O DÍA QUE VAN BREUKELEN ESTIVO EN MEICENDE
De seguro que moitos afeccionados ao fútbol da contorna lembran algunha das espectaculares intervencións de Hans Van Breukelen, aquel lendario porteiro neerlandés que, tras alcanzar o súmmum en 1988 gañando a Copa de Europa co P.S.V. Einhoven e a Eurocopa do mesmo ano con aquela Holanda irrepetible de Rijkaard, Gullit e Van Basten, rubricou a súa sinatura na tradición de grandes arqueiros da historia.
Hans Van Breukelen |
Os anos 80 foron proclives a ir cambiando a regla non escrita de contar con xigantes baixo os paus. Se ben esta tradición, expandida a través do exemplo de Sepp Maier, nunca se perdeu, sí que os porteiros largos como arañas ao estilo de Walter Zenga ou Andoni Zubizarreta comezaron a ser máis cotizados pola, cada vez, menor tendencia a encontrarse dominadores da área que controlaran o xogo aéreo como eles. A estela que vai dende o belga Jean-Marie Pfaff a Abel Resino, pasando por Paco Buyo, foi a moda que predominaba en aquela época. Eran gardametas que rondaban o metro oitenta cos reflexos máis desenvolvidos que outras tarefas básicas que entrañaban a súa posición: saída por alto, despexe de puños ou todo o relacionado a fumigar a sensación de perigo dos equipos rivais, de unha maior tendencia ao centro desde as bandas que nos anos post-Cruyff. Dentro desta fornada de porteiros, Hans Van Breukelen xurdiu como o híbrido perfecto entre estas dúas clases de porteiros sendo, entre outras cousas, o precedente máis significativo dun da actualidade como Ter Stegen.
Chegados a este punto, seguramente que vos preguntaredes o motivo polo que Van Breukelen figura neste libro. Pois ben, antes de converterse no enorme gardameta que foi, o ex futbolista dos Paises Baixos protagonizou xunto aos seus compañeiros da selección sub-20 unha anécdota en Meicende que contamos de seguida.
Viaxamos ata xaneiro de 1980. Con ocasión do partido amigable que as seleccións absolutas de España e Holanda tiñan que disputar no estadio vigués de Balaídos o 23 de xaneiro, a Federación Española de Fútbol, matando dous paxaros dun tiro, organizou na Coruña outro choque entre os combinados sub-20 de ambos paises. O motivo da disputa deste partido, que se xogaría en Riazor un día antes que o de Vigo, era a máis que merecida homenaxe que a Federación Española, naquela hora presidida por Pablo Porta, quería rendenderlle ao fútbol modesto herculino do que saíran figuras como Luís Suárez, Amancio, Reija, Chacho, Acuña, Pedrito, Manolote, Pellicer e un longo etcétera ata chegar aos deportivistas Pardo II e Serafín, dous novos valores da canteira coruñesa que Pereda, o seleccionador español sub- 20, convocara para aquel partido.
Van
Breukelen e os seus compañeiros fixeran
viaxe, xunto con todos os enviados especiais e a selección absoluta,
dende o seu país ata o aeroporto de Peinador. No
medio dun forte vento, o
avión Boeing
737
tomaba terra ás tres menos vinte da tarde do luns 21. Minutos
máis tarde Durán, directivo da Federación Galega, recibía aos
xuvenís holandeses antes
de que emprenderan
viaxe a A Coruña, a onde chegaron sobre as sete da tarde. A
expedición neerlandesa estaba formada por Van Praag, vicepresidente
da Federación; os delegados Van der Krof e Schomaker; o médico Van
der Enst; o fisioterapeuta Van
der Bildt; o adestrador Blok e os
futbolistas Kaiser (Antwerp);
Bergenhenegoullen (AZ´67); Weysters (AZ´67); Dungen (Den Bosch);
Troost (Feyenoord); Balm (Haarlem); Lokhoff (NAC); Jol (Twente);
Lengkeek (Sparta); Verbeek (Sparta); Bleuning (Twente); Scheve
(Twente); Carbo
(Utrecht) e Van Breukelen (Utrecht). Martin
Jol, que antes de recalar
no Twente xogara un ano no Bayern Munich, e o porteiro Hans Van
Breukelen eran os únicos xogadores tulipáns
que tiñan máis de 20 anos.
Unha vez instalados no Hotel Finisterre, os sub-20 de Holanda tomaron un lixeiro aperitivo e, a continuación, dirixíronse cara o campo grande de Meicende para realizar exercicios de estiramento e tocar algo o balón manobrando durante tres cuartos de hora no pésimo terreo de xogo que naquela hora era o devandito campo. Como claro índice do deplorable estado destas instalacións, dicir que non había nin auga fría nin quente debido a que o domingo 20 celebráranse alí partidos de competición e os depósitos estaban baleiros. Hai que engadir que, naquela época, o campo de Meicende non tiña traída de auga e, para poder ducharse alí os futbolistas, había que encher previamente os depósitos levando o líquido elemento nun camión cisterna.
![]() |
Bolk, adestrador sub 20 holandés, dirixindo o adestramento en Meicende (El Ideal Gallego, 22 de xaneiro de 1980) |
Posteriormente, logo de entregar no local do Sporting Meicende uns banderíns e unhas insignias en agradecemento á xentileza da entidade ao ceder as súas duchas, os holandeses regresarían ao hotel Finisterre onde tiñan previsto cear ás 21:45 horas.
![]() |
El Ideal Gallego, 22 de xaneiro de 1980 |
ESPAÑA: Agustín, Diego, Manolo, Carreras; Lumbreras, Pardo II; Pedro Pablo; Merallo, Luque, Prieto e Víctor. Na segunda parte Serafín sustituiu a Víctor, Gregori a Pardo II, Ondina a Lumbreras e Cedrún a Agustín.
HOLANDA: Van Breukelen, Scheve, Jol, Troost, Veerbeek, Weysters, Lokhoff, Bleuming, Lengkeek, Valke e Kaiser. Tralo descanso Carbo sustituiu a Bleuming e Balm a Weysters.
Para o recordo tamén queda o partido das seleccións absolutas disputado en Balaídos o mércores 23, un amigable que estivera a piques de non chegar a súa conclusión por mor dunha avaría na iluminación eléctrica. O ridículo espectáculo acontecido no estadio de Balaídos, onde o encontro se cadra superou unha marca mundial ao durar máis de dúas horas e media, rozou os límites do escándalo. Tras unha serie de idas e voltas por parte dos contendentes máis propias dun espectáculo circense que dun partido de fútbol internacional, España acabaría vencendo por 1-0 aos subcampións do mundo.
