sábado, 23 de marzo de 2019

MICO RABUÑAL, O ESCULTOR ARTEIXÁN PSICOANALISTA DE PEDRAS

Miguel Rabuñal nace en Oseiro en xullo de 1979 na casa coñecida como a de Rafael, que viña sendo o domicilio de seus avós paternos María Naya Pan e José Rabuñal Rey, un home que levaba con moito orgullo o feito de ser neto de Manuel Rey Súarez, persoeiro sobre o que xa temos falado neste espazo e de quen sabemos con certeza que coñeceu e tratou ao propio Manuel Murguía, a Castelao, a Basilio Álvarez, a Casares Quiroga ou, entre outros, ao autor da novela O bosque animado, Wenceslao Fernández Flórez.

Mico Rabuñal (www.ledicia.org)
Dende moi cedo Miguel, máis coñecido polo seu nome artístico de Mico Rabuñal, sentiría a necesidade da arte nas súas veas, unha necesidade de expresión difícil de domar. O primeiro recordo da súa relación co mundo artístico é de cando estaba no parvulario, onde un día atopou un libro da E.X.B. no que, nas primeiras páxinas, había debuxado un candil cunha candea prendida… “Xa non vin nin o texto nin nada máis de aquel libro. Aí despertou algo no meu interior que me fixo debuxar unha e outra vez esa imaxe do candil. Dende aquel día prendeuse en min outra candea”.

Dende aquel entón, os días de debuxos alternábanse con modelaxes na típica masa de plastilina de cor marrón merda, resultado da mestura de diversas cores. Nesa altura, a súas principais influencias non eran outras que os programas televisivos “La Bola de Cristal” e “El Hombre y la Tierra” do grande Félix Rodríguez de la Fuente polo que, as pequenas obras do futuro escultor arteixán, eran sempre Frankensteins ou animais.

Despois de anos visualizando esa temática, sería en 8º da E.X.B. cando na materia de plástica o alumnado de aquel curso fixera tarefas de debuxo ao natural dunhas figuras en escaiola… Recordo que eran un pé, unha cara dunha muller grega e unha cabeza de cabalo. Foi onde me empezou a inquietude de saber máis acerca da arte mais, con todo, non sería ata algúns anos despois cando descubrín, grazas a unha profesora de galego do Instituto, que na Coruña había unha escola adicada aos estudos artísticos, a Escola de Arte e Deseño Pablo Picasso”.

Esa orientación, ese camiño que lle amosara aquela mestra sería, motivada porque nas horas lectivas, Mico adicáballe máis tempo a debuxar na mesa que a facer as tarefas… “ata tal punto que xa me deixaban facelo aínda que, iso si, houbo veces que tiven que borrar algunha obra de moitas horas de entrega, logo das protestas do servizo de limpeza do instituto”.

Mico Rabuñal no seu estudio de Figueiroa (www.ledicia.org)
Os seus primeiros ingresos obtidos das esculturas da súa autoría chegarían co traballo realizado para financiar a excursión de fin de curso, un traballo que empezara uns meses antes tallando unhas pinzas de prender a roupa e tacos de madeira que logo vendería aos compañeiros e compañeiras do Instituto, chegando a recadar máis de 50.000 das antigas pesetas. Rematada a súa etapa de secundaria, Mico empezaría a traballar de xardineiro para financiar os seus estudos de arte... “cubrín a solicitude da escola, fixen unhas probas de acceso e xa estaba dentro!”

O escultor arteixán tiña por diante dous marabillosos anos de aprendizaxe na rama de técnico Superior en Artes Aplicadas a Escultura. Cando saíu da escola, e despois de facer as prácticas de empresa, decidiría especializarse no tallado en pedra polo que traballaría durante un tempo como canteiro artístico para a empresa Grupo Liñagar, onde botaría case cinco anos e onde aprendería o oficio que, na realidade, era o que máis idea lle levaba. Naquel tempo Rabuñal faría algúns traballos que actualmente podemos ver pola xeografía do municipio de Arteixo, coma o Cruceiro de Morás; o retrato a Don Pedro García, párroco de Oseiro, Lañas e Pastoriza; e tamén un escudo do arcanxo San Miguel para o Hotel San Miguel de Pastoriza.

