xoves, 30 de decembro de 2021

MEICENDE ANTES DA REFINARÍA

Vindo de Bergantiños,  

triste e convalecente,

 pasei polo medio a medio 

de Meicende garrida canto breve,

e batida decote 

do seco e frío nordeste.

 

Erguendo a fenestrela

do coche, con voz deble

pola fatiga e tremante,

lle dixen: “Boa Meicende, 

venturosa, garrida,

na túa doce pendente, 

cando as túas rapazas 

leven á Cruña o leite,

dille que o leven bo, 

ben limpo e ben pracente, 

para dar forza ao bardo de Brigandsia,  

que rendido se sente”. 

 

   Velaí está o gran Eduardo Pondal (1835-1917). Viaxa na carruaxe que dende Bergantiños o conduce ata A Coruña e, durante o traxecto, compón eses versos que ían ser publicados en abril de 1900, primeiro na Revista Gallega e días despois en El Eco de Galicia da Habana e en El Eco de Galicia de Bos Aires.

  Aquel Meicende das leiteiras de Pondal, consagrado polo bate bergantiñán para a eternidade, nada ten que ver co de hoxe, que modificou radicalmente a súa fisionomía nos primeiros anos 60 do século pasado a raíz da construción das factorías de Aluminios, Emesa e da refinaría, empresas que favoreceron o crecemento deste núcleo xa que moitos dos seus traballadores estableceron o seu domicilio alí coas súas familias.

 

Terreos ocupados actualmente pola refinaría. Ao fondo Meicende, Nostián e Pastoriza (Ángel Blanco)

   Un século antes, en 1866, Meicende contaba con 34 casas “y un albergue”. Naquela altura Arteixo non lindaba por esta zona co municipio da Coruña, como acontece na actualidade. Facíao co de Oza1 e ata 1864, ano no que se trasladou ao lugar de San Xosé, en Meicende houbera un portádego, tamén coñecido como fielato, que era o nome popular que recibían as casetas de cobro dos arbitrios e tasas municipais sobre o tráfico de mercancías, aínda que o seu nome oficial era o de estación sanitaria, xa que á parte da súa función recadatoria servían para exercer un certo control sanitario sobre os alimentos que entraban nas cidades. O termo fielato procede do fiel da balanza que se utilizaba para a peaxe que, andando no tempo, íase a trasladar a Parada da Cabra, onde está o actual Centro de Especialidades do Ventorrillo. 

Terreos ocupados actualmente pola refinaría (Ángel Blanco)

   Naqueles tempos, falamos de finais do XIX, a comunidade protestante da Coruña irradiase en Arteixo e Loureda, abrindo novos centros misioneiros en poboacións próximas á cidade herculina como Pedralonga e Meicende, onde a poucos metros das primeiras casas do lugar tamén había a casilla dos peóns camiñeiros, figura creada en España en 1759, durante o reinado de Fernando VI, para cuidar, a pé de camiño, a rede de estradas do Estado. Os peóns camiñeiros tiñan por cometido o arranxo, limpeza e coidado das vías nun treito determinado: unha legua, equivalente a 5.572 metros, de aí que na nosa terra se chamaran popularmente legoeiros. No municipio de Arteixo había dúas casillas, a do Seixedo e a de Lañas. Nesta de San Xosé, que estaba situada aproximadamente no lugar que hoxe ocupa a entrada da refinaría, traballaba o señor Rúa, un veciño de Suevos que seica era moi bo pescador de robalizas e que se encargaba do mantemento da estrada ao seu paso por Meicende, Pastoriza e Oseiro. 

