venres, 24 de novembro de 2017

O CASTRO DO CASTELO DE LAÑAS E A LENDA DOS PITOS DE OURO


Vista dende o castro de Lañas
      As lendas forman parte importante da riqueza cultural dos pobos, que teñen nelas un dos tesouros máis valiosos do seu pasado. No caso de Arteixo, a da galiña dos pitos de ouro probablemente sexa a máis coñecida do noso acervo literario popular transmitido oralmente durante séculos. En moitas aldeas onde hai un castro, sá ou croa, pódese oír, con pequenas variantes, esta lenda que é das máis correntes do país, mais nós ímola referir como aparece recollida no libro Lendas Galegas de Tradición Oral, da autoría de X.M. González Reboredo, editado por Galaxia en 1995:

    “Na croa (enténdase castro) de Lañas, hai unha morea de penedos entre os que mora dende hai moitísimos anos, tantos que ninguén recorda de que tempos vén, unha galiña que sae ás veces na madrugada coa súa rolada de pitos. Estes pitos son de ouro; pero endexamais ninguén puido pillar un, nin por máis esculcas que se teñen feito se logrou ver onde aniñaban.
Como pode imaxinarse, esta galiña dos pitos de ouro é un encanto. Poida que sexa a mesma doncela que antes de alborexar o sol nas mañás bretemosas da primavera sae a peitear os seus cabelos loiros cun peite de ouro.

Mais tampouco ninguén puido saber nunca onde se ela agachaba cando alguén tenta de se achegar a ela.

Pero outro encanto máis, se non é diferente forma do mesmo encanto, hai na croa de Lañas. O mouro, o xigante, que é o que garda os tesouros (que poida que sexa tamén o que ten encantada a doncela ou fada e mais a galiña dos pitos de ouro, se é que as dúas non son a mesma cousa).

A muller que me falou disto e me contou como ela vira o encanto díxome que, cando era nena -uns doce anos tería daquela-, andaban ela e mais a irmá máis nova no monte da Agra co gando. Era pola mañá, entre once e doce. Sentara a carón dun piñeiro e, de súpeto, viu aparecer pola banda do monte da croa (o castro de Lañas) un cabalo grande coma un hórreo. O cabalo era castaño claro, case dourado, moi lindo; e montado nel, un home, altísimo e rexo tamén. Ao ver aquilo, gañou medo, ergueuse e fuxiu. A outra nena tamén fuxiu atrás dela.
Castro de Lañas
Chegaron á casa e contoulle á nai como vira aquel home tan grande no seu cabalo.
-Ai, filla, que ese era o encanto. ¿Que fixeches?- demandoulle a nai.
-Gañei medo ao ver aquel cabalo e mais aquel home tan grandes, e fuxín.
-Pois perdiches unha grande riqueza e xa endexamais volverás ter outra ocasión coma ela; mais, por se che cadrar, vouche dicir o que debías ter feito: se tirase o pano da cabeza e collido por un dos bicos o estendese no aire por diante do home, ou por riba do cabalo, e dixese: "Dáme da túa riqueza e eu dareiche da miña pobreza", aquel cabalo viraba de ouro e todo era para ti...

Mais eu non sabía aquilo, e o encanto foise cara ao castro de Elviña. E non o vin máis na miña vida.”

      A lenda da galiña dos pitos de ouro tamén aparece na obra do escritor arteixán Antón Castro (Lañas, 1959), un autor que de cativo pasou moitas horas xogando cos seus amigos a indios e a vaqueiros "con pistolas de pau de loureiro" na croa do castro de Lañas, lugar sobre o que deixa numerosas pinceladas nas viaxes á súa infancia coas que nos deleita nas súas publicacións.  

     Deixando a un lado as lendas e a literatura, hai que decir que o castro de Castelo, tamén denominado do Galo, ao igual que o existente en Castelo na parroquia de Sorrizo (é de notar a coincidencia no nome), conta cunha estratéxica e óptima posición para controlar perfectamente o val de Barrañán desde o seu cume.

