Hoxe,
28 de xaneiro de 2020, na parroquia de Oseiro celebran, como cada
ano, a festa do seu patrón San Tirso, santo avogoso, entre outros
menesteres, contra as tronadas.
É
esta unha celebración que se fai xusto cando o día comeza a medrar,
cando empezan a aniñar os primeiros paxaros e florecen as primeiras
plantas. Para tal
celebración sacan en procesión, despois da misa e
acompañadas por músicos, dúas roscas de pan para loar os eidos
vizosos de antano, eidos que enchían os hórreos da bisbarra e as
despensas da cidade da Coruña, eidos sobre os que se asentan, na
actualidade, moitas das fábricas do Polígono Industrial de Sabón.
As
dúas roscas, que na realidade
son dous ramos
popularmente
coñecidos
como o
da nena
e do neno,
constitúen
unha
homenaxe verdadeira á natureza e, por iso, hai costume de sacalos
tamén o día 2 de febreiro, a festa da Candeloria, o tempo en que
casan os paxariños, adianto verdadeiro, no medio do inverno, da
degorada primavera.
É
tradición
que as roscas volvan saír cos músicos o día 3, a festa do San
Brais -San Bras como din en Oseiro- e, o domingo seguinte, repártense
en anaquiños entre toda a veciñanza, anaquiños que cada quen garda
durante todo ano na casa. Unha
das persoas que mantén vivo ese rito é
Rocío Veira, con
quen falamos recentemente das
lembranzas da súa infancia en torno a esta celebración:
“Cando eu era cativa, recordo que na procesión da Rosca, procesión que se facía os catro días da festa 28, 29, 30 de xaneiro e o 3 de febreiro, día de San Brais, as roscas de pan duro (eso era o que eu pensaba daquela) partíanse en cachiños e repartíanse entra a xente que ía á misa o domingo seguinte. Aquel pan tiña un poder máxico, non balorecía. Para a nosa casa sempre viña un pedazo a maiores para min, porque eu decidira que se a rosca era tan máxica, se comía un cachiño estaría protexida durante todo o ano polo seu poder. Co tempo casei e marchei de Oseiro, pero meus pais sempre me collían un pedazo para min da rosca, desa rosca máxica que nos protexía e que sempre gardaba con moito cariño. Hoxe faltan meus pais, pero miña tía Chelo é a encargada de collerme en cada procesión un anaquiño dese pan ácimo que conservo, durante todo o ano, nun pequeno estante que hai detrás da porta da miña casa, colocado alí para manter viva a tradición”.
A
confección
das populares
roscas
de Oseiro atense a un ritual que obriga a amasar o pan sen sal e sen
lévado o día de fin de ano pola tarde, e sacalo do forno antes de
que se poña o sol, momento que se anuncia cunha salva de foguetes.
Logo,
este “derradeiro pan do ano” gárdase
na igrexa de Oseiro, lugar no que está
exposto ata o día da procesión.
Cada
unha das roscas colócase nunha pequena armazón de madeira e
adórnase con flores e fitas de cores. Ata
hai unhas décadas, rodeábase de froitas e doces propios da
parroquia, que logo eran repartidos entre os nenos e
nenas.
Na actualidade substituíronse as froitas e os doces por caramelos.
Procesión da Rosca de Oseiro (28 de xaneiro de 2019) |
É
costume que a procesión vaia arredor da igrexa e, antecedendo ás
imaxes dos santos, colócanse as dúas roscas, a do neno e a da nena,
que logo serán repartidas o domingo seguinte ao
san Brais entre todos os veciños e
veciñas.
O
pan sagrado de Oseiro consérvase todo o ano sen coller balor, “e
deben -segundo
nos
conta Francisco Vidal no seu espazo virtual Os Chanzos-
comer del persoas e animais para protexerse contra os males,
revestíndose así dun caracter apotropaico, que o converte en
amuleto contra todo tipo de maleficio”.
Santiago
Rey Sande, veciño de Oseiro nado en 1936
que é coñecido polo apelativo de Chacho,
aínda lembra con emoción os tempos nos
que, sendo un neno, lle axudaba a seu avó Manuel Rey Súarez,
home sabio de quen xa temos falado nesta bitácora, a facer o ramo
de madeira:
“Colocábase unha rosca diante e outra detrás e, por iso, parecían que eran dobres. As roscas adornábanse con froitas e, dous días despois do San Brais, cortábanse en tantos anacos como casas había na parroquia e metíanse nun saco. Logo, Ramón de Xelo, que era o sacristán naqueles tempos, era o encargado de repartilos polas casas”.
Chacho,
afirma que as primeiras roscas fíxoas
seu avó Manuel Rey Suárez na panadería de Oseiro e,
posteriormente, continuaría coa tradición
seu pai, Jesús Rey Riveiro. Co tempo, a
encargada da elaboración das roscas, sería súa
irmá Dolores Rey Sande xunto coa súa filla María Luísa, unha
Dolores que, curiosamente, é unha das protagonistas do libro “Contos
da Coruña” da autoría do polifacético Xurxo Souto, onde Dolores,
falecida xa hai uns anos, nos conta o
seguinte:
“Agora
á xente non lle acorda, pero nos tempos de antes cada veciño tiña
que poñer un monllo, para a rosca. Un monllo é unha atadura de
trigo segado. Despois mallábase na eira do pazo, a carón da igrexa,
nunha gran lousa”.
Ao
pechar a panadería Rey, a panadería de Oseiro no que tantos anos
levaban elaborando as roscas a señora Dolores e a súa filla María
Luísa, Chacho
Rey sería a persoa encargada de seguir
mantendo a tradición ao
elaborar ata a súa xubilación as roscas na
súa panadería “La Nueva” de Vilarrodís, panadería
hoxe denominada “O Forno da Vella”, que é quen se encarga na
actualidade de manter o rito do pan en Oseiro.
Procesión da Rosca de Oseiro (28 de xaneiro de 2019) |
Xa
hai moitos anos que non hai trigo na parroquia mais, con todo, o
feito de que se siga honrando o pan, mantendo viva a tradición dos
seus maiores, di moito da xente de Oseiro, lugar onde curiosamente
o apelido Pan é
un dos máis comúns entre as
veciñas e os
veciños nados na parroquia antes da segunda metade do século
pasado, caso de Carme Pan Pan, nada en Froxel en 1913 e avoa materna
de quen escribe.
Así
pois, Oseiro segue honrando a súa rosca. Un rito telúrico, como di
o amigo Xurxo Souto nos seus “Contos da Coruña”, que nos toca no
urdido máis fondo. “Testemuño
da cultura do pan que tanta importancia tivo na cidade, a terra dos
muíños de vento, da praza da Fariña e da rúa Panadeiras”.
FONTES:
-SOUTO,
XURXO. Contos
da Coruña.
Xerais. Vigo, 2007.
-VIDAL,
FRANCISCO. San
Tirso e a procesión da Rosca de Oseiro. Os
Chanzos (oschanzos.blogspot.com)