venres, 21 de maio de 2021

A 'ORQUESTRA PONTEVEDRA' DE OSEIRO

   Nos duros anos da posguerra en Oseiro houbo unha orquestra, se cadra a primeira banda que se creou en Arteixo, que fixo pasar momentos inesquecibles aos nosos avós e avoas bailando ao ritmo da súa música. Falamos da Orquestra Pontevedra, tamén chamada 'a do Pontevedra', que dado o seu lugar de procedencia, era o alcume polo que se coñecía a Luciano Pazos Otero, un dos integrantes desta formación que, á parte de ser un gran acordeonista, parece ser que tamén era un destacado boxeador afeccionado. Na memoria prodixiosa de Geluca Naya, unha muller nacida en Pastoriza en 1932 e que estivo á fronte do Restaurante Casa Lola durante varias décadas, aínda se conservan moitas anécdotas de aqueles bailes, entre elas a letra do tema co que esta banda de Oseiro empezaba o repertorio das súas actuacións:

 
Yo he conocido a un amigo
   que se casó enamorado; 
a los 4 o 5 días 
tuvieron que andar a palos.
 Cuando llega del trabajo 
pregunta por la comida;
ella dice no la ha hecho 
que le dolió la barriga. 
Así que amiguitos míos
 no se apuren a casar
pues el que más y el que menos
 claro, lo dicen ellos, 
pues los polvos y pinturas
 solo son para engañar”
 
De esquerda a dereita: Jose Suárez 'Lemos', Luciano Pazos 'Pontevedra' e Segismundo Regueiro 'Segís', tres dos fundadores da 'Orquestra Pontevedra'

   Pódese dicir que o xerme da 'Orquesta Pontevedra' xurdira na parroquia larachesa de Erboedo nos primeiros anos corenta, que foi cando Carmen Mallo, alcumada 'Carme da Americaina', creou a 'Orquesta Sol'. Coñecida popularmente como a 'Orquestra da Americaina', esta banda estaba integrada por Manuel de Graciana, veciño de Erboedo de Abaixo que tocaba a tuba e o helicón; Riveiro, que era do lugar de Compañeiro, na parroquia de Soandres, e que tocaba o trombón de varas; Segismundo Regueiro, veciño de Gabenlle, Torás, A Laracha, que tocaba a trompeta; Gumersindo, domiciliado en Erboedo de Abaixo e que tocaba o clarinete; a propia Carme 'da Americaina', que era natural do lugar da Fontenla, Erboedo, e que tocaba o saxo alto; e José Suárez Lozano, a voz da orquestra, o animador, que era como se lle chamaba naquela altura ao cantante. José, máis coñecido polo alcume de 'Lemos', era veciño de Oseiro e ademais de ser a voz da orquestra 'da Americaina', tamén tocaba a batería.
 
Carné de afiliación de Segismundo Regueiro ao Sindicato Local de Espectáculos

   Nesa altura, Luciano Pazos Otero amenizaba co seu acordeón as festas e bailes que se organizaban en Oseiro e arredores. Luciano nacera en Pontevedra en 1906 e despois de facer a mili na Coruña, casou en Oseiro onde gañaba a vida coma ferreiro. Curiosamente, por aqueles días, na parroquia tamén había outro ferreiro que tocaba o acordeón: Emilio Bello. Este home tiña un sobriño pianista que actuaba con frecuencia no Hotel Embajador da Coruña, no Hotel Finisterre… e, segundo nos contaron en Oseiro, regaloulle un acordeón a seu tío Emilio, mal alcumado 'Machina' dende aquel entón por ser unha das poucas cousas que sabía facer con este instrumento musical: na chín, na chín, na chín… 

Luciano Pazos 'O Pontevedra' nos anos 50

    Marina Regueiro, irmán de Segismundo, coñecido no mundo da música polo diminutivo de 'Segís', contounos que foi 'Lemos' quen lle presentou a Luciano 'O Pontevedra' a Carme 'A Americaina' e ao propio 'Segís'. Ao pouco de coñecerse, entre os últimos anos da década dos corenta e os primeiros cincuenta, decidiron crear a formación da que estamos a falar, a orquestra 'do Pontevedra' ou, 'Pontevedra', que é o nome que lembran e do que fan referencia algunhas das persoas que bailaron ao ritmo da súa música por aqueles anos, caso de Geluca Naya Pan, Carmen Prego Veira, Carmen Rodríguez Esmorís, Juan Naya Riveiro e de Marina Regueiro Álvarez que, xunto a Xosé Collazo Regueiro -fillo de Marina-, son as persoas que entrevistamos recentemente para documentar a historia desta orquestra.

