mércores, 20 de febreiro de 2019

"7 PUERTAS": UN LONGO CAMIÑO ATA O CUMIO

It´s a long way to the top (If you wanna rock n roll), en galego É un longo camiño ata o cumio (se queres rock and roll), é o título da primeira canción do primeiro disco da lendaria banda australiana "AC/DC", título que define á perfección a carreira e o longo camiño percorrido do grupo arteixán "7 Puertas".


Para buscar as raíces de "7 Puertas" temos que viaxar ata o Arteixo dos primeiros anos noventa e adentrarnos nas vidas de Santi, Barry e Alberto, tres amigos e veciños da vila que naquela altura soñaban con formar a súa propia banda de rock. Santi, Santiago Martínez Gende, nace en 1975 no seo dunha familia sen ningunha tradición musical. Seus pais e avós eran muiñeiros, os muiñeiros de Caldas, xente seria e traballadora que non tiña afección pola música e menos aínda polo rock.

O rapaz vai medrando e a principios dos oitenta, época na que o heavy estaba de moda, os seus amigos do barrio, todos maiores que el, empezan a deixarlle cintas de casete de bandas como “Iron Maiden”, “AC/DC”, “Saxon”, “Whitesnake”, “Baron Rojo” ou “Scorpions”. Aquel bautizo musical marcaría o resto da vida de Santi. Como anécdota, contar que unha de esas cintas, o For those about to rock de “AC/DC” do ano 1981, deixáralla Manuel de Eva, que posteriormente sería un dos fundadores do grupo arteixán “Os Revenidos”.

Ao rematar os estudos básicos, na cabeza de Santi xa non había outra meta que non fora montar unha banda de rock, un soño co que non concordaban seus pais, que exercían toda a oposición posible e non querían oír falar do tema..."como podía ser que en unha familia tan formal houbera un rockeiro, que diría a xente". Así que, como non podía ser doutro xeito, os comezos do rapaz de Caldas no mundo da música serían “clandestinos” e, inevitablemente, chegarían os primeiros intentos de formar unha banda.

Corre o ano 1991 e xunto a dous amigos, Barry Hollet, un escocés que levaba residindo en Arteixo certo tempo, e Alberto García Ramos, o do Bar Unión, empezan a xuntarse no baixo do Bar Salgado para empezar a “ensaiar”, ensaios nos que Santi aporreaba a batería, Alberto intentaba tocar o baixo e, supostamente, Barry tocaba a guitarra e cantaba. Tiñan toda a ilusión do mundo, mais iso non era suficiente xa que os tres colegas só eran quen de tocar puntualmente algúns anaquiños de cancións e, por riba, non os sabían. Así irían pasando os meses ata que desistiron no intento… mais Santi xa “o probara” e quería máis!

Dous anos máis tarde, o 11 de marzo 1993, Santi coincidiría por primeira vez con Josafat Pardo Iglesias. Ese día a lendaria banda de Nova York "The Ramones" tocaba no Coliseum de A Coruña e, por supuesto, todas e todos os rockeiros acudirían á cita, entre eles Santi e Josafat, un mozo de Arteixo nado en 1977 que, dende moi cativo, mantiña contacto coa música a través de seu irmán maior Jesús. Santi e Josafat, que empezara a tocar a guitarra por aqueles días, coñeceríanse alí, no Coliseum, e non tardarían en ter proxectos comúns, aínda que antes disto os dous irían avanzando no eido musical por camiños separados, Santi formando distintos grupos polos que pasaría un montón de xente, e Josafat crearía, xunto a seu irmán Jesús, Alberto García (o baixista da primeira banda de Santi) e outros amigos, o grupo M.O.K.

E así, pouco a pouco, os dous rapaces iríanse formando e aprendendo como podían, todo de oído e por instinto, sen ningún tipo de formación, fixándose en discos, vídeos e, por suposto, nos concertos aos que acudían constantemente, tendo naquela altura varios referentes cercanos: o grupo "Troleblues", do que formaban parte dous músicos de Arteixo, "Os Diplomáticos de Monte-Alto", "Mac n Rones", "Doctor Snob"… Ensaio tras ensaio, foron avanzando mais, iso si, sen chegar a debutar en directo ata que, por fin, en 1994 Santi e Josafat deciden unir forzas e formar unha banda xuntos, nacendo así "Cuidado Arriba". Nun principio, Josafat compartiría actividade con M.O.K. ata que, finalmente, este grupo desaparece e se adica única e exclusivamente a "Cuidado Arriba".