Pola súa banda, despois de aquel adestramento en Meicende e do partido de Riazor, Hans Van Breukelen continuaría defendendo a portería do F.C. Utrecht, o club da súa cidade natal no que debutara como profesional en 1975, ata que despertou o interese do mítico Nottingham Forest de Brian Clough, un equipo que, despois de acadar a gloria coas súas dúas Copas de Europa de 1979 e 1980, enfrontábase á marcha de Peter Shilton, o seu líder espiritual, ao final da tempada 1981/82. A perda dun dos porteiros máis emblemáticos que deran as Illas Británicas levarían aos dirixentes do Nottingham a tomar a decisión de pescar en terras holandesas.
Van Breukelen non deixou escapar a oportunidade mais, desgraciadamente, unha inoportuna lesión ao pouco de chegar a Inglaterra apartaríao catro meses dos terreos de xogo. O seu segundo ano no Nottingham non fixo máis que confirmar a virtude máis valorada en todo sentinela das redes que se prece: a seguridade. Un terceiro posto no campionato ligueiro, a non máis de seis puntos do campión, o indomable Liverpool, e once xornadas coa portería a cero certificaron o acerto da súa contratación. Mais, con todo, a falla de entendemento entre o conxunto británico e a selección holandesa sobre as convocatorias ás que debía acudir selou a súa decisión de retornar ao seu país ese mesmo ano. Aquel holandés de pura cepa non quería deixar na estacada a Holanda, en pleno proceso de trasvase xeneracional, coas novas perlas do Ajax e PSV Eindhoven aportando rédito a unha renovada explosión da libreta táctica de Rinus Michels.
O retorno do fillo pródigo fíxose efectivo no PSV Eindhoven, de donde xa non se movería ata colgar os guantes. Dez anos baixo os paus dun grupo inesquecible, con xogadores como Gerald Vanenburg, Ronald Koeman, o belga Eric Gerets, Wim Kieft e, sobre todo, o Ruud Gullit máis espectacular que se recorda. Coa axuda de xogadores deste calibre, Van Breukelen puido facerse con nada menos que seis ligas e tres copas holandesas. Ademais, entre medias, viviu un ano de gloria indescriptible, 1988, cando se fixo coa Copa de Europa en maio e coa Eurocopa en xuño. Sobre todo, no primeiro caso, o trofeo debería levar gravado o seu nome entre aspas. A súa influencia foi de tal dimensión que fixo gañar a un equipo que, desde cuartos de final, selou todos os partidos con sendos empates. De feito, nunca un porteiro tivo tal transcendencia na consecución dun trofeo internacional.
Curiosamente, naquel ano de 1988 Van Breukelen voltou a A Coruña. Pasaran oito anos dende que o fixera por última vez. Na súa memoria aínda se conservaba a anécdota do adestramento de Meicende que, seguramente, comentaría cos seus compañeiros. Desta volta viña para xogar co PSV Eindhoven o Teresa Herrera, un trofeo que viaxaría aos Paises Baixos despois de que os futbolistas de Guus Hiddink derrotaran na final ao Atlético de Madrid por 3-1.
Como non podía ser doutro xeito, o noso protagonista retiraríase no PSV ao finalizar a tempada 1993/94. A día de hoxe aínda se recorda pola súa gran envergadura de brazos, as súas equipacións azuis, a súa habilidade para deter penaltis e, por suposto, polas lendarias actuacións como as realizadas no partido de volta de semifinais da Copa de Europa de 1988 celebrado no Bernabeu coas que, boa parte da afección do Real Madrid, segue tendo horribles pesadelos!
ENTREVISTA A LORIS BENITO 14.07.2021
Nado o 7 de xaneiro de 1992 en Aarau, a capital do cantón suízo de Argovia, Loris é fillo do asturiano Enrique Javier Benito e de Mari Luz Souto, unha veciña da parroquia arteixá de Pastoriza que, ao igual que xa fixeran décadas antes seus pais Jesús e Claudina, emigrou a Suíza a mediados dos anos 80. Malia que xa leva boa parte da súa vida residindo do país centroeuropeo, Mari Luz non hai día que non lle acorde o seu lugar de nacemento e as amizades da súa infancia. Sempre que o seu traballo llo permite, viaxa á súa querida patria chica co seu fillo Loris, quen espiritualmente vai estar unido de por vida á terra de súa nai, xa que se bautizou no Santuario de Pastoriza en xuño de 1992.
Lateral esquerdo rápido, de gran calidade técnica e de enorme talento, Loris xoga no Girondins de Burdeos dende a tempada 2019/20 e vén de participar con Suíza na Eurocopa, onde a súa selección realizou un papel extraordinario. Concluída a competición continental, o noso protogonista desconectou uns días en Pastoriza coa súa familia e sentouse con CRÓNICAS DE ARTEIXO e coa revista O DEZ para charlar de fútbol e de outros temas de interese.
![]() |
Loris Benito Souto coa bufanda do Pastoriza S.C.D. |
Pregunta: Vostede tivo a oportunidade de debutar na Eurocopa xogando uns minutos contra Turquía na primeira fase. Como foi ese momento?
Resposta: Era a primeira Eurocopa que xogaba, xa que, na anterior, manqueime xusto un mes antes de viaxar a Francia. Foi un momento moi especial, e non só para min. Aínda que o fútbol é un deporte de once xogadores, cando entras no campo sénteste bastante só, porque estás ti coas túas emocións. Foi especial porque non só pensas en ti, se non tamén en todos os que te acompañaron ao longo da túa carreira deportiva. A familia tivo un lugar moi especial nese momento de entrada ao campo. Pensei en miña nai, en meus avós, en meu pai, en meus tíos… Creo que foi un orgullo moi grande para todos e tamén para min, claro, porque sentín que a vida me devolvía algo despois do sacrificio dos anos da infancia e do traballo de tanto tempo.
![]() |
Momento no que Loris debutou na Eurocopa con Suíza |
P. : Logo, despois da primeira fase, chegou o éxtase contra Francia nos oitavos de final. Como viviu vostede o partido contra os galos como futbolista que xoga nun equipo francés?
