domingo, 26 de marzo de 2023

OS SALÓNS DE BAILE DE MEICENDE (4ª PARTE)

  Continuamos o percorrido polos antigos salóns de baile de Meicende con esta cuarta entrega, na que queremos recordar o salón de Baldomero González Corredoira, máis coñecido polo alcume de Baldomero da Martela.

   Este local estaba no Sixto, no mesmo lugar que hoxe ocupa o edificio número 146 da Travesía de Meicende, xusto onde Ana Sánchez ten a súa tenda de alimentación.

 

Lugar no que estaba o salón de Baldomero

   De Baldomero, nacido en 1896, sabemos que gañaba a vida como albanel e que tamén era músico. Con motivo da festa da árbore celebrada en Arteixo nos primeiros días de febreiro de 1935, La Voz de Galicia contaba que… “(…) amenizó esta fiesta la música que dirige el convecino de Meicende don Baldomero González, que a la terminación tocó alegres bailables1”.

    Neses anos trinta foi cando puxo en funcionamento no lugar do Sixto o seu salón de baile, un local de 96 m² que seica era moi parecido ao de Pardo, o salón que había na Baiuca.

    O de Baldomero tiña a pista na planta baixa, que era onde se bailaba habitualmente, aínda que na terraza do edificio, á que se podía acceder por unhas escaleiras que había na parte dereita da fachada do local, tamén se bailaba cando facía bo tempo. A terraza estaba protexida por unha varanda que, de seguro, foi testemuña das promesas de amor eterno dalgunha parella daqueles tempos ao tempo que soaba a música do propio Baldomero ou dos Oliveira, unha orquestra de Meicende que tocaba con frecuencia neste salón.

    Ao carón do local de Baldomero estaba a escola pública mixta, creada a finais da década dos anos vinte do século pasado e que tivo o seu primeiro mestre na persoa de José Peón Martínez durante o curso 1929-30. Pegado á escola estaba o estanco de Antonio Cedeira Sande, 'O Roxo', que anos despois cambiariase para a localización actual deste negocio.

    Precisamente 'O Roxo' era un dos integrantes da orquestra dos Oliveira. Outro dos músicos que formaban parte desta banda era seu irmán Manuel, 'Manolo da Oliveira'. Antonio faleceu en 1991 aos 81 anos e Manuel en 2004 aos 83. Levamos certo tempo buscando datos e fotografías sobre esta antiga orquestra de Meicende. Se tedes algunha información contactade con nós, por favor!

(CONTINUARÁ)

__________

1 Vid. La Voz de Galicia, 7 de febreiro de 1935, páx. 5.

domingo, 19 de marzo de 2023

OS SALÓNS DE BAILE DE MEICENDE (3ª PARTE)

  Continuamos o percorrido polos antigos salóns de baile de Meicende con esta terceira entrega na que queremos recordar a tenda de Avelina, que estaba aproximadamente no lugar que hoxe ocupa o edificio do Bar Urquiola, ao carón da Cervecería A Estrela. 

Lugar no que estaba o Salón de Avelina

   Este negocio era desas tendas das de antes nas que podías mercar un pouco de todo e, ocasionalmente, cando corrían os anos corenta ou primeiros cincuenta, parece ser que tamén se facían bailes alí. É por iso polo que había quen lle chamaba a este establecemento o Salón de Avelina.

   Desgraciadamente, as persoas coas que falamos non poden dar fe dos músicos que actuaron alí xa que, naquela hora, aínda non naceran ou eran moi nenos, como é o caso de Sergio Naya, veciño de Meicende nacido no lugar no Sixto en 1949.

   Sergio contounos que onde estaba o negocio de Avelina “era unha fila de casas de pranta baixa e ese salón funcionou como tal durante pouco tempo. Recordo que na tenda había unha punta con papeles alí colgados e a filla de Avelina poñía enriba o nome da xente que lle debía cartos. Mamá mandábame alí ás veces a buscar algunha cousa e, despois de que te atendera, dicíalle...

   -Apúntame aí que xa che pagará miña nai!

E a min eso dábame moita moita vergonza.”

 

Meicende, anos 60. No círculo o grupo de casas no que estaba o negocio de Avelina

(CONTINUARÁ)

domingo, 12 de marzo de 2023

OS SALÓNS DE BAILE DE MEICENDE (2ª PARTE)

  Comentábamos a semana pasada que, despois de varias asambleas e votacións, os socios de “La Esperanza”, sociedade que estaba de alugueiro nun local que hoxe ocupa o número 127 da Travesía de Meicende, chegaron á conclusión de que había que adquirir un terreo na zona das Casas Novas para construír un novo local social.

  Naqueles tempos dispoñían dun fondo de cinco ou seis mil pesetas e, ademais, tamén recadaron diñeiro de socios que estaban en Venezuela, que mandaban os cartos para axuda da Sociedade a través de Antonio Regueira, coñecido familiarmente por “Chandeira”.

   Unha vez adquirido o terreo, moitos dos socios que eran labradores ían á praia de Bens a buscar area para construír a nova sede social de “La Esperanza”, local que era de planta baixa e que se inaugura oficialmente en febreiro de 1960 coa bendición a cargo de don José Lourido, cura párroco de Pastoriza homenaxeado a título póstumo por ser impulsor e promotor do complexo educativo e social San Xosé Obreiro de Meicende.

 

Local social de 'La Esperanza' inaugurado en 1960

   Para acceder a este local había que subir un par de chanzos de pedra de cantería e, nada mais entrar, na parede da esquerda, había un par de vitrinas, unha delas coas copas da entidade e a outra con dominós, xogos de xadrez, etc. No outro lado do local podíase ver outra vitrina onde estaba o aparato de radio, elemento esencial naquela hora xa que a televisión por aqueles días aínda estaba en cueiros.

   Ao fondo do local estaba o escenario. Alí actuaron, principalmente polo Entroido, orquestras como a Radio, a Spallant ou mesmo Carlos Díaz Gestal, O Xestal, músico, humorista, e, sobre todo, “contador de contos” moi querido na nosa bisbarra e en toda Galicia. Á dereita do escenario había unha porta que daba para o que era unha especie de ambigú.

   E así foron transcorrendo os anos ata finais de 1972, que foi cando a Sociedade 'La Esperanza' decide proxectar un novo local social no mesmo sitio no que estaba o anterior que se ía construír, unha vez máis, coa máxima colaboración, tanto economicamente como co seu traballo, dos seus socios. 

 

Imaxe actual do local social de 'La Esperanza'

   Unha vez inaugurada a nova sede, que é o edificio que podedes ver actualmente xusto en fronte da parada de taxis de Meicende, seguíronse organizando bailes “especialmente polo Entroido ou por outras datas sinaladas. Eu bailei moito alí e tamén me disfracei un lote de veces”, recordaba Sergio Naya, veciño de Meicende nacido no lugar no Sixto en 1949.

domingo, 5 de marzo de 2023

OS SALÓNS DE BAILE DE MEICENDE (1ª PARTE)

  Aínda que non o creades, especialmente os da xeración dos millennials, no pasado houbo moita marcha (e moita, diría eu) no lugar de Meicende nuns edificios actualmente desaparecidos que forman parte da memoria popular e que foron a base de innumerables matrimonios ata ben entrada a segunda metade do século pasado: os salóns de baile.

  Por experiencia propia, con dous adolescentes na casa, teño que confesar que ás veces resulta un tanto embarazoso trasladarlles ás novas xeracións, enfrascadas nas novas tecnoloxías, o enorme poder evocador de edificios como estes vellos salóns de baile que testemuñan un pasado que está aí, a un paso, malia que semella estar a un mundo de distancia. Non debemos esquecer que a memoria é o que nos configura como seres. Coidemos este tesouro, por favor!

    O certo é que un tras outro foron cerrando todos os salóns de Meicende, uns edificios dos que imos dar conta durante as próximas semanas. Iso si, hai que aclarar que nalgún caso eran meras tabernas ás que se lle chamaba “salón” para darlles un certo toque de elegancia.

