martes, 26 de febreiro de 2019

A CAMPÁ DO VAPOR INGLÉS "PRIAM"

19:30 horas de onte, luns 25. Soa o teléfono. É Xosé Troiano:

-Xabier, vouche dar unha noticia que che vai facer moita ilusión!
-Sorpréndeme, Xosé!
-Sei onde está a campá do Priam!
-Non o podo crer!
-Está na ermida de…

Nese intre, o peito empezoume a arder coa emoción e empezaron a xurdir os recordos de entrevistas, das horas de hemeroteca, das numerosas visitas a Malpica... Por fin aparecía a única peza que faltaba para completar o crebacabezas!

Campá do Priam (cortesía de Xosé Troiano)
As persoas que me coñecedes ben, sabedes perfectamente o tempo que lle adiquei á investigación do naufraxio do Priam, un vapor mixto de carga e pasaxe construído en 1870 e que se fora a pique nos baixos da Cistela, nas Illas Sisargas, o 11 de xaneiro de 1889 cando facía ruta dende Inglaterra cara a Asia.

Souben daquel vapor grazas a Francisco Sanjurjo, Quico de Pichel, e a Adolfo Vázquez, Adolfo de Tiso, dous veciños da miña aldea do Rañal que me contaron varias historias que nun principio, a dicir verdade, me parecían inverosímiles. Quico e Adolfo falaban de moitas riquezas espalladas por toda a costa de Arteixo, dende reloxos de ouro e prata ata un baúl cheo de “estampas bonitas” de papel, como seica lle chamaba José Naya, o veciño de Sabón que atopara ese cofre no areal de Alba.
 
Campá do Priam (cortesía de Xosé Troiano)
Parece ser que o devandito baúl estivera certo tempo na corte das vacas, onde José Naya utilizaba ese papel para facer pitillos e para prenderlle lume ao pote na lareira. José descubriría o valor real do que pouco a pouco fora queimando cando un día se desprazou ata A Baiuca coa idea de mercar un sombreiro. Cerca da tenda atopouse cun coñecido. Puxéronse a falar e sacou unha desas “estampas bonitas” que tiña no peto para facer un pitillo. 

-Con esa estampa podes comprar os sombreiros que queiras e aínda che van devolver cartos, díxolle este amigo. A José Naya véuselle o mundo enriba ao saber que aquelas “estampas bonitas” de papel coas que facía pitillos e queimaba para facer lume na lareira eran cartos. Eran libras esterlinas! 

Quico e Adolfo, os dous falecidos hai xa varios anos, tamén me falaron de centos e centos de metros de teas que apareceran nos areais de Alba e Sabón, de gran cantidade de louza e tamén dun piano que, despois de que o mar o achegara ata o areal, acabaría soando primeiro no Balneario de Arteixo, logo no Café Berán da Baiuca, lugar no que se facían representacións teatrais e musicais que se acompañaban con ese instrumento e, con posterioridade, na igrexa parroquial de Santiago de Arteixo.

Os dous veciños do Rañal sabían, polo que lles contaran os seus devanceiros cando eran nenos, aló polos anos 20 e 30 do século pasado, que todas estas riquezas eran dun vapor inglés que naufragara nas Illas Sisargas en 1889: o Priam.

Todos estes feitos despertarían en min a curiosidade conducíndome de inmediato cara a súa investigación. Na procura de máis informacións empezaría a consultar compulsivamente nos arquivos e nas hemerotecas, onde aparecerían novos datos. Ao mesmo tempo, iría descubrindo a nube de misterior que había en torno a este naufraxio e o máis sorprendente: en Malpica, a pesar de ser o sinistro máis importante acontecido na vila ao longo da súa historia, a pouca xente lle soaba o nome do Priam. Tan só José Blanco Haz, José da Muxiana, e Ramón Rodríguez Alfeirán, Rojito, foron quen de aportar datos de gran interese para o libro, dous homes que coñecimos grazas á colaboración de Adrián Abella, que foi quen nolos presentou. Pola contra, en Arteixo a transmisión oral mantería vivos moitos dos feitos relacionados co naufraxio, grazas a que persoas como Adolfo Vázquez e Francisco Sanjurjo gardaban nun recuncho da súa memoria os contos que lles escoitaran, cando eran nenos aos seus devanceiros.

