luns, 13 de maio de 2024

AS CAPELAS DE UXES E A ORIXE DAS FESTAS NA HONRA DO ESPÍRITU SANTO

  Con motivo das Festas do Espíritu Santo que a veciñanza de Uxes, Souto, A Estación, Freán, As Roxiñas e A Zapateira celebra os días 16, 17 e 18 de maio, nas Crónicas de Arteixo desta semana aproveitamos a ocasión para elaborar un dos nosos pratos favoritos, unha receita cociñada cos ingredientes que máis gustan nesta bitácora: festa, tradición e historia.

  O ingrediente principal da receita de hoxe é a antiga capela do Espíritu Santo, da que tivemos coñecemento por información oral na zona de Uxes, ademais de verificar a súa existencia pola documentación e planos do século XVIII e XIX. 

 

Plano do ano 1864 na que podemos observar a situación da antiga capela do Espíritu Santo (Arquivo do Reino de Galicia)

   Esta pequena ermida estaba situada ao carón do Camiño Real da Coruña a Bergantiños que, naqueles tempos pretéritos, era un dos principais vieiros da bisbarra. Mesmo transitou por el o Padre Sarmiento, como así o describe este persoeiro na súa obra “Viaxe a Galicia de 1745” na que tamén fai referencia á ermida do Espíritu Santo. Segundo os lugares do seu percorrido, o camiño recibía diferentes denominacións: Camiño Vello, Camiño General, Camiño de Orro, Camiño dos Montañeses…

  Grazas aos estudos realizados por Ana Filgueiras Rey e Tomás Rodríguez Fernández para o Plan Director do Castro de Elviña, temos abondosa información sobre esta antiga capela. Trátase dun dos principais referentes míticos da zona. Situábase no Monte das Arcas, no antigo deslinde da parroquia de Orro (Culleredo), Elviña (A Coruña) e Morás (Arteixo) hoxe desprazado á zona onde están as instalacións do Campo de Golf da Zapateira. Era tamén o derrego do Couto de Vilaboa, pertencente ao Duque de Béjar, conde de Lemos, e a xurisdicción real. Verificamos a súa existencia tanto por información oral como polas fontes documentais consultadas (ano 1776) nas que ademais indícase a existencia dun marco situado no adro da capela, marco de deslinde das tres parroquias nomeadas anteriormente” 1.

    Dada a súa situación, nunha confluencia de camiños, umbral… e nas inmediacións do sector central da necrópole de túmulos funerarios prehistóricos, particularmente onde se ubicaban os túmulos de maiores dimensións, non descartamos a posibilidade de que a ermida ocupara un lugar cun culto anterior, sendo cristianizada co Espíritu Santo, advocación posterior ao Concilio de Trento2.

    “Hoxe en día a celebración do Espíritu Santo varía no tempo, ou como se di na zona O Espíritu Santo sube e baixa, porque nunca cae a festa no mesmo día, vai coa Pascua de Pentecostes que tarda sete semanas de unha a outra, así pode cadrar no mes de maio ou no mes de xuño3.

     Segundo documentación do ano 1751 sabemos que esta capela estaba construída en terreos da casa de Feáns pertencente á parroquia de San Vicenzo de Elviña, por tanto sería propiedade da devandita casa. Posteriormente, en virtude dun casamento entre familias pasaría a formar parte do patrimonio da denominada Casa do Río, posiblemente do lugar de Freán (Arteixo) de aí que hoxe en día estes terreos pertenzan á parroquia de Morás (Arteixo)”4.

    Parece ser que a antiga capela tiña unha romaxe á que acudía moita xente da montaña, levaban o xantar e despois da misa comían á sombra polos campos. Tamén tiña perto unha fonte, a Fonte do Espíritu Santo, á que acudían os ofrecidos para sandar andazos das pernas, brazos, etc. Hai unha lenda que di que nunha viaxe santoral ata Uxes, cando pararon para repousar nunha fonte, a súa auga fíxolles coller azos para proseguir, fonte que sería bautizada como a do Espíritu Santo. Ignacio Maceiras, veciño de Souto e membro da comisión de festas, recorda que “polo que me contou hai anos a xente maior da parroquia, a capela estaba por encima da nave abandonada que hai alí no monte. Moi cerquiña da capela estaba a fonte do Espíritu Santo, que tamén é o nome que recibe o monte que está por debaixo da urbanización Valle Sur, a Restreba5 do Espíritu Santo”. 

 

A antiga capela do Espíritu Santo estaba na zona que hoxe ocupa esta nave abandonada

    Por si todo isto fora pouco, segundo o testemuño de Ignacio Maceiras, nas inmediacións do lugar onde estaba a capela existen outros referentes míticos como A Fonte do Santo; o Porto da Trabe, onde nace o río da Trabe6, topónimo con claras resonancias míticas, curso de auga que descende polos polvoríns de Culleredo para ir dar á Acea de Ama xa no Burgo; e a Cancela do Espíritu Santo, topónimo que denota a hipotética existencia neste punto dunha cancela, real ou simbólica, indicando o umbral ou deslinde territorial que habería que atravesar.

    A información que nos foi proporcionada por varias personas do lugar de Uxes (Arteixo) coinciden en apuntar que A cancela do Espíritu Santo recibe este nome porque alí foi onde apareceu o Espíritu Santo, na finca que denominan de Montanar (Arteixo) no deslinde co monte de Arteaga (Culleredo). Na actualidade non quedan vestixios nin da cancela nin da capela, no seu lugar hai as ruínas de unha nave de tipo industrial que segundo parece tiña utilidade deportiva. Nas inmediacións do lugar foi erixida unha urbanización que leva o nome alusivo do Espíritu Santo”7.

    Tamén resultan de interese os datos que nos aportou para esta investigación Manolo García Castro, referente na defensa do patrimonio do Concello de Culleredo (nas RR.SS., Bregua Culleredo). “Estiven falando -contounos Manolo- con Pepe de Caián e díxome que cando era neno recorda que alí, na zona da capela, había unha pedra de cantería cun rebaixe tipo batente dunha porta e tella polo chan. Chamábase a Portela do Espíritu Santo e contoume que as mulleres presignábanse cando pasaban a súa altura. Poideron variar o antigo camiño coa construción da carretera. Pepe de Caián cre que desfixeron o que quedaba cando fixeron a pista”.

   Como curiosidade da zona da que estamos a falar, salientar que nas actas municipais da sesión do 6 de novembro de 1871 consta unha instancia de varios veciños da parroquia de Morás para que se establecera unha feira no lugar de Uxes, xunto á antiga capela do Espíritu Santo, “de toda clase de ganados que ya hubo antiguamente”8.

    Nos últimos tempos os terreos onde se asentaba a capela eran propiedade dunha casa grande de Uxes, coñecida como a de Montanar, que se reconvertiría en fábrica de xabón. Posteriormente será residencia de verán da familia Rivera, os fundadores da Estrella Galicia. Segundo as testemuñas dalgún veciño, a Capela do Espíritu Santo foise arruinando porque a familia dos de Montanar non eran moi católicos e tíñana descoidada, así foi derrubándose polo que houbo que trasladala a Uxes, tanto as pedras da capela do monte como as imaxes que tiña, entre elas a imaxe do Espíritu Santo vello. Desde aquela a capela do lugar de Uxes, antes dedicada a San Antonio, pasou a ser a nova capela do Espíritu Santo. Un home vello de Uxes comentounos que esta capela foi construída por canteiros de Vilaboa porque acordábase das obras seu avó, a máis que morrera un home que caera cando estaba traballando nela. Outra imaxe trasladada foi a de San Bartolomeu, que unha vez en Uxes foi roubada deixando ciscada a do Espíritu Santo quizais por considerala de pouco valor xa que é unha imaxe pequena. Segundo nos contou unha muller o seu avó e tres veciños máis mercaran a nova imaxe do Espíritu Santo porque lles tocara a lotería. Sobre isto hai certa desconformidade xa que a imaxe do Espíritu Santo vello hai poucos anos que foi relegada á sancristía mentres que a nova colocouse na fachada: “Pero que puxeran aos dous xuntos que peghar non se pegharían”. A imaxe “… pesa moitísimo, e cando alghún ano disque non chovía, xa había moito tempo que non chovía e facía falta que chovera levárono a Morás, levárono á parroquial e tuvo que quedar alí dous días que non parou de chover”. (Muller de Uxes de 71 anos)”9.

    Deixamos tamén aquí o testemuño de Carlos Villar, que nos contou que "a capela de San Bartolomé e San Sebastián era outra capela situada na zona de Uxes. A que agora é a do Espíritu Santo, na súa fundación tiña advocación a San Antonio. Na parroquia de San Estebán de Morás existían máis capelas". A situación na que estaba a capela de San Bartolomeu tena localizada Manolo García Castro, que tamén nos dixo que encontrara unha posible base dun cruceiro "do outro lado da carretera, no monte do cruceiro".

  Sobre a antiga capela do Espíritu Santo, a día de hoxe en Uxes aínda se poden ver restos deste pequeno templo nalgunha das casas do lugar, caso da escultura pétrea dunha pomba, que disque representa á pomba do Espíritu Santo. Na procura de información sobre este tesouriño, do que inicialmente nos falara o amigo Carlos de Morás, Manolo García Castro e un servidor conversamos con Fernando Fraga Alvarellos diante do seu domicilio de Uxes, lugar no que se conserva a devandita pomba. Fernando contounos que “os vellos dicían que as pedras desta casa viñeran da capela vella; cando era neno acordo que había máis pedras traballadas, unha delas parecía que tiña os dedos dunha man.”

 

Pomba que estaba na antiga capela e que supostamente representa ao Espíritu Santo. Podémola ver  na fachada dunha casa de Uxes

    Dende a desaparición da antiga capela ata a actualidade, tanto o seu pasado coma a orixe das festas na honra do Espíritu Santo só sobreviven nas faladurías e nas lembranzas dos maiores do lugar, nos contos que se foron transmitindo de xeración en xeración.

