domingo, 8 de maio de 2022

A TENDA E O SALÓN DA ROXA DE PASTORIZA

  No baixo do edificio n.º 57 da Travesía de Pastoriza, que está situado entre a Casa Xuntanza e a farmacia de Juana Lorenzo, hai unha pequena tenda de comestibles que sobrevive ao continuo empurre das grandes superficies comerciais. O establecemento non ten letreiro. Nin falta que lle fai xa que, na parroquia e arredores, sábese que esa é a tenda da Roxa, un local antiestrés no que podedes facer a compra calquera día da semana, mesmo os domingos. Iso si, non vaiades con presa porque alí o tempo non corre. Na tenda da Roxa o tempo párase!

De esquerda a dereita, a tenda nova, o antigo salón de baile e a tenda vella

   Ao entrar neste oasis de paz vaivos atender moi amablemente César Sande, terceira xeración do negocio, que sempre fala e actúa de maneira conveniente, sen excesos de ningún tipo. Alí, ou na trastenda, tamén está habitualmente súa nai, María del Pilar Vázquez Martínez, máis coñecida polo diminutivo de Pila, unha muller coa que a clientela do pequeno establecemento viaxa acotío aos tempos en branco e negro. Mentres César atende no mostrador, Pila recorda cun brillo especial nos seus ollos o Arteixo e a Pastoriza de antano, de cando viñan ao San Miguel centos de persoas dende diferentes puntos do país; de cando se celebraba a Feira da Madeira a véspera do San Miguel e o luns de Pascua; ou mesmo cando seus pais Antonio e María rexentaban a tenda e o popular salón de baile, verdadeira institución de Pastoriza.

  Antonio Vázquez, o pai de Pila, mozo emprendedor natural de Suevos, abrira a tenda da que estamos a falar en xullo de 1932, xusto ao carón da taberna da señora Lola de Areosa, que precisamente naquel xullo do 32 daba á luz a Geluca, a súa filla máis nova. Detrás destos dous establecementos, no camiño que conduce ao Santuario, tamén traballaba un tal Merelas, ferrador da Silva, que ferraba alí o gando da veciñanza da contorna.

   Antonio xa tiña certa experiencia no negocio xa que seus pais, Andrés e María, á parte de gañar a vida como labradores, rexentaban unha pequena tenducha en Suevos. Persoa de incesantes inquedanzas que non o deixaban acougar, por aqueles días funda con outros veciños da parroquia o Sporting Pastoriza, o equipo antecesor da actual S.C.D. Pastoriza. Pouco despois, en 1934, casa con María Martínez, unha moza loura que, ao igual ca el, era natural de Suevos. Cousas da clientela, a cor do cabelo de María ía dar nome ao establecemento que abrira o seu home dous anos antes e, nun abrir e pechar de ollos, empezouse a coñecer na bisbara como “a tenda da Roxa”.

    Estaban alí de aluguer, xa que o edificio era propiedade de Arturo da Furoca. Na parte baixa a parella vendía un pouco de todo no seu negocio, dende comestibles ata artigos de ferraxería ou mesmo de mercería que despachaban nun mostrador de cemento branco pintado con pequenas ondas de mar. No resto da tenda había varios estantes de madeira, tamén decorados con motivos mariños. Ao fondo, Antonio e María tiñan a cociña, que estaba situada ao carón das escaleiras para subir ao piso no que ían nacer Hortensita e Pila, as dúas fillas do matrimonio.

    No exterior, a casa dispoñía dun patio grande no que tamén había un pequeno chabolo e unha edificación rectangular que se utilizou, durante certo tempo, como cocheira de “La Superiora”, unha liña de autobuses que naquela altura facía percorrido entre Arteixo e A Coruña. 

 

Foto antiga de "La Superiora"

   Andando no tempo, esa cocheira ía ter un uso ben diferente. Cando a empresa de transporte mudou de garaxe, os nosos protagonistas decidiron montar alí un local de baile que bautizan como “Salón Bordeiras” e que a clientela ía denominar para a eternidade “o Salón da Roxa.” Anos antes xa houbera outro salón en Pastoriza, o salón de Castiñeiras, que estaba na zona que hoxe ocupa o bar Washington.

