O SALÓN DE BAILE DE LAÑAS
Cando viñamos de Lañas
á Cruña para embarcar
trouxemos un cañotero
para el tabaco poder guardar.
A Cuba fuimos todos xuntiños,
al buen tabaco
porque aló en Lañas
non se fumaba máis que de a cuartos.
Que rico aroma
que buen sabor
pues el de Lañas pica en el peito
e de pior parte ten mal olor1.
Comezamos esta crónica con Xurxo Souto e os seus marabillosos Contos da Coruña, onde o prezado e admirado autor dinos que “como aperitivo, velaí vai unha peza que me ensinou o señor Campelo do Castrillón. Pensa que é de Mazaricos2, moi anterior á Guerra Civil. En doce versos resúmese a epopea americana coa comparanza entre o tabaco que se fumaba en Lañas, na parte de Arteixo, e as marabillas que atoparon en Cuba3.
Aqueles eran os tempos nos que en Lañas existía a taberna de Xan García, unha desas tendas das de antes nas que tanto podías comprar un paquete de azucre, de sal ou de fariña como botarlle unha copa de augardente das que abrían o peito. O establecemento tamén funcionaba como casa de comidas e mesmo se ten feito ocasionalmente alí algún que outro baile de pandeireta.
Por aquela época, anos antes da Guerra Civil, en Lañas tamén xa existía a Carpintería Ferro, cando o señor José Ferro comezara no oficio indo polas casas para facer mobles de castiñeiro, apeiros de labranza, botar pisos, tellados e todo o que fixese falta relacionado co seu traballo de carpinteiro. Co andar do tempo dous dos seus fillos, Pepe e Alvarito, decidirían montar un taller, nacendo así a Carpintería Hermanos Ferro, unha industria da que prometemos falar no futuro nestas Crónicas de Arteixo.
Aínda que non o creades, negocios como as antigas tabernas e os lendarios salóns de baile tiveron certa relación coas carpinterías ou mesmo cos serradoiros, relación que viña dada polo serrín que se botaba nos pisos de madeira (costume que durou ata os anos 70-80) e nos terrazos para combater a humidade ou a sucidade en moitas das casas e tabernas de antano. De seguro que a xuventude que paraba nos antigos salóns bailou sobre o serrín producido nos serradoiros e nas carpinterías como a de Ferro.
Aquelas “alfombras” de serrín e virutas escondían o viño derramado cando o pulso tremía porque o alcohol inxerido facía efecto no pulso e o equilibrio, escondería ademais algún que outro cuspe dos bebedores de coñac e augardente, e tamén as colillas dos fumadores que por aquel entón podían queimar tabaco dentro de aqueles lugares case sagrados que se reservaban o dereito de admisión ou mesmo lucían carteles como “Prohibido remudar la pareja” ou “Se prohibe ceder la pareja” que, polo que nos contou Mari Luz Recouso Álvarez, era o cartel que había no salón de baile que seus pais tiñan en Lañas.
Grazas ás xestións realizadas por Jaime Traba, presidente da A.V.R.C.D. Fontesvellas, en maio deste 2026 puidemos conversar con Mari Luz, Mucha para os seus amigos, que nos atendeu coa maior das amabilidades no seu domicilio da Coruña permitíndonos pasear polo máis profundo da súa memoria. “O noso salón foi o que máis traballou durante algún tempo. Eu mameino dende moi pequerrecha. Acórdome dos grandes bailes que se facían polas festas de Lañas, que eran fantásticas”.
Mari Luz é filla de Gerardo Recouso Esmorís e de Josefa Álvarez Torres. “Nós fomos tres fillos: Sara, Gerardo e eu… bueno tivemos outra irmá que morreu, que eu xa non a coñecín. Antes de casar papá vivía en Armentón de Arriba e mamá en Lañas, que era ‘dos do Fraile’, o apodo que tiñan na casa”.
Os do Fraile era unha das grandes familias de Lañas, abofé. O matrimonio conformado por José Álvarez Cortiñas4 e Pastora Torres Maceiras5 trouxo ao mundo a doce6 fillos. José Ramón Álvarez Cancela, ao que moitas das persoas que estades lendo esta crónica coñecedes por ser o comunicador do Concello de Arteixo, díxonos que “meu abuelo dáballes unha casa ou un terreo a cada un dos fillos. A meu pai Perfecto fíxolla aquí (a casa branca que hai antes do semáforo de Lañas) e a Pepita deulle unha parcela alí, xunto á parada de bus, que foi onde fixeron a casa”.
José Ramón refírese a un edificio que na actualidade está pintado de granate, situado ao carón da parada de autobús, dirección a Carballo. Pois ben, nesa casa foi onde precisamente estableceron o seu domicilio Gerardo Recouso e Josefa Álvarez, máis coñecida como Pepita do Fraile.
Gerardo e Pepita casaron antes da Guerra e, ao pouco, nace a súa primoxénita Sara, que no momento no que publicamos esta crónica ía camiño dos 97 anos. A familia residía no piso superior do edificio, que tamén foi o lugar no que viviu durante anos un persoeiro que terá protagonismo no futuro nesta bitácora: don Antonio, o mestre da escola de Mosende.
Os Recouso Álvarez destinan a parte baixa da vivenda a taberna, esas tendas das de antes tipo ultramarinos. “Na tenda tiñamos de todo -recordaba Mucha-. Había a parte destinada a taberna e logo había un pasillo. E despois, iso si, había moita partida. Alí xogábase moito ás cartas. Papá tiña as súas partidas incluso na cociña. Fáloche dos anos 50-60”.
![]() |
| Gerardo Recouso (Cortesía da súa filla Mucha) |
Debeu ser na época de nacemento de Mucha, na primeira metade da década dos 40, cando seus pais constrúen un edificio ao carón da taberna e montan alí un salón de baile, que ía ser coñecido en toda a bisbarra como o salón de Pepita. “Eu teño 83 anos. Supoño que abrirían o salón na época na que eu nacín, ou se cadra algo antes. Non sei o motivo polo que meus pais empezaron nese mundo do artisteo. Se teño que apostar, case che diría que foi mamá porque era una muller con gran iniciativa e moi boa negocianta”.
A dicir verdade, o salón non era excesivamente grande. Hoxe aínda se intúe perfectamente as dimensións do local, que tiña o palco ao fondo. E despois había o que lle chamaban “o poleiro”, no piso de arriba. Subías polas escaleiras e, polo que recordan varias persoas que bailaron alí, había publicidade nas paredes e un cartel que poñía: “Se prohibe ceder la pareja”. No “poleiro” seica se sentaba xente que miraba para os que bailaban, especialmente nais que non perdían detalle das súas fillas e dos seus pretendentes. Na parte baixa do salón, arredor da pista de baile, había uns bancos de madeira arrimados ás paredes. Pedro Vázquez López, veciño de Lañas nacido en 1934, díxonos que “eses bancos eran bastante grandes e as mulleres que tiñan fillas bailando na pista subíanse a eles para ver con quen estaban bailando as súas fillas (risas)”. Pedro tamén apuntaba que “no salón non había cantina. Se querías tomar un tóspiro había que ir á tenda, que estaba ao lado e era deles”.
Nos tempos fortes do salón de Pepita facíase baile en xaneiro, polo Ano Novo e tamén polo Santo Amaro dos Mozos (ou dos Novos) e polo Santo Amaro dos Vellos. Ollo! Estamos a falar de grandes bailes, señores bailes que tiñan moita sona en toda a bisbarra. “No salón -rememora Mucha- xuntábase moita xuventude de Lañas, Arteixo, Armentón, Barrañán... Pola Santa Mariña tamén se facía baile no salón os tres días da festa. Recordo que viña xente de todos os sitios. Nalgunha ocasión, cando no salón non se podía entrar de tanta xuventude que se xuntaba alí, pois as parellas bailaban por toda a leira que había pola parte de atrás, e incluso, se ese sitio non era suficiente, tamén se bailaba diante da estación dos troles, que tiña un espazo grandote. Agora hai alí dúas casas que fixera Rozas. Naquela época pola Santa Mariña soamente se facía baile no noso salón. As outras festas non existían. Andando no tempo xa se farían noutros sitios da parroquia”.
Xunto a de Bértoa, A Laracha e Pastoriza, a de Lañas era unha das catro subestacións de subministración de enerxía eléctrica coas que contaba a liña de Trolebuses Coruña-Carballo, empresa que proporcionaba transporte público entre a cidade da Coruña e Carballo. Operativa dende febreiro de 1950 ata marzo de 1971, foi a primeira liña de trolebús que uniu dúas localidades en España e, con 34 quilómetros, foi a segunda máis longa de Europa (a primeira era a de Yalta, en Crimea, cuns 90 quilómetros). Dos tempos da subestación de Lañas tamén nos falou Mucha, que se acordou dun rapaz da Baiuca que traballaba alí e que non ía tardar en converterse en futbolista profesional. “Na estación de Lañas había xente traballando pero non estaban fixos alí. Cando empezaron a funcionar os trolebuses no ano 50 ou por aí, estivo traballando alí Arsenio Iglesias. Eu era moi pequeniña. Recordo que estaba sempre lendo. Lía moitísimo. Acórdome de ir por alí, para xunto del, e de estar un rato falando con el. Estaba alí de vixiante. Supoño que naquel tempo pararía na taberna de meus pais e, seguramente, tamén bailaría no noso salón. Despois, ao pouco, xa empezou co fútbol.”
![]() |
| Liña de trolebuses A Coruña-Carballo (Ilustración de Xulio Cuba que aparece no libro "Trolebús", coordinado por Xan M. Fraga e editado pola Agrupación Cultural Lumieira) |
![]() |
| Cruce de dous trolebuses MAN-AEG diante da subestación de Bértoa, que era case idéntica á de Lañas (Foto do libro"Trolebús", coordinado por Xan M. Fraga e editado pola Agrupación Cultural Lumieira) |
Sobre o custe da entrada no salón de seus pais, Mucha non recorda o prezo concreto, “pero o que si che podo dicir é que había unha ventanilla onde papá ou mamá vendían as entradas. Despois mamá era a que estaba case sempre na porta do salón. Habitualmente levaba unha faldriqueira7, que era onde gardaba os cartos. Papá non era moito de pelexar co negocio, era moito máis mamá. Papá tampouco despachaba moito na tenda. A negocianta era ela, que foi a que levou a casa, a tenda, o salón... todo! Nós de nenos tamén botamos unha man nos negocios. Eu andaba por alí danzando, e cando fun tendo idade suficiente para poder despachar pois tamén botaba unha man porque era moita xente a que paraba alí. Despois marchei a estudar a Santiago e meu irmán Gerardo marchou para Londres, tamén a estudar e posteriormente xa se buscou a vida e andou polo mundo adiante. Sara, miña irmá maior, estivo unha temporada na casa antes de marchar para A Coruña. Ela, ao ser a máis vella, foi á que máis lle tocou vivir os tempos da taberna e do salón, especialmente no roupeiro”.
O tema das orquestras que actuaban no salón de Lañas era cousa de Gerardo que, polo que nos contou a súa filla, ía a Coruña a contratalas á Mezquita, un local que estaba na rúa Nova (antes rúa Castelar) no que paraban moitos dos músicos de aqueles tempos.
![]() |
| Na imaxe podemos ver o bar La Mezquita, situado entre La Provinciana e El Español (Facebook Coruña onte e hoxe) |
Mucha recorda con emoción que a seu pai “gustáballe moito estar cos músicos, era moi feliz con eles. Nós eramos moi amigos e tiñamos moita amistade con Antonio O Espallante, que tocaba con frecuencia no noso local, ao igual que O Vencedor, un acordeonista de Barrañán, Os Trovadores, Os Satélites ou os Mallo de Feáns, que eran tres acordeonistas fantásticos. Recordo que os Mallo actuaban no noso local cada dous por tres. Deixaban os instrumentos no salón e despois comían e durmían na nosa casa, porque ao mellor eran dous días de festa. Acórdome que a papá encantábanlle os Mallo. Ía de noite para o salón e un dos temas que tocaban sempre era “Que bonita en nuestra casa de papel”. A papá encantáballe estar alí. Era moi feliz cos músicos. No salón tamén tocaba bastante Pancho, que naquel momento era un trompetista fora de serie, e creo recordar que tamén estiveron nalgunha ocasión El Niño de Soandres ou outros grandes artistas como Pucho Boedo, pero eu non dou fe porque era moi pequena. O que si que che podo dicir é que os bailes que se facían alí eran fabulosos. Naquel momento dicíase que, da Coruña a Carballo, o de Lañas era o mellor salón. Había xente que comentaba iso e que tamén se facían as mellores festas. Iso é o que se dicía. Sempre houbo tradición festeira en Lañas”.
![]() |
| Os irmáns Mallo, Daniel, Antonio e Juan nos anos 50-60 (Foto que aparece no libro "Orquestras populares das Mariñas") |
Outra das grandes estrelas do momento que actuou no salón de Pepita foi a popular Martela. “Eu escoitei que ten cantado alí pero non me acordo de vela porque sería moi nena”, díxonos Mucha. A Martela era o nome artístico de Finita Gay, de quen Xurxo Souto escribe nos seus fantásticos Contos da Coruña8 que foi “a primeira muller que subía a cantar nun escenario. O seu era pura vehemencia vocacional, e case tivo que escapar da casa -alá pola parte de Castelo, en Carral- para conseguir ser artista. Cos seus compañeiros dos Guiliades provocou auténtica conmoción. Mesmo da parte de Ordes e Guitiriz baixaban novos e vellos para contemplar como Finita Gay bailaba a raspita. En pleno éxito marchou a Venezuela. Alí casou e traballou como modista. Cando tivo os fillos criados, decidiu volver e facer o que de verdade lle prestaba: cantar. Regresou nos oitenta e, nun acto de valentía impresionante, investiu todos os seus aforros nun Café Concerto en Tabeaio: A Martela, nome do lugar onde se criou. Alí a grande estrela era a propia Finita. Recuperou os seus antigos seguidores e triunfou entre a xente nova. Esta loitadora acadara o seu soño. Desgraciadamente, aos poucos anos, en pleno triunfo, morreu vítima dunha rápida enfermidade”.
Quen si se acorda de ver actuar á Martela no salón de Pepita é Manuel López Torres, nacido en Lañas en 1934. “Aquelo fora un verdadeiro espectáculo, unha actuación que causou furor”, díxonos Manolo.
![]() |
| Finita Gay, A Martela (Cortesía da súa familia) |
A parte da Martela naqueles tempos había outra artista que se chamaba Lolita Santos, cantante da que Mucha pensa “que tamén estivo no noso salón con algunha orquestra”.
En febreiro de 2025 tivemos a sorte de entrevistar no seu domicilio de Sésamo (Culleredo) a Manolo Bello Souto, o gran acordeonista de Pastoriza (podedes ler a súa crónica aquí: https://cronicasdearteixo.blogspot.com/2025/05/manolo-bello-souto-o-gran-musico-de.html). Pois ben, entre as numerosas anécdotas que nos contou, o salón de Lañas tamén tivo o seu protagonismo: “Toquei unha vez alí co acordeón. Fomos nun Balilla, un coche pequeniño como o 600 pero máis redondo. Fomos tres músicos: un batería só coa caixa, sen bombo porque non había espazo para levar todo, un saxofón e eu co acordeón. Foramos a Lañas a tocar un “ventetú”.
-Oes, “vente tú”, que hai aquí un choio!
-Pois vamos facer unha festa aquí!
-Pois ven ti!
-Canto pagan?
-100 pesetas!
O caso é que a min esa actuación de Lañas quedoume gravada para sempre porque, á volta, subindo pola Choupana, en Pastoriza, Freire, que era o que tocaba a batería, mandou parar o Balilla cando estabamos subindo a costa.
-Para aí!
E o condutor parou no medio da carretera, que daquela non había coches coma hoxe. Alí vivía miña madriña, que na realidade era a madriña de miña nai pero eu chamáballe madriña. Freire baixou do coche a coller uns repolos e unhas coliflores.
-Freire, ¿pero que fas, ho? Esa é a leira de miña madriña!
-Pero Manolito, que máis dan dúas coliflores máis ou menos, home".
Os bos tempos do salón de Lañas ían durar ata a segunda metade dos anos 60. Pedro Vázquez López díxonos que “cando eu marchei para Inglaterra no ano 1963 o salón aínda funcionaba ben”. Nesa época Pepita e o seu home determinaron facer unha nova vivenda enriba do salón, obra que o pobre de Gerardo xa non chegaría a ver rematada xa que falecería en abril de 1966 con tan só 60 anos.
A morte de Gerardo ía marcar o principio do fin do popular local de baile no que tantas parellas se prometeran amor eterno. Rematada a obra, Pepita estableceu o seu novo domicilio enriba do salón, que foi onde viviu soa ata que tivo que marchar para A Coruña anos despois por motivos de saúde. Mais antes disto, aínda continuou certo tempo coa tenda, se cadra ata a primeira metade da década dos setenta. Nesa época, o seguinte anuncio que localizamos en La Voz de Galicia, deixaba entrever o futuro da vivenda e do seu negocio:
Se traspasa, arrienda o vende casa con patio y huerta. Ultramarinos y bar, en Lañas-Arteijo. Parada trolebús9.