Portada do libro "De Liverpool ás sisargas; a derradeira travesía do Priam"
Mentres seguía na procura de novas informacións do acontecido neste sinistro, tiven a inmensa fortuna de coñecer a Fernando Patricio Cortizo, auténtico erudito do mundo do mar que xa tiña publicado traballos impresionantes coma os dous volumes de Historia da costa galega e os seus naufraxios. Co paso do tempo, xuntando esforzos, traballo e ilusións, Fernando e este humilde servidor decidiríamos sacar adiante esta investigación conxuntamente, publicando con Edicións Embora De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, libro no que, moi ao noso pesar, quedou sen resposta a interrogante de saber onde estaba a campá do buque británico. 

Uns meses máis tarde, o 11 de xaneiro do 2014, o día exacto no que se cumpría o 125 cabodano do naufraxio, Malpica acollía a primeira presentación do libro nun acto moi emotivo conducido polo poeta Paco Souto, que falecería en marzo do 2017 logo de que ese mar que tanto amaba lle segara a vida!

E agora, 5 anos despois de aquela presentación, e 130 anos despois do naufraxio acontecido nas Sisargas o 11 de xaneiro de 1889, recibía a chamada do amigo Xosé Troiano, historiador e erudito do mundo das campás grazas a quen, ao fin, se completaba o crebacabezas do Priam! 

-Xabier, vouche dar unha noticia que che vai facer moita ilusión!
-Sorpréndeme, Xosé!
-Sei onde está a campá do Priam!
-Non o podo crer!
-Está na ermida de Santa Cristiña, na parroquia de Berdoias, en Vimianzo! 

O lugar de Santa Cristiña é un interesante conxunto etnográfico no que, ademais de diferentes construcións como un antigo curro, hórreos ou a fonte milagreira, pódese ver a capela da que nos falou o amigo Xosé Troiano, capela na que se mantén vivo o culto á tradición agraria da zona.

Baixo o altar da ermida hai un pequeno oco tapado cheo de terra sagrada á que se lle atribuen propiedades curativas para as vacas. A tradición manda coller unha presa de terra e colgala no pescozo das vacas durante nove días, fórmula coa que se pretende conseguir que a vaca se libre de enfermedades e que teña bos partos. Unha vez pasado este período de tempo, devólvese a terra á capela e, seguindo a tradición, dáselle unha limosna á Santa como troco pola axuda.

Lugar de Santa Cristiña coa ermida ao fondo (www.turismo.gal)
Grazas a Xosé Troiano, agora esa capela tamén será coñecida pola historia que hai detrás da súa campá, da que nos falta saber como chegou a Santa Cristiña.  

Está comprobado que moitos campanarios dos templos galegos, de xeito especial os da Costa da Morte, contan con campás de barcos que se foron a pique nas nosas augas e que chegaron aos seus novos destinos ben por donativos de armadores, por compras ou por agradecemento das tarefas de salvamento, ou ben por agasallos dos chatarreiros da zona, coma as campás de Camelle, Arou, Cee… Saber como chegou a do Priam á de Santa Cristiña é unha incógnita que trataremos de despexar máis pronto que tarde!

mércores, 20 de febreiro de 2019

"7 PUERTAS": UN LONGO CAMIÑO ATA O CUMIO

It´s a long way to the top (If you wanna rock n roll), en galego É un longo camiño ata o cumio (se queres rock and roll), é o título da primeira canción do primeiro disco da lendaria banda australiana "AC/DC", título que define á perfección a carreira e o longo camiño percorrido do grupo arteixán "7 Puertas".


Para buscar as raíces de "7 Puertas" temos que viaxar ata o Arteixo dos primeiros anos noventa e adentrarnos nas vidas de Santi, Barry e Alberto, tres amigos e veciños da vila que naquela altura soñaban con formar a súa propia banda de rock. Santi, Santiago Martínez Gende, nace en 1975 no seo dunha familia sen ningunha tradición musical. Seus pais e avós eran muiñeiros, os muiñeiros de Caldas, xente seria e traballadora que non tiña afección pola música e menos aínda polo rock.

O rapaz vai medrando e a principios dos oitenta, época na que o heavy estaba de moda, os seus amigos do barrio, todos maiores que el, empezan a deixarlle cintas de casete de bandas como “Iron Maiden”, “AC/DC”, “Saxon”, “Whitesnake”, “Baron Rojo” ou “Scorpions”. Aquel bautizo musical marcaría o resto da vida de Santi. Como anécdota, contar que unha de esas cintas, o For those about to rock de “AC/DC” do ano 1981, deixáralla Manuel de Eva, que posteriormente sería un dos fundadores do grupo arteixán “Os Revenidos”.

Ao rematar os estudos básicos, na cabeza de Santi xa non había outra meta que non fora montar unha banda de rock, un soño co que non concordaban seus pais, que exercían toda a oposición posible e non querían oír falar do tema..."como podía ser que en unha familia tan formal houbera un rockeiro, que diría a xente". Así que, como non podía ser doutro xeito, os comezos do rapaz de Caldas no mundo da música serían “clandestinos” e, inevitablemente, chegarían os primeiros intentos de formar unha banda.

