No
baixo do edificio n.º 57 da Travesía de Pastoriza, que está
situado entre a Casa Xuntanza e a farmacia de Juana Lorenzo, hai unha
pequena tenda de comestibles que sobrevive ao continuo empurre das
grandes superficies comerciais. O establecemento non ten letreiro.
Nin falta que lle fai xa que, na parroquia e arredores, sábese que
esa é a tenda da Roxa, un local antiestrés no que podedes facer a
compra calquera día da semana, mesmo os domingos. Iso si, non
vaiades con presa porque alí o tempo non corre. Na tenda da Roxa o
tempo párase!
|
De esquerda a dereita, a tenda nova, o antigo salón de baile e a tenda vella
|
Ao
entrar neste oasis de paz vaivos atender moi amablemente César
Sande, terceira xeración do negocio, que sempre fala e actúa de
maneira conveniente, sen excesos de ningún tipo. Alí, ou na
trastenda, tamén está habitualmente súa nai, María del Pilar
Vázquez Martínez, máis coñecida polo diminutivo de Pila, unha
muller coa que a clientela do pequeno establecemento viaxa acotío
aos tempos en branco e negro. Mentres César atende no mostrador,
Pila recorda cun brillo especial nos seus ollos o Arteixo e a
Pastoriza de antano, de cando viñan ao San Miguel centos de persoas
dende diferentes puntos do país; de cando se celebraba a Feira da
Madeira a véspera do San Miguel e o luns de Pascua; ou mesmo cando
seus pais Antonio e María rexentaban a tenda e o popular salón de
baile, verdadeira institución de Pastoriza.
Antonio
Vázquez, o pai de Pila, mozo emprendedor natural de Suevos, abrira a
tenda da que estamos a falar en xullo de 1932, xusto ao carón da
taberna da señora Lola de Areosa, que precisamente naquel xullo do
32 daba á luz a Geluca, a súa filla máis nova. Detrás destos dous
establecementos, no camiño que conduce ao Santuario, tamén
traballaba un tal Merelas, ferrador da Silva, que ferraba alí o gando da
veciñanza da contorna.
Antonio
xa tiña certa experiencia no negocio xa que seus pais, Andrés e
María, á parte de gañar a vida como labradores, rexentaban unha
pequena tenducha en Suevos. Persoa de incesantes inquedanzas que non
o deixaban acougar, por aqueles días funda con outros veciños da
parroquia o Sporting Pastoriza, o equipo antecesor da actual S.C.D.
Pastoriza. Pouco despois, en 1934, casa con María Martínez, unha
moza loura que, ao igual ca el, era natural de Suevos. Cousas da
clientela, a cor do cabelo de María ía dar nome ao establecemento
que abrira o seu home dous anos antes e, nun abrir e pechar de ollos,
empezouse a coñecer na bisbara como “a tenda da Roxa”.
Estaban
alí de aluguer, xa que o edificio era propiedade de Arturo da
Furoca. Na parte baixa a parella vendía un pouco de todo no seu
negocio, dende comestibles ata artigos de ferraxería ou mesmo de
mercería que despachaban nun mostrador de cemento branco pintado con
pequenas ondas de mar. No resto da
tenda había varios estantes
de madeira, tamén decorados
con motivos mariños. Ao fondo, Antonio e María tiñan a cociña,
que estaba situada ao carón das escaleiras para subir ao piso no que
ían nacer Hortensita e Pila, as dúas fillas do matrimonio.
No
exterior, a casa dispoñía dun patio grande no que tamén había un
pequeno chabolo e unha edificación rectangular que se utilizou,
durante certo tempo, como cocheira de “La Superiora”, unha liña
de autobuses que naquela altura facía percorrido entre Arteixo e A
Coruña.
|
Foto antiga de "La Superiora"
|
Andando no tempo, esa cocheira ía ter un uso ben diferente.
