BREVE HISTORIA DO BALNEARIO DE ARTEIXO
Aínda que o lugar de Caldas, que é un termo romano para indicar augas quentes, danos pé a pensar que os seus precedentes son moito máis antigos, a primeira constancia documental que hai sobre o Balneario arteixán data do ano 1760. Nese documento, o emprazamento do edificio descríbese como un lugar illado do núcleo poboacional da Baiuca e faise mención dunha serie de edificacións das que contaba o recinto termal: hostal, casa de baños, capela e un arrimo para as cortes. No documento detállase tamén, que un destes arrimos, facía ás veces de hospital e nel recollíase á xente máis humilde, condición obrigatoria para poder explotar as súas augas termais. Co paso dos anos o edificio, que xunto co de Carballo era o único termal recoñecido en toda a provincia da Coruña, convertiríase en centro de gran actividade social e marco de feitos históricos de certa importancia coma o protagonizado a primeiros do século XIX polo xeneral Juan Díaz Porlier que, cando cumpría condena no castelo de San Antón por expresar a súa protesta pola abolición da Constitución de 1812, solicitáralle por motivos de saúde ao Capitán Xeral un permiso para pasar uns días nos Baños de Arteixo, donde xa levaba uns días instalada a súa muller Josefa Queipo de Llano e a servidume. Mais, tras novas peticións ás autoridades militares da Coruña, Porlier obtería un novo consentimento, esta vez para instalarse en Pastoriza, na casa de campo de Andrés Rojo del Cañizal (actual Vilariza), lugar no que prepararía o levantamento do 9 de agosto de 1815 contra o goberno absolutista de Fernando VII. O "Marquesito", alcume de Porlier, fracasaría no intento de derrocar ao rei español e sería condeado a morte, sendo aforcado en outubro dese mesmo ano no Campo da Leña da Coruña.
Dous anos despois da morte de Porlier, en 1817, noméase por primeira vez un médico director xa que, ao parecer, o Balneario era cada vez máis visitado e valorado pola súa capacidade para curar, mais como os usuarios tomaban as augas ao chou, sen ningún tipo de control médico, ocorrían a cotío desgrazas que fixeran ver a necesidade de tal nomeamento. Aínda así, non sería ata 1849 cando Antonio Casares realiza a primeira análise das augas, estudio no que se verifica que estas son moi mineralizadas, con altísimos porcentaxes de cloro e sodio ademais de outros compoñentes: xofre, calcio, flúor, bromo e iodo, que se empezarían a recomendar para o tratamento de afeccións cutáneas, reumatismos, trastornos respiratorios e problemas de tipo nervioso.
Cara a mediados deste século XIX e según as investigacións do doutor Pedro María Rubio, que aparecen reflexadas no seu libro,
Tratado completo de las fuentes minerales de España (publicado en 1853), a propiedade do Balneario de Arteixo era compartido por catro propietarios, que tiñan feita a partición dos edificios e administrábanos por si mesmos ou por medio de dependentes. Naquela hora, a dirección facultativa corría a cargo de don Isidoro Ortega, quen tamén se ocupaba da dirección do Balneario de Carballo, recinto que nesa época fora adquirido polo xurista e político ourensán Pedro Sanjurjo, que entre outros cargos, fora Conde de Torre Panela, deputado a Cortes por Ourense (1839-41 e 1844-46) e polo distrito de Bande (1850-54 e 1857-58), oídor da Real Audiencia da Habana (1849) e, maxistrado decano da Audiencia de Manila (1869).
Mais no Balneario de Arteixo había un quinto propietario: o banqueiro madrileño Angel Henry que, aínda que nun principio tivera abandonada durante algún tempo a súa parte do recinto, según publica Rubio no seu
Tratado completo de las fuentes minerales de España...
"abrió en su establecimiento un salón de sociedad decentemente adornado, con periódicos, juegos permitidos y piano, arregló un local para fonda y amuebló las habitaciones".
