O martes 11 de maio de 1971 os informativos da BBC e os principais xornais británicos informaban con verdadeiro estupor sobre o incendio que se producira durante a madrugada no Hotel New Langham de Londres. Un sinistro no que perderan a vida oito persoas, catro delas emigrantes galegos que traballaban no servizo do propio hotel: Francisco Martínez Fernández e Dolores Albela Sierra, matrimonio de Mazaricos (A Coruña) que eran pais dunha nena de nove meses, e Manuel López Pombo e María del Carmen Aldao Lista, parella da que nos lembramos nas Crónicas de Arteixo desta semana.
![]() |
| Manuel e Mari Carmen en Londres (La Voz de Galicia, 12 de maio de 1971) |
Manuel, de 35 anos de idade e natural da Lagoa (Sorrizo), era o maior de oito irmáns e quedara orfo de nai de moi cativo. Mari Carmen, dous anos máis nova que o seu marido, era nativa de San Román (A Laracha). Os nosos tristes protagonistas vivían en Lañas cos seus tres fillos: María Azucena, de 7 anos; Juan Manuel, de 4; e Fernando, de 2.
Antes de emigrar a Londres, Manuel choiou durante un tempo nunhas obras no Polígono de Sabón cunha empresa de construción na que, tempo despois, tamén traballarían dous irmáns seus.
En 1969 Manuel e Mari Carmen deciden facer a maleta da emigración co obxectivo de xuntar algúns cartos para construir unha casa en Lañas, vivenda que no momento do lamentable sinistro xa estaba moi adiantada grazas aos periódicos xiros que foran enviando dende a súa marcha a Inglaterra.
Cando emigraron, os seus fillos maiores, María Azucena e Juan Manuel, quedaron coa bisavoa da Lagoa, onde tamén vivían o pai de Manuel e seis irmáns deste. Ao fillo máis novo, Fernando, deixárono cunha señora de Arteixo.
Nuns tempos nos que a comunicación era a que era, Manuel e Mari Carmen escribían con frecuencia á casa dos seus familiares para saber como estaban os seus cativos. Na última carta recibida na Lagoa os cónxuxes informaban que cambiaran de vivenda en Londres e dicían que a seguinte carta lla remitiran á nova dirección, que non era precisamente a do hotel no que tristemente falecerían aquel 10 de maio de 1971.
Sorprendentemente, case dous días despois do incendio, a familia non tiña información algunha sobre o acontecido na capital británica, feito do que daba fe La Voz de Galicia do seguinte xeito:
Anoche nos entrevistamos con el padre de Manuel, don Augusto López Costa, de unos 60 años, y nada sabía de la desgracia, ocurrida. El hombre nos habló de sus hijos y dijo que eran muy trabajadores y que, desde que marcharon, siempre habían mantenido trato con ellos.
Los vecinos de la familia, al tener noticia de la desgracia, quedaron profundamente impresionados. Nos dijeron que todos los miembros de la familia de don Augusto López son personas atentas y trabajadoras, si bien no mantenían mucho trato con los vecinos, quizá porque el padre de Manuel no se dedica a otra cosa que a trabajar para sacar adelante a todos sus hijos y nietos.
La noticia, pues, ha causado hondo pesar en la vecindad, y a varios vecinos, al saber la muerte de Manuel y de María del Carmen, se echaron a llorar, solicitando de nosotros detalles acerca de la tragedia.
Fuimos, por tanto, impensadamente transmisores de una desgracia verdaderamente impresionante y, por sus características, singularmente cruel1.
Unha semana máis tarde, Jack Candlish, inspector xefe de Scotland Yard, informaba que o incendio fora provocado e que principiara no piso baixo do inmoble, lugar onde o causante do mesmo barrufara, cunha substancia inflamable, gran parte do cuarto destinado a gardar mobles e utensilios do hotel.
Despois de que o criminal prendera lume, as lapas rapidamente se estenderon polo resto do andar e, subindo pola vella escaleira de madeira, non tardaron en chegar aos pisos superiores. Dada a antigüidade do edificio e os materiais facilmente inflamables que contiña, as lapas estendéronse de forma imparable en poucos minutos, sen dar opción a salvarse aos que durmían naquel intre nos pisos altos do hotel, entre eles Francisco, Dolores, Manuel e María del Carmen, os catro galegos mortos no incendio.
![]() |
| La Voz de Galicia, 12 de maio de 1971 |
(...CONTINUARÁ)
_________________
1 La Voz de Galicia, 12 de maio de 1971, páx. 15.


Ningún comentario:
Publicar un comentario