martes, 21 de xullo de 2026

O SALÓN DE BAILE DE LAÑAS

 

Cando viñamos de Lañas

á Cruña para embarcar

trouxemos un cañotero

para el tabaco poder guardar.

A Cuba fuimos todos xuntiños,

al buen tabaco

porque aló en Lañas

non se fumaba máis que de a cuartos.

Que rico aroma

que buen sabor

pues el de Lañas pica en el peito

e de pior parte ten mal olor1.


   Comezamos esta crónica con Xurxo Souto e os seus marabillosos Contos da Coruña, onde o prezado e admirado autor dinos que “como aperitivo, velaí vai unha peza que me ensinou o señor Campelo do Castrillón. Pensa que é de Mazaricos2, moi anterior á Guerra Civil. En doce versos resúmese a epopea americana coa comparanza entre o tabaco que se fumaba en Lañas, na parte de Arteixo, e as marabillas que atoparon en Cuba3.

  Aqueles eran os tempos nos que en Lañas existía a taberna de Xan García, unha desas tendas das de antes nas que tanto podías comprar un paquete de azucre, de sal ou de fariña como botarlle unha copa de augardente das que abrían o peito. O establecemento tamén funcionaba como casa de comidas  e mesmo se ten feito ocasionalmente alí algún que outro baile de pandeireta. 

  Por aquela época, anos antes da Guerra Civil, en Lañas tamén xa existía a Carpintería Ferro, cando o señor José Ferro comezara no oficio indo polas casas para facer mobles de castiñeiro, apeiros de labranza, botar pisos, tellados e todo o que fixese falta relacionado co seu traballo de carpinteiro. Co andar do tempo dous dos seus fillos, Pepe e Alvarito, decidirían montar un taller, nacendo así a Carpintería Hermanos Ferro, unha industria da que prometemos falar no futuro nestas Crónicas de Arteixo.

  Aínda que non o creades, negocios como as antigas tabernas e os lendarios salóns de baile tiveron certa relación coas carpinterías ou mesmo cos serradoiros, relación que viña dada polo serrín que se botaba nos pisos de madeira (costume que durou ata os anos 70-80) e nos terrazos para combater a humidade ou a sucidade en moitas das casas e tabernas de antano. De seguro que a xuventude que paraba nos antigos salóns bailou sobre o serrín producido nos serradoiros e nas carpinterías como a de Ferro.

  Aquelas “alfombras” de serrín e virutas escondían o viño derramado cando o pulso tremía porque o alcohol inxerido facía efecto no pulso e o equilibrio, escondería ademais algún que outro cuspe dos bebedores de coñac e augardente, e tamén as colillas dos fumadores que por aquel entón podían queimar tabaco dentro de aqueles lugares case sagrados que se reservaban o dereito de admisión ou mesmo lucían carteles como “Prohibido remudar la pareja” ou “Se prohibe ceder la pareja” que, polo que nos contou Mari Luz Recouso Álvarez, era o cartel que había no salón de baile que seus pais tiñan en Lañas.

No baixo do edificio da esquerda era onde estaba o salón. No edificio da dereita os Recouso Álvarez tiñan tenda na planta baixa e o seu domicilio no piso superior (Cortesía de José Ramón Álvarez Cancela)

   Grazas ás xestións realizadas por Jaime Traba, presidente da A.V.R.C.D. Fontesvellas, en maio deste 2026 puidemos conversar con Mari Luz, Mucha para os seus amigos, que nos atendeu coa maior das amabilidades no seu domicilio da Coruña permitíndonos pasear polo máis profundo da súa memoria. “O noso salón foi o que máis traballou durante algún tempo. Eu mameino dende moi pequerrecha. Acórdome dos grandes bailes que se facían polas festas de Lañas, que eran fantásticas”.

   Mari Luz é filla de Gerardo Recouso Esmorís e de Josefa Álvarez Torres. “Nós fomos tres fillos: Sara, Gerardo e eu… bueno tivemos outra irmá que morreu, que eu xa non a coñecín. Antes de casar papá vivía en Armentón de Arriba e mamá en Lañas, que era ‘dos do Fraile’, o apodo que tiñan na casa”.