   Os primeiros anos do devandito local coinciden coa morte de Hortensita, que a pobre finou con tan só sete anos. Naqueles duros tempos da posguerra, nos que boa parte da veciñanza da parroquia acudía coa súa cartilla de racionamento á tenda da Roxa, o salón de Antonio e María converteuse no lugar no que a xente de Pastoriza, Borroa, Nostián, Suevos... esquecía por unhas horas as súas penurias bailando ao ritmo de orquestras como Barrales, X, Radio, Spallant, Oriente ou, entre outras moitas, a banda dos irmáns Mallo de Feáns, que actuou varias veces no Salón da Roxa coa lendaria estrela Finita Gay, “A Martela”, primeira muller animadora da bisbarra que seica cantaba coma os anxos. Xurxo Souto conta nun artigo de La Opinión que “viñan mozos e vellos dos lugares máis apartados para ver a esta fenomenal animadora, que os facía tremer de emoción cando bailaba a raspita”.

 

Imaxe tomada nos anos 40 diante do Salón (Cortesía de Geluca Naya)

   Aqueles tempos eran os que eran, tempos de corredoiras e de zocos que os mozos e mozas cambiaban polos seus mellores zapatos na tenda de María e Antonio ou na taberna da señora Lola para logo bailar no Salón, ao que accedían tras comprar a súa respectiva entrada nun pequeno oco existente nunha das fiestras da tenda. O porteiro era Jesús Martínez, irmán de María “a Roxa”.

  O Salón de baile non era moi grande, mais os músicos actuaban encantados porque dicían que o local tiña moi boa acústica. Un dos músicos que tocaba alí con frecuencia, o trompetista dos Barrales, non deixaba indiferente a María “a Roxa” que, polo que nos contou a súa filla Pila, dicía que:

    -Ese cando toca a trompeta fai parar aos paxariños.

    ¿Quen sabe? Se cadra María referíase ás anduriñas que cada ano aniñaban nunha das vigas do seu Salón, que voaban e chiaban en perfecta armonía coas melodías das orquestras.

    Na dificultade xeral daqueles tempos, as cousas non ían mal para Antonio e María, que foran pais de Pila nos anos corenta. A tenda funcionaba ben, e co salón de baile tampouco había queixa. Malia a competencia doutros salóns da contorna como o de Figueroa de Oseiro, o da Roxa completaba o seu aforo de xeito habitual. Moitas veces, cando xa non collía nin unha mosca no interior, a xente bailaba no patio, un espazo que tamén se utilizaba no verán. De feito, durante algún tempo, houbera un palco de música pegado á casa.

 

Vistas do Salón e do patio exterior

     Mais todo se ía torcer en 1955, ano no que morreu Antonio con tan só 45 anos. A pobre María caeulle o mundo enriba. Viúva con 40 anos, con Pila ao seu cargo e sen ningún tipo de axuda, tivo a valentía e o coraxe suficiente para tirar cara adiante. Muller loitadora e moi traballadora, seguiu choiando na tenda e organizando bailes cos mellores artistas e orquestras da bisbarra no Salón, que abría cada ano co San Miguel, permanecendo pechado polo verán porque había verbenas en todos os sitios.

    Nesa época, a partir do ano 1960, as autoridades franquistas ían regular todo o relativo aos espectáculos públicos, tanto os propietarios de locais de baile como os músicos. Polo que nos contan Xulio Cuns e Xosé María Veiga no seu marabilloso libro “Orquestras populares das Mariñas”, os primeiros necesitaban un carné de empresa para poder facer bailes e os músicos para traballar debían dispoñer dun carné profesional que lles daba o Sindicato de Músicos.