Corre o ano 1991 e xunto a dous amigos, Barry Hollet, un escocés que levaba residindo en Arteixo certo tempo, e Alberto García Ramos, o do Bar Unión, empezan a xuntarse no baixo do Bar Salgado para empezar a “ensaiar”, ensaios nos que Santi aporreaba a batería, Alberto intentaba tocar o baixo e, supostamente, Barry tocaba a guitarra e cantaba. Tiñan toda a ilusión do mundo, mais iso non era suficiente xa que os tres colegas só eran quen de tocar puntualmente algúns anaquiños de cancións e, por riba, non os sabían. Así irían pasando os meses ata que desistiron no intento… mais Santi xa “o probara” e quería máis!

Dous anos máis tarde, o 11 de marzo 1993, Santi coincidiría por primeira vez con Josafat Pardo Iglesias. Ese día a lendaria banda de Nova York "The Ramones" tocaba no Coliseum de A Coruña e, por supuesto, todas e todos os rockeiros acudirían á cita, entre eles Santi e Josafat, un mozo de Arteixo nado en 1977 que, dende moi cativo, mantiña contacto coa música a través de seu irmán maior Jesús. Santi e Josafat, que empezara a tocar a guitarra por aqueles días, coñeceríanse alí, no Coliseum, e non tardarían en ter proxectos comúns, aínda que antes disto os dous irían avanzando no eido musical por camiños separados, Santi formando distintos grupos polos que pasaría un montón de xente, e Josafat crearía, xunto a seu irmán Jesús, Alberto García (o baixista da primeira banda de Santi) e outros amigos, o grupo M.O.K.

E así, pouco a pouco, os dous rapaces iríanse formando e aprendendo como podían, todo de oído e por instinto, sen ningún tipo de formación, fixándose en discos, vídeos e, por suposto, nos concertos aos que acudían constantemente, tendo naquela altura varios referentes cercanos: o grupo "Troleblues", do que formaban parte dous músicos de Arteixo, "Os Diplomáticos de Monte-Alto", "Mac n Rones", "Doctor Snob"… Ensaio tras ensaio, foron avanzando mais, iso si, sen chegar a debutar en directo ata que, por fin, en 1994 Santi e Josafat deciden unir forzas e formar unha banda xuntos, nacendo así "Cuidado Arriba". Nun principio, Josafat compartiría actividade con M.O.K. ata que, finalmente, este grupo desaparece e se adica única e exclusivamente a "Cuidado Arriba".

Primeira formación de "Cuidado Arriba" (1994-1996). De esquerda a dereita: César Díaz (voz), Josafat Pardo (guitarra), Rubén Marcote (baixo), Santiago Martínez (batería) e David Gayoso (guitarra)

Na primeira formación desta banda figuraban Santi, Josafat, o guitarrista da Coruña David Gayoso, Ruben Marcote e César Díaz, mozo de Pastoriza que andando no tempo convertiríase nun gran artista cos deseños gráficos da súa autoría, entre eles os das obras teatrais “Porlier en Pastoriza” e “Rodríguez, o loro de Picadillo”. Sería no baixo do negocio do pai de César, "Talleres Europa", onde comezan a ensaiar os "Cuidado Arriba", un nome que proviña precisamente deste local que tiña o teito tan baixo que instrumentos e cabezas batían nel cada dous por tres, feito polo que alguén sempre exclamaba:

- Cuidado arriba!

Desde o primeiro momento teñen claro que queren facer temas propios, e a isto se adican durante un tempo nos ensaios nos que, de cando en vez, tamén tocaban algunha versión polo medio. Ao fin, o 13 de maio de 1995 "Cuidado Arriba" debuta en concerto e, durante ese ano, darían sete concertos máis por parroquias de Arteixo, actuando ademais nun local da Coruña e no Pub d'anton da Laracha, auténtico referente da época.

Posteriormente, no verán de 1996, produciríase a primeira baixa no grupo: Rubén Marcote, que sería sustituido por Iván Rodríguez Espinosa. A continuación, meses de ensaio para chegar ao 20 de decembro dese ano 1996, data na que Iván dá o primeiro concerto co grupo, un concerto que sería o derradeiro para a formación xa que se desintegraría días despois. Santi e Josafat quédanse de novo sen grupo, mais con gañas de seguir e cun novo cómplice: Iván Rodríguez, un rapaz nado en 1979 e que naquela altura era coñecido porque seus pais rexentaban "Fotos Rodri", o popular negocio fotográfico de Arteixo.