Primeira formación de "Cuidado Arriba" (1994-1996). De esquerda a dereita: César Díaz (voz), Josafat Pardo (guitarra), Rubén Marcote (baixo), Santiago Martínez (batería) e David Gayoso (guitarra)

Na primeira formación desta banda figuraban Santi, Josafat, o guitarrista da Coruña David Gayoso, Ruben Marcote e César Díaz, mozo de Pastoriza que andando no tempo convertiríase nun gran artista cos deseños gráficos da súa autoría, entre eles os das obras teatrais “Porlier en Pastoriza” e “Rodríguez, o loro de Picadillo”. Sería no baixo do negocio do pai de César, "Talleres Europa", onde comezan a ensaiar os "Cuidado Arriba", un nome que proviña precisamente deste local que tiña o teito tan baixo que instrumentos e cabezas batían nel cada dous por tres, feito polo que alguén sempre exclamaba:

- Cuidado arriba!

Desde o primeiro momento teñen claro que queren facer temas propios, e a isto se adican durante un tempo nos ensaios nos que, de cando en vez, tamén tocaban algunha versión polo medio. Ao fin, o 13 de maio de 1995 "Cuidado Arriba" debuta en concerto e, durante ese ano, darían sete concertos máis por parroquias de Arteixo, actuando ademais nun local da Coruña e no Pub d'anton da Laracha, auténtico referente da época.

Posteriormente, no verán de 1996, produciríase a primeira baixa no grupo: Rubén Marcote, que sería sustituido por Iván Rodríguez Espinosa. A continuación, meses de ensaio para chegar ao 20 de decembro dese ano 1996, data na que Iván dá o primeiro concerto co grupo, un concerto que sería o derradeiro para a formación xa que se desintegraría días despois. Santi e Josafat quédanse de novo sen grupo, mais con gañas de seguir e cun novo cómplice: Iván Rodríguez, un rapaz nado en 1979 e que naquela altura era coñecido porque seus pais rexentaban "Fotos Rodri", o popular negocio fotográfico de Arteixo.

Así, pois, xa temos o núcleo de "7 Puertas", mais aínda faltaría bastante para chegar ata aí. En 1997 Santi, Josafat e Ivan están dispostos a resucitar "Cuidado Arriba" como sexa. Necesitaban seguir tocando! E consígueno xunto a Víctor Iglesias, referente xa naquela altura da música na bisbarra que actualmente dirixe a Escola Municipal de Música de Arteixo, e unha descoñecida Betty Queiro (hoxe popular pola súa academia de inglés), á que enredan para que cante con eles. Non tardarían en compoñer temas e en facer ensaios, que realizan nas casas de Barbada que estaban na actual rúa peonil e así, con esta formación, conseguirían dar outros seis concertos ao longo dos anos 98 e 99 antes de que, de novo, desaparecese o grupo. 

Segunda formación de "Cuidado Arriba" (1997-1999) De esquerda a dereita: Víctor Iglesias (teclado), Santiago Martínez (batería), Betty Queiro (voz), Josafat Pardo (guitarra) e Iván Rodríguez (baixo)

Naquela ocasión, o cansazo e a frustración afectarían considerablemente nas vidas dos músicos arteixáns, quenes pasarían uns anos sen apenas tocar nin ensaiar, facéndoo só esporádicamente cando Santi, Josa e Iván sentían nostalxia e se xuntaban para tocar uns intres.

E así chegamos ao ano 2002 onde, un día das festas do Apóstolo de Arteixo, Santi mantén unha conversa con Hugo Pardo, o irmán pequeno de Josafat, na que este lle conta que está aprendendo a tocar a guitarra mais, ao non ter con quen tocar, pensaba en deixalo. Santi ofrécelle a posibilidade de ensaiar de cando en vez e, ao pouco, chamarían a Iván Rodríguez para que os acompañe. Posteriormente tamén avisarían a Josafat, que se une a eles e empezarían a compoñer de novo. Só lles faltaba a voz, voz que consiguen a través dun anuncio que poñen en "Musical 47" de A Coruña ao que responde Antonio Martínez López, que se convertiría, deste xeito, no cantante do grupo.

