domingo, 31 de xaneiro de 2016

UN AVIÓN NAZI EN SUEVOS

  Durante a Guerra Mundial, Galiza era un fervedoiro de espías. Todos espiaban a todos, non só os nazis, senón tamén os británicos e norteamericanos, que vixiaban a "neutralidade" do rexime franquista e as operacións dos alemáns no noso territorio, uns alemáns que demandaban a explotación intensa do volframio galego para continuaren nutrindo a súa maquinaria bélica. Mais a vantaxe militar que lles proporcionaba o uso do noso mineral sería descuberta polo bando aliado e estes comezaron a mercar de forma masiva volframio en toda a Galiza, co único obxectivo de que non fose parar a mans nazis, dado que descoñecían o proceso de elaboración que posibilitaba o aproveitamento militar. Isto daría lugar ao que algúns chamaron "a guerra do volframio", sendo a partir de aquí cando os aliados principian a vixiar a costa galega exhaustivamente para impediren que o mineral chegase a Berlín. Esta vixilancia provocaría o afundimento nas nosas augas de medio cento de submarinos nazis e o abatemento de avións das dúas faccións no noso territorio.

     O 20 de agosto de 1942, ocorría en Arteixo un destos derrubos. Un "Avro Lancaster MK1" (nº de serie R-5543) partía de St. Eval, Cornwall (sudoeste da Gran Bretaña) ás 11:00 da mañá rumbo á Galiza. O avión pertencía ao escuadrón 61 de Bombardeo da RAF, con base en Syerston, Nottingham, mais estaba destacado temporalmente no 5º grupo da "Coastal Command", que tiña a súa base en St. Eval. Pilotado polo oficial británico John Henry Harrad, de 20 anos (substituía a A.L. Searby, morto no día anterior) e con seis tripulantes máis: os oficiais canadenses Thomson Lawrie Wilson, de 22 anos, e John Emmet Madson, de 20; os sarxentos británicos Richard Henry Linton e Harold Allen, ambos de 22 anos; Vivian John Watson, sarxento australiano de 29 anos e, o tamén sarxento, Thomas Lindsay Boland, neozelandés de 26 anos, o "Lancaster" realizaba habitualmente tarefas de patrulla antisubmarina, xa que estaba asignado temporalmente ao mando costeiro da RAF.

     Nesta misión, o avión aliado procuraba ao mercante alemán "Wesserland", que tiña previsto saír do porto de Corcubión polas 16:00 horas da tarde repleto de volframio cara á Alemaña. Xa no espazo aéreo galego, á altura das Illas Sisargas, e na procura do mercante alemán, o "Lancaster" foi interceptado por dous "Junkers 88" nazis que, pilotados por V. Giessübel e por Adolf Runge, partirían pouco antes da súa base francesa (outras informacións indican que puderon saír do aeródromo lugués das Rozas). Os dous avións alemáns pertencían á Z/KÜFIGR 106, mais cando recibiron a orde de protexer ao "Wisserland" estaban de reforzo na 4/KG40, "Junkers" que cando se dirixían cara a posición do mercante, voando moi perto de Arteixo, detectaron o avión inimigo e atacárono. Á altura da praia de Seaia (Malpica), o "Lancaster" virou para defrontarse aos avións nazis, que alcanzarían ao aliado en dous motores, cola e fuselaxe. Os alemáns acabaron por abateren ao "Lancaster" que, no seu traxecto final, ía ardendo e facendo manobras para esquivar os avións do III Reich e, despois de que dous dos seus motores tivesen prendido lume, o piloto J.H. Harrad tratou de realizar unha aterraxe forzosa no lugar da Pontedona (Xornes, Ponteceso) mais, pese a que as copas dos piñeiros amortiguaron a caída, o impacto foi tan brutal que provocou o estoupido de dúas das catro bombas que levaba deixando, nun radio de 15 metros, os piñeiros talados. Os catro motores desprenderíanse e quedarían a uns 20 metros de distancia en varias direccións e, a cola do avión aparecería a uns 40 metros espetada en vertical nunha leira. Dos sete tripulantes, seis quedaron calcinados e un deles, o sarxento australiano Vivian John Watson, acabaría morrendo na aldea da Pontedona. Todos os corpos serían enterrados nun lateral do cemiterio da parroquia de Xornes porque foran rexeitados noutra igrexa e posteriormente, ao final da Guerra, serían trasladados ao cemiterio británico de Lujua (Bilbao).

     Antes de ser derrubado, o "Lancaster" aliado deixara moi danado a un dos "Junker 88", o C-6 (3E+AY) nº 3600AY, que pilotaba Adolf Runge acompañado de dous tripulantes máis: o observador Franz Müller e o encargado da radio, Fritz Streng. O avión de Runge iría perdendo altura e botando fume dende Caión ata caer finalmente en augas de Suevos, perto da zona que hoxe ocupa o Porto de Langosteira."Eu ese día estaba a brincar. Lémbrome que era á tarde, e vin dous avións que viñan da parte de Caión. Un deles botaba fume. Voaba baixo, dando a impresión que ía perdendo altura e pouco despois caía no mar diante da Becha. O outro avión continuou voando cara a parte da Coruña. Tamén lembro que nos días seguintes, foron aparecendo na praia de Alba algunhas cousas do avión", lembraba Adolfo Vazquez, daquela un cativo de 12 anos, nunha conversa mantida con el en outubro do 2010. 

     Os tres tripulantes do avión nazi caído en Suevos morrerían, recuperándose dous cadáveres. O de Müller, no mesmo día 20 de agosto no areal carballés da Arnela, e o de Adolf Runge sería recuperado polo pesqueiro "Dos Hermanas", na enseada do Orzán o día 3 de setembro.
Avión Junker-88

    






FONTES:

-Adolfo Vázquez Veira
-"O mar de Arteixo e os seus naufraxios". Xabier Maceiras. A.C. Monte da Estrela.


Ningún comentario:

Publicar un comentario