luns, 24 de xullo de 2023

A ORQUESTRA 'LOS SATÉLITES' NA FESTA DAS FLORES DE 1959

  Hoxe, 24 de xullo, ao fío de que 'Los Satélites' actúan nas festas da capital municipal, nas Crónicas de Arteixo desta semana compartimos un fermoso cartel de 1959, ano no que esta popular orquestra actuou na Festa das Flores que se celebraba no "parque- pista" do Balneario.

   Como non podía ser doutro xeito, a orquestra 'Los Satélites' tamén ten o seu protagonismo no libro Os bailes dos avós. Música e salóns da Laracha de antano, o último traballo dun servidor que, por se a alguén lle resulta de interese, está ao voso dispor nas librarías da bisbarra. Como adianto do que podedes atopar no libro, aí van uns parágrafos do que contamos sobre Os Satélites:

"Falar desta banda coruñesa é falar da historia de Galicia. Os seus inicios remóntanse a 1939, cando un dos mellores saxofonistas do país, Manuel Otero, e un cantante chamado Jaime Camino decidiron alegrar con música a posguerra galega. O recrutamento de membros comezou entre os integrantes das bandas militares, que se estaban a disolver tras a Guerra Civil1. A agrupación, que comezou co nome de Jaime Camino e os seus satélites, pronto cambiou polo apelativo actual. Nos 50, co gran Pucho Boedo liderando a banda, viaxan a Venezuela. Era a primeira vez que unha orquestra galega cruzaba o Atlántico. Ao regresar de América, Los Satélites traerían ao campo da festa (á verbena) o poder da música tropical, vinte anos antes de que en Nova York se inventase a palabra salsa"

 Tedes máis información sobre esta banda aquí: https://es.wikipedia.org/wiki/Orquesta_Los_Sat%C3%A9lites

 Boas festas!

______________

1 Vid. M. V. (2008): “Los Satélites, casi 70 años facendo bailar a Galicia”, La Voz de Galicia, 13 de marzo.

domingo, 23 de xullo de 2023

HISTORIA DA S.D. CATUXA (5ª PARTE E FIN)

    E chegamos á tempada 1969/70, a última que o Catuxa xogou coma equipo federado. Por mor das novas esixencias que a Federación Galega impuxera por aqueles días en todas as categorías do fútbol afeccionado, esta sería, por non ser quen de poder afrontalas, a fin da viaxe, a fin da aventura na competición oficial para varios equipos de Arteixo e da Laracha. O Catuxa, naquela despedida como equipo federado, ocuparía o décimo posto da clasificación deixando para o recordo a victoria ante o Penouqueira por 2-1, conseguida na primeira xornada da competición, e a derrota por 3 goles a 4 ante o Oseiro, que foi o derradeiro partido que a Sociedade Deportiva Catuxa xogou coma equipo federado na Liga. 

Formación da S.D. Catuxa do ano 1970

    Tras non ser quen de cumprir os requisitos da Federación Galega de Fútbol, o Catuxa ía deixar de ser equipo federado para converterse nunha peña, xogando como tal durante varias tempadas nas ligas que se organizaban na comarca.

Peña Catuxa

    Uns anos despois de que o Catuxa deixara de ser equipo federado e empezara a xogar como peña, o fútbol feminino daba os seus primeiros pasos na aldea con aqueles lendarios partidos disputados a finais da década dos 70 entre as mulleres casadas e as solteiras do lugar.

   Aquel enfrontamento entre as solteiras e as casadas da aldea fora arbitrado pola madriña da entidade, María Balbís, máis coñecida co alcume de Maruja de Leal, unha muller arroutada, de carácter, chea de enerxía, de forza e de vitalidade que, durante os anos de vida da Sociedade Deportiva Catuxa, foi a súa principal seareira.