Cando a empresa de transporte mudou de garaxe, os nosos protagonistas
decidiron montar alí un local de baile que bautizan como “Salón
Bordeiras” e que a clientela ía denominar para a eternidade “o
Salón da Roxa.” Anos antes xa houbera outro salón en Pastoriza, o
salón de Castiñeiras, que estaba na zona que hoxe ocupa o bar
Washington.
Os
primeiros anos do devandito local coinciden coa morte de Hortensita,
que a pobre finou con tan só sete anos. Naqueles duros tempos da
posguerra, nos que boa parte da veciñanza da parroquia acudía coa
súa cartilla de racionamento á tenda da Roxa, o salón de Antonio e
María converteuse no lugar no que a xente de Pastoriza, Borroa,
Nostián, Suevos... esquecía por unhas horas as súas penurias
bailando ao ritmo de orquestras como Barrales, X, Radio, Spallant,
Oriente ou, entre outras moitas, a banda dos irmáns Mallo de Feáns,
que actuou varias veces no Salón da Roxa coa lendaria estrela Finita
Gay, “A Martela”, primeira muller animadora da bisbarra que seica
cantaba coma os anxos. Xurxo Souto conta nun artigo de La Opinión
que “viñan mozos e vellos dos lugares máis apartados para ver
a esta fenomenal animadora, que os facía tremer de emoción cando
bailaba a raspita”.
|
Imaxe tomada nos anos 40 diante do Salón (Cortesía de Geluca Naya)
|
Aqueles
tempos eran os que eran, tempos de corredoiras e de zocos que os
mozos e mozas cambiaban polos seus mellores zapatos na tenda de María
e Antonio ou na taberna da señora Lola para logo bailar no Salón,
ao que accedían tras comprar a súa respectiva entrada nun pequeno
oco existente nunha das fiestras da tenda. O porteiro era Jesús
Martínez, irmán de María “a Roxa”.
O
Salón de baile non era moi grande, mais os músicos actuaban encantados porque dicían que o local tiña moi boa acústica. Un dos
músicos que tocaba alí con frecuencia, o trompetista dos Barrales,
non deixaba indiferente a María “a Roxa” que, polo que nos
contou a súa filla Pila, dicía que:
-Ese
cando toca a trompeta fai parar aos
paxariños.
¿Quen
sabe? Se cadra María referíase ás anduriñas que cada ano aniñaban
nunha das vigas do seu Salón, que voaban e chiaban en perfecta
armonía coas melodías das orquestras.
Na
dificultade xeral daqueles tempos, as cousas non ían mal para
Antonio e María, que foran pais de Pila nos anos corenta. A tenda
funcionaba ben, e co salón de baile tampouco había queixa. Malia a
competencia doutros salóns da contorna como o de Figueroa de Oseiro,
o da Roxa completaba o seu aforo de xeito habitual. Moitas veces,
cando xa non collía nin unha mosca no interior, a xente bailaba no
patio, un espazo que tamén se utilizaba no verán. De feito, durante
algún tempo, houbera un palco de música pegado á casa.
|
Vistas do Salón e do patio exterior
|
Mais
todo se ía torcer en 1955, ano no que morreu Antonio con tan só 45
anos. A pobre María caeulle o mundo enriba. Viúva con 40 anos, con
Pila ao seu cargo e sen ningún tipo de axuda, tivo a valentía e o
coraxe suficiente para tirar cara adiante. Muller loitadora e moi
traballadora, seguiu choiando na tenda e organizando bailes cos
mellores artistas e orquestras da bisbarra no Salón, que abría cada
ano co San Miguel, permanecendo pechado polo verán porque había
verbenas en todos os sitios.
Nesa
época, a partir do ano 1960, as autoridades franquistas ían regular
todo o relativo aos espectáculos públicos, tanto os propietarios de
locais de baile como os músicos. Polo que nos contan Xulio Cuns e
Xosé María Veiga no seu marabilloso libro “Orquestras populares
das Mariñas”, os primeiros necesitaban un carné de empresa para
poder facer bailes e os músicos para traballar debían dispoñer dun
carné profesional que lles daba o Sindicato de Músicos.
