Ao igual que noutras cidades europeas, o interés pola aviación na Coruña nacía nas primeiras décadas do pasado século XX grazas a un grupo de amigos, dedicados a distintas profesións, que principiaran a interesarse polas novas que chegaban desde Estados Unidos, Inglaterra ou Francia, nazóns donde varios aficionados levaban xa certo tempo realizando arriscadas experiencias para facer realidade unha das máximas aspiracións do ser humano: poder voar, aspiración na que os irmáns Wright puxeran a primeira pedra no ano 1903 en Carolina do Norte (EE.UU.) ao lograr que aparatos máis pesados que o aire foran quen de elevarse da terra. Así pois, na Coruña podemos considerar pioneiros da aviación a ese grupo de amigos, que fundarían sociedades en torno aos voos sen motor e tamén, polo que nos conta Angel Padín Panizo, a crear publicacións nas que se recollían todo tipo de informacións sobre estas aspiracións.
Foi así como xurdiría o chamado Aero Popular Coruña (APC) constituído como entidade de carácter deportivo e social e domiciliado en Riazor "frente a las instalaciones del Deportivo", segúns anunciaban os seus directivos nos xornais locais a finais da década dos vinte. Mais uns anos antes, en 1911, a cidade xa vivira a súa primeira experiencia aeronáutica cando a "Liga de Amigos" ofrecera un festival de aviación como número extraordinario das festas de agosto de María Pita. Os aviadores franceses Laforestier e Mauvais serían os encargados de ofrecer ao público un espectáculo aeronáutico que se celebraría no improvisado aeródromo ubicado no Campo da Estrada, espectáculo que se repetiría nos anos 1912 e 1913, tamén con aviadores franceses. En 1914, sería o piloto galego Pepe Piñeiro "O Rei dos aires" o encargado de amenizar cos seus voos as festas da cidade, realizando piruetas a 650 metros de altura.
Á marxe dos espectáculos festivos de aviación, os primeiros aterraxes efectuados por avións na nosa área terían lugar no concello de Oleiros en xullo de 1926 cando nove avións militares, un deles pilotado polo coruñés Félix Bermúdez de Castro, aterraran na praia de Santa Cristina. Catro anos máis tarde, o 23 de novembro de 1930, un enorme hidroavión alemán "DC-X", construído pola casa Dornier, amaraba na baía coruñesa, con quince tripulantes e sete pasaxeiros a bordo como escala do seu primeiro viaxe a América, acontecemento que despertara gran curiosidade e que movilizaría a multitude de coruñeses e coruñesas.
A necesidade dun aeroporto empezaba a ser unha evidencia e, por tal motivo, poucos días despois de aterrar na cidade o "DC-X" alemán, o departamento de arquitectura do concello herculino, a cargo do arquitecto Pedro Mariño, daba a súa aprobación a un plano elaborado por especialistas do "Cuerpo de Estado Mayor del Ejército" (E.M.), firmado polo "Teniente Coronel Jefe de la Comisión Geográfica de Galicia" e no que se realizaba un estudio das inmediacións de Arteixo para un campo de aviación. Si, si, ledes ben...un aeroporto en Arteixo!
Plano do proxecto para construir un campo de aviación en Arteixo |
Todo quedaría nun simple intento, se cadra pola morte de Pedro Mariño que falecería en 1931, e o proxecto non sería desenvolvido.
A Coruña seguiría coas súas aspiracións ante un fenómeno que naquela hora xa estaba nunha fase ben avanzada como era o da aviación e, despois do estudo doutros emprazamentos (Ría do Burgo, Betanzos, A Laracha, Carballo...) e das presións exercidas por un grupo de cidadáns, capitaneados por Pedro Barrié de la Maza, A Coruña conseguiría dispor, ao fin, dun aeroporto. A decisión final do seu emprazamento fora nun alto do lugar de Alvedro (Culleredo), donde en xullo de 1954 entrarían as primeiras máquinas e que botarían case nove anos traballando na súa construcción. Unha vez rematadas as obras, o aeroporto abriríase ao tráfico aéreo civil estatal o 25 de maio de 1963, día da súa inauguración oficial e no que chegaba o primeiro avión comercial desde Madrid, voo que operara a compañía Aviaco.
FONTES:
-"Hace setenta y cinco años A Coruña presentó su primer proyecto para construír un aeropuerto en Arteixo". Angel Padín Panizo. Revista "La Coruña, historia y turismo". 2006
-"El aeropuerto de Alvedro: Crónica de una aspiración coruñesa". Manuel Fiaño Sánchez. Anuario Brigantino 2012, nº 35.
Ningún comentario:
Publicar un comentario