Finalmente, Pepita íalle alugar o bar -que foi local social da peña de fútbol- a varias persoas de Lañas e da zona. Segundo os datos que nos facilitou Jaime Traba, alí estiveron Che da Braña, de Paiosaco; os cuñados Fernando de Segundo e Bardancas; Isabel, filla de Fernando de Segundo; Rizo; Pedro de Desiderio; Isabel de Raimundo; e David, o repartidor da Estrella.
![]() |
| Imaxe actual dos edificios onde estivo a tenda e o salón de Pepita |
Pola súa banda, a Asociación de Veciños Fontes Vellas tivo o seu primeiro local social no antigo salón de baile, que xa levaba anos sen ningún tipo de actividade, se cadra dende a segunda metade dos sesenta. Bueno, a dicir verdade, si que tivo algo de vida xa que durante algún tempo foi un pequeno Roland Garros para algúns rapaces. José Ramón Álvarez Cancela recorda que “o salón estivo parado moito tempo e eu de pequeno ía xogar alí ao tenis os domingos con meus primos".
Julia López díxonos a través do Facebook que “se non me equivoco, a última vez que se fixo baile no salón foi no 79 ou no 80. Os que tocaron alí por última vez foron Os Tarantos. Que ben o teño pasado alí cando era rapaza. Facían o baile polo San Amaro e xa custaba a entrada 50 pesetas”. É probable que Julia se referise a algunha actuación concreta con motivo das festas parroquias e que Pepita cedera o local por tal motivo. Xa nos contaredes nos vosos comentarios se Os Tarantos estiveron alí polas festas de Lañas.
E despois, como xa dixemos anteriormente, o salón sería o local social da Asociación Fontes Vellas, que ía estar alí ata que o Concello fixo o Centro Social actual, que é o lugar onde a A.V.R.C.D. ten a súa sede dende aquela.
Despois de residir toda a vida en Lañas, Pepita pasaría os últimos anos da súa vida na Coruña. A súa filla Mucha recorda que “mamá enfermou e sobre o ano 1987 veu vivir comigo á Coruña”.
Muller adiantada ao seu tempo, incansable traballadora e verdadeiro referente feminino dunha época na que ser muller non era doado, Josefa Álvarez Torres, máis coñecida como Pepita do Fraile, faleceu na cidade herculina o 24 de agosto de 2003. Sirva esta crónica como homenaxe á súa memoria!
![]() |
| Pepita do Fraile (Cortesía da súa filla Mucha) |
__________________________________________________
1 Vid. Xurxo Souto (2007): Contos da Coruña. 3ª edición. Edicións Xerais de Galicia, Vigo, páx. 209.
2 Alcume do antroideiro herculino Emilio Golpe.
3 Vid. Xurxo Souto (2007): Contos da Coruña. 3ª edición. Edicións Xerais de Galicia, Vigo, páx. 209.
4 Falecido o 3 de febreiro de 1960 aos 89 anos de idade
5 Falecida o 9 de outubro de 1960 aos 91 anos de idade
6 Jesús, Jenara, Manuel, Marcelino, Perfecto, Ricardo, José, Josefa, Gumersinda, Aurelia, Élida e Benjamín Álvarez Torres.
7 Peto que levaban as mulleres na parte interior da saia, ou ben solto atado á cintura, usado normalmente para gardar os cartos.
8 Vid. Xurxo Souto Eiroa (2001): Contos da Coruña; Vigo: Edicións Xerais, p. 104.
9 Vid. La Voz de Galicia, 6 de xaneiro de 1974, páx. 36.
O SALÓN DE BAILE DE PARADA DE UXES
Houbo un tempo no que Uxes, con dous salóns de baile, era epicentro musical da bisbarra con actuacións de renome, diversidade e moita, moita diversión, abofé! Estamos a falar do salón de Parada e do salón de Picos, que funcionaron ao mesmo tempo durante os anos 50-60 facéndose a competencia o un ao outro.
A importancia da actividade ferroviaria do Uxes de aquela época ía ter reflexo na poboación e, en consecuencia, nos primeiros bailes celebrados nos dous locais, xa que o tren posibilitaba que se achegara ata alí xuventude de Meirama (Cerceda) ou de Bregua (Culleredo). Á parte, a situación estratéxica deste lugar, tamén daba pé (o do pé vennos moi acaido) a que se desprazaran ata alí andando mozos e mozas de Feáns (A Coruña), berce de grandes músicos, Orro (Culleredo) e de diferentes puntos da parroquia de Morás e doutras zonas de Arteixo.
Comezamos esta festa da memoria no salón de Che de Parada. Facémolo da man de dúas mozas que bailaron alí na súa adolescencia e xuventude: Teresa Pombo Veiga, nacida en Uxes en 1937, e Carmen Mañana Mañana, nacida en Souto en 1945.
Carmen, madriña dun servidor, recorda que onde estaba o salón había dúas casas pegadas unha a outra... “unha desas casas era a de Nieves e outra era a de Parada. Nieves tiña tenda alí. Os de Parada tiñan a vivenda no piso de arriba e abaixo era o salón. Che de Parada era de alí, de Uxes, e a súa muller tamén. Eu teño recordos de estar alí de nena. Mamá levábame a este salón cando tiña 14 ou 15 anos. Recordo que había que subir unha escaleira ou dúas e despois, unha vez dentro, entrando á man esquerda, había un bochinche grande. E alí, ao carón, había un espazo, que era onde bailabamos os rapaces. Nós bailabamos nesa zona porque senón os adultos machacábannos os pés. Os adultos bailaban no outro lado do salón. Mentres eu estaba alí, mamá falaba coa filla do propietario do local, unha tal Carmen. Chamábanlle “Carmen de Parada”. Esta muller tiña unha filla da miña idade, un ano arriba un ano abaixo. Eu bailaba coa filla dela e coas outras rapazas aló no bochinche e miña nai tornaba coa nai desa rapaza. Iso sería sobre 1958 ou 1960”.
Con Teresa, uns anos maior que Carmen, coincidimos diante da fonte de Uxes. Cunha xerra de auga na man e sorprendida polo noso interrogatorio, recordaba que “o salón de Parada estaba onde está ese edificio alto que ves aí. Agora está todo reformado, claro. Na casa que está pegada había unha tenda, pero non era dos de Parada. Esa era a tenda de Martís. Parada xa hai moitos anos que morreu”.
![]() |
| No lugar que ocupa actualmente o edificio máis grande da imaxe era onde esta o salón de baile de Parada. Na casa do lado era onde esta a tenda de Nieves ou de Martís |
Neste marabilloso paseo pola súa memoria, Teresa tamén nos falou de algunha das orquestras que tocaron no salón de Parada. “Eu acordo de ver aquí a Orquesta Mallo; a orquesta do Espallante, que era da Grela e, se non recordo mal, creo que era primo dos Mallos; a Orquesta Bergantiños, que eran chavales todos novos; a un músico que lle chamaban Panchón, que tocaba a trompeta e me parece que era da zona de Ferrol; a orquesta de Boquete, un músico que vivía na Coruña e que era consumeiro”.
Ante a nosa total ignorancia sobre o significado desta palabra, pedímoslle á señora Teresa se nos podía explicar o que era un consumeiro. Rápida e concisa, díxonos que eran as persoas que cobraban o fielato, que eran unhas oficinas (xeralmente unha caseta) situadas nas entradas das vilas na que se pagaban os dereitos de consumo. E logo da oportuna explicación, díxonos que “Boquete estaba no fielato que había diante da estación de Santiago. Xa non recordo ben, pero creo que tocaba a trompeta. Eu daquela era rapaza nova e agora teño 88 anos (risas).
-Moi ben levados!- dixo o que escribe.
-Bueno, por aghora van... non hai queixa! (risas)
Teresa tamén quixo facer unha mención especial para Josefa Martínez Gay (1928-1989), máis coñecida como Finita Gay ou polo seu alcume “A Martela”, nome do lugar onde tiña a súa casa familiar en Castelo de Abaixo, no concello de Culleredo. Considerada pioneira, por ser unha das primeiras vocalistas femininas en cantar nunha orquestra, algo restrinxido só para homes ata aquel momento, Finita tamén cantou en Uxes, onde disque causou verdadeiro furor. “Acórdome eu ben deso. Estivo nos dous salóns, no de Parada e no de Picos. E acórdome que despois de que me casei aínda fomos a un bar que “A Martela” tiña en Tabeaio, en Carral, que montara ao vir da emigración en Venezuela. A pobre morreu ao pouco”.
