UN PASEO POLO ONTE E HOXE DE ARTEIXO (2)

 O SEIXEDO NO PASADO E NO PRESENTE

  Nas Crónicas de Arteixo desta semana facemos unha viaxe no tempo, unha viaxe na que podemos ver varios puntos do lugar do Seixedo, na parroquia de Oseiro, en épocas distintas.

  Á parte da orixe pétrea do topónimo (seixo=pedra/rocha/zona de moita pedra), o nome do Seixedo tamén vén do río que nace cerca da estación de Bregua (Culleredo), discorre por Canzobre (Morás) e entra na parroquia de Oseiro por Ponte, pasando logo polo Seixedo antes de verter as súas augas no encoro do Roxedoiro e desembocar na praia de Sabón.

  Antigamente, O Seixedo tamén era coñecido co nome de As Casillas, xa que alí estaba (e segue estando) a casa, a casilla, dos legoeiros ou peóns camiñeiros, que eran as persoas encargadas do coidado das estradas e camiños públicos.

  O cometido destes peóns era arranxar unha legua (de aí o nome de legoeiros), antiga medida de lonxitude que equivale aproximadamente a cinco quilómetros.

  A casa dos legoeiros do Seixedo, que era coñecida como a “do Capataz”, era a segunda que había na estrada A Coruña-Fisterra. A primeira estaba en San Xosé, xusto na entrada da actual refinería. A terceira estaba en Lañas, e as seguintes en Fofelle (Lestón, A Laracha) e Proame (Lemaio, A Laracha).

  O Seixedo de antano eran unhas 20 ou 25 casas, situadas todas elas na confluencia das estradas C-552 e C-410. Algunhas destas vivendas desapareceron nos anos 60 a raíz das expropiacións para a construción do Polígono Industrial de Sabón.

  O Seixedo de hogano é coñecido, principalmente, por varios locais de hostalaría situados no lugar, algunha que outra industria que xa leva anos asentada na zona, pola súa Área Recreativa, e tamén pola rotonda, a rotonda do Seixedo, pola cal pasan a diario miles de vehículos que circulan polo noso municipio.

  Deseguido, aí van cinco imaxes do Seixedo de antano e outras cinco do Seixedo de hogano, unhas e outras tomadas aproximadamente no mesmo punto.











O COQUE DE LARÍN NO PASADO E NO PRESENTE. “FERNANDO CABEZA QUILES, IN MEMORIAM”

Nas Crónicas de Arteixo desta semana facemos unha viaxe no tempo, unha viaxe na que podemos ver un par de puntos do lugar do Coque, na parroquia de Larín, en épocas distintas.

  O Coque xa tivo protagonismo a semana pasada neste espazo, cando falamos da modista Jesusa Crespo (podedes ler a crónica aquí: https://cronicasdearteixo.blogspot.com/2026/04/jesusa-crespo-modista-do-coque-de-larin.html ).

  Sobre este lugar María Rozamontes Vázquez dinos o seguinte no volume II de Arteixo de onte a hoxe, libro editado polo Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Arteixo en 2003:

O Coque é unha entidade de poboación que está na parroquia de Larín, na ladeira da Pedra Maior e do Monte da Garabiteira. As súas comunicacións vertébranse por accesos sinuosos e estreitos e a base da súa economía é a agricultura minifundista e familiar.

Etimoloxicamente pode aludir a unha pedra elevada de forma redondeada. A raíz CUCC- COCC- está presente en topónimos que aluden a esas formacións pétreas. Eses son dous radicais de orixe prerromana1.

  As persoas que seguides habitualmente esta bitácora sabedes que en cuestións de toponimia, o prezado e admirado mestre Fernando Cabeza Quiles era un dos nosos colaboradores habituais. A súa obra de investigación toponímica convertérono ao longo das últimas décadas nunha das máximas autoridades galegas e internacionais na materia, desentrañando a etimoloxía e o significado de moitos nomes de lugar da nosa xeografía en múltiples estudos en viaxes por toda Galicia. Cun feixe de libros publicados, sen dúbida algunha foi o gran referente nos estudos da toponimia no século XX e tamén o foi neste século XXI ata o pasado venres, 1 de maio, día no que nos deixou aos 73 anos de idade.

  As voltas que da a vida, o mércores 29 de abril contactamos con el pola noite a través do WhatsApp para solicitarlle, por enésima vez, a súa colaboración:

-Moi boas Fernando! Un favor. Na parroquia de Larín hai un lugar que se chama O Coque. Que me podes dicir deste topónimo? Non hai presa… escribirei sobre el a próxima semana.

