En Riazor os uruguaios venceron nos dous encontros, que foron duros e co público apupándoos á mínima oportunidade. Cousas do destino, despois daqueles amigables, Uruguai convertiríase no gran dominador do fútbol mundial durante unha década, xa que logo de acadar o ouro en París, faría o mesmo nas Olimpiadas de 1928 celebradas en Amsterdam, e tamén no Mundial de 1930, onde os charrúas obterían, xogando como anfitrións, o campionato do mundo.
Uns días antes da chegada de Uruguai á Coruña, en abril de 1924, fundábase en Meicende a Sociedade Recreativa e Instructiva La Esperanza, sociedade aínda hoxe existente, que xoga os seus partidos baixo o nome de Sporting. Seguramente por mor da súa proximidade á Coruña, onde a rapazada local fora testemuña da efervescencia do fútbol herculino ao acudir habitualmente a ver os partidos que se xogaban nos barrios veciños da Silva, da Moura, do Ventorrillo ou da Grela, Meicende foi, coa creación da Sociedade La Esperanza, o primeiro lugar de Arteixo onde se comezou a xogar ao fútbol dun xeito máis ou menos serio. Entre aquela rapazada, aqueles pioneiros do balón, estaban entre outros, Héctor Núñez e os irmáns Rogelio, Arturo e Manuel Míguez Souto, mozos que nos casos de Héctor e Manuel non tardarían en facer a maleta e emigraren a Montevideo na procura dunha mellor vida. No novo país de adopción, no que non tardarían en crear a súa familia, a paixón polo fútbol dos dous emigrantes de Meicende seguiría intacta e celebrarían, como dous uruguais máis, a vitoria da celeste no Mundial de 1930. Tanto un coma o outro transmitiríanlle aos seus descendentes esa paixón polo deporte rei e, co tempo, dous fillos de Héctor, Raúl e Héctor, chegarían a ser futbolistas profesionais, este último cunha brillante carreira no Nacional de Montevideo e no Valencia C.F. O caso de Manuel non sería menos. Curiosamente, un dos seus fillos tamén chegaría a ser profesional e o mellor do conto é que aínda hoxe é lembrado coma un dos mellores xogadores uruguaios de todos os tempos. Estamos a falar de Óscar Omar Míguez Antón.
Nado o 5 de decembro de 1927 en Montevideo, o "Cotorra" Míguez (alcume que lle quedaría por mor dunha gorra verde que usaba na súa infancia) comezaría a xogar no Araicuá e despois dun campionato de menores organizado pola IASA (Institución Atlética Sud Americana) en 1943, entraría a formar parte das divisións inferiores deste equipo xunto con Alcides Ghiggia e Antonio Sacco, o seu amigo da alma. A finais de 1947, despois dun partido soberbio no que Míguez marcara tres goles, comunícanlle que o Peñarol estaba interesado en facerse cos seus servizos para xogar en Terceira co segundo equipo. O soño da súa vida estaba a piques de facerse realidade. O inglés Randolph Galloway, naquela hora adestrador do primeiro equipo, logo de observar as calidades técnicas do "Cotorra" e quedar asombrado con elas, non tardaría en dicir: "Este chico es mucho para Tercera; mándenmelo a mí", e subiríao inmediatamente ao primeiro equipo. Esa confianza que Galloway depositara nel traducíase cada partido en goles, feito que levaría ao "Cotorra" a ser o goleador do campionato daquel ano de 1948, o do seu debut en Primeira División, anotando 8 tantos ata que houbo unha folga de xogadores que paralizou a competición. Míguez tamén sería o máximo goleador do campionato seguinte, o de 1949, no que formara parte daquel magnífico equipo onde brillaran, xunto a el, Alcides Ghiggia, Juan Schiaffino, Juan Hohberg e Vidal, futbolistas que pouco tardarían en darlle unha inmensa alegría a súa nación: o famoso "maracanazo".
O "Cotorra" debutou coa selección uruguaia o 30 de abril de 1950, nun partido amigable de preparación para o Mundial de Brasil disputado en Río de Janeiro ante Paraguai, partido no que tamén xogara coa celeste Hugo Villamide, galego de Carballo, e que os charrúas perderon por 3-2.