O castro de Castelo visto desde Anzobre
   Trátase dun asentamento situado a 215 metros sobre o nivel do mar que foi fortificado a través de dúas estruturas circulares concéntricas e que posúe uns 180 metros de diámetro cunha superfie que abarca aproximadamente 2,5 Ha. O recinto principal, duns 115 metros de diámetro de norte-sur e 90 metros no eixe leste-oeste, está situado estratéxicamente no alto do monte divisando todo o seu entorno. 
    No centro do castro destaca un enorme conglomerado granítico, que foi utilizado para a obtención dos materiais precisos para a construcción das dúas barreiras defensivas coas que conta. É de destacar que no antecastro aínda se conserva unha sepultura dolménica ou «mámoa», doadamente visible a grandes distancias.


 FONTES:

-GONZÁLEZ REBOREDO, X.M. Lendas Galegas de Tradición Oral.Galaxia, 1995. 
-PARDO, GUILLERMO. La mayoría de los castros del municipio se encuentran destruidos. La Voz de Galicia, 4 de decembro de 1981. 
-TROIANO, XOSÉ. patrimoniogalego.net 

venres, 17 de novembro de 2017

O ARTEIXÁN JUAN SUÁREZ "MANÍN" E O CAPITÁN DO PRESTIGE

      O seu nome é Juan Súarez Pardo mais, en Arteixo, todo o mundo o coñece polo apelativo de Manín. O noso protagonista fora, durante os anos 60 e 70 do pasado século XX, un dos valores da canteira do Penouqueira, o equipo de fútbol no que, como é sabido, tamén iniciara a súa carreira deportiva o seu familiar Arsenio Iglesias Pardo, "o raposo" de Arteixo.

Manín nos anos 80
     Posteriormente, tras sentar cátedra nas súas actuacións cos maiores do once da Baiuca, Manín acabaría fichando nos xuvenís do R.C. Deportivo da Coruña e tería a oportunidade de enfrontarse a futbolistas que, andando no tempo, serían internacionais coa selección española, entre eles o porteiro Luis Arconada e o tamén donostiarra Jesús Satrústegui, xogadores que a principios dos oitenta serían campións de Liga de Primeira División coa Real Sociedade.

    Unha vez retirado dos terreos de xogo, Juan Suárez Manín convertiríase en adestrador e dirixiría a equipos como o Penouqueira; o Lira, clube no que tivo como pupilo ao hoxe popular actor Miguel de Lira; o Atlético Arteixo; o Obrero de Oleiros; o Juvenil de Almeiras e, ao equipo xuvenil do Bergantiños que competía na Liga Galega. Manín, ademais, sería Secretario do Comité de Competición da Asociación de Fútbol Veterano da Coruña que, por aqueles días, presidía o antigo futbolista internacional do R.C. Deportivo e do Valencia Manuel Ríos Quintanilla, máis coñecido polo alcume de Manolete. Mais deixemos o fútbol a un lado e centrémonos na profesión do noso protagonista que, tras completar a súa formación académica, empezaría a traballar no mundo da banca, actividade profesional na que permanecería ata a xubilación da que disfruta na actualidade.

      Mais moito antes de xubilarse, nos primeiros días de febreiro do ano 2003, cando aínda ocupaba o posto de subdirector da sucursal de Barclays Bank da herculina rúa de San Andrés, aconteceríalle a historia que traemos hoxe a esta bitácora e que me contou hai certo tempo na Taberna A Baiuca que rexentaban Bieito Romero e Marisa Diéguez, lugar no que por certo Manín deixaba cada venres latentes as súas dotes de canto e de coñecemento da música popular galega.

Bieito Romero, José Lamas "Guitarras", Juan Suárez "Manín" e Xabier Maceiras na Taberna A Baiuca no 2015
      A historia garda relación coa maior catástrofe medioambiental producida nas augas galegas, da cal se cumplen agora quince anos, cando ás 15:15 horas do 13 de novembro de 2002, un petroleiro monocasco construído no Xapón, con bandeira das Bahamas, de propietario en Liberia, armador grego, rexistrado por unha sociedade clasificadora de Estados Unidos e asegurado en Londres, enviaba un SOS a 50 quilómetros de Fisterra. Como podedes imaxinar aquel petroleiro era o Prestige e despois pasaría o que todas xa sabedes.