  Minutos despois, coa súa habitual cortesía, Fernando contestaba o seguinte:

-Aí debe haber o nome dunha persoa expresado de forma hipocorística ou agarimosa. Mañán dígoche algo máis cun exemplo paralelo. Cando paso pola estrada sempre miro para o cartel do Coque. Boa noite.

  Desgraciadamente ese exemplo paralelo xa non chegamos a recibilo. Impactados aínda pola súa perda, para un servidor O Coque quedará sempre asociado á memoria de Fernando… foi o seu último topónimo de Arteixo!

  Deseguido, aí van dúas imaxes do Coque de antano e outras dúas do Coque de hogano, unhas e outras tomadas aproximadamente no mesmo punto. As fotografías antigas pertencen ao libro Paiosaco en imaxes. Dos corenta aos setenta, da autoría de Manuel Pazos Crespo (‘Lolo do Coque’) e Manuel Rodríguez López (‘Manolo de Queitano’)2.

Ano 1964. Maruja e Tonio dos Camallóns. Observa a liña dos troles e a paisaxe cara o Coque, Rexedoiros e o Anide. Detrás deles un coche tipo Dauphine, estranxeiro, co volante á dereita (texto e foto do libro Paiosaco en imaxes: dos corenta aos setenta, p. 131)

_________________________________________

Ano 1961. Carmiña do Leiteiro cun "cin" á cabeza vindo do río do Coque, á esquerda. Á dereita a casa vella do Coque e ó fondo o monte da Xesteira, hoxe cheo de casas (texto e foto do libro Paiosaco en imaxes: dos corenta aos setenta, p. 135)


____________________________________________________

1 María Rozamontes Vázquez (2003): Arteixo de onte a hoxe, Departamento de Normalización Lingüística Concello de Arteixo, p. 65.

2 Vid. Manuel Rodríguez López & Manuel Pazos Crespo (2011): Paiosaco en Imaxes; dos corenta aos setenta, Concello da Laracha.



O APARCADOIRO DA PRAIA DE ALBA DO RAÑAL NO PASADO E NO PRESENTE

A piques de chegar o verán, nas Crónicas de Arteixo desta semana imos falar dun dos aparcadoiros públicos cos que conta o noso municipio: o aparcadoiro da praia de Alba, no Rañal.

  O espazo que hoxe ocupa este estacionamento fíxose sobre o ano 2005 ou 2006, que foi cando se construíu o Paseo Marítimo que une Sabón con Barrañán e, tamén, cando se derrubou a fábrica de conservas A. & J. Salgueiro, que deixou de funcionar a finais dos anos 80.

  A industria dos irmáns Andrés e José Salgueiro foi unhas das primeiras fábricas que se instalaron en Arteixo. Estamos a falar da segunda metade da década de 1960, nunha época na que o Polígono Industrial de Sabón comezaba a dar os seus primeiros pasos.

  Durante varios anos, a conserveira foi unha das principais fontes de emprego para as mulleres de Arteixo e da bisbarra. Un servidor lembra que había traballadoras de Loureda, Oseiro, Rañobre, Figueiroa, Chamín, Baldaio, Laracha… e ata había un matrimonio da Agualada de Coristanco que vivían de aluguer nunha casa do Rañal, cerca do Bar Chucho.

  Algunhas destas empregadas acabarían casando con veciños do Rañal que, naquela hora, a gran maioría deles traballaban na fábrica das tónicas… si, si, nesa que ninguén sabía escribir o seu nome pero que todo o mundo pronunciaba "Sueps". Moitos destos homes eran albaneis que atoparan traballo na edificación na nave da Schweppes e, unha vez rematada a obra, quedaron a traballar alí como empregados da empresa ata o seu peche, no 2009.

  Á unha en punto soaba todos os días a sirena da conserveira. Era a hora do descanso para xantar. As empregadas do Rañal ían comer ás súas casas e as que non residían na aldea, nos días de bo tempo, xantaban á sombra dos piñeiros do Monte de San Tirso (tamén coñecido como o monte de Manolito), ou ao carón do río Arteixo, o río que desemboca na praia de Alba, areal que por certo aparecía nas latas de conservas da A. & J. Salgueiro S.L.

  A conserveira do Rañal tamén era coñecida polo cheiro que desprendía e os seus verquidos ao mar, verquidos dos que se fixera eco un medio de prensa estatal. O xornal ABC, na súa edición do 9 de agosto de 1973, en alusión ao aumento da contaminación na costa española, relataba o seguinte: 

"Quien esto escribe fue testigo de lo que se ha hecho con una playa de Sabón, en  Arteijo, de arena finísima y aguas transparentes. Una fábrica de pescados ha llevado sus vertederos hasta el mismo borde del arenal y el olor es tan nauseabundo que incluso un pinar sito a centenares de metros ha quedado visto para sentencia". 

  Así pois, a fábrica de Salgueiro era unha mostra do estado do medio ambiente naqueles anos, nos que a norma xeral era que algunhas fábricas usaran a costa de Arteixo como vertedoiro mentres a administración miraba para outro lado. A conserveira do Rañal foi un exemplo disto e, aínda hoxe, cando os temporais do inverno arrastran metros e máis metros de area das dunas da praia de Alba, quedan ao descuberto as tuberías que levaban os restos do peixe das conservas directamente ao mar.

  Como xa dixemos, a fábrica de conservas dos irmáns Andrés e José Salgueiro pecharía a finais dos anos 80, e, logo de botar bastante tempo abandonada, sería derrubada cando se iniciou a construción do paseo marítimo. Deseguido, aí van seis imaxes desta antiga industria e outras seis do actual aparcadoiro da praia de Alba, unhas e outras tomadas aproximadamente dende o mesmo punto.

A fábrica dos irmáns Salgueiro a principios dos 70 (Arquivo do Reino de Galicia)

______________________


Ao fondo, a fábrica (Foto de Xosé Castro publicada no Facebook "Ollar Galicia. Fotografía Antiga". Polo que conta Xosé, a foto é do ano 1970

___________________


Amelia Naya cos seus netos Patricia e Luís diante do seu Bar Chucho. Ao fondo, á esquerda, a fábrica (Cortesía da familia Souto Figueroa)

_________________


Ao fondo, á dereita, a fábrica de Salgueiro (Arquivo do Reino de Galicia)

_______________________


Partido de fútbol no campo do Rañal a mediados dos 90. Ao fondo á fábrica, que xa levaba algún tempo abandonada

______________________


Panorámica dos anos 90 da fábrica (Manel Felípez)




AS FOTOGRAFÍAS DE RUTH MATILDA ANDERSON NO ARTEIXO DE 1924

En 1904 o arqueólogo e poeta estadounidense Archer Milton Huntington funda en Nova York a Hispanic Society of America como un museo, biblioteca e institución educativa dedicada á arte e á cultura do mundo hispánico. Considerando a incipiente tecnoloxía como unha útil ferramenta de traballo para a investigación, Huntington decide que a súa entidade debería contar cun arquivo fotográfico e, con ese obxectivo, adquire imaxes ao tempo que promove expedicións.

A sociedade contrata en 1919 a Ruth Matilda Anderson (Nebraska, 1893- Nova York, 1983), que se iniciara no mundo da fotografía da man de seu pai, Alfred Theodore Anderson, un home de orixe norueguesa que tiña un estudio en Kearney especializado en paisaxe e retrato. Ruth estudara un ano na Universidade Estatal de Nebraska, en Lincoln, antes de facer maxisterio na Escola Estatal de Profesorado de Nebraska, onde se gradúa en 1915. Posteriormente, retoma os seus estudos na Universidade de Nebraska durante un semestre para marchar despois a Nova York, diplomándose en 1919 na Escola de Fotografía Clarence H. White.

A nosa protagonista non tarda en ser contratada pola Hispanic Society of America e, na compaña de seu pai Alfred, viaxa a España para realizar unha serie de instantáneas sobre vestimentas tradicionais.

O 7 de agosto de 1924 desembarcan no porto de Vigo cun completo equipo fotográfico que provocou o asombro de todos os oficiais de aduana e, a continuación, inician unha expedición para documentar a esencia da Galicia que buscaba Archer Milton Huntington.

Ruth tiña ben claro que o seu traballo non se ía centrar na Galicia urbana e na máis coñecida, senón no universo rural, nas clases máis humildes e noutros elementos que resultaran de certo interese para os futuros espectadores das súas fotografías: os neoiorquinos dos felices (ata o crac de 1929) anos 20.