La Voz de Galicia, 11 de xullo de 1950 |
O día 2 de xullo, Uruguai xoga o primeiro partido do Mundial e gaña por 8-0 a Bolivia con goles de Ghiggia, Vidal, Pérez, dous de Schiaffino e tres de Míguez, vitoria que clasificaba á celeste para a serie final, na que se enfrontaría por sistema de liguiña a Suecia, España e Brasil, os campións dos outros tres grupos. No primeiro partido desta liguiña final, os charrúas empatan a dous goles con España e no segundo vencen, despois de chegar ao descanso con 1-2 no marcador, a Suecia por 3-2, con goles de Ghiggia e dous de Míguez. E chegamos á tarde do 16 de xullo de 1950 coa derradeira xornada. Aos brasileiros chégalles cun empate para ser campións do mundo. Os uruguaios teñen que gañar para selo. Na véspera daquel partido decisivo, a concentracción da canarinha fora transformada en sede política e trampolín para a promoción persoal. Os xogadores andaban de brazo en brazo, sempre cun fotógrafo ao carón, para mostrarlle ao pobo que o candidato político X era amigo de Ademir, de Zizinho, de Jair...A vitoria era unha esixencia de honra nacional e dábana por feita. Na concentración brasileira e nos seus arredores só había festa, foguetes e barullo, moito barullo. Ninguén durmiu naquela noite e, segundo a revista Placar Magazine, moito menos os xogadores.
Brasil e Uruguai saen ao campo. Moita xente de Meicende está pendente do transistor para saber o que fai o rapaz dos "Mighés". Durante os primeiros 45 minutos os anfitrións puxeran cerco a unha férrea defensa uruguaia soberbiamente controlada polo grande Obdulio Varela e cun sobresaínte Máspoli no marco. Catro minutos despois da reanudación, un fallo na defensa celeste permite a Brasil adiantarse no marcador por medio de Friaça. Maracaná vénse abaixo e, agora si, os seareiros da canarinha agardan por un diluvio de goles que nunca chegaría. E pasou o que ninguén contaba. Uruguai adianta a posición de Obdulio Varela e entra máis en xogo e, aos 65 minutos, abren un balón á dereita a Ghiggia. O pequeno extremo centra sobre Schiaffino quen, desmarcado, bate a Barbosa co seu xute (1-1). O empate seguíalle valendo a Brasil para ser campión do mundo mais, faltando once minutos para o remate do partido, Ghiggia recolle un pase retrasado de Pérez e anota o 1-2 definitivo. Os 200.000 seareiros parecían feitos de pedra, insensibles a reaccionar aos xestos de alegría dos futbolistas uruguaios. Dez minutos despois toda a nación do Brasil estaba de loito.
O "Cotorra" deixou unha grande impresión no campionato, onde o seu soberbio fútbol converteuse en lenda pola rapidez mental e un dominio pouco común da pelota, con goles e remates a porta de chilena ou de rabona e recibiría varias propostas do fútbol europeo. Mais rexeitaría as ofertas, xa que sempre priorizou o seu amor polo Peñarol, equipo co que conseguiu o campeonato uruguaio en 1951, 1953 e 1954. Neste último ano participa con Uruguai no Mundial de Suiza, onde anota un dos dous goles que a celeste lle endosou a Checoslovaquia no primeiro partido da primeira rolda. No segundo enfrontamento desta fase inicial, Uruguai vence a Escocia por 7-0 con tres goles de Borges, dous de Abbadie e outros dous do "Cotorra", resultado que lle daba o pase a cuartos de final, no que vencen a Inglaterra por 4-2. A celeste estaba en semifinais. A Hungría de Kocsis e Puskas era o rival para pelexar por un posto na final. O "Cotorra" chegaba a este partido decisivo no seu mellor momento de forma mais, lamentablemente, os caprichos infantís dalgúns dirixentes da federación, que non foran quen de manexar con coherencia un problema leve na concentración da selección, levarían a Míguez a ser apartado do equipo acusado de indisciplina e non xogaría ante os húngaros. Uruguai perdería 4-2 no que para moitos foi o mellor partido da historia dos mundiais. Os húngaros gañaban por 2-0 cando só faltaba un cuarto de hora para o remate, mais no minuto 75, Hohberg, que sería adestrador de Uruguai en 1970, anota o 1-2 e a tres minutos do final do partido repetiría a faena. O once sudamericano aínda tería ocasión de gañar aquela semifinal xa que, no tempo de desconto, unha pelota de Schiaffino quedaría no barro, a poucos centímetros da liña de gol, co porteiro húngaro xa batido. Dous goles na prórroga de Kocsis, máximo goleador do Mundial con 11 tantos, daríanlle o pase a Hungría á gran final. O equipo uruguaio despediríase do Mundial de Suiza xogando o partido polo terceiro e cuarto posto contra Austria, partido que a celeste perdería por 3-1 con Míguez formando parte do once titular.