   Os inicios musicais de Segismundo Regueiro, 'Segís', que nacera en Gabenlle en agosto de 1920, producíranse na mili tocando a corneta. Na Guerra Civil fíxose amigo de Sabater e Cuvells, músicos cataláns que o animaron a estudar solfexo, que ía aprender na academia que tiña na Coruña o mestre Luís Brage.

   Anos antes, a proximidade ao bando republicano e aos ideais rexionalistas e galeguistas fixeron que Brage fose condenado a cárcere cando chegou a Guerra Civil. Durante a súa estancia no centro penitenciario da Coruña, creou unha academia na que lle ensinaba música aos reclusos. Tras a estadía na cárcere e xa establecido na cidade herculina, continuou dando fe da calidade das súas leccións e dotes pedagóxicas a alumnos como Segismundo Regueiro quen, de camiño ás clases de Brage na Coruña, camiño que facía a pé ou en bicicleta (cando podía alugar unha) dende A Laracha, de cando en vez durmía en Oseiro na casa de seu amigo 'Lemos'. Posteriormente, Segismundo empezaría a tocar a trompeta na Orquestra Sol 'da Americaina'antes de converterse no guitarrista da Orquestra Pontevedra de Oseiro. 

 

'Lemos', á esquerda da imaxe, co seu amigo Juan Naya
    José Suárez Lozano, 'Lemos', nacera o 26 de febreiro de 1926 na Coruña, no barrio do Orzán, mais cando era un meniño de 2 ou 3 anos fixéronse cargo del Secundino e a súa dona Dolores 'A Querecha' -que era irmá do pai de 'Lemos'-, un matrimonio que rexentaba unha tenda no que hoxe é a rúa Santirso, ao carón da igrexa de Oseiro. Neste establecemento, golpeando as latas de aceite e outros produtos que vendían seus tíos, o noso protagonista empezou a sentir verdadeira devoción pola música, paixón na que moito tivera que ver o acordeón do seu veciño Luciano Pazos 'O Pontevedra', que era vinte anos maior que el. Andando no tempo, 'Lemos' íase converter nun dos grandes baterías da bisbarra e na voz de orquestras como 'a da Americaina' e 'a do “Pontevedra'. “Lemos cantaba con moita gracia e tiña un ton de voz moi bonito”, recordaba recentemente Juan Naya, amigo íntimo deste músico de Oseiro durante toda a vida.

    Así pois, 'Lemos', cantante e batería; 'Pontevedra', acordeón; 'Segís', guitarra; e Carme 'A Americaina', saxo alto, eran os catro integrantes da orquestra Pontevedra, unha banda na que ao parecer, segundo o testemuño de Juan Naya, tamén tocaron ocasionalmente músicos como Breixo, Panchón e Benito 'O Veigheiro'.

   Polo que nos contan Xulio Cuns Lousa e Xosé María Veiga Ferreira no seu libro Orquestras populares das Mariñas, cando se organizou a Banda Municipal da Coruña, Benito Suárez Arévalo 'O Veigheiro', presentouse o día do exame ao dereito de vir de tocar nunha festa:

   “O seu aspecto algo desaliñado, e sobre todo o seu saxofón, vello a máis non poder reparado con gomas por un lado e por outro cun aspecto máis desaliñado, se cabe, que o propio dono. A esta praza concorrían músicos moi preparados e perfectamente pertrechados de Valencia e doutros lugares de España. Déronlles a partitura que ían ter que interpretar para o exame dicíndolles que dispoñían de vinte minutos para preparala, o noso home pegoulle un vistazo á partitura e díxolles que a el non lle facía falta tanto tempo porque a interpretou no momento, e debeuno facer ben xa que lle deron a praza de primeiro saxofonista. Iso si, cando tocaba coa banda facíao xa cun saxofón noviño, segundo faladurías disque llo regalara o propio Franco” (páx. 248).