Henry, deste xeito, convertera a súa parte dos Baños no epicentro da vida social do concello e tamén se encargaría de amañar unha gran horta para adicala a xardíns e a paseos. Pedro María Rubio describía como era o núcleo de Arteixo de mediados do XIX deste xeito:
"Hay paseos amenos y deliciosos en el pequeño valle y su carretera, y una hermosa y dilatada pradera adornada de árboles silvestres de todas clases, que prestan gustosa sombra. Esta pradera, que es la que media entre los baños y la carretera, está cruzada por un arroyo pequeño, que abunda sin embargo en truchas y anguilas y va a desaguar al Océano Cantábrico, que dista de allí un cuarto de legua escaso. Las colinas que rodean el valle están pobladas de frondosos y dilatados pinares, y en sus faldas se ven viñedos, prados, huertos y tierras bien cultivadas".
A finais deste século XIX, en 1898, o carballés Manuel Rodriguez Més, home acaudalado que lograra unha gran fortuna e que casara coa súa propia curmán, a arteixá Flora González Més, compraríalle aos herdeiros de Henry o Balneario pola respectable suma de 9.000 pesos dos da época. Non tardaría moito en darlle aos Baños unha vitalidade e uns servizos dos que carecían as instalacións e,
nese mesmo ano, encárgalle ao arquitecto vasco Juan Ciórraga i Fernández de Labastida, impulsor das galerías do Ensanche coruñés e diseñador do asilo de anciáns de Adelaida Muro, tamén na Coruña, a construcción do edificio do hotel, dotado de planta baixa e dúas alturas que se edificarían con pedra de cachotería entre os anos 1898 e 1911.
|
Paseo por Arteixo nos primeiros anos do século XX. Ao fondo da imaxe vese o Balneario |
Principiaba, deste xeito, a relación da familia González Més cos Baños de Arteixo, unha relación que en realidade xa a iniciara o pai de Flora, Manuel González Iglesias (Alcalde de Arteixo entre 1890 e 1891), cando fora durante un tempo o administrador do Balneario. Tamén, durante os anos que Manuel Rodriguez e a súa muller Flora estiveran ao fronte do negocio, un irmán desta, Baldomero González Més, fervente seguidor da doutrina do conservador Cánovas del Castillo, fora o Alcalde de Arteixo en tres etapas distintas: 1914-1916, 1920-1923 e 1930-1931. Esta fora se cadra a mellor época do Balneario, uns anos de esplendor no que o edificio termal era frecuentado por persoeiros da talla de Manuel Mª Puga Parga "Picadillo", xuiz municipal de Arteixo entre 1901 e 1903 que chegaría a ser o Alcalde da Coruña no ano 1915; Ricardo Fernández Cuevas i Salorio, director xerente de Augas da Coruña S.A., empresa que se constituíra en 1903; o poderoso banqueiro coruñés Narciso Obanza Alonso, casado con Elena Miranda Santos (filla de Luis Miranda, o precursor da actividade téxtil na Coruña) e amigo persoal de Baldomero González Més, que en realidade era o seu corresponsal en Arteixo; ou Raimundo Molina, un dos promotores do porto herculino, que viña aos Baños acompañado da súa dona Evarista (filla do doutor Alejandro Brandao, Alcalde da Coruña entre 1881 e 1885) e do seu fillo Alfonsito, un rapaz que co tempo presidiría a alcaldía herculina dende o ano 1947 ata 1958. Si, estamos a falar de Alfonso Molina.
