PAZOS DE ARTEIXO (2)

O PAZO DO FIDALGO DE SORRIZO (1ª parte)

 Misteriosos, románticos, evocadores… os pazos representan un dos nosos sinais de identidade e foron, durante séculos, residencia de nobres e fidalgos de gran poder económico.

Estes edificios eran o principal foco de riqueza e constituían unha especie de unidades de xestión local, arredor dos cales transcorría a vida das xentes como punto neurálxico dunha organización feudal da economía.

Ao pazo coma estrutura arquitectónica asociábaselle unha rede social: a dos serventes do fidalgo e dos tributarios de foros (cesión das terras aos campesiños a cambio de recibir rendas), que en moitos casos chegaban a vivir no mesmo recinto.

A preeminencia destas casas señoriais sobre a sociedade rural galega descansaba non só na propia edificación senlleira, senón nun considerable conxunto de terras de labranza nos seus arredores. A situación escollíase estratexicamente, erguéndose sempre en zonas de microclima benigno e de solos fértiles, onde o señor puidese ollar as súas posesións. Habitualmente eran construcións de planta rectangular ou cadrada levantadas sobre grandes perpiaños de pedra que os protexían da constante humidade galega. Segundo o refraneiro popular, este espazo singular tiña, ademais, varios elementos característicos: a capela, onde se reunían para o culto relixioso tanto os señores como o servizo doméstico e os xornaleiros da propiedade; o pombal e o ciprés, árbore asimilada á hospitalidade. “Capela, pombal e ciprés, pazo é”, sinala o dito popular. Pero era moi común que as casas señoriais galegas tamén tivesen hórreo, cruceiro e, por suposto, un bo predio con xardín e fontes, e mesmo  animais si eran de carácter agrícola e gandeiro.

Co tempo, estes edificios foron converténdose na marca social e refuxio da decrecente clase fidalga, decadencia motivada en gran parte pola suspensión dos foros e dos seus privilexios e xurdida, tamén, a raíz do éxodo dos campesiños ás cidades.

Grandes autores da nosa literatura inspiráronse nos pazos galegos para ambientar as súas obras. Ese foi o caso de Emilia Pardo Bazán, propietaria inicial do Pazo de Meirás, lugar onde escribiu Los Pazos de Ulloa en 1886; de Valle-Inclán, que tamén retratou a vida dos pazos na súa triloxía das guerras carlistas Comedias Bárbaras, encabezada por Los Cruzados de la Causa; ou, entre outros, de Otero Pedrayo, autor de Os camiños da vida (1928), a gran novela galega dos pazos.

Nestas Crónicas de Arteixo xa temos falado dalgúns dos pazos existentes no noso municipio. Algúns deles xa hai tempo que desapareceron e outros están a piques de facelo polo seu estado de abandono total. Tamén os hai que, despois de tanto tempo, seguen ofrecendo unha inequívoca imaxe do pazo galego por antonomasia. E mesmo hai algún que, dado o seu aspecto actual, non o asociamos con ese pasado de esplendor. Este é o caso do do Fidalgo de Sorrizo, casa señorial da que falamos deseguido.

Imaxe actual da fachada do antigo Pazo do Fidalgo de Sorrizo (Xabier Maceiras)

A finais da primavera do 2024 tivemos a sorte de coñecer en Arteixo a Pili Arijón e á súa curmá Ángeles Ponte, ambas as dúas descendentes dos propietarios dos pazos de Corteo e do do Fidalgo de Sorrizo. Logo de charlar durante uns minutos con elas no Bar Pasatiempo da Avenida de Caión, quedamos en que o que escribe achegaríase nun futuro inmediato ata O Igrexario de Sorrizo para coñecer máis polo miúdo a historia do pazo do Fidalgo, que, a dicir verdade, xa había tempo que nos chamara a atención polo pombal de planta circular que está situado no muro de peche do recinto semellando unha torre. E, obviamente, o pazo tamén nos resultara chamativo pola forza do seu nome, porque nos esquezamos que un fidalgo era unha persoa pertencente a unha clase social que vivía das rendas das propiedades agrarias, dominante, xunto co clero, no agro dos países do occidente de Europa entre a Idade Media e a xeneralización do capitalismo e que en Galicia se apoiou na institución do foro.

Logo de varios Whats´Apps e algunha que outra chamada con Ángeles Ponte Bermúdez, uns meses máis tarde, xa a finais do verán, por fin tivemos a oportunidade de visitar o edificio dos seus devanceiros, situado a poucos metros da igrexa parroquial de San Pedro de Sorrizo.

Nada máis chegar, a anfitrioa coméntanos na eira do recinto que “aquí eran tres irmás: unha marchou para outra casa e as outras dúas partiron esta propiedade en dúas partes. Esta zona na que estamos é a que lle quedou a miña avoa Celia”.

Na eira puidemos comprobar a grandeza que tivo no seu momento o edificio, que cambiou de aspecto cando casaron os avós de Ángeles. “Meu avó chamábase Calixto Bermúdez Ferreiro e era dos de Bermúdez de Gondreo (Sorrizo). Miña avoa, Celia Rodríguez Pedreira, era de aquí, dos do Fidalgo, que sempre dicía que era neta dun fidalgo. O pai de miña avoa chamábase José Rodríguez, pero o pai deste home, que vén sendo o propio fidalgo, non sei como se chamaba. Os dous eran de boas familias e ao pouco de casar estableceron o seu domicilio aquí. El dixo que como todo isto estaba moi antigo, e que todo era pedra, pois que había que botar cemento porque era a modernidade de aqueles tempos. Recebou a casa toda e, polo que me teñen contado, seica pintou unha franxa roxa e outra azul.”

Como non podía ser doutro xeito, o antigo pazo tamén contaba co seu propio brasón, que ía cambiar de localización a raíz de aquel afán renovador de Calixto. Ángeles contounos que un día seica fora por alí alguén da familia dos Puga e viron tirado algo que lles chamou a atención. E claro, pasou o que tiña que pasar.

-Calixto, e logo ese escudo que tes aí tirado non o queres?

-Levadeo ho, levadeo!

Escudo orixinal do Pazo do Fidalgo de Sorrizo (Cortesía de Ángeles Ponte Bermúdez)

“O escudo está na actualidade en Armentón, nunha casa que hai diante do Pazo de Anzobre. Meu avó Calixto disque o vendeu por dous ferrados de trigo”, recordaba Ángeles.

A neta de Calixto e Celia tamén quixo deixar a súa propia teoría sobre o pasado do edificio da súa familia, “Eu oín, pero non sei se é certo, que esta casa era un pazo de fidalguía servinte do Pazo das Covadas, que ese era un pazo de Señorío e que era o principal de Sorrizo. O noso tamén era pazo, pero dependía do outro. Este abastecía os froitos e os outros produtos que necesitaba o das Covadas, o pazo de Señorío. O noso estaba para secundar ao outro, ou sexa, o Señor estaba nas Covadas e este era o do Fidalgo para servir a aquel”.

A avoa de Celia Rodríguez Pedreira, Carmen Cortiñas Pazos, está enterrada no lateral da igrexa de Sorrizo. Esta muller viñera da Lagoa (Sorrizo) e casouse co fillo do Fidalgo do que só sabemos que o seu primeiro apelido era Rodríguez. “Esa Carmen era dos do Pazo de Cortiñas da Lagoa e unha irmá dela casouse para o Pazo de Caión. Fillo do Fidalgo de Sorrizo e de Carmen Cortiñas Pazos foi José Rodríguez Cortiñas, que era prestamista. Naqueles tempos, seica viña moita xente aquí á nosa casa a buscar cartos”, recordaba Ángeles.