No 2009 Mico Rabuñal decidiría establecerse pola súa conta a tempo completo no seu estudio da aldea de Figueiroa, na antiga casa da súa avoa materna na que o artista arteixán crearía a súa obra máis persoal e definiría o seu estilo, un estilo que segundo as súas propias palabras… clasificaría de arte realista pop, no que emprego distintos tipos de mármores, granitos e pedras calizas”.
Tótem Sugus
Técnica mixta sobre talla directa en pedra arenisca
30x15x13cm
Sempre que falamos con Mico no seu estudio Figueiroa, sabemos que algo novo está tramando e nunca nos deixa de sorprender coas súas obras talladas en pedra. Darlle un pouco de humor as súas esculturas é algo que lle encanta, procurando sempre un tema para que a pedra conte unha historia...Xurde a idea, visualízoa nun material e vou a por ela. Ao final todo se traduce en moitas horas de investigación, de estudio e de moito traballo”.

Ego
Técnica mixta sobre talla directa en pedra caliza. ( metal )
52x25x22cm

Mico Rabuñal, nunca deixa de sorprendernos coas súas novas obras talladas en pedra, unhas obras que podedes adquirir directamente no seu estudio do Lugar de Figueiroa nº 27 A, contactando co artista a través da súa páxina web http://micorabunal.com/ ou en fondo na galería coruñesa Monty4. Tamén podedes estar ao día dos seu traballos no seu Facebook https://www.facebook.com/pg/micorabunal/community/?ref=page_internal 


Gessler  ́s Victory
Técnica mixta sobre talla directa en granito e pedra arenisca
40x30x15cm

Exposicións:

- De Estudios Abertos en A Coruña 2018.
- Colectiva en Galeria Monty4 de A Coruña 2018.
-Colectiva en Galeria Artbys de A Coruña 2018.
- Museo Casa Ibáñez de Melilla 2017
- 6ª edición de la Feria de artistas Cultur3club en Gijón 2017.
- I Feria Internacional de arte contemporáneo Art Fair Málaga 2017.
- Colectiva na Sala Fórum Metropolitano de A Coruña 2004.


Premios recibidos:

- Obra seleccionada para exposición en XXIX Certamen de Pintura y Escultura Ciudad de Álora, 2018.
- Finalista XVIII Certamen Nacional Pintura y escultura ciudad de Melilla, 2017.
- Obra seleccionada na 17ª Mostra Artxove. Pontedeume, 2012.
- 1º premio no XII Certamen de Arte Galería Burela 2007.
- 2º accésit no X Certame de Arte “Galería Burela”2005.

mércores, 13 de marzo de 2019

"OS REVENIDOS", O ROCK RETRANCA DE ARTEIXO

O xerme de onde nacen “Os Revenidos está en Xiradela, unha Asociación Xuvenil na que cadraron moitas rapazas e rapaces de Arteixo que podían dar saída ás súas inquedanzas artísticas aínda que, nun principio, o que maioritariamente facían era bailar, cantar e tocar a música tradicional galega.

Sería nos descansos dos ensaios de baile onde, dalgún xeito, os primeiros “Revenidos” empezarían a divagar e vacilar coa idea de facer un grupo collendo un tamboril, unha pandeireta ou batendo unhas baquetas nunha mesa para facer calquera canción á caída, como por exemplo “El ensayito”, tema co que versionaban o famoso “Chiringuito” de Georgie Dann… “ yo tengo un ensayito al lado de la iglesia; tengo que ir rapidito que me espera Teresa”. Teresa era a súa profesora, e calquera escusa era boa para botar unhas risas!
Imaxe que fai referencía a eses momentos no local de Xiradela onde calquera cousa servía para facer unha canción. Aparecen Manuel de Eva coas baquetas, Alberto Sexto compañeiro de baile) e Víctor Iglesias á flauta (Cortesía de Manuel de Eva)
Todo grupo que se prece ten que ter un nome, así que, como non podía ser doutro xeito, aqueles rapaces de Arteixo que nos primeiros anos noventa tiñan en mente formar unha banda, comezaron a tirar dos alcumes das súas familias. Cando escoitaron o do avó de Guillermo León, un compañeiro de baile, chamoulles a atención poderosamente. O alcume do avó de Guillermo era “O Revenido”, nome que xa lles gustou nada máis escoitalo. Nun principio tamén xuntarían o alcume da avoa paterna de Manuel de Eva, que era Obdulia “da Caseta”, así que nos descansos dos ensaios con Xiradela, ou nas viaxes coa Asociación Xuvenil, cando saían a actuar polo mundo adiante, de xeito moi especial na viaxe realizada en 1993 á vila portuguesa de Sintra, ás veces botaban unhas pezas como “Os Revenidos da Caseta”. E así, como quen non quere a cousa, despois de aquela viaxe a Sintra, empezarían a quedar xa para ensaiar un poco máis en serio, tan en serio que deciden retirar aquilo “da caseta” e pasarían a ser, dende aquel momento, “Os Revenidos”.

A primeira formación dos primeiros ensaios estaba composta por Víctor Iglesias, no piano, Carlos Lareo, Carlos Fuentes e Ruben Martín con guitarras acústicas e Manuel de Eva cantando. Quedaban para ensaiar na casa de Carlos Lareo, nunha antiga tenda de ultramarinos que tiña a súa familia no baixo da vivenda. Máis tarde trasladaríanse ao hórreo da mesma casa.

Naquela altura, algún dos músicos propoñía uns acordes e Manuel de Eva encargábase das melodías e das letras. O primeiro repertorio do grupo sería de temas propios, como por exemplo “Ábreme la puerta”, “Porqué no me dices la verdad”, “ El virus de la soledad”, “Todo es nada”…

Xa no ano 1994 deciden dar un paso adiante: facía falla alguén que tocara o baixo na formación así que Rubén Martín, “O Duque de Preguín”, asume ese rol e merca un baixo pasando, dende aquel entón, a ser o baixista da banda. Facía falla un batería tamén, así que Manuel de Eva empeza a dar algunha clase con Manolo Maceiras, gran baterista arteixán, e ao pouco merca unha Pearl de cor branca de segunda man, que vendía Tom o baterista dos míticos “Troleblues”, un grupazo de Laxe que tiña algún membro de Arteixo, entre eles o propio Manolo Maceiras, o profesor de batería de Manuel de Eva, e tamén a Anxo Souto na guitarra, un Anxo que, as voltas que da a vida, formaría parte dos “Revenidos” vintecinco anos máis tarde!
Imaxe de un dos primeiros concertos do grupo, o da Noite Meiga de Xiradela do ano 1993. De esquerda a dereita Carlos FuIentes, Rubén Martín, Carlos Lareo, Manuel de Eva e Víctor Iglesias (Cortesía de Manuel de Eva)
Á guitarra qued
aría Carlos Lareo, pois Carlos Fuentes deixaría o grupo. Víctor Iglesias, andando no tempo director da Escola Municipal de Música de Arteixo, seguía no piano e incorporarían a Roberto Darío na voz. Con esta formación, Os Revenidos” tocarían en algunha que outra festa de aniversario e, tamén, na Noite Meiga dos anos 1994 e 1995 que organizaba a A. X. Xiradela. Aquí acabaríase temporalmente a primeira etapa do grupo xa que, por distintos motivos e ocupacións, o proxecto dos “Revenidos” estaría parado durante nove anos!

Facemos viaxe na máquina do tempo e chegamos ao ano 2004, que foi cando Rubén Martín empezou a fantasear coa idea de voltar, mais iso si, só para dar un único concerto por aquilo de que era unha verdadeira pena ter tocado tan pouco no pasado. Rubén pensaba que aquelas cancións e aquel proxecto non podían quedar no esquecemento e, ao pouco, fala co resto da banda. A todos lles parece boa idea xuntarse de novo, excepto a Roberto Darío que non podía comprometerse. Naquela hora precisaban un cantante mais, cousas do destino, seríalles máis doado atopar un novo batería xa que Víctor Iglesias coñecía a un rapaz de Loureda, Esteban Castro, que se convertiría no novo batería de “Os Revenidos” ao mesmo tempo que Manuel de Eva pasaba a ser a voz do grupo.

Así pois, “Os Revenidos” deciden xuntarse para facer un único concerto nun bar de Arteixo que se brinda a acollelos, “El Pasatiempo” ou “o bar de Chupi” como tamén é coñecido. Ao preparar os seus temas, son conscientes que non teñen repertorio suficiente para ofrecer un concerto en condicions e, con esa facilidade que os caracterizou dende un principio para facer versións en clave de humor, probaron cousas nos ensaios que deciden engadilas ofrecendo un espéctaculo de dúas partes : unha primeira máis seria tocando os seus temas propios e, despois de un descanso e de un cambio de vestiario, dar paso á carallada, por exemplo con versións de “Angelitos negros” de catro maneiras distintas ( pop, rock, dance…) e ata un tema en inglés por si tiñan carreira internacional,“ Fucking in the beach”.

O do concerto único no bar de Chupi quedaría nunha simple anécdota xa que “Os Revenidos” non pararían de tocar dende aquel día. Para o recordo queda un dos seus primeiros concertos ao “aire libre”, aquela vez na que compartiran palco nas festas de Loureda con... nada máis e nada menos... Manolo e Manola, o popular Dúo Omega!

O grupo, que seguiría facendo ese tipo de concertos durante algún tempo, daríase de conta de que co que realmente disfrutaba o público, e o que máis lle sorprendía á xente, era cando daban paso ao esperpento humorístico que capitaneaba o seu cantante Manuel de Eva, un artista que non tardaría en se converter no “showman” con maiúsculas que é na actualidade. E así, nas actuacións, iría collendo protagonismo o facer versións de grandes exitos de todos os tempos en clave de humor, versións que se convertirían na súa proposta principal, que é polo que se coñece a banda arteixá a día de hoxe.
Concerto no pub Dantón da Laracha no ano 2010. De esquerda a dereita Germán Cachafeiro, Roberto Vilela, Manuel de Eva, Javier Najera, Diego Moreira e Rubén Martín (Cortesía de Manuel de Eva)
Como en calquera formación, “Os Revenidos” tamén terían moitos trocos ao longo da súa traxectoria. No ano 2005, Víctor Iglesias decide deixar a banda para emprender outros proxectos, o mesmo que Carlos Lareo e Esteban Castro, que abandonarían o grupo por motivos laborais. Dende Suevos chegaría Roberto Vilela, que sería o sustituto de Víctor nos teclados ata o 2012, ano no que deixaría de ser o pianista da formación por mor dun accidente de trafico no que rompeu unha man, feito que lle impediría seguir tocando durante algún tempo. O sustituto de Roberto sería o que, dende aquela, é o pianista da grupo: Román Suárez, teclista de “Fracasados de Antemano”, banda coa que “Os Revenidos” compartiron durante anos o local de ensaio que lles cedeu desinteresadamente a A. X. Xiradela, unha vez máis fundamental na historia do grupo arteixán.

A batería foi cousa de Esteban Castro dende o 2004 ata o 2010, que foi cando o sustituiu Javier Nájera, que estaría no grupo ata o 2014. Tras dous anos de ausencia, e despois de algunha ida e volta por causas laborais, Nájera voltaría ao grupo no 2016 e, dende aquela, é o actual batería de “Os Revenidos”. Darío Antón, Diego García e Llisus Pardo tamén foron baterías da banda en algunha ocasión.