R. : Diría que o vivín cunha motivación extra para darlles unha pequena “labazada” xa que, ademais, eran un dos grandes favoritos. A dicir verdade, dos futbolista que xogaron non había moitos da liga francesa; creo que no campo só había dous: Kimpembe e Mbappé, que xogan no PSG. Con todo, para min foi un partido bastante especial. Teño moitos amigos e compañeiros de Francia que estaban pendentes do partido agardando e desexando que nós perderamos. Algúns enviáronme mensaxes dicindo que si, que Suíza fixera bo papel e tal pero que despois de xogar contra eles tiñamos que facer as maletas e despedirnos da Eurocopa. E por iso, a victoria contra Francia foi aínda moito máis doce porque ninguén a agardaba; poucos apostaban por nós.
P. : E contra España en cuartos?
R: : Aínda foi moito máis especial que contra Francia porque estaban pendentes a miña familia e amigos de España, todos os que me viron medrar e tamén os que me seguen dende que era un neno, dende que veño aquí a pasar as vacacións coa familia. Todo o mundo estaba moi pendente deste partido, que para nós foi unha plataforma enorme para falar aínda máis do que xa lográramos en oitavos. Foi un partido moi especial que rematou dun xeito triste por non pasar as semifinais nos penaltis. E triste tamén por que non xoguei, claro, pero moi agradecido da experiencia de poder formar parte dos mellores xogadores de Suíza e de participar nunha Eurocopa.
P.: Tivo compañeiros con pasado en Galicia e curiosamente, no partido de cuartos de final contra España, había dous galegos no once helvético, Ricardo Rodríguez e vostede, e ningún en “La Roja”. ¿Houbo algún comentario ou broma no vestiario sobre isto?
R. : Sí. Fabian Schär xogou no Deportivo. Falamos moito da Coruña e, cando pasou polo Dépor, estabamos sempre en contacto. Moi bo compañeiro e excelente xogador ao igual que Ricardo Rodríguez, que tamén ten familia galega aínda que non sei canto tempo pasou en Galicia. A dicir verdade, non falamos moito do seu pasado aquí. Non sei se ten as raices tan profundas en Galicia como as teño eu, que pasei moito tempo da miña vida aquí. Preguntareille. A parte diso, coa xente de Pastoriza e coa miña familia si que falamos dese chiste lindo. O que non sei é porque non hai galegos na selección española. Chamoume moito a atención que non estivera Iago Aspas, que fixo unha tempada fantástica.
![]() |
Loris Benito co último número da revista O Dez |
P. : A actuación de Suíza foi excelente. ¿Sorprendeulle que a súa selección fora tan competitiva?
R. : Para nada. Sabemos que xogadores temos e, por riba, somos un gran equipo. Foi moi importante gañar confianza a medida que íamos avanzando na competición. Foi moi gratificante e a aprendizaxe para nós foi brutal.
P. : Xusto o triunfo de Italia?
R. : Merecido. Absolutamente. Vin a un equipo que xogou coma un equipo, que tiña as ideas moi claras e que na miña opinión xogou un fútbol espectacular, con bandas que subían e baixaban. De feito, esa lesión de Spinazzola ténlle que doer a cada persoa que ama o fútbol porque empezar un torneo así, xogalo dese xeito e non poder acabalo é unha verdadeira pena. Para min Italia foi o equipo máis completo do torneo. Tamén me gustan as historias que creron por fóra tamén, especialmente a historia de Mancini, o míster deles, que non xogara nin un só minuto no Mundial de Italia. Esa dor quedoulle para toda a vida e por iso ningún dos seus futbolistas quedou sen xogar nesta Eurocopa. Iso demostra como estiveron, como funcionan e o gran espíritu do equipo. Para min, o triunfo de Italia foi absolutamente merecido.
P. : E agora, despois da Eurocopa, disfruta do merecido descanso na terra da súa familia materna e na que pasou momentos moi felices da súa infancia e xuventude ¿Que significa para vostede Pastoriza e Arteixo?
R. : Moitísimo, moitísimo. Bueno, empezando pola familia, é o lugar das raices de miña nai e eu síntome moi conectado con todo o que iso significa. Non só é chegar ao aeroporto de Santiago ou da Coruña e saber que vas en coche a Pastoriza. Non, tamén é a infancia que pasei aquí cos amigos que teño dende que empecei vir de vacacións á Choupana, o noso barrio, e coñezo a moitísimas persoas que me teñen moitísmo cariño que me fan sentir como si fora un deles, malia que só botaba aquí dúas ou tres semanas xa que despois tiña que voltar a Suíza. E alucinando no que se converteu Pastoriza! Cando era cativo, diante da miña casa había un campo onde pasaba horas e horas cos meus amigos, xogando á pelota, en bici... De feito os primeiros momentos coa pelota foron no xardín de meus avós e na rúa, tirando contra os portais, xogando a xogos que non sei dicir o nome. Bueno, moitísimos recordos moi lindos que sempre me fixeron sentir moi feliz. Ese sentimento de sentirse en casa, de ter a túa familia aquí... iso é moi profundo e iso é o que Pastoriza significa para min. É unha pena que as cousas cambiaran polo fútbol, e non pasei tantos momentos aquí nos últimos dez anos como a min me gustaría, pero claro unha vez que eres futbolista profesional os veráns están moi planificados. Por riba, ao xogar no estranxeiro as vacacións pásoas en Suíza porque teño á familia alí. Pero nada, moi agradecido por cada momento que pasei aquí, e sempre estou en contacto coa xente de Pastoriza o máis que podo.
P. : Eres consciente de que no partido contra España en Pastoriza había xente que quería que gañara Suíza. Unha destas persoas era túa avoa Claudina.
R. : Sí, pode ser, pode ser (bromas). Tamén houbo xente que dixo que lle valía a victoria de calquera dos dous equipos… moi lindo o pensamento ese!
![]() |
Loris en Pastoriza con súa nai Mari Luz, súa avoa Claudina e seu tío Jose |
P. : Participou no IV Campus de Verán da S.C.D. Pastoriza e foi homenaxeado polo club. Un dos asentos da bancada do Campo Municipal de Pastoriza vai levar o seu nome. ¿Profeta na súa terra?