Os González Més terían moito peso tanto na vida política coma na socio-cultural e tamén relixiosa dese Arteixo de principios de século XX. Xa falamos de Baldomero, alcalde do concello en varias ocasións, e de Flora, propietaria xunto co seu home do Balneario, mais aínda quedan no tinteiro anécdotas do resto dos irmáns, que en total foran doce, das cales falaremos noutra ocasión.
|
Carlos del Río Troche (imaxe cedida pola súa filla Ana) |
Paralelamente á entrada na alcaldía herculina dun dos hóspedes máis ilustres do Balneario, Alfonso Molina, os Baños cambiarían de propietarios pasando, por herdanza, ás mans de Enrique Rodriguez Més, que estaba casado con Milagros del Río Troche. Mais Enrique non estaba pola labor de levar as rendas do negocio e pediríalle a seu cuñado Carlos, daquela empregado do Banco Pastor, que se puxera ao fronte, petición que este aceptaría.
Eran os tempos nos que a fisionomía da vila variaba considerablemente cada verán. Os meses de xullo e agosto rexistraban cada ano unha gran afluencia de visitantes que, dende puntos ben dispares, viñan a Arteixo a tomar os baños por prescripción médica. Outro persoal, como era o caso de moitos dos novos usuarios, chegaba á vila por consellos de amigos que melloraran das súas doenzas grazas as augas arteixás. Naquela época, non era difícil que houbera máis de cen persoas hospedadas no hotel do Balneario e tampouco era inusual ver disfrutar a varios centos de bañistas dos servizos do centro, clientes que alternaban as súas estadías no edificio con excursións ás praias de Alba e Sabón ou aos montes de Subico e Santa Locaia.
Carlos del Río Troche e a súa muller, Laura Doldán Rivas, levarían a administracción do Balneario desde finais da década dos cuarenta ata 1962. Pouco se asemellaba o Arteixo daqueles días co de hoxe. Na zona dos Baños estaba o hotel e un hospitalillo e, posteriormente, habilitaríanse unha especie de albergues ou ranchos que era o lugar donde se hospedaban os clientes que non podían pagar a estadía no hotel mais sí acudir a tomar os baños, xa que o recinto tiña a obriga de aloxar aos enfermos dos concellos veciños que estaban escritos na beneficiencia. Neses anos, principalmente nos cuarenta, o Balneario tamén era utilizado polo R.C. Deportivo, que se concentraría en numerosas ocasións nas súas instalacións. Para a historia tamén queda a concentracción, durante a primeira semana de maio de 1945, da selección española de fútbol na que xa destacaba o lendario Telmo Zarra.
Carlos del Río falecería dun infarto en 1962 e sería aí cando entrarían en escena os actuais propietarios dos Baños, é decir, os irmáns Mosquera Calvete que, logo das oportunas negociacións con Francisco Rodriguez "Pancho", fillo de Enrique Rodriguez Més, faríanse co recinto termal nestes anos sesenta, pouco despois de que un dos irmáns, Domingo Máximo "Pitos", debutara en 2ª División co Racing de Ferrol... uns Mosquera Calvete que levan administrando o Balneario máis de medio século e que acometerían unha rehabilitación das instalacións coincidindo cun programa de reordenación urbanística do contorno, no que se construiría o paseo fluvial e a Casa da Cultura.
|
O Balneario a principios dos anos cincuenta (imaxe cedida por Ana del Río) |
Os Baños, historia e tradicción que nos traen á memoria esa tranquilidade perdida por mor das presas coas que hoxe convivimos, tamén están asociados a varias curas miragreiras das que non hai moito tempo alguén me comentou, sen ningún recato, que seica unha persoa que no seu día chegou ao Balneario con muletas, despois dun adecuado tratamento e grazas ás augas á que foi sometida, voltaría ao seu domicilio sen as ditas muletas, deixando unha delas colgada na capela do recinto.
Un ambiente de veraneo da decadencia romántica, alá polo 1890, como sinala a fonte do Balneario, segue envolvendo a atmósfera deste histórico lugar descuberto, paradoxos da vida, según afirma a lenda, grazas a un burro que curou as súas feridas e mazaduras nunha fonte próxima ao lugar donde pacía.
FONTES:
-Seminario Permanente CEP "Galán" de Oseiro e CEIP "Ponte dos Brozos"
-"De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam". Fernando Patricio Cortizo&Xabier Maceiras