San Xoán
Por ser noite de San Xoán,
noite de encantos e bruxas,
por ser noite de San Xoán,
téñoche medo, Maruxa.
"Hai que estar preparado, que cando menos o esperes bótanche unha maldición, ou críache o aire porqueiro na pel..." xa o dí a cantiga: "noite de encantos e bruxas", pero tamén noite de preparar os remedios para moitos males. Os ingredientes para facer estes remedios non son outros que o lume, a auga e determinadas prantas.
As cachelas son o distintivo máis común en toda Galicia desta festa do San Xoán. Esta cachela debe ser coronada por un boneco, o cal ten que arder completamente antes de que a xente escomece a saltar por riba das brasas, nove veces e unha sen contar, mentres se dí:
"Eu sáltoche, cachela de San Xoán
pra que non me morda cadela nin can,
nin bicho vivente
que acude polo chan"
Se queredes que isto funcione é importante que deixedes que o lume se consuma, sen botarlle auga para apagalo.
Por outro lado está o poder curativo das "herbas de San Xoán", humedecidas polo rexío da noite: fiuncho, romeo, caraveis, trevisco, carqueixa, herba luisa, ruda...todas elas nun caldeiro con auga que se deixa a serenar ata a mañanciña. Se lavades a cara nesta auga de flores habedes de manter alonxados moitos problemas de pel.
Para rematar, unha advertencia: nesta noite de San Xoán non deixedes o leite para o outro día, porque disque as meigas lavan o cú nel.
(Relato de Víctor Iglesias García)
Ningún comentario:
Publicar un comentario