R. : Foron momentos moi especiais. Foi algo do que me falou miña nai e díxome que o club levaba varios anos facendo campamentos de verán. Dinme conta claramente da importancia do campo novo que teñen, que me parece algo fantástico e espectacular. Home, dígoche… crecendo aquí e os veráns que pasei en Pastoriza, pois os meus campos de fútbol eran de terra, indo para a igrexa, aí detrás, nos montes ou na rúa. Así que agora, ao saber que hai un campo de fútbol de herba artificial a ese nivel, e que os nenos e as nenas poidan perseguir os seus soños, paréceme algo fantástico. E si, tiven o pracer de participar no Campus de Verán do Pastoriza. Ter a posibilidade de charlar con todos, e de estar aquí pasando un bo rato con eles neste pobo que tanto teño no meu corazón, pois non vexo mellor xeito de pasar o meu verán. Para min foi un día inesquecible que me encheu o corazón de amor. Máis que fútbol, foi un sentimento pastoricense. O meu agradecemento a todas as persoas presentes no acto pola fantástica organización, polo cariño e polo apoio que recibín.
![]() |
Imaxe tomada o 15 de xullo de 2021 na que vemos a Loris no IV Campus de Verán do Pastoriza S.C.D. |
P. : Outro fillo da emigración da zona, Ricardo Cabanas, que por certo ten familia aquí en Arteixo (Parrillada Cabanas de Larín) xogou con Suíza o Mundial de Alemaña do 2006. Un dos seus soños será xogar un Mundial, imaxino.
R. : Absolutamente. Claro, como futbolista, pois ao lograr un obxectivo queres máis, e ser outro galego que xoga con Suíza un Mundial sería un soño, un soño que quero e que estou convencido que vou a cumprir.
P. : Ricardo Cabanas tamén disputou dous partidos coa selección galega. ¿Vostede acudiría a unha hipotética chamada?
R. : Bueno, teño a familia dividida en dúas partes. A materna en Galicia e a paterna en Asturias. Pero claro, si nalgún momento teño a posibilidade de xogar algún partido coa selección galega pois eu encantado. Imaxínate a familia de aquí. Sería un momento incrible. Pero bueno, creo que xa cumprín moitos dos meus soños formando parte de Suíza na Eurocopa. Foi un momento especial para todos nós. O que está claro é que sexa cal sexa o equipo no que xogue, a miña familia sempre estará aí, detrás miña. Estou moi orgulloso de saber que teño esa forza detrás. Iso é o que me fai lograr todo.
P. : Nalgunha ocasión confesou o seu cariño polo Deportivo. ¿Como ve a situación actual do equipo?
R. : É difícil. Hoxe estiven falando cun amigo sobre esta situación porque el tamén me preguntou que é o que está pasando. E a resposta que podo dárlle é que non o sei. É unha pena porque, claro, fai moitos anos que sigo ao Dépor, empezando cos anos do SuperDepor, dos anos da Liga, dos xogadores míticos… bueno, vas medrando con ese mito do Dépor. O que me parece unha pena é que, visto dende fora, creo que non foron só razóns deportivas polo que pasou o club, ou iso creo. Eu o que lle desexo ao Deportivo é que encontre esa tranquilidade como institución, porque é unha verdadeira institución en Galicia, e que poidan volver a traballar fútbol, enfocarse no que é o fútbol e volverá a estar en Primeira División, porque para min o Dépor non pode estar onde está. O inicio do camiño cara un futuro mellor, se cadra foi o triunfo do equipo xuvenil no Campionato de España. Eu en Suíza vivín unha situación semellante no Young Boys. Tivemos cambio de director deportivo e outra serie de cambios no club. E comprobei que habendo tranquilidade nun equipo, o nivel de dirección pode cambiarche todo, e iso é moi importante.
![]() |
Loris Benito e Xabier Maceiras cun exemplar de 100 anos de fútbol en Arteixo e a Laracha, libro no que Loris é un dos protagonistas |
P. : Ten un ano máis de contrato co Girondins. ¿Cómo se presenta o futuro?
R. : Quero cumprir o meu contrato. Estou feliz en Burdeos e en Francia.
P. : Vostede disputou o campionato de Suíza, o de Portugal e o de Francia. ¿Verémolo algún día na Liga española?
R. : Bueno, os soños son para cumprir e claro, non podo obviar a Liga española. Sígoa dende que era pequeno e sería un soño enorme poder xogar nela. É a terra de meus pais. Pero claro, sempre depende un pouco do mercado. Si poidera elexir, claro que xogaría en España, pero iso depende de moitas cousas. Estou convencido de que algún día cumprirei ese soño e oxalá sexa máis pronto que tarde. De momento débome ao Girondins onde, como dixen antes, estou moi feliz.
P. : E se non chega a oportunidade en España, onde lle gustaría xogar ¿na Premier ou na Bundesliga?
R. : A ver, Suíza como país está moi cerca de Alemaña. A Bundesliga é un campionato que siguen moitos suízos e que posiblemente coñeza un pouco mellor que a Premier… pero a Premier é a Premier! É unha competición mítica e para min xogar alí é o soño máis alto.
P. : Por certo, na Bundesliga está agora de adestrador do Bayer Leverkusen outro fillo da emigración da bisbarra, o seu amigo carballés Gerardo Seoane.
R. : Bueno, eu adoro a Gerardo, adóroo como persoa e como adestrador. Obviamente se el me chamara (risas) non o tería que pensar dúas veces. Para min foi moi especial. Encántame o seu fútbol e está onde está porque é moi bo no seu traballo. Cando estiven baixo as súas ordes no Young Boys deume moita confianza e foi moi importante na miña carreira. Grazas a el, xogo coa confianza máxima en todos os partidos.
P. : E na Bundesliga, no Leipzig, tamén está Angeliño, o futbolista de Coristanco.
R. : Moi bo xogador, espectacular a súa evolución e futbolista que xoga na mesma posición que a miña. Vendo a súa incrible tempada tamén me chamou a atención que non estivera con España na Eurocopa.
P. : Vostede tivo a oportunidade de disputar a Champions, outro fito da súa carreira deportiva.
R. : Foi incrible. Primeiro xoguei esta competición co Benfica en 2014. Despois, co Young Boys. O himno da Champions é bestial. Pónseche a pel de galiña. Quero volver a escoitalo.