O instrumento no que máis “Revenidos” houbo foi na guitarra, xa que despois da marcha de Carlos Lareo foron moitos os guitarristas que pasarían polo grupo. Julio Martín, irmán de Rubén, estaría dende 2006 ata 2009; Diego Moreira, de Vilarrodís, dende o 2010 ata o 2013. Diego é actualmente o guitarrista da “París de Noia”, tiña bo curriculum, claro! O guitarrista da Coruña Germán Cachafeiro tamén tocaría na formación dende o ano 2010 ata o 2013, o mesmo que o músico de Ares Bernardo Pita, que estaría na banda como guitarrista dende o 2012 ata o 2017. Diego García, batería de Barrañán do que falamos anteriormente, sería tamén guitarrista do grupo en varias actuacións. Outros guitarristas que pasaron pola formación foron Miguel Seoane, que estivo no 2017, e Miguel Santalices, que foi “Revenido” durante o 2018. Ademais, guitarristas que salvaron o barco en algunha ocasión puntual, facendo sustitucións de última hora para poder facer os “bolos” contratados, tamén foron Alberto Insua, o fillo de Pepe do Muiñeiro, ou Emilio Suárez, irmán de Román, o teclista do grupo.
Concerto en Carballo na cervecería Beos no ano 2015. De esquerda a dereita Llisus Pardo, Román Suárez, Bernardo Pita, Manuel de Eva, Rubén Martín e Diego García (Cortesía de Manuel de Eva)
Os Revenidos” non teñen discos editados mais, o que si teñen, é o que eles chaman “discos imaxinarios”, que son iso que o seu propio nome indica e que lles serviu como presentacións de cancións novas que, de cando en vez, estrean nos seus concertos. Algúns destos temas abofé que xa son ben coñecidos, casos de “Beige es Beige”,“Ghomita la comida”,“ Miña nai sempre me da patacas con bisté” ou “Quero ser Songuoku e parezo Krilín”.

Todos os textos das cancións do grupo son da autoría do seu cantante Manuel de Eva, agás un que lles regalou Xabier Maceiras, “Muchiña”, versionando o popular “Assumpta” de Siniestro Total. Na actualidade a formación de “Os Revenidos” está composta por Rubén Martín no baixo, Román Suárez nos teclados, Anxo Souto na guitarra, Javier Najera na batería e Manuel de Eva na voz… uns artistas que percorren a xeografía galega, e calquera sitio de onde os chamen, porque seguen a pensar que calquera escusa e boa para botar unha risas!
Imaxe de un dos moitos concertos que “Os Revenidos” realizaron na feira 1900 (Cortesía de Manuel de Eva)

luns, 4 de marzo de 2019

A TRADICIÓN ANTROIDEIRA DA PARROQUIA DE MORÁS

"Di o noso Director
que está marcando o compás,
que nas comparsas do Antroido
ninguén pode con Morás".
(Comparsa “Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, 1950)
Portada de 1950 das coplas da comparsa de Morás "Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido"
Velaí tedes unha das coplas que compuxeron nos anos 50 os letristas de Morás, parroquia onde a tradición antroideira foi, durante moitos anos, signo de identidade e marca propia do lugar. Morás era, sen ningún xénero de dúbidas, sinónimo de troula, de festa, de esmorga, de foliada e, por suposto, de antroido, de antroido con maiúsculas grazas a comparsas como “Os invencibles de Morás”, “Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, “Os da cacheira con filloas” ou, “Os Mariachis”.