O "Cotorra" Míguez |
Nas semanas posteriores á cita mundialista, tanto o F.C. Barcelona, como o Valencia e o Milán tentaron fichar ao "Cotorra", mais el, logo de que os tres equipos chamaran varias veces á súa porta, seguiría sendo fiel ás cores do Peñarol.
Dous anos máis tarde, entre o 21 de xaneiro e o 15 de febreiro de 1956, Arxentina, Brasil, Chile, Paraguai, Perú e Uruguai disputan en Montevideo, por sistema de liguiña, a Copa América. Míguez, con vinte e oito anos acabados de cumprir, anotou nos tres primeiros partidos de competición, marcando un dos catro goles da vitoria (4-2) de Uruguai diante de Paraguai, outro no 2-0 contra Perú e, outro tanto máis, no 2-1 a Chile. Os charrúas, cun empate a cero goles na penúltima xornada con Brasil, e unha victoria pola mínima (1-0) na última diante de Arxentina, gañaron aquel campionato no que o "Cotorra", en plan estelar durante os cinco partidos, sería elexido o mellor xogador do torneo.
Nos últimos anos da década dos cincuenta, 1958 e 1959, conseguiría dous torneos ligueiros máis co Peñarol. O último deles foi o do seu adeus definitivo do equipo dos seus amores co que disputaría, entre os anos 1948 e 1959, 137 partidos e anotara 107 goles. A súa impecable media anotadora vestindo a camiseta negra e amarela foi de 0,78 goles por partido. Uns meses antes, o 30 de abril de 1958, xogaría o seu último encontro coa selección nun amigable en Bos Aires contra Arxentina que os uruguaios perderían por dous goles a cero. Coa celeste xogou 39 partidos e anotou 28 goles entre 1950 e 1958, deixando para o recordo xogadas e tantos inesquecibles, como as súas clásicas chilenas e rabonas. Con eses 28 goles é un dos máximos artilleiros coa selección no profesionalismo e ademais, a día de hoxe, segue sendo o máximo goleador de Uruguai na historia dos mundiais con oito tantos (5 en Brasil 1950 e 3 en Suiza 1954).
Míguez con Pelé |
En 1960, xa ao final da súa carreira deportiva, Míguez vaise ao Perú, onde xogaría seis meses no Sporting Cristal de Lima baixo as ordes do arxentino Carlos Peucelle e o peruano Víctor Pasache, con quen terminaría terceiro no campionato ligueiro dese ano 60 anotando 10 goles en 18 partidos. O "Cotorra" axudaría a que o Sporting Cristal medrara, o que permitiría ao club gañar na tempada seguinte o seu segundo campionato do Perú. Na súa estadía peruana, unha noite chegou ao hotel no que se hospedaba un mozo brasileiro e pediu que lle presentasen ao "Cotorra". Simplemente quería coñecer ao sensacional futbolista que lle amargara a infancia cando vivía no interior do estado de Minas Gerais e oía pola radio a debacle dos brasileiros no Mundial de 1950. Aquel mozo non era outro que Edson Arantes do Nascimento, coñecido mundialmente por Pelé.
No ano 1961, o noso protagonista volta a Uruguai, onde ficha polo modesto Rampla Juniors xunto a outra gloria do fútbol, o arxentino Ángel Labruna. Durante a tempada o club sufriría para manter a categoría e, finalmente, remataría o campionato nun decepcionante sétimo posto. Óscar Omar Míguez Antón, o fillo daquel emigrante de Meicende que chegara a Montevideo nos anos vinte, poñería fin a súa carreira deportiva en 1962 no Colón Fútbol Club, equipo da Segunda División uruguaia. Mais a saga dos Míguez continúa, xa que Pablo, un dos fillos do "Cotorra" (tívoo con 60 anos), é tamén futbolista profesional. Tras debutar en 2008 co equipo uruguaio do Danubio e xogar durante dous anos en Arxentina co Unión Santa Fé, Pablo Míguez defende actualmente as cores do Alianza de Lima.
O que para moitos foi o mellor 9 de Uruguai de todos os tempos faleceu, con 78 anos, o 19 de agosto de 2006 por mor dunha crise cardíaca. Os seus restos descansan no Panteón dos Olímpicos no cemiterio do Buceo de Montevideo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario