A parada da Avenida do Balneario nos anos 80 |
Mais pola contra, se eres dos que utilizas o singular, o máis común taxi, decirche que o termo non aparece ata o invento do taxímetro, palabra que según a etimoloxía procede do grego taji (taxa que se cobra) e metron (medida).
O taxímetro fora ideado en 1891 polo enxeñeiro alemán Wilhelm Bruhn e grazas ao seu enxeño mecánico podíase medir o tempo e a distancia percorrida polos vehículos, permitindo establecer unha tarifa normalizada. Mais, aos taxistas da época, non lles gustou a idea de que existira unha máquina que regulase os seus ingresos e acabarían tirando a Bruhn ao río!
O primeiro vehículo con motor equipado co invento de Wilhelm Bruhn, foi o "Daimler Victoria" fabricado por Gottfried Daimler en 1897 e sería entregado, con taxímetro incorporado, ao empresario do transporte de Sttutgart Friedrich Greiner, que fundaría a primeira compañía motorizada de taxi do mundo.
Os seguintes vehículos de motor destinados a taxi equipados con taxímetro (que naqueles días ían montados fora do taxi, enriba da roda dianteira lateral do conductor) principiaron a funcionar en París en 1899 e en Londres en 1903, dúas cidades nas que grazas ao éxito obtido por este servizo levarían a que o empresario automobilístico Louis Renault recibira en 1905 un pedido de 250 taxis que se exportarían a Bos Aires e Nova York, feito polo que a marca francesa vírase na obriga de organizar as súas instalacións, pasando da fabricación artesanal á producción en serie. Na cidade norteamericana, os taxis de Renault serían importados por Harry N. Hallen, que sería a primeira persoa en pintalos de amarelo, pois pensaba que era máis doado velos na distancia.
A "Hispano Suiza de Automóviles" foi a empresa que fabricou e comercializou en serie os primeiros modelos de vehículos españois e, a partir de 1910, daríanse os primeiros pasos para a comercialización dos "automóbiles de praza", é decir, os tamén chamados "taxis", que irían sustituindo progresivamente aos coches de cabalo no Estado español.
A partir de aquí, nas cidades empezarían a xurdir as figuras dos taxistas autónomos, personas que se situaban diante dos establecementos máis concurridos co fin de ofrecerse como servizo de taxi, unha práctica que copiarían outros avispados e que daría pé, logo duns anos de forte competencias entre compañías e autónomos, ao nacemento das primeiras asociacións de taxistas.
Co paso dos anos, os taxis iríanse convertendo en símbolos dalgunhas cidades, coma no caso de Londres, onde actualmente son tan populares coma os autobuses Decker de dous pisos, e tamén se encargarían de encher de colorido as principais arterias das grandes urbes por mor do elevado número que circulan en cidades como Madrid, con 15.646 taxis de cor branca, ou en Barcelona, onde os 10.939 existentes dan unha imaxe ben fermosa cando transitan, con esa cor negra e amarela, polas principais avenidas barcelonesas.
Na cidade da Coruña hai 522 licencias e en Arteixo 28, que teñen parada en Meicende, Vilarrodís e na Avenida de Fisterra da capital do concello, a carón do Insua, o bar que rexenta dende hai medio século un dos primeiros taxistas que houbo en Arteixo: Pepe do Muiñeiro...non lembrades o seu último taxi?...aquel flamante Seat-1430 de cor amarela!
Si, estamos falando dos anos sesenta-setenta, nos que outro taxi mítico, o Dodge Dar de Emilia Viñán, unha das primeiras mulleres taxista de Galiza, circulaba polas mal asfaltadas rúas do concello, uns anos nos que a época de maior traballo para os profesionais locais do volante era polo verán, xa que as festas, praias e os forasteiros que acudían ao Balneario sobrecargaban o servizo e daban un peso a gañar, pesiños que tamén se facían o día que os xubilados cobraban as súas pensións e, os domingos, cando abría a sala de festas Eva.
Angel Paz, fillo de Emilia Viñán que tamén foi taxista durante algún tempo, e Pepe do Muiñeiro, ao que sempre recorro cando necesito algunha información sobre o Arteixo de antano, contábanme estos días que o primeiro taxi que houbo no concello, é dicir, a licencia número 1, foi o de Jesús García "O Grilo", o home de Maruja do Veigheiro (a que ten o estanco a carón da Panadería Gestal) e seica tiña un Renault Gordini. "O taxi era do Grilo pero quen o conducía era seu irmán Mero, que era con quen nós quedábamos varios días antes para que nos levara ás romarías...e pasaba todo o día con nós", lembraba non hai moito unha veciña do Rañal.
