mércores, 17 de febreiro de 2016

DORA VÁZQUEZ, A MAESTRA DE LARÍN

     A pegada de Dora Vázquez en Larín, lugar onde exerceu de maestra durante quince anos, segue a estar moi presente en Arteixo xa que o seu grato recordo, tanto entre o seu alumnado como coa veciñanza, aínda é, medio século despois de que abandonara a escola unitaria do Mirón, motivo de conversa na parroquia.
Dora Vázquez

     Nada en Ourense o 21 de agosto de 1913, Dorinda Remedios Vázquez Iglesias fai os seus primeiros estudos na Coruña, cidade na que residie dende os seis ata os trece anos polo destino de seu pai, que era funcionario de Correos. Logo da estadía herculina, a familia volta a Ourense, onde aos dezasete anos Dora ingresa na Escola Normal de Maxisterio, recibindo o Primeiro Premio de Ingreso. Faise maestra nacional no ano 33 e exerce na parroquia de Teimende, Parada do Sil (Ourense) durante dezaoito anos. Posteriormente, en 1952, a súa profesión achegaríaa a Larín, onde tamén imparte clases o seu marido Antonio Rodriguez, el na unitaria de nenos e ela na de nenas.
  
     A escola unitaria de nenas estaba no lugar de Mirón, nun local que era propiedade de Maripepa da Estanqueira, unha muller que, na figura de Marixuana, convertiríase en protagonista da novela "Bergantiñá" da autoría de Dora Vázquez...porque Dora, ademais de maestra, era unha muller cun enorme potencial artístico.

     Dende a súa xuventude, se cadra polo amor á poesía de seu pai, a nosa protagonista sentiría afeccións literarias que a conducirían a publicar con certa frecuencia artigos no xornal compostelano La Noche en 1948 e, co tempo, tamén colaboraría en El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, Vida Gallega, Vagalume, Arquero, Céltica, Faro de Vigo, en revistas profesionais como El Magisterio Español e Escuela Española, en poéticas como Poesía Hispánica, Poesía de Venezuela e outras esporádicas e americanas. Tamén escribiría no Diario El Universal, Páginas e Vida y Letras de Caracas, e nos prelos da emigración en América en prosa e en verso. Ademais, Dora Vázquez colaboraría no Noticiero informativo galego na emisión radiofónica "Sempre en Galiza" e no Boletín da Sociedade da "Irmandade Galega" de Caracas. En Galiza faría o propio en Radio Nacional de España, A Coruña, na "Emisión Bazar", 1956-1957, período no cal levaba xa varios anos dando clases en Larín.
Na escola Unitaria de Larín

     Escritora de poesía, teatro e narrativa fundamentalmente en galego pero con obra tamén en castelán, Dora Vázquez está considerada dentro da primeira xeración de escritores da posguerra e, durante a súa traxectoria, recibiría varios premios en certames de xogos florais, de vilancicos e, sobre todo, de poesía, algúns deles de carácter estatal.  Os nenos e nenas son os principais destinatarios da súa obra, que se compón de arredor dun millar de traballos, artigos e poemas desparramados en diversos medios, unha obra que está moi mediatizada polo feito da súa profesión de maestra co que fai un gran instrumento moralizante e didáctico daquilo que escribe.

     Permanece como maestra en Larín ata 1967, ano no que colle voluntariamente a xubilación  por motivos de saúde e no que volta ao seu Ourense natal onde, xa xubilada, colabora en La Región e no Correo Gallego.

     A Deputación Provincial de Ourense crearía un Premio de Narrativa e Ilustración Infantil e Xuvenil co nome de Pura e Dora Vázquez, en honor ás dúas irmás, co obxectivo de renderlles homenaxe e recoñecer a súa traxectoria no mundo da cultura ourensana. A Concellería da Muller do concello de Arteixo tamén crearía, en 2003, o Certame Xornalístico Dora Vázquez, un premio que nacera como espazo para dar visibilidade ás opinións das mulleres e para promocionar a igualdade pero, despois de once anos de existencia, casualmente cando se cumpría o centenario do nacemento da antiga maestra de Larín, o Certame desaparecía do panorama cultural de Arteixo.
Dora Vázquez, en Arteixo no Certame que levaba o seu nome (La Opinión)

   Catro escritores e unha escritora dan nome ás cinco bibliotecas que temos no concello: Antón Castro á de Meicende; Miguel Sande á de Pastoriza; Francisco Vidal á de Froxel; Henrique Rabuñal á de Arteixo e, Dora Vazquez á de Solimar, unha Dora que falecería no seu Ourense natal o 23 de setembro do 2010.



FONTES:
-AELG (Asociación Escritoras/Escritores en Lingua Galega)
-"El Dora Vázquez escribe su última línea". Antares Pérez. La Opinión A Coruña
-"Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil". Manuel Blanco



Ningún comentario:

Publicar un comentario