   Os do Fraile era unha das grandes familias de Lañas, abofé. O matrimonio conformado por José Álvarez Cortiñas4 e Pastora Torres Maceiras5 trouxo ao mundo a doce6 fillos. José Ramón Álvarez Cancela, ao que moitas das persoas que estades lendo esta crónica coñecedes por ser o comunicador do Concello de Arteixo, díxonos que “meu abuelo dáballes unha casa ou un terreo a cada un dos fillos. A meu pai Perfecto fíxolla aquí (a casa branca que hai antes do semáforo de Lañas) e a Pepita deulle unha parcela alí, xunto á parada de bus, que foi onde fixeron a casa”.

   José Ramón refírese a un edificio que na actualidade está pintado de granate, situado ao carón da parada de autobús, dirección a Carballo. Pois ben, nesa casa foi onde precisamente estableceron o seu domicilio Gerardo Recouso e Josefa Álvarez, máis coñecida como Pepita do Fraile.

   Gerardo e Pepita casaron antes da Guerra e, ao pouco, nace a súa primoxénita Sara, que no momento no que publicamos esta crónica ía camiño dos 97 anos. A familia residía no piso superior do edificio, que tamén foi o lugar no que viviu durante anos un persoeiro que terá protagonismo no futuro nesta bitácora: don Antonio, o mestre da escola de Mosende.

   Os Recouso Álvarez destinan a parte baixa da vivenda a taberna, esas tendas das de antes tipo ultramarinos. “Na tenda tiñamos de todo -recordaba Mucha-. Había a parte destinada a taberna e logo había un pasillo. E despois, iso si, había moita partida. Alí xogábase moito ás cartas. Papá tiña as súas partidas incluso na cociña. Fáloche dos anos 50-60”.

Gerardo Recouso (Cortesía da súa filla Mucha)

   Debeu ser na época de nacemento de Mucha, na primeira metade da década dos 40, cando seus pais constrúen un edificio ao carón da taberna e montan alí un salón de baile, que ía ser coñecido en toda a bisbarra como o salón de Pepita. “Eu teño 83 anos. Supoño que abrirían o salón na época na que eu nacín, ou se cadra algo antes. Non sei o motivo polo que meus pais empezaron nese mundo do artisteo. Se teño que apostar, case che diría que foi mamá porque era una muller con gran iniciativa e moi boa negocianta”.

   A dicir verdade, o salón non era excesivamente grande. Hoxe aínda se intúe perfectamente as dimensións do local, que tiña o palco ao fondo. E despois había o que lle chamaban “o poleiro”, no piso de arriba. Subías polas escaleiras e, polo que recordan varias persoas que bailaron alí, había publicidade nas paredes e un cartel que poñía: “Se prohibe ceder la pareja”. No “poleiro” seica se sentaba xente que miraba para os que bailaban, especialmente nais que non perdían detalle das súas fillas e dos seus pretendentes. Na parte baixa do salón, arredor da pista de baile, había uns bancos de madeira arrimados ás paredes. Pedro Vázquez López, veciño de Lañas nacido en 1934, díxonos que “eses bancos eran bastante grandes e as mulleres que tiñan fillas bailando na pista subíanse a eles para ver con quen estaban bailando as súas fillas (risas)”. Pedro tamén apuntaba que “no salón non había cantina. Se querías tomar un tóspiro había que ir á tenda, que estaba ao lado e era deles”.

   Nos tempos fortes do salón de Pepita facíase baile en xaneiro, polo Ano Novo e tamén polo Santo Amaro dos Mozos (ou dos Novos) e polo Santo Amaro dos Vellos. Ollo! Estamos a falar de grandes bailes, señores bailes que tiñan moita sona en toda a bisbarra. “No salón -rememora Mucha- xuntábase moita xuventude de Lañas, Arteixo, Armentón, Barrañán... Pola Santa Mariña tamén se facía baile no salón os tres días da festa. Recordo que viña xente de todos os sitios. Nalgunha ocasión, cando no salón non se podía entrar de tanta xuventude que se xuntaba alí, pois as parellas bailaban por toda a leira que había pola parte de atrás, e incluso, se ese sitio non era suficiente, tamén se bailaba diante da estación dos troles, que tiña un espazo grandote. Agora hai alí dúas casas que fixera Rozas. Naquela época pola Santa Mariña soamente se facía baile no noso salón. As outras festas non existían. Andando no tempo xa se farían noutros sitios da parroquia”.