P. : ¿Quen foi o seu ídolo na infancia?
R. : Un dos meus grandes ídolos foi Rivaldo. Cando empecei a xogar ao fútbol era máis centrocampista que defensa. Era centrocampista atacante, zurdo, coma el. Eu era o número 11 por el, e sempre dixen que sería fan do equipo no que xogase Rivaldo. Deixei de seguilo cando foi xogar a Uzbekistán. Despois, co paso dos anos, tamén me gustou moito, pola súa posición e pola súa forma de xogar, Steven Gerrard, o xogador inglés do Liverpool. Era un líder nato. Identifícome moito con el porque é o que quero ser no campo. Pola forma de xogar e de levar o equipo, para min Gerrard sempre foi un exemplo a seguir.
P. : E na actualidade, ¿algún xogador que admire ou co que se identifique especialmente no seu posto de lateral esquerdo?
R. : Bueno, admiración teño por moitos futbolistas aínda que non teñan nada que ver co estilo do meu xogo. Por exemplo Marcelo, que temos que mencionalo porque creo que é un dos mellores que xogaron nesa posición; Roberto Carlos, outra forma de xogar, pero moi eficaz; e aínda que é na outra banda, e que agora xoga de central, Sergio Ramos tamén me gustou moito nos seus inicios como lateral. É dificil mencionar soamente a un futbolista. Spinazzola, que xogou na Eurocopa nesa posición, é un xogador espectacular. Creo que esa é a forma moderna de interpretar esa posición. Aínda que Italia xogou cun 3-4-3 ou cun 3-5-2, Spinazzola fixo a banda só, que é diferente ao que a min me gusta xogar, e creo que el interpretou perfectamente o que é o fútbol moderno nesa posición.
![]() |
Loris co Girondins de Burdeos, durante a disputa dun partido contra o PSG |
P. : Aínda que quedan moitos anos para que colgue as botas, ¿vése no futuro ligado ao mundo do fútbol?
R. : Canto máis tempo paso no fútbol sinto que quero pasar menos tempo fóra dos terreos de xogo unha vez que remate a miña carreira deportiva, porque vexo moitas cousas que non me gustan. Unha evolución, ou máis ben involución, que vai nunha dirección na que o diñeiro parece non ter fin. E, nalgúns casos, tamén se toman decisións que son máis por conexións que por feitos e calidade dos futbolistas. En fin, cousas que non me gustan. Pero eu son dos que digo que si algo non che gusta podes cambialo, e por iso si que me gustaría estar nunha posición dun equipo na que poida modificar ese camiño que está collendo o fútbol. Non me vexo como adestrador, iso non é para min. Véxome máis como director deportivo e poder levar un club e soñar con facelo grande. En definitiva, gústame máis o aspecto de confeccionar equipos e mirar o tema económico porque ves a moitos equipos que van aí co diñeiro e ao final eses clubs non teñen boa saúde.
P. : Refírese un pouco ao que pasou en Francia coas dúas caras da moeda, é dicir o PSG e o Lille.
R. : O feito de que o Lille gañara a liga é moi positivo para o ben do fútbol. Por riba o título foi moi merecido. Xogaron un fútbol espectacular cun equipo moi homoxéneo que estiveron así dende a primeira xornada ata a última con futbolistas que sobresaíron durante toda a tempada.
P. : Falamos do pasado, do presente e do futuro e, o que está claro, e que a súa vida, con balón ou sen el, estará sempre ligada a Pastoriza (bromas)
R. : Absolutamente. Non hai razón pola que non quixera voltar e sempre que poida virei aquí. Ademais, apetéceme moito chegar a un punto no que poida vir máis porque o meu tempo aquí sempre estivo limitado por mor das vacacións da miña carreira deportiva. Unha vez que me retire terei máis liberdade para poder vir máis, e máis a miúdo, e iso é o que quero porque síntome tan ben aquí e teño tanta xente á que lle teño cariño que obviamente vou a pasar moito máis tempo aquí... e non sei, se cadra algún día a miña propia familia pode ter as súas raices en Pastoriza.
![]() |
Loris, á esquerda da imaxe, no IV Campus do Pastoriza S.C.D. |
LOLO HERMIDA, A ESTRELA DE MEICENDE
Manuel Hermida foi outro dos grandes futbolistas da nosa contorna daqueles anos 50-60 dos que xa falamos nesta bitácora en máis dunha ocasión. Nado en Meicende en febreiro de 1939, é o terceiro dos catro fillos que tiveron Eduardo Hermida Mosquera e Enriqueta Rodríguez Barba: Eduardo, que era coñecido polo alcume de Diño e que faleceu aos 14 anos; Fernando; o propio Manuel; e José Luís, máis coñecido polo apelativo de Moncho e que traballou durante décadas no xornal El Ideal Gallego.
Os tres maiores virían ao mundo en Meicende nunha casa antiga de pedra hoxe inexistente que estaba situada na marxe esquerda da estrada a Pastoriza, un pouco máis adiante da que actualmente vai a Nostián, case en fronte da popular tenda de Lino. Moncho, o máis cativo, naceu na Silva, lugar ao que se mudaría a familia a finais dos corenta.
Eduardo e Enriqueta1, el da Coruña e ela de Nostián, filla de Enrique “O Leiteiro” e familiar dos Barba de Pastoriza que rexentaban o estanco na praza do Santuario, gañaban a vida traballando, respectivamente, como carpinteiro ebanista2 e como costureira da xastrería Pérez, negocio que estaba naquela hora na Avenida de Fisterra. Os Abeleiras, a familia de Eduardo, tiñan unha tenda en Meicende, lugar no que Manuel, Lolo para os seus amigos, empezou a darlle as primeiras patadas a un balón.
O noso protagonista inicia a súa carreira futbolística no equipo xuvenil do Imperátor, club ao que chega da man de seu irmán Fernando, que era o porteiro dos modestos. Unha vez rematada a súa formación nas categorías inferiores deste popular club do barrio herculino da Sagrada Familia, na tempada 1958/59 Lolo debuta co primeiro equipo formando unha liña media inesquecible con Morado, futbolista que andando no tempo xogaría na Segunda División co Ourense.
As actuacións co Imperátor íano levar a formar parte da lendaria selección da Coruña da época, unha selección imbatible integrada por estrelas que non ían tardar en fichar no Deportivo, casos de Aneiros, Guillermo, Jaime Blanco, Amancio Amaro e, por suposto, do xogador máis desequilibrante que había no fútbol modesto coruñés naquel intre, Lolo Hermida, figura que despois do seu bo facer no Imperátor, asinaría co cadro deportivista ao remate de aquela fantástica campaña 58/59.