Así, pois, xa temos o núcleo de "7 Puertas", mais aínda faltaría bastante para chegar ata aí. En 1997 Santi, Josafat e Ivan están dispostos a resucitar "Cuidado Arriba" como sexa. Necesitaban seguir tocando! E consígueno xunto a Víctor Iglesias, referente xa naquela altura da música na bisbarra que actualmente dirixe a Escola Municipal de Música de Arteixo, e unha descoñecida Betty Queiro (hoxe popular pola súa academia de inglés), á que enredan para que cante con eles. Non tardarían en compoñer temas e en facer ensaios, que realizan nas casas de Barbada que estaban na actual rúa peonil e así, con esta formación, conseguirían dar outros seis concertos ao longo dos anos 98 e 99 antes de que, de novo, desaparecese o grupo. 

Segunda formación de "Cuidado Arriba" (1997-1999) De esquerda a dereita: Víctor Iglesias (teclado), Santiago Martínez (batería), Betty Queiro (voz), Josafat Pardo (guitarra) e Iván Rodríguez (baixo)

Naquela ocasión, o cansazo e a frustración afectarían considerablemente nas vidas dos músicos arteixáns, quenes pasarían uns anos sen apenas tocar nin ensaiar, facéndoo só esporádicamente cando Santi, Josa e Iván sentían nostalxia e se xuntaban para tocar uns intres.

E así chegamos ao ano 2002 onde, un día das festas do Apóstolo de Arteixo, Santi mantén unha conversa con Hugo Pardo, o irmán pequeno de Josafat, na que este lle conta que está aprendendo a tocar a guitarra mais, ao non ter con quen tocar, pensaba en deixalo. Santi ofrécelle a posibilidade de ensaiar de cando en vez e, ao pouco, chamarían a Iván Rodríguez para que os acompañe. Posteriormente tamén avisarían a Josafat, que se une a eles e empezarían a compoñer de novo. Só lles faltaba a voz, voz que consiguen a través dun anuncio que poñen en "Musical 47" de A Coruña ao que responde Antonio Martínez López, que se convertiría, deste xeito, no cantante do grupo.

Antonio, ferrolán de nacemento e con familia natural de Cedeira, despois de estudar en Santiago trasladaríase á cidade da Coruña por motivos laborais, un Antonio que anos antes recibira formación de piano e que, ao encontrar aquel anuncio que reclamaba cantante non o pensou dúas veces e decide embarcarse neste proxecto musical que nacía ao pouco como a primeira formación de "7 Puertas", nome que viña dado por aquel bar de tapas que había na Coruña situado fronte ao mítico “La Bombilla”, un “7 Puertas” no que Santi pasara moitas horas soñando con montar un grupo mentres lataba da Academia San Andrés.

Primeira formación "7 Puertas" ( 2002-2006). De esquerda a dereita: Iván Rodríguez (baixo), Josafat Pardo (guitarra), Santiago Martínez (batería), Antonio Martínez (voz) e Hugo Pardo (guitarra)

A banda prepararía de contado os seus primeiros temas e, o 26 de decembro de 2003, debutan en directo na Laracha. Ao ano seguinte, 2004, seguen aumentando o seu repertorio e dan outro par de concertos, e xa no 2005 gravan a súa primeira maqueta, que lles servirá de soporte para a súa primeira xira de concertos por boa parte da xeografía galega. Naquela altura, o recibimento da banda en cada unha das súas actuacións era tremendo, feito que lles anima a continuar compoñendo e a preparar cancións coa intención de cumprir o soño de gravar o seu primeiro disco.

Aquel soño faríase realidade a finais de 2006, que foi cando comezan a gravación da súa estrea discográfica mais, cando tiñan prácticamente gravado o disco, Antonio Martínez decide abandonar o grupo por motivos laborais e persoais. “7 Puertas” quedaba, deste xeito tan surrealista, cun disco a medio gravar e sen cantante. Mais o destino quixo que se cruzara con eles Sergio Ramos, un veciño de Chamín vello coñecido de Santi, que non tardaría en incorporarse aos ensaios para facerse cargo das voces do disco.

Finalmente, o traballo vería a luz o 27 de xuño do 2007 baixo o título “Hasta el final”, feito que se convertiría nun verdadeiro acontecemento no municipio, xa que era a primeira vez que un grupo formado por integrantes nados en Arteixo gravaban un disco. Os rapaces de “7 Puertas”, rememorando os tempos dos “Tarantos”, aquela banda dos 70 que editara algún disco e na que tamén había algún veciño arteixán, non facían máis que recibir os parabéns de veciños e veciñas na rúa, no super, no videoclub… bos momentos que, segundo nos contou recentemente Santi, Santiago Martínez, lembran con moitísimo cariño e os fixo sentir moi, moi especiais.