A licencia número 2 tiñaa "Cacharrón", un home que fora garda civil e que tiña bar en San Xosé, diante da Refinería. "Cacharrón" venderíalle a súa licencia a un tal Luis, que era do Barco de Valdeorras e que tiña dous taxis, un deles un Mercedes de sete prazas co que se dedicaba a levar emigrantes ao estranxeiro. Pepe non lembra o nome do taxista que tiña a número 3, mais afirma que casara en Larín e que tivera certo tempo en Inglaterra. A licencia número 4 era dun dos "do Redondo", un tal Caamaño ao que alcumaban "Pibe" e que lle vendería a licencia a Pancho "do Melón". A número 5 era de Manolo, o propietario do bar "O Relojero", o que está a carón do areal do Reiro, en Chamín. A número 6 tiñaa Piñeiro, que nos primeiros tempos tivera un 1500 e despois un Seat 132. Pepe, para min unha auténtica "Pepepedia", tamén me contaba que había algúns que tiñan licencia e que nunca chegaran a utilizar o taxi, motivo polo cal non é quen de decir quenes eran os propietarios dalgunhas licencias. Aínda así, lembra que a número 8 era de Jaime "o das Rodas"; a 9 de dous socios da Coruña; a 11 de Pepe de Xaquín; a 13, a que ninguén quería, da nai de Angel, Emilia Viñán (de quen falaremos polo miudo noutra ocasión); a 14 de Rogelio; e a 15 de Fernando o dos "Tarantos", que tería licencia 7 ou 8 anos e despois venderíalla a Juan da Furoca.
Pepe do Muiñeiro tiña a licencia número 20..."comprei a licencia en 1966 e o primeiro taxi que tiven foi un Seat 800 de catro portas, que era igual que o 600 pero máis grande. Despois, no 72, comprei o Seat 1430, que vendín no ano 2000 xunto coa licencia".
As licencias irían cambiando dunhas mans a outras mais, o que é ben curioso, e que xa daquela, a principios dos setenta, cando Luciana Naya "Listero", ao volante dende 1967 (licencia nª 26), era o presidente do grupo de taxistas locais, houbera case a mesma cantidade de taxis (27) que hai na actualidade (28) mais iso sí, a poboación do concello naquela hora era de 12.000 habitantes e hoxe é de 31.000.
Esos pioneiros taxistas locais, que nos primeiros anos aparcaban de calquera xeito arredor do Bar Insua (hoxe avenidas de Caión e Fisterre) loitarían durante ben tempo por unha parada adecuada ás necesidades da vila para poder realizar o servizo público que os usuarios demandaban, clientela que naquela hora tiña que chamar aos seus teléfonos particulares, en ocasións de auténtica necesidade e urxencia. Ademais, ao non contar cunha parada en condicións e asimesmo co debido orden de saída, daba pé a que uns levaran todo o traballo e o resto mirara para eles!
Nos anos oitenta, cando os taxímetros mecánicos pasaron a ser electrónicos eliminando o familiar son de tic-tac que facía o mecanismo de sincronización, ao fin puxeron a tan demandada parada na Avenida do Balneario e alí estarían os taxistas locais ata a súa ubicación actual da Avenida de Fisterra, cambio que se producira a raíz da peonización da primeira.
Paula Fernández Doval na parada de taxis da Avenida de Fisterra |
Na actualidade, o taxista máis veterano é Calvete (nº 11), que lle comprara a súa licencia a Pepe de Xaquín no ano 1975, un Calvete que me falaba dos seus inicios como profesional do servicio público lembrándose dos seus primeiros coches: un Seat 124 e un Seat 1430, e apuntando tamén que..."antes, cada taxista tiña no seu coche a cor que quería...habíaos negros, amarelos...logo, coa ordenanza municipal, xa foi unha obriga telos brancos".
Segismundo Seijal (licencia nº 23), outro dos taxistas actuais, lembra que o seu pai Manuel comprara a licencia por 350.000 pesetas das da época..."e só para andar co taxi os fins de semana porque o resto dos días tiña o coche parado porque traballaba en Genosa...eran outros tempos...hoxe témolo moi difícil...o bus urbano de Meicende fainos moito dano, os viaxes que facíamos antes, aos centros de saúde e cos xubilados para cobrar as pensións, xa non os facemos porque esas familias teñen xente na casa que está no paro...pódese decir que actualmente vivimos grazas ao Polígono de Sabón e a Inditex".
Como contaba antes, as licencias irían cambiando dunhas mans a outras. Este foi o caso de Paula Fernández Doval, que dende o seu Lugo natal chegou a Arteixo hai catro anos, cando lle comprou a licencia (nº 18) a Bienvenido Pardiñas. Paula recollía o testigo de Emilia Viñán e convertíase na segunda muller taxista do noso concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario