O galego Luís Suárez Miramontes, lenda do fútbol mundial e único español en facerse co Balón de Ouro, faleceu este domingo aos 88 anos de idade en Milán (Italia), segundo anunciou o que fora o seu equipo durante nove campañas, na década de 1960, o Inter.
Neste día tan triste para o mundo do fútbol queremos recordar, como pequena homenaxe a Suárez, un partido que quedou gardado na memoria colectiva de moitos afeccionados ao fútbol da bisbarra. Falamos do Penouqueira-Fabril disputado no campo do Balneario de Arteixo polas festas do Santiago Apóstolo de 1958, un encontro do que aínda se fala de cando en vez na vila do Bolaños.
Os festexos do 25 de xullo daquel ano principiaran, ás cinco e cuarto da tarde, cun partido de baloncesto feminino xogado nunha cancha montada para a ocasión no campo de fútbol. Os contrincantes foran os equipos “A” e “B” da “Sección Femenina de la Falange”, dúas formacións coruñesas que viñan de disputar o Campionato de España, onde o equipo “A” se proclamara campión estatal e o “B” conquistara o terceiro posto na súa categoría. Malia non ter a superficie de herba as mellores condicións para a práctica do deporte da canastra, os dous equipos farían pasar un bo anaco á gran cantidade de público que, dende as parroquias e dende os concellos limítrofes, se desprazara ata a capital municipal para vivir unha gran xornada deportiva.
Ao partido de baloncesto, que foi o primeiro xogado en Arteixo desta modalidade, seguiríalle o prato forte da tarde, o enfrontamento entre o Penouqueira e o Fabril que todo o mundo agardaba. O once da Baiuca contaba cos reforzos de varios dos futbolistas arteixáns con pasado fabrilista: Chacho Rey, José María Mancebo e Gerardo Roldán. E tamén con Pitos e con Arsenio, que acababa de ser traspasado do Sevilla ao Granada, club no que ía permanecer ata a tempada 1963/64. O Fabril, que aínda contaba con algún integrante, casos de Porvén, Alvedro e Bouzas, do equipo que obtivera o Campionato Galego de Afeccionados do ano 1954, tiña nas súas filas a unha das estrelas do F.C. Barcelona: Luís Suárez, que xa había catro anos que abandonara o R.C. Deportivo da Coruña para fichar no cadro catalán. Luisito, que se desprazara ata Arteixo pola súa amizade con Arsenio e con Pitos, tamén reforzara uns días antes ao Deportivo nun partido amigable disputado en Riazor entre o cadro herculino e o Nacional de Montevideo que presidía o larachés José Añón.
Pepe Guillín, por aqueles días delegado do Español S.D. e co tempo directivo do R.C. Deportivo da Coruña durante trece anos, ía ser o encargado de arbitrar aquel histórico encontro xogado a carón do Bolaños, un Guillín ao que era habitual ver nos partidos que se celebraban no campo do recinto termal arteixán. Como non podía ser doutro xeito, Luís Suárez fora o futbolista sobre o cal se centraran as miradas dos centos de espectadores que rodeaban o terreo de xogo, xentío ao que Luisito, malia non empregarse a fondo, como era lóxico, non defraudou en ningún momento.
Chégase ao descanso cunha vitoria por 1-2 favorable ao cadro herculino, que amosaría a súa superioridade técnica durante o tempo regulamentario. Na continuación, o espectáculo non decae e o público ten a oportunidade de ver anotar ata catro goles máis, que conduciron a un resultado final de 2-5. Luís Suárez con dous tantos, un deles de penalti, Nenito, Manolé e Bouzas foron os autores dos goles do Fabril e, por parte do equipo da Baiuca anotaron Pitos e Gerardo, este de penalti. As aliñacións foran as seguintes:
PENOUQUEIRA: Chacho; Totos, Miaxo, Pardo; José María, Gerardo; David, Pitos, Teté, Arsenio e Narciso.
FABRIL: Mangana; Porvén, Franco, Firi (Pintos); Alvedro, Pepete (Firi); Gisbert (Nenito), Miguel, Manolé (Chas), Luís Suárez e Bouzas.
