luns, 29 de abril de 2019

O POLIFACÉTICO ARTISTA ARTEIXÁN MANUEL DE EVA

Manuel de Eva (Arteixo, 1973) descubre o mundo do baile tradicional vendo, cando tiña 11 anos, unha actuación do grupo de danzas da A.X. Xiradela no balneario de Arteixo. Ao ver bailar a aquelas rapazas e rapaces, deuse conta de que el tamén quería facer iso, quería bailar!

Xiradela permitiríalle, por aqueles anos, dar renda solta a todas as inquedanzas artísticas presentes na vida do futuro artista, ben recitando o verso nunha igrexa ateigada de xente pola Festa das Flores, ou ben facendo teatro en actividades escolares.

Ademais de bailador co grupo de danzas, co que fixo innumerables actuacións tanto a nivel nacional como internacional, Manuel de Eva tamén tivo ocasión de facer teatro formando parte do grupo teatral de Xiradela durante algúns anos, acadando algún recoñecemento tanto individual como colectivo.

Manuel de Eva
Andando no tempo o seu vínculo coa popular asociación arteixá faríase máis forte e, aos 18 anos, pasaría a formar parte da xunta directiva, na que permanece ata os 32 levando distintas vogalías antes de converterse en presidente, cargo que ocuparía varios anos.

Alí, en Xiradela, a raíz da convivencia coas compañeiras e compañeiros, ten a oportunidade de sumar outra actividade que lle apaixona, a música. No ano 1993 funda, xunto con outros amigos, o grupo Os Revenidos do que é vocalista e letrista. Así mesmo, Manuel de Eva fai colaboracións como letrista con outros artistas como Xabier Díaz, con quen participaría no seu primeiro traballo en solitario “Músicas de Salitre”, editado no 2004, ou con Bellón e Maceiras no seu disco “Unión das Terras” do 2006. Ten feito tamén algunha colaboración como guionista para o programa Tourilandia da TVG.

A faceta como monologuista do artista arteixán xurdiría un pouco de xeito casual, logo de ser convidado amigablemente a participar nun concurso que organizara o Pub D´antón da Laracha no ano 2004. Nun principio, o devandito local non contaba con moitos participantes e, sen experiencia previa, Manuel acabaría animándose a concursar xunto con outra xente que non tardarían en consagrarse como grandes actrices, actores e cómicos deste país, casos de Isabel Naveira, Gari, Oswaldo Digón, Roberto Vilar ou, entre outros, Rober Bodegas. Manuel de Eva gañaría aquel concurso. Posteriormente obtería un segundo e un terceiro premio noutros monólogos celebrados na Coruña, monólogos nos que tamén concursaban “Os dous de sempre” X. A. Touriñán e Marcos Pereiro como As cantareiras de Berdillo. Manuel estaría dous anos actuando nos circuitos de comedia afeccionada do país, ata que se viu na obriga de deixalo por motivos laborais e persoais. Retornaría unha década máis tarde para comezar a "facer bares" contando as súas historias.

Manuel de Eva
Destacar tamén a súa faceta como actor de teatro a partir do ano 2009, que foi cando comeza a formar parte da Asociación Teatral Paso de Valverde de Arteixo coa que, despois de formarse durante varios anos como actor da man de Paulo Serantes e Xavier Ramilo, acabaría formando parte do grupo de teatro da devandita Asociación e participando na creación de “Sánatos”, unha peza teatral coa que percorrerían boa parte da xeografía galega polos distintos circuitos de teatro amador. Con “Sánatos”, Paso de Valverde acadaría o premio “Mellor espectáculo adultos 2016” no certame organizado por Hipócrita Teatro.

Recentemente fixo dúas cancións da súa autoría: “Na ría de namorar” e “Xan dos ollos claros”, cancións que estreou coa Banda de Música Santiago de Arteixo como solista.

Manuel de Eva é o director coreográfico do proxecto teatral "Rodríguez, o loro de Picadillo", proxecto no que colabora coa compañía Melandrainas.

domingo, 14 de abril de 2019

ATA SEMPRE, COSME!


Un día, haberá dezaoito ou dezanove anos, coñecín a súa nai Lola, un dos cans que naquela hora tiña a miña familia de Oseiro na súa casa. Lola era un golden retriever especial. Era, como a inmensa maioría dos golden, un cacho de pan de temperamento admirable e de conduta inmellorable. Non me digades o porqué, mais o caso é que aquela cadela fixo, dende o primeiro momento, moi boas migas comigo e souben que algún día tería un dos seus cachorros na miña casa.