Mais curiosamente, segundo o testemuño de seu irmán Moncho, a fichaxe do dianteiro de Meicende coa entidade da Praza de Pontevedra fora un tanto inesperada, pois, ata aquel momento, o equipo que amosara máis interese por contratalo fora o Real Oviedo, club punteiro naqueles tempos da Primeira División que presidira dende 1954 ata 1961 Francisco Silvela, familiar dos de “Casa Canosa” da Moura. Lolo Hermida decantárase polo Deportivo porque seu pai estaba enfermo e non quería deixar sós a súa nai Enriqueta e a Moncho, o irmán máis novo, en momentos tan difíciles.
Dada a insistencia realizada á directiva do Deportivo de seu pai Eduardo, que era presidente do Silva por aqueles anos, Lolo xoga cedido polo cadro deportivista durante a tempada 1959/60 no club que presidía o seu proxenitor. Eduardo estaba convencido de que, co seu fillo formando parte do equipo, o Silva sería quen de gañar a liga de Primeira División de modestos da Coruña, campionato polo que loitaron ata a última xornada co Santa Margarita, que contaba cun once de luxo integrado por futbolistas que, nalgúns casos, ficharían pouco despois no Fabril. Finalmente, o Silva ía quedar subcampión do torneo.
Grande atracción dos trofeos de verán cando reforzaba ao Sporting Meicende ou ao Nostián, o equipo da aldea de súa nai, ao finalizar a campaña 59/60 Hermida incorpórase ao Deportivo, onde disputa varios partidos amigables con Amancio, Jaime Blanco, Veloso e compañía antes de lesionarse. Lolo iniciara a súa carreira futbolística xogando no centro do campo, mais a súa gran capacidade goleadora levaríao a reconverter a posición no terreo de xogo pasando á liña de ataque. Futbolista desequilibrante cun caneo letal e cun remate de cabeza espectacular, tiña todas as condicións para destacar no primeiro equipo deportivista, mais unha inoportuna lesión de menisco e unha osteopatía de pube ían impedir o seu debut en partido oficial co Deportivo.
Para recuperarse da lesión e ir collendo pouco a pouco o ritmo necesario para competir na elite, Hermida xoga na Serie A Rexional co Deportivo B a tempada 1960/61 e, de alí pasou cedido ao Ordes que naquela altura presidía o Dr. Concheiro, bo amigo de Cebrián, o presidente do Deportivo. Tras un ano no cadro ordense, o de Meicende xoga a tempada seguinte no C.D. Lugo, onde coincide con Morado, o futbolista co que formara, uns anos antes, aquela formidable liña media no Imperátor. Con Hermida de figura estelar, malia a continuar cos problemas de pube e de menisco que o obrigaban a xogar infiltrado de xeito habitual, o once das murallas obtén o subcampionato do Grupo I de Terceira na campaña 1962/63 e, unha vez rematado o torneo ligueiro, queda ás portas da Segunda División ao ser eliminado na fase de ascenso.
![]() |
Imaxe do C.D. Lugo da tempada 1962/63. Hermida é o que está no centro da fila inferior e Morado é o terceiro pola dereita de fila superior (Cortesía de Moncho Hermida) |
Desvinculado do C.D. Lugo, o noso protagonista defende nas campañas seguintes as cores do Foz, equipo da Terceira División no que, entre outros, comparte vestiario co arteixán Jose María Mancebo e cos coruñeses Tomás, Benigno, Villamor ou Ricardo Aneiros -ex futbolista do Deportivo da Coruña- compañeiros cos que adestraba na Coruña pola semana e desprazábase en taxi o día dos partidos do Foz.
Finalizada a súa etapa co cadro da Mariña lucense, Hermida ficha na tempada 66/67 no Santa Margarita, club co que gaña a Copa da Coruña nesa mesma campaña e, no ano seguinte, o campionato de Primeira División da liga de modestos da Capital. O futbolista de Meicende puxo fin á súa carreira deportiva na tempada 1969/70.
Por se é do voso interese, a biografía de Lola Hermida e a de outros futbolistas da bisbarra forman parte do libro 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha.
![]() |
Portada do libro 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha |
_____
1 Eduardo e Enriqueta eran coñecidos en Meicende como os Abeleira, que era o segundo apelido de Eduardo Hermida Abeleira, avó paterno de Lolo Hermida.
2 Eduardo, prestixioso carpinteiro ebanista moi codiciado naquel tempo para facer obras importantes en edificios da Coruña pola súa mestría en pasamanaría e bastidores, tiña o seu taller no baixo dun chalé do barrio coruñés de Ciudad Jardín.
SPORTING UXES, UN DOS FUNDADORES DA LIGA DE ARTEIXO
Na zona de Arteixo e A Laracha empezouse a xogar ao fútbol de xeito oficial en 1962, ano no que Atlético Arteixo, Campanal de Loureda, Paiosaco e Sporting Uxes disputaron o primeiro campionato federado da nosa contorna. Falamos da chamada “Liga Zona de Arteixo” que, na súa primeira edición, acabou nas vitrinas do once da Feira. Unha liga que en Uxes aínda recordan con moito cariño xa que o seu equipo tivo a honra de ser un dos fundadores desta competición.
Segundo nos contou David López Carril, veciño de Uxes nado en maio de 1935 que chegaría a ser alcalde de Arteixo dende setembro ata novembro de 1982, Ramiro Corujo e Roberto González Bermúdez, que nacera na Punta del Este de Uruguai e que era coñecido polo alcume de “Pocho” foron as persoas quen introduciron o fútbol nesta parte do municipio de Arteixo: “Ramiro traballaba aquí como factor de circulación de Renfe. A nai de Roberto era de Uxes, era familiar dos Platas Varela, e cando viñan aquí de vacacións ensinaba a xogar ao fútbol á rapazada da Estación. Roberto tamén xogou co Victoria da Coruña e co Penouqueira nos torneos do Balneario”.
Así pois, a emigración e o ferrocarril moito tiveron que ver na creación do Sporting Uxes alá polos últimos anos corenta do século pasado, que foi cando os insignes Roberto González “Pocho” e Ramiro Corujo catalizaron a paixón duns rapaces aprendices de futbolista e crearon o primeiro equipo.