      Entre os “hilitos de plastilina” de uns e a incompetencia de outros, o caso é que a única persona que nun principio pagara o pato da catástrofe fora Apostolos Mangouras, o capitán do Prestige que, despois de tres días sen dormir tratando de salvar o barco, ingresaba na cárcere de Teixeiro o 17 de novembro daquel fatídico 2002 acusado dun delito ecolóxico e de desobediencia ás autoridades marítimas españolas, autoridades que quedarían libres de calquera tipo de culpabilidade. Curiosamente, a parte dos “hilitos de plastilina” dos que facía referencia o hoxe presidente do goberno M. Rajoy, os goberantes das administración autonómica e estatal referíanse á traxedia ecolóxica con declaracións como as do seguinte calibre: "O risco de marea negra non creo que o teñamos"; "no tememos ninguna catástrofe ecológica"; “se pensó en bombardearlo con F18"; "se va a solidificar, no va a pasar nada", "las playas seguirán esplendorosas", "lo que se hizo fue admirable"...

      Un días despois días de que empezara a chegar o chapapote á costa, o 21 de novembro, nacía o movemento Nunca Máis, unha das maiores mostras de dignidade colectiva como país que se constituira para reclamar responsabilidades medioambientais, xudiciais e políticas polo desastre acontecido nas augas galegas. Mais con todo, a pesar da presión popular, a única cabeza de turco seguiría sendo Mangouras, un capitán que, tras 84 días en prisión, abandonaría o centro penintenciario á unha da tarde do 7 de febreiro de 2003, despois de que na víspera fora depositado, no Xulgado de Instrucción número 1 de Corcubión do que era titular o xuíz Francisco Javier Collazo, un aval por importe de 3 millóns de euros por parte de London Steamship, a compañía aseguradora do armador do petroleiro. Chegados a este punto, xa podedes intuír quen foi a persona encargada de levar a Corcubión o aval dos 3 millóns de euros. Pois si, Juan Suárez Manín, que recentemente volvía a lembrarme os feitos tomando un café en Arteixo:

Imaxe recente de Manín
     "A nosa idea, a miña a máis a do interventor (Manuel Núñez), era levantar acta notarial para darlle ao xuíz de Corcubión a seguridade xurídica necesaria da sinatura de ambos para, posteriormente, enviar o cheque dos 3 millóns de euros por transporte urxente. Mais o xuíz non estaba de acordo con iso e, seguramente por mor da presión popular daqueles intres, dixo que se as dúas persoas que asinaran o aval bancario non se presentaban no xulgado de Corcubión antes das 11:30, Mangouras non quedaría libre. Así que non nos quedara outra. Lembro que tivéramos que pedirlle persoal a outra oficina que Barclays Bank tiña na Coruña, a de Catro Camiños, para que ese día non pechara a nosa e, despois, xa nos desplazamos ao xulgado de Corcubión co cheque dos 3 millóns, o máis grande que asinei na miña vida”.

     Horas despois da liberación do capitán do Prestige, que cumplira na cadea o seu 68 aniversario, o músico e escritor Xurxo Souto, portavoz de Nunca Máis na Coruña, calificaba de "boa noticia, pola súa humanidade", a liberación de Mangouras, "xa que o seu encarcelamento era un agravio comparativo con respecto a outros posibles implicados". "O capitán non é o único culpable da catástrofe, e non foi él quen mandou afastar o barco da costa", dicía Souto na presentación da manifestación convocada naquela hora na cidade herculina baixo o lema “Se non salvamos o mar, só nos queda a maleta".

      A posta en liberdade de Apostolos Mangouras impedíalle a súa saída de España e, por tal motivo, elixiría Barcelona para residir alí durante dous anos coa súa muller, unha cidade onde non era coñecido e pasaba desapercibido tendo, iso si, que ir todos os días a asinar á comisaría. En 2003 o capitán do Prestige foi candidato a 'Marino do Ano', premio outorgado polo Naval Institute de Londres e pola revista marítima Lloyds. Un ano despois, no 2004, trinta capitáns da Mariña Mercante Española facíanlle unha cea homenaxe na cidade condal polo maltrato que consideraban recibira das autoridades españolas. En Barcelona, Mangouras estaría baixo tratamento médico a base de antidepresivos, feito que levaría aos seus avogados a solicitar a súa liberdade, por motivos de saúde, á Audiencia Provincial da Coruña que, finalmente, autorizaría a súa marcha a Grecia.

      Dende entón o capitán do Prestige residiría entre Atenas e a illa de Icaria coa súa familia, tendo que acudir unha vez cada quince días á comisaría a asinar e vivindo da pensión que cada mes lle pagaba Protection and Indemnity, a aseguradora do petroleiro á espera do xuízo.