    Comezamos este percorrido polo primeiro local que tivo a sociedade “La Esperanza”, que se constituira en 1924 grazas ao tesón de Marcelino González e Antonio Ponte. Xa que estamos a falar dos bailes dos nosos avós, non deixa de ser curioso o que di o artigo 10º da acta constitucional desta entidade:

Cuando se dé un baile se avisará con anticipación al Ilmo. Sr. Gobernador Civil indicándole día y hora. Cada socio tiene derecho a traer al baile, en concepto de invitados, dos mujeres y un amigo que no será vecino de Meicende y lugares limítrofes, pues estos no se admiten”.

    Segundo nos contou Sergio Naya, veciño de Meicende nacido no lugar no Sixto en 1949, este primeiro local de “La Esperanza” estaba no lugar que hoxe ocupa o edificio número 127 da Travesía de Meicende. Seica era unha casa pequena con pranta baixa e un pequeno piso de madeira, un piso no que a sociedade estaba de alugueiro e no que facían as oportunas xuntanzas e mesmo algún que outro xantar. 

 

Lugar no que estaba o primeiro local da Sociedade "La Esperanza"

   Desgraciadamente non temos ningún testemuño que se acorde dos bailes que se celebraban neste local, e mesmo houbo quen puxo en dúbida, dadas as reducidas dimensións do espazo e o feito de que o piso fora de madeira, que se poidera bailar nel. Mais un artigo publicado en El Correo Gallego en marzo de 1933 deixa entrever o contrario:

El vecino del lugar de Meicende, en Pastoriza (Arteijo), Francisco Pardo Alvedro, en la madrugada de ayer le sustrajeron de un pequeño establecimiento que tiene en aquel término, cien pesetas en metálico, seis chorizos y un queso. Los autores penetraron en la tienda por una pequeña ventanilla que comunica con el portal, destinada a la venta de billetes para el salón de baile que existe en el primer piso perteneciente a la sociedad “La Esperanza” de Meicende.
Había en el establecimiento numerosos comestibles que los cacos no llevaron.
A pesar de las gestiones practicadas por la Benemérita, no se pudo averiguar por el momento quienes sean los autores del robo 1”.

    Curiosamente, nesa mesma época o gobernador civil aprobaba o regulamento dunha nova sociedade de Meicende, o Centro Cultural “Hacia la Cumbre”, constituído en xaneiro de 1933.

   Con referencia aos músicos que tocaban en Meicende con certa frecuencia nos primeiros anos da década dos trinta, temos informacións que din que o gaiteiro Rey Chiquito e a banda dos Afamados eran algúns dos que alegraban as vidas dos nosos devanceiros nesa altura. Tamén nos chegou algunha pincelada sobre Os Recastados, unha banda de Meicende que non sabemos con exactitude se tocaban nos trinta ou nunha época anterior. Se alguén manexa algunha información sobre este particular, agradecemos que nolo comunique!

   Despois da Guerra Civil “La Esperanza” retomaría pouco a pouco a súa actividade e mesmo temos noticias de algunha que outra sanción á entidade:

A la Sociedad recreativa “La Esperanza”, de Meicende (Arteijo), 500 pesetas, por desobediencia a las órdenes de este Gobierno y prohibición de celebrar bailes hasta mayo2”.

   As miras de futuro dos directivos daquela hora estaban encamiñadas a conseguir un local social en propiedade. Mais había socios que querían continuar de alugueiro no piso no que facían xuntanzas e bailes. Pola contra, outros optaban por buscar un soar para construír un edificio en propiedade.

   Sergio Naya recorda que na pranta baixa deste antigo inmoble montou o seu negocio Alfredo, un barbeiro que traballou alí durante moitos anos, e tamén nos contou que “detrás deste edificio había un portalón que daba para o lugar no que vivían os propietarios da casa”.

   Andonando no tempo, despois de varias asambleas e votacións, chegouse á conclusión de adquirir un terreo na zona das Casas Novas, onde a Sociedade “La Esperanza” empezaría a construír o seu novo local social a finais da década dos cincuenta, mais disto falaremos a vindeira semana.

___________

1 Vid. El Correo gallego, 11 de marzo de 1933, páx. 2.

2 Vid. La Voz de Galicia, 1 de abril de 1943, páx. 2