Nas Crónicas de Arteixo desta semana facemos unha viaxe no tempo, unha viaxe na que podemos ver un par de puntos do lugar do Coque, na parroquia de Larín, en épocas distintas.
O Coque xa tivo protagonismo a semana pasada neste espazo, cando falamos da modista Jesusa Crespo (podedes ler a crónica aquí: https://cronicasdearteixo.blogspot.com/2026/04/jesusa-crespo-modista-do-coque-de-larin.html ).
Sobre este lugar María Rozamontes Vázquez dinos o seguinte no volume II de Arteixo de onte a hoxe, libro editado polo Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Arteixo en 2003:
O Coque é unha entidade de poboación que está na parroquia de Larín, na ladeira da Pedra Maior e do Monte da Garabiteira. As súas comunicacións vertébranse por accesos sinuosos e estreitos e a base da súa economía é a agricultura minifundista e familiar.
Etimoloxicamente pode aludir a unha pedra elevada de forma redondeada. A raíz CUCC- COCC- está presente en topónimos que aluden a esas formacións pétreas. Eses son dous radicais de orixe prerromana1.
As persoas que seguides habitualmente esta bitácora sabedes que en cuestións de toponimia, o prezado e admirado mestre Fernando Cabeza Quiles era un dos nosos colaboradores habituais. A súa obra de investigación toponímica convertérono ao longo das últimas décadas nunha das máximas autoridades galegas e internacionais na materia, desentrañando a etimoloxía e o significado de moitos nomes de lugar da nosa xeografía en múltiples estudos en viaxes por toda Galicia. Cun feixe de libros publicados, sen dúbida algunha foi o gran referente nos estudos da toponimia no século XX e tamén o foi neste século XXI ata o pasado venres, 1 de maio, día no que nos deixou aos 73 anos de idade.
As voltas que da a vida, o mércores 29 de abril contactamos con el pola noite a través do WhatsApp para solicitarlle, por enésima vez, a súa colaboración:
-Moi boas Fernando! Un favor. Na parroquia de Larín hai un lugar que se chama O Coque. Que me podes dicir deste topónimo? Non hai presa… escribirei sobre el a próxima semana.
Minutos despois, coa súa habitual cortesía, Fernando contestaba o seguinte:
-Aí debe haber o nome dunha persoa expresado de forma hipocorística ou agarimosa. Mañán dígoche algo máis cun exemplo paralelo. Cando paso pola estrada sempre miro para o cartel do Coque. Boa noite.
Desgraciadamente ese exemplo paralelo xa non chegamos a recibilo. Impactados aínda pola súa perda, para un servidor O Coque quedará sempre asociado á memoria de Fernando… foi o seu último topónimo de Arteixo!
Deseguido, aí van dúas imaxes do Coque de antano e outras dúas do Coque de hogano, unhas e outras tomadas aproximadamente no mesmo punto. As fotografías antigas pertencen ao libro Paiosaco en imaxes. Dos corenta aos setenta, da autoría de Manuel Pazos Crespo (‘Lolo do Coque’) e Manuel Rodríguez López (‘Manolo de Queitano’)2.
_________________________________________
____________________________________________________
1 María Rozamontes Vázquez (2003): Arteixo de onte a hoxe, Departamento de Normalización Lingüística Concello de Arteixo, p. 65.
2 Vid. Manuel Rodríguez López & Manuel Pazos Crespo (2011): Paiosaco en Imaxes; dos corenta aos setenta, Concello da Laracha.