Despois de que o disco vira a luz, os “7 Puertas" arrancan unha nova xira de concertos por toda Galicia para presentalo, xira na que empezan a conseguir os seus primeiros cheos en salas de A Coruña, Culleredo, A Laracha… e, ademais, visitan Ferrol, Lugo, Melide, Monforte… cidades e vilas nas que o grupo arteixán sería quen de facerse un oco na escena musical galega. O 2008 adícano a compoñer temas para intentar gravar un novo disco no 2009, ano no que Sergio Ramos vese na obriga de abandonar o grupo momentáneamente por motivos laborais. Como para ese 2009 os “7 Puertas” tiñan un feixe de concertos pendentes, deciden pedirlle axuda de novo a Betty Queiro para sacar esos compromisos adiante.

Unha vez terminados, os artistas arteixáns continuarían compoñendo e arranxando cancións ata que Sergio Ramos retorna, facéndoo de novo a tempo de entrar ao estudio para rexistrar o seu segundo disco. O 12 de febreiro de 2010 sae "Una entre un millón" e, dende o primeiro momento transpórtaos a un novo nivel de popularidade que acadarían coa axuda dos seus singles "Equilibrio", tema e videoclip no que colabora con “7 Puertas" o cantante de “Heredeiros da Crus” Javi Maneiro, e "Llamame", canción na que contan coa colaboración no videoclip de Marta López, que entraría como concursante de Gran Hermano naquela altura e que dispararía as visitas do devandito videoclip.

Segunda formación "7 Puertas" (2006-2011). De esquerda a dereita: Hugo Pardo (guitarra), Iván Rodríguez (baixo), Sergio Ramos (voz), Santiago Martínez (batería) e Josafat Pardo (guitarra)

Posteriormente, farían unha nova xira durante os anos 2010 e 2011 por toda a xeografía galega, unha xira na que tamén saen por primeira vez da súa terra dando concertos en Castela e León, Asturias e Madrid. Ademais, os arteixáns tocarían con algúns dos seus ídolos como Shuarma, cantante de "Elefantes", ou Santi Campillo, guitarrista de “MClan”.

As críticas das súas cancións e dos seus concertos non podían ser mellores. As vendas dos discos así o respaldaban mais, no mellor momento do grupo, Sergio Ramos ten que abandonar “7 Puertas” definitivamente. O pau sería moi grande... todo o traballo... toda a ilusión… de súpeto, todo se truncaba. Case que por inercia chega 2012 e, con el, o décimo aniversario do grupo.

Nun intento de mantelo vivo e de gañar tempo para ver se Sergio Ramos retornaba de novo, deciden organizar un evento para celebrar o seu décimo aniversario. Por aqueles días, gravan un disco de versións, de grupos que os influenciaran ao longo da súa carreira, acompañados de cantantes de distintas bandas galegas coas que tiñan amistade e que suplen a falla de Sergio Ramos. Naquela altura, os “7 Puertas” tamén organizarían un concerto no Auditorio de Arteixo no que os cantantes que gravaron o disco acompañan ao grupo arteixán.

Os meses seguintes irían transcorrendo mentres compoñían novas cancións e agardando a que pasara algo… e tanto que pasaría, xa que Hugo Pardo abandonaría tamén o grupo. Unha vez máis Santi, Josafat e Iván volvían a quedarse sós. Ese sería o momento máis baixo na carreira do grupo, un momento no que realmente están a piques de poñerlle punto e final á historia de “7 Puertas”.

Mais, como non podía ser doutro xeito, sacan de novo forzas de fraqueza e retorna ao grupo Antonio Martínez, o seu primeiro cantante, desta volta para facerse cargo de piano e teclados, a súa posición natural, e tamén fichan a Raquel Vinuela, a nova voz da banda arteixá, unha banda que tocaría bastante durante o 2014 e os primeiros meses do 2015 mais, finalmente, o proxecto non callaría.

Con todo, estaban de novo coas pilas cargadas e pouco despois, en maio do 2015, incorporaríase ao grupo para ocupar a voz principal Fernando Quiroga Luces, un cantante que procedía de bandas como "Caminos Cruzados" ou "Alba Rusa". Fernando, músico experimentado, encaixaría de contado na filosofía musical e persoal de “7 Puertas” e, tras medio ano de ensaios, debutan nun festival solidario na discoteca “Moon 57”, onde o recibimento sería fantástico. Meses máis tarde, tamén tocarían no 50 Aniversario da discoteca “Pazos” da Laracha xunto a “Os Revenidos”. Con aquelas actuacións, os “7 Puertas” recuperarían as gañas e a ilusión que lles faltaba e irían collendo ritmo e confianza grazas, en gran medida, ás novas incorporacións, que se adaptarían estupendamente ao engrenaxe e á idiosincrasia do grupo de Arteixo.