Nesa
altura, na comarca, e seguindo xa un movemento que viña da década
anterior, creánse bandas de estilo e corte moderno como fora o caso
dos Celtas, Españoles, Breogáns, Players, Dukes ou mesmo Os Key,
conxunto que Pila afirma que naceu no Salón da Roxa:
Eran
a Orquesta Radio e xa estaban anunciados na propaganda que se facía
na imprenta que Alfonso de Pilarita tiña na
rúa Barrera da Coruña. A Radio estaba anunciada para un domingo de
San Miguel e o xoves Pepe Alba, un dos músicos, veu á
nosa casa a díxolle a mamá:
-María,
mire, tivemos un pequeno problema na orquestra e decidimos
separarnos.
-
Vaia oh. O baile é o domingo, xa está anunciado… ¿e agora
que fago?
-Bueno,
pois mire, vimos cinco músicos e malo será que non lle fagamos
baile!
-
Pois vide!
E
así naceron Os Key. A primeira vez que tocaron como tal foi no noso
salón, recorda Pila.
|
De esquerda a dereita, Luís o da Ferrola, María a Roxa, Pila e Manolo o Ferreiro
|
Pila
ía casar moi noviña con
César Sande,
un mozo da Baiuca co que tivo dous fillos, César e Carlos. Ao tempo
que criaba aos rapaces, axudáballe a súa nai na tenda e no salón,
un local de baile ao que
seguían
acudindo, especialmente polo
San Miguel e polo Antroido,
mozas e mozos de
Pastoriza, Suevos,
Mesoiro, A Grela… xuventude
que, como non podía ser doutro xeito, provocou algunha que outra
liorta. Segundo nos contaron, os mozos de Suevos tiñan moita forza e
arreaban duro, mais os da Grela seica posuían mellor técnica porque
“xa ían ver ao cine Doré as películas do Oeste
americano”.
Naquela
época, polas festas e moitos domingos de baile, era habitual ver
diante do portal do Salón ao señor Arturo de Santa Icía co seu
posto de tiro, o mesmo que a señora Celia e a señora Manola,
vendedoras de froita de Pastoriza.
|
Xuventude
de Pastoriza diante da tenda da Roxa nos anos 70. Na fiestra pode
observarse o oco no que se compraban as entradas para o Salón
|
E
así, coma quen non quere a cousa, foron pasando os anos, tempos
nos
que o
Salón
da
Roxa,
ao igual que os outros do municipio, foi
perdendo fol
ata
que que pechou definitivamente no ano 1979. Curiosamente,
morría cando botaba
a andar
A Nova Mocidade. Miguel
Sande (Pastoriza, 1961), poeta, dramaturgo, novelista, xornalista e
integrante do devandito colectivo, recorda
que “cando
aparecía a Garda Civil no baile recrutando homes para apagar os
lumes no verán, todos liscaban para se agochar no milleiral; algunha
outra vez ata os das orquestras”.
|
(Cortesía de Pila Vázquez)
|
A
María “a Roxa” custáralle un mundo pechar o salón. Atrás
quedaba unha parte moi importante da súa vida, con centos de
anécdotas e ducias de parellas que ennoivaron alí. Dende
aquela ía dedicarse en corpo e alma á súa familia e a atender a
tenda na compaña da súa filla Pila. Faleceu
en maio do 2009 aos 94 anos de idade.
Ao
ano seguinte do pasamento da nai, Pila, que enviuvou no 2008, deixou
a tenda vella e abriu o negocio actual do que vos falaba ao inicio
desta crónica. Un
pequeno
establecemento
de comestibles que sobrevive ao continuo empurre das grandes
superficies comerciais ao
tempo que a súa propietaria, que
nos atendeu recentemente no seu domicilio coa maior das amabilidades,
viaxa coa
súa clientela
aos
tempos de antano.
Pila
bromea coa rapazada que lle vai comprar larpeiradas decíndolles que
“eu nacín nun salón de baile e medrei nunha tenda”, un negocio
que en xullo deste 2022 cumpre 90 anos. Haberá
que celebralo!