![]() |
| Finita Gay "A Martela" (Cortesía da súa familia) |
Finita Gay “A Martela”, deixou unha gran pegada entre a xuventude de toda a bisbarra. Despois de tantos anos, as persoas que a viron actuar continúan falando desta artista con verdadeira admiración ¿non o credes? Preguntade na casa aos vosos maiores e xa veredes o que vos contan.
Tras botar varios anos aberto, e de que actuaran alí as mellores orquestras do momento mentres as parellas se prometían amor eterno, o salón de Parada ía pechar definitivamente as súas portas a finais da década dos sesenta. Carmen e Teresa recordaban que “cando cerraron o salón fixeron unha panadería. Fíxoa Antonio, un fillo de Che de Parada”.
Sen a competencia de antano, o salón de Marcelino aínda funcionaría como tal durante algúns anos máis... mais disto falaremos a vindeira semana!
"Así fue que empezaron papá y mamá
tirándose besitos y una guiñá.
Así fue que empezaron papá y mamá
y ya somos catorce...y ya vienen más "
O SALÓN DE BAILE DE MARCELINO BERMÚDEZ, “PICOS” DE UXES
Tal e como comentamos hai uns días neste espazo, houbo un tempo no que Uxes, con dous salóns de baile, era epicentro musical da bisbarra con actuacións de renome, diversidade e moita, moita diversión, abofé! Estamos a falar do salón de Parada e do salón de Picos, que funcionaron ao mesmo tempo durante os anos 50-60 facéndose a competencia o un ao outro. Sobre o primeiro xa compartimos con vós algunha que outra anécdota a semana pasada. Do outro, do de Picos, facémolo deseguido.
Había quen lle chamaba o salón de Picos e tamén había quen lle chamaba o salón de Marcelino. O caso é que “Picos” era o alcume de Marcelino Bermúdez Ferreño, nacido en Uxes en 1902 e casado con María López Orjeira, que tamén era natural de Uxes.
![]() |
| A casa da esquerda era o domicilio de Marcelino e María e no edificio do lado era donde tiñan o salón de baile |
Marcelino e María non tiñan fillos, pero a súa foi a casa de moita xuventude da zona. Tiñan o salón de baile pegado a súa vivenda, que era (e segue sendo) a última casa de Uxes en dirección a Feáns. Teresa Pombo Veiga, nacida en Uxes en 1937, bailou alí cando era nova. “Nos anos 50 cada un dos salóns de Uxes traía a súa orquesta cando podían. Che de Parada tiña o salón abaixo e a vivenda arriba. No outro, Marcelino e a súa muller tiñan o salón pegado á casa na que vivían. Este local soamente era salón. Recordo que na parte de arriba estaba o “ghaliñeiro” e abaixo estaba o palco, a pista de baile e un bochinche para refrescos. Eu acordo de ver alí a Orquesta Espallante, aos irmáns Mallo ou a Finita “A Martela”, que tamén cantou no salón de Parada. Os tempos aqueles moi bos non serían, pero eu creo que a xente era máis divertida e feliz que hoxe. Antes había máis contacto entre a xente, que hoxe cada un anda ao seu e sempre correndo de aquí para alí. Ás veces tamén íamos ao baile a Arteixo. Tiñamos que ir e vir a pé (risas). Íamos ao salón de Manolo de Eva, que primeiro estivo na Baiuca e despois púxoo na carretera nova, na do Veigheiro, que alí tamén cantara A Martela”.
Francisco Rodríguez Pan e Carmen Mañana Mañana, padriños de quen escribe, foron unha das numerosas parellas que bailaron no salón de Marcelino nos anos 60. “Nós fomos alí de mozos. O de Marcelino era un salón máis moderno que o de Parada. Ao fondo do local había unhas escaleiras para subir ao que se chamaba “o ghaliñeiro”, que era onde se sentaban algunhas mulleres para mirar aos mozos que bailaban. Alí tocaban moito Os Mallo de Feáns, e tamén tocou algunha vez a Orquesta Los Satélites. Nós casamos en 1969 pero o salón de Marcelino aínda botou aberto algúns anos máis”.
Efectivamente, tal e como recordaban Francisco e Carmen, o salón de Marcelino ía seguir aberto nos anos setenta mais, desta volta, con Antonio Alvarellos "O Ferreiro" á fronte do local, que bautizou ao salón co nome de “El Competidor”. Ignacio Maceiras contounos que “non hai moito aínda vin algunha entrada do salón El Competidor”. Se tedes algunha desas entradas, contactade con nós por favor!
Ignacio tamén recorda que na súa xuventude tocou alí tocou, entre outras, a Orquesta Compostela co cantante e guitarrista Tito Calviño (1950), que daquela era moi xovenciño. Tito comezara as súas actuacións no seu Portomouro natal, concello do Val do Dubra, coa Imperial, a orquestra da súa aldea. Despois, como moitos outros, tivo que facer a maleta e partir cara a cidade. Santiago foi o seu destino. Alí estudou música e continuou o seu peregrinar por un rosario de formacións, entre elas a mítica Orquesta Compostela que o fichou como neno prodixio, neno que un día cantou no salón “El Competidor” de Uxes e que, segundo nos contou Ignacio Maceiras, “tocou a guitarra eléctrica pola espalda”. Tito estaría na Compostela doce anos e posteriormente actuou cos Key, coa Trébol e cos Players. Despois estivo tocando en Miami durante tres anos e, á volta da aventura americana, integrouse nos Satélites.
![]() |
| A Orquesta Compostela en 1966 co gran Tito Calviño tocando a guitarra (Facebook Orquestas 1900) |
Para recordar os tempos de “El Competidor” falamos con Antonio, fillo de Antonio "O Ferreiro" e de Carmen Zas, que era o matrimonio que rexentaba o salón na década dos setenta. “Eu nacín en 1966 e poucos recordos teño do local. Supoño que Marcelino teríalle arrendado o salón a meus pais, que eran os dous de Uxes. Habitualmente estaban os dous cobrando na entrada e, se algún deles non podía, meu abuelo Alfredo tamén estaba na entrada”.
“El Competidor” ía pechar as súas portas na segunda metade dos anos setenta. Posteriormente, José Antonio Ferreño Gago, afillado de Marcelino, montou no local que fora salón de baile durante varias décadas un taller mecánico, negocio que mantivo aberto durante máis de trinta anos. Non vos estrañedes de que algún dos seus clientes pagara as facturas das reparacións cun movemento de cadeira, e cun pasiño para adiante e outro pasiño para atrás, porque, durante algún tempo, parte do palco do antigo salón de Marcelino permaneceu no taller mecánico. Disque algún dos clientes máis veteranos de José Antonio Ferreño se pechaba os ollos no taller durante uns intres podía escoitar aquilo que cantaban Los Satélites e que dicía…
"Así fue que empezaron papá y mamá
tirándose besitos y una guiñá.
Así fue que empezaron papá y mamá
y ya somos catorce...y ya vienen más "
![]() |
| Parte traseira do edificio no que estaba o salón de Marcelino e que anos máis tarde foi o taller mecánico de José Antonio Ferreño |
José Antonio Ferreño xa hai anos que disfruta da súa xubilación. Seu padriño Marcelino Bermúdez Ferreño, Picos de Uxes, faleceu poucos anos despois de que abrira o taller. Foise en decembro de 1983 aos 81 anos de idade estando viúvo da súa muller María, que finara en 1975 aos 71 anos.
Do mesmo xeito que tamén o fixera Che de Parada anos antes, Marcelino abofé que fixo moi feliz a moita rapazada da parroquia de Morás e da bisbarra coas grandes actuacións que organizou no seu salón durante tantos anos. As mellores orquestras e artistas da época actuaron en Uxes grazas a eles. Vaia dende aquí un recordo para os dous e tamén para Antonio "O Ferreiro" e a súa muller Carmen Zas que, aínda que non estiveron tanto tempo como Che e Marcelino, tamén foron quen de situar a Uxes no mapa da diversión da bisbarra.
UN BAILE EN CORTEO (MONTEAGUDO) EN 1926
Riña entre mozos
____
Herido de gravedad
El vecino de Corteo de Arriba, de la parroquia de Monteagudo, en Arteijo, José Fidalgo, explota por lo visto allí un baile público; y el lunes último, terminado aquel a las diez de la noche, se suscitó una cuestión entre los mozos Adolfo López Boedo, de 17 años, vecino de Cayón, en Laracha, y Agapito Rodríguez, conocido más bien por “O fillo de Antón de Cachán”, que sirve como criado a José García, de Lestón, también de Arteijo.
