pedro Salvat e de Josep Samitier.
Ramón Villaverde na súa etapa no F.C. Barcelona |
O seu debut coa camiseta blaugrana prodúcese en Les Corts fronte ao Sevilla na xornada inaugural da Liga2, partido que o Barça gaña 4-2 e no que Ramón marca o primeiro gol batendo de cabeza ao meta sevillista Bustos. Mais se había unha data emotiva para o futbolista de orixes arteixás, esa era a do 20 de marzo de 1955, día no que o R.C. Deportivo da Coruña e o F.C. Barcelona se enfrontaban en Riazor, en partido correspondente á xornada 27ª. Villaverde ía pisar por vez primeira a terra da que tanto lle falaran na súa infancia, a terra que vira nacer a seus pais. Aquel día, familiares e veciños dos seus proxenitores, tiñan o corazón dividido entre o Barça, no que xogaba o fillo daqueles rapaces da Pedreira e de Rañobre que tiveran que facer a maleta da emigración, e o Deportiviño no que xogaba outro arteixán: Arsenio Iglesias. O partido remataría 2-2, anotando Ramón un dos goles do seu equipo.
Dúas semanas despois daquel enfrontamento, chegaban á cidade herculina Matilde Vázquez e Mario Villaverde, nai e irmán do noso protagonista. Matilde, que naquela hora tiña 62 anos e xa estaba viúva do seu home, a quen coñecera no Uruguai, emigrara do seu Rañobre natal aos 16 anos e había 46 que non pisaba a súa terra.
La Voz de Galicia, 14 de abril de 1955 |
A posición de Villaverde no campo tanto podía ser a de interior como a de extremo, mais neste caso tiña tendencia a bascular cara ao centro do campo, onde explotaba mellor a súa extraordinaria visión da xogada. Digno representante da escola suramericana, o seu binomio no Barça co galego Luís Suárez abofé que ía ser recoñecido pola súa maxia e facilidade de poñer en pé, co espectacular xogo combinativo dos dous, á bancada blaugrana. Adiantado ao seu tempo polo feito de non permanecer fixo na banda, senón que tiña tendencia a romper polo centro buscando outras alternativas de ataque, Ramón tiña un remate portentoso e un gran dominio do balón, ata o punto que sabía recortar ao contrario sen chegar a tocar o esférico.
Nun tempo de poucos encontros internacionais e de certas facilidades para que os futbolistas chamados oriúndos vestisen a camiseta de España, o seu bo facer no Barça tamén o levaría a xogar un partido coa selección española, encontro disputado en Barcelona o 31 de maio de 1956 e que España perdeu por 2-5 ante Alemaña.
O futbolista uruguaio-arteixán tería o seu cénit no F.C. Barcelona baixo a dirección de Helenio Herrera, nunha eliminatoria dos cuartos de final da Copa de Europa de 1960 fronte aos temibles Wolves, o alcume co que se coñecía ao Wolverhampton inglés. Na noite do 10 de febreiro de 1960, na ida no Camp Nou, o club catalán vence ao británico por un contundente 4-0 con dous goles de Villaverde, un de Kubala e outro de Evaristo. Na volta, o 2 de marzo do mesmo ano, a exhibición é total e o público inglés ovaciona ao equipo blaugrana ao remate do partido: 2-5 con gol de Villaverde e catro de Kocsis. Aquel Barça sería eliminado nas semifinais polo Real Madrid, que se ía proclamar campión daquela edición da Copa de Europa de 1960.
Villaverde non xoga a célebre final dos paus cadrados de Berna, o 31 de maio de 1961, final da Copa de Europa que o Barcelona perde por 3-2 ante o Benfica de Lisboa. Instalado xa nun suave declive, o futbolista fillo de arteixáns, ía permanecer na entidade blaugrana ata o 27 de outubro 1963, que foi o día no que lle dicía adeus á afección nun partido amigable ante o Racing de París no que esgotou a súa retirada ata o minuto 12 do segundo tempo, como resistíndose a deixar unha camiseta pola que sentía verdadeira devoción e que tantas alegrías lle dera. Cando deixou o campo fíxoo acompañado por unha ovación enxordecedora. "La emoción que he sentido esta tarde al recibir los aplausos y los cumplidos que me han sido dedicados sólo se puede explicar con el corazón. No hay palabras", confesaba aquel día.
Durante a súa etapa no vestiario barcelonista, a afección e os seus compañeiros apreciárano moito polo seu carácter sinxelo e franco, que acabaría demostrando na tempada 1963-64 ao aceptar xogar cedido o último ano de contrato no Racing de Santander con estas palabras: "Aún no soy viejo para el fútbol, pero ya lo estoy para jugar en el Barça".
No F.C. Barcelona xogou un total de 322 partidos oficiais, marcando 136 goles e obtendo dúas Ligas4, tres “Copas del Generalísimo”5 e dúas Copas de Feiras6, rexistros que a día de hoxe aínda o sitúan entre os mellores futbolistas da historia do club catalán.
Ramón Alberto Villaverde Vázquez faleceu en Barcelona, aos 56 anos de idade, o 15 de setembro de 1986 por mor dunha afección cardíaca.
___________________
1 Vid. La Voz de Galicia, 14 de abril de 1955, páx.5.
2 O día 12 de setembro de 1954.
3 Os pais de Matilde xa morreran.
4 1958-59 e 1959-60.
5 1957, 1959 e 1963.
6 1958 e 1960.