    Nesa altura, na comarca, e seguindo xa un movemento que viña da década anterior, creánse bandas de estilo e corte moderno como fora o caso dos Celtas, Españoles, Breogáns, Players, Dukes ou mesmo Os Key, conxunto que Pila afirma que naceu no Salón da Roxa:

    Eran a Orquesta Radio e xa estaban anunciados na propaganda que se facía na imprenta que Alfonso de Pilarita tiña na rúa Barrera da Coruña. A Radio estaba anunciada para un domingo de San Miguel e o xoves Pepe Alba, un dos músicos, veu á nosa casa a díxolle a mamá:

    -María, mire, tivemos un pequeno problema na orquestra e decidimos separarnos.

    - Vaia oh. O baile é o domingo, xa está anunciado… ¿e agora que fago?

    -Bueno, pois mire, vimos cinco músicos e malo será que non lle fagamos baile!

    - Pois vide!

    E así naceron Os Key. A primeira vez que tocaron como tal foi no noso salón, recorda Pila.

 

De esquerda a dereita, Luís o da Ferrola, María a Roxa, Pila e Manolo o Ferreiro

    Pila ía casar moi noviña con César Sande, un mozo da Baiuca co que tivo dous fillos, César e Carlos. Ao tempo que criaba aos rapaces, axudáballe a súa nai na tenda e no salón, un local de baile ao que seguían acudindo, especialmente polo San Miguel e polo Antroido, mozas e mozos de Pastoriza, Suevos, Mesoiro, A Grela… xuventude que, como non podía ser doutro xeito, provocou algunha que outra liorta. Segundo nos contaron, os mozos de Suevos tiñan moita forza e arreaban duro, mais os da Grela seica posuían mellor técnica porque “xa ían ver ao cine Doré as películas do Oeste americano”.

    Naquela época, polas festas e moitos domingos de baile, era habitual ver diante do portal do Salón ao señor Arturo de Santa Icía co seu posto de tiro, o mesmo que a señora Celia e a señora Manola, vendedoras de froita de Pastoriza.

 

Xuventude de Pastoriza diante da tenda da Roxa nos anos 70. Na fiestra pode observarse o oco no que se compraban as entradas para o Salón

   E así, coma quen non quere a cousa, foron pasando os anos, tempos nos que o Salón da Roxa, ao igual que os outros do municipio, foi perdendo fol ata que que pechou definitivamente no ano 1979. Curiosamente, morría cando botaba a andar A Nova Mocidade. Miguel Sande (Pastoriza, 1961), poeta, dramaturgo, novelista, xornalista e integrante do devandito colectivo, recorda que “cando aparecía a Garda Civil no baile recrutando homes para apagar os lumes no verán, todos liscaban para se agochar no milleiral; algunha outra vez ata os das orquestras”.

 

(Cortesía de Pila Vázquez)

    A María “a Roxa” custáralle un mundo pechar o salón. Atrás quedaba unha parte moi importante da súa vida, con centos de anécdotas e ducias de parellas que ennoivaron alí. Dende aquela ía dedicarse en corpo e alma á súa familia e a atender a tenda na compaña da súa filla Pila. Faleceu en maio do 2009 aos 94 anos de idade.

    Ao ano seguinte do pasamento da nai, Pila, que enviuvou no 2008, deixou a tenda vella e abriu o negocio actual do que vos falaba ao inicio desta crónica. Un pequeno establecemento de comestibles que sobrevive ao continuo empurre das grandes superficies comerciais ao tempo que a súa propietaria, que nos atendeu recentemente no seu domicilio coa maior das amabilidades, viaxa coa súa clientela aos tempos de antano. Pila bromea coa rapazada que lle vai comprar larpeiradas decíndolles que “eu nacín nun salón de baile e medrei nunha tenda”, un negocio que en xullo deste 2022 cumpre 90 anos. Haberá que celebralo!

6 comentarios:

  1. esta todo muy bien redactado pero se os olvido nombrar a rañobre que tambien ivan al salon bordeiras avitualmente

    ResponderEliminar
  2. Mil grazas por esta información tan interesante, Xabier. Coma sempre, este blog é unha xoia.

    ResponderEliminar
  3. La verdad es que mira que soy clienta de César y Pilar, y no conocía esta historia. Me ha encantado saber algo más de ellos y de mi tierra. Gracias Xavier.

    ResponderEliminar