Cuando salían del salón de baile el Agapito levantando en alto la “bisarma” que llevaba dijo al Adolfo estas palabras:
-Aí che vai eso. Y le dejó caer la “bisarma” sobre la cabeza del Adolfo López.
Inmediatamente de cometida la agresión se dió a la fuga.
Al Adolfo le auxiliaron otros mozos llevándolo al domicilio de sus padres, a donde acudió a curarle el médico del distrito, quien le apreció dos contusiones en la cabeza, a nivel de la porción posterior de ambos parietales con probable fractura del cráneo.
Su estado al parecer es grave.
El Agapito Rodríguez, sigue sin aparecer1.
Panorámica actual da casa de Fidalgo en Corteo de Arriba
Pois velaí o tedes! Aí aparece un dos moitos lugares de Arteixo nos que se facían bailes nos primeiros anos do século pasado, neste caso en Corteo de Arriba, na parroquia de Monteagudo, que malia a que o xornal La Voz de Galicia indicaba que o local era propiedade de José Fidalgo, na realidade, todo apunta a que se trataba de José “O Fidalgo”.
Antigamente os lugares de encontro ou de “ligoteo” dos nosos antepasados eran as ruadas, as romarías, os bailes nas eiras dalgún veciño, salóns de baile ou mesmo en alpendres aos que, para dignificar o seu nome, nalgúns casos chamábanlle salóns.
“Joseíño ha de vir(e),
que o dixo súa nai.
Se Joseíño non ven
foliada non a hai”
Naqueles tempos a xuventude percorría quilómetros andando para mocear e bailar. Nas ruadas, polo que nos ten contado Herminda Deus, veciña do Rañal nacida en 1928 que xa hai anos que nos deixou, “botar botábannos o ollo primeiro eles a nós, anque nós tamén os mirábamos. Cando nos viñan chamar a bailar, se había varios, xa sabías cal bailaba mellor e cal peor, e aos que bailaban mal negábamoslle o baile”.
En moitas ocasións ese era o primeiro contacto, do que ás veces xurdía unha relación e empezaban a “falar”. Se ambos os dous eran da mesma parroquia podían regresar xuntos, co resto de veciños. “Pasábamolo de marabilla, andando nun rebaño toda a pandilla”, recordaba hai uns días a señora Clarisa, veciña de Corteo de Abaixo.
Hoxe o significado secundario de “falar” como “manter unha relación”, que se usou de forma xeral na aldea ata hai dúas ou tres xeracións, está practicamente en desuso. Mais, con todo, aínda se lle escoita a algún dos nosos maiores de cando en vez.
-E sabes unha cousa, Carme? O neto de Manolo do Igrexario seica fala coa neta dos do Muiñeiro.
Conscientes de que a maioría da rapazada de hoxe vive á marxe de moitas das tradicións que viviron e transmitiron os seus antergos, aí queda ese “falar” de antano.
No baile co que comezamos esta crónica, organizado en Corteo de Arriba a finais de febreiro de 1926, a xuventude de aqueles tempos celebraba a “diversión” ou “deversión”, que polo que nos contou a señora Clarisa, viña sendo o Entroido.
![]() |
| Panorámica actual de Corteo de Arriba |
Clarisa, nacida en 1947, dixo non ter coñecemento de baile algún na casa dos de Fidalgo “porque eu aínda non nacera. Nos meus tempos o único salón que había en Monteaghudo era o do Igrexario e despois tamén había na Laghoa, o da Benitona, que alí acordo de ver a Orquesta Mallo. Ese que dis ti de Corteo de Arriba sería nos tempos da xuventude de miña nai e de meu padrastro. Meu pai morreu cando eu tiña dous aniños; despois miña nai volveu a casar e eu crieime con eles. Meu padrastro ten falado dese tal José “O Fidalgho”, que creo que era José Pedreira ou Arijón Pedreira; eu a quen coñecín foi a Manuel, Manuel de Fidalgho. que foi o fillo máis novo que lle quedou na casa a ese José. Dedicábanse á labranza e despois arrendaron o lughar e fixeron unha casiña ao lado para vivir el a máis a muller. Dios lle perdone a miña nai era da Casanova, un lughar da parroquia de Monteaghudo que está ao lado de Santaia, en Chamín. Ten contado moitas veces que cando eran mozas bailaban ao son da pandeireta, que disque había unha rapaza que a tocaba moi ben. Naqueles tempos non había salóns e disque se xuntaban e levaban o candil do ghas… unha paghaba o ghas, outra poñía o candil... e veña festa coas pandeiretas! Eso era cando eran rapazas novas e case sempre se xuntaban en Santaia. Despois miña nai casouse e, ao pouco, xa empezaron a abrir por aí adiante salóns e a traer os ghaiteiros, que ao primeiro eran ghaiteiros e despois xa empezaban a vir dous músicos. Se cadra miña nai tamén foi bailar de rapaza a Corteo de Arriba á de Fidalgho, que eu nunca souben de que lles viña ese nome”.
A casa dos de “Fidalgo”, e polo tanto o seu alcume, pensamos que se trata da mesma da que nos fala Carlos Martínez Barbeito no seu libro sobre os pazos da provincia da Coruña, cando ofrece detallada información sobre o pazo de Arixón: “En el lugar de Corteo, de la propia feligresía, otorgó testamento en 4 de febrero de 1651 don Alonso Rodríguez de Arijón y Varela, de quien fue hijo don Juan Rodríguez de Arijón y Varela, que se unió en matrimonio con doña Inés Gómez Rodríguez de Leis en 1657. De esta pareja nació don Alonso Rodríguez de Arijón y Leis, natural de la feligresía de Santo Tomé de Monteagudo y que casó con doña Inés Varela de Marta (...)2.”
![]() |
| Imaxe actual da casa dos de Fidalgo |
Sobre este pazo de Corteo prometemos falar máis polo miúdo en futuras Crónicas de Arteixo. Mais, antes disto, seguiremos de “bailoteo” por outros puntos do municipio, xa que aínda nos quedan moitos salóns dos que falar.
Para a vindeira semana, máis!
_____________________________
1 La Voz de Galicia, 23 de febreiro de 1926, páx. 2.
2 Carlos Martínez Barbeito (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest, León, páx. 78.
O SALÓN DE BAILE DO ANIDE DE LARÍN
As últimas Crónicas de Arteixo deste 2025 que está a piques de rematar van dedicadas á Larín, parroquia que o pasado sábado, 26 de decembro, celebrou a festividade do seu patrón Santo Estevo.
E falando de festa, imos despedir o ano cun pouco de bailoteo nun salón que xa leva moitos anos desaparecido: o salón de Edelmiro, que estaba situado en fronte da parada de bus do Anide, diante do desvío que nos leva ao Centro Hípico Casas Novas e ao Pazo de Anzobre.
![]() |
| A casa que vemos á dereita da imaxe era onde estaba o salón de baile do Anide |
Para recordar os tempos deste salón fixemos unha viaxe no tempo con tres veciños de Larín que naceron en décadas diferentes: Melchor Freire Becerra (1933); Ramiro Varela, ‘Ramiro da Estanqueira” (1945) e José Antonio López Canedo, “Cantudo (1955), que foi a persoa que argallou a xuntanza que tivemos na Taberna Freire de Larín en xuño deste 2025. Sentados arredor dunha mesa do establecemento, ao tempo que íamos tomando os cafés servidos por Teresa, nora de Melchor Freire, os tres recordaban o salón dende ópticas diferentes.
Coa nostalxia de tempos pasados e con certa dose de humor Melchor, o maior dos tres, díxonos que cando era mozo, aló polos últimos anos corenta e primeiros cincuenta ía alí ao baile e tamén ía ao salón vello de Peisaco. Segundo o seu testemuño, o salón de Larín “estaba ao lado do aserradero de Jacinto Lamelas e era de Edelmiro a máis a súa muller Francisca, que era dos de Corredoira de Coiro. El era irmán de Eladio, o cura de Arméntón, e de Otilia, que esta Otilia vén sendo a nai de Purita a do Estanco de Peisaco e polo tanto a abuela de Lolo”.