   Xunto a de Bértoa, A Laracha e Pastoriza, a de Lañas era unha das catro subestacións de subministración de enerxía eléctrica coas que contaba a liña de Trolebuses Coruña-Carballo, empresa que proporcionaba transporte público entre a cidade da Coruña e Carballo. Operativa dende febreiro de 1950 ata marzo de 1971, foi a primeira liña de trolebús que uniu dúas localidades en España e, con 34 quilómetros, foi a segunda máis longa de Europa (a primeira era a de Yalta, en Crimea, cuns 90 quilómetros). Dos tempos da subestación de Lañas tamén nos falou Mucha, que se acordou dun rapaz da Baiuca que traballaba alí e que non ía tardar en converterse en futbolista profesional. “Na estación de Lañas había xente traballando pero non estaban fixos alí. Cando empezaron a funcionar os trolebuses no ano 50 ou por aí, estivo traballando alí Arsenio Iglesias. Eu era moi pequeniña. Recordo que estaba sempre lendo. Lía moitísimo. Acórdome de ir por alí, para xunto del, e de estar un rato falando con el. Estaba alí de vixiante. Supoño que naquel tempo pararía na taberna de meus pais e, seguramente, tamén bailaría no noso salón. Despois, ao pouco, xa empezou co fútbol.”

Liña de trolebuses A Coruña-Carballo (Ilustración de Xulio Cuba que aparece no libro "Trolebús", coordinado por Xan M. Fraga e editado pola Agrupación Cultural Lumieira)

Cruce de dous trolebuses MAN-AEG diante da subestación de Bértoa, que era case idéntica á de Lañas (Foto do libro"Trolebús", coordinado por Xan M. Fraga e editado pola Agrupación Cultural Lumieira) 

   Sobre o custe da entrada no salón de seus pais, Mucha non recorda o prezo concreto, “pero o que si che podo dicir é que había unha ventanilla onde papá ou mamá vendían as entradas. Despois mamá era a que estaba case sempre na porta do salón. Habitualmente levaba unha faldriqueira7, que era onde gardaba os cartos. Papá non era moito de pelexar co negocio, era moito máis mamá. Papá tampouco despachaba moito na tenda. A negocianta era ela, que foi a que levou a casa, a tenda, o salón... todo! Nós de nenos tamén botamos unha man nos negocios. Eu andaba por alí danzando, e cando fun tendo idade suficiente para poder despachar pois tamén botaba unha man porque era moita xente a que paraba alí. Despois marchei a estudar a Santiago e meu irmán Gerardo marchou para Londres, tamén a estudar e posteriormente xa se buscou a vida e andou polo mundo adiante. Sara, miña irmá maior, estivo unha temporada na casa antes de marchar para A Coruña. Ela, ao ser a máis vella, foi á que máis lle tocou vivir os tempos da taberna e do salón, especialmente no roupeiro”.

   O tema das orquestras que actuaban no salón de Lañas era cousa de Gerardo que, polo que nos contou a súa filla, ía a Coruña a contratalas á Mezquita, un local que estaba na rúa Nova (antes rúa Castelar) no que paraban moitos dos músicos de aqueles tempos.

Na imaxe podemos ver o bar La Mezquita, situado entre La Provinciana e El Español (Facebook Coruña onte e hoxe)

   Mucha recorda con emoción que a seu pai “gustáballe moito estar cos músicos, era moi feliz con eles. Nós eramos moi amigos e tiñamos moita amistade con Antonio O Espallante, que tocaba con frecuencia no noso local, ao igual que O Vencedor, un acordeonista de Barrañán, Os Trovadores, Os Satélites ou os Mallo de Feáns, que eran tres acordeonistas fantásticos. Recordo que os Mallo actuaban no noso local cada dous por tres. Deixaban os instrumentos no salón e despois comían e durmían na nosa casa, porque ao mellor eran dous días de festa. Acórdome que a papá encantábanlle os Mallo. Ía de noite para o salón e un dos temas que tocaban sempre era “Que bonita en nuestra casa de papel”. A papá encantáballe estar alí. Era moi feliz cos músicos. No salón tamén tocaba bastante Pancho, que naquel momento era un trompetista fora de serie, e creo recordar que tamén estiveron nalgunha ocasión El Niño de Soandres ou outros grandes artistas como Pucho Boedo, pero eu non dou fe porque era moi pequena. O que si que che podo dicir é que os bailes que se facían alí eran fabulosos. Naquel momento dicíase que, da Coruña a Carballo, o de Lañas era o mellor salón. Había xente que comentaba iso e que tamén se facían as mellores festas. Iso é o que se dicía. Sempre houbo tradición festeira en Lañas”.