      En 2009 o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, con sede en Estrasburgo (Francia) resolvía a favor da Xustiza Española pola denuncia contra os 3 millóns de euros impostos como fianza a Mangouras. Co voto a favor de dez maxistrados e o voto en contra de sete, consideraron que a fianza imposta ao capitán non foi excesiva, xa que se tivo en conta a amplitude do prexuízo provocado polo verquido de fuel oleo tanto en danos ecolóxicos como económicos.

      Posteriormente, o xuízo previsto para marzo de 2012 tívose que aprazar ao aceptar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a recusación dos tres xuíces que ían xulgar o caso por parte da Avogacía do Estado, a Fiscalía e a defensa do capitán do Prestige, ao ter participado nalgún momento no procedemento. O xuízo pola traxedia medio ambaiental iniciaríase o 16 de outubro de 2012 na Coruña, nas instalacións de Expo-Coruña cun custo de un millón de euros, xuízo no que estaban acusados dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, danos e desobediencia Apostolos Mangouras, como capitán do Prestige; Nikolaos Argyropoulos, o xefe de máquinas e Ireneo Maloto, primeiro oficial con paradoiro descoñecido e declarado en rebeldía. O daquela director xeral da Mariña Mercante José Luís López-Sors fóra acusado dun delito contra o medio ambiente e danos e,  así mesmo, tamén quedarían imputados como responsables civís directos The London Steam-Ship Owners Mutual Insurance Association Limited, a aseguradora do buque e, o Fondo Internacional de Indemnización de Danos Debidos á Contaminación por Hidrocarburos. Como responsables civís subsidiarios quedarían imputados o Estado Español e as navieiras Mare Shipping Inc e Universe Maritime Ltd.

Apostolos Mangouras no 2003
      No xuízo de 2013 Mangouras sería condenado a nove meses de cárcere por desobediencia grave e ao pagamento dun terzo do custo do xuízo. O Estado Español levou aos tribunais de Nova York nun xuízo civil á Sociedade de Clasificación de buques American Bureau of Shipping (ABS). O caso sería finalmente desestimado polos tribunais dos Estados Unidos.

      Na actualidade, quince anos despois da traxedia, a actividade xudicial en torno ao caso do Prestige aínda segue sen pecharse. Mentres, o capitán Mangouras pasa o seu tempo adicado á pesca na illa de Icaria dende a costa, sen subir a barco algún e, camiño dos 83 anos, está a escribir as súas memorias. Pola súa banda Juan Suárez Manín, o encargado de levar ao xulgado de Corcubión o aval dos 3 millóns de euros para deixar en liberdade a Apostolos Mangouras, disfruta da súa xubilación facendo deporte, xogando algunha que outra partida no bar Insua ou, camiñando polo paseo marítimo de Arteixo na compaña dalgún amigo da súa infancia e xuventude, paseos nos que a miúdo se fai as mesmas preguntas que a inmensa maioría da poboación galega: ¿Temos os medios que hai que ter para evitar outra catástrofe destas características? ¿Que fixeron e onde están os responsables políticos deste desastre e de todas as mentiras que nos contaron naqueles días? ¿Actuou a xustiza con contundencia contra a mentira, a incompetencia e a manipulación?

mércores, 8 de novembro de 2017

O CASTRO DE RAÑOBRE

Fabulación do castro de Rañobre da autoría de Roberto Castro
      Son varias as hipóteses en torno á denominación desta aldea da parroquia de Oseiro. Para Ramón Menéndez Pidal, Rañobre puido ser propiedade dun tal Ranius, mais o historiador tamén admitía a probabilidade de que o nome do lugar poidera estar asociado cos topónimos Rañal, Rañeiras ou Raña, de quen o Diccionario Galego-Castelán de Leandro Carré dinos, nunha das numerosas acepcións da súa octava edición (1984), que o substantivo raña pode ser “terreno alto y de monte pobre”.
 
     
Rañobre é
, xunto con Anzobre, Laxobre e Canzobre, un dos catro topónimos do municipio que levan o sufixo "-obre" na súa denominación, unha terminación sobre a que o arqueólogo Luís Monteagudo apunta a idea de que se cadra procede do antigo europeo -veris (altura), mentres que case todos os primeiros elementos destos topónimos son xentilicios ou cognomina romanos. O popular arqueólogo tamén nos di que..." en consecuencia, y descartando por varias causas la interpretación como "altura fortificada" (=castro), creemos posible que esta "altura" de los topónimos en -bre signifique outeiro (altar) que en general aprovechaba los peñascos de las alturas, y además constituía el núcleo de una institución socio-religiosa que, evolucionando, llegó casi hasta nuestros días.

