No ano 2006 a empresa "Hijos de Rivera" e o buque insignia do
negocio, a cervexa "Estrella Galicia", celebraban os seus primeiros cen
anos rendíndolle tributo á tenacidade e ao enxeño do bisavó, José María
Rivera Corral, un home que non tardaría en amosar a súa valía como
empresario ao instalar, a principios do pasado século XX, a centralita
de telefonía local da Coruña, case ao mesmo tempo que fundaba a fábrica
"La Estrella de Galicia", dedicada á fabricación de cervexas e tamén á
elaboración do xeo que abastecía á industria do pescado da cidade
herculina. O nome escollido rememoraba o que fora o seu negocio en
Veracruz (México) "La Estrella de Oro" en Veracruz (México), a onde
emigrara uns anos antes.
Aquel ousado mozo, cheo
de soños e ambicións, que apostaba por un producto de consumo moi
reducido naqueles tempos, principiaba daquela a andaina do que hoxe é
"Hijos de Rivera", a primeira empresa cerveceira galega, cuarta de
España, que ten presencia en máis de 40 países de todo o mundo e que no
2014, o seu mellor ano, vendería algo máis de 170 millóns de litros de
cervexa cunha facturación de case 280 millóns de euros.
Coa creación en 1906 de "La Estrella de Galicia", José María Rivera
Corral daba boa conta dos aforros que fixera na emigración vendendo unha
bebida semellante á orchata. Alí, a Veracruz, chegara sendo case un
neno por decisión de seus pais, que o enviaran nun barco para "facer as
Américas" logo de vender unhas terras próximas á As Pontes, de onde eran
naturais, para pagar a pasaxe do seu fillo. O curioso do conte é que
José María non era cerveceiro, aínda que si vira como era o negocio en
México, e preocuparíase de que o seu fillo Ramón, a segunda xeración, si
o fora. Para tal fin, enviaríao a estudiar primeiro a Francia e logo a
Alemaña e, dende entón, a compañía non pararía de mellorar...pero ¿cal é
a relación que "Hijos de Rivera" ten con Uxes?
Pois ben, logo de estudiar ciencias comerciais na universidade de
Hamburgo e converterse, na década dos vinte, nun dos primeiros españois
en conseguir a diplomatura en Mestre Cerveceiro, Ramón Rivera iniciaría o
proceso de mecanización da fábrica, profesionalizando e mecanizando a
producción. Para tal fin adquire unha sala de cocementos, tinas de
fermentación e tanques metálicos para almacenar a cervexa. Estos cambios
permitirían atender satisfactoriamente os aumentos de demanda, xurdida
como consecuencia dun proceso ininterrumpido de paulatina aceptación
popular que levarían a que o principal producto da empresa, a cervexa,
puxera rumbo á excelencia na que está asentada actualmente. É aí, neses
anos vinte, cando os Rivera compran en Uxes máis de 1.500 ferrados de
terreo, unha extensión denominada "Montanar" que chegaba á Zapateira e
na que empezarían a traballar alguns veciños da parroquia.
Os Rivera en Uxes. La Voz, 20.11.1925 |
Trala crise que supuxo a Guerra Civil e a dura
etapa dos anos da posguerra española, os Rivera aguzarían o enxeño para
conseguir unha das materias primas da cervexa, o lúpulo, e xunto ao
director da Granxa Escola da Coruña e un par de agricultores de Betanzos
poñerían en funcionamento un programa experimental do cultivo desta
planta, que tanto escaseaba dende o remate da I Guerra Mundial.
A granxa experimental da Coruña sería o lugar onde se empezarían a
plantar as primeiras plantas que, parece ser, se trouxeran procedentes
de Gran Bretaña, feito que convertía a Galiza en pioneira do seu cultivo
e, en pouco tempo, nunha das zonas de maior producción. Nesta época a
empresa empezaría unha profunda remodelación basada na automatización da
maior parte do proceso de producción, o que supoñía o abandono
definitivo dos métodos artesanais na elaboración da súa cervexa. Son
tempos nos que a familia Rivera da traballo, nas súas instalacións da
Coruña, a varias persoas de Uxes, lugar onde teñen a súa casa de campo e
onde, según informa o xornal La Noche nas súas páxinas do 16 de
novembro de 1946, Ramón Rivera tamén cultivaría lúpulo nos terreos de
"Montanar"..."como resultado del concurso de cultivo y producción de
lúpulo organizado por esta Cámara Oficial Agrícola para el corriente
año, se distribuyeron entre los agricultores que se dedican al cultivo
de dicha planta, los siguientes premios: En la Sección A,
correspondiente a plantaciones de primer año, se dió un primer premio de
1.500 pesetas a don Ramón Rivera Illade, de Ujes (Arteijo)...",
polo que é de supoñer que os Rivera contratarían man de obra da
parroquia para o cultivo e producción da planta nos terreos de Uxes.
Fábrica de Catro Camiños (Foto Estrella Galicia) |
A empresa seguiría coa súa liña ascendente e
nos anos sesenta, ao acadar a producción os dez millóns de litros, faise
patente a necesidade de construir unha fábrica de maior capacidade.
Na década dos setenta, na que os Rivera venden os terreos de "Montanar"
a unha familia de Lugo, José María e Ramón, netos do fundador, asumen a
dirección da empresa e, por necesidades de espacio, deciden abandonar
Catro Camiños e trasladar a fábrica ao Polígono da Grela. O 30 de
novembro de 1972 realizan o primeiro cocemento nas instalacións actuais
nas que, xeración tras xeración, os Rivera seguirían dando traballo a
moitos veciños da parroquia, en moitos casos grazas á intervención dos
Pelayo, os caseiros da familia en Uxes. A antiga fábrica de Catro
Camiños convertiríase nunha cervexería emblemática, que segue
funcionando actualmente servindo máis de dous millóns de cañas ao ano.
Hoxe, se collemos o camiño que nos conduce á capela do Espíritu Santo, é
dicir, a rúa Carmen do Casillo, podemos ver a casa que os Rivera seguen
conservando en Uxes, xusto ao carón da rúa que a familia ten dedicada
no lugar, a rúa Rivera. Pero a vinculación coa parroquia non queda aí,
xa que os Rivera tamén teñen un panteón no cemiterio de Morás.
Imaxes da casa da familia Rivera en Uxes
Ningún comentario:
Publicar un comentario