E así foi. Andando no tempo, Lola sería nai dunha camada prexudicada polo líquido amniótico dun canciño que tiña morto no seu ventre, canciño que obstaculizaba a saída do resto da camada. Tras aquel parto complicado, os cachorros sairían adiante con certas dificultades.

Non lembro se eran cinco ou seis, mais un daqueles canciños era para min.

-Escolle o que máis che guste, dixérame miña curmá Manela. E eu escollín a un dos machos.

Durante as semanas posteriores, fun testemuña da boa vida que levaba en Oseiro a miña futura mascota e, tamén, dos seus xogos co resto da camada. Era un pracer vivir o día a día da adopción! 

Pasados tres meses, o 26 de setembro do 2004, decidimos que era o momento axeitado de traelo ao seu novo domicilio do Rañal. Aquel día era San Cosme e, con ese nome, a miña parella e eu decidimos bautizar o noso canciño. As primeiras horas, os primeiros días de Cosme con nós foron inesquecibles. Foron de verdadeiro sufrimento. Algo non ía ben! O canciño estaba moi triste, algo ata certo punto normal porque viña de separarse de súa nai e de seus irmáns. Tampouco xogaba e, por riba, batía con todo o que tiña por diante!

Non tardamos en ir a unha das clínicas veterinarias que había en Arteixo, onde nos dixeron que era moi probable que Cosme era un can cego. Ante aquela rotunda afirmación, que a dicir verdade xa sospeitábamos, dedidimos que era necesario ter unha segunda opinión e visitamos a Luís González, o veterinario da Clínica Xarope da Laracha.

-Machiño, creo que tes un can cego!

Cosme
Tras aquel par de consultas veterinarias que confirmaron que Cosme era un can invidente, estaba moi, moi claro que había que facer todo o posible para mellorar a vida do novo membro da familia e na casa pensamos que unha boa solución sería traerlle unha compañeira. Optamos pola adopción e, aos poucos días despraceime ata as instalacións que a protectora de animais Apadan ten en Sueiro (Culleredo), non moi lonxe da N-550 ao seu paso por Altamira (Carral) para adoptar unha cadela para que lle fixera compaña a Cosme.

Lembro que, ao longo do percorrido que realicei no coche dende Arteixo ata Sueiro, fun pensando todo o camiño que a elexida había der ser a primeira cadela que me amosara un pouco de cariño.

Ao entrar nas instalacións daba a impresión que as ducias de cans que había ladraban “escólleme a min, escólleme a min”… pobres… mais só podía levar a un deles! E alí estaba ela, nun dos múltiples apartados da protectora. Ao verme púxose toda contenta e movía o rabo como se me coñecera de toda a vida. Creo que o noso foi amor a primeira vista! En Apadan chamábanlle Juli, nome que pouco nos gustaba. Era un cruce de pastor belga e alemán e non debía chegar ao ano de idade. Eu acariñeina, ela lambeume e tres días despois, logo de arranxar os trámites da adopción, fun a buscala no meu vello Seat Ibiza.

-Vaste chamar Hilda, díxenlle!

O seu nome viñera dado porque uns días antes da adopción na casa víramos “Gilda”, a longametraxe norteamerica que dirixira en 1946 Charles Vidor que contara con Rita Hayworth e Glenn Ford como actores principais. E así, con ese nome cinematográfico, Hilda entrou a formar parte das nosas vidas e dos nosos corazóns nun día do verán do 2004, que foi cando pisou por primeira vez o seu novo domicilio.

O seu carácter bo e dócil facía dela a compañeira ideal. Era todo atencións cara os seus seres queridos e, por riba, atendía e xogaba con Cosme, un can ao que lle cambiaría a vida de xeito radical grazas aos cuidados da súa nova compañeira, unha compañeira que facía de guía ao invidente.

As habilidades de Hilda coa pelota eran extraordinarias, un don especial que nos fixo pensar moitas veces que se cadra polas súas veas corría sangue circense. Non o sei, mais o caso é que, cando xogaba con ela no campo, era todo un espectáculo vela. Regateala era misión imposible e, parando balóns coa boca, facía mellores actuacións que algúns porteiros dos equipos de fútbol da bisbarra. Cosme, mentres que Hilda e eu xogabamos coa pelota, arrolábase feliz na herba e ladraba dun xeito co que parecía animar á súa compañeira!