A importancia da actividade ferroviaria do Uxes de aquela altura ía ter reflexo na poboación e, en consecuencia, nos primeiros días de vida do Sporting, que xogou o seu primeiro partido en 1950 nun campo que había cerca da Estación. O rival fora o Meirama, equipo que se desprazara en tren e que pouco despois recibía ao once de Morás (que tamén viaxou en ferrocarril) no seu terreo de xogo para disputar o I Trofeo Meirama, que ía rematar cun resultado de 2-3 favorable ao cadro visitante. Algúns dos integrantes dos dous choques contra o Meirama foron Juan Pardo; Juan López Carril; os irmáns Manolo e Che do Leiteiro; Edelmiro Fraga; Pepe “da Renfe” ou, entre outros, Narciso, que xogou de porteiro.
Imaxe do Sporting Uxes en 1950 (Cortesía de David López Carril) |
Cuestións varias fixeron que o equipo desaparecese para volver con forza a principios da década dos sesenta. Naquela época, concretamente en xullo de 1961, Penouqueira, Bergantiños, Ciudad Jardín, Sporting Uxes e Morás disputaron no Campo do Balneario o “VII Trofeo Arteixo”, no que quedou para a historia a lembranza dun derbi parroquial fratricida entre o Sporting Uxes e o Morás sobre o que o semanario deportivo Riazor informaba o seguinte:
”Se celebró el tercer partido de este torneo entre el Morás y el Ujes, que terminó con la victoria del Morás por 3-2. Comenzó el partido en medio de una gran espectación por la rivalidad que existe entre ambos equipos. Los simpatizantes se desplazaron desde todos los sitios para animar a su equipo. Los de Morás marcharon muy contentos, porque aunque en el primer tiempo perdían por 2-0, salieron en el segundo con ganas de ganar el partido a base de buen fútbol y entusiasmo y se alzó con una victoria muy merecida por el gran esfuerzo que hicieron todos sus jugadores. En este equipo no se puede destacar a nadie porque todos hicieron un gran partido. El Ujes, que traía un gran equipo para oponer a su rival, nada más que existió en el campo en el primer tiempo, que fue cuando metieron los dos goles. En el segundo no fueron capaces de contrarrestar el fútbol y empuje de ese excelente equipo que tiene el Morás el cual está esperando un fallo del Carballo para llevarse el trofeo para Morás. Buen arbitraje del de turno. Gran encuentro en el que se vió fútbol, emoción y el campo completamente lleno. Un poco de viento que no hacía imposible el control del balón. Por lo demás todo muy bien”1.
Naquela altura a afición polo fútbol na parroquia de Morás ía medrando coma a espuma, moi especialmente a partir do 27 de maio de 1962 que foi cando se xogou a primeira xornada da primeira edición da “Liga Zona de Arteixo”, na que o once de Uxes debuta na casa caendo 2-3 diante do Atlético Arteixo. O campionato chegaba ao seu final co partido Campanal-Sporting Uxes, que fora suspendido o día 1 de xullo. En xogo estaba a deshonra de quedar de pechacancelas. O Sporting formara con Alvarellos; Sanguino I, Barba, Sanguino II; Mosquera, David; Iglesias, Rama, Gerardo, Germán e Lousa. Finalmente, o partido ía rematar cun resultado de 3-3, polo que os de Loureda, con maior diferenza de goles en contra e tamén coa gol-average particular cos de Uxes negativa, ocuparon o derradeiro posto da táboa nesta histórica primeira edición da “Liga Zona de Arteixo”.
Rizo, capitán do Atlético Arteixo, e David López Carril, capitán do Sporting Uxes no partido de Liga xogado o 17 de xuño de 1962 no Campo dos Cabalos (Cortesía de David López Carril) |
Desta época hai que destacar a Jesús Varela, auténtico valedor do club, ou, entre outros, a David López Carril, insigne xogador que se non chegou a algo grande foi porque o carteiro lle entregou ao pai unha carta na que o Deportivo solicitaba os seus servizos. Mais o proxenitor non estaba pola labor de que mozo David descoidara os seus estudos. Cousas da vida!
Tamén cómpre lembrar que naquela época, no Antroido de 1963, xogouse en Uxes un partido entre as mulleres solteiras e as casadas do lugar. Sen elas sabelo, estaban facendo historia xa que probablemente aquel foi o primeiro partido de fútbol feminino xogado no municipio de Arteixo.
La Voz de Galicia, 5 de marzo de 1963 |
No verán de aquel ano de 1963 os mesmos catro equipos xogan a segunda edición da Liga de Arteixo, competición que volvería a gañar o Paiosaco e na que o Sporting Uxes ocupa a último posto con só tres puntos. Para o recordo dos seareiros queda a victoria na cuarta xornada na que o once de Uxes venceu ao Atlético Arteixo por 4-3.
Un novo equipo, o Pastoriza, entraba a formar parte do torneo ligueiro do ano 1964, sendo precisamente os do Santuario os que levantarían o título de campión. Malia que o Sporting volve quedar de pechacancelas con só 2 puntos, cabe destacar o triunfo por 4-3 ante o Paiosaco no partido de ida da primeira rolda da Copa da Coruña. Na volta o cadro de Morás caería por 2-0 na Porta Santa.
Ata un total de sete novos clubs, Catuxa, Larín, Oseiro, Peñarol de Lañas, Penouqueira Sporting Meicende e Suevos, sumábanse aos cinco xa existentes na Liga “Zona de Arteixo” para disputar un atractivo campionato de doce equipos na tempada 1964/65, un torneo que se ía adxudicar o Paiosaco e no que Sporting Uxes volve a ocupar o último posto da táboa con 10 puntos.
Formación do Sporting Uxes nos anos 60 no Campo da Canle (Cortesía de David López Carril) |
Tres novos equipos incorporábanse ao Campionato de Liga “Zona de Arteixo” na tempada 1965/66: o Atlético Vilarrodís, o Club do Mar de Caión e o Laracha. A liga ía acabar nas vitrinas do Penouqueira e o Sporting, un ano máis, ocuparía o último posto acadando tan só dous empates e dúas victorias en toda a tempada, conseguidas na oitava xornada diante do Paiosaco por 5-1 e na undécima ante o Atlético Arteixo por 4-1, partido no que once de Uxes formara con Luís; Paco, Zas, Chalán; Boedo, Pucho; Ré, Fernando, Carreira, Fariña e Ferrín.