Imaxe na que podemos observar varias casas do lugar de San Xosé, entre elas a dos legoeiros. Ao fondo, as factorías de Aluminios e Alcoa (Ángel Blanco)

    Zona de intenso tránsito das carruaxes que dende Bergantiños se dirixían á cidade, e doutras xentes que vendían os seus produtos na Coruña, aquel Meicende vivía principalmente do agro e da gandería. De feito, había ata catro sociedades que tiñan por obxecto o seguro mutuo de gando vacún ou porcino: La Imparcial, constituída en 1903; Solidaridad y Protección, creada en 1904; La Unión, fundada en 1909; e La Necesaria, constituída en 1915. Anos máis tarde, en 1924, tamén se ía constituír a sociedade La Esperanza, que segundo o artigo número 2 do seu regulamento tiña por finalidade “servir de distracción y recreo a sus asociados, apartándolos de los sitios, lugares y diversiones ilícitas y perniciosas a la salud y moral”. A sociedade La Esperanza e o seu equipo de fútbol, o Sporting Meicende, ían ser testemuñas da radical transformación da poboación, unha sociedade que no 2024 celebrará o centenario do seu nacemento.

 

Terreos ocupados actualmente pola refinaría (Ángel Blanco)

   Outro dos lugares de referencia do Meicende de antano e hogano é a panadería de Manuel Varela, negocio que tamén foi testemuña de excepción do cambio da fisionomía da localidade xa que levan enfornando dende os anos 30. A panadería, a que prometo dedicarlle crónica proximamente, pertencera con anterioridade aos pais de Tito e Jaime Blanco, futbolistas profesionais do Deportivo, Real Madrid, etc. E falando de fútbol, nas Eiras aínda vive Elvira 'de Mighés', curmá de Óscar Míguez, fillo de emigrantes de Meicende que foi campión do Mundo en 1950 con Uruguai no famaso maracanazo.

   Aquel Meicende era, xunto as terras de Nostián, Bens, San Xosé e A Grela, unha das despensas da cidade da Coruña. Cada vez queda menos xente que recorde como era aquel pequeno edén antes da chegada da industria. Maruja Aldao, nacida en Pastoriza en 1930, lembra que “donde está actualmente a refinaría era un inmenso val cheo de cultivos e había uns leiróns de pementos, tomates, feixóns e outras legumes que se daban de marabilla porque a terra era de primeira calidade; alí dábase o azafrán que lle botaran. A señora Maruja tamén recorda que “nesa zona facía un aire que non se paraba; había unha travesía que collía o mar e ao pasar por alí morrías co frío”, o que ben a confirmar o que nos conta Eduardo Pondal nos seus versos: de Meicende garrida canto breve/e batida decote/ do seco e frío nordeste”. 

 

Terreos ocupados actualmente pola refinaría. Ao fondo, a aldea de Bens e o Atlántico. Á esquerda, a nave da empresa Tagasa (Ángel Blanco)

   Jesús Varela Añón, nacido en Meicende en 1936, tamén nos recordou con nostalxia os tempos da súa infancia. Nun fermoso paseo pola memoria, falounos dos negocios que había no seu lugar de nacemento cando era neno: Onde hoxe está a Jamonería-Mesón Javier tiña a súa tenda a señora Flora, que era unha taberna ou ultramarinos dos de antes nos que tanto podías comprar un paquete de café ou botarlle unha cunca de viño. Naquel Meicende de antes tamén estaba a tenda da señora Carme; a tenda de Elvira; a tenda de Aurelio 'do Capataz', que era fillo do capataz dos peóns camiñeiros do Seixedo; había o estanco de Jesús 'O Churrús', a panadería de meus pais e creo que xa non me queda por citar ningún negocio máis”. 

   O señor Jesús contounos, ademais, que nos terreos nos que se construíu a refinaría, a altura da actual entrada das instalacións petrolíferas e a poucos metros da casilla dos peóns camiñeiros, había unha empresa chamada Tagasa que se dedicaba ao téxtil: “Traballaba moita xente, se cadra máis de 100 persoas. Algúns dos seus traballadores acabaron de empregados da refinaría”.

   E así chegamos ao 1961, que foi cando as compañías Marathon Oil Company e Petroliber iniciaron plans para construír unha refinaría de petróleos coa autorización do Ministerio de Industria de Franco. Tres anos despois, o 11 de setembro de 1964, inaugurábase oficialmente a refinaría, que inicialmente tiña unha capacidade de almacenamento de 164.000 metros cúbicos de cru e 246.000 metros cúbicos de produtos en preparación ou terminados. Naquela hora a planta ocupaba unha extensión de nove hectáreas que ían desde o pequeno areal de Bens ata a estrada que une A Coruña con Meicende. 

 

A praia de Bens antes da construción da refinaría (Ángel Blanco)

   Cinco anos despois da inauguración, decídese que era necesaria unha nova ampliación, obras que finalizaron en 1973. E xa nos anos oitenta, as instalacións ían crecer de tamaño no val de Nostián. Naquela época tamén crecera considerablemente a economía de moitos empregados da refinaría co segundo premio da lotaría de Nadal de 1986, que deixara en Petroliber máis de 7.000 millóns das antigas pesetas. Actualmente a refinaría ocupa unha extensión de 150 hectáreas.

 

Inicio da construción da refinaría (Ángel Blanco)

   Aquel Meicende de antes da refinaría, que nos anos sesenta apenas tiña unhas 160 casas, inmortalizouno o gran fotógrafo coruñés Ángel Blanco que, coa súa Leica, fixo o propio nos lugares de Bens, A Grela e San Xosé tirando unha serie de fotografías que son un verdadeiro tesouro etnográfico, imaxes que nos permiten saber como era toda esta zona nos anos previos e durante a primera fase das obras da refinaría e, incluso, imaxinar a Eduardo Pondal compoñendo os seus versos!

 

Inicio da construción da refinaría. Ao fondo, Meicende (Ángel Blanco)

Boa Meicende,

venturosa, garrida,

na túa doce pendente...”


____________

1 O concello de Oza anexionouse ao da Coruña en 1912

venres, 17 de decembro de 2021

A PARROQUIA DE MONTEAGUDO NAS "MEMORIAS" (1603-1620) DO CARDEAL JERÓNIMO DEL HOYO

No nome do Arcebispo don Maximiliano de Austria, o Cardeal Jerónimo del Hoyo realizou unha visita pastoral ao arcebispado de Santiago durante máis de tres lustros (1603-1620), que testemuñou nun extensísimo manuscrito conservado no Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela. Ten esta obra unha importancia extraordinaria xa que nos ofrece unha completa visión de como era o noso país naquela época. Estas son as referencias ás parroquias de Monteagudo:


SANTO THOME DE MONTEAGUDO

Esta felegresía es aneja a la Colegial de La Coruña y ansi llieva todos los fructos que valen ciento y treinta ducados. Hay quarenta feligreses y es a cargo de la dicha Colegial prover a esta iglesia de todo lo necesario para el culto divino; no hay capellán atitulado sino amobible con dies mil maravedís de selario porque administra esta felegresía y la de Sant Aya de Chemín que ansí mesmo es aneja a la dicha colegial. La fábrica no tiene renta; hay una hermita de Nuestra Señora de Via Estella, que está en lo alto del monte Comarcanos. Esta iglesia tiene monasterio de Benitos y lo muestra el claustro, sepulturas y edificios. Dicen queste monasterio y el de San Pedro de Men los dió el monasterio de San Martín a la Colegial de La Coruña por el de Santa María de Cambre que era suyo y ahora es de benitos.

Igrexa de Monteagudo (Arquivo MAS, 1919)

xoves, 9 de decembro de 2021

A LENDA DE SANTA LOCAIA E A FONTE DA SOMBRA

  Santa Locaia é un núcleo de poboación da parroquia de Loureda coñecido polo seu fermoso mirador natural, o punto máis alto do municipio de Arteixo, dende o cal podemos tocar o ceo e contemplar a inmensidade oceánica. Trátase dun lugar realmente máxico, dun resalte rochoso que convida a viaxar no tempo e a pensar nas cerimonias e ofrendas que, de seguro, fixeron alí os nosos antepasados con aquel xeito de comunicación entre o humano e o divino que había na antigüidade. Desgraciadamente, co andar dos anos, as novas comunicacións, as dos tempos que nos toca vivir, ían modificar este fermoso espazo coa instalación dun repetidor no lugar. 

Panorámica dende o Coto de Santa Locaia

   Sobre estas alturas, a uns 370 metros sobre o nivel do mar, pódese entender a importancia que naqueles tempos pretéritos debeu significar para aquelas xentes a posición estratéxica do asentamento de Santa Locaia, coñecido tamén coma o Coto, un emprazamento privilexiado que controla todo o val de Loureda e boa parte do resto da bisbarra e das terras da antiga Farum Brigantium. De forma circular, dispón de boas defensas naturais e presenta unhas explanacións artificiais entre os distintos afloramentos. No mundo da investigación arqueolóxica hai quen apunta a que neste asentamento puido existir un castro dos de fase antiga. Tamén hai quen se decanta polo feito de que Santa Locaia fora unha atalaia medieval, idea que defendía Luís Monteagudo mais, salvo algún anaco de tella vella, poucos datos hai das pegadas dos alicerces de cantería que alimenten a teoría do ilustre arqueólogo.

    Do que si hai constancia é de quen señoreaba estas terras na segunda metade do século XVII. Segundo a revista Hidalguía, naquela altura eranPedro Rodríguez Canzobre y María Rodríguez Bermúdez de Carracedo, dueños ambos de la casa y torre de Cancelo y del antiguo casal de Santa Leocadia en Loureda y otros que lleva ahora Juan Andrés Pardo Osorio y Montenegro, señor de la casa y mayorazgo de Atín en la misma parroquia, como marido de María Manuela Bermúdez Pereira y Carracedo, nieta de Pedro y María”. 

 

Inscrición nunca casa de Santa Locaia

    Ao fío desta información e como dato anecdótico, Carlos Martínez Barbeito conta no seu libro Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña que María Manuela era filla… “de don Pedro Rodríguez Canzobre y Carracedo, nacido y avencidado en Cancelo, y de doña Francisca Sánchez Vaamonde y Morado. En atención al dato cronológico debemos considerar hijo del don Juan Andrés, a don Pedro Ramón Pardo, que inscribió su nombre en la chimenea que mandó hacer en la casa de Atín”.

    As orixes deste lugar da parroquia de Loureda nacen, probablemente, do culto relixioso á santa do mesmo nome, o cal procede do latín Leocadia, e este do grego Leukadia “a branca, a resplandecente”. Santa Locaia era de Toledo e, por mor de negarse a renunciar ás súas crenzas cristiáns, foi perseguida polo gobernador Publio Daciano e martirizada na súa cidade natal un 9 de decembro entre os anos 303 e 306. Coa conquista musulmá da cidade, algúns mozárabes fuxiron e levaron consigo os restos da santa que, despois de sufrir numerosas peripecias ao longo da historia, repousan dende 1593 nunha arca de ouro e prata baixo o altar da Virxe do Sagrario na Catedral de Toledo. 

   Ismael Velo Pensado, cóengo da herculina colexiata de Santa María, apunta a posibilidade de que a existencia de parroquias nas que a patroa tanto pode ser Santa Locaia, Santa Baia ou San Paio, todas de devoción mozárabe, vén dada polos cristiáns que foron perseguidos en territorio de dominación islámica e que, tras fuxir cara o norte, acabarían repoboando algunhas zonas da noroeste peninsular. 