Hilda
No 2005, cando Cosme e Hilda xa levaban un ano na casa, nacía David, o noso fillo maior. Ver como a cadela se desvivía polo cativo era algo incrible, tan fabuloso coma cando naceu en 2007 Brais, o pequeno da casa. Para ela os dous nenos eran os cachorriños que nunca tivo. Mimábaos, lambíaos, protexíaos ata de un insignificante insecto, xogaba con eles e con Cosme… mais un momentiño, sempre coa ollada posta na protección e seguridade da casa.

Os anos foron pasando. Os nenos medraban e Hilda e Cosme, lei de vida, irían entrando en idades nas que as enerxías xa non eran as mesmas que cando entraran a formar parte das nosas vidas. Hai quen afirma que cada ano dun can equivale a sete dunha persoa (15x7 son 105). Descoñezo a certeza de tal afirmación, mais o certo é que nos últimos tempos a luz de Hilda e de Cosme iríanse apagando pouco a pouco… Hilda primeiro quedou xorda e, nos últimos días da súa vida, xa case non levantaba as patas traseiras. A súa luz, como xa vos contara por aqueles días, apagaríase definitivamente en outubro do 2018, quedando atrás catorce anos de alegrías, de risas, de xogos, de paseos...

Onte, seis meses despois da perda de Hilda, tamén nos deixou o noso querido canciño. Ata sempre, compañeiro! Ata sempre, Cosme!

mércores, 10 de abril de 2019

FRANSY GONZÁLEZ, PANDEIRETA E VOZ TRADICIONAL GALEGA

Fransy González naceu en Grenoble (Francia) no ano 1972. Filla de emigrantes galegos, seus pais deciden regresar a Galicia cando a súa cativa tiña dous anos de vida.

Con tan só sete anos, a futura artista arteixá empezaría a interesarse polo mundo da música e o baile tradicional galego, inquietude que a levou a formar parte como socio fundador da “A. X. Xiradela”, creada en Arteixo en 1982.

É en Xiradela onde aprende todos os seus coñecementos da música tradicional oral e da danza tradicional. Froito deste traballo, nace o grupo de pandereteiras “Xiradela” de Arteixo (1986-2002), do que Fransy é integrante fundador e directora do grupo durante dezaseis anos.

A finalidade fundamental do grupo é a tarefa de investigación folclórica, recollendo por toda a xeografía galega música e cantos tradicionais, para recuperalos e reconstruilos da forma máis fiel posible ao mesmo tempo que difundilos e conservalos.

A tarefa investigadora do grupo esténdese por toda Galicia, mais nun principio centrouse no municipio de Arteixo e na bisbarra, rastrexando tamén toda a comarca de Bergantiños.

Fransy González
O espíritu inquieto da nosa protagonista levaríaa a dirixir o grupo de danzas da “A. X. Xiradela” (1992-1998), (2001-2006) e a transmitir todo o seu coñecemento da tradición oral a través da ensinanza en asociacións e escolas municipais, tales como a “A. X. Xiradela” de Arteixo (1988- ata a actualidade); “Escola Municipal de Artes Escénicas” de Malpica de Bergantiños (1991-2000); ou a “Sociedade Cultural Recreativa O Castro” de Miño (2001- ata a actualidade).

Fransy González conta con recoñecementos importantes como o 1º Premio de pandereteiras no concurso de música tradicional organizado pola A. C. Xacarandaina (A Coruña) no ano 1991, ou o 1º Premio no concurso de pandereteiras O Pedrón (Padrón) no ano 1992. No ano 1996 é nomeada, xunto coas pandereteiras de Xiradela, arteixás do ano. Así mesmo, obtén o recoñecemento do traballo feito a través dos numerosos premios concedidos ao seu alumnado nos concursos de música tradicional por toda Galicia.

Fransy participou, xunto ao grupo de danzas e pandereteiras, en numerosos festivais tales como o ”XXV Festival Intercéltico de Lorient” (Francia) no ano 1995; “VI Cantigas do Maio” no Seixal (Lisboa); festivais varios con Kepa Junquera no País Vasco (Artea, Balmaseda…) no ano 1996, ”Mujeres del Mundo” (Santander) no ano 1997; “Actual 97” (Logroño); “Celtic Connections Glasgow” (Escocia) xunto cos “The Chieftains” no ano 1997; ”Expo Lisboa” (Portugal) no ano 1998; “La Tentation Bruselas” (Bélxica) no ano 1998; “Via Reggia 99” (Alemania); “Festival Castañeda” (Cantabria) no ano 1999; “Voix du monde Genets” (Francia) no ano 2001 e 2002, etc…

A nosa protagonista colabora, ademais, en discos e actuacións de artistas como Carlos Núñez, Dulce Pontes ou Erik Marchand, participando na gravación dos discos “A Irmandade das Estrelas” (Carlos Núñez) 1995; “Caminhos” (Dulce Pontes) 1996; “Ruta Folk Terra Galega” 1998 xunto cos grupos “Atalora”e “Liorna”; “Os amores Libres” (Carlos Núñez) 1999; “Pandereteiras” 1998 baixo a producción de Mercedes Peón; ou “Kan”(Erik Marchand) 2000. No ano 2002 grava o primeiro e único traballo discográfico co grupo de pandereteiras “Xiradela” baixo a dirección e producción de Xabier Díaz.