      Outros autores consideran que o sufixo “-bre” derivaría de “-brix” e indicaría en orixe un poboamento en altura. Simplemente observando o modelo de elevacións da nosa bisbarra compróbase que, efectivamente, os topónimos en “-bre” e afíns atópanse en xeral (aínda que non en todos os casos) en zonas relativamente elevadas, non moi pronunciadas xa que o noso relieve é relativamente suave, mais si ocupan lugares altos con boa visibilidade.

     Sexa como fora, o caso é que Rañobre, segundo algúns expertos na materia, conta cun dos castros máis importantes da contorna que, polo seu recoñecido valor propio, debe ser considerado e estudado máis profundamente para a permanencia e a identidade da nosa cultura a través do tempo. De forma elíptica coas defensas moi suavizadas por ser empregado ao longo dos séculos como zona de cultivo, o asentamento está na actualidade practicamente destruído, véndose soamente parte das súas defensas na zona norte, a máis alta do recinto. A construción da estrada Suevos-Rañobre, a edificación de varias vivendas e unha nave industrial foron, xunto aos traballos agrícolas, os principais motivos que levaron por diante case a totalidade deste tesouro do patrimonio arteixán, do que hoxe só están visibles o terraplén, un foxo e un parapeito.

Castro de Rañobre (Galipedia)
     Os terreos nos que está asentado o castro, que mide uns 350 metros de SW-NE e uns 250 metros de NW-SE, co descorrer dos anos pasarían a mans de Constanza das Mariñas, unha muller que recibira estas e outras terras do actual concello de Arteixo como parte do legado que lle deixara seu pai Gómez Pérez, falecido en 1475 un ano despois de outorgar testamento. Constanza casara con Lope Sánchez de Moscoso “o groso”, conde de Altamira que non tardaría en ser repudiado pola noiva xa que, segundo nos conta Vasco da Ponte...”este conde no era hombre para mujer y doña Constanza no le quería por marido”. Nas crónicas de Vasco da Ponte, o autor tamén nos di que poucos meses despois da separación Constanza das Mariñas casouse en segredo “a furto de su padre” co fidalgo Fernán Pérez Parragués, que fora escudeiro dos Andrade e do propio Gómez Perez das Mariñas, que nunca chegaría a recoñecer o enlace e, pola deshonra, ”en adelante cubrió la cabeza con una capilla de un capuz negro”. O nome da nosa protagonista quedaría reflectido na toponimia do litoral arteixán, feito que recolle Uxío Carré Aldao no apartado que lle adica á parroquia de Oseiro na súa Geografía General del Reino de Galicia dicindo que...en las playas inmediatas se dice hay la llamada Pena da Constanza, que debió este nombre a que allí embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas”.

      Posteriormente, boa parte das terras das que estamos a falar pasarían a formar parte do señorío dos Oca. Pola documentación localizada a partir dos anos cincuenta do século XVIII, podemos constatar que Diego de Oca y Cadórniga, señor das Casas de A Mezquita, As Frieiras, Bergondo, Oseiro, etc. e Coronel do Reximento Provincial de Betanzos, levou a cabo unha certa actividade e demostrou preocupación pola realización de melloras constructivas nas súas posesións. Desa época, e grazas a un pleito iniciado en 1754 por D. Diego contra Antonio Miramontes pola fabricación duns muíños e unha presa, sabemos que este Miramontes era “dueño de la cercana torre de Rañobre”, información que nos leva a pensar que probablemente esta torre fora edificada no castro do lugar, mais son datos que non podemos corroborar.

Estrada dentro do castro de Rañobre, á dereita parte dos defensas (Galipedia)
      O que si podemos afirmar e que, andando no tempo, boa parte do núcleo de Rañobre pasaría a ser propiedade do Conde de Priegue, Francisco Javier Ozores Losada, deputado a Cortes polo distrito de Santiago en 1867 e polo da Coruña en 1879, 1884 e 1891, un persoeiro que na compaña da súa muller Jesusa Pedrosa Álvarez Maldonado (dona das Torres de Celas, no concello de Culleredo) e dos seus fillos, acudía con frecuencia á residencia de verán que, naquela hora, a familia tiña en Rañobre. Á morte do Conde, o título e os bens tradicionalmente asociados a el quedarían nas mans do seu fillo Santiago, que lle acabaría vendendo á veciñanza da contorna os terreos dos que estamos a falar.