![]() |
| Edelmiro do Anide en 1933 (Foto do libro Paiosaco en imaxes. Dos corenta aos setenta) |
Á parte do salón, Edelmiro e Francisca tamén tiñan taberna no mesmo edificio. “Eu esa casa non sei se a fixeron eles ou se xa estaba feita. Eles vivían no piso de arriba e no baixo, entrando á dereita tiñan a taberna. O salón estaba noutro lado da casa. Ti entrabas e había un cuartiño para xogar a partida e se pasabas polo pasillo para atrás xa ías para o salón. Pola festa de inverno e polo Antroido tiñan moita xente alí. Cando eu era novo soamente abría por esas festas. O malo era cando chovía. Sempre había auga e por eso, para que se pasara mellor para dentro do salón a máis para fóra, por diante estaba estrado con toxo, que incluso moitas veces chapuzabas á xente cando pasabas”.
Entrando xa en detalle sobre o propio salón de baile, Melchor contounos que era un local cadrado, grandote e que tiña un palco alto de madeira. Moitas veces os mozos buscaban a escuridade da parte de abaixo do escenario. Non foron poucos os que se deron alí os primeiros bicos prometéndose amor eterno ao tempo que os músicos tocaban enriba deles aquilo que cantaban Los Satélites e que dicía…
"Así fue que empezaron papá y mamá
tirándose besitos y una guiñá.
Así fue que empezaron papá y mamá
y ya somos catorce...y ya vienen más "
Naqueles anos 40-50 a corrente eléctrica aínda era un soño que tardaría anos en realizarse. “Cando íamos bailar -recordaba Melchor- alí non había luz e poñían un petromax destos de gas colgado nunha punta no medio do local. O palco estaba apoaido na parede. Tiña dúas partes con algo de ladrillo e o resto estaba cerrado de madeira. De músicos recordo de ver alí aos irmáns Mallo, que eran tres irmáns acordeonistas que eran moi bos músicos; a ‘Pontevedra’, que era un acordeonista de Oseiro que tocaba moi ben o acordeón; tamén viña Lemos, que andaba con ‘Pontevedra’. Este Lemos tocaba o jazz, tocaba o bombo, a batería. Tamén recordo de ver no salón a ‘Perillo’, a Vilariño de Vilaño e a Pedro de Ghodón, que era de Coiro e tamén tocaba o acordeón”.
![]() |
| Imaxe dos irmáns Mallo, Daniel, Antonio e Juan (Foto do libro Orquestas populares das Mariñas) |
Melchor remataba o seu testuño dicindo que “a festa de inverno era a mellor das que se facían na parroquia porque era a de comer xamón e pernil (risas). A festa era o 26 de diciembre e xa se xuntaba Navidad, Noiteboa e Reis. Neses días tamén se mataba o cocho e tamén se comía todo. Incluso había casas que mataban un cuxo para tres ou catro casas. Festixeiros viñan un feixe deles e botábanche na casa tres días”.
Ramiro “da Estanqueira” é 12 anos máis novo que Melchor e xa viviu os tempos do Salón de Edelmiro dun xeito moi diferente, xa que foi testemuña da decadencia definitiva do local. “Cando se abriu o salón aínda eu non nacera. Eso xa vén de moi antigo. Eu de rapaz teño parado alí bastante polas festas de inverno. A min ese salón xa me colleu tarde. Cando eu era mozo xa pouco había aí. Pero bueno, eu acordo o baile alí, acordo a taberna e acordo cando vivían Edelmiro, Francisca e os seus fillos, Carmiña, Ramona e Moncho. O salón máis ben foi da época de meus pais. O forte foi nos anos 40-50, que aí debeu ser o seu apoxeo. Do salón acórdome un pouco do que dixo Melchor. Ti entrabas pola porta do baixo da casa e, á dereita, estaba a taberna. Despois, se andabas polo pasillo saías pola outra porta á eira, que tiña que estar estrada de toxo porque alí era moi baixo e sempre había auga. E aí xa estaba o salón. Acórdome de ver alí a músicos como ‘Perillo’, que era un señor gordo que tiña unha orquesta, a Orquesta Perillo, que aínda tocaba aí ‘O Vencedor’ de Barrañán, que é parente meu por parte da miña muller. Tamén acordo de ver tocar alí a ‘Pontevedra’, que era un acordeonista de Oseiro, e a Los Comancheros.
![]() |
| De esquerda a dereita: José Suárez ´Lemos', Luciano Pazos 'Pontevedra' e Segismundo Regueiro 'Segís', tres dos integrantes da Orquesta Pontevedra (Cortesía de Marina Regueiro Álvarez) |
A tía Pura, unha señora que vendía caramelos cando había baile no salón, tamén estivo presente na conversa. “Ao lado do aserradero de Jacinto e da taberna de Edelmiro tamén estaba a casa do Coxo, que aínda vendían alí roscas e caramelos. Quen vendía era a tía Pura, a señora do Coxo. Esta muller ía para alí e vendía unhas mazáns, unhas laranxas e cousas destas cando había baile. Poñíase alí nun curriño, que aínda a teñen pisado moitas veces”.
Ramiro tamén nos narrou o ocaso do local de Edelmiro e Francisca. “Eu casei en 1969 e nesa época xa non había baile no salón. Cando eu era mozo nós íamos máis ben a Peisaco, ao salón de Ramiro, que facía moi bos bailes xa que sempre levaba o mellor do mellor. En Peisaco xa houbera outro salón, o salón vello do que falaba antes Melchor, que eu nunca estiven nel. Ese debeu coincidir no tempo co salón de Edelmiro. E tamén había salón en Lañas, o salón de Pepita”.
Unha vez que Edelmiro e Francisca cerraron o salón, ocasionalmente organizouse algún que outro baile en datas sinaladas ou polas festas de inverno. Porque, ollo, Edelmiro e Francisca deixaron de organizar bailes no salón pero seguían tendo a taberna e por iso, para facer catro pesos na tenda, estaban interesados en que a xuventude organizara bailes no seu local. Precisamente Ramiro Varela organizou xunto a Bernardo da Xesta un de aqueles bailes ocasionais. “Si, despois de que cerraron fíxose ocasionalmente algún baile alí anos máis tarde. De feito fixerámolo Bernardo a máis eu así algún domingo, pero bueno, un baile contado, que aínda nos viñera un señor de Vilaño que tocaba o acordeón, que vivía alí no alto de Vilaño. Durante algún tempo Bernardo e eu tamén organizamos o baile nas festas de inverno, polo Santo Estevo. Facíamos o baile alí, no salón de Edelmiro, que incluso acordo que viñan dous tiros. Traíamos a Vilariño e cantabamos nós tamén, eh (risas), que a Bernardo leváballe moita idea cantar. Subíase ao palco e veña, a cantar! Bernardo é da Xesta e aínda vive”.
Segundo nos contaron os nosos protagonistas, tempo despois houbera alí un accidente nos últimos bailes e xa non se organizaría ningún máis. A súa decadencia coincide co que lle acontecía aos outros salóns pequerrechos da contorna, incapaces de competir primeiro co salón de Ramiro de Paiosaco (o Salón Trébol) e posteriormente coa Pazos. “Ti pensa -contaba Ramiro- que os anos 60 son os da miña xuventude. Cando se inaugurou o salón de Ramiro de Peisaco tiña eu 13 ou 14 anos”.
![]() |
| Lugar onde estaba o salón do Anide |
Rematamos este percorrido pola historia do salón de Edelmiro e de Francisca, cos recordos do máis novo dos tres entrevistados, dez anos máis xoven que Ramiro Varela. Cantudo inicia o paseo pola súa memoria nos tempos da súa infancia, que vén a coincidir coa época na que Bernardo, Ramiro e algún veciño máis de Larín organizaba as festas de inverno no salón de baile do Anide. “O salón cerraría en 1968 ou 1969. Eu estiven alí de neno polo Santo Estevo, que daquela facían tres días de baile, o 26, o 27 e 28 de decembro. Meu pai, cando tiñamos 10 ou 11 anos, íanos pagar a entrada. Ao salón entrábase pola eira, que a tiñan que estrar con toxo porque era algo fonda e apozaba a auga. Estrábana ben, ao mellor botábanlle tres carros de toxo. Diso acórdome perfectamente. Bueno, pasabas pola eira e despois entrabas no propio salón. Á dereita, onde estaba a corte das vacas, había un burato ou unha especie de taquilla para cobrar a entrada, que chas vendía o que organizaba o baile. E despois, á esquerda, xa estaba o salón co seu palco. Eu acórdome de ver alí actuando a “Los Comancheros”, que a cantante desta orquesta (Mari Carmen Folgar Souto) era de Suevos e viña moi pintada, algo que cos meus 10 anos moito me chamaba a atención”.