Aquí estamos os “Mariachis”
que vimos a saudar,
somos de Morás do Medio
non o podemos negar”.
(Comparsa “Os Mariachis”, 1960)
 
Morás do Medio, Uxes e posteriormente Souto, foron durante moito tempo os principais centros neurálxicos das celebracións carnavalescas de Morás, puntos a onde tamén acudía a veciñanza dos outros lugares da parroquia, xentes da Insua, das Roxiñas, da Estación, do Martulo, da Xesteira, de Santa Icía, de Freán, de Canzobre… xentes que durante unhas horas esquecían as miserias da posguerra e botaban risas a esgalla coas coplas que os letristas da parroquia compoñían en cada Antroido!
 
Ben saben que o noso pobo
que ten por nome Morás
moitos xa queren chamarlle
María Pita ou Garás”.

Morás novo continente
da vida a moitos obreiros
e cartos aos labradores
e pon ricos aos tendeiros”.
(Comparsa “Os da Cacheira con filloas”, 1956)
 
Un de aqueles letristas era Cándido López Ferreño, máis coñecido polo alcume de “O Ghaiteiro de Morás”. Natural de Morás do Medio, Cándido empezaría a tocar a gaita sendo moi cativo e, con tan só once anos, xa amenizaba as festas e os bailes que se facían na contorna. Mais o repertorio do “Ghaiteiro de Morás” non se quedaba só na gaita. Non, Cándido, emulando a outro gran referente do antroido arteixán, a Ricardo “O Moucheiro de Meicende”, tamén cantaba e recitaba as coplas que compoñía el mesmo, espectáculo que realizaba enriba do taboado que se armaba no alpendre de turno.

A Cándido non lle quedaban atrás, nin na composición das coplas nin no espectáculo, outros dous dos precursores da tradición antroideira da parroquia, ambos os dous veciños tamén de Morás do Medio. Falamos dos irmáns Castro: Jesús, máis coñecido por Chucho “O Cacheiro”, autor segundo algunhas fontes da primeira copla escrita en Morás, e José Castro, avó dos amigos Manolo García Castro, referente na defensa do patrimonio do Concello de Culleredo, e Roberto Castro, pintor e libreiro co que tedes a oportunidade, se algún día pasades polo seu negocio, a Libraría Sisargas (rúa San Roque 7, A Coruña), de facer unha alucinante viaxe no tempo coas mil e unha historias que garda na súa memoria!

Polo que contan os netos de José, o seu avó era o encargado de ler o testamento. Era, por así dicilo, o “secretario palanca” de seu irmán Chucho, que facía de “cómico serapio” en aqueles antroidos que se celebraban en Morás nos anos cincuenta, anos nos que Cándido, “O Ghaiteiro de Morás”, exercía de “director de orquesta” e, nos que outros mozos da parroquia como Aurelio de Calvete, Juan de Mingos ou Urbano do Estanqueiro tamén aportaban o seu gran de area para continuar coa popular tradición antroideira do lugar.
Portada de 1953 das coplas da comparsa "Os invencibles de Morás"
Un home disfrazado de vello chepudo coa cara ciscada e a roupa esfarrapada, outro montado nun burro cun colar de flores e cascabeis no pescozo… Son algúns dos recordos que a veciñanza máis vella da parroquia mestura, na súa memoria, con imaxes confusas de choqueiros e coas coplas coas que botaban risas a esgalla nos anos da súa infancia e xuventude, coplas nas que non se salvaba nin o mellor veciño e que, na época da postguerra, eran controladas e censuradas pois, antes de recitalas en público, había que obter a correspondente autorización da Garda Civil. Posteriormente, as coplas vendíanse pola parroquia e arredores.

Naqueles duros anos da represión franquista, nos días do Antroido, que empezaba en Candeas e remataba coa queima do meco o Mércores de Cinza, a xente podía disfrazarse mais iso si, sempre coa cara descuberta, unha altura na que sabemos que durante certo tempo a veciñanza de Morás do Medio argallou máis de media ducia de comparsas
O sábado era o día no que se facían as filloas e tamén o día no se preparaban os choqueiros que as pedían de porta en porta. Mais o día grande era o "Domingo de Carnaval". Pola mañá era unha obriga acudir ao Igrexario para continuar coa tradición da poxa da carne das ánimas, tradición na que a xente de Morás levaba á igrexa cacheiras, bicos, e patas dianteiras da última matanza do porco, e tamén algunha cunca de barro con graxa derretida.