  Nos poucos anos de existencia da Orquesta Pontevedra, a parte das habituais actuacións das festas patronais que se organizaban na bisbarra e nos salóns da contorna, as parroquias carballesas de Rebordelos e Lema eran lugares onde 'Lemos', 'Pontevedra', 'Segís' e Carme 'A Americaina' tocaban de xeito habitual ao longo do ano, como así nolo recordou Juan Naya: “Eles ían case sempre a Baldaio. Alí nunca fallaban porque os querían moito. Naquela hora non se podía andar por aí ás dúas da mañá ou dúas e pico e por iso, á unha ou unha e media a Orquesta Pontevedra terminaba o baile así:

Muy señores míos

hasta mañana 
a descansar” 

Carme 'A Americaina' nos anos 70
    A orquestra 'do Pontevedra' deixaría de tocar como tal nos primeiros anos 50. Despois da súa desaparición, Luciano Pazos Otero, a persoa que lle dera nome a esta banda de Oseiro co seu alcume de 'Pontevedra', seguiría amenizando algunha que outra festa da contorna co seu inesquecible acordeón. Luciano, que quedara viúvo moi novo con catro fillos ao seu cargo, tiña a súa ferrería na rúa Santirso e o domicilio na actual Avenida de Sabón de Oseiro, ao carón da casa da señora Clotilde. O popular ferreiro-acordeonista faleceu en 1963 con tan só 57 anos de idade.

    De Carmen Mallo, 'Carme A Americaina', sabemos que posteriormente casou con Marcelino, chofer da empresa de Transportes Viñán, e que morreu en Carballo. “Enterrouse en Baldaio porque Marcelino ten alí dous sobriños. Mira como é conto… sempre tocaba en Baldaio coa Orquesta Pontevedra e foise enterrar alí”, recordounos Juan Naya.

Segismundo Regueiro 'Segís'

      No caso de 'Segís', despois da desaparición da orquestra 'do Pontevedra', formou parte de orquestras de Carballo como a 'Bergantiños' e a 'Reyes'; da orquestra 'dos Lados', que era da parte de Coristanco; da orquestra 'de Aradas'; do 'Trío Azteca'; de 'Los Caminantes', a orquestra de 'Furocas'; de bandas da Coruña como 'Los Caporales' e 'Los Intocables', que tiña un repertorio moi moderno xa que cantaban en inglés (Antonio Fachado, o líder desta banda estivera emigrado en Inglaterra e anos despois abrira na Coruña unha tenda de instrumentos musicais); e do grupo 'L-6' de Betanzos. Despois de tantos e tantos anos vivindo da música tocando o saxo, a guitarra e a trompeta en todas estas formacións, 'Segís' xubilaríase pola agraria pois, ao longo da súa vida, tivera que compaxinar a súa actividade musical coa gandeira. O seu sobriño Xosé Collazo recordounos que… “El non se dedicaba ao 100% á música. Tamén traballaba na casa porque sempre houbo vacas; aínda que iso si, daquela gañaba máis cartos tocando nas orquestras que co que daba o gando ou, incluso, co que podía gañar naquela hora un bo albanel ou un carpinteiro. A música tamén era moi esclava. Pola semana, despois do traballo da casa, andaba sempre estudando e ensaiando”. Segismundo Regueiro Álvarez, “Segís”, faleceu solteiro en agosto de 2011 aos 90 anos.

   José Súarez Lozano “Lemos”, que casou naquela altura con Carmen, unha moza de Sofán, continuaría ao longo da súa vida alegrándolle a vida a xente cantando nas festas da bisbarra algún que outro popurrí popular coa súa fermosa voz. “Lemos”, que tamén traballou durante varios anos en “Ascensores Cerdolla”, faleceu en novembro de 2007 aos 81 anos.

'Lemos', na súa xuventude, tocando o tamboril

'Lemos', na súa madurez, tocando o tamboril

A ORQUESTA VILARRODIS

   Outra das persoas coas que falamos para documentar a historia desta orquestra foi José Riveiro Ferrín, nado en Oseiro en 1948. Ferrín afirma que esa banda chamábase 'Orquesta Vilarrodís' porque así llo ten contado seu irmán Enrique, e que ademais, seu pai Che de Manuela, José Riveiro Vázquez, era un dos integrantes desta formación:

  "A 'Orquesta Vilarrodís' empezou a tocar despois da Guerra Civil. Polo que teño oído na casa, esta banda estaba integrada por unha muller que lle chamaban 'A Americaina', que era a cantante e tocaba a batería; por un tal 'Segís', que tocaba o clarinete; por Luciano Pazos 'Pontevedra', que tocaba moi ben o acordeón; e por meu pai, que tocaba o trombón de varas. 'Lemos' era de Oseiro pero nunca tocou na 'Orquesta Vilarrodís'. Tocaba na 'Orquesta Boquete'. Recordo que os primeiros días que fun ao instituto á Coruña levaba unha carteira de coiro e nesta carteira había partituras e dous libros de medicina que probablemente eran de Antón Pan, o padriño de Manuel Murguía. Meu pai tiña gardadas nesta carteira as partituras que lle pasara 'Segís', que foi con quen aprendeu a tocar”.