A Cantudo, dende a óptica dun cativo pequeno, quedáronlle moi gravados os dous tiros que se xuntaban en Larín e os sorteos que se realizaban no salón de baile. “Tamén me acordo que sorteaban nunhas tiras de tres números botellas de coñac e cousas así. Eu teño visto unha foto na casa de meus pais e meu irmán no palco, que o subiran alí para ser a man inocente e sacar unha rifa. Na foto, que non a din encontrado, aparecen xunto a meu irmán os que organizaran o baile aquel ano: Raúl, Manolo do Labregho e Moncho. Polo Santo Estevo tamén me acordo que viñan dous tiros. Poñíanse un en frente do outro e ti pasabas polo medio deles. Un era o Manco de Sorrizo e o outro era un home baixiño que xa morreu. Xa non me acordo do seu nome, creo que era de Loureda e vivía cerca da casa do Cubano. Sei que tiña unha filla que se casou en Lañas, que ese tamén viña a Larín polo San Roque”.
O edificio onde tantos anos estivera a taberna e o salón derrubouse a finais dos 70 ou principios dos 80 para construir a casa que hai alí na actualidade. Ramiro Varela díxonos que esa casa “ten a mesma feitura que a vella, que eu penso que se tirouse sobre o ano 1980 para facer a nova. De feito era alí a parada do bus tamén, que agora a parada está adiante da de Lamelas. Un camión empotrárase contra a porta da entrada da taberna. Alí aínda che houbo ben accidentes Un camión matou a Pancho diante da casa. Daquela tería eu 18 anos e el debía ter 16. E alí tamén morreron dúas nenas, que eu daquela xa andaba co tractor á madeira”.
![]() |
| Panorámica actual do lugar onde estaba o salón |
Con estas lembranzas do antigo salón de baile do Anide despedimos este 2025. Xa vos podemos adiantar que, grazas ao apoio e colaboración do Departamento de Cultura do Concello de Arteixo, para o vindeiro ano seguiremos publicando semanalmente nestas Crónicas de Arteixo historias de cada unha das trece parroquias do municipio.
Feliz 2026!
O SALÓN FIGUEROA DE OSEIRO
Con motivo das Festas de Inverno que estos días celebra a parroquia de Oseiro, nas Crónicas de Arteixo desta semana aproveitamos a ocasión para elaborar un dos nosos pratos favoritos, unha receita cociñada cos ingredientes que máis gustan nesta bitácora: festa, tradición e historia.
E falando de historia, o ingrediente principal da receita de hoxe, día de San Brais, é un lugar no que houbo durante décadas salsas, aliños e especias da A a Z. Estamos a falar do lendario Salón de Figueroa, un local que, malia a que leva moitos anos abandonado, segue provocando algún que outro ¡ai! de nostalxia na xuventude que alí bailou hai xa máis de medio século.
![]() |
| Imaxe actual do Salón Figueroa |
O nome do salón viña dado polo primeiro apelido do seu fundador, Ricardo Figueroa Souto, industrial nacido en 1897 no actual n.º 13 da rúa das Figueiras de Oseiro. Co transcorrer dos anos, antes da Guerra Civil, Ricardo construiría nova vivenda no que hoxe é a Travesía de Sabón, cerca da igrexa, e venderíalle a casa na que nacera aos ‘do Chaparro’, familia dun servidor que segue residindo alí.
Naqueles tempos, era a condición dos habitantes desta parroquia o ser arrendatarios, na súa inmensa maioría, e colonos dunha soa casa de rancio avoengo, estirpe ilustre ás que tamén tributaban outras freguesías do municipio: os Láncara. Boa parte das casas dos veciños de Oseiro subsistían baixo o xugo dos arrendos históricos, establecidos desde moitos anos atrás. Mais posteriormente, ao igual que lle acontecera naquela altura a outras familias adiñeiradas e poderosas que tiñan propiedades en Arteixo dende séculos atrás, nalgúns casos descendentes de importantes Señoríos, a necesidade motivada pola perda de poder adquisitivo destas estirpes, propiciaría que moitas das súas terras foran vendidas aos caseiros ou aos grandes labradores da zona, como era o caso de Ricardo Figueroa, que, precisamente, ía comprarlle varios terreos aos Láncara.
Ricardo estaba casado con Dominga Cedeira Abeleira, catro anos máis nova que o seu marido. Froito deste matrimonio ían nacer María, Manuela, Carmen e Josefa Figueroa Cedeira, catro nenas que, polo que nos contaron estos días, viñeron ao mundo na casa nova da actual Travesía de Sabón, na que a familia tamén tiña, na parte inferior do edificio, unha taberna que rexentaba Dominga ao tempo que criaba ás cativas.
Á parte de dedicarse á labranza, Ricardo gañaba a vida como empregado de Dionisio Tejero S.A., unha empresa que realizaba actividades de importación e exportación de sal, viños, carbóns, cordelería, despacho de aduanas de mercancías, axencia internacional de paquetes postais, pesca marítima, exercendo ademais como consignatarios e armadores de buques.
Xusto ao carón onde tiñan o seu domicilio e a taberna, Ricardo e Dominga farían certo tempo despois unha pista de baile ao aire libre. Co transcorrer dos anos cerrárona e acabou sendo salón. Disque nos primeiros tempos do local, con motivo das festas parroquiais, montaran un ring para ver boxear ao vasco Paulino Uzkudun, campión de Europa dos pesos pesados en 1926 e 1933, que seica “fixera luvas” co garda civil Cadenas. Uns meses máis tarde de aquela exhibición en Oseiro, Uzkudun viaxaría aos Estados Unidos para pelexar polo título mundial e alí coñecería ao mesmísimo Al Capone.
-Faite americano e eu fágote campión do mundo-, díxolle o popular gánster e contrabandista estadounidense.
Paulino perdería aquel combate no cuarto asalto ante Joe Louis.
Unha das persoas que nos falou dos primeiros tempos do Salón de Figueroa foi Manolo Rodríguez Pan. Nacido no Rañal en 1936 e casado nos anos 50 en Oseiro con Teresa Suárez, ‘Teresa do Chaparro’, Manolo xa paraba alí de solteiro. “A entrada do salón custaba 4 pesetas. Cando eu empecei a traballar na Coruña, un obreiro andaría polas 100 pesetas á semana. As entradas vendíaas Ricardo e Dominga revisábaas. Diante do salón había mulleres vendendo na froita. Recordo á Xilghara vella, Marina, a Mariana… Nós, no salón tomabamos porróns de viño con gaseosa. Cando había baile, tamén estaba a taberna aberta. Os vellos atendían o salón e a súa filla Maruja e o seu home Moncho atendían a taberna. Polas festas tamén estaban os fillos deles botando unha man. O palco do salón estaba ao fondo e era de cemento. Na miña época recordo de ver actuar alí á orquesta Boquete, aos Mallo de Feáns, aos irmáns Figueroa de Nostián, ou, entre outros moitos, a Lemos e Pontevedra, que eran dous grandes músicos de aquí de Oseiro, que aínda eu os teño levado a Caión no meu Land Rover a actuar nun salón que había onde agora está a cetárea. No salón de Figueroa tamén actuou Finita ‘A Martela’, unha artista moi boa de Castelo (Culleredo) que despois emigrou a Venezuela. No medio da pista do salón había unha columna que tiña cristais. Arriba tamén se bailaba algo, máis ben pouco, pero algún baile fíxose. Donde máis se bailaba era abaixo. Arriba estaban as vellas mirando. A oportunidade de “facer algo” tíñala se bailabas xusto debaixo do balcón onde estaban as vellas. Había que ter pillería para todo (risas).”
![]() |
| De esquerda a dereita: José Suárez 'Lemos', Luciano Pazos 'Pontevedra' e Segismundo Regueiro 'Segís' (Cortesía de Marina Regueiro Álvarez) |
![]() |
| Finita Gay 'A Martela' (Cortesía da súa familia) |
Nunha liña moi semellante ao que nos narrou Manolo Rodríguez Pan, o admirado músico arteixán Víctor Iglesias García conta unha anécdota moi divertida sobre o Salón de Figueroa, anécdota que tivo a ben que formara parte do libro dun servidor Crónicas de Arteixo I, onde o propio Víctor participa con dous capítulos baixo os títulos “Os salóns de baile” e “A sala de festas Eva”. No primeiro deles, Iglesias transcribe literalmente as palabras dun veciño de Oseiro:
“Catro pesetas custaba a entrada, que para min eran a metade do xornal da semana. Pagabas alí, na garitiña que aínda se ve ao lado da porta e para dentro! Deixabas o abrigo no roupeiro, que era unha modernidade para o salón que era, pero bueno, había roupeiro. Como houbese boa orquestra, alí habían de andar as mozas de Pastoriza. Nación que as deu! E eu na fura de diante. No medio da pista había unha columna con espellos e o baile facíase virando ao redor coma nun tiovivo. Había uns palcos nos que se sentaban as vellas que non tiñan outra cousa que facer. Nación que as dou a elas tamén! Se te arrimabas de máis á parella, berraban ou dábanche unha vareada co bastón. Pero elas non sabían que debaixo dun dos palcos había un ángulo morto, o rincón, e alí mordiamos. Ti xa me entendes”.