Pasan por Baiona, Cangas, Tui, Mondariz e Pontevedra fotografiando gaiteiros, casas tradicionais, hórreos e mariscadoras. Percorren a Ría de Arousa, Padrón, Santiago de Compostela, Noia, a Costa da Morte, a nosa comarca das Mariñas (con parada en Arteixo), Lugo, Sarria... coñecendo e inmortalizando o carro do país, a lareira ou ás mulleres do campo. Visitan A Coruña durante quince días, repartidos entre novembro e decembro. Na súa estadía na cidade herculina, donde Ruth se interesa pola historia de Galicia, lendo a Manuel Murguía e a Rosalía de Castro, hospédanse no Hotel Palace, na rúa Real, do que escribiron que era un establecemento incriblemente luxoso, con lavabos de porcelana e auga corrente. A súa habitación estaba orientada aos xardíns de Méndez Núñez, dende a cal podían ver un precioso e alto reloxo: o Obelisco.

A fotógrafa e o seu proxenitor ían percorrer Galicia e Asturias durante máis dun ano, ata o 28 de agosto de 1925, en coche, a pé, a cabalo e incluso en barco, para cumprir co encargo da Hispanic Society of America. Nas fondas onde se hospedaban improvisaban cuartos escuros nos que revelaban os negativos. As fotografías a cor eran enviadas aos Estados Unidos, a causa da súa fraxilidade, para que foran procesadas alí.

E así, ao tempo que Alfred escribía o diario da súa “expedición”, a súa filla documentaba a vida das xentes, en especial das zonas de complicado acceso. Ata aquel entón, nin as actividades da poboación traballadora do campo e do mar, nin a nosa cultura material foran obxecto principal de atención para a fotografía dun xeito tan exhaustivo.

Nesta primeira viaxe por Galicia, Ruth tomou unhas 5.000 fotos, moitas das cales aínda permanecen sen positivar e, parece ser, que comprou outras 2.800 a fotógrafos locais. A norteamericana realizaría unha segunda expedición pola xeografía galega, desde o 14 de novembro de 1925 ata o 31 de maio de 1926, desta volta acompañada por outra fotógrafa, Frances Spalding.

Despois das dúas visitas, a Hispanic Society of America publicou en 1939 a obra “The gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña”, que recompila 682 fotografías que reflexan o día a día nos municipios galegos coas mulleres e os nenos como grandes protagonistas dos seus retratos. O mar, o traballo, o campo e a casa continúan perdurando nas súas inmortais instantáneas.

Sen ningún xénero de dúbidas, a súa obra é o maior traballo documental e etnográfico de todos os tempos realizado sobre a Galicia da época. Unha obra na que Arteixo tamén ten o seu protagonismo con varias imaxes tomadas pola norteamericana na viaxe realizada en 1924.

Recentemente, xusto un século despois de que Ruth Matilda Anderson inmortalizara a centos de persoas e recunchos da nosa xeografía, a Hispanic Society Museum & Library dixitalizou e subiu a internet este tesouro visual ao que pode acceder calquera cidadán de forma gratuíta visitanto a páxina web da institución norteamericana: https://diglib.hispanicsociety.org/do/01b1c316-0465-462a-ae8b-5665177d4349?search_api_fulltext=ARTEIXO%20 

Cada unha das instantáneas dixitalizadas inclúe un número “asignado por Ruth Matilda (o ‘número Anderson’), que reflexa a secuencia cronolóxica na que se tomaron as imaxes”, segundo relata a propia entidade. Ademais, ofrécese a posibilidade de buscar as pezas por nome, área e data e situar cada unha delas de forma xeográfica nun mapa virtual. Pero... ollo! Na súa páxina web a Hispanic Society Hispanic Museum & Library informa que “esta colección dixital comprende máis de 14000 fotografías de Ruth Matilda Anderson” e advirte que “o material dispoñible actualmente representa as máis de 5000 imaxes que dixitalizamos e catalogamos ata día de hoxe, e séguense engadindo novas imaxes de forma continua. Isto forma parte dun proxecto de tres anos que ten como obxectivo dixitalizar a totalidade da Colección Fotográfica de Ruth Matilda Anderson”.

As fotografías amosan unha realidade diversa, desde vilas e cidades ata espazos rurais, arquitectura tradicional e relixiosa, mercados e feiras, actividades agrícolas e mariñeiras, traballos artesáns, festas, pazos e retratos. A fotógrafa estadounidense tamén conseguiu acceder ao interior de vivendas populares e establecer relacións con persoas vinculadas á vida cultural galega.

No caso concreto de Arteixo, polo de agora (a ver se podemos ver algunha máis no futuro) a Hispanic Society dixitalizou tres fotografías que Ruth Matilda Anderson tomou no noso municipio en 1924. Coa ilusión de quen ve algo por primeira vez, falamos delas deseguido.