   Segundo as informacións de Santiago Sande Mañana, cando a capela nova mudou a advocación de San Antonio pola do Espíritu Santo, dende os primeiros anos comezou a facerse unha romaría na Pascua de Pentecostés, celebración que duraba todo o día do luns e na que as mañáns dedicábanse á misa, as tardes ao xantar e á merenda, e as noites á festa. Seica acudía moita xente de Culleredo, da Coruña, de Arteixo e, coa chegada do tren nos anos corenta, tamén se achegaban numerosas persoas de Meirama, Cerceda e Boedo.

    Santiago Sande conta que na década dos sesenta baixaría o número de afluencia. “As datas da festa trocáronse para a fin de semana e a romaría comezou a morrer como tal, manténdose a verbena e, por suposto, a misa de honra. Din que a culpa foi do cura da parroquia das Encrobas, en Meirama, porque alí tamén puxeron unha imaxe do Santo e quedaba máis preto para moita xente. A finais dos 60 tentouse recuperar a tradición dos primeiros anos, mais non chamou a atención da xente”. 

 

Panorámica da capela nova do Espíritu Santo

    Diversas comisións seguiron coas festas e, posteriormente, a Asociación de Veciños sería a encargada de organizala. Aló, no tempo, ficaron os vellos costumes coma ficaron as grandes extensións de campos. Mais aínda queda xente para lembrarnos como eran as cousas, ou as dúas imaxes que se conservan na capela: a máis nova, mercada no seu momento, e a orixinal, con Xesús sostendo na man esquerda unha cruz e coa man dereita alzada, coa pomba que simboliza ao Espíritu Santo enriba da súa cabeza.

   O recordo do pobo é o recordo da honra dunha festa. A festa mudou pero mantense viva grazas á xente que cada ano organiza as festas na honra do Espíritu Santo de Uxes. Aí vai o cartaz das que se organizan neste 2024:

 

  Vémonos alí!


FONTES:

 

BLANCO REY, MANUEL (1998): Alcaldes de Arteixo (1836-1998), Concello de Arteixo, páx. 44.

FILGUEIRAS REY, ANA/ RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, TOMÁS. Estudio Antropolóxico na Área do Xacemento Castrexo de Elviña, A Coruña. Programa Elviña. Estudios Plan Director. Estudios/Informes III: Estudios de los Planes de Investicación. LAFC/GIArPa,IIT, USC. Plan Director del Castro de Elviña, 2000


____________

1 FILGUEIRAS REY, ANA/ RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, TOMÁS. Estudio Antropolóxico na Área do Xacemento Castrexo de Elviña, A Coruña. Programa Elviña. Estudios Plan Director. Estudios/Informes III: Estudios de los Planes de Investicación. LAFC/GIArPa,IIT, USC. Plan Director del Castro de Elviña, 2000. Páx. 269-270

2 O Concilio de Trento foi un concilio ecuménico da igrexa católica desenvolvido en periodos discontinuos durante vintecinco sesións entre os anos 1545 e 1563.

3 FILGUEIRAS REY, ANA/ RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, TOMÁS. Estudio Antropolóxico na Área do Xacemento Castrexo de Elviña, A Coruña. Programa Elviña. Estudios Plan Director. Estudios/Informes III: Estudios de los Planes de Investicación. LAFC/GIArPa,IIT, USC. Plan Director del Castro de Elviña, 2000. Páx. 269-270

4 Ibídem.

5 Terreo que queda cuberto de canas de cereal despois da sega.

6No propio nacemento do Río da Trabe estaba A Pedra Furada, unha rocha situada na marxe dereita deste río que actuaba como deslinde de tres concellos e cinco parroquias, Morás, Orro, Culleredo, Rutis e Elviña, tamén parece que se lle coñece hoxe en día como Alto de Cruceiro”. FILGUEIRAS REY, ANA/ RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, TOMÁS. Estudio Antropolóxico na Área do Xacemento Castrexo de Elviña, A Coruña. Programa Elviña. Estudios Plan Director. Estudios/Informes III: Estudios de los Planes de Investicación. LAFC/GIArPa,IIT, USC. Plan Director del Castro de Elviña, 2000. Páx. 269-270.

7 Ibídem.

8 BLANCO REY, MANUEL (1998): Alcaldes de Arteixo (1836-1998), Concello de Arteixo, páx. 44.

9 FILGUEIRAS REY, ANA/ RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ, TOMÁS. Estudio Antropolóxico na Área do Xacemento Castrexo de Elviña, A Coruña. Programa Elviña. Estudios Plan Director. Estudios/Informes III: Estudios de los Planes de Investicación. LAFC/GIArPa,IIT, USC. Plan Director del Castro de Elviña, 2000. Páx. 269-270.

Ningún comentario:

Publicar un comentario