Última formación de "7 Puertas" (2018-) De esquerda a dereita: Josafat Pardo (guitarra), Antonio Martínez (teclado), Iván Rodríguez (baixo), Fernando Quiroga (voz), Santiago Martínez (batería) e Óscar Fernández (guitarra)
E así, ao pouco, deciden encerrarse para compoñer e crear un novo disco, un proceso no que son conscientes de que necesitan unha guitarra máis para defender as cancións na futura xira, incorporando a Óscar Fernández Crespo, un veterano da escena musical coruñesa, bo guitarrista e bo amigo co que xa compartiran aventuras e escenario ao longo dos últimos anos. O grupo convertíase, por primeira vez, nun sexteto e con esta formación gravan un novo disco que leva por título "Siete Puertas", título que para os arteixáns é un novo comezo, unha nova etapa e, sen dúbida, é o disco máis "7 Puertas" xa que son eles mesmos os que realizan todos os procesos: composicion, gravación, masterizacion… un disco que editarían o 14 de decembro de 2018 e que presentaban en directo o día 22 do mesmo mes. En febreiro do 2019 iniciaron unha nova xira. Non sabemos o que lles deparará o futuro… mais de seguro que seguirán adiante!

venres, 15 de febreiro de 2019

O CUARTEL VELLO DA GARDA CIVIL

Cando era un cativo de 6 ou 7 anos, ao carón do Balneario de Arteixo había un vello edificio que me causaba verdadeiro pánico. Supoño que ese medo atroz viña dado polas historias que de cando en vez contaban na casa meus avós, contos de lareira nos que lembraban a crueldade da represión fascista e as malleiras que alí levaron, durante os primeiros anos da ditadura de Franco, ducias de persoas que deixaran, coa súa sangue, tinguido de vermello os pisos de madeira do vetusto edificio. 

Imaxe dos anos 50 do cuartel vello
Se nacestes no municipio arteixán antes da década dos oitenta do século pasado, sabedes perfectamente que me refiro ao vello cuartel da Garda Civil, un cuartel ao que, cousas do destino, aquel cativo acabaría indo cada día do curso escolar 1976-77. Si, si. Ledes ben!

Non lembro o seu nome nin podo facervos unha descrición física mais, no primeiro andar da casa cuartel da Garda Civil, que imaxino que estaría destinado a vivenda do oficial ao mando do posto, unha moza daba pasantía á rapazada arteixá despois das cinco da tarde, hora na que saíamos do Colexio Carrero Blanco, hoxe CEIP Ponte dos Brozos. A miña memoria é a que é. Sinto moito non poder dar máis detalles. Só lembro que eu estaba en 1º de EXB e que ía ata alí acompañado de Manel, o irmán maior que nunca tiven, para facer unha hora de “actividades” mentres miña nai traballaba na conserveira do Rañal.

O meu prezado amigo Manel, que me leva sete anos e que naquela altura cursaba 8º de EXB, era quen cuidaba de min entre aquela manda de rapaces que, coma nós, ían a pasantía daquela muller que probablemente fora a filla do sarxento. Se alguén ten máis información desta persoa, por favor, que se manifeste e que nolo comunique.

Fotografía dos anos 50 na que vemos á esquerda o cuartel e, á dereita, o Balneario

Do cuarto onde se facía a pasantía só teño dous recordos: unha mesa enorme e os buratos que había en algunhas táboas do piso de madeira polos cales se podáin ver os gardas civís que estaban debaixo de nós. Aquelas táboas, comidas polo caruncho e cheas de buratos, eran, seguramente, as mesmas das que falaban os avós e outros veciños da aldea, as táboas que moitos anos antes estiveran tinguidas de vermello e que xa levaban alí dende 1919, ano no que se creara o posto en Arteixo da “Benemérita”.