Igrexario de Morás
A poxa propiamente dita principiaba no adro da igrexa á saída da misa, que era cando se lle ofrecía a carne ás e os parroquianos para que poxaran por ela. Logo, a persoa que máis ofrecía era a que levaba a peza de carne para a súa casa, quedando os cartos a beneficio das ánimas do purgatorio.

En moitos casos, a persoa que levaba unha peza era despois a que máis poxaba por ela, feito que habitualmente se facía por un ofrecemento. Por tal motivo, despois de poxar para as ánimas, a veciñanza cedíalle a peza, por cortesía, a esta persoa ofrecida para que a levara de volta para a súa casa.

Despois da poxa, era o turno para unha das poucas ocasións que había ao longo do ano para encher o estómago, ocasións nas que non faltaban as visitas dos familiares que ateigaban cada casa da parroquia e que se xuntaban ao redor da cacheira pregando por ser comida. E xa, despois do xantar, quen máis e quen menos, disfrazado ou non, saían das casas e armaban unha boa troula!
 
Segundo o que nos conta Santiago Sande Mañana no B.I.M. (Boletín Informativo Municipal) n.º 49, non hai moito aínda quedaba xente na parroquia que recordaba como “O Cacheiro” se disfrazaba de cura portando un paraugas do que colgaban restas de allos; como “O Peisaqueiro”, vestido de vella, facía filloas enriba dun carro; e como Cándido, “O Ghaiteiro de Morás”, recitaba as súas coplas tanto en Uxes como en Morás do Medio.
Imaxe de 1953. En primeiro plano Cándido, “O Ghaiteiro de Morás”. Detrás, de esquerda a dereita, Leonardo Corral, fundador e membro dos “Cinco de Galicia”, a súa dona Marina Castro (casarían ese ano), Manolo Capelán co tambor e, co acordeón, Antonio Capelán. Detrás deles aparecen Domingo Gonzalez e Jesús Capelán.
Tamén queda xente na parroquia que lembra como, de cando en vez, se unían a aqueles carnavales que se celebraban en Morás as comparsas chegadas de Feáns ou de Elviña. O polifacético Xurxo Souto dinos nos seus Contos da Coruña (Xerais, 2007) que en Elviña había dúas grandes comparsas: Calaveras e Rexumeiros. En 1954, este últimos disfrazáronse de “Garda Moura de Franco” e baixaron, montados en burros, á conquista da Coruña. Á altura da Ponte da Pedra serían interceptados pola Garda Civil. Esa noite durmiron en comisaría mais, polo que nos conta Xurxo, en Elviña aínda hoxe se mantén a gloria de tanto empeño!

Precisamente en Elviña, as mulleres da parroquia organizarían no Antroido de 1961 un partido de fútbol entre as solteiras e as casadas que conmocionaría a toda a bisbarra xa que os obreiros negáronse a traballar por ir velas. Dende aquela, o Martes de Carnaval é día festivo!

Dous anos despois, no Antroido de 1963, emulando ás súas veciñas de Elviña, as mulleres de Uxes tamén xogarían un partido de fútbol entre as solteiras e casadas do lugar. Sen elas sabelo, estaban facendo historia xa que aquel sería o primeiro partido de fútbol feminino xogado no Concello de Arteixo.