 

Equipo de casadas

Equipo de solteiras

  Un recordo tamén para o equipo infantil no que xogaron moitos rapaces da zona nunha liga de peñas infantil no que o Catuxa foi o campión do Torneo no ano 1989 ou 1990. 
 
Imaxe do Catuxa infantil

   Coa venda dos terreos que ocupaban o Campo do Castro e a desaparición do Bar de Xaquín, tantos anos sede social da entidade, o fútbol diría adeus neste lugar do Concello de Arteixo… o fútbol pasaría por alí coma un raio… coma un raio chamado Catuxa1
 
 
   O noso agradecemento a todas as persoas que nos cederon fotografías do Relámpago da Catuxa, da S.D. Catuxa, da Peña Catuxa e do Catuxa infantil!

______________

1 O texto da historia da S.D. Catuxa publicado neste espazo ao longo das últimas semanas é o guión do documental Un raio chamada Catuxa, producido e dirixido por Fran Naveira e Xabier Maceiras en 2019.


domingo, 16 de xullo de 2023

HISTORIA DA S.D. CATUXA (4ª PARTE)

 Tres novos equipos incorporábanse en 1966 ao Campionato de Liga “Zona de Arteixo”: o Atlético Vilarrodís, o Club do Mar de Caión e o Laracha. Coa inscripción do Vilarrodís, Arteixo convertíase nun dos municipios de España que máis equipos federados tiña naquel entón, sumando ata un total de doce. Aqueles eran días nos que o Catuxa incrementaría notablemente a súa masa social, feito que axudaba, coas cotas que pagaban mensual ou anualmente os seus socios e socias, a cubrir os gastos da entidade, que tamén se financiaba coas recadacións que se facían nos partidos que o clube disputaba como local no Campo do Castro.

Formación do Catuxa de mediados dos anos 60

   Mais, a pesar da boa marcha económica da entidade, o equipamento dos seus xogadores era outro cantar, especialmente as botas, que en pouco ou nada se asemellaban ás que utilizaban os seus ídolos, uns futbolistas profesionais que curiosamente tamén se podían ver con certa frecuencia na grande pantalla ao participar, naquela época, en longametraxes ambientadas no mundo do fútbol.

    Aquela competición ligueira do ano 1966, que ía celebrar a súa última xornada na mesma fin de semana que a Inglaterra de Bobby Charlton gañaba o Mundial celebrado nas Illas Británicas, chega ao seu fin co Penouqueira e o Catuxa empatados a 41 puntos no máis alto da táboa clasificatoria mais, iso si, con dous partidos que foran aprazados unhas semanas antes pendentes da súa disputa: o Penouqueira-Meicende que, cun empate a un gol no marcador fora suspendido no minuto 35 tras unha liorta na que o árbitro expulsara a tres xogadores dos da Refinería, e o Catuxa-Peñarol, que non se poidera xogar por incomparecencia do colexiado.

   Curiosamente, esos dous encontros tiñan que decidir o campión do torneo. O Catuxa, se quería levar o título para as súas vitrinas, estaba obrigado a gañar o seu partido e agardar unha milagre no campo do Balneario xa que o Sporting Meicende, que estaba obrigado a xogar os 55 minutos que faltaban con só oito futbolistas, non o tiña moi doado para botarlles unha man. Como era de agardar, esa axuda divina non se ía producir xa que o Penouqueira, con moitos máis apuros dos previstos, sería quen de gañar finalmente aquel partido por 2-1 e, por riba, o Catuxa-Peñarol remataba cun sorprendente 0-2 a favor dos de Lañas. 

 

Formación do Catuxa de mediados dos anos 60

    Naqueles domingos de fútbol dos anos 60, cando o Catuxa xogaba coma visitante nos campos da bisbarra, campos pouco acondicionados naquela hora para a práctica do deporte, a afección tamén se desprazaba co equipo para animar aos seus futbolistas nuns partidos nos que, de cando en vez, saltaban chispas cos seareiros e xogadores do once rival, uns feitos que, ocasionalmente, tamén acontecían no propio terreo de xogo da entidade que presidía Luís do Rilón.