José Rodríguez Cortiñas, que igual que ao seu proxenitor alcumaban ‘o Fidalgo’, casou con Amalia Pedreira, natural da Ganduma (Torás, A Laracha) e tamén descendente dunha familia importante. Parece ser que un día discutiron e ela esvarou. Ao caer, deu un golpe na sen contra a lareira que lle causaría a morte. Deixaba orfas a Consuelo, Dominga e Celia, tres nenas de 5, 3 e 1 ano (a máis pequena era Celia, a avoa de Ángeles). Aquel ía ser o principio do fin do poderío dos do Fidalgo de Sorrizo. Nas brétemas do misterio sobre o acontecido, na edición do 8 de outubro de 1915 do Correo de Galicia localizamos a seguinte información:

En la playa del punto conocido por “Juan Vázquez”, de la parroquia de Sorrizo, en el Ayuntamiento de Arteijo, aparecieron unos restos humanos que se cree son de una mujer.

Se trata de un cadaver horriblemente destrozado, cuya identificación se hace imposible.

Algunhas personas que acudieron allí a verlo, creen que muy bien pudiera ser el de Amalia Pedreira, que desapareció de su domicilio hace cerca de un mes.

Esto no está comprobado.

Dende aquela, José Rodríguez Cortiñas nunca volvería a ser o mesmo. O pobre encamou e morreu do desgusto aos tres anos da perda da súa muller Amalia. Segundo nos contou Ángeles, “aquí seica había mobles moi bos, candelabros caros, cubertería de ouro e outros obxectos que parece ser que os criados foron roubando porque aquí quedara a nai de José, Carmen Cortiñas Pazos. Esta muller estaba cega e os criados, claro, había fame e moita miseria, foron levando e levando cousas para vender ata que desvalixaron a casa toda. Miña avoa Celia contaba que había roupa de cama moi boa dos tempos potentes da casa e que voara todo. As cousas foron desaparecendo todas, foi unha desgraza.” Carmen Cortiñas, que quedara ao coidado das súas tres netas, finou en 1932 aos 89 anos de idade.

Lápida de Carmen Cortiñas Pazos existente no adro da igrexa de San Pedro de Sorrizo (Xabier Maceiras)

As tres rapazas medraron e foron casando naquela altura. A maior fíxoo en Xermaña (Caión), cun dos de Méndez, a do medio casou cun dos de Arijón de Corteo e Celia, a avoa de Ángeles, casou, como xa dixemos, con Calixto de Gondreo (Sorrizo). Cando casou Dominga, a irmá do medio, o terreo orixinal do Fidalgo dividiuse: nunha parte fíxose unha vivenda nova e na outra seguía estando a casa orixinal.

Vista aérea das dúas casas existentes no terreo do Fidalgo de Sorrizo. Obsérvese no centro da imaxe o antigo pazo (Cortesía de Ángeles Ponte Bermúdez)

“Miña avoa Celia, que nacera en 1914, cando era moza ía moito para a casa de seus avós maternos da Laracha. Ofrecéronlle que se os coidara e eles, a cambio, deixábanlle o lugar da Ganduma. A casa de Sorrizo quedou abandonada ao que morreu Carmen Cortiñas, e miña avoa foi para a casa da irmá maior Consuelo”.

Celia Rodríguez Pedreira casouse con 24 anos e deixou a casa da irmá. Durante un tempo viviron en Gondreo, na casa dos pais de Calixto. Alí, logo dalgún que outro roce da convivencia, foi cando dixeron aquilo de “o casado casa quere” e, ao pouco, decidiron establecer o seu domicilio na antiga casa ou pazo do Fidalgo, que levaba tempo abandonada e xa estaba cuberta de silvas. “En Gondreo miña avoa Celia non conxeniaba moito coa sogra porque mandábaa traballar e claro, non estaba moi afeita porque viña dunha vida cómoda. Por certo, o de Gondreo fora o antigo pazo da familia Pombo, pero nós non descendemos desa familia. A familia de meu avó Calixto foi a que lle comprou aos Pombo cando estes marcharon para América”. Sobre este particular, subliñar que do Pazo de Gondreo e da liñaxe dos Pombo en Colombia, xa escribimos no seu momento nestas Crónicas de Arteixo.