A partir do ano 2000 a artista arteixá decide participar en proxectos musicais diversos, a nivel persoal:

- Gravación do disco “Kan” (Erik Marchand) colaborando con distintos músicos do mundo como Bassey Koné (Mali), Le Tenore de Santu Predu (Cerdeña) ou L´ensemble de Mallakastër (Albania) e, actuando por Francia en diversos festivais: “Festival Musique Brest”; ”Festivoce” en Pigna (Córcega); “L´heure bleaue” en St. Martin d’Heres; ”Café de la danse” en París”; “Mantes-La Jolie”, “Saint-Brieuc”, ”Poitiers”, “Grenoble”, ”Estrasburgo”…

- No ano 2012 imparte master class no centre français du patrimoine cultural inmaterial, maison des cultures du monde, á Vitré (Bretaña Francesa).

- En setembro de 2013 viaxa a Muravera (Cerdeña) para participar no festival world music Muravera, actuando tanto de solista como colaborando con Andrea Pisu (launedas).

- No ano 2015 imparte master class no centre breton d´art populaire (Brest) e realiza un obradoiro para nenos na Skol Fanch Gwillhou-Douarnenez.

Fransy González
- Actúa no festival Noborder 2015 (Brest) xunto coa cantante bretona Elsa Corre e participa co grupo de música bretona e de influencia celta, ”Pevarlamm”.

- Participa no coloquio “La transmission et l´enseignement des musiques de tradition orale” organizado por Drom en “le Quartz”-Brest en decembro de 2015.

- Actúa como solista no festival voix du monde “Arrée Voce” á l´abbaye du Relec en Plounéour-Ménez (Francia) en xullo de 2017, colaborando tamén no mesmo co “Duo du Bas” de Douarnenez.

- En novembro de 2017 , na catedral de Santiago de Compostela, actúa con Carlos Núñez e a orquestra do Pórtico da Gloria, Dulce Pontes, Jordi Savall e Hesperion XXI… entre outros, pola conmemoración do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como primeiro itinerario cultural europeo.

- Actúa, en varias ocasións, co grupo “Lilaina” para o grupo de teatro “Os Náufragos” na súa obra ”Castrapo”, dirixida por Gustavo del Río e interpretada por Denís Gómez, Victoria Teijeiro e Gustavo del Río no 2018.

- Actúa coa Banda de Música Santiago de Arteixo e artistas locais (Silvia Penide, Manuel de Eva e Dúo Camándula), na XIX feira histórica de Arteixo en outubro de 2018.

- Participa e actúa coa A.X.Xiradela no I Encontro galego da cultura popular na Cidade da cultura ( Santiago de Compostela) en xuño de 2018.

- Realiza obradoiros por distintas zonas de Galicia como: III encontro de pandeireta internacional en Pontevedra, Romaría de Santa Margarida (A Coruña), Xornadas de percusión tradicional organizadas pola Asociación de gaiteir@s galeg@s en Narón…

-Imparte baile,pandeireta e canto tradicional galego no “Stage international musiques populaires de Galice et dÁsturies” organizado por Drom Kreiz Breiz Academi do 25 ó 27 de marzo de 2019 en Santa Eulalia de Oscos (Asturias).

No seu periplo como pedagoga da música tradicional galega, Fransy González dirixe na actualidade a escola de pandereteiras da A.X. Xiradela de Arteixo, nas que destaca o grupo “Algarada” (grupo que actuou na gala dos premios Opinión da música de raíz 2017, Feira histórica 1900 Arteixo 2017 -xunto co monologuista Manuel de Eva-). Fransy dirixe tamén a escola de baile tradicional e pandereteiras da A. C. O Castro de Miño e, dentro desta escola, ao grupo “Lilaina” (colaboradoras en proxectos con Carlos Núñez, Orquesta Jazz Galicia, Kepa Junquera, Xosé Lois Romero...).