La Voz de Galicia, 5 de marzo de 1963
Os "chascos", trolas, burradas, verbas ben argalladas para soltalas a algún veciño ou veciña. Un meco ben equipado, cunha espiga de millo e dous nabos, para gastarlle unha broma a alguén que era levado á casa con algún pretexto sospeitoso, onde a este persoa o agardaba o meco do antroido e onde, despois do correspondente susto, a persoa convidada volvía a morder o anzol comendo algunha que outra filloa con fíos ou bebendo café con sal a comer e beber. Novos partidos das mulleres. Novos ataques dos letristas da parroquia coas coplas que recitaban os Mércores de Cinza subidos ao garda-agullas da estación do tren ou nalgún carro de Morás do Medio. Escenificación de laconada con ingredientes tan apetecibles coma un rato morto…
 
Así irían pasando os anos ata chegar a finais dos sesenta, altura na que o testamento e as coplas empezan a decaer pois, os letristas de antano, non seguen coa tarefa que viñan desempeñando dende os tempos da súa infancia e xuventude. Con todo, nos anos setenta o antroido aínda seguía tendo peso na parroquia: as comparsas de fóra continuaban a parar por Morás e, naquela altura, aínda se mantiñan os "chascos" e o de "botar o antroido".

Ao pouco da morte de Franco, daríanse os primeiros pasos para a recuperación da cultura tradicional e tamén a liberdade para retomar as tradicións dos carnavais. Sería aí, nos primeiros anos oitenta, cando un grupo de xente de Souto como Xosé Luis Mañana, Manolo de Rodríguez, Manolo de Amado, Nito, Fina de Amador e outras persoas do pobo pensaron que había que recuperar a tradición antroideira da parroquia e decidiron facer unha comparsa, "Os carnavalescos de Souto" comparsa que se empezarían a xuntar no baixo da casa de Xosé Luis para argallar as primeiras coplas e realizar os primeiros ensaios dos famosos enterros e testamentos do lugar que, andando no tempo, convertiríase nunha das festas tradicionais máis importantes do Concello de Arteixo e da comarca. 
 
Quédense con Dios señores,
que non lles pareza mal,
viva Souto e Morás
e todos en xeral.

Dámoslle grazas a todos
este ano oitenta e tres,
e que volvamos para o ano
saudalos outra ves”.

(“Os carnavalescos de Souto, 1983)
Pouco despois xurdiría a Asociación Cultural Queiroa, que tería como primeiro presidente ao propio Xosé Luis Mañana e na que tamén se atopaban varios dos compoñentes da comparsa. Mentres que a A.C. Queiroa daba os seus primeiros pasos realizando actividades como a organización dunha "caravana de mulleres" seguindo o exemplo daquela famosa película do Oeste ou, tamén, o chamado "tren da alegría", a comparsa “Os carnavalescos de Souto” iríase consolidando non só no eido cultural senón tamén no comercial coa venda das coplas.

Pouco a pouco, a comparsa foise desvinculando dalgún xeito da asociación e ata se fixeran intentos de “profesionalizala”. Naqueles anos oitenta os enterros e as leturas do testamento de Souto arrastraban a moita xente ao lugar porque tiñan moita “garra”. Nito e Ignacio adicábanse á caza e captura das cousas que pasaban durante o ano, tomando notas das cousas que acontecían na parroquia ou mesmo do que se cocía nos plenos do Concello co obxetivo de preparar a súa sátira: o testamento. Mais este traballo era moi, moi sacrificado e pedía moita constancia. Os principais promotores da mesma, Nito e Ignacio, continuarían coa tradición durante uns anos, ata o antroido de 1994, que foi cando se fixo a última letura do testamento do antroido en Souto. Tras case quince anos de duración, remataba a súa andaina e, con ela, a tradición antroideira da parroquia de Morás!
 
Moitos recordos desde Morás
lles manda o fulano,
que se Deus non cambia a sorte
xa os saúda pro ano.
(Comparsa “Os que ninguén pode igualar nas farras do Antroido”, 1950)

FONTES:

-BLANCO REY, MANUEL. Alcaldes de Arteixo (1836-1998). Concello de Arteixo, 1998.
-SANDE MAÑANA, SANTIAGO. Boletín Informativo Municipal de Arteixo nº 48
-SOUTO, XURXO. Contos da Coruña. Xerais. Vigo, 2007.