 

Santa Locaia , lugar da parroquia de Loureda

   Fora dun xeito ou doutro, o certo é que o culto desta santa, que celebra a súa festividade o 9 de decembro, deixou a súa pegada na toponimia galega en concellos como Parga e Sober (Lugo), Ponteareas (Pontevedra), Taboedela (Ourense), na parroquia de Perillo (Oleiros, A Coruña), ademais do de Arteixo e da outra Santa Locaia que tamén hai no Monte da Espenuca, en Coirós. 

  No lugar que nos ocupa, había unha ermida adicada á padroeira de Toledo, da que actualmente só queda a leira “da Ermida”, propiedade dos da casa de Barrós de Santa Locaia, que en outubro do 2021 recibiron no seu domicilio ao que escribe coa maior das amabilidades. Ramón Montes Barrós e a súa filla Susa comentáronos que… “ o tío Manuel de Abeleira, un señor de aquí que morreu con 95 anos, contaba que vira algunha pedra con feituras cando traballaba nas terras”. Susa, muller entusiasta do seu lugar de nacemento, tamén manifestou que… “nós temos unha leira que se chama “A Ermida” e estou convencida de que algunhas pedras do noso hórreo eran da capela que supostamente había alí porque, cando reformamos a casa, os canteiros dixeron que esas pedras tiñan moitos anos do Noso Señor”. 

 

Imaxe da leira "da Ermida"

   Pai e filla tamén nos falaron das propiedades curativas da auga da Fonte da Sombra, unha auga que seica non ferve e que antano conseguía sandar o mal do aire, que parece ser era o mesmo que o da sombra, unha das crenzas máis comúns durante séculos na xeografía galega. Tempos da sombra, do mal do aire e da paletilla caída, enfermidades sinónimo da morteira, que lle chamaban así a un cansarse de todo, ter noxo da comida, non durmir e tirarse á nugalla sen gusto de vivir. Noutras zonas do noso país a sombra ou mal do aire tamén recibían os nomes de asombramento, enganido, arangaño, engaraño, tarangaño, tángano-mángano e tangaraño. 

   Segundo Víctor Lis Quibén, os labregos galegos chamaban mal do aire a unha serie de doenzas que crían debidas ao aire que emanaban de certos animais, de certas persoas e dos mortos. Os enfermos, case sempre nenos, mostraban diversos síntomas, destacando entre eles o raquitismo e inapetencia. Era unha doenza que causaba verdadeiro terror nas nais, sobre todo as da aldea. E na nosa contorna, un dos remedios para este mal era o de acudir á Fonte da Sombra, situada nas proximidades do chamado Marco da Anta, nos lindes dos municipios de Arteixo e A Laracha, nun punto do lugar de Santa Locaia que divide as parroquias de Loureda e de Erboedo.

   Ao carón do propia fonte, onde Susa recalcou que a auga dese manancial non ferve, ou polo menos antes non fervía”, o señor Ramón recordaba que aquí viña moita xente da parte de Cerceda, de Soandres, de Coiro, de Erboedo, de Loureda... Para quitarlle a sombra aos nenos tiñan que ser dúas mulleres que se chamaran María. En Santa Locaia, sendo eu neno, quenes facían o ritual eran miña irmá María e miña tía María. Ao tempo que dicían o responso, que xa non me acordo cal era, unha pasáballe á criatura á outra”. 

 

Susa e o señor Ramón ao carón da Fonte da Sombra de Santa Locaia

   É moi probable que o responso que xa non garda a memoria do señor Ramón sexa o mesmo que recolle Vítor Vaqueiro na súa maxistral obra Mitoloxía de Galiza, onde aparece o remedio para tirar a sombra dun xeito diferente: 

   “Para os aires causados por persoas vivas, pódese por como exemplo o caso de que sexa muller non virxe a causante. Tres mulleres de nome María levan o neno a unha casa que non sexa a súa. Provistas de pan e viño, póñense na cociña formando un triángulo, perto dunha artesa, e pronuncian o recitado ritual:

   -Toma, María.

   -¿Que me dás aí? 