Os irmáns Mallo, Daniel, Antonio e Juan nos anos 50-60 (Foto que aparece no libro "Orquestras populares das Mariñas")

   Outra das grandes estrelas do momento que actuou no salón de Pepita foi a popular Martela. “Eu escoitei que ten cantado alí pero non me acordo de vela porque sería moi nena”, díxonos Mucha. A Martela era o nome artístico de Finita Gay, de quen Xurxo Souto escribe nos seus fantásticos Contos da Coruña8 que foi “a primeira muller que subía a cantar nun escenario. O seu era pura vehemencia vocacional, e case tivo que escapar da casa -alá pola parte de Castelo, en Carral- para conseguir ser artista. Cos seus compañeiros dos Guiliades provocou auténtica conmoción. Mesmo da parte de Ordes e Guitiriz baixaban novos e vellos para contemplar como Finita Gay bailaba a raspitaEn pleno éxito marchou a Venezuela. Alí casou e traballou como modista. Cando tivo os fillos criados, decidiu volver e facer o que de verdade lle prestaba: cantar. Regresou nos oitenta e, nun acto de valentía impresionante, investiu todos os seus aforros nun Café Concerto en Tabeaio: A Martela, nome do lugar onde se criou. Alí a grande estrela era a propia Finita. Recuperou os seus antigos seguidores e triunfou entre a xente nova. Esta loitadora acadara o seu soño. Desgraciadamente, aos poucos anos, en pleno triunfo, morreu vítima dunha rápida enfermidade”.

  Quen si se acorda de ver actuar á Martela no salón de Pepita é Manuel López Torres, nacido en Lañas en 1934. “Aquelo fora un verdadeiro espectáculo, unha actuación que causou furor”, díxonos Manolo.

Finita Gay, A Martela (Cortesía da súa familia)

  A parte da Martela naqueles tempos había outra artista que se chamaba Lolita Santos, cantante da que Mucha pensa “que tamén estivo no noso salón con algunha orquestra”.

  En febreiro de 2025 tivemos a sorte de entrevistar no seu domicilio de Sésamo (Culleredo) a Manolo Bello Souto, o gran acordeonista de Pastoriza (podedes ler a súa crónica aquí: https://cronicasdearteixo.blogspot.com/2025/05/manolo-bello-souto-o-gran-musico-de.html). Pois ben, entre as numerosas anécdotas que nos contou, o salón de Lañas tamén tivo o seu protagonismo: “Toquei unha vez alí co acordeón. Fomos nun Balilla, un coche pequeniño como o 600 pero máis redondo. Fomos tres músicos: un batería só coa caixa, sen bombo porque non había espazo para levar todo, un saxofón e eu co acordeón. Foramos a Lañas a tocar un “ventetú”.

-Oes, “vente tú”, que hai aquí un choio!

-Pois vamos facer unha festa aquí!

-Pois ven ti!

-Canto pagan?

-100 pesetas!

O caso é que a min esa actuación de Lañas quedoume gravada para sempre porque, á volta, subindo pola Choupana, en Pastoriza, Freire, que era o que tocaba a batería, mandou parar o Balilla cando estabamos subindo a costa.

-Para aí!

E o condutor parou no medio da carretera, que daquela non había coches coma hoxe. Alí vivía miña madriña, que na realidade era a madriña de miña nai pero eu chamáballe madriña. Freire baixou do coche a coller uns repolos e unhas coliflores.

-Freire, ¿pero que fas, ho? Esa é a leira de miña madriña!

-Pero Manolito, que máis dan dúas coliflores máis ou menos, home".

   Os bos tempos do salón de Lañas ían durar ata a segunda metade dos anos 60. Pedro Vázquez López díxonos que “cando eu marchei para Inglaterra no ano 1963 o salón aínda funcionaba ben”. Nesa época Pepita e o seu home determinaron facer unha nova vivenda enriba do salón, obra que o pobre de Gerardo xa non chegaría a ver rematada xa que falecería en abril de 1966 con tan só 60 anos.