Así pois, logo de certo tempo residindo en Gondreo, Calixto e Celia decidiron establecer o seu domicilio na antiga casa-pazo do Fidalgo, unha casa que segundo nos dixo a súa neta “nunca se chegou a vender e desde o Fidalgo orixinal foi pasando de xeración en xeración ata a actualidade”.

Calixto e Celia recebaron a antiga casa señorial, pintárona, quitaron un cabazo de pedra e fixeron outro grande dos que se facían de ladrillo na época. “Meu avó morreu de cancro aos 42 anos. Aquí naceron as dúas fillas do matrimonio: miña tía Obdulia e miña nai Alicia”, recordaba Ángeles, que tamén nos contou que “esta casa tiña moitas leiras e moitos montes e, como tiñan un notable poder adquisitivo, meu avó quixo comprar un terreo na Coruña, na zona de San Andrés, para montar alí unha empresa de carbón. O home tiña boa visión de negocio porque, como tiña pinos nos montes e daquela non había moitas calefaccións, a xente quería carbón de madeira”. Celia falecería en 2009, aos 96 anos de idade.

Celia Rodríguez Pedreira e Calixto Bermúdez Ferreiro (Cortesía da súa neta Ángeles Ponte Bermúdez)

Antigamente a casa tiña unha balconada que seica facía unha especie de “L”. Polo que nos contou Ángeles Ponte, “antes esa parte era a entrada principal da casa, ao revés do que é hoxe”.


Imaxes actuais da parte traseira do pazo do Fidalgo nas que se pode apreciar perfectamente a cantería orixinal (Xabier Maceiras)

Como xa dixemos ao comezo desta crónica, o dito popular sinala que “capela, pombal e ciprés, pazo é”. Pois ben, descoñecemos se o do Fidalgo tiña capela de seu pero o que si sabemos é que tiña un “hórreo moi antigo cos pés de pedra, pero meu avó derrubouno e fixo un moderno de ladrillo, e tamén fixo unha graneira”. Con referencia ao pombal, Ángeles díxonos que “veu moita xente da Universidade a velo e a sacarlle fotos. Isto era de pedra, pero meu avó tamén o recebou”.

Pombal do Pazo do Fidalgo (Xabier Maceiras)

Interior do pombal do Pazo do Fidalgo (Xabier Maceiras)

Precisamente, sobre o pombal do Fidalgo publicouse valiousa información no libro Arquitecturas da provincia da Coruña, onde se comenta o seguinte:

Típico pombal do mundo popular, de planta circular, aínda que destacado en altura, o que o fai máis esvelto, sobresaíndo deste xeito do importante muro de peche da leira, no que fai esquina, semellando unha torre. Ademais da porta principal, que dá paso a un local para garda-las ferramentas, encóntrase outra sobre a anterior, que dá acceso a outro andar, aproveitando así a construcción para varias finalidades.

Os seus muros, de cachotería, encóntranse recebados, cubríndose cun tellado cónico de tella rematado por un pináculo. Os buratos para a entrada e saída das pombas sitúanse a dúas alturas, no último caso sobre un soleirado de pedra no que se poden pousar.

O propio pombal, así como o muro de peche da horta, indica a súa pertenza a unha casa grande, de certa importancia, ben sexa rectoral ou pazo1. 

Pombal do Pazo do Fidalgo (Foto do libro Arquitecturas da Provincia da Coruña)


(...CONTINUARÁ)

__________________________________

1 José Ramón Soraluce Blond/Xosé Fernández Fernández (directores) (1995): Arquitecturas da Provincia da Coruña, Vol. I, A comarca coruñesa: Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada; Departamento de composición da Universidade da Coruña; Editorial Deputación da Coruña, páx. 70

Ningún comentario:

Publicar un comentario