As primeiras informacións que temos do cuartel da Garda Civil de Arteixo datan do de 10 de xuño de 1890, día no que aparece publicada a seguinte carta:

Sr. Director de La Voz de Galicia.
Mi apreciable amigo: En varios números de su distinguido periódico, he visto que se ocupa de la imprescindible necesidad de aumentar en Galicia la fuerza del benemérito Cuerpo de la Guardia civil, que si se quiere, en cada parroquia de aldea debiera haber una pareja, con lo que se evitaría el cúmulo de daños y delitos, tan frecuentes y comunes, que apenas las autoridades necesitan otra ocupación sinó la de formar causas a reos de delitos de todas clases.
Dicho queda que en obsequio a la tranquilidad de los honrados habitantes, sería conveniente una pareja en cada parroquia, en aldeas tan diseminadas; pero siquiera un cuartel de cuatro o cinco individuos del Cuerpo en cada capital de distrito, y no puestos que distan de seis a diez leguas de circunferencia, como el que existe en la villa de Carballo, que con las órdenes del Ayuntamiento y del Juzgado del partido, que tienen que cumplir, mientras esto hacen, en que ocupan lo más del tiempo, los distritos del partido, como Coristanco, Puenteceso, Cabana, villa de Lage y villa de Malpica, están en sus extensas parroquias sin resguardo alguno; sólo en el distrito de Laracha hay otro puesto, que de paso quizá viene por aquí cuando conduce presos, que no es contínuo, y mientras este distrito de Arteijo se halla sin un puesto, motivo por el cual y por puro miedo, están más de treinta y tantas casas en el balneario de este pueblo inhabitadas durante nueve meses del año, que solo se abren cuando el concurso de bañistas, por dos o tres meses de verano, quedando cerradas por los nueve meses de invierno restantes, temiéndose a los rateros y aun a los criminales, en perjuicio de los propietarios que pagan la contribución al Estado, sin percibir como debieran los alquileres.
La necesidad de un cuartel y puesto de Guardia civil en este pueblo de Arteijo es absoluta, y también lo es un puesto en cada capital de distrito para resguardo de las mismas cosechas de los pobres labradores, que al fin si esto sigue en abandono tan completo, con robos y crímenes tan graves, sin algún auxilio de las autoridades, llegará tiempo que no han de poder pagar contribuciones e impuestos estos labradores ni haya quien viva en este país para la familia ni para el trabajo.
Dígnese disponer la inserción de estas breves líneas y le quedará agradecido su seguro servidor
EL CORRESPONSAL

Ata aquel entón, na xeografía galega só había, segundo as crónicas da época, cinco gardas civís de posto por cada partido xudicial de 40.000 habitantes, 500 parroquias e 1.000 aldeas, que eran practicamente as mesmas cifras que había medio século antes cando, a iniciativa e baixo control do ministro da Guerra, Manuel de Mazarredo, se constituíra o corpo da Garda Civil mediante Real Decreto de 28 de marzo de 1844.

Pouco tempo despois de que o corresponsal de La Voz de Galicia publicara aquela denuncia no xornal no que colaboraba queixándose da falla de seguridade en Arteixo, as cousas empezarían a mudar algo na capital do municipio arteixán, aínda que, iso si, non o suficiente como así o facía saber nas súas páxinas La Correspondencia Gallega, xornal que na súa edición do 17 de xullo de 1897 publicaba o seguinte:

El primer teniente de la Guardia civil D. Luís Gómez Fernández estuvo en Arteijo con objeto de reconocer las dos casas ofrecidas para cuartel de la benemérita de aquel puesto. Una de ellas no reune condiciones. La otra es buena, pero solo tiene capacidad para cuatro hombres. Actualmente están allí de servicio tres guardias y un cabo, pero es menester añadir un guardia más, completando la fuerza que debe tener el puesto.”
Aínda terían que pasar vintedous anos para que a Garda Civil instalara na vila do Bolaños a casa cuartel que tanto medo me causaba de cativo, un edifico que sería inaugurado en 1919 durante o segundo mandato (11 de xaneiro de 1916 a 7 de maio de 1920) do leonés Toribio Salvadores Puente, alcalde que pertencía ao Partido Liberal e que xa fora o máximo mandatario do noso municipio anteriormente, dende o 1 de maio de 1911 ata o 4 de xaneiro de 1914. 


Moza de Arteixo nos anos 60 co cuartel da Garda Civil ao fondo
Salvadores, que hoxe ten rúa adicada na Baiuca, ao carón da Casa do Concello tamén conseguiría naquel segundo mandato seu que se instalara unha estación telefónica municipal na que se empregaran 239 pinos para os respectivos postes da liña Arteixo-A Coruña, unha estación pola que loitara denodadamente durante moito tempo “O Maragato”, alcume polo que era coñecido en toda a bisbarra o alcalde.