Futbolistas do Fabril e do Penouqueira no campo do Balneario. Abaixo, no centro, Arsenio Iglesias e Luís Suárez |
Ao día seguinte, sábado 26 de xullo de 1958, os medios herculinos facíanse eco do acontecido horas antes en Arteixo e informaban que ”La gran masa de aficionados salió complacidísima de ambas manifestaciones deportivas, en tanto las dos embajadas coruñesas eran muy aplaudidas, siendo al final delicadamente obsequiadas con un espléndido lunch por el presidente del Penouqueira, que hizo los honores en unión de Arsenio, regresando los componentes de aquellas muy satisfechos. Es justo consignar, finalmente, una pública felicitación a los organizadores de esta gran jornada deportiva que ayer vivió Arteijo”1.
Julio Mancebo, un neno do Arteixo daqueles días e irmán de José María, un dos futbolistas que integrara o once da Baiuca no choque contra o Fabril, agasallounos con algunhas pinceladas do devandito acontecemento deportivo que aínda se manteñen vivas na súa memoria: “Recordo que, polas festas, o Penouqueira xogou durante varios anos contra un equipo importante da Coruña reforzado con Arsenio e outros futbolistas. Un ano viñera Osvaldo, un arxentino que xogou varios anos no Deportivo. No 58 veu o Fabril de Porvén, Bouzas e compañía e xogou reforzado con Luís Suárez, daquela xogador do Barcelona. Xuntárase moita xente, tanta que non quedaba un sitio arredor do campo. Naqueles partidos o árbitro era case sempre Darío do Ferrador. Rematado o partido, a xente pasaba á pista do Balneario, onde bailaban ao ritmo da orquestra mentres que os rapaces faciamos algunha que outra trasnada”.
Dous anos máis tarde de disputarse aquel lendario partido Penouqueira-Fabril, Luís Suárez íase converter no primeiro, e ata o de agora no único, español en gañar o Balón de Ouro, trofeo que lle sería entregado o 8 de marzo de 1961 no Nou Camp de Barcelona polo subdirector da revista France Football, M. Skavensky, nos prolegómenos do partido dos cuartos de final da Copa de Europa que enfrontaba ao Barça co Spartak de Kralove. Cóntase que, ao vir pasar uns días de vacacións á súa Coruña natal, Luís seica se achegara co devandito trofeo ata o Bar Borrazás, un dos locais frecuentados pola bohemia coruñesa daquel tempo, onde, ao parecer, se celebrou por todo o alto a obtención do prestixioso trofeo.
En maio dese ano 1961, Luisito, despois de cruzar os Pirineos e os Alpes coma un Aníbal do balón, ficha no Inter de Milán por 25 millóns de pesetas, unha cifra extraordinaria para a época, que se viu rapidamente compensada cos títulos que o futbolista galego lle proporcionou ao club italiano, onde se ía converter, naquela década dos sesenta, nun dos mellores xogadores de todos os tempos ao conseguir os seus maiores logros a nivel internacional: as Copas de Europa de 1964 e 1965 co Inter de Milán, as Copas Intercontinentais dos mesmos anos e, a Eurocopa de 1964 coa selección española… Éxitos que en Arteixo se puideron ver nas primeiras televisións que houbo no municipio. Grazas ao novo aparato electrodoméstico, que era prohibitivo na inmensa maioría dos fogares, os adultos e os cativos acudían en masa a ver as emisións de Televisión Española2 aos bares e ás casas onde tiñan a fortuna de teren algunha daquelas primeiras teles.
Segundo o testemuño dalgúns arteixáns que estiveran presentes o 25 de xullo de 1958 naquel Penouqueira-Fabril, a primeira casa de Arteixo que tivo este novo invento foi a da señora Julia e os seus fillos Fino, Julita, Sara, Pablo, Totos, Teté e Pitos, é dicir, a familia Mosquera Calvete, a mesma casa na que Julita, Pablo e Pitos lles ensinaron a ler e a escribir a ducias de nenas e nenos arteixáns, cativos que tiveron a oportunidade de veren, por vez primeira, as filigranas que facían coa pelota xogadores inesquecibles como Pelé, Alfredo Di Stéfano ou aquel rapaz que viran xogar non había moito no campo do Balneario: Luís Suárez.
D.E.P.
____________
1 La Voz de Galicia, 26 de xullo de 1958, páx. 5.
2 Televisión Española (TVE) principiou as súas emisións regulares o 28 de outubro de 1956.
Ningún comentario:
Publicar un comentario