   Estamos xa na tempada 1966/67. Nesta campaña modifícase por primeira vez, na curta historia da Liga de Arteixo, o sistema de competición coa creación de dúas categorías. Neste novo modelo de competición o Catuxa é, con tan só 7 puntos, o pechacancelas da Liga de Primeira División, campionato que se adxudica brillantemente o Laracha, que obtén o título con seis puntos de ventaxa sobre o segundo clasificado, o Paiosaco.

   O equipo xoga a tempada 1967/68 na Segunda División xunto ao Atlético Arteixo, Bens, Campanal de Loureda, Club do Mar de Caión, Larín e Suevos, unha Segunda que gaña o Club do Mar e na que o Catuxa queda subcampión.

 

Formación do Catuxa de mediados dos anos 60

    O feito de que o club competise na segunda categoría da Liga de Arteixo, non foi impedimento para que a rapazada e a xuventude local continuara xogando de xeito multitudinario no campo da aldea, xa que, a parte dos bailes e festas que se facían por aqueles días, o fútbol era dos poucos divertimentos que naquela hora tiña a veciñanza da Catuxa.

    Unha vez rematada a competición ligueira da tempada 1967/68, os dirixentes de todos os equipos da Liga “Zona de Arteixo” cambiarían de parecer en torno ao formato competitivo que integraban. Foi por iso polo que aqueles directivos solicitáronlle á Federación Galega a unificación da 1ª e da 2ª, petición que o ente federativo aprobaría dando paso á creación dunha Liga de 15 equipos, que era a suma total dos clubes federados que naquela hora había en Arteixo e na Laracha.

 

Formación do Catuxa de mediados dos anos 60

   Outro dos grandes acontecementos que se celebraban cada ano na Catuxa, eran os partidos entre os casados e os solteiros da aldea, lendarios enfrontamentos nos que o equipo perdedor facíase cargo dos gastos da mexillonada que se organizaba en cada edición.

   A tempada 1968/69, a da reunificación das dúas categorías, ía ser unha loita entre os tres equipos do Concello da Laracha por facerse co campionato, título que finalmente gaña o Paiosaco. O Catuxa queda situado no posto duodécimo con dezaoito puntos, por diante do Larín, do Peñarol de Lañas e do pechacancelas, o Atlético Arteixo, que tan só fixera 8 puntos.

   Naqueles últimos anos da década dos 60, nos que Arteixo empezaba a cambiar a súa fisionomía co asentamento das primeiras fábricas do Polígono Industrial de Sabón, varias veciñas e veciños da zona, entre eles algúns antigos membros da directiva e da plantilla do Catuxa, víranse na obriga de facer a maleta da emigración onde, nos seus momentos de lecer, seguían mantendo contacto co mundo do deporte.

(CONTINUARÁ...)

domingo, 9 de xullo de 2023

LUÍS SUÁREZ E O PARTIDO PENOUQUEIRA-FABRIL XOGADO NO CAMPO DO BALNEARIO EN 1958

  O galego Luís Suárez Miramontes, lenda do fútbol mundial e único español en facerse co Balón de Ouro, faleceu este domingo aos 88 anos de idade en Milán (Italia), segundo anunciou o que fora o seu equipo durante nove campañas, na década de 1960, o Inter. 

  Neste día tan triste para o mundo do fútbol queremos recordar, como pequena homenaxe a Suárez, un partido que quedou gardado na memoria colectiva de moitos afeccionados ao fútbol da bisbarra. Falamos do Penouqueira-Fabril disputado no campo do Balneario de Arteixo polas festas do Santiago Apóstolo de 1958, un encontro do que aínda se fala de cando en vez na vila do Bolaños.

   Os festexos do 25 de xullo daquel ano principiaran, ás cinco e cuarto da tarde, cun partido de baloncesto feminino xogado nunha cancha montada para a ocasión no campo de fútbol. Os contrincantes foran os equipos “A” e “B” da “Sección Femenina de la Falange”, dúas formacións coruñesas que viñan de disputar o Campionato de España, onde o equipo “A” se proclamara campión estatal e o “B” conquistara o terceiro posto na súa categoría. Malia non ter a superficie de herba as mellores condicións para a práctica do deporte da canastra, os dous equipos farían pasar un bo anaco á gran cantidade de público que, dende as parroquias e dende os concellos limítrofes, se desprazara ata a capital municipal para vivir unha gran xornada deportiva.

   Ao partido de baloncesto, que foi o primeiro xogado en Arteixo desta modalidade, seguiríalle o prato forte da tarde, o enfrontamento entre o Penouqueira e o Fabril que todo o mundo agardaba. O once da Baiuca contaba cos reforzos de varios dos futbolistas arteixáns con pasado fabrilista: Chacho Rey, José María Mancebo e Gerardo Roldán. E tamén con Pitos e con Arsenio, que acababa de ser traspasado do Sevilla ao Granada, club no que ía permanecer ata a tempada 1963/64. O Fabril, que aínda contaba con algún integrante, casos de Porvén, Alvedro e Bouzas, do equipo que obtivera o Campionato Galego de Afeccionados do ano 1954, tiña nas súas filas a unha das estrelas do F.C. Barcelona: Luís Suárez, que xa había catro anos que abandonara o R.C. Deportivo da Coruña para fichar no cadro catalán. Luisito, que se desprazara ata Arteixo pola súa amizade con Arsenio e con Pitos, tamén reforzara uns días antes ao Deportivo nun partido amigable disputado en Riazor entre o cadro herculino e o Nacional de Montevideo que presidía o larachés José Añón.

   Pepe Guillín, por aqueles días delegado do Español S.D. e co tempo directivo do R.C. Deportivo da Coruña durante trece anos, ía ser o encargado de arbitrar aquel histórico encontro xogado a carón do Bolaños, un Guillín ao que era habitual ver nos partidos que se celebraban no campo do recinto termal arteixán. Como non podía ser doutro xeito, Luís Suárez fora o futbolista sobre o cal se centraran as miradas dos centos de espectadores que rodeaban o terreo de xogo, xentío ao que Luisito, malia non empregarse a fondo, como era lóxico, non defraudou en ningún momento.

   Chégase ao descanso cunha vitoria por 1-2 favorable ao cadro herculino, que amosaría a súa superioridade técnica durante o tempo regulamentario. Na continuación, o espectáculo non decae e o público ten a oportunidade de ver anotar ata catro goles máis, que conduciron a un resultado final de 2-5. Luís Suárez con dous tantos, un deles de penalti, Nenito, Manolé e Bouzas foron os autores dos goles do Fabril e, por parte do equipo da Baiuca anotaron Pitos e Gerardo, este de penalti. As aliñacións foran as seguintes:

PENOUQUEIRA: Chacho; Totos, Miaxo, Pardo; José María, Gerardo; David, Pitos, Teté, Arsenio e Narciso.

FABRIL: Mangana; Porvén, Franco, Firi (Pintos); Alvedro, Pepete (Firi); Gisbert (Nenito), Miguel, Manolé (Chas), Luís Suárez e Bouzas.

Futbolistas do Fabril e do Penouqueira no campo do Balneario. Abaixo, no centro, Arsenio Iglesias e Luís Suárez

   Ao día seguinte, sábado 26 de xullo de 1958, os medios herculinos facíanse eco do acontecido horas antes en Arteixo e informaban que ”La gran masa de aficionados salió complacidísima de ambas manifestaciones deportivas, en tanto las dos embajadas coruñesas eran muy aplaudidas, siendo al final delicadamente obsequiadas con un espléndido lunch por el presidente del Penouqueira, que hizo los honores en unión de Arsenio, regresando los componentes de aquellas muy satisfechos. Es justo consignar, finalmente, una pública felicitación a los organizadores de esta gran jornada deportiva que ayer vivió Arteijo”1.

   Julio Mancebo, un neno do Arteixo daqueles días e irmán de José María, un dos futbolistas que integrara o once da Baiuca no choque contra o Fabril, agasallounos con algunhas pinceladas do devandito acontecemento deportivo que aínda se manteñen vivas na súa memoria:Recordo que, polas festas, o Penouqueira xogou durante varios anos contra un equipo importante da Coruña reforzado con Arsenio e outros futbolistas. Un ano viñera Osvaldo, un arxentino que xogou varios anos no Deportivo. No 58 veu o Fabril de Porvén, Bouzas e compañía e xogou reforzado con Luís Suárez, daquela xogador do Barcelona. Xuntárase moita xente, tanta que non quedaba un sitio arredor do campo. Naqueles partidos o árbitro era case sempre Darío do Ferrador. Rematado o partido, a xente pasaba á pista do Balneario, onde bailaban ao ritmo da orquestra mentres que os rapaces faciamos algunha que outra trasnada”.

   Dous anos máis tarde de disputarse aquel lendario partido Penouqueira-Fabril, Luís Suárez íase converter no primeiro, e ata o de agora no único, español en gañar o Balón de Ouro, trofeo que lle sería entregado o 8 de marzo de 1961 no Nou Camp de Barcelona polo subdirector da revista France Football, M. Skavensky, nos prolegómenos do partido dos cuartos de final da Copa de Europa que enfrontaba ao Barça co Spartak de Kralove. Cóntase que, ao vir pasar uns días de vacacións á súa Coruña natal, Luís seica se achegara co devandito trofeo ata o Bar Borrazás, un dos locais frecuentados pola bohemia coruñesa daquel tempo, onde, ao parecer, se celebrou por todo o alto a obtención do prestixioso trofeo.

   En maio dese ano 1961, Luisito, despois de cruzar os Pirineos e os Alpes coma un Aníbal do balón, ficha no Inter de Milán por 25 millóns de pesetas, unha cifra extraordinaria para a época, que se viu rapidamente compensada cos títulos que o futbolista galego lle proporcionou ao club italiano, onde se ía converter, naquela década dos sesenta, nun dos mellores xogadores de todos os tempos ao conseguir os seus maiores logros a nivel internacional: as Copas de Europa de 1964 e 1965 co Inter de Milán, as Copas Intercontinentais dos mesmos anos e, a Eurocopa de 1964 coa selección española… Éxitos que en Arteixo se puideron ver nas primeiras televisións que houbo no municipio. Grazas ao novo aparato electrodoméstico, que era prohibitivo na inmensa maioría dos fogares, os adultos e os cativos acudían en masa a ver as emisións de Televisión Española2 aos bares e ás casas onde tiñan a fortuna de teren algunha daquelas primeiras teles.

   Segundo o testemuño dalgúns arteixáns que estiveran presentes o 25 de xullo de 1958 naquel Penouqueira-Fabril, a primeira casa de Arteixo que tivo este novo invento foi a da señora Julia e os seus fillos Fino, Julita, Sara, Pablo, Totos, Teté e Pitos, é dicir, a familia Mosquera Calvete, a mesma casa na que Julita, Pablo e Pitos lles ensinaron a ler e a escribir a ducias de nenas e nenos arteixáns, cativos que tiveron a oportunidade de veren, por vez primeira, as filigranas que facían coa pelota xogadores inesquecibles como Pelé, Alfredo Di Stéfano ou aquel rapaz que viran xogar non había moito no campo do Balneario: Luís Suárez.

D.E.P.

____________

1 La Voz de Galicia, 26 de xullo de 1958, páx. 5.

2 Televisión Española (TVE) principiou as súas emisións regulares o 28 de outubro de 1956.