Durante o inverno, o outono e a primavera cada sábado ou domingo había baile no salón de Figueroa, aínda que a dicir verdade dependía un pouco de si os había en Pastoriza ou en Arteixo porque a competencia era grande. No verán o conto era outro ben diferente xa que había numerosas verbenas polas festas de cada parroquia e, ademais, eran gratis. Polas festas de verán de Oseiro pasaron grandes orquestras como a Oriente, Finisterre, os Rambalts, Maracaná, Los Platinos, os Satélites ou, entre outras, os Trovadores, que polo que nos contou José Riveiro Ferrín, nacido no Seixedo en 1948, “no verán do 62 actuou en Oseiro con eles, cos Trovadores, o cantante Lorenzo Valverde, unha das voces melódicas máis destacadas na España dos anos 60”.
Los Platinos eran unha das orquestras que tocaban con certa asiduidade durante o inverno no salón de Figueroa. Fundáraa José García Fernández, máis coñecido por ‘Pepe Pachote’, que anos antes tamén creara a orquestra Ritmo e tamén tocara o contrabaixo nos Rambalts e na orquestra Esperela. Outro dos integrantes dos Platinos foi Eulogio Gestal, un músico natural de Altamira (Anceis, Cambre) que andando no tempo sería fundador do popular Mesón de Pastoriza e alcalde de Arteixo (dende 1983 ata 1987). Eulogio tocaba a trompeta e o acordeón e actuou por escenarios de medio planeta formando parte de varias orquestras. En 2021 tivemos a sorte de entrevistalo e, curiosamente, confesounos que coñecera a súa muller Marisa “en Oseiro, no salón de Figueroa, cando eu tocaba na Orquesta Finisterre. Casámonos o 19 de marzo de 1961”.
![]() |
| Palco do Salón Figueroa. Luis, que na imaxe está na batería, era guitarrista de Los Platinos. O utro mozo é Santi Zas, veciño de Oseiro (Cortesía de Santi Zas) |
![]() |
| Los Platinos, anos 60 (Facebook "Orquestas 1900") |
Á parte dos Platinos, durante os anos 50-60 tamén tocaban con frecuencia orquestras como os Trovadores. Pero, sen dúbida algunha, os que máis actuaban alí eran, con moita diferencia, Luciano Pazos Otero, máis coñecido como Luciano ‘O Ferreiro’ ou polo alcume de ‘Pontevedra’ e José Suárez Lozano, 'Lemos', músicos dos que xa falamos neste espazo cando homenaxeamos á Orquesta Pontevedra (podedes ver a crónica aquí:https://cronicasdearteixo.blogspot.com/2021/05/a-orquestra-pontevedra-de-oseiro.html).
![]() |
| Luciano Pazos bailando en 1958 coa súa filla Teresa no Salón Figueroa (Foto publicada pola propia Teresa na páxina de Facebook "Veciños de Oseiro de sempre e tamén venideros") |
Luciano, que quedara viúvo moi novo con catro fillos ao seu cargo, tiña a súa ferrería na rúa Santirso e o domicilio na actual Travesía de Sabón de Oseiro, ao carón da casa da señora Clotilde e moi cerca do salón. O popular ferreiro-acordeonista faleceu en 1963 con tan só 57 anos de idade. Santiago Zas Souto, veciño de Oseiro nacido en 1945, falounos del con moito cariño, e tamén tivo a ben compartir con nós algunha das súas lembranzas sobre o salón de Figueroa. “O salón tiña pista ao aire libre enriba para o verán, que logo terminou sendo salón cerrado. Dominga era a persoa que estaba na porta recollendo as entradas que vendía na taquilla o seu home Ricardo. Ás veces tamén estaba na taquilla a súa filla Fina, que vivía na Coruña. Recordo de ir a bailes nos que Luciano ‘o Ferreiro’ tocaba o acordeón e Lemos a batería. Eses eran os que máis actuaban no salón cando eu era chaval. Os dous eran de alí, de Oseiro. Moita da xuventude de aqueles tempos aprendemos a bailar con eles. Cando Luciano enfermou, recordo que viñera a orquesta dos irmáns Mallo de Feáns a facerlle unha homenaxe no salón, para recaudar fondos para el. Aquel día houbera un abarrote de xente! Tamén recordo ás vellas vixiando nos balcóns, a un lado e ao outro. Cando unha parella se gustaba, metíanse debaixo dos balcóns, fóra da observación das cámaras de vixilancia humanas (risas). Que felices eramos con tan pouco! No salón facíanse concursos nos que se elexía á Guapa de Oseiro, concursos de tango… nunha ocasión o señor Juan ‘o Pato’ organizara o de tango”.
![]() |
| Enrique 'Vichelajota', Santi Zas e un fotógrafo da época (Cortesía de Santi Zas) |
![]() |
| Carme 'da Xílgara' elexida Guapa de Oseiro no Salón de Figueroa (Foto publicada por M. Carmen Aldao Suárez na páxina de Facebook "Veciños de Oseiro de sempre e tamén venideros") |
Paralelamente, ao tempo que o salón funcionaba, a taberna seguía estando aberta. Ultimamente, quen a atendía habitualmente era María, que foi a que sempre estivo na casa con seus pais, e o seu marido Moncho Barba (que traballaba en Fenosa mirando os contadores da luz). Os tres fillos do matrimonio, Moncho, Maruja e Tita Barba Figueroa, tamén botaban unha man no negocio. Alí tanto podías tomar unha copa de caña das que abrían o peito, coma comprar un cento de ladrillos, como así nolo contou Pepe López Caamaño ‘O Labrador’, veciño de Estramil que durante moitos anos foi empregado de Cerámica La Perfección (coñecida como a cerámica de Ferreira). Pepe recordaba que “O Cubano viña a Estramil co camión a cargar e despois ían con el dous ou tres obreiros de Ferreira, os que collían na cabina, para levar o ladrillo ás obras ou aos almacéns nos que deixaba o material en depósito, como por exemplo en Oseiro, no salón de Figueroa. Alí íamos tres obreiros para descargar dentro do salón. Tiñan taberna e salón e todas as semanas levábanse dous ou tres viaxes de material, que se descargaba dentro do salón, na pista. E despois alí, os veciños dos arredores que precisaban un cento ou dous de ladrillos pois ían buscalos alí no carro de bois, que daquela non había tanto camión como hai hoxe”.
Na taberna tamén daban comidas. De feito, polo que nos contou Manolo Rodríguez Pan, “alí comían os de Intelsa cando estaban no Polígono de Sabón”.
O salón seguiu funcionando ata comezos da década dos setenta, época na que, segundo nos manifestaron varias persoas cos seus comentarios nas redes sociais, tamén tocaron alí Os Tarantos, grupo da época de notable arteixanía.
![]() |
| En primeiro plano, o edificio do salón. A seguinte casa, a pintada de amarelo, era onde estaba a taberna |
Ao igual que lles pasou aos outros do municipio, o local foi perdendo fol ata que pechou definitivamente na mesma época na que finou o seu fundador, Ricardo Figueroa Souto, que morreu o 21 de decembro de 1970 aos 73 anos de idade.
Co peche do salón quedaba atrás unha parte moi importante da vida da parroquia e da bisbarra, con centos de anécdotas e ducias de parellas que ennoivaron alí. Certo tempo despois do peche definitivo, Manuel Iglesias, o marido de Tita (que falecería en 1989 con tan só 40 anos) utilizou o local como taller de chapa.
Despois de tanto e tanto tempo que leva abandonado, as paredes do salón de Figueroa seguen rezumando nostalxia para ducias de parellas que se deron alí o primeiro bico, prometéndose amor eterno ao tempo que a orquestra cantaba aquilo que dicía…
"Así fue que empezaron papá y mamá
tirándose besitos y una guiñá.
Así fue que empezaron papá y mamá
y ya somos catorce...y ya vienen más "
__________________________
(P.D.: Moitas grazas a todas as persoas que participastes activamente estos días cos vosos comentarios nas redes sociais)

































Ningún comentario:
Publicar un comentario