mércores, 27 de xaneiro de 2016

EMILIA VIÑÁN "A VIÑANA", UNHA DAS PRIMEIRAS TAXISTAS GALEGAS

      Nun tempo no que ser muller non era doado, nun tempo no que as leis aínda eran máis ruíns que as mentalidades, unha muller emprendedora, arroutada, de carácter, chea de enerxía, de forza e de vitalidade, unha muller que non quería ser un cero á esquerda naquel mundo de homes, convertíase nunha das primeiras taxistas de Galiza. Si, estamos a falar de Emilia Viñán Matos, a popular Viñana.

     Oficialmente, o privilexio de ser a primeira taxista galega tivérao a lucense Dolores Trabado, a quen nun principio tamén sinalaron como a primeira taxista de España, cando en realidade parece ser que fora a leonesa Piedad Álvarez, que empezara na profesión nos anos trinta.

     Hai cousas que herdamos dos nosos pais e no caso de Emilia Viñán, nada en Loureda no ano 1932, herdaría a súa paixón polo volante de su pai Ramón, o fundador da empresa "Transportes Viñán", que aínda hoxe é lembrada grazas á "Superiora", o popular coche de liña que a diario utilizaban as leiteiras arteixás e que tiña garaxe na Praza de Pontevedra, esquina coa rúa Juan Flórez. A "Superiora", trala morte de Ramón Viñán (falecería nun accidente en Oseiro cando conducía o seu bús) pasaría ás mans de "Transportes Benito".

     Familiarizada co mundo do motor dende que era unha nena, e afeita a manexar o volante no coche de seu pai dende os primeiros anos da súa xuventude, a finais dos cincuenta a nosa protagonista decide apuntarse na autoescola Fernando Rey para sacar o permiso de conducir e, nada máis obtelo compraría unha furgoneta Alfa Romeo, coa que se dedicaría durante un tempo á venda de legumes e patacas.

     Nos primeiros anos sesenta, no 60 ou 61, faríase coa licencia de servicio público, licencia que según Pepe do Muiñeiro, un dos primeiros taxistas arteixáns, ninguén quería porque era a número 13! Pouco lle importou a Emilia ter ese número...o que a ela lle importaba era que as cousas lle foran ben na aventura que acababa de iniciar naquel mundo de homes cunha furgoneta DKV, o seu primeiro taxi.

     Como muller da época, casada e con dous fillos, ademais de taxista, tivo que exercer de ama de casa...non quedaba outra, entre viaxe e viaxe coa súa DKV, había que buscar tempo onde non o había!

     Estamos xa nos 70, anos nos que Emilia cambiaría a DKV por un flamante Dodge Dar de cor negra, aquel maxestuoso C-70526 co que en 1973 viaxaría ata Alemaña para ver a súa recén nacida neta Soraya, a filla de Ángel, que acababa de nacer en Sttutgart.
Imaxe de Emilia Viñán no seu Dodge Dar (El Ideal Gallego)

     Son anos nos que había traballo grazas á moita xente que viña ao Balneario e tamén, á xuventude que cada domingo paraba na sala de festas Eva. Nesta época, uns maleantes déranlle o pao a un taxista de Arteixo, ao que acabarían atando a un pino. Os delincuentes non tardarían en repetir a faena, mais desta volta sairíalles o tiro pola culata. Colleran o taxi equivocado, colleran o taxi da Viñana..."ídesme roubar a min polo carallo 29", dixo ela. Con medo ou sen el, e de seguro que con algunhas labazadas polo camiño, Emilia sería quen de "dominar ás feras" e de chegar ata o cuartel da Garda Civil de Carballo, onde os botaría a patadas do seu taxi..."aí vos quedan", dixéralle aos gardas.

     O Dodge Dar daríalle paso a un Chrysler 180, taxi que posteriormente cambiaría, cando os taxistas xa tiñan a parada na Avenida do Balneario, por outro do mesmo modelo. Finalmente, un Talbot Horizon, matrícula C-Y, sería o coche co que nos anos noventa a nosa protagonista realizaría o seu derradeiro viaxe dentro do gremio.
Emilia cun dos Chrysler 180 que tivo (Imaxe de Angel Paz)

      Pouco queda para o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, e que mellor día para que as autoridades locais lle fagan unha máis que merecida homenaxe a esas mulleres que en moitos casos exerceron traballos exclusivos de homes, como Emilia Viñán, unha das primeiras taxistas galegas.

   

Ningún comentario:

Publicar un comentario