      Un século e medio máis tarde, en abril do 2009, o castro voltaba a ser tema de actualidade por mor das obras do porto de Punta Langosteira, que sacaran á luz unha zona de 30 metros lineais que parecía corresponderse cunha construción funeraria do antigo asentamento castrexo de Rañobre.

      O achado tivo lugar no monte da Xeixeira, no límite dos terreos que foran expropiados polo Porto para dotar de máis material de canteira ás obras de Langosteira, onde se deixara unha zona de protección de 200 metros desde o castro, aparecendo xusto despois desta distancia. Todo parecía indicar que se trataba do cemiterio que utilizaban os habitantes do antigo recinto castrexo xa que, a simple vista, podíanse observar algunhas lousas alineadas e anacos de cerámica vermella, que os expertos vincularon aos enterramentos destos poboadores.

Operarios do Porto observando o achado (La Voz de Galicia, 18 de abril de 2009)
      A aparición destos restos funerarios no monte da Xeixeira xeneraría a lóxica sorpresa entre os responsables da Asociación de Veciños de Rañobre, quenes instaron ao ente portuario a que protexeran de forma inmediata o achado arqueolóxico solicitando que fora analizado por expertos coa máxima urxencia. Tanto a Autoridade Portuaria como a empresa encargada das obras, UTE Langosteira, decidirían teitar por medio de materiais plásticos a zona en cuestión e a constructora deixaría de extraer materiais do punto de canteira próximo ao supuesto cemiterio. Posteriormente, un equipo de arqueólogos traballaría in situ para intentar recuperar todos os restos e determinar o seu valor, un equipo que durante a escavación non atoparía restos óseos, algo co que, dada a acidez da terra nesta zona, en certa maneira xa contaban.

      A veciñanza de Rañobre acollería o achado do suposto cemiterio con asombro e incredulidade. Carmen Martínez Souto, de 91 anos e naquel intre a segunda persoa de máis idade da parroquia, dicía sorprendida que… “vivín sempre aquí e nunca souben que aí houbese un cemiterio”, subliñando que súa nai vivira 101 ...“coñecía todo o lugar e xamais me comentou que no Pe da Xeixeira houbese un cemiterio”. As palabras de Amelia Dans Vázquez coincidían coas pronunciadas por Carmen Martínez. “Eu tamen levo vivindo toda vida aquí e xa teño os meus anos, pero na miña vida souben que ese monte foxe algún día un cemiterio”, dicía. Tanto Amelia Dans como Antonio Vázquez Martínez, éste último de 75 anos, coincidían en sinalar que os seus antepasados lle comentaran que nos montes cercanos ao de Pe da Xeixeira “houbo algún día asentamentos de persoas”. De feito, Vázquez Martínez recordaba o nome dunha zona próxima ao achado funerario: “Aí o lado -refiriendose ao suposto cemiterio- chámaselle Os Castros, e por algo será!. Antonio tamén indicaba que nesa zona do castro...levamos toda a vida sementando nas leiras, arando con vacas e agora con tractores e nunca atopamos nada”.


FONTES:

-AMADO CASDELO, MARCOS EMILIO. Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, señores de Montaos. Autoedición, 2017.
-CARRÉ ALDAO, UXÍO. Geografía General del Reino de Galicia. Tomo I. Carreras Candi. Casa editorial Alberto Martín. Barcelona, 1928.
-CASTRO, RAMÓN. Las tumbas del castro de Rañobre no afectarán a las obras del puerto. La Voz de Galicia, 18 de abril de 2009.
-MACEIRAS RODRIGUEZ, XABIER & PATRICIO CORTIZO, FERNANDO. De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam. Edicións Embora, 2014.
-MOUZO, EMILIANO. Rañobre pide al Puerto protección para las tumbas halladas en el castro. La Voz de Galicia, 19 de abril de 2009.
-SÁNCHEZ GARCÍA, JESÚS ÁNGEL. Mariñán: Pazo de los sentidos. Deputación de A Coruña, 1999.