Verde que te quiero verde. Verde viento. Verdes ramas”. Así principiaba o Romance Sonámbulo de Federico García Lorca o 2 de agosto de 1924. Uns meses despois, no ano 1925, casualidades da vida, a Gardia Civil cambia un uniforme vistoso e incómodo por un novo e máis funcional. Tamén cambia a súa cor. ¿Adiviñades cal? Non podía ser outro que o mítico verde oliva que chegou ata os nosos días, un verde oliva que nos tempos da posguerra convertiríase para moita xente en sinónimo de pánico! No municipio arteixán, algúns familiares dos afectados pola represión fascista, aínda se lembran da maldade e das tundas e torturas do garda civil Cadenas, moitas delas levadas a cabo cunha crueldade extrema na casa cuartel da Garda Civil de Arteixo durante os anos corenta do pasado século XX.

A vida en branco e negro iría dando paso, pouco a pouco, á vida en cor. O Arteixo que xiraba en torno ao Balneario, daría paso ao Arteixo que empezaría a xirar en torno ás industrias que se empezaron a asentar no Polígono de Sabón a finais dos sesenta e principios dos setenta, unha época na que, curiosamente, o subteniente da Garda Civil Víctor García Villaronga sería nomeado alcalde do municipio polo Ministro da Gobernación, cargo que ocuparía entre o 3 de marzo de 1971 e o 28 de xuño de 1974.


Imaxe actual do lugar aproximado no que estaba o cuartel
¡Ai!, aqueles anos setenta... Curro Jimenez, Félix Rodríguez de la Fuente, Jaques Custeau, 1...2...3, o 127 de miña nai, o cheiro da fábrica de conservas do Rañal, o Urquiola, o colexio Carrero Blanco, a pasantía no cuartel da Garda Civil… un cuartel que sería testemuña do crecemento de Arteixo estando en pé ata os noventa, anos no que sería devorado pola xungla do asfalto e polo boom inmobiliario.

Posteriormente a Garda Civil estaría certo tempo nun edificio que estaba situado ao inicio da Travesía de Arteixo, lugar no que permanecerían ata o 26 de maio de 1999, día no que o Delegado do Goberno, Juan Miguel Diz Guedes, inauguraba o novo cuartel da Garda Civil de Arteixo, edificio situado no Polígono de Sabón, entre O Seixedo e A Groufa, e que correspondía ás antigas instalacións da fábrica de Monkrel.


FONTES:
-BLANCO REY, MANUEL. Alcaldes de Arteixo (1836-1998). Concello de Arteixo, 1998.
-CAMPUS TRAINING, JUAN DE. La historia de la Guardia Civil: el origen de la "Benemérita" (www.campustraining.es)

luns, 4 de febreiro de 2019

A PARROQUIA DE MONTEAGUDO NA XEOGRAFÍA DO REINO

Parroquia de San Tomé de Monteagudo, de entrada.- Extiéndese al SE. de la elevada sierra de la Estrella, con el elevado Monteagudo, de unos 300 metros de altura, en el que se halla la capilla de Nuestra Señora de la Estrella (555). Fué matriz de Chamín. La sierra la separa del ayuntamiento de Laracha (Carballo), con el que confina por el O. haciéndolo por el N. con su antiguo anejo, por el S. con Larín y por el E. con Armentón. Es comienzo de la encañada occidental del valle.

   Dista unos 17 kilómetros de la capital de la provincia. Sus aldeas son Cachada, Casanova, Corteo de Enriba, Freixal, Freor, Ibia, Iglesario y Vilanova, y los grupos menores Barreiros, Batán, recuerdo de antigua industria; Casaldegás, Esquipa, Gomesende, Mirón, Piñeiro, Ramilo, Rocha, Sande y Veiga. La aldea de Iglesario también se llamó Mosteiro y esto parece indicar que allí debió existir uno de tantos monasterios con que contó Galicia en lejanos tiempos, y como lo prueba el patronato de la iglesia que ejerció el cabildo de la Colegiata de la Coruña, en virtud de permuta con los benedictinos de Santiago, a quienes dió en cambio el priorato de Cambre. Hoy es de la Corona. La población de esta parroquia suma 679 habitantes de hecho y 728 de derecho, alojados en 225 edificios, de un piso 82, de dos 96 y chozas y albergues 47. La separan unos 5 kilómetros de la capital del ayuntamiento.

   La iglesia es románica de tres naves y tres ábsides semicirculares con planta basilical, bóvedas de cañón apuntado en los ábsides, alumbrado el central con tres ventanitas y con una cada lateral. Conserva una pequeña imagen de madera, muy antigua.

    Clima benigno. El terreno, aun cuando montuoso, es reproductivo y está bañado por el arroyo Castro, que tiene sus manantiales en la parroquia.

_____
(555) Esta, al igual que el Carboeiro y otras elevaciones, sirven de guía para la derrota marítima.