Antonio, ferrolán de nacemento e con familia natural de Cedeira, despois de estudar en Santiago trasladaríase á cidade da Coruña por motivos laborais, un Antonio que anos antes recibira formación de piano e que, ao encontrar aquel anuncio que reclamaba cantante non o pensou dúas veces e decide embarcarse neste proxecto musical que nacía ao pouco como a primeira formación de "7 Puertas", nome que viña dado por aquel bar de tapas que había na Coruña situado fronte ao mítico “La Bombilla”, un “7 Puertas” no que Santi pasara moitas horas soñando con montar un grupo mentres lataba da Academia San Andrés.

Primeira formación "7 Puertas" ( 2002-2006). De esquerda a dereita: Iván Rodríguez (baixo), Josafat Pardo (guitarra), Santiago Martínez (batería), Antonio Martínez (voz) e Hugo Pardo (guitarra)

A banda prepararía de contado os seus primeiros temas e, o 26 de decembro de 2003, debutan en directo na Laracha. Ao ano seguinte, 2004, seguen aumentando o seu repertorio e dan outro par de concertos, e xa no 2005 gravan a súa primeira maqueta, que lles servirá de soporte para a súa primeira xira de concertos por boa parte da xeografía galega. Naquela altura, o recibimento da banda en cada unha das súas actuacións era tremendo, feito que lles anima a continuar compoñendo e a preparar cancións coa intención de cumprir o soño de gravar o seu primeiro disco.

Aquel soño faríase realidade a finais de 2006, que foi cando comezan a gravación da súa estrea discográfica mais, cando tiñan prácticamente gravado o disco, Antonio Martínez decide abandonar o grupo por motivos laborais e persoais. “7 Puertas” quedaba, deste xeito tan surrealista, cun disco a medio gravar e sen cantante. Mais o destino quixo que se cruzara con eles Sergio Ramos, un veciño de Chamín vello coñecido de Santi, que non tardaría en incorporarse aos ensaios para facerse cargo das voces do disco.

Finalmente, o traballo vería a luz o 27 de xuño do 2007 baixo o título “Hasta el final”, feito que se convertiría nun verdadeiro acontecemento no municipio, xa que era a primeira vez que un grupo formado por integrantes nados en Arteixo gravaban un disco. Os rapaces de “7 Puertas”, rememorando os tempos dos “Tarantos”, aquela banda dos 70 que editara algún disco e na que tamén había algún veciño arteixán, non facían máis que recibir os parabéns de veciños e veciñas na rúa, no super, no videoclub… bos momentos que, segundo nos contou recentemente Santi, Santiago Martínez, lembran con moitísimo cariño e os fixo sentir moi, moi especiais.

Despois de que o disco vira a luz, os “7 Puertas" arrancan unha nova xira de concertos por toda Galicia para presentalo, xira na que empezan a conseguir os seus primeiros cheos en salas de A Coruña, Culleredo, A Laracha… e, ademais, visitan Ferrol, Lugo, Melide, Monforte… cidades e vilas nas que o grupo arteixán sería quen de facerse un oco na escena musical galega. O 2008 adícano a compoñer temas para intentar gravar un novo disco no 2009, ano no que Sergio Ramos vese na obriga de abandonar o grupo momentáneamente por motivos laborais. Como para ese 2009 os “7 Puertas” tiñan un feixe de concertos pendentes, deciden pedirlle axuda de novo a Betty Queiro para sacar esos compromisos adiante.

Unha vez terminados, os artistas arteixáns continuarían compoñendo e arranxando cancións ata que Sergio Ramos retorna, facéndoo de novo a tempo de entrar ao estudio para rexistrar o seu segundo disco. O 12 de febreiro de 2010 sae "Una entre un millón" e, dende o primeiro momento transpórtaos a un novo nivel de popularidade que acadarían coa axuda dos seus singles "Equilibrio", tema e videoclip no que colabora con “7 Puertas" o cantante de “Heredeiros da Crus” Javi Maneiro, e "Llamame", canción na que contan coa colaboración no videoclip de Marta López, que entraría como concursante de Gran Hermano naquela altura e que dispararía as visitas do devandito videoclip.