   -O Enganido 

   -O Enganido non cho quero, que quero a (nome do doente)” 

    O que si recorda o señor Ramón e que as dúas Marías tiñan que coar auga da Fonte da Sombra cunha prenda da criatura. Nesa auga coada sempre aparecían pelos dos cans ou dos gatos. Despois das oracións en cuestión, había que tirar a auga nunha encrucillada, que aquí dicían que era o camiño que baixa para A Braña. Despois, a partir de aí, a criatura empezaba a comer e a coller quilos, “a darse”, ou iso dicían, claro”. 

   Finalmente Susa, a filla do señor Ramón, aclarounos o motivo polo que a auga da Fonte da Sombra non ferve: 

   “Conta a lenda que hai centos de anos na nosa leira da Ermida había unha capela, a capela de Santa Locaia, e que cando este edificio estaba en ruínas ou a piques de ser abandonado, o cura da parroquia de aquela época decidiu, despois de estar escondida nunha corte da contorna durante un tempo, levar a talla da santa para a igrexa de Loureda. Pero a santiña alí non debía ser moi feliz xa que, acotío, subía para aquí, para Santa Locaia, e viña a lamentarse á Fonte da Sombra. As súa bágoas caían no manancial e impedían que a auga fervera. 

   Por desgracia, da talla orixinal da santa nada se sabe. Mais no 2012, baixo o impulso do actual párroco de Loureda, Manuel Blanco, entre toda a veciñanza do lugar decidiron comprar unha talla nova da Santa Locaia, que está a bo recaudo na igrexa de Loureda. Unha nova santa que, ao igual que a súa padroeira, é orixinaria de Toledo e coa que cada 9 de decembro, dende aquel 2012, os veciños e veciñas de Santa Locaia celebran a súa festa.

   P.D.: Xa vos contarei se ferveu ou non a auga que levei da Fonte da Sombra.

 

Estampa da Santa Locaia de Loureda

FONTES:

ALONSO OTERO, M.ª LEONOR/GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS /1998): Itinerario Bergantiñán do Padre Sarmiento, Deputación da Coruña.

DAVIÑA SÁINZ, SANTIAGO (2004): Los primeros fueros de La Coruña. Nalgures. Tomo I. Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia.

FILGUEIRAS REY, ANA/RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, TOMÁS (2000): Estudio Antropolóxico na Área do Xacemento Castrexo de Elviña, A Coruña, Plan director del Castro de Elviña, Universidade de Santiago de Compostela.

HIDALGUÍA (1959): La Revista de genealogía, nobleza y armas. Ano VII, maio-xuño, Madrid.

LÓPEZ MORÁN, ENRIQUETA (2004): El Monacato Femenino Gallego en la Alta Edad Media (La Coruña y Pontevedra), Revista Nalgures, Tomo I.

MARIÑO FERRO, XOSÉ RAMÓN (2014): Un antropólogo na escola de menciñeiros de Álvaro Cunqueiro, Universidade de Santiago de Compostela.

MARTÍNEZ BARBEITO, CARLOS (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest.

ROZAMONTES VÁZQUEZ, MARÍA (2007): Arteixo de onte a Hoxe III. Concello de Arteixo.

VAQUEIRO, VÍTOR (2011): Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, Editorial Galaxia.

VELO PENSADO, ISMAEL (1996): La Coruña en el camino de peregrinos a Santiago. La Coruña : Archivo de la Colegiata.

venres, 3 de decembro de 2021

A LENDA DO VOLCÁN DE LOUREDA

     A abundante presenza de augas termais en Arteixo é un feito que sempre influíu na vida e configuración do municipio, sendo durante séculos orixe de lendas e mitos cos que os nosos devanceiros intentaron explicar o motivo de que brotase auga quente das entrañas da terra. 