  A morte de Gerardo ía marcar o principio do fin do popular local de baile no que tantas parellas se prometeran amor eterno. Rematada a obra, Pepita estableceu o seu novo domicilio enriba do salón, que foi onde viviu soa ata que tivo que marchar para A Coruña anos despois por motivos de saúde. Mais antes disto, aínda continuou certo tempo coa tenda, se cadra ata a primeira metade da década dos setenta. Nesa época, o seguinte anuncio que localizamos en La Voz de Galicia, deixaba entrever o futuro da vivenda e do seu negocio:

Se traspasa, arrienda o vende casa con patio y huerta. Ultramarinos y bar, en Lañas-Arteijo. Parada trolebús9.

  Finalmente, Pepita íalle alugar o bar -que foi local social da peña de fútbol- a varias persoas de Lañas e da zona. Segundo os datos que nos facilitou Jaime Traba, alí estiveron Che da Braña, de Paiosaco; os cuñados Fernando de Segundo e Bardancas; Isabel, filla de Fernando de Segundo; Rizo; Pedro de Desiderio; Isabel de Raimundo; e David, o repartidor da Estrella.

Imaxe actual dos edificios onde estivo a tenda e o salón de Pepita

  Pola súa banda, a Asociación de Veciños Fontes Vellas tivo o seu primeiro local social no antigo salón de baile, que xa levaba anos sen ningún tipo de actividade, se cadra dende a segunda metade dos sesenta. Bueno, a dicir verdade, si que tivo algo de vida xa que durante algún tempo foi un pequeno Roland Garros para algúns rapaces. José Ramón Álvarez Cancela recorda que “o salón estivo parado moito tempo e eu de pequeno ía xogar alí ao tenis os domingos con meus primos".

  Julia López díxonos a través do Facebook que “se non me equivoco, a última vez que se fixo baile no salón foi no 79 ou no 80. Os que tocaron alí por última vez foron Os Tarantos. Que ben o teño pasado alí cando era rapaza. Facían o baile polo San Amaro e xa custaba a entrada 50 pesetas”. É probable que Julia se referise a algunha actuación concreta con motivo das festas parroquias e que Pepita cedera o local por tal motivo. Xa nos contaredes nos vosos comentarios se Os Tarantos estiveron alí polas festas de Lañas.

  E despois, como xa dixemos anteriormente, o salón sería o local social da Asociación Fontes Vellas, que ía estar alí ata que o Concello fixo o Centro Social actual, que é o lugar onde a A.V.R.C.D. ten a súa sede dende aquela.

   Despois de residir toda a vida en Lañas, Pepita pasaría os últimos anos da súa vida na Coruña. A súa filla Mucha recorda que “mamá enfermou e sobre o ano 1987 veu vivir comigo á Coruña”.

  Muller adiantada ao seu tempo, incansable traballadora e verdadeiro referente feminino dunha época na que ser muller non era doado, Josefa Álvarez Torres, máis coñecida como Pepita do Fraile, faleceu na cidade herculina o 24 de agosto de 2003. Sirva esta crónica como homenaxe á súa memoria!

Pepita do Fraile (Cortesía da súa filla Mucha)

__________________________________________________

1 Vid. Xurxo Souto (2007): Contos da Coruña. 3ª edición. Edicións Xerais de Galicia, Vigo, páx. 209.

2 Alcume do antroideiro herculino Emilio Golpe.

3 Vid. Xurxo Souto (2007): Contos da Coruña. 3ª edición. Edicións Xerais de Galicia, Vigo, páx. 209.

4 Falecido o 3 de febreiro de 1960 aos 89 anos de idade

5 Falecida o 9 de outubro de 1960 aos 91 anos de idade

6 Jesús, Jenara, Manuel, Marcelino, Perfecto, Ricardo, José, Josefa, Gumersinda, Aurelia, Élida e Benjamín Álvarez Torres.

7 Peto que levaban as mulleres na parte interior da saia, ou ben solto atado á cintura, usado normalmente para gardar os cartos.

8 Vid. Xurxo Souto Eiroa (2001): Contos da Coruña; Vigo: Edicións Xerais, p. 104.

9 Vid. La Voz de Galicia, 6 de xaneiro de 1974, páx. 36.

Ningún comentario:

Publicar un comentario