   ¿É probable que 'A Americaina', 'Segís', Luciano 'O Pontevedra' e Che de Manuela tocaran xuntos nalgunha ocasión baixo o nome de 'Orquesta Vilarrodís'? ¿É posible que existira a 'Orquesta Vilarrodís' antes que a 'Orquesta Pontevedra'? José Riveiro Ferrín pensa que si, mais segundo Marina Regueiro a única orquestra de Arteixo na que tocou seu irmán 'Segís', foi na do 'Pontevedra'.

  Sabemos que Chucho de Alvedro, 'O Padriño', veciño de Vilarrodís, tocara como trompetista na orquestra de Plácido de Borroa e Nostián, unha formación na que Manolo Riveira era o tenor e Plácido, que anos despois casou con Geluca a da Casa Lola, era o batería. Da zona de Meicende tamén era Manolo Oliveira, que chegaría a tocar en varias orquestras, entre elas a 'Boquete', a 'Perico Perillo'… Outro músico da zona de Vilarrodís era Chucho 'O Silleiro', que de cando en vez amenizaba algún baile co seu acordeón, polo que tamén é probable que algún destos músicos tocaran xuntos nalgún momento co nome de 'Orquesta Vilarrodís' xunto a Che de Manuela, o pai de José Riveiro Ferrín.

   É obvio que o paso do tempo axudou a que os recordos de algunhas das persoas que entrevistamos sexan algo confusos e que se mesturen diferentes lembranzas na súa memoria, mais con todo aí vai este recordo e este recoñecemento a todos aqueles músicos que foron quen de alegrar unhas horas á semana as vidas dos nosos avós e avoas naqueles “tempos incestuosos”, como dicía o poeta Manuel María.

  Rematamos esta homenaxe a aqueles primeiros músicos da nosa contorna co testemuño de Nuria Naya, actualmente violinista do grupo Luar na Lubre, un dos referentes mundiais da música folk. Nuria contounos que… “Meu avó materno tocaba na 'Orquesta Vilarrodís'. Miña nai (Lolita, a nai de Nuria, é irmá de José Riveiro Ferrín) recorda que tocaba un instrumento de vento metal cando ela era moi pequena, pensa que o trombón. Despois deixouno, el era carpinteiro. É unha pena que non o coñecín, pois faleceu bastante antes de que eu nacese”. Nuria, que nos seus inicios musicais creou con Víctor Iglesias o proxecto Camándula, abriu en outubro do 2020 con Fátima Martínez, no número 70 da Avenida de Fisterra de Arteixo, a Escola de Música Entresóns, lugar onde dan clases do método Mago Diapasón, de violín co método Suzuki, saxofón e Linguaxe musical... un lugar no que soa a banda sonora da crónica de hoxe e dende o cal nos despedimos tal e como facía a 'Orquesta Pontevedra' nas súas actuacións:

"Muy señores míos

hasta mañana 
a descansar”


FONTES:

CUNS LOUSA, XULIO & VEIGA FERREIRA, XOSÉ Mª (2006): Orquestras populares das Mariñas. Concello de Betanzos.

10 comentarios:

  1. Parabens. Unha vez máis fasme disfrutar co teu traballo , en ésta ocasión especialmente xa que fas referencia o meu Oseiro , é non sabes o que se agradece que alguien se acorde de nós!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas a ti. Seguiremos contando historias de Arteixo... e de Oseiro!

      Eliminar
  2. Fantástica publicación Xabier!
    Sempre é una Leticia ler o que escribes e disfrutar do ben documentado que todo está.

    ResponderEliminar
  3. Son o fillo de Jesus Rodriguez e meo pai foi acordeonista da orquestra Sol, como acredita unha foto no meu álbum familiar, a data non a sei máis o menos anos cuarenta, gustaríame saber máis cousas, meo pai era de Coiro, Laracha.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas por poñerte en contacto e compartir información!

      Eliminar
    2. Eu quería saber si alguen o coñecera en aquel tempo...ou que ti tiveras noticias. Era veciño de Lola (Coiro),tocaba o acordeón e estivo na sua orquestra.Graciñas.

      Eliminar
    3. Síntoo... non teño información del... a ver se hai sorte e alguén comenta algo. Saúdos!

      Eliminar