    Baixo o esplendor do Balneario, situado non moi lonxe do lugar de Caldas que recorda a procedencia da expresión latina aquas calidas, e do bulicio que no pasado había no Foxo, onde se creou unha especie de recinto termal en torno ás chamadas casetas “dos ricos” e “dos pobres”, foi medrando unha lenda que falaba dende tempos pretéritos da existencia dun volcán baixo o Val de Loureda. 

Panorámica do Val de Loureda dende o Coto do Tesouro (Foto de Iria García Varela)

  A raíz da erupción do da Palma, o “noso” volcán volveu activarse na memoria colectiva arteixá e houbo xente que rememorou os contos dos vellos de antes, que seica dicían que estaba no Coto de Subico e, tamén, que non era perigoso porque tiña a boca virada cara o mar. Unha das persoas da vila de Arteixo que viaxou co seu testemuño ata os tempos da súa infancia foi Pepe Insua, máis coñecido polo alcume de Pepe do Muiñeiro, tecedor de grandes relatos que recordaba: 

  -“Eu non sei se era en Subico ou en Santa Locaia, pero cando era chaval sempre sentín que había un volcán e que estaba apagado. Os maiores sospeitaban que a auga do Balneario viña do volcán porque saía quente.” 

   Na parroquia de Loureda, onde non deixa de ser significativa a popularidade da que sempre gozaron estos contos volcánicos, falamos por WhatsApp ao longo dos últimos días cunha vintena de persoas sobre o que escoitaron na nenez en torno ao volcán e a súa lenda. Neste exercicio coral sobre a memoria, despois de utilizar o comodín familiar de pais ou avós, houbo quen situou a súa boca no Monte Carboeiro, mais tamén nos mencionaron, coincidindo coa versión de Pepe do Muiñeiro, Santa Locaia e Subico como os lugares do cráter. E mesmo houbo xente, neste caso Iria Suárez, que recordou o medo que pasara cando aparecera, sobre o ano 1990, outro manancial de auga quente no lugar do Cancelo:

  -Eu era moi nena. Dicían que a auga viña do volcán e que podía explotar. 

   Sen ánimo de botar por terra a orixe que os nosos antepasados daban ás emanacións de auga quente, temos que deixar enriba da mesa opinións como a de José Ramón Seara Valero, profesor da área de Xeodinámica Externa na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, que afirma que a orixe das augas termais non proceden dun volcán que xace durmido baixo terra (non hai ningún dato de que existan en Galicia nos últimos 10 millóns de anos), como conta a lenda popular, senón que proveñen da auga da choiva. 

   Seguindo unha argumentación xeolóxica, o fenómeno débese á composición granítica do solo, cheo de fracturas por donde se filtra a auga da choiva. Aí empeza o ciclo: a auga fíltrase a través das fallas e, tras descender varios quilómetros, chega ata o foco térmico que a quenta e que é o responsable de que cando o líquido sae ao exterior teña as propiedades minerais destas rocas e as elevadas temperaturas que se lle coñocen aos mananciais de Arteixo e Loureda. Segundo José Ramón Seara, este ciclo tarda en producirse 28 anos. Así que toda a agua que leva caendo durante as últimas semanas pode saír nos pozos arteixáns dentro de tres décadas. 

   Hai uns días, mentres tomaba un café nun local de Arteixo, o que escribe escoitou unha conversa entre dous amigos que lle manifestaban un ao outro a súa preocupación de que aquí aconteza o mesmo que nas Canarias: 

  -Eu moito non entendo, Manolo, pero se hai pozos de auga quente será por algo, digo eu! A ver se o volcán de aquí non desperta como o da Palma! 

  Como vedes, o volcán de Loureda despertou e está máis vivo que nunca! Na realidade, a lenda nunca o deixou durmir!


FONTES:


LA REGIÓN (2008): Del falso volcán al agua de lluvia, La Región, 23 de abril.

VARELA, PABLO (2021): José Ramón Seara: «Las aguas termales son una forma amable de ver que el planeta está vivo», La Voz de Galicia, 10 de maio.