O día 24 de xullo de 1966 o cadro de Morás, un dos catro fundadores do campionato de Arteixo, xogou como local o seu último partido como equipo federado (Sporting Uxes-Oseiro: 1-2) retirándose do torneo de xeito definitivo. De novo cuestións varias, nesta ocasión botáronos do campo que era propiedade dun particular, levaron ao equipo á desaparición. David López Carril recorda que “o primeiro campo do Sporting foi o do Penedo, que estaba en Uxes, detrás do lavadoiro actual, e cerca da taberna de Isidro, que era onde se cambiaban os xogadores. Posteriormente xogouse no campo do Canle, que estaba nas proximidades da Estación”.
Terían que pasar máis de 30 anos para ver de novo ao equipo en competición oficial. Pódese dicir que Manuel Díaz fora o impulsor da refundación do club en febreiro de 1999, aínda que tamén foi destacada a figura do seu primeiro presidente José María Pombo Trigo, ou a do presidente de honra, Pedro Gómez López, que desde a súa residencia no Reino Unido levaba moi dentro as cores do club.
Sarrián de nacemento, Manuel Díaz establecera o seu domicilio na Zapateira a principios dos anos 80 e dende aquela non parara de fomentar o fútbol entre os máis mozos. Ademais de directivo, tamén exercía de adestrador. A súa experiencia e ilusión levárano a ser un home querido e respectado por toda a familia do Sporting, que ía debutar no grupo 3º da Terceira Rexional o 26 de setembro do 99 en Iñás, donde perde na primeira xornada co Mercurio por 5-1. O cadro de Morás, que non conseguiría o seu primeiro punto ata a novena xornada (2-2 ante o Larín como local), ía rematar aquela tempada 1999/2000 na penúltima posición da táboa clasificatoria con quince puntos, once máis que o Miño, pechacancelas.
O Sporting Uxes na súa segunda etapa como equipo federado (Cortesía de José Manuel Varela) |
Na
campaña 2000/01, o Sporting ocupa un honroso 12º posto no grupo 3º da Terceira Rexional. Na seguinte, a 2001/02, obtén a mellor
clásificación da súa historia ao rematar a tempada na 7ª posición
con 55 puntos, só por detrás do Hércules, Once Caballeros, Larín,
Atlético Arteixo B, Dorneda e Sigrás. Aquel era o equipo que
presidía Óscar Carrillo, veciño de Freán e membro da Asociación
Cultural Queiroa, e que integraban futbolistas da parroquia como
Barral, Juan Añón, Alberto Carrillo, Óscar, Chico, José Manuel Varela Rafa… e
outros xogadores da talla de César, Jan, Jose Karpin, Javi de Boedo,
Toro de Pastoriza, Ignacio, Tardón, Brañas, o Rubio de Oseiro, Kiko
de Larín, os porteiros Jaime e Mauricio… futbolistas aos que quen
escribe, socio n.º 195 do club, animaba como outro seareiro máis cada domingo que o Sporting
xogaba no campo de Freán, inaugurado naquela época (antes de xogar no campo de Freán, disputaba en Arteixo os seus partidos como local).
Na tempada 2002/03 o equipo é décimo cuarto no grupo 3º da Terceira Rexional. Na seguinte ocupa o último posto da táboa; e xa na 2004/05 é antepenúltimo con 21 puntos. Ao remate desta tempada o Sporting Uxes deixaría de existir como equipo federado. Anos máis tarde volvería a renacer grazas ao seu equipo de veteráns que aínda compite na actualidade paseando o nome de Uxes pola provincia.
Por se é do voso interese, dicirvos que a historia do Sporting Uxes, con todos os resultados como equipo federado, clasificacións e un longo etcétera, tédela ao voso dispor no libro 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha.
________________
1 Vid. Semanario Riazor, 3 de xullo de 1961.
CAMPOS DE LOUREDA
O acontecido onte en Loureda, no lugar da Queira, coa presentación do documental “Campanal de Loureda. Paixón por un sentimento” no Campo do Cubano foi algo inesquecible, abofé. Fran Naveira e un servidor estaremos eternamente agradecidos a todas as persoas que, dun xeito ou doutro, fixestes posible este soño.
Vaia dende aquí o noso agradecemento a todas as persoas entrevistadas pola súa atención e amabilidade; grazas aos mecenas, asociacións, colectivos e negocios pola vosa axuda económica ao longo destos dous últimos anos para poder realizar o proxecto; grazas Sindo Otero, Víctor Iglesias, Nacho Varela, Daniel e Mateo Iglesias pola vosa maxia músical; grazas Pedra da Crus pola vosa implicación dende o minuto 1; grazas Víctor e Iria polo gran traballo de produción; grazas tamén Toño, Damián e Pesudo pola vosa implicación e colaboración; grazas Paco e Carmiña polo voso enorme traballo e por permitirnos entrar na vosa casa (falo do Campo do Cubano); grazas Manolo Pazos (técnico de son); grazas Eloy Penide e Pepa Eventos pola fantástica organización da presentación; grazas Mónica Pan por ese tremendo deseño; grazas Manuel de Eva polo teu gran papel como mestre de cerimonias; grazas tamén a Asociación Cultural Triskell pola súa colaboración no día de onte; e grazas ao Concello de Arteixo, de xeito moi especial aos Departamentos de Deportes e de Participación Cidadá, polo seu enorme apoio neste evento!
E, por suposto, grazas a todas as persoas presentes nos dous actos. Como dicía ao principio… e de remate, que a festa continúe. Se onte faciamos no lugar da Queira a presentación mundial do documental “Campanal de Loureda. Paixón por un sentimento”, hoxe facemos o propio na rede compartindo o videoclip do tema “Campos de Loureda”, unha das cancións do documental.
TÍTULO ORIXINAL: “Campos de Loureda”
LETRA E MÚSICA ORIXINAL: Sindo Otero
VOZ E COROS: Víctor Iglesias
GUITARRA: Sindo Otero
ACORDEÓN: Víctor Iglesias
BAIXO E PERCUSIÓN: Nacho Varela
ESTUDIO DE GRAVACIÓN: Estudios Visúe
IMAXES 8 mm: José María Figueroa e María José Palleiro
EDICIÓN E GRAVACIÓN DO VÍDEO: Fran Naveira
DOCUMENTACIÓNA: Xabier Maceiras
Aí vai o videoclip… un himno que agardemos que se cante no debut do Campanal na Liga de Veteranos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario