martes, 21 de maio de 2024

A FESTA DOS MAIOS E A SÚA CELEBRACIÓN EN ARTEIXO


A Festa dos maios é a festa da primaveira, ben sexa da súa chegada, ben do seu trunfo. Siñifica o reverdecer das prantas, o comezo do ano agrícola, a ledicia de ver erguerse o sol por riba do hourizonte e coller altura e forza (Vicente Risco)

Coa chegada do mes de maio, os maios saen ás rúas dos nosos pobos e cidades. Pero, ¿cal é a orixe destas construcións de madeira totalmente cubertas de follas, flores e outros adornos que conmemoran a chegada do bo tempo? Contámolo nas Crónicas de Arteixo desta semana.

Qué son os maios e as "Festas dos Maios"

As "Festas dos Maios" celebran o final do inverno e a chegada da primavera coincidindo co inicio do quinto mes do calendario. ¿E como o celebramos en Galicia? Pois a base de enxeño, cor, e, como non, cun chisco de retranca.

Os maios son figuras de madeira adornadas con froitos e flores. Nas “Festas dos Maios” estas figuras desfilan polas rúas ao tempo que se recitan coplas, breves composicións xeralmente de carácter satírico e crítico coa actualidade que se entoan acompañadas do ritmo de dous paus (a forma máis tradicional), doutros instrumentos ou do son de elementos típicos galegos, como as cunchas de vieira.

Historia da "Festa dos Maios"

A orixe desta exaltación da natureza ao comezo da primavera remóntase ás civilizacións prerromanas e a tradicións de orixe celta. Dentro da gran diversidade de opinións existentes, hai quen considera que estas manifestacións teñen a súa orixe en tempos prehistóricos. E tamén hai quen sitúa o seu inicio no mundo greco-romano e nos cultos a deuses/as como Ceres (a deusa romana da agricultura) ou a Maia (deusa da primavera para gregos e romanos). Pola parte celta, as miradas diríxense cara a festividade de Beltane, que marcaba o inicio do verán pastoral cando os rabaños de gando eran levados cara aos pastos de verán e ás terras de pasto das montañas. De aí a adoración dos fenómenos terreais: terra, mar e aire.

O cristianismo ía asimilar multitude de festas pagás profesadas con anterioridade á súa implantación en festas relixiosas: a maioría destas pasaron a ser festas na honra á Virxe María.

Celebracións e tradicións da primavera en Galicia

O que sí parece claro é que a celebración dos maios popularizouse e revitalizouse en Galicia conforme a agricultura gañaba importancia, coa proliferación de múltiples celebracións populares encamiñadas a conseguir boas colleitas e afastar perigos e malas épocas para o campo. Deste xeito, realizábanse e exhibíanse arcos e cruces de flores ou celebrábanse festas agrarias como a de “alumear o pan”, popular nas rías de Arousa, Noia e Muros. Entoábanse, ademais, cánticos reivindicando as boas colleitas arrededor dunha fogueira ou mentres se percorrían campos sementados. Pero, de entre todas as celebracións, a que máis pegada deixou en Galicia son os maios.

As figuras dos maios

Os maios son estruturas de madeira compostas a base de paus, varas e canas que, ademais, contan con complementos e adornos como plantas, musgo ou flores, e mesmo alimentos, como ovos ou froitas. En calquera caso, todos os elementos que se utilicen deben ser naturais.

 

1º Premio da Festa dos Maios de Ourense do ano 1917 (José Pacheco)

Estos son os elementos básicos dos chamados maios figurativos, os máis habituais na actualidade, e entre os que diferenciamos dous tipos de figuras: típicas ou tradicionais (son as máis antigas e xeralmente ten forma de pirámide ou cónicas) e artísticas (cun estilo máis libre e moderno, do que se valen para representar actividades domésticas ou monumentos emblemáticos). Moito menos numerosos, e hoxe prácticamente desaparecidos, tamén temos os maios humanos, con maior presenza na zona norte de Galicia e na provincia de Lugo. Os nenos e as nenas son quenes exercen de figuras portadoras de follas, flores e demais elementos destes maios.

As coplas das "Festas dos Maios"

Non hai maios sen coplas. Poden ser alegres e primaverais, referidas á bonanza e exaltación da estación que chega, ou mordaces e satíricas, dispostas a sacar punta a temas e personaxes de actualidade. En todo caso, as máis imaxinativas e logradas adoitan ter premio, xa que hai moitas localidades que organizan certames e concursos para escoller e premiar ás mellores, nas que se valora, por exemplo, a retranca, a composición, o ritmo ou a interpretación. Algunhas destas coplas repártense en vivo entre os propios asistentes e outras imprímense en formato libreto. Nalgunhas localidades, como Portomarín e Lourenzá, tamén contan con composicións tradicionais específicas para os maios, que se repiten ano tras ano.

Aí vén o maio pola porta de arriba,

aí vén o maio de roubar unha mantilla,

aí ven o maio pola porta de abaixo,

aí vén o maio de roubar un refaixo”.

 

Eu pedinlle o maio a un cabaleiro,

moita bambolla e pouco diñeiro”.

 

Señoras e señores poñan atención,

que imos falar do Sr. Gobernador.

Nin é alto, nin é baixo, nin é malo, nin é bo,

parece un reló parado dentro da Diputación”.

 

A tradición dos maios en localidades de Galicia

Os maios tiveron e teñen toques diferenciados en moitas das nosas localidades. En Santiago de Compostela, eran habituais os que imitaban as vestimentas dos peregrinos. En Marín, como vila mariñeira, triunfan as figuras en forma de barco. Noutras zonas costeiras, como O Barbanza, máis alá dos tradicionais desfiles, é costume colocar ramas de xesta nas portas das casas ou nos vehículos. En Verín xuntan os seus maios tradicionais en lembranza do precursor Enrique Gómez Pato, que nos anos 50 percorría as rúas da vila con improvisadas esculturas de madeira cubertas de flores.

Na actualidade, a "Festa dos Maios" vívese de xeito moi especial nas provincias de Ourense e Pontevedra, onde aos maios e ás súas coplas lles acompañan a música e outras moitas actividades que conforman unha festividade do máis alegre, colorida e participativa. En Pontevedra teñen moita sona a Festa dos Maios de Redondela e de Vilagarcía de Arousa. En Ourense, a Festa dos Maios supón unha das maiores tradicións a celebrar xunto co Entroido. De feito, trátase da única zona da xeografía galega donde esta festividade está declarada pola Xunta de Galicia como Festa de Interese Turístico desde 2001.

 

2º Premio da Festa dos Maios de Ourense do ano 1917 (José Pacheco)

Os Maios en Arteixo

En 1993 foi recuperada polo Concello de Arteixo a Festa das Flores, unha celebración que naceu nun ámbito privado pero que se enmarca, sen dúbida algunha, dentro da tradición mariana e nos ritos máis profanos de exaltación da primavera. Nesa época traballouse para que en Arteixo se confeccionasen alfombras florais, actividade relacionada durante anos coa congregación local “Las Hijas de María” e que aínda se conserva hoxe grazas á Asociación Cultural Mariana (aquí tedes máis información da Festa das Flores e de “Las Hijas de María”: http://cronicasdearteixo.blogspot.com/2024/05/a-festa-das-flores.html).

Aínda que é, coma xa queda dito, un festexo máis arraigado á zona sur de Galicia (Ourense e Pontevedra), en Arteixo existen importantes vestixios coas alfombras e arcos florais impulsados pola Asociación Mariana, que a día de hoxe segue a traballar activamente para manter a súa tradición. Por tal motivo en 2013, a Concellería de Cultura considerou que se podía dar un paso máis na posta en valor das nosas tradicións antergas promovendo, mediante un concurso, a elaboración de Maios para expoñer na rúa na Festa das Flores. Baixo o impulso da concelleira Celina Varela, a finalidade do Departamento de Cultura era difundir así unha costume onde se poñen de manifesto os valores de cooperación, de respecto á natureza e de celebración compartida, ademais de fomentar a creatividade e o goce polo artístico.

Así pois, no ano 2013 o Concello de Arteixo aprobaba o gasto por importe de 3.000 euros para premiar á excelencia e a participación con cargo á ampliación orzamentaria e, ao pouco, convocaba por primeira vez un concurso de Maios como unha actividade máis no mes das Flores. Para incentivar a participación, o Departamento de Cultura encarga, dende aquela primeira edición, un maio de exhibición a Richar del Toro, profesional da arte floral.

Dende os seus inicios, a actividade ía ter unha gran acollida entre as entidades culturais, educativas e veciñais do municipio interesadas en reproducir e conservar unha das tradicións galegas de maior beleza e vistosidade e respectuosas coa natureza. Co novo concurso dos Mallos, as entidades arteixás tiñan a oportunidade de festexar así, dunha forma responsable e lúdica, a chegada da primavera.

Dende a primeira edición, o concurso celebrado en Arteixo consta de dúas modalidades: maio enxebre e maio artístico.

Maio enxebre é aquel maio tradicional e figurativo que representa pirámides, conos ou cruceiros. As súas medidas deben oscilar entre 1,5 e 2 metros de altura para situar sobre unha base de 2x3 que facilita o Concello. Os materiais a empregar teñen que ser tradicionais: madeira, sacos de esparto, musgo, xestas, uces, carqueixas, carrabouxos, flores silvestres…

Maio Artístico é o que recrea escenas cotiás, monumentos, obras de arte ou a representación libre dos maios, podendo utilizar calquiera tipo de material. As súas medidas deben oscilar entre 1,5 e 2 metros de altura para situar sobre unha base de 2x3 que facilita o Concello.

O concurso, que está regulamentado mediante unhas bases de participación e uns criterios obxectivos de valoración para o xurado actuante, así como aprobar o modelo de inscrición, veuse realizando durante sete edicións consecutivas ata o ano 2019 e retomouse no ano 2023 trala pandemia. Dende o seu inicio algunha base reguladora foise mellorando, como por exemplo o importe dos premios (pasouse dos 300 aos 400 euros outorgados aos gañadores de cada categoría), así como o nacemento dun premio especial para os centros educativos. Ademais cada colectivo que participa recibe 100 euros.

A continuación podedes ver unha pequena síntese dos concursos realizados dende a primeira edición.

2013

Participantes: Escola Infantil Municipal de Arteixo, Escola Infantil Barrionovo, Escola Infantil A Lagoa, CEIP San Xosé Obreiro de Meicende, IES de Pastoriza, A.C. Monte da Estrela, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende e Centro Comercial Aberto.

Premio Mellor maio enxebre dotado con 300 euros a: AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio artístico dotado con 300 euros a: Escola Infantil A Lagoa.

 

Maio da AA.VV. San Xosé Obreiro de Meicende (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio da Escola Infantil da Lagoa (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2014

Participantes: Escola Infantil Municipal de Arteixo, Escola Infantil Barrionovo, CEIP Ponte dos Brozos, AA. VV. Pedra da Salsa de Barrañán, Arteixo Centro Comercial Aberto, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende, EI Arteixo-Pastoriza e CEIP San Xosé Obreiro

Premio Mellor maio enxebre dotado con 300 euros a: AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio artístico dotado con 300 euros a: Escola Infantil Municipal de Arteixo.

 

Maio da AA.VV. San Xosé Obreiro de Meicende (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio da Escola Infantil Municipal de Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2015

Participantes: Escola Infantil Municipal de Arteixo, Escola Infantil Barrionovo, Escola Infantil Pastoriza, Asociación O Jrillo Carniceiro, ANPA Novo Arteixo, AA. VV. Pedra da Salsa de Barrañán, CEIP San Xosé Obreiro de Meicende, CEIP Ponte dos Brozos, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio enxebre dotado con 300 euros a: AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio artístico dotado con 300 euros a: AA. VV Pedra da Salsa de Barrañán.

 

Maio da AA.VV. San Xosé Obreiro de Meicende (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio da AA.VV. Pedra da Salsa de Barrañán (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2016

Participantes: Escola Infantil Municipal de Arteixo, ANPA Novo Arteixo, CEIP Arteixo, CEIP Ponte dos Brozos, AA. VV. Pedra da Salsa de Barrañán, Comunidade de Veciños San Xulián de Barrañán, Escola Infantil Pastoriza, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio enxebre dotado con 300 euros a: “O cruceiro”, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio artístico dotado con 300 euros a: “A galiña”, CEIP Arteixo.

 

Maio "O Cruceiro" da AA.VV. San Xosé Obreiro de Meicende (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "A galiña" do CEIP Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2017

Participantes: AA. VV. Manuel Murguía de Oseiro, CEIP Ponte dos Brozos, Escola Infantil Municipal de Arteixo, Comunidade de Veciños San Xulián de Barrañán, ANPA Novo Arteixo, CEIP Arteixo, AA. VV. Pedra da Salsa de Barrañán, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio tradicional dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “Retama en Flor” de AA. VV. Manuel Murguía.

Premio Mellor maio artístico dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “As catro estacións” de CEIP Ponte dos Brozos.

Premio especial para centros educativos dotados con 300 euros a:

(Nome do maio): “As mellores flores do noso xardín” de Escola Municipal Infantil de Arteixo.
Maio "Retama en flor" da AA.VV. Manuel Murguía (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "As catro estacións" do CEIP Ponte dos Brozos (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "As mellores flores do noso xardín" da Escola Infantil Municicipal de Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2018

Participantes: Escola Infantil Municipal de Arteixo, Escola Infantil Pastoriza, CEIP Ponte dos Brozos, ANPA Novo Arteixo, ANPA O Loureiro, ACR Ría de Sabón, AA. VV. Manuel Murguía de Oseiro, CEIP Arteixo, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Premio Mellor maio tradicional dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “Primavera” de AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende.

Mellor maio artístico dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “Ao son das ferreñas” de ACR Ría de Sabón.

Premio especial para centros educativos dotados con 300 euros a:

(Nome do maio): “O pozo da auga” de Escola Infantil Municipal de Arteixo.
 
Maio "Primavera" da AA.VV. San Xosé Obreiro de Meicende (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "Ao son das ferreñas" da ACR Ría de Sabón (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "O pozo da auga" da Escola Infantil Municipal de Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2019

Participantes: ANPA Escola de Educación Infantil de Larín, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende, Escola Infantil Municipal de Arteixo, ANPA Novo Arteixo, AA. VV. Manuel Murguía.

Premio Mellor maio tradicional dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “Paipetiques” de AA. VV. Manuel Murguía de Oseiro.

Mellor maio artístico dotado con 300 euros a:

(Nome do maio) “Arquitectura galega” de Escola Infantil Municipal de Arteixo.

Premio especial para centros educativos dotados con 300 euros a:

(Nome do maio): “Maio dos Miudos” de E.I. de Larín.
 
Maio "Paipetiques" da AA.VV. Manuel Murguía de Oseiro (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "Arquitectura galega" da Escola Infantil Municipal de Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

"Maio dos miúdos" da ANPA da Escola de E.I. de Larín (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2020 

Non se celebrou.

2021 

Non se celebrou.

2022 

Non se celebrou.

2023

Participantes: ANPA da Escola de Educación Infantil de Larín, AA. VV. San Xosé Obreiro de Meicende, Escola Infantil Municipal de Arteixo, ANPA Novo Arteixo, AA. VV. Pedra da Salsa de Barrañán.

Premio Mellor maio tradicional dotado con 400 euros a:

(Nome do maio) “Larineiro” de ANPA da Escola de Educación Infantil de Larín.

Premio Mellor maio artístico dotado con 400 euros a:

(Nome do maio) “O noso barquiño” de Escola Infantil Municipal de Arteixo.

Premio especial para centros educativos dotados con 400 euros a:

(Nome do maio): “Unicornio” de ANPA Novo Arteixo.
 
Maio "Larineiro" da ANPA da Escola de E.I. de Larín (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "O noso barquiño" da Escola Infantil Municipal de Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

Maio "Unicornio" da ANPA Novo Arteixo (Foto cedida polo Departamento de Cultura de Arteixo)

2024

Os maios participantes na edición deste 2024 serán expostos na Avenida do Balneario o venres 24 de maio, e os traballos gañadores daranse a coñecer ese mesmo día na Praza do Balneario ás 13:00 h. (en caso de choiva, o acto trasladarase para a Capela).

Como anticipo da edición deste ano, aí van unhas imaxes dos agasallos realizados pola artesá de Arteixo Ana Novo que o Departamento de Cultura entregará ao xurado e aos participantes: 

 


Vaia dende aquí o noso agradecemento a todas as entidades culturais, educativas e veciñais do municipio que cada ano manteñen viva esta tradición dende o respecto á natureza fomentando, ademais, a creatividade e o goce polo artístico.


2 comentarios:

  1. Qué bonitos todos!! Dá gusto velos son verdadeiras obras de arte. Oxalá nunca se perdan éstas tradicións.

    ResponderEliminar