Por orde numérica a primeira é a nº 1372 e leva por título “Street Scene” (Escena de rúa). Trátase dunha imaxe na que vemos, á dereita, unha casa que aínda está actualmente en pé na Baiuca, na actual Travesía de Arteixo. Cando Ruth Matilda tomou esa foto, a casa era propiedade das irmáns Eulogia (1889-1982) e Florinda (1896-1960) Suárez-Frige Suárez, que foron as fundadoras do Fogar de Santa Margarida da Coruña. As señoritas de Frige, como eran coñecidas en Arteixo, seica pasaban alí os meses do verán. Así o fixeron ata que lla venderon a Generoso Varela Pardo, ‘Noso de Amadeo’, en 1951. Á esquerda tamén se observan outros edificios. No primeiro deles, décadas despois de tomarse a imaxe, foi onde estableceu a súa mercería María Elisa, irmá do noso prezado Julio Mancebo Moreiras. Obsérvese ao fondo un grupo de xente que vén cara a Baiuca, e os montes de Loureda cubertos dunha mesta néboa.

Ruth Matilda Anderson-Hispanic Society Museum & Library

O mesmo lugar na actualidade

Na fotografía nº 1373, “People Waiting for the Bus to Pass”, vemos a un grupo de persoas que, polo que nos informa Ruth Matilda, está agardando a que pase o autobús. Onde están? Na zona da Baiuca, na actual Travesía de Arteixo? Na actual Avenida de Fisterra? Nós atrevémonos a dicir que están na Baiuca, pero a saber! A foto é un verdadeiro enigma para nós. A ver se entre todos e todas identificamos o lugar e algunha das persoas que aparecen nela.

Ruth Matilda Anderson-Hispanic Society Museum & Library

E por último, a fotografía nº 1375, “Man Wearing Cape of Brown Wool. Back”, na cal vemos en primeiro plano a un tipo elegante que se abriga do frío. Con certeza, a súa vestimenta chamou a atención da fotografa estadounidense, especialmente a capa de la marrón, que é o título que Ruth Matilda lle dá á foto. Tamén aparece unha moza que calza zocos e que suxeita algo da súa man esquerda. Coa molestia do sol que lle dá de fronte, mira inmóbil a escena, do mesmo xeito que foi outra moza que ten un cativo no colo. Se ampliamos un pouco a imaxe, á esquerda do edificio branco pódese comprobar que hai pendurado un cartel que parece representar a roda dun vehículo. Obsérvese no seu interior unha serie de letras das que nós soamente puidemos identificar unha parte: “Carballo.....” Que negocio era ese? ¿En que lugar se tomou esa foto? Na Baiuca?

Ruth Matilda Anderson--Hispanic Society Museum & Library

Á parte das viaxes por Galicia realizadas entre 1924 e 1926, Ruth Matilda Anderson tamén visitaría Asturias, Castela-León, Extremadura e Andalucía, onde estivo dende o 5 de outubro de 1929 ata o 17 de novembro de 1930.

Despois da súa última viaxe centrou a súa carreira no estudo dos traxes típicos españois e publicou varios libros e artigos sobre o tema, que a levarían a realizar unha última viaxe entre 1948 e 1949, centrándose neste campo.

En 1954 foi nomeada conservadora de traxes da Hispanic Society, cargo que ocupou ata a súa xubilación. A nosa homenaxeada faleceu en Nova York o 20 de maio de 1983, aos 89 anos de idade. Con esta iniciativa da Hispanic Hispanic Museum & Library, que tivo a ben agasallarnos coa dixitalización do inmenso mundo da artista de Nebraska, o espíritu de Ruth Matilda Anderson está máis vivo que nunca, abofé!

Ruth Matilda Anderson en Galicia (Hispanic Society Museum & Library)

FONTES:

ANDERSON, RUTH MATILDA (2017): Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia. Editorial Afundación.

BLANCO REY, MANUEL (2008): Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Tomo II; Arteixo, Autoedición.

FERNÁNDEZ AMIL, IVÁN (2021): Ruth Matilda Anderson, la fotógrafa que mostró Galicia al mundo, 11 de abril, elespañol.com

GARRIDO, SANTIAGO (2010): La memoria de Ruth Matilda Anderson en la Costa da Morte, La Voz de Galicia, 4 de abril.

HISPANIC SOCIETY OF AMERICA

REY, MANUEL (2017): Ruth Matilda Anderson, a moza estadounidense que retratou á Galicia dos anos 20, gciencia.com


Ningún comentario:

Publicar un comentario