Segunda formación "7 Puertas" (2006-2011). De esquerda a dereita: Hugo Pardo (guitarra), Iván Rodríguez (baixo), Sergio Ramos (voz), Santiago Martínez (batería) e Josafat Pardo (guitarra)

Posteriormente, farían unha nova xira durante os anos 2010 e 2011 por toda a xeografía galega, unha xira na que tamén saen por primeira vez da súa terra dando concertos en Castela e León, Asturias e Madrid. Ademais, os arteixáns tocarían con algúns dos seus ídolos como Shuarma, cantante de "Elefantes", ou Santi Campillo, guitarrista de “MClan”.

As críticas das súas cancións e dos seus concertos non podían ser mellores. As vendas dos discos así o respaldaban mais, no mellor momento do grupo, Sergio Ramos ten que abandonar “7 Puertas” definitivamente. O pau sería moi grande... todo o traballo... toda a ilusión… de súpeto, todo se truncaba. Case que por inercia chega 2012 e, con el, o décimo aniversario do grupo.

Nun intento de mantelo vivo e de gañar tempo para ver se Sergio Ramos retornaba de novo, deciden organizar un evento para celebrar o seu décimo aniversario. Por aqueles días, gravan un disco de versións, de grupos que os influenciaran ao longo da súa carreira, acompañados de cantantes de distintas bandas galegas coas que tiñan amistade e que suplen a falla de Sergio Ramos. Naquela altura, os “7 Puertas” tamén organizarían un concerto no Auditorio de Arteixo no que os cantantes que gravaron o disco acompañan ao grupo arteixán.

Os meses seguintes irían transcorrendo mentres compoñían novas cancións e agardando a que pasara algo… e tanto que pasaría, xa que Hugo Pardo abandonaría tamén o grupo. Unha vez máis Santi, Josafat e Iván volvían a quedarse sós. Ese sería o momento máis baixo na carreira do grupo, un momento no que realmente están a piques de poñerlle punto e final á historia de “7 Puertas”.

Mais, como non podía ser doutro xeito, sacan de novo forzas de fraqueza e retorna ao grupo Antonio Martínez, o seu primeiro cantante, desta volta para facerse cargo de piano e teclados, a súa posición natural, e tamén fichan a Raquel Vinuela, a nova voz da banda arteixá, unha banda que tocaría bastante durante o 2014 e os primeiros meses do 2015 mais, finalmente, o proxecto non callaría.

Con todo, estaban de novo coas pilas cargadas e pouco despois, en maio do 2015, incorporaríase ao grupo para ocupar a voz principal Fernando Quiroga Luces, un cantante que procedía de bandas como "Caminos Cruzados" ou "Alba Rusa". Fernando, músico experimentado, encaixaría de contado na filosofía musical e persoal de “7 Puertas” e, tras medio ano de ensaios, debutan nun festival solidario na discoteca “Moon 57”, onde o recibimento sería fantástico. Meses máis tarde, tamén tocarían no 50 Aniversario da discoteca “Pazos” da Laracha xunto a “Os Revenidos”. Con aquelas actuacións, os “7 Puertas” recuperarían as gañas e a ilusión que lles faltaba e irían collendo ritmo e confianza grazas, en gran medida, ás novas incorporacións, que se adaptarían estupendamente ao engrenaxe e á idiosincrasia do grupo de Arteixo.

Última formación de "7 Puertas" (2018-) De esquerda a dereita: Josafat Pardo (guitarra), Antonio Martínez (teclado), Iván Rodríguez (baixo), Fernando Quiroga (voz), Santiago Martínez (batería) e Óscar Fernández (guitarra)
E así, ao pouco, deciden encerrarse para compoñer e crear un novo disco, un proceso no que son conscientes de que necesitan unha guitarra máis para defender as cancións na futura xira, incorporando a Óscar Fernández Crespo, un veterano da escena musical coruñesa, bo guitarrista e bo amigo co que xa compartiran aventuras e escenario ao longo dos últimos anos. O grupo convertíase, por primeira vez, nun sexteto e con esta formación gravan un novo disco que leva por título "Siete Puertas", título que para os arteixáns é un novo comezo, unha nova etapa e, sen dúbida, é o disco máis "7 Puertas" xa que son eles mesmos os que realizan todos os procesos: composicion, gravación, masterizacion… un disco que editarían o 14 de decembro de 2018 e que presentaban en directo o día 22 do mesmo mes. En febreiro do 2019 iniciaron unha nova xira. Non sabemos o que lles deparará o futuro… mais de seguro que seguirán adiante!

Ningún comentario:

Publicar un comentario